venres, 11 de decembro de 2015

Contos de Nadal (IV): “The Star Wars Holiday Special”


Este é, sen lugar a dúbidas, o decembro máis atípico da miña vida. Hai dúas cousas que lograron facerlle sombra a Mariah Carey, aos anuncios de colonias e a Justino (o novo rostro da lotaría do Nadal). Por un lado están as cuartas (CUARTAS!) eleccións que teñen lugar neste país no presente ano 2015 e, por se iso fose pouco, deixan o prato máis forte, unhas xerais, para o final. Xa se pode un imaxinar como anda o asunto, todos os candidatos a golpe de Jess Extender dialéctico para ver quen ten a pirola máis longa, sen que importe moito todo o demais. Pero por outra banda, hai un acontecemento que me fai bastante máis feliz e ese non é outro que o regreso da saga STAR WARS!!!

Antes de continuar debo pedir desculpas ao respectable porque ben podían termas reclamado. Hai cousa de ano e moito fixen unha publicación sobre o fenómeno Star Wars na que prometín unha continuidade que nunca chegou a producirse. Ía falar sobre as dúas triloxías acabadas da saga con máis detalle en publicacións máis específicas pero por diversos motivos que non veñen ao caso e que, fundamentalmente, son escusas, iso nunca chegou a ver a luz. E neste decembro confuso véxome obrigada a comezar a casa polo tellado. A publicación que traio hoxe tamén tiña ganas de facela pero en certo modo carece de sentido sen todo iso que nun momento dado tiña pensado facer sobre esta marabillosa saga. E como estamos en tempo de promesas, promesas e máis promesas eu tamén vou prometer algo (sobre todo a min mesma, o meu público non sei se mo esixirá) porque eu si que podo: prometo que despois desta publicación e da mais que probable reseña que farei despois do Nadal sobre O Espertar da Forza (que se estrea o próximo 18 de decembro), poñereime a tope con cada unha das películas da saga e intentarei traer á Cólquide o mellor monográfico sobre Star Wars en galego que se recorde nesta galaxia e mais na moi, moi lonxana.

Dito todo isto, debo formular unha segunda captatio beneuolentiae. Por que The Star Wars Holiday Special? Por que unha tortura china como preámbulo? Por que o documento warsie máis próximo ao esterco de todo o universo coñecido para celebrar un agardadísimo regreso cinematográfico? Ben, pois todo isto ten unha explicación. Algo longa, si, pero explicación ao fin e ao cabo.

Hai un ano e algo non había expectativas, só a constancia de que J.J. Abrams (Perdidos, as novas entregas de Star Trek) se propuxera resucitar a saga creada hai 38 anos por George Lucas. Non podía haber expectativas porque despois de asistir á xestación de tres truñacos a finais dos 90 e nos primeiros anos 2000 sobre a conversión de Anakin Skywalker en Darth Vader (con empachos de CGI, erros garrafais de casting e guións sen traza), os fans mirabamos con escepticismo que houbese alguén neste mundo capaz de meterse no freghado dunha terceira triloxía. Todo iso cambiou hai exactamente un ano, pois o pasado Nadal o Apalpador tivo a ben obsequiarnos co primeiro tráiler de O Espertar da Forza. E aquilo foi non un mar, senón un océano enteiro de expectativas. Nun minuto escaso había todo isto: unha voz non identificada dicindo que houbo un espertar e se o sentimos, o actor John Boyega ataviado co uniforme dun soldado imperial, un novo deseño de androide que logo soubemos que se chamaba BB-8, soldados imperiais nunha nave preparados para lanzarse a quen sabe onde, a actriz Daisy Ridley nun peculiar vehículo polo deserto, o intérprete Oscar Isaac pilotando un X-Wing, un tipiño todo de neghro que non parecía moi bo e que empuña o sable láser definitivo (máis semellante a unha espada medieval que ao tradicional sable láser) e, como guinda, o Falcón Milenario en pleno voo coa inmortal banda sonora de John Williams de fondo. Un minuto brutalísimo que nos puxo a todos os dentes moi longos.


Pero a cousa non rematou aí e seguiron xogando coa nosa fame e sede de material novo. En abril deste ano, un segundo tráiler teaser trouxo novas e poderosas imaxes para seguir alimentando expectativas: un destrutor imperial ruinoso nas areas do deserto co tema Binary Sunset de fondo, unha voz en off que repite case ao pé da letra aquilo que Luke lle revelaba a Leia en Endor no Retorno do Jedi (A forza é moi intensa na miña familia e todo ese rollo), a máscara de Darth Vader deformada e case presentada como reliquia, R2-D2 tocado por unha man biónica que non sabemos aínda moi ben de quen é (pode ser Luke ou pode non selo), un sable láser pasando dunha man a outra, máis X-Wings mentres a música sobe a fortissimo, sables láser do lado escuro, carreiras e explosións, un exército imperial enorme, destrutores, novos viláns, o novo androide BB-8, outra vez o Falcón Milenario... E como punto álxido case orgásmico a reaparición de dous dos personaxes máis queridos da saga, Chewbacca e un xa ancián Han Solo sentenciando o seu regreso de xeito metaliterario, coma se os seus propios personaxes fosen conscientes do agardados que estaban a ser por todos. Foi tal o subidón de adrenalina que me deu vendo este tráiler... É un puto peliculón en si mesmo, todo vai in crescendo, é imposible que non che entren ganas de ver a película despois de botarlle un ollo a este segundo tráiler.


Chega o mes de outubro e aínda coa resaca do día de Regreso ao Futuro, póñome a ver o tráiler definitivo. Aínda que este xa está máis centrado nos novos protagonistas desta entrega, non se escatima nalgún detalle nostálxico como a aparición de Leia e xa nos facemos unha idea de por onde poden ir os tiros (a loita da Alianza Rebelde elevada á categoría de lenda, o malo ten unha especie de obsesión con Darth Vader, etc.) pero os interrogantes sobre a trama seguen multiplicándose. E xa non quedan unllas que roer. Queremos ver a peli e queremos vela xa!!!


Mais, entre tanta euforia, houbo quen quixo acabar coas nosas ilusións ou simplemente achegar un pouco de cordura. Lembrades o día no que vistes o tráiler de A Ameaza Pantasma? Claro, non queredes lembralo. Quen quere! Todos pensaron que estaban ante o gran peliculón de finais de século e non foi así. Foi unha auténtica merda! Agora temos moita confianza depositada no xenio de Abrams e nas súas declaradas intencións de recuperar o espírito da primeira triloxía (eu a primeira) pero sexamos cautos e non mollemos tanto as bragas. Porque os creadores de Star Wars foron capaces do mellor pero tamén tiveron os collonazos de facernos tragar o peor. E, aproveitando que xa estamos no Advento e que ata o sobaco nos cheira a Nadal, non atopei mellor maneira de facer outra chamada á cordura de cara á estrea de O Espertar da Forza recordando a maior bazofia inventada só para aproveitar un pouco máis o descomunal éxito do primeiro filme de Star Wars estrenado en 1977: o especial televisivo de Nadal de Star Wars, titulado The Star Wars Holiday Special.

Hai que dicir que non estamos ante un especial de Nadal stricto sensu. Ao outro lado do Atlántico o concepto holiday é algo máis amplo e fai referencia á "temporada", neste caso á época final do ano na que os americanos celebran festas de suma importancia na súa cultura case ao mesmo tempo, pois nada máis rematar Acción de Grazas xa se embarcan no Nadal. Así que este enxendro televisivo estaba destinado a ser un produto polimorfo que tanto valese para unha cousa como para outra. Tiña que ter sido así, pero non foi. Xa entenderedes o porqué.

          O comezo deste pseudo-filme con momentos que o achegan ao entretemento made in José Luis Moreno é raro, raro, raro. Han Solo e Chewbacca van no Falcón Milenario fuxindo duns destrutores imperiais nun ecolóxico exercicio de reciclaxe de efectos especiais da película. A cabina do Falcón xa se ve máis cutre, coas intervencións de Harrison Ford e Peter Mayhew (o actor que estaba debaixo daquel felpudo con patas) gravadas para a ocasión. Parece ser que Han Solo ten que levar a Chewbacca onda a súa familia para a celebración do “Día da Vida” e non queda moi claro se ese día é o equivalente do Nadal, de Acción de Grazas ou do Big Culo Day na galaxia moi, moi lonxana. En calquera caso, xa imos percibindo un cheirume tan delicioso coma o do vertedoiro da Estrela da Morte.


Pero Han Solo salta ao Hiperespazo para deixar atrás ao Imperio e chegar máis axiña... aos créditos iniciais! Ben, están todas as estrelas de Star Wars, os seus contratos debían ter unhas cláusulas o suficientemente arteiras como para teren que estar alí. Están Mark Hamill, Harrison Ford, Carrie Fisher (que na súa presentación parece que vén de fumar un cóctel de opio, chocolate, estramonio e ourego), os actores que tiñan o traballo máis sucio e ingrato como Anthony Daniels (C3PO), Peter Mayhew (Chewbacca)... Se ata está a voz de James Earl Jones (Darth Vader) para que o lado escuro da Forza tamén celebre o Nadal con todos nós! Só sir Alec Guinness (Obi-Wan Kenobi) puido escapar a este desastre. Pero o máis delirante vén agora coa presentación da antes mencionada familia de Chewbacca, un desfile de wookies feos e horripilantes que non pasaron o casting de ningún filme de terror de serie B e por iso están aquí, felicitándonos o Nadal ou o que sexa así daquela maneira. Tal esperpento só é superado pola ringleira de estrelas invitadas que pechan os créditos: Bea Arthur, Art Carney, Diahann Carroll, The Jefferson Starship e Harvey Korman. Neste totum revolutum de celebridades que non veñen a conto só faltaba Benigno Campos para facerlles uns callos de bantha co leite azul que bebían Luke e a súa familia mentres lles bota unha cantiga sobre a batalla de Yavin.

Se o remix de famosetes non tiña moito sentido, menos ten a seguinte parte do especial a cargo da familia de Chewbacca, un retrato do modus vivendi da clase media wookie. Máis aburrido que un disco de Víctor Manuel. Unha sucesión de gruñidos estomagantes, sen acción e sen nada que nos resulte entrañable. Case non pasamos dos 10 minutos de especial e xa suamos sangue para poder continuar véndoo. Deducimos que a familia de Chewbacca está preocupada porque este non dá vido para a festa e chaman por skype a Luke Skywalker a ver se este lles pode dar algunha nova sobre o seu retraso. Hai que recoñecer que os esforzos de Mark Hamill por achegar algo de credibilidade nesta parte son encomiables. El inténtao pero aínda así a escena está forzadísima e nós seguimos bostezando.

E continúa o festival das cousas sen xeito. A primeira estrela invitada, Art Carney, propietario dunha ¿tenda?, atende a un garda imperial. Non vén a nada. E máis reciclaxe de escenas: Darth Vader ordena intensificar a busca dos rebeldes e fin, aí remata a intervención do vilán máis carismático da historia neste especial. E volvemos á casa da familia de Chewbacca! Nooooon, por favor!!! Arrincádeme os ollos!!! Para agravar a nosa sensación de estrañamento, a muller de Chewbacca ponse a ver unha versión galáctica de Larpeiros presentada por un travestido Harvey Korman. Suponse que a escena ten que ser graciosa. Non o é. Han Solo e Chewbacca continúan a súa fuxida. Volvemos coa familia de Chewbacca (en serio, mundo, que che fixemos?), que ve horrorizada por ¿televisión? que o Imperio decretou un bloqueo en plan Cuba ao planeta dos wookies, co que supostamente Chewbacca e Han nunca poderán chegar para celebrar o condenado Día da Vida que aínda non sabemos de que raio vai. Art Carney chega á casa dos wookies cargado de agasallos para todos. Ao avó wookie reghálalle unha fantasía erótica cibernética con Diahann Carroll (viva o bizarrismo!). E Leia e C3PO establecen contacto para... para... para nada! Simplemente xa era hora de que foran aparecendo. Levamos media hora no mesmo sitio, non pasou absolutamente nada, non hai nada que sexa propio do Nadal nin da "temporada" (de aí que comecemos a cuestionar o título do especial), nada entrañable, nada divertido nin nada entretido. Só unha sucesión de escenas inconexas que nos deixan estupefactos e nos dan ganas de matar á mente perversa que ideou isto.

