mércores, 14 de agosto de 2013

Galería de ídolos masculinos (I): Dave Gahan


A miña adolescencia tardía non se entende sen Dave Gahan. Non só porque a súa voz grave e sensual, as súas contorsións no escenario e a súa vida de rockeiro atormentado e adicto a todo o aditivo humedeceran unhas poucas bragas, senón porque con todo iso descubrín a elegancia da melancolía e da introspección. Gahan é todo iso, coa súa voz fai súas as coitas de Martin L. Gore, canta á pena, á desilusión, á languidez e á aflición coma ninguén, ao lado máis escuro da natureza humana, aquela que nos encerra en nós mesmos e que nos apresa no desconsolo, provocándonos unha morbosa soidade á que incluso lle chegamos a coller o gusto. Parece mentira que un grupo como Depeche Mode, o seu grupo, con estas características, chegase a ser considerado de masas e conseguisen encher estadios.

A modo de pseudoclase de historia, direi que o cantante e compositor Dave Gahan naceu o 9 de maio do ano 1962 (si, recordo a súa data de nacemento antes que a de algún membro da miña propia familia, lapídenme!) no seo dunha familia desas que por non cumprir co canon cristián/católico/apostólico/romano son chamadas desestruturadas pero, en todo caso, humilde e que, en principio, tampouco é que apuntara ao éxito. Foi un adolescente rebelde e problemático, como non? Viva o rock! E chegou á banda xerme do que logo sería Depeche Mode a través dun cutre anuncio no que se solicitaba, case suplicaba por un vocalista. Así entrou Dave Gahan a formar parte do meu altar particular do pop, fascinando aos seus futuros compañeiros de grupo entoando o Heroes de David Bowie.



Os seus inicios máis “iniciosos” coa banda Depeche Mode non facían presaxiar nada do que expuxen no primeiro parágrafo, posto que singles como Just Can’t Get Enough ou Get The Balance Right tiñan un corte máis ben popeiro e case hedonista. A propia imaxe dos compoñentes do grupo, tamén a de Dave Gahan, inspiraba case o mesmo que Rick Astley. Pero Depeche Mode pronto se desprendería desa condición de pop efémero e oitenteiro (sobre todo a raíz da marcha de Vince Clarke, actual membro de Yazoo e Erasure), pois o talento dos seus membros e, en especial, do binomio Gore-Gahan estaba chamado a darnos algo máis. E efectivamente foi así.

Normalmente eu adoito poñer unha fronteira entre esa faceta puramente pop que envelleceu moi mal e o seu período realmente produtivo no disco Some Great Reward (1984), o cal non quita que antes diso non houbera pequenos retallos que xa nos advertían dun cambio de rumbo (Everything Counts, Leave In Silence). A partir de aquí a diferenciación comeza a ser cada vez máis brutal, eles sempre quixeron ser diferentes e aquí comezaron a conquistar o lugar que por dereito aínda lles corresponde no panorama musical actual e tamén no meu melómano ser.


Co Black Celebration (1986) chegaron os coiros, as cabeleiras engominadas e a estética gótica. E tras o Music For The Masses (1988) e o Violator (1990), discos cos que Depeche Mode firmou a súa mellor época na electrónica (nisto tamén tivo algo que ver Alan Wilder, o cuarto en discordia que acabou “neghro” das neuras todos eles a mediados dos 90 e marchou, unha pena), chegou o Songs Of Faith And Devotion, un traballo máis rockeiro e máis “espiritual”. Debo dicir que o nivel de “follabilidá” e de talento de Dave Gahan adoita ser directamente proporcional ao seu nivel de autodestrución e no lapso de tempo que vai dende finais dos 80 ata principios dos 90, é dicir, a época na que se editaron todos estes discos que lanzaron ao grupo ao máis alto e que nos deron auténticos himnos, como Personal Jesus, Enjoy The Silence, Strangelove, Never Let Me Down Again, Walking In My Shoes ou I Feel You, Gahan estivo ao borde do precipicio un cento de veces. A súa inestabilidade emocional e amorosa, o seu gusto polas substancias perigosas (véxanse heroína, cocaína, speed, alcohol…) e as súas ganas de vivir ao límite chegaron a matalo literalmente durante uns 5 minutos.


