mércores, 7 de xaneiro de 2015

Censura ou morte

          Facer humor é algo moi serio. Non son a primeira en descubrir este oxímoro pero non está de máis lembralo, maxime tendo en conta os últimos acontecementos. Na miña opinión, non hai forma máis sa de tomarnos en serio a nós mesmos, individual e colectivamente, que saber rirnos e cachondearnos convenientemente dos nosos actos ou da nosa forma de ser. E nada mellor que encarar a realidade tratando de caricaturizala. Sobre todo esta que nos tocou vivir, tan fodidamente horrible e na que a liberdade está máis próxima que nunca á utopía, algo que xa non cómpre recordar como un simple apunte a pé de páxina e albergando a esperanza de que só sexa unha moi pesimista opinión que nos rolda pola cabeza, porque xa nolo recordaron esta mesma mañá como un feito consumado a tiros nas rúas de París.

Máis absurdos: covarde ousadía a do fato de salvaxes que perpetraron esta mañá o último e máis grave atentado contra a liberdade de expresión no mundo coñecido. Non hai adxectivos nin amplificativos en ningunha lingua do mundo que expresen axeitada e fidedignamente o tremendo noxo e a enorme repulsión que me asaltaron logo de ler esta mañá as novas que chegaban do país veciño. O cabreo só podía ser superlativo: que alguén decida que por rirte dun inxusto e cruel modelo social, político e relixioso mereces morrer xa é colmo.

Calquera que teña un espazo, máis grande ou máis pequeno, en calquera medio de comunicación, máis ou menos masivo, debería hoxe sentirse solidario con todo o equipo da publicación satírica francesa Charlie Hebdo. Hoxe é un día para falar claro. Podería alambicar todo isto e botarlle todo o mediocre preciosismo que me viñera á cabeza pero non. Estou ata os ovarios. Paréceme indignante que neste mundo aínda quede xente que teña os collonazos de ameazar a túa integridade física e moral por facer un uso máis que razoable da túa liberdade de expresión. Xa non falo só dos que non teñen ningún problema en emprendela a ostias ou a tiros simplemente porque non lles gusta o que dis e pensas, senón daqueles que se ocultan detrás de rancias lexislacións de recente entrada en vigor ou daqueles que se agochan tras un anonimato virtual cuspindo insultos, infames mofas e lixo verbal de toda clase nas redes sociais para tratar de silenciarte, aínda que o que escribas sexan chorradas supinas e teñas a mesma capacidade de crear opinión que unha maceta. Todos eles non son máis que escoura, unha auténtica lacra que apelando aos máis baixos instintos da raza humana e cunha altura de miras considerablemente miúda se cre co dereito inapelable de influírte e coaccionarte para que non fagas ou digas esta cousa ou estoutra, simplemente porque a eles non lles gusta. Son unha calamidade á que hoxe máis que nunca lle debemos dirixir un contundente NON!

NON nos calaredes.

NON cederemos ante as vosas ameazas e intimidacións.

NON lograredes meternos medo.

NON nos quitaredes a nosa liberdade de expresión.

NON nos obrigaredes a elixir entre a censura ou a morte.

(E podería seguir, pero non quero redundar moito máis)

Déixovos con algunhas reaccións moi dignas de mención:

Yorokobu

Visto en Facebook

El Jueves

Recomendo ler a magnífica “noticia” de El mundo today ao respecto.

           O artigo de Darío Adanti (da revista satírica Mongolia) publicado en eldiario.es.

            E, por último, unha reflexión vista no interesantísimo blog Inventarios de pánico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario