martes, 25 de novembro de 2014

“A miña vaxina está furiosa!”

       

       Novembro. Día vixésimo quinto. Nin frío nin calor nunha efeméride que tempo hai que renunciou a toda emoción. Postureo. Total indiferenza que inspira unha redacción telegráfica e tediosa. Pero a miña vaxina está igualmente furiosa.


             Ata as 10:30 horas do día de hoxe non sabía quen era Eve Ensler. Nin me soaba. Mais o vasto océano de internet é realmente caprichoso e, nun día corrente de incesante buceo na busca de algo (coma sempre), din con este nome e cunha obra aparentemente célebre pero que tampouco me dicía nada a priori (semella que non abonda con ser celebrado para ser coñecido en todas partes): Os monólogos da vaxina. Ninguén crerá que isto foi unha mera casualidade sendo hoxe 25 de novembro, por outra banda, tanto me ten o que pensen os demais, pero de verdade que aconteceu así, do xeito máis fortuíto que un poida imaxinar. Nin sequera fun ao recurso fácil de poñer na caixiña dun Google que non estimou oportuno dedicarlle un doodle a este día de “loita” para rematar coa violencia contra as mulleres, unha categoría tan explícita como “literatura feminista”, non. Simplemente batín con ela, coma case todo o que cae nas miñas mans. E tan rápido como consumín esta obra sentín a necesidade de divulgar o meu entusiasmo con ese lector apostrofado ao que sempre me dirixo.


            Polo que puiden averiguar no tempo que levo a pé mentres escribo isto (unhas catro horas, aproximadamente), Eve Ensler é unha escritora e activista feminista norteamericana que no ano 1996 e logo de falar con centos de mulleres de todo o orbe publicou unha serie de monólogos inspirados nestas conversas que agrupou baixo o título Os monólogos da vaxina. Non esperedes sorpresas. A obra fala diso. De vaxinas. De conas. De ratas. De parrochas. De cricas. De cousiñas. De cousos. De aí abaixo. De chirris. De chochos. De montes de Venus e unha pila de sinónimos máis politicamente correctos ou non. De feito, así comeza a obra, cunha acertada reflexión sobre a denominación do órgano en cuestión e toda a eufemística desenvolvida arredor do mesmo, á que eu engado modestamente, como se puido comprobar, algunhas nomenclaturas moi galaicas que, loxicamente, Eve Ensler non coñece.

            Como se chega a escribir unha serie de textos sobre vaxinas nun mundo socio-culturalmente patriarcal no que non existe un contexto proclive a rematar falando de algo que está aí e que debería ser normal pero que non o é? Pois creando ese contexto. A premisa de Ensler é moi directa e dese mesmo xeito se presentou ante as súas entrevistadas, con algo tan simple pero tan tabú como preguntarlles polas súas vaxinas, o cal da pé non só a falar do propio órgano senón a debater algo tan pouco valorado como a relación das mulleres co seu corpo. Iso por unha banda e, por outra, tamén se serve diso como metonimia, introducindo outras cuestións que van máis alá dunha reivindicación sempre oportuna da sexualidade feminina, como a violencia sexual, a violencia obstétrica ou a maternidade (esta última quizais demasiado idealizada para o meu gusto, aínda que entendo que a autora queira finalizar e resolver a obra cunha mensaxe positiva).

No conxunto harmonízase a solemnidade dalgunhas pasaxes (o monólogo dedicado ás mulleres violadas na guerra dos Balcáns) con algunhas notas de humor mordaz sobre temas tan cotiáns pero pouco discutidos como a necesidade ou non de rasurar o pelo da vaxina (perfecta metáfora da opresión que supón a imposición dun canon de beleza cuxa obtención nos mantén demasiado ocupadas como para pensar no que iso realmente representa) ou o incomprensible rexeitamento que produce en homes e nas propias mulleres a exaculación feminina. Supoño que o primeiro gran propósito da obra é tratar de convencernos da necesidade de asumir e aceptar a nosa sexualidade sen prexuízos e desterrando todas aquelas ideas preconcibidas que o sistema patriarcal nos meteu tan sutilmente no hipotálamo e que chegamos a entender como “normais” como paso previo a afondar nas reivindicacións a prol da igualdade de xénero sen por iso renunciar á nosa identidade. Todo conflúe na nosa vaxina, nela albérgase o único órgano humano destinado exclusivamente a proporcionar pracer, a través dela sae a vida (literalmente) e nela materialízanse todas as misoxinias e toda a violencia simbólica que colle no mundo. Eve Ensler achéganos a unha realidade a veces graciosa e a veces penosa a través do principal gran tabú que nos impide reafirmarnos no que somos: o noso sexo.


Os monólogos da vaxina non é (nin creo que vaia ser) lectura obrigatoria en ningún centro educativo público nin privado e, afortunadamente, isto non é un “control de lectura” nos que a última pregunta sempre é “cal foi o capítulo que máis che gustou e por que?”, pero, se tivese que quedarme cun único monólogo, quedaríame sen dúbida con aquel que comeza cun rotundo A miña vaxina está furiosa! Resume á perfección o constante estado de indignación no que vivo dun tempo a esta parte, con todo este retroceso en materia de igualdade que a miña xeración está a vivir e que chega a provocar que ata bote de menos a política social de Zapatero (mamaíña do ceo...). Este é o monólogo do cabreo, a protesta e a irreverencia, no que se escolman todas as atrocidades ás que se somete a sexualidade das mulleres, perfectamente representadas na súa introdución: Un exército de persoas está aí fóra pensando en como torturar a miña pobre, xentil e adorable vaxina [...] putos torturadores de vaxinas! Ensler arremete contra toda a maquinaria sutil e non tan sutilmente torturadora das vaxinas: os tampóns (un puto algodón atascado aí abaixo), a “limpeza” dun órgano xa moi limpo por si mesmo, o instrumental xinecolóxico, as revisións xinecolóxicas, os tangas... E espeta unha frase que me deixou morta pero moi certa: eles odian, odian, odian, odian ver a unha muller sentindo pracer.

Agradezo de veras que unha autora como Eve Ensler se esmerase en divulgar feminismo e invitar a unha profunda reflexión cunha obra desenfadada e satírica, facendo así moito máis evidente a problemática da sociedade patriarcal sen necesidade de recorrer a monótonas disertacións filosóficas que non todos poderán entender. Sempre está ben falar claro e dicir VAXINA (por moito que, como di ela, sexa unha palabra que pareza dicir algo absolutamente oposto ao que realmente di), do mesmo xeito que debemos falar claro e dicir que se nos impón unha idea de beleza criminal (si, con todas as letras), unha sexualidade da que non debemos falar moito porque é algo pecaminoso e indecoroso, que se nos violenta de todas as formas posibles para reprimir e reducir calquera atisbo de contestación ás inxustizas do patriarcado... Ensler é capaz de conxugar todo isto baixo un título provocador que agocha moito máis e cuxo propósito vai máis alá de chamar a atención e facer que botemos unhas poucas risas (que tamén está ben).

Lectura recomendadísima para días coma o de hoxe ou, máis ben, visionado recomendado, xa que a representación teatral destes monólogos a cargo da propia Eve Ensler foi gravada e retransmitida por televisión no seu día a través da canle americana HBO (adxunto unha dobraxe ao español latino, a que atopei, vamos).


Adicado a todas as vaxinas furiosas do mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario