sábado, 31 de outubro de 2015

“October”, de U2


         “Comeza o outono.  A natureza cambia o verde polas cores torradas, caen as follas das pólas das árbores, a noite asáltanos unhas poucas horas antes, comemos castañas á beira dun lume que non nos estarrece nadiña... Oxalá! Porque a calor destes primeiros días de outubro non é de recibo nin crea a atmosfera axeitada para reseñar debidamente o álbum que traio á Cólquide co gallo do inicio da miña estación favorita...”

Así ía comezar este post se servidora tivese algo de rigor á hora de planificar as súas publicacións, pero non é o caso, son anárquica ata para iso. Son dous os motivos deste descarte: o primeiro, que xa caeron as primeiras trombas da temporada, así en plan diluvio universal, coas súas inundacións e cataratas urbanas, e non ten pinta de parar. E o segundo, que non hai moito que  regresei de Barcelona de ver un directo destes que quitan o impo pero co que non conectei co grao xusto de sentimentalismo como para reservarlle un oco nesa sección que teño un pouco esquecida. Efectivamente, despois dunha década de espera, cumprín o meu soño de ver a U2 en vivo e en directo e aínda que marchei cun bo sabor de boca e cun nivel de “flipación” considerable, debo admitir que as miñas boas sensacións non son plenas. Resultaba obvio que sería así dende o momento en que adquirín a entrada posto que era moi consciente de que acababa de pagar 100 pavazos para ver a unha banda que me tiña gustado máis do que me gusta no momento actual e da que adoito preferir as súas cancións menos coñecidas (esas que nunca soan nos concertos). Valeu a pena o despilfarro? Por suposto, que a ninguén lle caiba ningunha dúbida pero inevitablemente hai un pero. Faltaron cancións para que a miña historia persoal se retratase nesas dúas horas e algo de música e espectáculo (unha delas, ghit en toda regra, I Still Haven’t Found What I’m Looking For, unha das miñas favoritas) e o rollo mesiánico de Bono acaba tocando un pouco os ovarios. Aínda así cumpriron e ben, notable alto para este directo.



Como dicía, faltaron cancións e o primeiro gran damnificado desa criba foi o meu álbum favorito do grupo irlandés, por significado e calidade: October. É un disco que nunca vexo aparecer nos top five, ten ou potocentos da banda, case ninguén o ten en conta e case todos os parabéns van parar a The Joshua Tree, Achtung Baby ou The Unforgettable Fire. Non me malinterpretedes, calquera destes álbumes que veño de citar son a repanocha e están inzados de himnos e temas memorables que a min tamén me molan, pero unha cousa non quita á outra: creo que October está algo esquecido e non parece merecer moita valoración por parte do público nin por parte dos seus propios artífices, é algo así como a Jennifer Warnes dos discos de U2 (si, oh, a tipa esta que lle facía os coros a Leonard Cohen , cantou o tema principal de Dirty Dancing e logo non se volveu saber máis dela a pesar de ter unha voz preciosa). E, ao meu modo de ver, isto é unha inxustiza, considerar October como un álbum de recheo nunha carreira chea de éxitos cando en realidade ten un pouso moi consistente de calidade é poñelo ao mesmo nivel que toda a merda que nos deu esta mesma banda durante os 90 e os primeiros anos 2000 (Zooropa, Pop, All that you can’t leave Behind...). E iso non é. Porque é un álbum marabilloso a reivindicar e redescubrir, cun son moi característico e recoñecible e co que se escribiu gran parte da miña historia persoal, razón pola que estou aquí falando del cando o mes que lle dá nome está tocando ao seu fin.



Cito o primeiro parágrafo da whiskypedia en español castizo (a versión en galego non se molla tanto) para ilustrar os topicazos que pretendo desmontar con esta publicación:

October  (Español: Octubre) es el segundo álbum de la banda irlandesa U2, publicado el 16 de octubre de 1981. October es considerado por muchos como el disco más flojo de U2, ya que algunos críticos encuentran las letras duras y las interpretaciones sosas.”

E dun plumazo xa nos foderon todas as expectativas. Frouxo, duro e soso. Olé. Así, sen máis, ventilan once cortes aos que o fatum llela xurou dende o principio, pois conta a lenda que as letras de todas as cancións do disco foran gardadas por Bono nunha maleta que logo sería roubada por unhas fans e que non lle foi retornada ata o ano 2004! Para entón, October estaba máis que ghravado e reghravado, posiblemente non da forma máis satisfactoria para Bono, The Edge e os seus, pero sobradamente inspirado a pesar das adversidades, como pretendo facer ver. Para o seu segundo disco, os U2 (aínda pipiolos nisto do mundiño da música) puxéronse místicos e case todas as cancións xiran en torno á enorme influencia que evidentemente ten a relixión nun grupo de raparigos criados no catolicismo irlandés. A primeira canción, Gloria, é toda unha declaración de intencións, con algún versiño en latín e todo, un tema de comezo ascendente que vai ao gran e do que me ghusta practicamente todo: os berros (sempre preferirei a voz berreada do primeiro Bono), as transicións con esas notiñas de piano que case non están, o sinxelo solo de guitarra (The Edge nunca foi amigho de moitas florituras), incluso a liña de baixo que precede ao clímax final cuxo inicio sentencia un riff de guitarra contundente. Para min, é un single redondo e sen fisuras.