Falar de Dave Gahan é falar de carisma, un carisma que se manifesta no musical e no estético, podendo apreciar unha evolución absolutamente brillante en 30 anos de carreira artística. A audiencia foi moi consciente dende mediados dos 80 de que, se Depeche Mode tiña un líder, ese era o seu vocalista (hai moitos seguidores que manteñen que este grupo carece desa figura, posto que o protagonismo na escena a veces vai moi repartido entre Dave Gahan e Martin L. Gore, compositor e vocalista esporádico). Voz, dominio e entrega en cada interpretación son os seus sinais de identidade. O seu poderío escénico é indiscutible, explota todos e cada un dos seus recursos para engrandecer a actuación, sendo a oscilación entre o sentimento e a sexualidade un dos máis notables. É imposible que deixe indiferente a ninguén, independentemente de que guste máis ou menos. É único e por iso sobresae.

Gahan tardou bastante en labrarse unha carreira como solista, non foi ata o 2003 cando se decidiu a lanzar o seu primeiro álbum con composicións propias e dos que logo serían os seus colaboradores habituais Christian Eigner e Andrew Philpott (que tamén traballaran previamente con Depeche Mode), Paper Monsters, un bo ensaio e anticipo da que logo sería a súa obra magna en solitario, Hourglass (2007). Pode que sexa aventurado aseverar isto tratándose dun artista que sempre estará vinculado a un colectivo (e encima un colectivo con tanto renome como Depeche Mode) e que, de momento, só ten dous álbumes propios, pero Hourglass é un dos mellores discos que escoitei nunca. En serio. Temazo tras doutro, eu creo que debe haber só dúas cancións de recheo, o cal é unha proeza tendo en conta que moitos discos se editan con máis borralla que acertos. Pero Gahan tivo bos mestres, as influencias do seu traballo previo en Depeche Mode están moi ben aproveitadas e así se pariron grandes cancións como Saw Something, Kingdom, A Little Lie ou Use You. Unha lástima que este álbum non chegara a ser o suficientemente coñecido neste país cando se editou (maldita tiranía das listas de “éxitos” prefabricados de usar e tirar!) porque aínda hoxe non o aburrín e, de verdade, é moi, moi bo.


O novo milenio non acabou co encanto artístico deste home, xa que ademais destes traballos en solitario que nos descubriron que podía voar soíño dun xeito máis que digno, Depeche Mode continuou sendo un grupo de referencia e culto na escena pop. Exciter (2001), Playing The Angel (2005), Sounds Of The Universe (2009) e, máis recentemente, Delta Machine (2013) confirman a boa saúde do talento do trío de Basildon. As súas melodías acadan un nivel de exquisitez sublime, cobren e incluso melloran todas as expectativas que crean e Dave Gahan crécese aínda máis (ademais de estar un pouco máis sobrio). A mellora das súas calidades vocais, froito dunhas sempre necesarias clases de canto, é manifesta nestes catro últimos discos de Depeche Mode e tamén nos seus dous álbumes como solista. A súa voz está moito mellor modelada, aquel vozarrón fondo e case ronco agora é un murmurio grave, lene e nasal que inspira unha sensualidade case indecente e que nos transporta instantaneamente a todas esas emocións tan duras e intensas que poboan o imaxinario lírico de Depeche Mode. Como proba disto...


Pouco máis podo dicir de Dave Gahan que non poida verse en todo o repertorio audiovisual de Depeche Mode e no seu propio. Acaso fai falta recordar videoclips coma os de I Feel You ou Personal Jesus? Fai falta recordar o mencer do noso amor Biblia en man, en traxe a raias, pelo longo e gafas lutuosas; a aquel vaqueiro que nos dicía nun burdel que se descolgábamos o teléfono nos faría crentes, a ese Xesucristo do rock que encarnou en Walking In My Shoes e ao rapaz malo redimido de Suffer Well? É necesario lembrar o ton tan sentido da súa voz en Precious, Heaven ou nas marabillosas baladas electrónicas incluídas en Exciter? Precisamos volver ver directos coma o de Milán do 2006 ou remitirnos ao Devotional Tour do 94 para derreternos con tanto afán erotizante e con esa explosión de carisma, efectivo incluso sendo etílico, opiáceo e narcótico? Máis que un ídolo, Dave Gahan é un símbolo do meu espertar ás novas propostas do extensísimo panorama pop dos últimos anos, é unha icona artística e sexual que venerarei ata o final dos meus días.


I feeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeel youuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuu... 
Your sun it shines... 
I feeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeel youuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuu... 
Within my mind... 

            Non me digades que non é unha canción "cojonuda" pa' facer esas cousas que tanto cunden nunha noite de xeada!

Ningún comentario:

Publicar un comentario