domingo, 15 de decembro de 2013

Contos de Nadal (I): Panxoliñas 2.0… ou non


Boeno, como xa adiantaba hai uns días, non puiden resistir a tentación de asimilarme un pouco a esta corrente de paz, amor, felicidade e buenrrollismo que nos aparvará durante unhas insoportables ou “requete-happy” semanas (depende de cada un), iniciando a primeira parte dunha triloxía que me levará aos lugares máis inhóspitos desta celebración. A min o Nadal, como boa nena culturalmente capitalista, gustábame moito. Encantábame a idea de que unha vez ao ano meus pais me compraran con cacharrada plastiqueira mentres eu finxía merecelo moito. Porque si, todos os nenos se portan ben todo o ano, unha das grandes mentiras da nosa era xunto con he leído y aceptado las condiciones y términos de uso, bla, bla, bla… En fin, todos os nenos medran e eu tamén (boeno, algo sempre queda) e, sen chegar a odiar o Nadal en plan novela Dickensiana, si que hai nel certas cousas que me proen un pouco, e non teñen nada que ver con reivindicar a verdadeira esencia cristiá desta festa, por un lado, afortunadamente re-paganizada. Hoxe, dispóñome a destripar unha desas cousas que máis tocan os ovarios… Aínda estades a tempo de deixar de ler, pois todo isto pode chegar a producir urticaria, desprendementos de córnea ou, directamente, derrame cerebral. Si, meus señores, hoxe toca unha verdadeira película de terror, hoxe toca falar de… PANXOLIÑAS POP!!!

Como se os grandes clásicos do cancioneiro popular conmemorativo da festividade do solsticio de Inverno entoados por coros dubidosamente infantís non fosen o suficientemente insufribles (Campana sobre campana, Ande, ande, ande, la Marimorena, Los peces en el río, Ay! del Chiquirritín e toda esa trapallada), os grandes fenómenos de masas da industria discográfica tamén se apuntaron á ardua tarefa de compoñer temas aínda máis cargantes e tediosos. Todo cantante ou grupo cun mínimo de éxito ten unha ou varias manchas no seu historial e é raro que unha delas non coincida co intento de facer unha canción ou un disco dedicado ao Nadal. E isto sucede dende que o mundo é mundo e así o imos comprobar. Correde, insensatos!!!


Ninguén discute hoxe que Frank Sinatra, Aretha Franklin, Elvis Presley ou Johnny Cash, por poñer algúns exemplos, son artistas de pleno dereito, clásicos incontestables cuxa influencia excede incluso o que eles mesmos puideron ter pensado para si, independentemente de ter o ego moderada ou excesivamente inflamado. Pero a maioría destes clásicos tomaron parte no pecado orixinal e gravaron as súas pertinentes panxoliñas, algunhas máis intragables ca outras, admítoo. Pero o caso é que sentaron o perigosísimo precedente do que hoxe debemos padecer cada ano… En fin, comparado cos nosos días, Let It Snow...


            ...ou Blue Christmas eran gloria bendita.


Mais esta práctica non era exclusiva do incipiente pop foráneo, pois dentro de fronteiras un tanto máis próximas tamén asomaba a cabeza algún mito musical que se acabaría repetindo máis que comer uns ovos fritos con chourizo antes de ir para a cama. Si, estimado e hipotético público, Raphael, o mesmo que hoxe presume de ter a mandíbula con maior grao de apertura de España e cuxos especiais de Noiteboa están pretos a considerarse patrimonio inmaterial da humanidade, consegue poñer de acordo a xeracións de onte e de hoxe: non facía falta unha nova versión de El tamborilero.


Os anos 80 non perdoaron nada que puidese resultar un pouco kitsch, incluídos a estética e os sons do Nadal, sempre tan barrocos e azucrados. Para min, o ideal paradigmático desta parte tan xenial e tan infame ao mesmo tempo da nosa historia pop, no que a fedorentas panxoliñas se refire, constitúeno os Wham! con Last Christmas. Porque non se é consciente de que chegou o Nadal ata que non se entra nunha cafetería e non se ve nun televisor no que teñan posto VH1 a George Michael coa súa permanente cantando ao seu polvo estacional perdido mentres xoga ás bolas de neve.


E logo temos dubidosas mostras de talento de xente habitualmente marabillosa e idolatrada por unha servidora… A miña reacción natural é semellante a un “Como puideches facelo??? Por que???” xa que o “detente, Abraham!!!” non serve de moito porque estes males nunca se pillan a tempo. Sí, o Boss ou Queen foron algunhas destas grandes deidades do rock que tamén caeron na trampa, deixándose levar polo enganoso espírito do Nadal.


O do sombreiro texano customizado non ten perdón, Bruce... O ritmillo cutre que xa dá conta do seu carácter de canción de recheo, tampouco, meus señores de Queen... 


Neo-crooners coma o canadense Michael Bublé, que debe querer parecerse en todo a Frank Sinatra, e outras celebridades ambiguas coma Rod Stewart non foron menos. O primeiro sacou o seu disco enteiramente dedicado ao Nadal cun título orixinal onde os haxa, Christmas, aló polo 2011, e non puido resistirse á tentación de ter o seu propio especial televisivo de Nadal, ao igual que Rod Stewart. Hai moitos especiais televisivos no mundo (veño de citar as Noiteboas de Raphael, que xa son un xénero en si mesmo) pero estes dous son o suficientemente ilustrativos do especialmente noxenta que pode chegar a ser unha festa tan internacionalizada. Nota: ambos artistas coinciden no especial de Stewart (no que tamén aparece, por certo, Kylie Minogue), co cal, non debemos descartar que o espazo-tempo se colapse con esta empalagosa explosión de cánticos con cheiro a clásico e “volta ás orixes” dignos do país da gominola combinados con pseudo-entrevistas sobre o marabilloso que é o Nadal e escenas de humor forzado e estritamente guionizado nos que non hai lugar para a improvisación ou a mala hostia.  


Finalmente, non podo dar carpetazo a esta breve escolma de bodrios musicais para cantar baixo un pino decorado de xeito especialmente recargado sen mencionar ás grandes divas da canción do mundo globalizado. Tanto Céline Dion coma a defunta Whitney Houston teñen os seus propios álbumes de Nadal, cuxos nomes prefiro non lembrar (admito non sen vergoña que un deles aínda habita nos estantes da miña casa, adiviñen cal), pero a ama, a “señora hembra”, a matriz, a nai de todas as panxoliñas 2, 3 e 4.0 é ela… A única, a inigualable, a inimitable… MARIAH CAREY!


No mundo occidental é posible un Nadal sen grilandas, sen beléns e mesmo sen agasallos pero dende aquel 1994 no que viu a luz ese esperpento chamado Merry Christmas (de novo, a orixinalidade de artistas e produtores ao poder!) xa non se volve concibir un Nadal sen Mariah Carey. Ela marcou un antes e un despois neste ciclo temático musical con este disco no que mesturaba versións de panxoliñas xa moi manidas por artistas de todo o orbe con composicións propias que acabarían sendo míticas como o All I Want For Christmas Is You que veño de pór arriba, himno por antonomasia destas festas gracias ao Corte Inglés e outros templos do consumismo (a pesar de que Mariah diga que tanto lle teñen os regalos, que ela o único que quere que lle traia Santa Claus é botar un “foghete”).

Esta canción, para a que deberon ser empregadas inxentes cantidades de estramonio a fin de anular a creatividade, a orixinalidade e todo rastro de intelixencia e enxeño aplicables á composición, tamén coñeceu versións. Sexa ou non vomitiva, é un clásico do noso tempo e xa foi revisitado por grupúsculos tan bizarros coma as Nancys Rubias comandadas por Mario Vaquerizo de Gara (este alcume acabo de inventalo eu)...


 ...ou a propia Mariah, ataviada como unha porno-Mamá Noel, facendo unha infame apoloxía do capitalismo e axudada vocalmente por un elfo moi especial que todos quereríamos matar e cuxo nome non vou pronunciar coma se de Voldemort se tratase…


E con estas probas de que o ser humano é capaz de verdadeiras atrocidades moi pouco artísticas, despídome. Non imaxinades o duro que foi o traballo de documentación para esta publicación… Non gaño para psicólogos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario