mércores, 11 de decembro de 2013

Jim Carrey non sempre é irritante: “Eternal sunshine of the spotless mind”, de Michel Gondry

   

          É posible. Man On The Moon non foi unha casualidade. Jim Carrey pode ser un bo actor. É capaz de interpretar un papel dramático dun xeito aberrantemente máis profesional que un rol cómico. E unha servidora queda pampa, porque, que quede claro, NON SOPORTO A JIM CARREY. Para min, ver unha película súa é unha experiencia tan ou máis traumática que ler un titular de La razón. Porén, non renunciemos ao ton esperanzador desta publicación caendo en tan baixos instintos. É certo que Jim Carrey me estomaga e moito pero só en determinados contextos. Desgraciadamente, que se prodigue pouco noutro xénero que non sexa a comedia histriónica, non contribúe a mellorar en demasía a imaxe que teño deste actor. Por iso, debo conformarme con desfrutar das escasas mostras que hai do seu verdadeiro talento, talento que se empecina en agochar tras hiperbólicos acenos e esaxeradas xesticulacións que, por outro lado lle deron sona e popularidade a nivel mundial. Unha destas poucas películas nas que puiden ver e valorar ao Jim Carrey actor de verdade foi esta da que me dispoño a falar a continuación: Eternal Sunshine of the spotless mind.

            Antes de ir ao miolo da cuestión, debo aclarar unha cousa. Por que manteño o título orixinal da película se o que adoito facer é traducir case todo o que pasa pola miña man? Pois fíxeno por curarme en saúde, preguiza e unha mestura de ambas. Gústame moito o título en inglés (ten un certo lirismo absolutamente xustificado pola trama) e desprezo enerxicamente a translación que se fixo deste título ao español: Olvídate de mí! Por que cito este título coa ira dunha gorgona? Pois porque ademais de semellar e, efectivamente, ser ridículo, ao meu modo de ver, induce a equívocos. Nin imos ver unha comedia, nin imos escachar coa risa cun argumento desenfadado e pouco profundo sobre problemas de parella, nin nada polo estilo, aínda que nas campañas de promoción a través das cales se intentou postular esta película a todos os premios posibles aló polo 2004 se empeñaran en vendérnola coma unha comedia. Non, xa aviso dende xa, esta película non é para rir por moito que saia nela Jim Carrey. Por iso, a amalgama de título coa que paseou o filme polas carteleiras españolas por aquel entón non me convence. Paréceme un título insulso e completamente desconectado do ton da cinta, que para nada é cómica, polo menos, dende o meu punto de vista. Por iso deixo o título orixinal, porque me parece máis axeitado e porque tampouco me apetece mollarme moito cunha tradución cando me gusta moito así tal cal.


            Boeno, agora si, vou falar de Eternal sunshine of the spotless mind e comprobaredes que as miñas motivacións para facelo non se reducen ao entusiasmo que me produce ver a un Jim Carrey contido e emotivo. Esta película espertou en min unha certa curiosidade que me animou a alugala (onde quedan esas prácticas do Cretácico…) e vela xa só polo seu alucinado argumento (aviso, vai haber inxentes cantidades de spoilers): Joel (Jim Carrey) é un home tímido, taciturno, reservado e cunha acusada tendencia á melancolía e a depresión que un día coñece á volcánica Clementine (Kate Winslet), quen é a súa antítese: impulsiva, vivaz e extrovertida. Como cabe esperar, gústanse de inmediato a pesar de ser tan distintos comezan unha relación con máis fochancas que pistas ben pavimentadas. O que nun principio era unha convivencia feliz torna nun esgotador αγών, no que semella que ambos compiten entre si por ver quen é capaz de facer sentir máis merda ao outro. O aburrimento, as constantes pelexas e a decepción rematan por destruír a relación e Clementine toma unha drástica decisión: borrar todo recordo de Joel da súa memoria recorrendo a un innovador método ideado polo doutor Mierzwiak (Tom Wilkinson). Joel, ao saber disto, decide facer o mesmo e borrar a Clementine da súa mente, esperando así poder curar o seu magoado corazón, mais no mesmo día no que se fai efectivo este borrado de recordos, o propio Joel dende a súa mente, arrepentíndose, tratará de deter o proceso, cun relativo éxito (y hasta aquí puedo leer, non vou destripar nada máis, que xa non é necesario).


            Como é obvio, esta historia non pode saír de calquera mente, non todos os seres humanos posúen unha imaxinación tan poderosa nin un enxeño tan produtivo. Porén, un dos poucos que foron agraciados con ese don no noso mundo é Charlie Kaufman, quen firma o guión desta película e se converte así na proba vivinte de que, no tocante á narración audiovisual, aínda non está todo inventado e aínda cabe esperar algunha (grata) sorpresa. Eu son moi impresionable, seino, pero creo que non peco de inxenua se digo que tanto o guión como a disposición e ordenación das distintas secuencias que acaban formando a historia son algúns dos seus puntos fortes. Todo colle nesta combinación de elementos que nunca é lineal, pois a película dá comezo nun punto inmediatamente anterior ao final, logo intercálanse momentos que se distancian moito no pasado dese punto no que empezamos a coñecer a historia ou que nos aproximan máis a el, de forma completamente caótica e cuxa diéxese tamén cambia de xeito importante duns a outros, e, finalmente, complétase o desenlace que se viu interrompido. Podería terme aforrado bastante palabrerío se dixese que a película comeza in medias res (dicir in media res evidencia un descoñecemento brutal das locucións latinas), mais eu non tiven a impresión ao vela de que fose así, porque realmente non se empeza no medio, no ecuador da historia, senón que o inicio toma forma dun falso flashback. Empézase practicamente polo final e de forma enganosa para o espectador, porque semella un principio completamente lineal e do máis “normal” de acordo coas sinopses que puidemos ter lido previamente a ver a cinta. Mais, o que realmente estamos vendo non é o inicio da relación, senón un reinicio, porque ao comezo do filme, tanto Joel como Clementine son dous desmemoriados e non dúas persoas que se ven por primeira vez na vida.

            A min isto paréceme a repanocha, de verdade. Polo menos, necesito estrullar un pouco o cerebro e prestar un mínimo de atención para seguir a trama e, non custa, pois conséguese reclamar adecuadamente esa atención recorrendo ás pertinentes desautomatizacións e xiros necesarios. Xa é un bo comezo, formalmente é diferente. A historia podería terse contado de moitas formas pero Kaufman escolle esta concatenación de escenas soltas que van do surreal ao corrente sen motivo aparente pero cuxo anarquismo non é casual, pois inclinarse polo desorde é bastante intelixente tendo en conta que se nos propón unha viaxe ao máis profundo da memoria. Teorías verdadeiramente científicas sobre a mente, a súa estrutura e todas esas cousas das que eu non sei nada a un lado, o certo é que gran parte da historia sucede na cabeza dalguén que está narcotizado e ao que se lle inducen unha serie de estímulos que o levan a lembrar aleatoriamente unhas determinadas vivencias que logo vai esquecer, e iso non se pode ilustrar e mostrárselle ao espectador de calquera maneira. O personaxe de Jim Carrey está sumido nunha especie de soño e todos sabemos como se comporta o subconsciente cando perdemos o pleno control sobre el, de forma ácrata e desconcertante, tal e como se narra esta película.


            Estes fragmentos que imos vendo durante o proceso no que os técnicos do doutor Mierzwiak (Mark Ruffalo e Elijah Wood) tratan de borrar todo rastro de Clementine da mente de Joel están asombrosamente ben guionizados. O filme na súa totalidade ten un guión impresionante, un dos mellores dos últimos anos, e cuxa ousadía e creatividade indiscutible foi recoñecida co Oscar do 2005. Dende a miña experiencia persoal, non me custou recoñecerme nos personaxes. Sendo unha película cun plantexamento de partida tan inverosímil, acaba sendo un retrato absolutamente realista sobre a vida en parella e os sentimentos tan contraditorios que xorden nunha relación. Temos todas as fases e todos os problemas habituais entre dúas persoas que se aman pero que non saben xestionar adecuadamente as súas emocións, chegando así a un distanciamento nun principio impensable e que, en repetidas ocasións, provoca que crucen a fina fronteira que conduce odio. Aquí tampouco hai un desenvolvemento lineal, non se nos presentan os momentos bos ao principio e todo o malo ao final, afortunadamente, Charlie Kaufman non cae en tópicos de romanticallada: todo está mesturado porque así é como sucede entre as parellas e máis aínda se todo isto se evoca como recordo, xa que non hai unha organización nin unha xerarquía ao lembrar os momentos que se pasan ao carón dunha persoa, tanto poden vir os bos coma os malos. O conflito que se produce entre os personaxes non é infrecuente na nosa sociedade, non hai unha gran problemática excesivamente dramatizada, a mímese é total.

            O guión responde axeitadamente a este propósito de mostrar os avatares da vida en parella pero sen renunciar a facer un pouco de literatura. Hai veces nas que semella que hai unha especie de… Como dicilo? Algo así como unha dignificación e elevación do cotián. Temos unha parella, como veño de dicir, absolutamente normal, nin son os máis guapos, nin os máis “chachis”, nin uns burgueses de merda (que ás veces parece que son os únicos que se poden namorar e vivir unha apaixonada relación no cine), pero Charlie Kaufman consegue que se vexa a beleza da súa historia de amor sen que nos pareza ñoña, consegue que entendamos que o que nos rodea tamén pode ser lírico e tamén pode ter o seu encanto, non fai falta intentar equipararse a un ideal totalmente ficticio que nunca poderemos acadar.


            É que esta película gústame tanto que botaría media vida falando dela, hai tantos detalles que me marcaron… Con dicir que cheguei a mercar unha sudadera laranxa só porque se parecía á que leva Kate Winslet na película… É cuestión de tempo que empece a tinguir o pelo de azul, vermello ou verde… A viaxe á infancia que fai o personaxe de Joel, tratando de esconder os seus recordos de Clementine nese lugar tan profundo da súa memoria e ao que apenas acode, paréceme estupenda e unha forma moi intelixente de mostrar outra perspectiva desta etapa vital, non sempre tan feliz como os adultos intentan lembrala. Tamén me parece xenial a despedida definitiva de Joel e Clementine, dentro do último recordo que se vai borrar da mente do primeiro, vendo como a casa na que se coñeceron se vai derrubando mentres se dedican unhas últimas palabras que tratan de recompoñer o triste final da súa relación. A subtrama da recepcionista (Kirsten Dunst) é inesperada e funciona moi ben dentro do conxunto, xa que nos fai reflexionar, como todo o proceso ao que se somete Joel, se realmente queremos olvidar ás persoas que nos importan ou que nalgún momento nos importaron, incluso o malo. En definitiva, a historia e o formato no que se nos amosa son de sobresaínte pero tamén me entusiasman as interpretacións, tanto a de Jim Carrey coma a de Kate Winslet. O primeiro, por comedirse e ser quen de mostrarnos emocións reais. O seu personaxe, apoucado e que sofre case sempre en silencio, está perfectamente acabado gracias á súa actuación, posiblemente a mellor despois de Man On The Moon, película na que considero que está maxistral. E Kate Winslet, sen ser un dos seus papeis máis memorables (afortunadamente, é unha excelente actriz e temos traballos brillantes dela “a patadas”), tamén namora porque o seu personaxe ten carisma e unha personalidade moi forte e temperamental que borda.


            En fin… Recomendo esta película por moitas razóns. Por ter unha historia imaxinativa e diferente, un guión espléndido, por desmontar por un intre os tópicos desgraciadamente certos acerca do seu actor protagonista… Pero, sobre todo, por mostrar de forma fidedigna e recoñecible unha historia de desamor e a problemática á que nos arrastra vivir unha desas historias, na que interveñen moitos sentimentos negativos e na que esmorecen todas as nosas ilusións e expectativas. Esta película resulta totalmente anticanónica se temos en conta como se concibe o amor na ficción no mundo occidental actual pero si merece un oco noutra canonicidade que contemple a concepción real do amor que creo que posuímos a maioría dos seres humanos. Amar é un concepto moi novo, ata os nosos días había moitas cousas que podían unir a dúas persoas pero o amor non era precisamente unha delas e hai moita discusión sobre que é o amor, ata que punto estivo presente nas sociedades ao longo da historia, se é un invento puramente literario, etc. Pero se realmente existe un modelo ficticio, un verdadeiro espectro de producións artísticas nas que se reflicta axeitadamente, coma se dun espello se tratase, o que sucede ou pode suceder nunha relación amorosa actual, esta película forma parte dese conxunto.

            Marabillosa e emotiva, para non deixar de vela.


Ningún comentario:

Publicar un comentario