xoves, 14 de xaneiro de 2016

E a Forza volveu acompañarnos: “Star Wars, Episodio VII: O Espertar da Forza”, de J.J. Abrams


            O prometido (e re-prometido) é débeda. Volve Star Wars á Cólquide!

            Despois de moito agardar, un ano (que se axiña se di), alí estaba eu no cine o 18 de decembro do xa pasado ano coma un reloxo, ataviada coma unha verdadeira friki e lista para ver se a venda de Lucasfilm a Disney dera algún resultado de maior proveito artístico que a produción (aínda máis) masiva de merchandising. E o certo é que as miñas expectativas están máis que satisfeitas, o cal non quere dicir que tan positiva e entusiasta opinión non teña os seus matices.

            O certo é que se me presentaron bastantes dúbidas no tocante ao modus operandi a seguir para diseccionar O Espertar da Forza. Fodíame inzar isto de spoilers, que algunha xente batese con eles e, en consecuencia, sentise ganas de bloquearme, trollearme e, xa de postos, coller a escopeta e ao río comigo. Pero por outra banda, a valoración dunha película non sempre se pode facer sen destripar unha parte importante da trama. A solución? Pois unha sorte de aurea mediocritas que espero que dea resultado e me permita reseñar de xeito máis completo o filme sen fastidiarlle a experiencia a ninguén, porque a película aínda está nos cines e, aínda que pareza mentira, queda xente que non a viu e quere vela. O seguinte parágrafo contén unha crítica destas aburridas tipo recuncho da sección de cultura dos xornais, con moito palabro raro e conector textual coma estes que se poñen nas preguntas que non se saben dos exames para finxir que non es parva, conceptos máis ben xerais e linguaxe do estilo “ghustoume moito porque é moi bonita” para non meter a pata. Só ese parágrafo, os seguintes serán verdes campos reghados de spoilers. Na vosa man está seguir lendo ou non, avisados quedades.


            O Espertar da Forza vale a pena. Como película é grande e monumental. Ten todo o que se lle debe pedir a un blockbuster de calidade: boa dirección, ritmo, personaxes ben desenvolvidos, historia ben artellada (si, George Lucas da segunda triloxía, a historia tamén fai falta), planos quita-impos, poderío visual sobresaínte pero que non chega a abafar, novos temas que se incorporan a unha banda sonora inmortal e un longo etcétera que non só sería aplicable a esta película. Mola e moito. Pero non abonda con isto. Calquera fan ou calquera que vira as anteriores películas sabe que non é posible quedarse con esa primeira impresión que ten que ser positiva á forza porque o filme non é malo en si mesmo, é moi bo. Pero agora toca medir o seu impacto real e cotexar como de bo é con respecto ao resto, con respecto a aquelas seis películas que o precederon.

            [OLLO PIOLLO!!! A PARTIR DE AQUÍ HAI SPOILERS!!!]


            J.J. Abrams asumiu (porque quixo pero asumiuna) unha responsabilidade enormísima: volver resucitar unha saga en cuxa nova resurrección ninguén cría. O Espertar da Forza é infinitamente mellor que a segunda triloxía e cabréame que algúns o poñan en dúbida. Non só por unha cuestión de coherencia estética, que tamén ten a súa importancia, senón porque recupera o que nunca se debeu perder, o poder narrativo que dota ás grandes historias desa magnificencia que será eternamente admirada por todos. Dende a primeira Star Wars ata o Retorno do Jedi hai unha progresión, na que pode haber máis ou menos fochancas, pero que conduce sen erros maiores a un dos meirandes momentos climáticos que nos deu esta neo-literatura que é o cine. Pero aínda quedaba unha parte crucial da historia por contar, unha parte que debía encumiar á saga Skywalker ao mesmo lugar que ocupan os Atridas ou os Labdácidas na mitoloxía universal. Entre A ameaza pantasma e A vinganza dos sith aprendemos unha dolorosa lección, que era posible masacrar un guión caralludo. O periplo vital de Anakin Skywalker era a hostia, nada podía fallar: un neno asustado e escravizado ao que separan do lado da súa abnegada e solitaria nai, que consagra a súa vida a unha causa sen saber o que iso implica e vive coa estigmatizada bendición de ser “elixido”, que escolle amar aínda sendo consciente de que lle é imposible e que, na dura e fatídica loita contra o seu propio destino, perde e cae no lado escuro da Forza, a mesma que lle outorgara todos os dons e que axiña o despoxou deles. Un Edipo do noso tempo con tintes bíblicos que George Lucas ousou relegar ao averno das precuelas innecesarias. A segunda triloxía nunca foi innecesaria, foi o seu propio pai o que a asasinou dende o mesmo momento da súa concepción. Non sei se J.J. Abrams pensou en todas estas circunstancias e precedentes antes de embarcarse con Lawrence Kasdan e Michael Arndt na escritura do guión. Pero pode que si, pois o espírito da primeira triloxía está no Espertar da Forza como un citius, altius, fortius deseñado para nostálxicos e para neófitos sen perder de vista todo o bo que tiña contar o pasado de Darth Vader (aínda que iso fose un valor escaso). E neste importantísimo punto é onde máis se nota a perturbación na Forza...


            Mentres moitos gozaron e celebraron esta nova historia na que coñecemos a unha rapaza orfa de nome Rey (Daisy Ridley), unha chatarreira que vive soa no planeta Jakku sen máis degoiro que o de volver ver á súa familia e que de xeito accidental (coma no seu día Luke Skywalker) emprende unha aventura na que remata descubrindo o seu gran poder, outros viron nela o remake feminista da primeira Star Wars, motivo para todos eles máis que suficiente para poñela á mesma altura do peor da saga. Non podo estar máis en desacordo. O renacer da Forza é feminista, si (e pido un aplauso para isto), pero a autorreferencia, a autoparodia e a homenaxe non a converten nunha nova versión precisamente porque o seu emprego está, dende o meu punto de vista, meticulosamente medido. De aí que sexa claramente unha película para nostálxicos que poidan revivir a ilusión que non tiveron coas precuelas e neófitos que se vaian incorporar ao masivo grupo de devotos da saga, como veño de dicir. O plan argumental é case calcado, pero acaso non funciona? Acaso non funcionou a utilización dun recurso semellante no Retorno do Jedi? E malia que este é o seu maior defecto, consegue reverter o efecto prexudicial que pode ter sobre a valoración final do filme, polo menos para min. Está claro que durante os trinta anos seguintes á batalla de Endor e da derrota do Imperio, o trío de colegas formado por Luke, Leia e Han a cagou pero ben na súa defensa dos novos valores republicanos que a Primeira Orde (máis norcoreana e máis terrorífica que os seus predecesores) se propón aniquilar. Está claro que as relacións familiares desta xentiña seguen a ser moi complicadas e seguen dando moito de si como material literario. E está claro que a historia pode repetirse no seo dunha saga que arrastra unha cadea de culpas e castigos coa que ningún valente ewok pode rematar así como así.


Porque si, esta historia tamén tiña que ser contada a pesar da opinión de moitos. Véndoa así de prometedora, debe ser contada. Temos unha protagonista nova de carisma incontestable e que achega novos aires a unha saga xa sobrada de iconas. Rey é unha “ghuardiana” e non só por vivir nas tripas dun AT-AT e xogar con bonecos de pilotos rebeldes! Xa dabamos grazas infinitas por ter neste 2015 unha heroína como a Imperator Furiosa de Mad Max: Furia na Estrada e agora estamos dobremente agradecidas por ver na gran pantalla a Rey empuñando un sable láser, coidándose ela soa, descubrindo as súas extraordinarias habilidades no emprego da Forza (superdotación que ha ter unha explicación nos seguintes episodios, estou segura) e deixando ben chafado á que é (e supoño que seguirá sendo) a súa némese, Kylo Ren (Adam Driver). O seu encontro final cun Luke Skywalker ermitán e apesarado por un sentimento de culpa cuxa causa non se nos chega a aclarar neste filme lanza o gran interrogante en termos de parentesco da nova triloxía. Eu só espero que me sorprendan, porque o de que poida ser filla de Luke tampouco me parecería tan acolloante nivel O Imperio Contraataca, pero boeno, a veda conspiranoica xa está aberta e xa se di de todo.


Kylo Ren. Vaia nome de merda con perdón, posiblemente a elección creativa máis pobre desta nova película, paréceme tan ridículo como no seu día mo pareceu Padme Amidala. Sobre este rapaz que trata de emular ao seu defunto e desgraciadiño avó, Darth Vader, pesan erros pedagóxicos de funestas consecuencias e cuxa responsabilidade recae tanto nos seus proxenitores (Han Solo e Leia) como no seu mentor (Luke Skywalker) pero sobre todo pesa a herdanza dunha xenética propensa a seguir tamén os sendeiros máis tenebrosos da Forza. A historia repítese nel mais non é un novo Darth Vader. Kylo Ren ten a súa propia personalidade, pode que nun principio se nos presente máis poderoso no lado escuro que o seu avó e a súa figura se proxecte moito nel, pero semella máis un adolescente malcriado cuxa cota de perigosidade faría que Han e Leia chamaran a Pedro García Aguado que un vilán realmente temible e atormentado. Mais Ren ten múltiples arestas que o converten nun personaxe francamente moi interesante e cuxo desenvolvemento devecemos por ver: as súas vacilacións á hora de dar morte ao seu propio pai, Han Solo (o momento de maior intensidade dramática do filme e brillante nota tráxica desta epopea marcada polo fatum pouco favorable) son puro teatro, é despiadado pero tamén é impulsivo e caprichoso e non esperta en nós ese respecto caliguliano que dende o minuto 0 lle tivemos a Darth Vader, cousa que aínda o cabrea máis e o fai máis imprevisible. Pero, coma case todos os viláns icónicos de Star Wars, non pasa de esbirro destacado e ten o tarro ben comido por un superior, o tal Snoke (Andy Serkis), outro fulano enigmático do que queremos saber máis nas sucesivas entregas.


Despois está Finn (John Boyega), protagonista das promos e do merchandising (a Disney debe custarlle iso de poñerlle rostro de muller a algo que non sexa unha princesiña en apuros) pero, en realidade, secundario que nos entenrece. O complemento ideal para Rey, fuxitivo da Primeira Orde á que serve dende novo como soldado (parece que o de utilizar clons non convence aos sucesores do Imperio, espero que vexamos porqué) e presa do seu ímpeto. Dende o principio ten unha conexión especial con Rey e podemos chegar a supoñer que a súa historia pode dar na primeira love story interracial da saga, pero polo de agora, esa conexión fai que vexamos neste soldado atemorizado ante os horrores que foi obrigado a perpetrar un amigo leal e no que se pode confiar, aínda que as súas virtudes para a loita e a estratexia aínda estean en cueiros.


E logo sentimos mágoa polos escasos minutos que se lle conceden a Poe Dameron (Oscar Isaac) en pantalla. Non só porque o actor que encarna a este personaxe é fantástico e está a todas luces desaproveitado, senón porque o personaxe en si apunta moi alto para logo caer en picado coma un superdestrutor derribado sobre a inconclusa Estrela da Morte. Despois dun principio no que desprende carisma por todas partes, mostrando mesmo un lado canalla que nos retrotrae aos mellores momentos de Han Solo na primeira triloxía, este talentoso piloto da Resistencia desaparece despois de axudar a Finn a escapar para volver saír na pantalla case ao final! Por que? As súas primeiras liñas molaban, a súa chaqueta molaba, todo parecía molar... A ver se nos seguintes episodios se corrixe esta, para min, tara.


        Os novos personaxes son estupendos e moi dignos para esas novas xeracións que se engancharán a Star Wars despois da estrea de O Espertar da Forza. Pero aos nostálxicos tamén nos fixeron varios agasallos, o primeiro deles, ese Han Solo no ocaso da súa sempiterna chulería. Vai vello e tamén arrastra o seu, vese que non volveu a ser o mesmo, pero non perdeu o medio sorriso nin a súa “jeta”. Ao contrario do Indiana Jones de xeriátrico que encarnou hai oito anos, Harrison Ford encarna a un Han Solo que na súa vellez aínda ten marcha e remata por atopar as forzas necesarias para encarar as súas pantasmas, que pasan pola perda dun fillo, dun amigo e do amor da súa vida,o cal é irónico nun personaxe que non se apegaba a nada pero cuxa evolución o fai redondo.

O primeiro “jo” dos fans soltámolo cando nos damos conta de que Han e Leia fan vida por separado dende que o seu fillo abraza o lado escuro da Forza. A nova Leia (Carrie Fisher) tamén me gusta. Sempre foi madura e un ζῷον πoλιτικόν de armas tomar que tanto podía ser diplomática ou demostrar tamén a súa valía no corpo a corpo. Porén, o seu rostro solemne amosa a unha idealista que soñou coa revolución e non chegou a vela. A decepción que semella transmitir esta Leia que é consciente do seu fracaso vese paliado por unha nova esperanza encarnada en Rey. O abrazo entre ámbolas dúas dá aínda máis que pensar sobre as posibilidades de parentesco entre os vellos e os novos personaxes.

E logo está Luke Skywalker, o derradeiro cabaleiro Jedi, oculto onde Obi-Wan perdeu a sandalia e presa da vergonza e da culpabilidade, ou polo menos é así como nolo venden. A súa aparición redúcese a uns poucos segundos nese (abertísimo) final no que Rey lle fai entrega do sable láser que atopa no castelo de Maz Kanata (Lupita Nyong’o) e que parece chamar por ela coma a súa digna sucesora. Non hai espazo para respostas nese desenlace. Todo son preguntas.


            A modo de conclusión, podo determinar sen lugar a dúbidas que me entusiasma esta nova triloxía que vén de comezar. Considero que aínda non se esgotou toda a auga do pozo das ideas warsies a pesar da imitatio máis evidente (defecto e virtude ao mesmo tempo) e sen necesidade de traumatizarnos con cousas tan incomprensibles coma os midiclorianos ou os gungans. Falar da súa indiscutible calidade técnica está de máis, claro que Disney desembolsou e vai desembolsar o que faga falta para que as seguintes producións de Star Wars co seu selo luzan como teñen que lucir na segunda década do século XXI. O que non está de máis é valorar que volve haber historia, volve haber un recuncho para a emoción e esperemos que para a sorpresa. Acabáronse as caracterizacións planas e desdibuxadas e a estética de videoxogo. E na miña opinión iso é bo e beneficiará a unha saga que segue dando de si e que promete obsequiarnos cun capítulo memorable cada ano de aquí a 2020. Que a Forza estea connosco para que así sexa.


Ningún comentario:

Publicar un comentario