luns, 18 de maio de 2015

O día despois...


            Pasou o día e todo segue igual.  A avogacía do demo abre as súas portas para anunciar que non foi para tanto. Non foi tan traumático. Ou iso quero crer.

            Recordo poucas festividades de exaltación do patrimonio cultural propio tan controvertidas coma a de onte. Máis ben, non recordo ningunha. Aínda así, semella que a campaña electoral tivo aos principais baluartes da loita contra o oficialismo lingüístico e literario da nosa terra o suficientemente lobotomizados como para non facer moito ruído ao respecto. Non houbo boicot porque tocaba mítin, supoño. Pese a todo, houbo tensión e varios “tuits” urticantes que, por uns minutos, intentaron incendiar a celebración do Día das Letras Galegas (o único día no que se xulga necesario defender a nosa lingua, polo visto) e a dedicatoria ao homenaxeado deste ano 2015: Xosé Filgueira Valverde.

            Intentarei poñerme ultra-analítica para non provocar malentendidos e porque creo a ocasión o merece, xa que a cuestión é o suficientemente peliaguda como para que nos paremos un chisco a reflexionar sobre ela. O nomeamento de Filgueira Valverde como homenaxeado do Día das Letras pasou por riba de nomes de certa sona e relevancia que se consideraron “superiores” ao do candidato finalmente escollido e por riba doutros que nin sequera foron propostos nin tomados en consideración. É posible que outros o merecesen antes que el e tamén podo considerar probable que el o merecese antes que outros. Por que non? Mais, con tanto erudito morto ás nosas costas, non debería resultarnos estraño que a arbitrariedade mande nunha decisión anual tan agardada (obviando o pequeno detalle de que é algho triste que teñas que botar un mínimo de dez anos no nicho para que che recoñezan a túa labor en defensa ou cultivo da lingua galega, pero xa me meterei nese “freghado” noutro momento).

Nunca chove a gusto de todos pero neste caso foi aínda máis heavy. Tratábase dun destacado autor en lingua galega, si; un fulano que demostrou un certo compromiso co idioma, vale; un señor destes que tanto che escribía un tratado sobre costumes, historias e demais “batallitas” como che botaba a andar un proxecto editorial galego e en galego en plena posguerra. Pero tamén foi político. E non un calquera. Foi alcalde de Pontevedra durante o franquismo, o mesmo que se cebou coa nosa fala e coa nosa cultura durante esa Longa Noite de Pedra que a veces semella que aínda está por rematar. As institucións encargadas de tal designación non tardaron en ser ferozmente sinaladas co dedo por mostrar certa condescendencia con esa mancha no historial vital do tal Filgueira. Vaia cocho colaboracionista! Que vergonza! Indignante que a RAG lle vaia conmemorar nada a ese fulano! De pouco lles serviu aos que esgrimiron amables sentencias do estilo destas que se lles lembrase a importante achega que supuxeron os volumes de Adral ou Bibliófilos Gallegos, por poñer algúns exemplos. E pode ser comprensible. Pero, como ben recordou Manuel Rivas nun artigo xa vello publicado na revista Luzes a propósito da designación de Filgueira Valverde, Platón tamén estivo en Siracusa. E ninguén lle foi pedir contas a Platón, engado eu.

Suponse que o 2015 debe pasar a historia coma o ano no que a RAG e os seus acólitos tiveron a valentía de recoñecer a labor dun persoeiro non vencellado a todas aquelas correntes ideolóxicas coas que se relaciona a miúdo a defensa do galego. É máis, suponse que tiveron a ousadía de recoñecer a alguén que formou parte activa dun réxime que por pouco nos afoga na lama sen que iso impedise a súa redención como destacado literato e estudoso das nosas letras. Dende o meu punto de vista, debería ser positivo e un saudable exercicio de madurez como pobo e como entidade cultural que busca un lugar consolidado no mundo, recoñecermos que non todas as grandes figuras da nosa lingua e literatura son modelos. Hai que ser un referente moral, ideolóxico e político para ser un bo escritor e viceversa, un bo escritor debe erixirse nunha indiscutible referencia moral e ética? Probablemente non. Ou pode que si. Mesmo os que dalgún xeito consideramos modelos sen fisuras, teñen algunha lagoa na súa vida e obra. Para min, ese é o erro de base. Erro que tivo como fatal consecuencia unha notable falta de entusiasmo por celebrar o Día das Letras deste ano. Mais, como sucede en todo, hai moita hipocrisía ao respecto, xa que “o vello profesor”, como nalgúns círculos se coñecía a Filgueira Valverde, non é o primeiro nin será o último personaxe distinguido das nosas letras cuxa vida e traxectoria se poñen en cuestión. Porén, a memoria é fráxil e a ignorancia altamente atrevida.