A min tamén me está quedando esta cara...

Han Solo e Chewbacca aproxímanse ao planeta do segundo pero uns soldados imperiais irrompen na casa da súa familia. Por fin un mínimo de tensión, intúese algo de perigo. Pero logo asistimos a unha actuación de The Jefferson Starship e xa nos pasa. E agora no medio unha curta animada con algúns personaxes das seguintes películas (a primeira aparición de Boba Fett na historia da saga, vaia honor!). Que é isto? En serio, escribir a bitácora deste visionado non é nada doado, cada frase que compoño é máis absurda que a anterior. E aínda quedan 45 minutos de especial... Creo que desta non saio.

De verdade, quero marchar da puta casa dos wookies. Nin pena me dá que os soldados imperiais lle deixaran a habitación feita un cristo e os xoguetes rotos ao fillo de Chewbacca! Un tutorial a cargo de Harvey Korman para montar non sei que, Bea Arthur como taberneira na cantina de Mos Eisley (con canción incluída) e, por fin!, a chegada de Han e Chewbacca (que botan da casa a un soldado imperial da forma máis ridícula ever seen) culminan esta borrallenta achega ao universo Star WarsMais isto non podía rematar aquí, non. Unha morea de wookies vestidos de vermello en plan coro de gospel aparece xunto cos protagonistas do filme para desexarnos paz, amor, salú e que nos toque a lotaría ou eu que carallo sei! E LEIA CANTA UNHA PANXOLIÑA!!! Customizada, pero panxoliña, basicamente porque o que fixeron foi poñerlle letra ao tema principal da banda sonora de Star Wars. Inclasificable.

Meu pobre Harrison Ford... Vaia cara!

E damos grazas á Forza porque por fin acabou este bodrio saído da mente de cinco, CINCO!, guionistas con menos vergonza que Belén Esteban dicindo que hai que poñerlle aguaplast ao Coliseo de Roma. Un tostón de proporcións épicas, un auténtico pesadelo que só se emitiu unha única vez en 1978 e do que hoxe en día se avergoñan todos os implicados nel, optando por facer como que nunca existiu, aínda que hai quen o reivindica coma unha prezada peza de coleccionismo freak (que non friki, o concepto évos substancialmente diferente). Terrorismo televisivo de primeira orde que nin esquecemos nin perdoamos e que non lle gustou nin a George Lucas (e mira que a este fulano lle tira ben o carto), quen chegou a dicir que se tivese tempo e un martelo, buscaría e destruiría cada copia do especial. Unha aldraxe para a causa warsie que lembramos con altas doses de terror cómico nestas datas tan sinaladas para invitar á precaución ante a inminente estrea do Episodio VII.

Todos queremos neste Nadal ver un gran filme que estea á altura do desexado, esperamos ver unha gran película que nos volva facer soñar e crer nas posibilidades case infinitas desta saga. Pero se non é así, lembrade que sempre poderemos revisar aquela primeira triloxía coa que a Forza volverá acompañarnos sempre... 

Aquí vos queda o enlace ao especial completo en Youtube. Por se tedes tempo e valor!

Ningún comentario:

Publicar un comentario