domingo, 19 de xaneiro de 2014

Directos que quitan o impo (II): Depeche Mode


Hai poesía que non aparece nos poemarios, hai sentimentos que transcenden a individualidade e hai momentos que non se reducirán ao instante, senón que se ancorarán na eternidade ao seren inesquecibles. Posiblemente ese poida ser o resumo do que tratarei de explicar a continuación. E non será doado.

Se o respectable bota a vista atrás nestas páxinas virtuais, descubrirá que o meu con Depeche Mode non é circunstancial. Houbo moitos grupos que me gustan ou que me gustaron pero que non lograron exercer sobre min a mesma influencia que, pola contra, si conseguiron os Depeche Mode. Son unha banda versátil, polo xeral algo inclinada ao tétrico e ao escuro, pois os temas que tratan nas súas cancións son máis ben fodidos e abarcan dende as frustracións sexuais ata a pura tolemia pasando pola soidade, o enclaustramento, a depresión ou a angustia existencial. Con todo, aínda que se adoite falar deles coma unha banda de electropop ou synthpop ou como raio queiramos chamalo, nunca poderemos adscribilos sen máis a un estilo determinado. Pasaron por múltiples etapas creativas e estéticas, fuxiron dos convencionalismos do pop oitenteiro que marcou os seus inicios, súa música envelleceu cunha dignidade que xa a quixeran para si os “novos románticos” e a súa mensaxe perdura. Para min, teñen unha traxectoria redonda e incluso agora son capaces de seguir sacando material novo que pague a pena, nada de discos de recheo para pagar facturas ou manter un determinado tren de vida. E as súas xiras seguen sendo esperadas e desexadas polos seus devotos (entre os cales, me inclúo) como auga de maio.


No marco da súa xira europea de presentación do seu último álbum, Delta Machine (2013), viñeron dar a Madrid o pasado venres, que, aínda que estea repleta de madrileños, ben vale unha misa. Neste caso unha auténtica eucaristía musical, na que os profetas (increíblemente masivos) do esoterismo psicolóxico volveron dar unha lección maxistral de arte e espectáculo aos seus miles de seguidores, a min tamén. Non decepcionaron, as miñas expectativas eran altísimas e o nivel esixido tamén. Había fame de Depeche Mode e notábase no ambientazo que se estaba xestando cara as 8 da tarde, cando deron comezo as teloneiras, Feathers, dignas herdeiras do estilo dos Depeche Mode e que foron quen de ir quentando motores axeitadamente, con melodías electrónicas envolventes e suxerentes que me entusiasmaron e me descubriron unha vez máis que o legado de Dave Gahan e os seus ten un valor incalculable. Recoméndoas, por certo, creo que poden ter un futuro moi prometedor.

A ilusión medraba a pasos axigantados, había moito tempo que soñara cun intre que prometía ser, como mínimo, máxico. E sen que tivese tempo de rematar de imaxinarmo, comezou. Welcome to my world, primeiro corte desa pequena gran xoia que é o Delta Machine, abriu o concerto e o auditorio respondeu cun bramido sen igual en canto entraron en escena Dave Gahan, Martin L. Gore, Andy Fletcher e os seus músicos de apoio, Christian Eigner á batería e Peter Gordeno nos teclados, mentres a enorme pantalla que os precedía daba o seu merecido protagonismo ao sexto culpable do éxito do recital: Anton Corbjin, que unha vez máis nos marabillou coas súas imaxes, o perfecto complemento para a súa música. Así nos deron a benvida ao seu mundo, coa contundente introdución do seu disco seguida do segundo tema do mesmo, Angel, un blues electrónico no que era inevitable renderse á gravísima e sensual voz de Gahan.


E entón, soaron as primeiras notas do primeiro gran clásico do concerto, Walking in my shoes, do seu disco máis grunge e “rockeiro” Songs of faith and devotion (1994). Un auténtico himno para todos os admiradores de Depeche Mode e que afonda nesa temática da introspección e do lado máis lúgubre do ser humano. Berros e vítores por parte do público para recibir este gran temazo, executado cunha perfección que rozaba o sublime. Unha das mellores composicións de Martin L. Gore, na miña modesta opinión, e que en directo resulta aínda máis impresionante que na súa versión de estudo.

Precious transportounos unha vez máis á melancolía colectiva máis exquisita. Tema moi emotivo pertencente ao gran disco Playing the angel (2005), foi concibido por Gore coma unha personalísima canción na que canalizaba todas as malas sensacións provocadas polo seu divorcio, rogando aos seus fillos que non sufrisen polas diferenzas dos adultos. Clásico contemporáneo da banda, un dos seus singles máis coñecidos da nova era e na que os sintetizadores da versión orixinal de estudo foron suplidos dun xeito intelixente e convincente polo son da guitarra eléctrica. Simplemente marabilloso.