O caso é que ao final, non foi para tanto. Seguimos aquí. Sendo galegos por obra e gracia do idioma, como sabiamente acuñou Castelao. Lembrar as pifias e virtudes de Xosé Filgueira Valverde non resultou ser a apocalipse final e a cabeza de Alonso Montero non rodou. Despois de darlle moitas voltas, a miña conclusión é que claramente había outros que o merecían máis que o homenaxeado deste ano. Sen dúbida, pois cada unha ten os seus gustos e preferencias. Pero este ano, no que pode que se buscase de forma un pouco torpe e forzada unha especie de reconciliación, tocou enxalzar o legado dun intelectual galego que nun momento da súa vida se adheriu á estrutura dun réxime totalitario que nos mexou moitirmirmo por riba.

Valoraría moi positivamente, polo tanto, que a tan deostada academia demostrase a mesma valentía (ou facilidade, depende de como se mire) que quixo mostrar este ano, nomeando para o vindeiro ou nos seguintes a outro gran intelectual sen cuxa achega non se entende a conformación do canon da literatura galega actual e que, dende un ámbito diametralmente oposto ao de Filgueira Valverde, tamén traballou arreo pola lingua. Figura senlleira dunha realidade lingüística incómoda, destas que proe e que, podendo gustar máis ou menos está aí e forma parte da historia da nosa lingua. Si, estou falando de Ricardo Carvalho Calero (como imaxino que a el lle gustaría ser coñecido), o eterno rexeitado por aqueles puristas para os que, máis que nunca, o idioma segue sendo unha cuestión política. Filgueira pode valer pero seguramente tamén era máis doado. E iso tampouco mola.

A ver con quen a lían o ano que vén. Sexa quen sexa, que iso non nos quite o noso orgullo nin os azos necesarios para seguir mantendo viva a nosa lingua. Todos os días do ano.

2 comentarios:

  1. Non se trata da ideoloxía que tivera ou de que apoiase á ditadura franquista, non é a primeira vez que se lle adica o Día das Letras a filofranquistas. O problema, e moi grave, é que por vez primeira se lle adica a un franquista, dos de verdade, non "que estivese a favor" se non alguén que formou parte das institucións franquistas, e a maiores o presidente da RAG pide que se lle adique un edificio público poñéndolle o seu nome. Hai algo que se chama Lei de Memoria Histórica que parece que ten tanta validez legal coma eses apartados da constitución que falan de "direito a...". Papel mollado.
    Sen ánimo de trollear, saúde.

    ResponderEliminar
  2. Precisamente por iso mesmo destaco, se cadra dun xeito demasiado sutil, que foi político e non un calquera. En ningún momento lle "perdoei" ou "pasei" eu a este señor ese feito. A miña reflexión camiñaba por outro derroteiro, xa que creo que si hai moitos que pensan que todos os que nalgún momento tiveron unha relevancia especial nas causas literarias do galego deben ter un expediente vital intachable e sen mácula, a fin de conformar un canon composto por persoeiros modélicos cuxa vida e traxectoria manteñen unha progresión e cohesión, cousa que non é así nin creo que deba ser, honestamente. Pero nin no sistema literario galego nin en ningún e creo que a extrapolación ao exemplo de Platón (salvando as distancias, claro está) é perfectamente ilustrativa.

    Espero terme explicado con claridade. En calquera caso, moitas gracias por lelo e deixar por aquí a túa opinión.

    ResponderEliminar