venres, 27 de setembro de 2013

Superación persoal ben narrada: “De óxido e óso”, de Jacques Audiard


É raro que unha historia de superación persoal me guste. Moi raro. Son anos e anos de películas de tarde de Antena 3 ou trapallada made in Hollywood ou Disney infestadas de tópicos sobre a, por outro lado, case sempre apaixonante parábola de quen cae e se volve erguer. Estes envoltorios que veño de citar, de calidade máis que discutible, condicionaron dun xeito un pouco (bastante, moi) negativo a miña forma de ver e recibir este tipo de guións que acabaron sendo tan predicibles e estereotipados. Polo tanto, non me gusta o actual canon que impera na produción de dramas de superación persoal, pois considero que ignora por completo a dureza e a crudeza reais que caracterizan unha verdadeira batalla pola supervivencia, a mellora e a vitoria. Non hai unha mímese, a superación persoal no cine xa é case máis ciencia-ficción que a propia ciencia-ficción.

Porén, de vez en cando atopo algún documento que me devolve a esperanza e penso, “que ben, non estou soa no mundo cando opino que un dramón que pretende ser realista debe ser iso precisamente, realista, e que non recaia nesa ringleira de sentimentalismos edulcorados e non aptos para diabéticos tan falsos e pouco recoñecibles polo ser humano medio; gracias por devolverme a fe na ficción cinematográfica como un medio catárquico mediante o cal poida acadar non só un esmerado gusto pola forma e os detalles audiovisuais senón unha experiencia emocional que me chegue ao máis profundo”. Porque si, eu formo parte dese grupo de idealistas que cren nestas, para algúns, paridas da catarse, a identificación cos personaxes, o ficcional como imitación e todas estas cousas. Creo nunha serie de conceptos que fixeron que me doera moito a cabeza durante un par de anos mentres estudaba a carreira e que, a veces, non chego a entender moi ben. Pero creo neles!

Boeno, xa me estou desviando do tema. Dicía, antes de tocar outras poucas pólas e ramificacións da cuestión principal, que nalgún momento era quen de atopar un indicio de recuperación do que eu penso que debe ser o espírito dun drama de superación persoal. E a última vez que iso sucedeu foi aló polo mes de decembro do pasado ano, cando se estreou nos cines a última película de Jacques Audiard, De óxido e óso.


Por se a alguén este francés lle sona máis a lingua sino-tibetana que a lingua romance, darei algúns datos, para curarme en saúde. Jacques Audiard é un director de cine francés que acadou a súa merecida sona internacionalmente gracias ao filme Un profeta (2009), requetepremiada cinta que supuxo o pulo definitivo na carreira deste realizador galo. Con todo, antes desta película, fixo outras cousas non menos interesantes como Lee os meus beizos (2001), con Vincent Cassel de protagonista, ou De latir, o meu corazón parou (2005). Despois do éxito de Un profeta, era sabido que o nivel de esixencia por parte de crítica e público sería moi superior e, dende o meu punto de vista, creo que logrou cubrir e mesmo sobrepasar todas as expectativas. Para De óxido e óso, Audiard contou coa actriz francesa do momento, Marion Cotillard (que, admítoo, encántame e seguramente acabarei dedicándolle un recuncho da miña galería de ídolos femininos) e cun case debutante, o belga Matthias Schoenaerts (premio para quen consiga pronuncialo).

Como xa dixen, a acollida do filme foi excepcional. Por parte de todos aqueles medios que che ordenan pensar, sentir e gustar dunha determinada forma, por parte dos mesmos que aínda hoxe intentan convencerme de que Lost in translation é un peliculón (outro día irei cara esa lameira, non me desvío). Pero agora direi o que opino eu. E xa aviso, como case sempre que falo dunha película, que vai haber, espero que de xeito limitado, spoilers.

De óxido e óso cóntanos unha historia que pretende ser e de feito é dura, baseándose nunha obra de Craig Davidson. Cando Stéphanie (Marion Cotillard), unha domadora de orcas, queda eivada tras un tráxico accidente acontecido durante un dos espectáculos nos que participa, inicia unha relación íntima pero por momentos tensa con Ali, un pai solteiro que trata de sacar adiante ao seu fillo de 5 anos (e cuxa relación tampouco é ideal) que se introduce no mundo das loitas clandestinas aspirando a ser loitador profesional. O que temos son dous personaxes desgarrados e derrotados por unha vida que para eles deixa de valer a pena e que se atopan durante unha errante travesía cara ningures ata que, por fin, recuperan o control das súas vidas e as ganas de seguir adiante.


Con esta mesma premisa Isabel Coixet daríanos toneladas de diálogo e discusión, de conversas sobre o profundo e o superficial e o divino e o humano (máis ou menos soporíferas, dependendo de cal sexa o nivel de tolerancia do espectador con respecto a esta directora). Atopariámonos coa maior viaxe de redención verbal da historia. E, coidado, a min non me parece mal, eh, pero tamén valoro moi positivamente que Audiard nos plantexe a transformación destas dúas persoas tan, en principio, desgraciadas sen apenas diálogo. Os silencios son tan importantes ou máis que o que Stéphanie e Ali teñan que dicirse, en todo o filme non hai máis que unha conversa realmente importante e decisiva entre eles e dura pouco máis de tres minutos. Gústame que Audiard optimice en recursos verbais, xestiona moi ben o emprego da palabra e logra transmitirnos moito máis coa imaxe, con eses planos tan minimalistas, e coa planificación do que mostra que con toda a verborrea que se podería incluír.

Moquéase con esta película? Non, non é unha película sensibleira, como xa dixen. Non é coma estas películas malas de superación persoal que buscan a bágoa fácil co recurso ao sentimentaloide, non. Isto é superación persoal pero ben narrada, os personaxes buscan mellorar e saír da miseria e no camiño atopan máis fochas que pistas ben pavimentadas pero os malos momentos de ambos ou entre ambos non se traducen en escenas destas de choros interminables e gritos pelados que semellan un requisito indispensable para que te nomeen ao Oscar e te teñan por unha boa actriz ou un bo actor. Non, o compoñente emocional, como o verbal que dicía antes, está moi ben xestionado e racionado e ambos actores fan un traballo excepcional precisamente por iso, por non sobreactuar, por non deixarse levar polo exceso e por unha mala interpretación do pathos, algo non sempre fácil sobre todo tendo en conta o enorme contraste que hai entre ambos personaxes e o complicada que se fai a súa relación como consecuencia dese contraste.


O realismo desta película chega a ser estremecedor, non se limita á adecuada manifestación das emocións, pois no caso de Marion Cotillard chegamos a crernos realmente que non ten pernas. Xa se sabe que hoxe en día no cine pode facerse de todo ou case de todo, pero, aínda así, creo que é xusto congratularse polos bos “efectos especiais” desta cinta (é que de verdade que impacta velo), posto que, incluso cos adiantos dos nosos días nesa materia, hai quen resolve estas circunstancias dun xeito malo e cutre, co cal, nunca chega a ser crible. E tamén hai imaxes realmente belas, detalles e xestos que se converten en arte e mesmo a escena do accidente é orixinal, perturbadora e, por momentos, ata bonita.

De óxido e óso para min teno case todo: unha boa historia, personaxes ben definidos, boas interpretacións, recursos visuais adecuados á narración do drama… É unha película que me gustou e que, sobre todo, me chegou, que non me deixou indiferente e que me anima, por suposto, a seguir máis de cerca a carreira de Jacques Audiard nos anos vindeiros, pois creo que é un dos directores máis interesantes do cine europeo actual e un tipo que teña algo que contar non é doado de encontrar hoxe en día (hai moita merda honesta e moito farsante). É unha película moi recomendable, unha BOA historia de superación persoal. Védea.


Ningún comentario:

Publicar un comentario