venres, 19 de setembro de 2014

O independentismo escocés segundo Hollywood: “Braveheart”, de Mel Gibson


Xa que estes días Escocia decide o seu futuro como nación, estado ou o que sexa nun exercicio de democracia moi saudable pero aplaudido e denotado por igual, aquelas ás que o sentimento patriótico (sexa da índole que sexa) nola trae moi frouxa decidimos poñernos iconoclastas e derrubar mitos. Tal é o meu caso. Supoño que fago este post “supercalifragilioportunista” porque hai un par de días lin na mal chamada prensa seria que as vendas do DVD de Braveheart, multipremiada película do hoxe algo malogrado Mel Gibson, se dispararan en Escocia co gallo do referendo pola independencia, feito que me sorprendeu e non deixa de abraiarme por varios motivos que exporei a continuación. Comezamos.

Boeno, antes de nada direi que a min Braveheart paréceme un puto peliculón. Así, sen vaselina nin xel lubricante. E que non estou aquí para discutir a calidade do filme en si mesmo senón para contrastar (ou contrarrestar, por que non) calquera parecido da ficción  coa realidade. Dende que o mundo é mundo, todas as ideoloxías máis ou menos descabezadas precisaron dunha base argumental e ficcional na que apoiarse, e sen ser o australiano Mel ningún teórico destacado do nacionalismo escocés, dende o ano 1995 converteuse nun sólido referente motivacional para os partidarios da independencia de Escocia. Foi o australiano Mel, si, manda tralla, o que mostrou a Hollywood e ao mundo enteiro a historia de William Wallace, algo así coma o Alex Salmond do século XIII pero en gore.


Braveheart é pura épica moi ben contada, pero de cando en vez adoece de certas pretensións, pretensións que o respectable adoita tomar moi en serio considerándoa case unha lección de historia e nada máis lonxe da realidade. Sendo Wallace un personaxe real e tan histórico coma a invención da fregona, Gibson non renuncia a explotar toda a mitoloxía xurdida arredor do mesmo cuns poucos engadidos, imprescindible para darnos un monumento cinematográfico como Hollywood manda. Concretamente, unhas tres toneladas de traxedia persoal, outras tantas da pertinente historia de amor (heterosexual e cortada polo patrón do romanticismo máis idealizado) e un quintal de acción, suor e sangue bélico. Ah, e non se nos pode esquecer chamar a James Horner para que nolo pinte todo ben bonitiño cunha banda sonora sublime e así gañemos Oscars a “cahcoporro” (cinco para ser exactos).


Creo que está de máis recordar que o retrato de William Wallace trazado por Mel Gibson (o propio director asume o rol protagonista) é o dun home apartado dos asuntos políticos ata que o apretan ben apretado e decide involucrarse. Dito así parece a historia dun votante de Podemos (con todo o meu respecto para os votantes de Podemos, que non son poucos) pero a cousa é algo máis complicada: de neno perde ao seu pai e ao seu irmán maior a mans dos ingleses, que oprimen ao pobo escocés dun xeito brutal. O tío Argyle (Brian Cox) asume a tutela do pequeno William e lévao a ver mundo lonxe da represión do malvado rei Eduardo I “Longshanks” (Patrick McGoohan), obsesionado con anexionarse unha Escocia con sobredose de pretendentes ao trono (estes reis que palman sen descendencia, ains...). Wallace regresa con algo máis de pelo no peito e sen máis aspiración que vivir de “jipi” e casar co amor da súa vida, Murron (Catherine McCormack), á marxe de todo enfrontamento. Pero cando Murron é asasinada por uns gardas ingleses, Wallace decide vingar a súa morte nada máis e nada menos que liderando unha gran revolta contra o inimigo inglés. Pero todo isto está de máis recordalo, tamén que despois de liala parda e gañar inesperados aliados coma a esposa do príncipe inglés (Sophie Marceau), Wallace acaba derrotado a causa da traizón do “chaqueteiro” Robert Bruce (Angus MacFadyen). Pero nada, xa o sabemos, non fai falta nin mencionalo.


Para min, a identificación da trama ficticia co sentimento independentista escocés real non é plena por dous motivos fundamentais: a actitude inicial de Wallace, por un lado, e, por outro, o detonante da revolta e do seu consecuente compromiso coa liberdade do pobo escocés. Sei que o que vou dicir non lle vai molar a moita xente que moquea con esta película (ao meu outro eu esquizofrénico tampouco lle vai gustar) pero ao William Wallace de Mel Gibson Escocia e os escoceses sóplanlla moito de principio a fin. Ao principio do filme, e aínda cos cadáveres de seu pai e seu irmán enriba da mesa, o único que lle oímos dicir por activa e por pasiva é que quere cultivar unhas terras e formar unha familia e que os problemas que poidan ter os clans cos nobres ingleses a el nin lle van nin lle veñen. Pero, claro, no momento en que lle tocan o seu aí si que se envalentona. Non teño nada en contra das historias de vinganza, que sempre son moi interesantes, pero repetir como loros a consigna de poderán quitarnos a vida pero nunca nos quitarán a liberdade sabendo que quen a di é un gran oportunista non é moi loable. Na miña humilde opinión, eh, non vou negar que despois cumpre (ata se carga aos vendidos ao poder inglés). Mais, remata a faena fiándose de quen non debe: Robert Bruce, que me parece o mellor personaxe de todo o filme, un tío que nunca sabes por onde vai tirar e que se debate constantemente en ser fiel ás súas propias conviccións ou seguir os perniciosos consellos de seu pai.

A lectura política en Braveheart cheira e está de máis. Descoñezo o proceso e non sei de que maneira Mel Gibson foi bater coa historia de William Wallace e en que momento se decidiu a levala á gran pantalla pero honestamente creo que o tema da independencia de Escocia é puramente circunstancial e na propia película está bastante transversalizado (coido que esta palabra non existe). O que quero dicir é que Escocia é a escusa, Mel Gibson só quere marabillarnos coas súas habilidades para comandar lexións de extras e manexar orzamentos estratosféricos, só quere darnos épica e teríao feito igual noutro contexto, noutra época e noutro lugar. A causa dos sublevados escoceses de Braveheart é tan digna de reducirse a un argumento épico como a da alianza rebelde de Star Wars. E calquera parecido coa realidade é casual. Porque, ademais, hai outra cousa; estamos na Idade Media, os escoceses comandados por Mel non son baluartes da democracia nin nada que se lle pareza, o pobo vai seguir sometido a un poder autoritario tanto en Inglaterra como en Escocia se finalmente conseguen quitarse aos ingleses de enriba. Outro punto no que fraquea a mímese co independentismo actual e outro motivo polo que non creo en absoluto que esta película poida alimentar ese sentimento. A motivación que nos transmite o filme é máis deportiva que política, na miña opinión.

En calquera caso, celebro que o referendo escocés pola independencia provoque que se revise este xigantesco filme. Braveheart é o meu particular Pretty Woman: cada vez que a volven botar pola tele pásoo teta, nin ma perdo nin a aburro, pois ten todo o que eu busco nunha película-espectáculo: traxedia, acción, boa banda sonora, discursos motivadores, planos que non amosan nada máis que inmensidade... Creo que é unha película que envelleceu moi ben, segue gustando, segue emocionando e segue impresionando (ata revisar os seus gazapos nos parece entrañable).

Pois iso, “la cosa grande”, para os da LOXSE, diría o cómico. E de independentismo, niente. A disfrutala.


Ningún comentario:

Publicar un comentario