Cándidas estrofas e potencia nos estribillos, así é a seguinte canción, I Fall Down, na que o piano ten un maior protagonismo e na que se desprende forza dun xeito desigual pero máis eficiente do que puiden considerar nunha primeira escoita. E inmediatamente e case coma unha marcha comeza I threw a Brick through a Window, tema de título anafórico no que a batería de Larry Mullen Jr. marca algo máis que o ritmo, xa que leva sobre as súas costas todo o peso dunha canción que parece levarte á terra.



Rejoice foi durante moito tempo a miña canción favorita deste disco e aínda me apaixona. Capaz de ir ao gran incluso máis que Gloria, o seu comezo de guitarra engancha e de que maneira. Ten unha enerxía case indescriptible e resulta imposible deixarse levar, sobre todo nesa transición na que batería e guitarra se marcan un duelo que a min desde sempre me recordou (e podedes matarme por semellante heterodoxia) ao tema principal da banda sonora de Pulp Fiction.



Ritmiños complicados pero ben estimulantes son os protagonistas de Fire, que empeza cun coro un tanto estraño para logo remontar. Funciona ben como preludio de Tomorrow, o tema con máis pinta de balada de todo o disco. A intro con gaita dános o momento máis folk-rock da historia da banda (posiblemente o único) pero acertan de cheo xa que crea unha atmosfera única para unha canción que fala do pesar da morte de xeito metonímico e con moita pregunta lanzada ao aire para acabar reconfortando ese sentimento de perda coa fe. Basicamente, o manual dos traumas de preadolescencia de Bono, que perdeu a súa nai sendo moi novo e aquí describe, segundo recoñeceu el mesmo en datas recentes, o funeral da mesma. Voces desgarradas, melodías cravadas na terra e un estrondo final redondean este temazo.



E agora con todos vostedes a única canción do disco da que U2 vai presumindo algho dende 1981. October é o único corte deste álbum que foi incluído na primeira recompilación de grandes éxitos do grupo, The Best Of 1980-1990, e aínda así nin sequera figura no tracklist, senón que aparece como pista oculta despois de All I Want is you. Tamén é a única canción do álbum que seguen tocando nalgún concerto (en Barcelona soou), polo que intuímos que desta deben sentirse minimamente orgullosos. Mais non o entendo. Quero dicir, non entendo como esta si e por exemplo Gloria, Rejoice ou Tomorrow non. Sen ser un truñaco para min si que é a máis frouxa do conxunto e a que menos me di a día de hoxe, será que roza demasiado a depresión (e mira que a min me ghustan as cancións depresivas). Pero boeno, podo entender que o piano e tal... Tende a gustar (tamén tende a gustar With or without you e a min non me gusta demasiado).



E aquí remata a tanda das lentas. Realmente non, hai unha pequena cesura en Scarlet, tema un tanto enigmático que tamén soa a todo iso que según os tópicos é Irlanda, o rollo celta e a terra, e no que só se di unha única palabra repetida unhas poucas veces. Pero antes de chegar aquí temos que pasar por With a Shout e Stranger in a strange Land, a primeira acelerada e vertixinosa (case punk) e a seguinte segue pola senda marcada por I threw a Brick through a Window, pode que cun pouco máis de enerxía. Ambas espléndidas. E chegamos ao final con Is that All?, interrogante que se asemella e moito a un clásico da banda, The Electric Co. Ou polo menos a min por ritmo e estrutura paréceme que é moi semellante, e resulta unha conclusión ideal como no seu día o foi The Electric Co. para Boy.



É posible que un argumentario tan subxectivo non convenza ao respectable e que a diarrea verbal dun crítico especializado sexa moito máis doada de crer para distinguir entre o bo, o sublime e o mediocre. Porque moitas veces os gustos responden a cuestións de fe en hiperbóreos de distinta índole, cuestións de fe moito menos profundas que a arte referenciada neses gustos (condanado postureo). Sinto que as miñas limitacións sexan coma as árbores que impiden ver o monte, mágoa porque estou certa de que este gran álbum que todos toman por subproducto necesario en toda carreira musical in crescendo é realmente moi moi bo e ten un sentido, sobre todo tendo en conta que se trata dunha importantísima achega á busca dese son tan xenial e diferenciado que caracterizou á banda irlandesa nos anos 80. Dito isto, dáme pena que unha maioría dos que se declaran seguidores incondicionais de U2 non o aprecie deste xeito. Non me queda moito máis que animar á súa revisión, a dar con novos matices nun traballo infravalorado, a redescubrilo en definitiva, prescindindo de reseñas denigrantes, whiskypedias e demais prexuízos. 

P.D. Porque, dende logo, é mellor redescubrir October que virse arriba con The Miracle (Of Joey Ramone), do peoriño que fixeron na presente década...

Ningún comentario:

Publicar un comentario