xoves, 5 de maio de 2016

Galería de ídolos femininos (IV): Tess Asplund

              


               O mundo precisa máis xente coma Tess Asplund.

            E creo que non faría falta engadir nada máis a isto. Pero o que fixo Tess na pasada fin de semana é tan admirable e tan importante que é necesario poñelo en valor. Unha e outra vez, as veces que faga falta. E non, non frivolizo coa súa figura ao incluíla nun espazo que reservo ás miñas heroínas, todas elas polimorfas pero sempre libres e audaces.

            Tess é muller, negra e sueca. Non sei se ela ordena estes conceptos do mesmo xeito á hora de definirse a si mesma pero seguro que tivo os tres moi presentes cando lle botou ovarios e se chantou co puño en alto ante 300 militantes do Movemento de Resistencia Nórdica (partido sueco de clara filiación neonazi) que se manifestaban polas rúas de Borlänge no primeiro de maio. Nun acto evidentemente simbólico pero igualmente valente, Tess non vacilou. Ela afirma que se deixou levar pola rabia e o terror que lle produciron ver unha marcha (legal e permitida, ollo) dun grupo de xenófobos e racistas que queren ver a todos os que son coma ela fóra de Suecia (no menos grave dos casos), case como se iso lle restase valor e significado ao seu extraordinario xesto.

            Brava, bravísima Tess. Es tan brava que somos indignos de ti. Ti rompiches con moitas das cadeas que nos teñen presos nesta Europa feita farrapos, infestada de xente insolidaria e egoísta, enclaustrada na súa pérfida conciencia e asolagada pola desidia dos seus concidadáns. O teu é viral, ten que selo, e case é de película pero dou grazas á vida porque sexa real. Dou grazas por erguerme unha mañá coa noticia da túa mirada desafiante e o teu brazo ergueito contra o odio, a intolerancia, a irracionalidade e o peor de todos os nosos males, a indiferenza. Non te desculpes por non permanecer impasible ante o desfile dos que cantan ao horror, pois dese tipo de xente imos sobrados. Non foi un impulso, foi coraxe. E prendiches unha lapa de esperanza que boa falta nos facía.

            Seguro que agora non faltará quen queira botarche merda enriba dicindo que tampouco era para tanto ou que dalgún xeito non tiñas a suficiente autoridade moral para facer o que fixeches porque existen máculas no teu historial vital que non deben ser ignoradas. Intentarano todo para quitarlle méritos á túa feliz ousadía, coma aqueles que cuspiron na fazaña cotiá de Rosa Parks ou converteron nun pesadelo o ambicioso soño de Martin Luther King. Mais confío en que permanezas fronte a eles co brazo ergueito e que todos o ergamos canda ti.

            Grazas pola túa forza e determinación, que tanto nos alentan neste tempo incerto e escuro.

            Grazas, Tess.

Ningún comentario:

Publicar un comentario