mércores, 24 de xuño de 2015

O temazo da semana: “Rockin’ in the Free World”, de Neil Young

O que vou dicir é moi ostiable pero... A que nesta 
portada parece o xemelgo rockeiro de Chanquete???

Mi madriña... Que collonazos os de Donald Trump. Non tiña suficiente con ter a idea de bombeiro de presentar a súa candidatura ás primarias do Partido Republicano nin con propoñer a construción dun gran muro na fronteira entre os Estados Unidos e México (pagado polo estado mexicano, claro está) para frear a inmigración irregular, senón que ademais tiña que usar nos seus actos de campaña unha canción que mexa e cagha pola xente da súa calaña e tira máis cara o ideario dos seus adversarios políticos como é este temazo do que hoxe falarei un pouco. Se algo teño que agradecerlle a este magnate podre de cartos de siso comparable ao dun tubérculo e “muso” eventual do papel couché é que me dese a escusa definitiva para escoitar de novo en bucle infinito o enormísimo Rockin’ in the Free World, do canadense Neil Young.

Claro está que a eséxese literaria non é o forte do señor Trump ou pode que, coma case todo nesta vida, a manipulación e a contextualización xogasen ben as súas cartas para presentar Rockin’ in the Free World como un himno da reconquista neocon do poder ante miles de votantes e simpatizantes do partido do elefante. Folga dicir que tal depravación e deriva semántica de difícil xustificación etimolóxica non lle sentou nada ben a Neil Young, que se apresurou a emitir un comunicado dicindo algo así como que na vida lle daría permiso a un tipo coma Trump para usar un dos seus temas con ese fin e que efectivamente non llo deu, pregando por favor que non volva empregalo. Este é un fenómeno que xa ten os seus antecedentes irrisorios, como cando George Bush pai utilizou o Born in the USA de Bruce Springsteen como sintonía do patriotismo exacerbado do que os republicanos adoitan facer gala transmitindo este tema unha mensaxe diametralmente oposta ás ideas desta xentiña. E agora tocoulle ao pobre de Neil...


Pero deixemos a Trump coa súa demagoxia barateira de pre-campaña e viaxemos no Delorean ao 1989, ano da publicación de Freedom, o álbum no que se inclúe esta canción. Neste tempo de convulsión sociopolítica case de paz armada e no que a Guerra Fría estaba nas últimas, Neil Young relanzou a súa carreira musical (iniciada aló polos combativos anos 60) con este álbum. A súa traxectoria como músico e autor xa era máis que envexable, a pesar dos altibaixos e tanto en solitario como acompañado das distintas bandas das que formou parte, como Buffalo Springfield, Crazy Horse ou Crosby, Stills, Nash & Young, firmando temas inesquecibles coma Heart of Gold, Old Man, Ohio (este xunto a CSNY) ou Southern Man. Freedom ve a luz logo dunha longa etapa de experimentación que abrangue a década dos 80, unha época na que ao mesmo tempo que Young trata de loitar contra as súas pantasmas persoais, se reencontra cos máis diversos estilos ata confluír nun son máis puramente rockeiro e distorsionado que orna unha canción protesta sublime, nota predominante en Freedom, disco no que o seu compromiso político é aínda se cabe máis evidente. Un eléctrico retorno ás orixes que nos ten que encantar á forza.

Rockin’ in the Free World é a xoia da coroa deste álbum. Azoute da primeira administración Bush (xa ameazan con que haxa unha terceira desta dinastía de políticos aborreghados, dios nos colla confesados) e alegato ecoloxista que acaba sendo moito máis cando se lle engade o terceiro e máis importante factor: a experiencia persoal (sempre e cando non deturpes salvaxemente a mensaxe ao estilo de Donald Trump, claro está). O meu espertar á idade adulta e o fin da miña post-adolescencia coincidiron coa vitoria de Obama e o xa celebérrimo e nada plaxiado Yes, we can, caldo de cultivo idóneo para que a miña inxenua persoa se ilusionase unha migha e, por suposto, empezase a escoitar con máis entusiasmo e asiduidade cousas destas que lles ghustan aos demócratas. Springsteen, R.E.M.... Cousas así. A Neil Young tamén o meto no paquete a pesar de ser canadense porque lle vai ao pelo, francamente. E senón mirade o videoclip, perfectamente proxectable despois de calquera arenga mitineira pro-“toda esa xente que non ten morriña da era Reagan” para que o persoal se veña arriba. No seu día molou. Que ghuay eras por “rockear” no que ía ser o mundo libre megha estupendo do primeiro presidente negro dos Estados Unidos que ían ter sanidade publica, pechar Guantánamo, regularizar a inmigración, non meterse en máis freghados xeopolíticos e darlle unha dignidade en xeral á poboación... Ehem... Boeno, xa, a cousa non cambiou máis alá de certos aspectos estéticos e segue apestando a María Santirma pero este epic fail non me vai foder a canción!


As boas palabras, as promesas e os aires de cambio fóronse co vento coma o mundo sureño no que vivía a señorita Escarlata pero Rockin’ in the Free World seghiu aí en todo soporte reproducible que estivese na miña posesión e seghina disfrutando. Con outra perspectiva pero sen que deixase de ghustarme moghollón. Ten forza e gharra, é enérxica, potente, rabiosa, reivindicativa... Unha adrenalínica descarga de rock n’ roll cru con mensaxe e fondo que me trae algo máis que o recordo do soño da revolución que nunca vin nin creo que vaia ver (boeno, aghora si que estou falando coma unha vella!). Digamos que aparte de ser quen de seguir gozando do eido puramente musical (pois esa melodía péghaseche no hipotálamo si ou si), son capaz de entender o seu espírito de loita e revolta en clave individual. Isto é: soa esta canción e levántome da cama á de xa! É Neil Young “rockeando” no mundo libre! Se con iso non te ergues do sofá e tiras a manta e a cunca de cola-cao pola ventá, o máis probable é que xa sexas un friame vítima da inanición.

Rockin’ in the Free World tamén foi versionada, como non! O primeiro en facelo foi don Neil, pois dende o principio a súa idea era facer un dobrete que se inclúe no propio álbum Freedom: a versión eléctrica máis coñecida (e a que máis gusta e loce, atrévome a dicir) e unha versión en acústico extraída dun directo máis acorde coas esas raíces folk tan súas e que nunca deixa de todo de lado (solo de harmónica inluído, of course).


Polo xeral, os covers que atopei por aí non aportan gran cousa e non se lanzan con novos sons e estilos que lle dean unha segunda vida ao tema e poidan gustar polo menos tanto coma o tema de partida (agradezo que se me ilustre no tema no caso de que o meu lector apostrofado coñeza algunha versión que valla a pena). A carghación de bombo desta é completamente prescindible...


E esto... Boeno, para que o ghrupo do teu pobo a toque nun antro a modo de epílogo despois de que lle berres “Outra! Outra” baixo os efectos de substancias pasadas de graos etílicos está ben. Pero non para metela na vitrina de versións memorables.


En fin, neste caso máis que en ningún, o orixinal ten un sabor especial imitable pero nunca superable. E por iso nos quedamos con el por unanimidade. Non necesitamos máis argumentos, como molas Neil e ao carallo! Imos logo comezar a despedir este abafante mes de xuño cun auténtico temaaaaaaaaaaaaaazo!!! 


Ningún comentario:

Publicar un comentario