mércores, 10 de febreiro de 2016

Salvados polo analfabetismo emocional...


          A última vez que lle dediquei unhas liñas a Jordi Évole, nalgún momento máis coñecido coma o Follonero, fíxeno con entusiasmo e boas vibracións. Hoxe fágoo tamén pero con reservas, reservas que agardo non caian no averno da rexouba endémica daqueles imbéciles e escuros (perdoen a pouco eufemística cita pondaliana) que adoecen por malinterpretar, retorcer e terxiversar absolutamente todo o que pasa polo filtro das súas eivadas neuronas.

O pasado domingo regresou Salvados, o célebre programa da canle estatal a Sexta, propiedade dun dos holdings da comunicación máis grandes deste país. Nestes tempos tan difíciles e tenebrosos nos que o bo xornalismo, o entretemento de calidade e a comunicación pedagóxica son unha quimera, o devandito programa presentado por Jordi Évole pode presumir de ser unha rara avis, sempre e cando non afoga na ebriedade do seu éxito. Nos últimos anos, déronlle ás eléctricas e demais ogros empresariais sen escrúpulos ata no carné de identidade, seguiron afondando na pantasma da crise, asumiron a responsabilidade de narrar a crónica política en detrimento dos seus voceiros habituais e acadaron a gloria definitiva coas súas entrevistas estrela (nunha delas mesmo se atreveron a sacar en horario de máxima audiencia o testemuño dun etarra arrepentido). E desta vez voltaron coa pompa e publicidade habituais pero cun tema de gran complexidade cuxo tratamento por parte de medios, lexisladores e sociedade en xeneral dista moito de ser o axeitado: a violencia machista.

Vin o programa. Sabor agridoce. Hai cousas que me gustaron moito, outras que simplemente me gustaron e outras que non me gustaron nadiña ou que mesmo me arrepiaron. En primeiro lugar, cómpre aplaudir a valentía dos responsables do programa, por moi irónico que isto poida ser falando do grupo Atresmedia. O titulo escollido para esta entrega xa era unha pequena gran vitoria: O machismo mata. As expectativas só podían ser colosais, parecía que por fin un programa de gran sona e recoñecemento ía poñer enriba da mesa o plantexamento definitivo da cuestión, explicando todas as causas de raíz e sen quedarse na punta do iceberg con esa cabeceira tan tallante e rotunda. A cousa quedou un pouco a medias e máis nun quero e non podo que nun retrato verdadeiramente rigoroso e sen sensacionalismos varios de como funciona a violencia machista. E tratarei de explicar porqué.

En primeiro lugar, Évole entrevista a unha xuíza especializada en casos de violencia machista despois de asistir a unha sesión na que se lle toma declaración a unha vítima desta violencia. Entre tanto argot xurídico, anécdotas e demais avatares, o relato da maxistrada desemboca nunha conclusión que non todos parecen aceptar: a lei en si mesma non é problema, o problema é a súa aplicación. A falta de medios e de garantías para as vítimas que se deciden a dar o paso e denunciar son a verdadeira lacra dun sistema xudicial moitas veces incapaz de facer fronte ao terrorismo machista, sen culpar ás mulleres que non denuncian nin lindezas polo estilo que tantas veces se escoitan nos telexornais cos cadáveres en quente. E si, a xuíza é a primeira en dicir que os casos de violencia machista deberían ter un tratamento similar ao terrorismo porque en definitiva son unha forma de terrorismo. Empezamos a usar termos usualmente vistos coma tabúes e esaxeracións. Moi ben. Cal é o problema? Que non se afonda nisto, non chegan a quedar claros os motivos polos que falar de violencia machista como unha forma de terrorismo é máis que apropiado a pesar de que se incida nunha cuestión fundamental: o persoal é político e este é un problema que atinxe a todos. Mesmo ten que chegar a recordar que calquera persoa que presencie un acto de violencia machista, non só a vítima, pode e debe denunciar. E aplaudo efusivamente que desmontase o manido argumento das denuncias falsas. Porén, a entrevista remata case de socato deixándonos coa sensación de que hai algo que non se acabou de esclarecer.

