venres, 5 de setembro de 2014

Galería de ídolos femininos (III): Winnie Harlow


          A terceira entrega desta sección merecía unha historia extraordinaria. E perdóenme o ousado prexuízo pero nunca pensei que unha top model fora protagonizar un destes grandes relatos de superación dos que, por desgraza, a prensa gusta tanto para sodomizalos con sensacionalismo e falsa admiración. Mais non é a miña intención limitarme a sinalala co dedo coma quen mira para a muller barbuda por uns poucos dólares, pois esta moza ben merece un recoñecemento mellor. Winnie Harlow é muller, é modelo e padece vitíligo. Non sabía quen era ata hai dous días e xa a adoro por ter a valentía de desafiar, aínda que fose accidentalmente, o canon estético actual, por ser quen de mostrarnos outro tipo de beleza, sempre diversa e polimorfa (diga o que diga Karl Lagerfeld) e por acabar con cada barreira que se interpón entre ela e as súas aspiracións.


Winnie Harlow naceu no Canadá hai 19 anos co nome de Chantelle Brown-Young e á curta idade de catro anos diagnosticóuselle vitíligo, a mesma enfermidade dexenerativa que segundo algúns tamén padecía Michael Jackson, causa pola que supostamente “branqueou”. Esta doenza consiste na despigmentación progresiva da pel ao non producirse melanina, substancia encargada de “colorearnos” un pouco, o que incrementa o risco de sufrir queimaduras á exposición solar. Pero o vitíligo implica, ademais, atravesar un padecemento a maiores cuxa crueldade non coñece límites: a inxusta exclusión social por motivos estéticos. A propia Winnie Harlow lembrou en varias entrevistas o rexeitamento que producía nos demais o simple feito de contemplar a súa pel. Os seus compañeiros de clase dedicábanlle epítetos tan pouco amables como “cebra” ou “vaca”, pero ningunha vexación conseguiu desmoralizar a Chantelle nin impediu que se presentase ao concurso America’s Next Top Model, do que saíu vendo realizado en gran parte o seu soño de converterse en modelo e nunha rara avis ben necesaria na industria. Actualmente é a imaxe da popular marca de roupa Desigual, coñecida polos seus publicitarios chascarrillos de dubidoso gusto sobre a maternidade. De feito non sei que pensar das intencións de Desigual en canto a esta fichaxe e non vou opinar. O caso é que Winnie Harlow, unha beleza diferente nada á marxe do canon está aí e como tal podemos valorala.

            Vale, acato que se me reproche neste punto da redacción unha certa falta de rigor: se tanto prego que se vexa con normalidade que unha moza con vitíligo queira ser modelo, por que o destaco tanto e fago unha reseña coma esta da súa (curta) vida e (curta) obra? Porque por desgraza neste mundo aínda fai falta que se nos lembre que a diferenza tamén mola e que, contrariamente ao que moitos pensan, é unha das grandes riquezas da raza humana, ademais de ser o fenómeno maioritario fronte a aqueles que nos impoñen a tiranía da uniformidade física e mental. E, de novo, o meu ánimo dista moito de pretender a ofensa con burdos vítores “telecinqueiros” á ousadía efémera (un olé polo neoloxismo, por favor). Celebro que Harlow, ao igual que outras malchamadas maniquíes (en serio, que maneira é esa de referirse a unha modelo???), se chante fronte a un canon inxusto, pouco representativo e, por que non, criminal. Entusiásmame que existan tops como Tara Lynn ou Robyn Lawley, paradigma para todas aquelas que nalgún momento sobrepasamos unha L; Moffy, que padece estrabismo, ou Carmen Dell’Orefice, que simplemente é unha anciá de oitenta e pico e segue desfilando.    


            Negar a importancia cultural da moda é ignorar o mundo no que se vive, está presente en moitos ámbitos da nosa vida (é o que ten non ter pelaxe coma os gorilas) e serve tamén para facer arte. Mais é certo que durante moitos anos, case dende os inicios da industria como tal, e salvo contadas excepcións de lucidez estética (gracias, Coco, por pensar sempre en nós mesmas), a moda sempre tomou como referencia o corpo feminino non para dignificalo, senón para denigralo e para empregalo como unha simple percha, algo que nos últimos anos tornou en prácticas tan salvaxes como enxalzar sobre as pasarelas a extrema delgadez e a coñecida talla 0 como un ideal de beleza e perfección ao que aspirar e ao que todas nos debemos asimilar (sempre orientado cara a nós, as mulleres, pois a dieta é unha anestesia moi eficaz). Independentemente de que iso poida derivar na apoloxía de graves trastornos do noso tempo como a anorexia ou a bulimia (ai, Karl, que “jamao” estás), que tamén, cómpre termos moi presente que como percepción relativa que é, a beleza non é unha soa, nin a feminina nin a masculina. Deberíamos ser capaces, como mulleres e dada a exposición que temos no mundo da moda e do “belo”, de confrontar novos modelos e propugnar novos ideais estéticos, dunha forma sá e menos frívola.


Louvo o atrevemento de Winnie Harlow porque me parece un dos precedentes máis esperanzadores de cara a que as pasarelas pasen a ser o escaparate dos corpos reais, tanto de mulleres coma de homes, para sentirmos que a moda, máis ou menos asequible, tan importante nas nosas vidas “primermundistas”, realmente se concibe cunha funcionalidade, a de vestir os nosos corpos e a nosa personalidade. Espero que gracias á achega de modelos coma Harlow, nun futuro non moi lonxano deixemos de pedir perdón por ter uns quilos de máis, unhas poucas engurras, algo de celulite ou por ser multirraciais. Gustaríame que casos coma o desta rapaza xeraran unha controversia moi necesaria para darlle a volta ao canon establecido. Polo de agora, congratúlome de que unha muller como ela exhiba con tanto orgullo o seu corpo perfectamente imperfecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario