venres, 6 de decembro de 2013

Madiba

             

            Admirar a Nelson Mandela é moi doado. Marabillarse co cambio real que logrou para o seu país, tamén. E, do mesmo xeito, non semella difícil emocionarse co tremendo sacrificio que para el implicou a consecución dese cambio.

         Mandela foi o derradeiro gran baluarte da loita pola liberdade neste mundo agora desleixado que mexa por riba do seu legado político. E, no día de onte, logrou abandonar esta podremia a tempo. A tempo para non ver como, de forma definitiva e irreversible, esquecemos todo canto nos ensinou co seu exemplo, pois Madiba, como era coñecido afectuosamente polo seu pobo apelando ao seu clan de orixe, foi humillado e privado da súa liberdade por defender a causa dos xustos, por pretender un mundo mellor no que fose posible que todos, sen excepcións de raza, clase ou crenzas, puidesemos convivir pacífica e dignamente. Pero o preso 46664 nunca gardou rancor aos verdugos que quixeron enterralo en vida, mais non por iso renunciou á súa integridade moral, sempre estivo por riba dos camiños máis simples, da vinganza e da violencia, e foi quen de darlle aos seus un fogar renovado no que todos volveron abrazarse coma os irmáns que nunca deixaran de ser.

            Falar de Nelson Mandela significa falar de fraternidade, de xustiza e de vitoria pero, sobre todo, significa falar de amor. Aínda apreixado pola soidade da súa prisión, cando o amor non era máis ca un concepto co que apenas se podía soñar como feito, el nunca deixou de crer nel e na capacidade innata e natural dos seres humanos para amar, capacidade deturpada polo pouco difícil que resulta aprender a odiar.

           Mandela é unha icona no mundo contemporáneo e unha inspiración para moitos. Por desgraza, tamén foi e seguirá sendo utilizado por un poder corrupto e ingrato que toma o seu nome en van e reverencia con falsidade e hipocrisía os seus logros.

   Na hora da morte todos somos bos, como ben reza o saber popular, mais todas as máximas e leis contemplan unha excepción. E ademais, Mandela non morreu, só acadou a inmortalidade. Xa era un mito político e cultural, o último dos grandes líderes carismáticos da nosa era, mais agora a súa divinización é inminente.

 Pero… Que queda da súa mensaxe e das súas conquistas? O loito por Mandela semella institucional, oficial, obrigado e pouco real. Entregámonos como leais vasalos a aqueles que, no canto de continuar a súa obra, a soterraron. O mundo é un lugar peor e os que o habitan viven na desesperación e na desilusión. Coma se o de Mandela fose un quimérico argumento dunha película de Hollywood, unha utopía irrealizable que nunca existiu e que, por suposto, non se repetirá. Un breve soño do que nos espertou a avaricia e a deshumanización do capital. Mandela recordounos que eramos seres cheos de amor e de vida, mais estes desvergonzados e depravados que rexen os nosos destinos volvéronnos aprender a odiar, a degradarnos e a humillarnos.

 Si. Efectivamente, Mandela merece toda nosa admiración, respecto e recoñecemento. Pero iso é moi doado.

Máis alá da noite que me envolve
negra coma o abismo insondable,
agradezo ao deus que for,
a miña alma inconquistable.

Nas poutas da circunstancia
Nin me estremecín nin chorei.
Baixo os golpes do azar
A miña cabeza sangra, pero está erguida.

Máis alá deste lugar de ira e bágoas
xace o horror da sombra,
Mais a ameaza dos anos
atópame e atoparame sen temor.

Non importa o estreito que sexa o camiño,
nin cantos castigos traia a sentenza,
Son o amo do meu destino,
son o capitán da miña alma.

(Perdóeme, William Ernest Henley, por ousar traducilo)

Sit tibi terra levis, Madiba…

Ningún comentario:

Publicar un comentario