xoves, 13 de febreiro de 2014

“Hai que andar cos tempos!”, unha historia da Familia Caamagno


Non todos os grandes “ghits” veñen de ultramar, ás veces nin sequera se precisa pasar ao outro lado do Tambre… Efectivamente hoxe falamos de boa música e un par de cousas máis cun grupazo que me pilla bastante cerca da casa e que nada ten que envexarlle a outras bandas foráneas, que, probablemente pola tola inconsciencia imbuída por este mundo globalizado, monopolizaron un pouco o espazo reservado á música neste blog, deixando de lado outras manifestacións artísticas máis próximas igualmente interesantes. A estas alturas xa non precisan presentación, hoxe falamos (sí, falamos neste primeiro post colaborativo!) coa Familia Caamagno!


Rock desenfadado pero estiloso, cunha mala hostia absolutamente “buenrrollista”, cun envoltorio elegante e melodías contundentes e rabiosas que non incitan a nada máis que mover o esqueleto e tararear cunha dignidade etílica máis ou menos desenvolvida esa hímnica de “ghalpón” elevada aos altares do estrelato “rocanroleiro” da bisbarra. E en galego! (que sempre é unha satisfacción para unha servidora poder destacar isto) Unha panda de mafiosos e camorranos agora reciclados en crooners dun son cru e directo cuxa gran e honesta premisa é pasalo ben. Son cinco, son moi grandes e son capaces de reinventarse sen renunciar a unha identidade e unha personalidade (tanto estética como musical) moi definidas e ben delimitadas que os fan únicos entre todas as grandes bandas locais.

E que mellor que contar coa propia Familia Caamagno para que nos ilustren un pouco en canto ás súas inquedanzas e aspiracións! E, sobre todo, para que nos vendan ese Hai que andar cos tempos! que, coma se dun xiro inesperado de guión se tratase, rompe coa súa anterior traxectoria pero sen perder o fío dunha continuidade que non é outra que a exploración de novos camiños e, por que non?, dunha madurez artística cuxo cénit veremos máis pronto que tarde.


Tres anos dando estopa sobre os escenarios galegos son suficientes para que a Familia Caamagno xa goce dunha notable popularidade e teña un número nada desprezable de “fanses” que os seguen alá onde van, tirando bragas molladas e suxeitadores e danzando como ménades en éxtase. A estrada semella o segundo fogar deste grupo de polifacéticos colegas reconvertidos en profetas do rock n’roll e a festa, pois xa case non queda vila galega á que non honrasen coa súa presenza e os seus potentísimos acordes. Tamén se introduciron nos nosos lares con algunha destacada actuación televisiva (nos xa extintos Tourilandia e A Solaina, por exemplo) e a prensa (a que quere parecer seria e a que non) fíxose eco da súa proposta tan fresca e diferente. Mais, isto remata aquí? Onde ten o límite esta xentuza que tan hipnóticamente, cuan Orfeos dos furanchos, nos fai “bailar ghañán”? Teito non temos ningún, aseguran, somos ambiciosos nese aspecto e pretendemos chegar ao máximo que poidamos conseguir. Agora ben, a pesar de que é evidente que sufrimos un certo retraso mental (non só o batería, eh? Todos, todos), tampouco somos idiotas, e somos conscientes que a situación e as circunstancias son as que son e as aspiracións non poden ser moi espectaculares. Pero a nós danos igual, nós tiramos para adiante e pretendemos seguir facendo o que nos gusta e gustarlle a xente, que para iso saímos a tocar por aí.

Pode que non deixe de ser un pouco irónica tanta modestia nun grupo que xa conseguiu ser profeta na súa terra (a vila de Sigüeiro e arredores da bisbarra) e tamén fóra dela, posto que no pasado ano 2013 foron quen de bater nunha épica batalla ao resto de grupos (e convencionalismos) aos que se enfrontaban no concurso de bandas da Deputación da Coruña, feito que eles mesmos categorizan cun elocuente “estraño”, afirmando que a súa pretensión inicial non era gañar pero se sonaba a frauta pois caralludamente. Conscientes de que os verdadeiros mafiosos non van ataviados como tal e gostan de camuflarse en oficialidades varias (tamén nos concursos relacionados coa creación e a arte), comentan que o esperable sería que o premio o levara un grupo cun estilo máis popular ou que tecnicamente fosen máis precisos que nós (que tampouco hai que ser un lumbreras para superarnos niso), entón, cando anunciaron que nós eramos os gañadores como que se nos quedou, nun primeiro momento, un pouco cara de tordos. Os outros grupos fixérono moi ben e non alcanzamos a comprender como o xurado puido empatar co noso mongolismo galopante. Pero parece ser que si, por unha vez triunfou a subnormalidade melódica, rematan a modo de congratulación.


Pero cal é a orixe dos Caamagno? Como naceu un estilo que os seus artífices rebautizan como“mongolismo galopante” (ao que eu engado “brillante”) e “subnormalidade melódica” (ao que eu engado “soberbia”)? O que tiñamos en común os cinco eran ganas de montar un grupo con melodías pop e para facer bailar, porque por aquí non é que abunde en exceso precisamente. Botabamos (e seguimos en parte botando) en falta bandas dese tipo, que fagan concertos que sexan divertidos, que che fagan mover as cachas e que inciten a cantar e a berrear. Viñamos de grupos máis ben escuros e apetecíanos facer precisamente o contrario: Francesco viña de Electróxeno pero de toda a vida tocou en pequenos proxectos con Manuele e Jess; e á súa vez Manuele, Jess e Lano viñan dun grupo de versións dos Misfits e punkarrada do estilo [Plan 9] (vamos, que moi luminosa non era a cousa). Atopar cantantes que canten ben, non dean problemas e teñan actitude é ben sabido que é complicado, así que alí se botou afortunadamente Manuele ao micro despois de estar uns anos aporreando os tambores; e o tallo da batería ocupouno Toni, que era ao que lle tocaba garda aquel día.

A historia da Familia Caamagno non é distinta das de todos os grupos de colegas que quedan un día para tocar algo ata que un golpe de audacia, de sorte ou de ámbalas dúas, provoca que se vaia máis alá. Deste xeito, Manuele Caamagno (carismático líder que non dubida en reemprazar esporadicamente as súas intervencións vocais polo son do seu saxofón), Jess Caamagno, Francesco Caamagno (ambos encargados da melodía das guitarras), Lano Caamagno (non menos importante no conxunto é o seu baixo) e Toni Caamagno (o encargado de aporrear as imprescindibles caixas do ritmo) deron forma a un proxecto moi diferenciado, recorrendo a unha estética vintage moi identificada cuns modelos ben aprendidos do cine e unha iconografía contracultural hoxe canonizada para vestir un rock n’roll puro que a teatralidade e a interacción coa audiencia do directo converten nunha das propostas máis atractivas do panorama musical galego actual. Aínda que falar de referentes poida decaer na obviedade, non se pode evitar a formulación dunha pregunta semellante. E descubrimos algunha flutuación de fontes que nos entenrece: A nosa principal influencia é a música popular do século XX, pero non seríamos o que somos sen dúas cousas fundamentais: os bares e os vídeos do Youtube. En canto aos primeiros, é evidente que somos seres tabernícolas e o último EP [Hai que andar cos tempos!] está impregnado de arriba a abaixo (comezando polo título) dos bares, principalmente de Compostela, Sigüeiro e Ordes. E en canto aos segundos, aí atrás tivemos un serio problema, que xa rozaba a obsesión, cos vídeos de APM. Agora xa estamos mellor nese aspecto pero estamos comezando a ter unha relación preocupantemente semellante co canal de vídeos “Soy tan sutil”. E a culpa é de Samu Terbutalino e o fenomenal “Travestis vs Borracho ¡Duelo Autotune!”


