domingo, 13 de outubro de 2013

Hessel e Brais



 Non sei se se notou o suficiente neste blog que me “pirra” falar de política. É un pracer case tan satisfactorio (case, xa digo case) que o sexo ou ir a unha cata de cervexa. Hai algo fascinante en toda esta xente que se dedica á política e non creo que poida referirme a todos eles como colectivo, citando todos aqueles vergoñentos lugares comúns que unen a servidores da res publica de todo o estado e de medio mundo, sen que algún que se diga honrado ou que realmente o sexa se me enfade. Síntese, o que non queira ver ferida a súa sensibilidade que se absteña de continuar coa lectura, xa advertín no seu día que tampouco é que fora unha das miñas prioridades máis prioritarias (que vivan as redundancias!) andar por aí de “quedaben”, como se adoita dicir. Hoxe vou falar de política, outra vez, e vou poñer a parir aos que se cargan causas e ideoloxías sumamente importantes para min, coas que a pesar de todo me sigo identificando, coa súa deplorable e irrisoria actitude. A que avisa non é traidora.

            Como amante e practicante da procastinación no 70% aproximadamente do meu tempo libre, case todo o que acaba nas miñas mans para ver, ler ou escoitar, provén da rede, e precisamente de aí procede o primeiro documento que me propoño desentrañar para a variada audiencia que poida toparse azarosamente con estas liñas. Seguramente os autores desta pequena sátira política non contaban con que acadara unha repercusión maior que aquela á que estaba destinada: ser un traballo máis dunha clase de comunicación audiovisual (creo), pero cando sobes algo ao youtube exposte a que sucedan cousas así. Acusacións de plaxio aparte, que xa as teñen os creadores deste vídeo, A vida de Brais ten un pouso de realidade socio-política absolutamente brutal.

O que pretenderon os rapaces que participaron e traballaron neste vídeo foi “customizar” aquela memorable escena de A vida de Brian, a célebre película dos Monty Phyton que ironizaba sobre a vida e milagres de Xesucristo, na que Brian, un xudeu máis sometido ao poder imperialista romano, se topaba vendendo aperitivos no circo a un grupo de insubordinados xudeus que aglutinaban as súas reivindicacións contra o invasor baixo a etiqueta de “Fronte Popular de Xudea” pero que Brian confundía coa “Fronte Xudaica Popular”, unha escisión dos primeiros, o cal daba pé a un dos gags máis brillantes da historia sobre os movementos políticos máis contestatarios e minoritarios ou minorizados.


Esta é, a priori, a influencia nai de A vida de Brais, mais non é a única, xa que pola rede circulaba tamén dende hai un ano, un subtitulado desta mesma escena, A vida de Breixo no nacionalismo galego, cambiando as referencias ficticias por outras máis reais e que aludían, en concreto, á actual situación do nacionalismo galego, cuxa segregación recente máis importante se produciu en Xaneiro do 2012, cando Xosé Manuel Beiras e a súa corrente Encontro Irmandiño, abandonaron o Bloque Nacionalista Galego, abrindo a caixa dos lóstregos. Por este motivo, os rapaces que gravaron A vida de Brais xa foron tachados de sucios plaxiadores por algún comentario en youtube, pero boeno, que queredes que vos diga? Non me considero avogada do demo cando digo que subtitular unha escena é moi fácil e que coller a cámara xa require un pouco máis de esforzo. Aínda que a idea non sexa completamente túa e os planos non sexan todo o perfectos que deberan ser. Para min ten máis mérito.

Boeno, como o dos dereitos de autor non me interesa demasiado para a cuestión que pretendo abordar, acabo. O caso é que este vídeo me pareceu xenial por varias razóns. Hai un perfecto intercambio de todos e cada un dos roles: Brian/Brais, circo romano/campo de fútbol, indumentaria xudea/pano palestino, morros de nutria/plátano de Canarias… E, por suposto, todos os grupos e grupúsculos que defenden o dereito á  autodeterminación do pobo xudeu vs. todos os grupos e grupúsculos que defenden o dereito á autodeterminación e/ou a independencia (ou algo parecido a todo isto) do pobo galego. Mención aparte merece o cameo/guest starring de Rafa Cuíña, outro personaxe que merecería un post aparte…

Non por estar abordado dende unha óptica humorística e sarcástica a cuestión do nacionalismo galego é menos escabrosa. Como xa dixen, o colapso do partido que ata hai pouco monopolizaba e aglutinaba o sentir nacionalista de Galicia provocou unha gran ruptura interna que se produciu hai un ano e moito. As diverxencias e as diferenzas ideolóxicas nunha organización frontista sempre son acusadas, que se lle vai facer? Sobre todo se son de esquerdas, que sempre adoitan ser máis críticas e esixentes consigo mesmas que un partido de dereitas (o meu cú, a miña opinión, aviseino). Conste que eu fun das que nun primeiro momento acolleu con entusiasmo a idea de que algún dera un zapatazo na mesa da asemblea aquela de Amio para dicir “ata aquí chegamos”, mais agora a miña decepción xa está algo menos concentrada nun único partido (non vou dicir nada pero o do teito das 50 propostas cheira a podre)… Pero boeno, xa me estou desviando outra vez! A vida de Brais fai unha perfecta radiografía da situación dunha corrente política e de pensamento que en Galicia vai á deriva por non ser quen de atopar un rumbo que a defina por completo perante un eleitorado que desconfía e apenas se recoñece ou non se recoñece en absoluto nela e que, posiblemente agora, cada catro anos vaia picando un pouco de todas as pólas que medraron a raíz desa disidencia interna. E a culpa de quen é? Dos que votan á “ghaivota” tamén, sí, pero eu creo que a alternativa non se constrúe única e exclusivamente en torno ao xa gastado “eu pode que o fixera mal, pero ti máis” ou recorrendo á imitatio de grandes “ideacas” dalgún neocon con ínfulas de salvador da patria senyera en man (a apelación ao patriotismo como remedio a todos os males sempre me pareceu unha noxenta cortina de fume, véxase o esperpento do día de onte) e que, inexplicablemente, é quen de aliarse cos seus adversarios políticos para tal fin, os cales están nas antípodas ideolóxicas (ou nun principio estábano) do seu programa de goberno. Nótese que quero ser sutil, non me gusta dar moitos nomes.

Que estou cabreada con todo isto é máis que evidente. O camiño xa era errante e vacilante (por moito que me esforce, é difícil esquecerme do 2005, aínda que fora un escenario preferible, que non mellor, ao que houbo logo do 2009) pero agora con tanta discusión na casa, co cal, non se consegue nada salvo facerlle un favor aos “empeitizados” herdeiros de Don Manuel; isto xa pasa de castaño escuro. É imposible que academos a cima se non subimos axeitadamente os chanzos do camiño do nacionalismo de esquerdas (que, repito, pese a ser un pouco ácrata, paréceme un movemento necesario), con voltas atrás ou saltos de dous en dous cara arriba, deixando atrás problemas irresoltos ou temas incómodos…

Boeno, iso, que me vou quedar sen espazo para conectar todo isto co outro personaxe que me dispoño a citar. Gracias a Brais por fin fun capaz de rirme da ineptitude daqueles que foron incapaces de manter a cabeza fría para facer fronte a un inimigo (bufff, que forte soa esta palabra) que eles aínda hoxe sosteñen, nun exercicio de bipolaridade e esquizofrenia sen precedentes, que é común… Mi no entender a forma de proceder desta xente na que eu nalgún momento depositei infrutuosamente as miñas esperanzas de cambio e de realización última dos ideais políticos que máis se aproximan ao meu modo de entender a vida, pero gracias por devolverme o sorriso e difuminar a miña indignación. E de indignación vou falar agora mesmo…

Hai cousa de dous anos e algo ía eu andando tranquilamente camiño da facultade e pasaba polo Obradoiro, unha praza que sempre está ateigada de devotos, peregrinos e guiris pero que nese momento presentaba unha paisaxe radicalmente diferente á habitual: todo o escaparate de tendas Quechua mudárase do Decathlon ao pé da catedral. E non eran o teito duns poucos “perroflautas”, alí había xente de toda cor, idade e extracción social, co cal a miña perplexidade foi aínda maior. A “moda” da acampada urbana estendérase por toda a xeografía do estado en apenas un mes e no contexto dun proceso eleitoral que non se semellaba en nada aos anteriores. E os promotores desta tendencia tiñan un inspirador libro de cabeceira, o Indignádevos de Stéphane Hessel.


Indignádevos chegou ás librarías europeas na primavera de 2011 e, a cambio dun prezo moi asequible (5 cochinos euros), Hessel prometía abrirnos os ollos a todos os que caeramos nas trampulleiras redes dun sistema que nos fixo crer que podiamos telo todo pero que non dubidou en arrebatárnolo en canto se asomou a pantasma da crise. O ton do libro, que apenas chega ás 50 páxinas, en realidade é un panfletiño moi ben escrito; oscila entre a “batallita” e o cabal relato de quen viu xa case todo nesta vida e que merece ser escoitado. Pero é que Stéphane Hessel pasaba dos 90 anos cando se decidiu a botarnos esta arenga escrita e nas súas costas levaba acumuladas moitas experiencias que ningún de nós podería imaxinar: sobreviviu aos campos de exterminio do nazismo, foi membro da resistencia francesa, participou activamente na reconstrución política da Europa do século XX, comprometeuse coa causa palestina e mesmo colaborou na redacción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un papel que agora mesmo está máis mollado que as bragas dunha fan de Pablo Alborán.

Por que traio a colación a Hessel despois de compartir a miña decepción coa esquerda nacionalista a propósito dunha parodia? Porque Hessel tamén fala un pouco diso, de esperanzas perdidas, de cousas que se deixaron correr cando se deberan ter advertido ao seu debido tempo e da responsabilidade que todos e cada un de nós debemos ter se queremos un cambio real. O 15-M foi quen de poñer todas estas ideas enriba da mesa e demostrou que as ideas de Hessel podían ter un calado. Porén, do que non foi capaz foi de continuar, de persistir, de coller o temón e, agora mesmo, parece que a esquerda está como anestesiada e a oposición que leva a cabo é de todo blandurria. Eu creo a Hessel cando di que vivimos nun momento excepcional, antes podía estar eu máis mediatizada e mesmo manipulada e intentaba quitarlle ferro ao asunto pero non, ten toda a (puta) razón cando di que rebelarse contra o nazismo non é que fora máis fácil, simplemente era máis evidente. Digamos que a estrutura de dominio é moito menos honesta actualmente que en tempos de Hitler e, a pesar dalgún esporádico momento de lucidez, a esquerda parece allea a este feito, tanto a nacionalista como a que non o é. Machácannos económica e socialmente baixo o paraugas do que todos eles chaman democracia. E a connivencia dos actuais grupos de esquerdas con ese sistema é total. Por varias razóns: asumen (porque o asumen) que soamente se pode dar un golpe na mesa cada catro anos, fan seus os mesmos instrumentos de propaganda que emprega a dereita e incluso apoian iniciativas e propostas impulsadas pola mesma (volvo a ese número 50 que tanto me bateu na vista esta semana).

Non sei se por sorte ou por desgraza, Hessel non viviu o suficiente como para saber se a mobilización social inspirada pola súa obra se ía quedar nunha simple moda ou se ía avanzar cara algo maior nos próximos anos, pois faleceu en febreiro deste ano. Con todo, eu, que non son moito de recoñecer autoridades pero admito que debo ter en consideración algún tipo de autoridade moral, creo que lle estamos facendo un fraco favor ao seu legado e ao seu pensamento. E coma Hessel, tamén a outros ideólogos con gran amplitude de miras como, por exemplo, José Luís Sampedro (quen, de feito, fixo o prólogo da edición en castelán de Indignádevos). A alternativa está inmersa nas súas loitas intestinas, nos seus lavados de cara e incluso bota un recendo a algo semellante ao oportunismo, con medidas que non veñen a conto ou declaracións sen máis sentido que o de facer algo de ruído. E, así, como se reflectía na Vida de Brian e tamén na Vida de Brais somos incapaces de construír unha unión íntegra e axeitada, insultamos ao que ata dous días era o noso “camarada”, non podemos asaltar o palacio de Pilatos porque estamos demasiado ocupados discutindo quen o planeou primeiro e nin sequera temos claro se o invasor nos oprime ou nos favorece. Canta intertextualidade hai entre Hessel e Brais. Cantas concomitancias…

Esta é a miña opinión, logo cada un que pense o que queira. Pero o que queira. 

Mentres tanto, miremos ao lado bo da vida...


Ningún comentario:

Publicar un comentario