Con Black celebration voltamos a épocas pasadas nunca vividas pero que semellaban familiares para calquera fan de Depeche Mode (puiden comprobar, por certo, que non hai idade para este grupo, a absoluta heteroxeneidade neste senso era a tónica xeral na composición do público). Rescatada do álbum homónimo de 1986, puxo a nota máis gótica da noite, aquel tempo no que todos os membros da banda se embutían en coiro e se engominaban tratando de ser aínda máis taciturnos e tenebrosos. Logo, retornaron ao presente máis inmediato con Should be higher, do Delta Machine e posiblemente o tema con maior complexidade vocal ao que se enfrontou Dave Gahan, posto que leva a súa voz (lembremos, gravísima) ao extremo ao ser quen de executar cunha corrección pasmosa unha serie de agudos tamén en directo (cando as escoitaba no disco non o cría, realmente había que velo).


Era imposible que o Violator (1990), posiblemente o mellor álbum de música electrónica de todos os tempos e un dos mellores da banda, non tivese unha presenza destacada neste concerto, pois supuxo un antes e un despois na historia desta banda. A selección de temazos de Violator deu comezo con Policy of truth, pop sofisticado e pegadizo que fixo as delicias dos fanáticos que xa levabamos un anaco exhaustos cantando ao unísono e movéndonos como podiamos con cada canción. O auditorio enmudeceu cando parte dos membros da banda abandonaron o escenario quedando unicamente Martin L. Gore e Peter Gordeno, que nos ofreceron os momentos máis propiamente intimistas e de recollemento con Slow (outro blues electrónico do Delta Machine), But not tonight (do Black Celebration) e Shake the disease (pertencente ás súas recompilacións de primeiros éxitos de 1985, Catching up with Depeche Mode e Singles 81-85, como tema novo). A validez de Gore como segundo vocalista da banda quedou totalmente probada nestas tres intervencións en solitario nas que nos emocionou e impresionou dun xeito supino. A volta ao Delta Machine marcouna Heaven, primeiro single de promoción deste disco, que continuou, de novo a cargo da banda ao completo e con Dave Gahan ao micrófono,  o ton íntimo da velada que xa adiantara Martin L.Gore.

Unha das cousas máis alucinantes deste directo foi que incluso me vin arriba coas cancións que non me gustan (porque por moito que sexa a miña banda favorita non llo perdoo todo, aínda teño criterio). Porque si, tamén se incluíron no setlist cancións que non me chistan moito, como son Behind the wheel (do Music for the masses, de 1988), A question of time (do Black celebration) e Just Can’t Get Enough (do Speak and spell, de 1980), e ignoráronse outras imprescindibles como Strangelove. Porén, unhas versións en directo moi dignas e o contaxio dunha emoción sen precedentes foron as culpables de que non se desmoronase a miña ilusión e as miñas ganas con estes temas. A pain that I’m used to (do Playing the angel) e Halo (do Violator) reviviron a miña ansia total.


Pero aínda faltaba o mellor, “a traca final”, como se adoita dicir. Ese momento no que os clasicazos determinarían a nosa capacidade de resistencia e de entrega como público e devotos. Un tras doutro, así foi como os Depeche Mode nos regalaron os seus grandes temazos nun directo que xa estaba sendo grande pero que pasou a ser colosal: Enjoy the silence, Personal Jesus (ambas do Violator), I feel you (do Songs of faith and devotion) e Never let me down again (do Music for the masses) marcaron un final sentido por todos (sempre queremos máis) pero celebrado como nunca.

Neste punto do concerto vin cumpridos catro dos grandes desexos da miña vida: escoitar en directo a cargo dos seus autores cada un destes temas que son parte importantísima da banda sonora da miña vida e que agora quedaron inmortalizados na miña memoria como catro dos intres de nostalxia e reafirmación persoal máis emocionantes da miña curta existencia. Así o espeto porque así o sinto. Puxéronseme os pelos coma escarpias e a pel de galiña, en catro flashes lembrei o momento no que me acerquei ao estante dunha tenda e collín (para mercalo cos cartos dun regalo de reis) o recompilatorio The best of Depeche Mode, fará uns sete anos. Lembrei que nunha primeira vista tampouco me encantara escoitar algo tan diferenciado de todo canto coñecía pero que logo ao prestarlle atención con maior detemento me namorei da súa música. Lembrei os innumerables momentos de soidade nos que me acompañou a voz de Dave Gahan e a lírica aflixida e pesarosa desas cancións que aínda hoxe son quen de escoitar con desconcerto e estupor pero con asombro e conmoción, coma se fose a primeira vez. Lembrei a morea de veces que os recomendei, case sempre batallando contra os prexuízos e a incomprensión de quen non está afeito á excelencia dos Depeche, a fin de atopar almas xemelgas coas que compartir a miña paixón por este grupo. Lembrei a frustración que sentín ao non poder velos no 2009 e a miña satisfacción foi infinita ao ver que ese recordo deixaba de ser un lastre na miña mente. Lembrei todas as viaxes en coche que musicalizaron, lembrei cada experiencia e pequeno detalle que era quen de vincular á súa música. E supoño que iso é o que fai verdadeiramente enormes aos grandes grupos, aos grandes artistas, con independencia do campo no que se movan: ter esa capacidade de facernos vibrar e sentir algo que parece que non está ao noso alcance pero que, finalmente, gracias a un par de palabras ben dispostas, unhas cantas notas e unha forma de interpretalas, aparece.


Musicalmente, valeu moito a pena. Foi un concertazo. Pero supoño que se entenderá que, no meu caso, foi máis, moito máis, que un excelente concerto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario