domingo, 27 de outubro de 2013

Galería de ídolos femininos (II): Janis Joplin


Personalidade, voz, ídolo, orixinalidade, forza, rebeldía, beleza, ímpeto, transgresión, grandeza, insubmisión, xenio, icona…

Son moitos os conceptos que me veñen á cabeza cando penso nela… Cando penso  nesa efixie arrebatada de verbo cru e desgarrado. Nunca o estrondo dun berro áspero e fusco soou tan poético en todo o seu rudo esplendor. A vida é agre e penosa e só un λόγος abrupto e tempestuoso coma o dela pode reflectir o desacougo desta tortuosa existencia. Pero, tal e como rezaban os (por unha vez, afortunados) versos dalgún aspirante a cantautor progre con ínfulas de lírico ilustre en alusión a outra gran figura que infunde unha feliz pero aflixida melomanía, quen puidera rir como chora ela… Porque si, as amarguras non son amargas cando as canta a enormísima Janis Lyn Joplin, coñecida por todo o orbe como Janis Joplin.


Janis chegou á miña vida no ocaso dunha aproveitada adolescencia que me descubriu todas as, por aquel entón para min, novedosas experiencias musicais que conformaron o amplo panteón artístico que aínda hoxe sigo venerando e do que me considero case profeta. Nunca poderei esquecer aquel día no que por fin me decidín a mercar aquel recompilatorio cuxa selección de temazos aínda hoxe me acompaña (porque si, houbo un tempo no que a xente aínda mercaba discos, incluída eu) e que fun completando con retallos de aquí e acolá, pois fun incapaz de quedarme con aquilo que se di “esencial”. E moito menos tratándose da Joplin, que, como se verá a continuación, era moita Joplin!

A carreira artística de Janis Joplin, e con isto non creo que vaia descubrir nada novo, desenvolveuse durante a ondada de cambios culturais, estéticos, ideolóxicos e musicais dos anos sesenta e setenta americanos, uns anos marcados pola contestación política e social que propiciou a guerra de Vietnam ou a intensa loita polos dereitos civís da poboación de cor e nos que o movemento hippy fixo súas todas estas proclamas de rebeldía e pacifismo que tan positivamente influíron no eido musical, xa que deses anos temos verdadeiras xoias da contracultura hoxe canonizadas pero igualmente xeniais. Este é o caso tamén, por suposto, de Janis Joplin, nada en Texas no ano 1943. Dende moi nova, Janis víase diferente e, probablemente froito da inconsciencia acerca do atractivo da súa peculiaridade, sempre se sentiu infeliz e marxinada. O seu aspecto físico non era perfecto, que dúbida cabe (aínda que unha servidora a vexa agora como un dos seres máis imperfectamente belos que nos deu a natureza), ademais de ser unha muller insegura e emocionalmente moi vulnerable. Con todo, ese sentimento solitario e de illamento foi reflectido maxistralmente nas melodías e letras que inmortalizou.


Janis Joplin tiña talento a rabiar por si mesma pero tivo a sorte de bater con quen fora capaz de entendelo e lograr o contrapunto axeitado para un resultado óptimo. Por iso, sempre estivo acompañada tanto nas gravacións de estudo como nos directos de bandas estupendas que souberon potenciar a súa xenialidade. A primeira foi a Big Brother and the Holding Company, unha banda de corte máis ben psicodélico á que se uniu en 1966 unha vez regresou a San Francisco (xa coñecera a efervescente cidade californiana en 1963) fuxindo da vida mediocre e conservadora que a agardaba no seu Texas natal (mesmo pensara en casar e todo) e coa que impresionou ao público no Festival de Monterrey de 1967, no que coincidiu cos grandes artistas e grupos do momento. Con todo, semellaba que a colaboración entre Joplin e a Big Brother tiña data de caducidade, posto que a gran voz que lideraba o grupo chegaba a eclipsar o traballo da banda. Desta primeira etapa, de gran actividade creativa, destaca o álbum Cheap Thrills.


A finais da década dos 60, comezou o seu idilio coa Kozmic Blues Band, unha banda creada a partir dunha coidada selección de músicos levada a cabo pola propia Janis e o que naquel momento era tamén produtor de Bob Dylan, Albert Grossman. Joplin apostaba por un son diferente e alonxado da psicodelia que caracterizaba á Big Brother. As súas preferencias e principais influencias musicais camiñaban polos sendeiros do blues, o soul e o rock máis puro, algo que tratou de plasmar nesta nova andaina coa Kozmic Blues e que, nun principio, lle “saíu furada”. A crítica non gustaba da nova Janis, aínda que a ela iso tanto lle tiña, pero o público si acolleu este cambio con entusiasmo, como se viu na xira europea que emprendeu co seu novo grupo e no mesmísimo Festival de Woodstock en 1969, no que deixou coa boca aberta a todos os hippies que pasaban por aí.


Mais a Kozmic Blues tampouco foi a banda definitiva para Janis, posto que a súa composición, a pesar da súa manifesta eficacia, posto que eran todos músicos profesionais, resultaba un tanto artificiosa cando Joplin buscaba todo o contrario: fundar o máis parecido a unha gran familia sobre o escenario. Ademais, os seus problemas co alcohol e as drogas, que viña arrastrando dende principios dos 60, xa eran demasiado graves, feito que tamén influíu de xeito decisivo na disolución desta banda. Porén, tras un período de descanso e de desintoxicación, en 1970, Grossman propúxolle unha nova banda, a derradeira: a Full Tit Boogie Band, coa que gravou nese mesmo ano o que está considerado un dos mellores álbumes de todos os tempos: Pearl, editado de forma póstuma en 1971, pois Janis Joplin falecería por unha sobredose de heroína o 4 de outubro de 1970.


E aquí conclúe o atracón de coñecemento wikipédico, eu son máis de odas e loas menos eruditas, pois non aspiro a traballar en Radio 3… A vida de Janis foi efémera, dende logo. O seu talento amosóusenos dun xeito tan fugaz como brillante, pois non renunciou a vivir rápido, facendo seus os agora tópicos lemas de “sexo, drogas e rock n’ roll” e “vive á presa, morre novo e deixa un bonito cadáver”. Janis era todo iso, un paradigma da subversión do rol. Talvez levada ao extremo, non o vou negar. Pero sempre se negou a acatar todo aquilo que recordara a algo preconcibido e refusou asimilarse ao convencional en todos os ámbitos: na música, na súa vida privada, na súa forma de vestir, no seu xeito de pensar e entender a vida… Foi quen de converter as súas frustracións vitais e as súas penas en arte, logrando provocar unha especie de catarse no seu público e nos que aínda a admiramos despois da súa morte. A súa persoalísima voz, áspera e pouco dada a floreos de calquera clase, agromaba dunha gorxa que parecía que ía estourar en calquera momento pero da que nos namoramos perdidamente nada máis oíla. Todas aquelas cousas que noutros cantantes nos parecen “ghallos”, idas de ton ou berros sen máis en Janis Joplin son auténticas marcas diferenciais, unha mostra máis do relativa que pode ser a beleza, pois unha voz que en principio semella desagradable e á que socorreríamos ipso facto ofrecéndolle un caramelo mentolado á súa dona, resulta ter un encanto insospeitado. A paixón e a entrega no escenario foi o seu máis perfecto complemento para transmitir axeitadamente a súa mensaxe a veces atrevida e despreocupada, a veces depresiva e lánguida. Era todo sentimento, melancolía e emoción.


E que dicir dos auténticos temazos que nos legou? O bo de ter unha carreira tan curta e de formar parte do maldito Club dos 27 (no que tamén atopamos outras ilustres figuras coma Jimi Hendrix, Kurt Cobain ou, máis recentemente, Amy Winehouse) é que case non che dá tempo a facer borralla. Janis posuía tantísima arte esperando a ser debidamente explotada, tiña tan bos músicos detrás e tanto carisma que todo canto fixo resultou ser magnífico. Sublime. Non había lugar para recheos ou composicións anódinas, a súa intensa vida, salvaxe e indócil por momentos, tamén o foi musicalmente falando. Deste xeito, aínda hoxe, 40 anos despois do seu pasamento, podemos seguir gozando de melodías xa inmortalizadas no seu momento, propias e alleas, como Piece Of My Heart, Ball And Chain, Misery’n, Cry Baby (a miña primeira vez), Maybe, Raise Your Hand, Kozmic Blues, One Good Man, Me And Bobby McGee, I Need A Man To Love, Road Block e un longuísimo και τα λοιπά (poñer “etc.” a todas horas xa me aburre). Incluso ese Mercedes Benz cantado a capella, a súa última gravación, un tema que se deixou tal cal, sen instrumentalización nin nada, unha canción cunha letra e cunha mensaxe do máis frívolas e sinxelas, soa a gloria nos oídos dunha devota de Janis coma min…


Para min, falar de Janis Joplin é falar de inspiración. Ela é A ÚNICA MUSA do meu espertar cultural. Talvez sexa inadecuado dicir que me gustaría ser coma ela, porque coma ela non vai haber ningunha, ningunha con esa mesma vocación provocadora, ningunha con ese mesmo don para transformar a rareza en fermosura. Janis é unha das miñas grandes referencias precisamente por ser un deses fenómenos que se repiten na historia da humanidade nada máis que unha vez cada mil anos. Adóroa polo imposible que resulta que forme parte da miña contemporaneidade. Por ela tería desexado retroceder unhas cantas décadas no tempo para poder ser testemuña da súa entronización no vasto Olimpo do rock, cidadán de a pé coma ela que logo a divinizaría coma a gran diva (unha de verdade, non estes chorros de voz de pacotilla que incluso se atreven a dicir que se inspiran na gran Janis) que logo resultou ser. Non hai nada nela que non sexa fascinante, dende chantarse e dicir “non, nunca serei coma as demais” ata o seu sorriso expresivo e explosivo, case pueril pero sempre vivo. Un sorriso co que eu sempre vivirei na parede do meu cuarto, no meu muro de facebook, no fondo de pantalla do meu ordenador… Pero sobre todo, un sorriso que evocarei en cada canción.


Porque mulleres coma ela nunca morren… 


Ningún comentario:

Publicar un comentario