sábado, 8 de marzo de 2014

Feminismos de postín vs. "Egomet"


Xa comezou o simulacro de defensa da dignidade, liberdade e integridade feminina? Parece ser que si. Un ano máis, mulleres de todo o mundo e de toda clase, condición, raza, lingua ou ideoloxía congratulámonos por nada. Si. Por nada. Rendidas á oficialidade e á eventualidade celebrámonos como colectivo, iso si, pero esquecendo no fondo e detrás dese mero escaparate de indignación ou amor propio verbal que somos un colectivo oprimido, sometido á violencia física e simbólica, rexeitado e infravalorado, que aínda debe axeonllarse perante un mundo patriarcal cuxas concesións seguen sendo escasas. Pero tanto ten porque o noso día de reafirmación de xénero coas súas pancartas, murais e cancións reivindicativas non nolo quita ninguén! Porque supoño que debemos alegrarnos das “conquistas” obtidas sobre todo no presente ano, comezando por esa novedosa lexislación do goberno español que por fin acaba coa espiral de violencia estrutural que ata o de agora nos empurraba a delinquir e mesmo a asasinar! Bra-vó!

Creo que se nota que levo bastante mal iso dos “días internacionais de”. Un día estamos orgullosas de ser mulleres e queremos loitar ferventemente polos nosos dereitos e ao outro día queremos salvar ao loro de ventre laranxa da extinción para ao día seguinte estarmos preocupadísimos pola divulgación de enfermidades raras coma o linfedema (que, dito sexa de paso, tamén existimos). Todo isto empeza e remata aquí, a nosa esquizofrenia non coñece límites. No transcurso destas 24 horas non haberá rede social que non estea inundada de lemas, consignas e frases atribuídas a célebres precursoras do feminismo actual para que todos vexan que esa persoa tamén se acorda de que hoxe é 8 de marzo (presumindo dun nada loable coñecemento “wikipédico”). Neste día non haberá nova en calquera medio de comunicación que non lembre as ignominiosas estatísticas ás que sempre se nos vincula como colectivo, tales como o número de mulleres asasinadas, violadas, vítimas de malos tratos ou o nivel de discriminación que padecemos. Ademais de todo isto, descubriremos que hoxe, máis que nunca, a responsabilidade política é plena e total. Temos ás democracias occidentais do noso lado, que pode ir mal? Todo “servidor e servidora pública” de calquera cor política exhibirá no día de hoxe unha concienciación sincera que non impulsará a outra cousa que non sexa actuar a prol da consecución das nosas metas, en especial as políticas, que evocarán cunha admiración digna de Xudas o papel desempeñado polas activistas do pasado e louvarán o papel tan rancio que se nos asigna nun mundo e nunha sociedade que aínda son de homes. Todo forma parte do gran fasto desta ilusión teatral chamada “día internacional da muller traballadora” que se apagará de socato coma unha vela á que sopramos en canto academos a medianoite do 9 de marzo.

Antes de seguir, confeso que pequei, pois eu tamén estou aproveitando dun xeito oportunista esta data e asúmoa como treito temporal idóneo para poñer de manifesto o meu cabreo. Mais, que o meu pecado non me escuse no presente pero si no futuro, pois eu aspiro á destrución de días coma este, destes pobres recordatorios de causas dadas por imposibles que non deixan de ser unha metamorfose máis do dominio mediático que tan fortemente nos inflúe e do propio poder establecido, que se asimilan ao efémero clima de reivindicación e protesta coma lobos que camiñan entre cordeiros e que nos ditarán tacitamente o esquecemento de calquera demanda que exceda a xa tremenda xenerosidade do paternalismo patriarcal para coas mulleres. Isto non é máis que “postureo”, mías senhores. Falsidade e Hipocrisía (así, con maiúsculas e divinizadas) son os dous principios que rexerán a oratoria do presente día, dous principios nos que caeremos moitos de nós, pois non hai frivolidade máis grande que os “días internacionais de”.


En serio hoxe honramos a memoria das Olimpe de Gouges, Mary Wollstonecraft ou Simone de Beauvoir? De verdade nos identificamos co ideario revolucionario de figuras de gran calado para a causa feminista como estas e sentamos os alicerces do noso estado contemporáneo nalgunhas das súas teses? Superamos todo isto? Pois claro que non. Botamos por terra cada un dos seus logros intelectuais e materiais, non hai máis que ver o que pasa ao noso redor. Pois seguramente algunha de nós terá oído (e seguirá oíndo) algunha vez proclamas de resignación e derrotismo por parte dalgunha muller, a saber, “o meu mozo ten celos e pégame porque me quere e a culpa é miña”, “o traballo máis importante é o do home” ou “eu non me considero feminista, os radicalismos non me gustan”. Que esperamos? Que nos regalen as cousas? Que un día aos homes se lles ilumine a cachola e decidan que xa está ben de tanto abuso? E, aparte disto, que pretendemos se logramos librarnos do despotismo machista? Subvertir os roles sen máis e facer o mesmo que fixeron eles durante miles e miles de anos inaugurando unha nova e infame dicotomía de xénero? Eu xa coñezo mulleres (moi) empoderadas e, francamente, non che me gustan moito. Négome a que os meus referentes sexan Soraya Sáenz de Santamaría, Dolores de Cospedal, Esperanza Aguirre, Margaret Thatcher ou Isabel a Católica, por dar uns poucos nomes, e seguramente tamén algunha de nós tivo ocasión de oír que estas son mulleres dignas de admirar porque son as que “cortan o bacalao”. Diso nada, todas esas mulleres simplemente viron a ocasión de facerse cun rol hexemónico acatando as mesmas regras que determinan a dinámica do poder masculino. Encima, esixíndoselles, como non, o dobre para demostrar que merecen estar aí, simplemente polo atributo vaxinal.

Hoxe é un día triste e de resignación. Sí, resignámonos. Resignámonos a que só temos un día ao ano para poder berrar aos catro ventos que nos gusta ser mulleres (como se do slogan dun anuncio de compresas se tratara), resignámonos a disfrutar deste carameliño chamado 8 de marzo que as altas esferas nos dan para falar sen medo durante un único día ao ano para despois obeceder ao mandato implícito de que caladas estamos máis guapas. Tardaremos un ano en ver a mesma efervescencia de compromiso e unidade como colectivo, o cal dá conta da nosa falta real de compromiso e da nosa evidente desunión.

Mulleres de todo o mundo, non celebredes este día. Non vos felicitedes. Ignorade esta “festa” da feminidade e facede que todos os días sexan dignos das vosas reclamacións. Se a miña influencia puidese exceder a modestia destas pobres liñas diríavos que abrirades as ventás, vos asomarades a elas e berrarades “estou máis que farta e non quero seguir soportándoo”, pero nin presento un noticiario de máxima audiencia nin protagonizo unha oscarizada película de hollywood para que isto se faga real. Se por fin as mulleres logramos liberarnos destas cadeas que nos reteñen, da publicidade que nos denigra, da política e das ensinanzas que nos adoutrinan no machismo e no repugnante falocentrismo e da nosa propia condescendencia cara estes tópicos e feitos, debemos continuar e loitar por un mundo diferente, non por asentarnos nunha vendetta que non leva a ningures, só a repetir erros do pasado. Soñamos coa igualdade e a xustiza para nós e para todos os seres humanos? Por que non pode ser posible? Non vos acomodedes neste día, mañá volvede inundar as vosas redes sociais con manifestos e sentencias, volvede cantar Respect co mesmo aplomo e volvede berrar ata a afonía total que estamos ata a cona! Non deixemos que a oficialidade nos encorsete e nos cale durante 364 días máis!


E, boeno, como Pasionaria eu non teño moito futuro (xa se viu), estou cabreada e que pode facer a miña humilde persoa soa por todas nós? Pouco, supoño. Iso sí, a deus poño por testemuña que nunca máis volverei usar este día para manifestarme. Hai moito que facer e non se conseguirá nun único día de autofelación (perdón, auto-cunnilingus!) que non é máis que unha fachada que se derrubará mañá mesmo. E, pese a que como escritora terei aínda menos futuro, gustaríame compartir un amago de anárquica composición pseudo-literaria que se me ocorreu nun día de enfado existencial similar a este e que pode resultar como conclusión efectiva ou efectista a esta publicación incendiaria... 

Porque non somos a costela de ninguén!!!

Xa non quero ser Penélope.
Ofrendo á miña memoria o roce morriñento dos teus bicos,
Unha nébula de nostalxia cobre os meus menceres,
Evoco as túas apertas e apreixo o teu recordo,
Preguntándome se saberás volver.

Nunca máis serei Penélope.
Mártir no teu cruel abandono,
Fiei cun céfiro hostil e tecín un etéreo lenzo de soidade,
Nego a compaixón e o pranto,
Endexamais te esperarei.

Non podo ser Penélope.
A dozura que coñeciches tornou en pétrea indiferenza,
Postergo o meu apego e devasto a miña idolatría por ti,
Traidor e falso polítropos, ilusionista astuto e farsante,
Que prostitúes unha vil ausencia polas túas arelas de fazañas.

En realidade, nunca fun Penélope.
Absólvome da miña inocencia,
Que podreza o teu insolente desdén!
Exhumo a miña cinsenta virxindade,
O meu corpo é meu… Xa non son Penélope.


Medea Na Eira, 2013 (si, esta cousa saíu da pataca que teño por cabeza)

Ningún comentario:

Publicar un comentario