 Baixo os seus uniformes de Vito Corleone e cun marcado acento siciliano concibiron un primeiro EP homónimo do que se extraen grandes temas que cumpren con este ideario tan firme no que non se contempla a opción de aburrirse ou pasalo mal. Nel atopamos, entre outras cancións, Fodín cos pés no río, que nos introduce na escatoloxía e o humor obsceno tan do gusto das súas letras, unha actualización da lírica etílica cultivada na literatura occidental dende o arcaísmo da civilización grega; Ringo Starr, reivindicadora do simbolismo das grandes iconas da cultura pop (declárome fan incondicional dese verso que di Ringo Starr cagha por Charlie Watts, aí deixo o debate) e Perdoa, que nos transporta ao puro ritmo, a mover o pé dereito timidamente ata rematar dándolle á cabeza compulsivamente mentres finximos ter unha guitarra nas mans. Pero a xoia da coroa deste EP, digna de conservarse en calquera hall of fame, é O ritmo da caverna (Altamira on my mind), peza que a punto estivo de inspirar un “temazo da semana”, un dos seus temas máis redondos e logrados, unha canción cunha forza especial capaz de conducir como ningunha ao momento climático do directo, un verdadeiro himno pop, subxénero que motiva unha fonda reflexión: Somos moi fanáticos dos temas pop de 2 minutos, directos ao fígado, das melodías pegañentas, dos ritmos trepidantes. Sempre que nos poñemos a compoñer no local intentamos acadar esa maxia do tema redondo e perfecto, a maxia do retrouso vibrante e apaixonado. Desgraciadamente nunca o conseguimos. Pero intentámolo, eh? E ás veces conseguimos cousas que se lle aproximan, polo menos na intención. De novo a modestia nubra o que unha servidora considera unha xesta xa realizada con esta canción.


Despois deste magnífico EP de debut, a Familia Caamagno obsequiounos cunha proposta que se presumía a todas luces aterradora... Pois, ao igual que ocorre con todos os grandes e pequenos artistas (como xa lembrei de xeito oportuno e oportunista nestas liñas), algún produtor enfermo mental ou algún vilán da industria discográfica conseguiu convencelos para que firmasen o seu primeiro single de... PANXOLIÑAS! Eles son tallantes ao respecto: Chámanos enfermos pero temos que recoñecer, sen ningún tipo de rubor, que somos moi fans desa entrañable tradición de Nadal e que desgraciadamente se está a perder. Antes calquera artista que se preciara sacaba, senón un álbum enteiro polo menos un sinxelo, e nós non queriamos ser menos. Claro que facémolo co escepticismo que merece tanto lucerío e tanto coro de nenos esquizofrénicos ouveando polos fíos musicais dos centros comerciais, pero o caso é quedarse co divertido do asunto, que para amargarse xa hai tempo o resto do ano. E All I want for Christmas is you e Last Christmas son dous temazos pop que lo flipas. Por non falar dos videoclips de sendas cancións. Sí, meus señores, os Caamagno tamén caeron nas redes do hedonismo invernal do Nadal con Cantan polo Nadal, no que se inclúen dúas panxoliñas, Bule, bule, Rudolph! e Panxoligna de Amor R5, que dalgún modo, reinventaron o xénero dándolle un pouco de vidilla a tan trillados tópicos, co cal, nin tan mal, oes...


Pero voltemos ao presente para profundar un pouco máis nese novo EP, Hai que andar cos tempos! que descobre novos horizontes de expectativas para a Familia Caamagno neste 2014 e que vén cargado de cambios, sobre todo estéticos: a verdade é que xa precisabamos darlle o retiro ás nosas fundas mafiosas porque xa cheiraban; non en sentido literal, claro. Bueno, nalgún concerto chegáballe de carallo. Total, que nos apetecía cambiarlle as pintas ao grupo e que mellor que uns traxes, uns botíns e unhas elegantes camisas. Somos homes clásicos nos nosos gustos e afeccións e as camisas de chorreras, aparte de ser unha prenda moi vinculada ao rock’n’roll, cremos que lle da un punto elegantemente decadente co que nos sentimos moi identificados, e que mellor que lucir todo ese atuendo na portada do noso novo EP. Todo moi clásico, si.

Ada Seoane Alló
O lanzamento deste novo traballo veu acompañado dunha espectacular escenificación da renovación do conxunto nun lugar tan acolledor coma a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o pasado 7 de febreiro: estabamos un pouco bastante acolloadamente acolloados por como podía saír iso. Era a primeira vez que nos poñiamos á fronte dunha presentación desa magnitude: alugar a Sala Capitol, a cartelería, traer aos Yakuzas de Madrid… e saíu todo de marabilla. Veu un lotazo de xente, había un ambientazo na sala espectacular, os Yakuzas marcharon todos contentos de volta, non podemos pedir nada máis. Baixamos do escenario supurando adrenalina e con un feedback do público brutal, que polo que todo mundo comentaba, quedou encantado da noite. Era a nosa data máis importante neste tempo que levamos xuntos e cumpríronse con creces as expectativas.

