mércores, 30 de outubro de 2013

Directos que quitan o impo (I): Guadalupe Plata

        
         Tiña ganas de inaugurar unha nova directriz temática neste blog, máis que nada para non repetirme tanto. E tiña aínda máis ganas de comentar en profundidade as impresións que me xurdiron dos concertos que vin ao longo destes anos, dende que empecei a ir a este tipo de eventos que tanto me gustan actualmente. Así que, comezo unha nova sección aplicando unha lóxica aplastante para poder contestar á nai de todas as preguntas: de todos os concertos que vin na miña vida cal é o máis apropiado para comezar este repaso á “crème da crème” dos recitais dos que tiven a oportunidade de ser testemuña? A resposta era difícil. Moi difícil! Cantos cartiños teño gastado en deleitarme coa maxia da música en directo… Hai tantos artistas que me gustaron e tantos grupos que me sorprenderon… 

A cousa era máis ben complicada. De modo que decidín optar pola vía saudable antes de que a miña cabeza estourara ao intentar xerarquizar dun modo estúpido pero efectivo todos os concertos aos que fun utilizando como vara de medir un subxectivo nivel de admiración e asombro bastante cambiante e aleatorio segundo de onde veña o aire nos días nos que consulto á miña traidora memoria. Esa vía era comezar polo último concerto ao que fora. Nin máis nin menos, daba igual que fora mainstream, indie, a Panorama ou Miley Cyrus. Afortunadamente, o concerto que teño máis recente na miña vida é dos bos, así que o nome desta nova sección está máis que xustificado. Comezo a miña andaina polos directos que me quitaron o impo (si, señores meus, parece ser que en galego, “hipo” é “impo” e, eu, que son un ser anquilosado e arcaico, entérome agora) con Guadalupe Plata.


Como exiliada que son, debo atopar alternativas de ocio o suficientemente satisfactorias como para evitar caer nese estado morriñento que, nalgún momento e sen previo aviso, ataca a quen se ve privado da súa pretérita rutina nun lugar diferente. Manter o san costume de ir a concertos é unha desas alternativas que me fan esquecer o bonita (ou non) que podía ser a miña vida no lugar no que adoitaba vivir, ir de cheas e “lighar”, por iso non dubidei en acudir á chamada dos Guadalupe Plata o pasado 12 de outubro na Sala Potemkin de Salamanca.

As referencias que tiña deste grupo nado en Úbeda aló polo 2006 e integrado por Pedro de Dios Barcelo (guitarra e voz), Carlos Jimena (batería) e Paco Luís Martos (baixo) eran moi boas. Ao principio non me soaba nin o nome pero metéronseme no corpo as ganas de velos cando alguén máis docto ca min dixo: “están de puta madre!” Pódese dicir máis alto pero non máis claro. Son estas valoracións tan concisas e incontestables as que me animan dun xeito máis evidente, teño que recoñecelo, o de buscar información en internet é secundario (por outro lado, bendito sexa o facebook, neste caso). E agora podo corroborar que efectivamente molan moito. Teñen un son moi diferente a case todo o que adoito oír en grupos de recente composición mal ou pouco coñecidos (ese mundo ideal dos hipsters…) que acaban sorprendendo. Aínda que eles se autodefinen como unha banda de blues a min recordáronme a moitas cousas ao mesmo tempo, blues si pero tamén ao country e incluso á psicodelia ou ao rock progresivo. Non sei, con esas pontes e transicións cunha instrumentalización tan potente e prolongada (que non existen nas gravacións de estudo, posto que son cortes máis breves, e, en directo, dáche a sensación de che están poñendo un álbum conceptual) ou o eco dunha voz ruda que entoa, máis que un canto, un alarido, son só algúns dos detalles máis atractivos e suxestivos dun totum revolutum moi ben armado que recolle múltiples influencias de aquí e acolá.


Visualmente, o que máis chama a atención deste grupo é que de súpeto, en canto todos os músicos se sitúan no escenario, aparece un baixista que, no canto de ter un baixo convencional, leva a cabo as súas tarefas nalgunhas cancións cun instrumento que, dende a aparición dalgún estúpido anuncio de limoada, é “un paaaaaaaaalo”. O caso é que, como os propios membros de Guadalupe Plata relatan na súa páxina de bandcamp, e cito textualmente, non é soamente iso, senón que las llamas quedaron fuera de todo control cuando Paco Luis Martos apareció en el laboratorio con un primitivo bajo elaborado artesanalmente con un barreño de zinc, un palo de madera y una cuerda de arrancar motosierras… Se non credes o sorprendente que pode chegar a ser a mente humana, mesturando técnica e arte dunha forma asombrosa e logrando parir música servíndose de calquera recurso por pequeno e nimio que sexa, védeo por vós mesmos. Non é un mero artificio ou unha mostra de frikismo para chamar a atención sen máis, o matiz que aporta un instrumento concibido dunha maneira artesanal nótase (ou acaso xa nos esquecemos todos da Red Special, por poñer un exemplo?) aínda que sexa levemente.

                                        

Isto que vou dicir agora, xa para ir rematando, é unha noxenta mostra de xenofobia musical ou algo parecido, pero boeno, quen non recela algunha vez da cultura propia ou da do veciño máis inmediato? Pois iso, que tire a primeira pedra… Guadalupe Plata non soa ao típico grupo español e iso, dende o meu humilde punto de vista, é algo bo. É un topicazo, seino, pero dende hai décadas, en España parece que só se sabe facer un determinado tipo de pop, un determinado tipo de rock (que, por certo, nunca acaba soando a rock, sempre deriva cara o primeiro tipo e nunca acada a potencia dun rock de verdade), un determinado tipo de indie e así ad infinitum. Moitos grupos acaban soando máis ou menos igual, estean ou non nas listas de éxitos e formen parte ou non do canon. Por iso é aínda máis gratificante bater cunha banda como Guadalupe Plata. Realmente, son unha bandeira da orixinalidade, ninguén fai o que eles por estes lares, son diferentes e destacan, teñen algo que dicir e transmitir, non lle dan voltas unha e outra vez ao mesmo e gastado concepto. Non se limitan a un único estilo, conseguen un son pulido e diferenciado e fante vibrar no seu directo pola intensidade desas melodías crúas que te enganchan, que conseguen que te movas (isto no meu caso é importante, se non comezo a mover o pé ou a cabeza segundo o ritmo da música, malo) e establezas coa música unha relación case case espiritual, unha simbiose sen igual e un absoluto goce para os sentidos.

Aínda hai esperanza, que siga habendo moitos grupos coma Guadalupe Plata por moitos anos. Se tedes a sorte de que vos coincida un concertiño deles preto, non o dubidedes, vale moito a pena!


Ningún comentario:

Publicar un comentario