Por iso depositamos as nosas esperanzas no seguinte testemuño, un psicólogo que traballa en terapias con aqueles que exerceron a violencia machista na súa expresión máis crúa e visible e con condenas ás súas costas. Posiblemente sexa esta a entrevista de maior calado de todo o programa. Entre preguntas sobre a conveniencia de que estes “programas de rehabilitación” de maltratadores machistas conten con financiamento público e máis recursos ao anecdotario, este psicólogo por fin dá co quid: quen exerce a violencia machista non é un enfermo nin ten ningún tipo de patoloxía, a súa conduta insírese nunha ideoloxía e nunha forma de pensar que se corresponde co sistema patriarcal, un sistema social que o ampara e cuxa influencia se estende a medios de comunicación, sistema educativo, familia, etc. O mesmo patriarcado que impón dende a máis tenra infancia que os homes non choran, que os homes son valentes e fortes e que os homes teñen unha posición predominante con respecto á muller polo mero feito de teren nacido homes. Incluso chega a dicir sen pudor que os homes son analfabetos emocionais, porque así foron educados dende o berce. Todas estas ideas deslízanse cunha gran sutileza pero cunha enorme claridade, hai un problema de raíz que é social e político (oseasé, de todos e non só de dous) e que non se reduce ás hostias. Gústame este testemuño por unha razón creo que de peso: por fin se destaca a importancia de desterrar do sistema educativo e familiar o canon pedagóxico patriarcal que ao primeiro que dana é a quen logo torna en agresor, converténdoo nese tolleito emocional que no futuro é incapaz de ter unha relación equilibrada e sa nin coas súas parellas nin co mundo que o rodea. En definitiva, a violencia machista non é un problema que agromase no mundo así por que si e case de casualidade, senón que ten a súa causa directa no sistema patriarcal. O dito, a entrevista é curta pero a máis reveladora do conxunto.

A terceira entrevista protagonízaa un maltratador que por vergonza (e imaxino que pola mesma covardía que o levou a cometer todo tipo de barbaridades, pero isto só é unha apreciación miña) non quere dar a cara. Évole diríxese a esta sombra para indagar na psique do violento e chegar á outra cara da moeda. Está ben que se inclúa tamén esta perspectiva, non por parecernos algo horrendo e aborrecible deberiamos deixar de contar con ela, pois, como se recordaba nas entrevistas anteriores non falamos de monstros sen máis nin enfermos mentais, non hai unha única faciana nin un retrato robot do maltratador, pódense atopar en calquera rango de idade, estamento social, etc. Porén, resulta un relato un tanto superficial, talvez non poida ser doutro xeito tratándose dunha persoa que apenas está comezando a descubrir ata que punto ten un problema. Recoñece que é machista e recoñece o dano causado mais a confusión e a autocompaixón tamén impregnan o seu testemuño.

Chegamos ao último tramo do programa dedicado a Marina, unha supervivente (ela prefire autodenominarse así no canto de vítima) da violencia machista. Esta rapaza viviu nas súas propias carnes unha ringleira de actos violentos que comezaron polo máis sutil e simbólico ata as brutais agresións  psicolóxicas, físicas e sexuais. Agora pode contalo e válese desa mesma experiencia para axudar a outros a non caer, comezando polos adolescentes, sempre tan sensibles a determinado tipo de mensaxes. Nos seus talleres cos mozos e mozas, desmonta tópicos, conta a súa historia e axúdalles a detectar condutas e indicios. Unha labor encomiable e un esforzo case heroico que non debemos deixar de recoñecer aínda que poidamos non concordar ao cen por cen coas súas opinións, por exemplo (e non quero crer que esa fose a súa intención) pero tal e como o di podería parecer que as cifras de mulleres asasinadas cada ano perden certa relevancia en comparación coas que non se sabe que saíron felizmente dese burato, e dende a miña perspectiva non é moi prudente dicilo así. Mais iso non desmerece o seu testemuño nin o seu loable traballo e a escena do taller que leva a cabo coa mocidade é, sen dúbida, o máis agradecido de ver nun programa no que ata agora só vimos sordidez e realidades pouco esperanzadoras.

O programa é moi interesante e amosa unha intención real de intentar mostrarnos todos os puntos de vista, aínda que fracase en parte ou teña éxito parcialmente, depende de como se mire. E como, desgraciadamente, se evolucionou máis ben pouco no asunto, pode que sexa necesario seguir repetindo as mesmas consignas. Pero por que non arriscar un pouco máis? Por que non dar un paso máis alá e amosar a relación que gardan entre si todos os elementos? Menciónase a expresión “sistema patriarcal” no primeiro treito do programa para logo esquecernos dela e de todas as súas implicacións, e xa non digamos citar a palabra maldita, “feminismo”, nalgún momento das entrevistas, a cuxo caudal teórico non se recorre xamais como parte do remedio a prol de acadar a igualdade plena e real (supoño que os supers de Atresmedia así o quixeron, sería demasiado “radical” para eles). Para min faltan moitas cousas e sen querelo, porque se ve ese propósito totalizador que busca abranguer e non illar, acabou amosándose só a punta do iceberg e algúns rematan sendo, paradoxalmente, salvados polo analfabetismo emocional. E cómpre ir alén de todo isto, que está ben e pode ser útil, pero segue sendo a todas luces insuficiente.

Non por isto deixo de recomendar esta última entrega de Salvados (dispoñible no sitio web Atresplayer), precisamente por necesaria, porque hai que seguir falando destas cousas. Iso non quita que dende un punto de vista, que intentou ser construtivo e non destrutivo, eu vise cousas que me “chirriaron” un pouco, tomando por iso a palabra con esta "crítica" e considerando case imprescindible ampliar o que aquí se discute e trata. Espero que outros medios tomen exemplo e se animen a seguir profundando no debate e na discusión (rigorosa e non amarelista) acerca deste gran problema que debe ser erradicado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario