luns, 9 de setembro de 2013

Algúns apuntes mentres tomo a miña "relaxing cup of café con leche in Plaza Mayor"...


A actualidade manda e non puiden loitar contra a irresistible tentación de deixarme levar pola mesma, aparcando, polo tanto, outras cousiñas que levaba mellor preparadas para publicar por aquí. Madrid. Xogos Olímipicos. E toda a parafernalia destinada a decidir se esas aspiracións se materializan en algo máis. Por terceira vez, pasaron desapercibidos. Por terceira vez, os medios de comunicación afíns a este réxime especializado en cortinas de fume vendéronnos a moto da solvencia, traballo, compromiso e ilusión da capital do estado por albergar un evento que nos pode endebedar ata límites insospeitados. Molaría ir a unhas olimpíadas que estivesen preto do meu lugar de residencia? Pois home, si. Pero este non é o momento.

Porén, nesta querida España á que cantaba Cecilia, tan esquizofrénica e bipolar no seu modus operandi, podemos estar á cabeza do ranking en canto a número de desempregados, podemos recortar salvaxe e despiadadamente en sanidade e educación, podemos permitirnos ter unha clase política corrupta e ignorante, podemos arrastrar un lastre económico del copón e, ao mesmo tempo, podemos aspirar a organizar os que son os maiores fastos do noso tempo (porque o deportivo sempre queda nun segundo plano, os xogos sempre son un escaparate e un lavado de cara para os países que os organizan). Que sí, impossible is nothing, dicían a modo de motivador slogan deportivo. Podemos. Así funciona a opinión mediática española, como lle gustaba recordar ao gran José Luís Sampedro: a grandes males, grandes placebos. E, se non podemos maquillar o suficientemente ben as cifras macroeconómicas deste país e se xa non podemos agochar mellor todas as chanchulladas e toda a merda que se move na política española, podemos crear unha fronte patriótica común efémera pero efectiva, un sentimento nacional de corte emocional e irracional que nos permita marear a perdiz un pouco máis sen ter que pensar moito na solución real aos nosos problemas: os ingleses son uns sons of a bitch e todo o mundo sabe que Gibraltar é noso e aínda que nos merecemos ter uns xogos olímpicos, porque somos un país caralludo, sen máis (tendo un montón de tópicos que esgrimir para que queremos dar razóns?), por culpa dos mamalóns do COI e de Alberto de Mónaco non os temos. É a lóxica absurda daquel que se cre omnipotente no tocante ás súas ideas: non é que nós esteamos equivocados, é que todos están contra nós.

Boeno, o fracaso diso que se deu en chamar Madrid 2020 é máis que evidente e creo que pouco máis se pode dicir. O que en realidade me interesa a min son os detalles máis escabrosos pero máis frívolos desta película de terror. E a presentación da candidatura olímpica de Madrid en Buenos Aires este pasado fin de semana nada tivo que envexarlle a calquera espectáculo televisivo de pacotilla.

A verdade é que, por falta de tempo, non puidera pararme ata hoxe, luns, a ver un documento que, polo visto, se volveu viral: a intervención da alcaldesa da cidade de Madrid, Ana Botella, nun pouco fecundo intento por convencer aos votantes de que a candidatura de Madrid era a repanocha, recorrendo unha vez máis a toda esa batería de topicazos españois que tan únicos nos fan no mundo segundo a “antropoloxía” máis rancia e interesada (o da relaxing cup of café con leche in Plaza Mayor pasará aos anais da historia como unha das peores frases contidas nunha argumentación). E unha vez que o vin, souben que antes de facelo era máis feliz. Realmente non sei que me cabrea máis deste "discurso", se é que se lle pode chamar así, porque para min o meirande problema non é que fale mal inglés (que o fala de pena, na miña vida tal cousa vin, tes un cento de tradutores que che botarán un cable se non dominas a lingua, que necesidade hai de facer o ridículo?), senón o postureo que se gasta a señora Botella: a súa forma de declamar é tan pobre, artificial e forzada que non me estraña que os membros do COI optasen por outra candidatura. Nótase a leguas que trata de disfrazar con esas subidas e baixadas de ton, con esas pausas sen sentido e con esa vehemencia tan desquiciante o seu nulo coñecemento dun idioma estranxeiro que hoxe en día se ve como requisito indispensable nas relacións internacionais. E o máis triste é que esta muller estea aí, empoderada e na primeira liña da política da cidade á que representa por estar casada con quen está, cando é incapaz de artellar, nin sequera no seu propio idioma, un discurso medianamente coherente e, sobre todo, convincente.


A narrativa deste fiasco non podía ser máis elocuente. Todo falaba por si mesmo e todo anticipaba un gran batacazo, a euforia made in RTVE (que eu creo que experimenta unha especie de síndrome do niño baleiro cando rematan unhas olimpíadas, esas audiencias que nunca volverán!), o discurso falaz e mentireiro de Rajoy sobre a saída da crise, os argumentos débiles contra preguntas que, segundo todos os impulsores do suculento pastel dos xogos, son trampulleiras, eses 50 votos garantidos… Era tan divertido ver como se vendía a pel do xabarín antes de cazalo e ver como todo ía in crescendo sen que ninguén apuntase ao sentido común que aínda que tivera estado na miña man poder avisar a toda esa xente de que as súas “ilusións” ían caer en saco roto, non o tería feito.


Sen dúbida, o mellor de todo isto é que o cidadán de a pé saque todo o seu enxeño para rirse deste bochorno: unha vez que a burbulla do soño olímpico estourou, por terceira vez consecutiva, por fin moitos se deron conta do que estaban dispostos a apoiar incluso cando ninguén lles preguntou se realmente querían que o seu país fixese unha inversión arriscada que non se sustentaba en nada sólido (todos se marabillaban cando aos políticos se lles enchía a boca dicindo que o 80% das instalacións xa estaban construídas e eu debía ser das poucas persoas á que iso lle parecía a aberración máis grande do mundo, un montón de edificacións erixidas para nada, para algo que non sabes se vas ter! E despois falan do despilfarro do Gaiás!). Despois da decepción, da que pronto se recuperarán moitos, só queda espazo para o humor, así poderemos darnos conta de ata que punto todo isto é moi absurdo. Pois, pensemos un pouco en frío e preguntémonos para que quere Madrid, sobre todo neste momento, unha olimpíada?


Ningún comentario:

Publicar un comentario