            En Hai que andar cos tempos! atopamos máis rock n’roll de temática subversiva e saudablemente alérxico á corrección política, cuxo maior expoñente é Surfistas nazis, clásico dende xa que nos evoca o estilo despreocupado dos Beach Boys e inspirado, como non, nun documento audiovisual claramente contracultural como Surf nazis must die (1987), serie B pura e dura que aquí é marabillosamente homenaxeada. Os son dos 60 conxúntase coas pequenas problemáticas intrascendentes do primeiro mundo actual nunha simbiose espléndida en Rantanplan, Mentireira ou C’mon baby, unga, unga. Con Fóra de control vólvese por un momento ás orixes da Familia Caamagno, sendo un tema máis vencellable ao estilo garaxe do que tamén beben. O derradeiro corte, Mala herba, versión do tema orixinal dos Coasters Poison Ivy, volta aos ecos sesenteiros narrando unha particular historia de amor non apta para castos, púdicos ou televidentes de 13 TV.


Pero ademais de todo este “rollaco” que eu acabo de poñer, por que Hai que andar cos tempos! vale a pena? Puxemos todo o empeño en que todo saíra o mellor posible, ou polo menos o máis aproximado ao que a nós nos gustaría ver por aí. Fomos a Xixón a gravar ao noso estudio favorito da actualidade, Circo Perrotti, onde xa gravou xente á que admiramos a nivel internacional, dende os Cynics ou os Fleshtones, ata Billy Childish ou Wau y los Arrrghs, e aínda por riba baixo a dirección dun referente absoluto para nós como é Jorge Explosión, dalgunha maneira responsable de que fagamos o que facemos. Editámolo en vinilo e sacámolo baixo o selo de Lixo Urbano. Máis non podemos facer nin pedir, levamos un ano de curro con todo isto e o resultado para nós é extremadamente satisfactorio. Agora podemos soltar iso de “Es nuestro mejor trabajo hasta la fecha”.

A Familia Caamagno non é un grupo ao uso. Fieis ás súas conviccións e ao que a eles mesmos lles gustaría ver no panorama musical actual, non perden a ocasión de combinar a indiscutible calidade do seu traballo por buscar esta diferenciación con algunha declaración de principios: botamos en falta grupos que fagan bailar con melodías que se che peguen no cerebelo, porque hai moito metal durísimo e moito noise de todo a 1€ e raiadas que “loflipoyosolo” y “suputamadre”, e son un absoluto coñazo. Está moi ben que cada un faga o que queira e son moi necesarios todos eses grupos, pero para nós son aínda máis necesarios grupos con un pouco máis de alegría de vivir, concho. Despois queixámonos de que non vén a xente aos concertos, normal! Que vale que hai moitos factores coma a pouca cultura musical que temos de música ao vivo no pop e no rock’n’roll (ou cultura musical a secas), pero é que hai algúns que é absolutamente normal que non vaia nin “jesucristobendito” porque non hai Santo Job que o ature. E outros dirán o mesmo de nós e parécenos fenomenal.

Pouco máis se pode dicir desta banda que non sexa facerlles un pouco de publicidade “de ghratís” porque de verdade que a merecen. Mentres esperamos con ansia velos por fin na irrealidade dun videoclip de promoción que poida acabar sendo tan viral coma Wrecking ball (non houbo nin tempo nin moitas ganas de poñernos con esas lides audiovisuais. Agardamos ter antes do verán a nosa primeira videocreación musical, que xa tardamos!), é a miña obriga moral informarvos de que podedes conseguir o caralludísimo EP Hai que andar cos tempos!, editado pola discográfica compostelá Lixo Urbano, en formato dixital no bandcamp, en vinilo de 12’’ e en disco compacto (seguramente por un módico prezo, que esta xente non é Alejandro Sanz) e que só con buscar á Familia Caamagno en facebook ou twitter poderedes localizalos rápido cuan GPS para disfrutar a tope cun dos seus concertos.


Ah... Por certo... De quen é toda a culpa?

Do ghobierno!

P.D. Ghracias, Familia, por prestarvos a esta cousa. En canto poida, invito a un cubata! Como mínimo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario