Sirva este guiño ao
primeirísimo post que poboou estas
páxinas virtuais como unha sorte de despedida de todas aquelas mentes lectoras
apostrofadas ás que me dirixín durante estes tres anos. Foron moitas as nugae que me decidín a mostrar con máis
ou menos complexos e/ou acertos pero son aínda máis as mediocridades que quedan
fechadas baixo chave nun caixón do que xa nunca sairán. E alégrame que isto non
quede finito.
Un saúdo aos futuros navegantes do vasto océano de
internet que darán con este intento de blog
xa fosilizado.
E
graciñas aos navegantes pretéritos que recalaron nel.
Os domingos son días
raros. Non te ergues antes da 1 da tarde, empatas o almorzo co xantar, botas o
día en pixama engulindo chocolate... Son días nos que te mimetizas con Bridget
Jones mentres agardas un milagre: que algunha canle se digne en agasallarche
unha boa película para non pensar moito no luns e pasar a tarde do xeito menos
traumático posible. Ben, pois hai un par de domingos houbo a mesma merda de
sempre en cada recuncho da caixa tonta, agás unha honrosa excepción...
A mediados nos anos 90 Michael Bay revelouse coma o
director de cine testosterónico rebenta-taquillas definitivo. Apadriñado por produtores sen verghonza bébedos de cartos coma Jerry Bruckheimer, este cineasta nado hai
pouco máis de medio século en Los Angeles acuñou un persoalísimo estilo baseado
nunha narrativa tan frenética que roza a epilepsia, estética videoclipeira, unha
magnificencia audiovisual en todas as súas vertentes e un particular sentido do
humor que oscila entre o tópico e o meta-referencial. Todo isto case sempre
aderezado cun reparto de nomes ilustrísimos. Con esta efectiva e efectista
fórmula, Bay arrasou con blockbusters
de acción como Dous policías rebeldes (e
a súa secuela), A roca, Pearl Harbor ou Transformers, podendo así presumir de limpar o cu co que dicían os
críticos das súas películas mentres se bañaba en leitugas coa cara de Benjamin
Franklin. Se é que Michael Bay non saíu no anuncio Think different de Apple porque non se consolidou a tempo. Pero
antes de coroarse con esta aureola de “autor” (a que che dá facer non unha,
senón CATRO películas sobre os xoghetes da túa infancia), este “artihta” presentou
ao mundo a súa gran obra mestra, unha space
opera apocalíptica de longa duración e orzamento estratosférico que, ollo,
no seu día foi nomeada a catro Premios da Academia (en categorías menores,
claro). Si, mias senhores, hoxe traemos á Cólquide cine “del güeno”,
ghrandemente catastrófico pero altamente entrañable e, polo tanto, raiando nesa
fina fronteira que separa o sublime do simplemente tolo. Hoxe falamos de Armageddon!
Armageddon chegou
ás pantallas no verán de 1998, data na que coincidiu co seu replicante “serio” Deep Impact, proxecto apadriñado polo
mesmísimo Steven Spielberg co que competiu de forma despiadada tanto no seu
proceso de rodaxe como no momento da súa estrea. Os dous filmes foron bombazos
en todo o mundo e volveron poñer de moda en Hollywood unha morea de clichés
vencellados ao cine de catástrofes e aventuras espaciais. A gran diferenza
entre ambas radica nunha cuestión de ton: mentres Armageddon é absolutamente ghamberra e esaxerada nun plantexamento
imposible que desenvolve sen ningún tipo de complexos, Deep Impact intenta ser máis rigorosa, humana e cientificamente
verosímil sen renunciar á súa pertinente dose de espectáculo. Obxectivamente, Morgan
Freeman foi o presidente dos Estados Unidos que mellor xestionou a apocalipse
pero, que raio, a loucura hecatómbica de Michael Bay é moito máis divertida de
ver!
A peli comeza a 1000 e xa nunca descenderá desa
velocidade. Como Michael Bay non é un cutre, non nos obriga a ler no prólogo
(case todas as películas pre- e post-apocalípticas te empachan a texto copiando
moi mal a Star Wars), senón que
prefire ilustrarnos cun bonito plano do planeta Terra hai millóns de anos a
piques de ser destruído por un asteroide coa voz dun narrador que nos pon en
situación con moita cifra cantada en ton dramático (que se o impacto foi coma o
de 10000 bombas nucleares, que se o Sol non atravesou a atmosfera nun milenio)
e coa profecía final de que volverá suceder. Fantástico. Morte e destrución!
Michael Bay e o co-guionista J.J. Abrams (si, o mesmo que espertou a Forza o
ano pasado) saben o que nos gusta...
Os seguintes dez minutos son coma se un Aaron Sorkin
degradado e desprazado do star system dos
guionistas tivese que escribirlle as pelis a Roland Emmerich. Diarrea verbal
técnica e militar da que non entendes nin papa mentres unha choiva de
meteoritos destrúe unha nave e un satélite no espazo e arrasa Manhattan botando
abaixo iconas da cidade dos rañaceos coma o edificio Chrysler, a estación
central e, si, tamén as Torres Xemelgas do World Trade Center. Bay márcase o
seu particular 11-S mentres un taxista berra que Saddam Hussein está a
bombardealos. Con dous collóns!
Resulta que a choiva de meteoritos non era máis ca un
aviso e, para ser unha película que bota as súas boas “pullitas” sobre a necesidade de seguir costeando con
cartos públicos unha axencia espacial, non deixa á NASA en tan bo lugar, xa que
o puñado de cerebros que traballan ás ordes de Dan Truman (Billy Bob Thornton)
non conseguiron ver que se lles estaba acheghando un croiazo espacial máis
ghrande que o ego de Santiago Calatrava. Só teñen 18 días antes de que un novo
asteroide de apelido “destrutor total” choque coa Terra e apenas hai tempo para
dar cun plan que poida salvar á humanidade. Un momento perfecto para...
Viaxarmos a unha plataforma petrolífera no Mar de China!!!
O primeiro ghran WTF da película. O mundo acábase e imos
a unha plataforma petrolífera para ver costumismo hardcore: Bruce Willis (xenio e figura da función, como non!)
cagándose en Greenpeace e disparándolle ao seu segundo de a bordo (Ben Affleck)
despois de descubrir que está liado coa súa filla (Liv Tyler). O normal nun pai
que quere o mellor para a súa filla, vamos. Algunha da xente que imos coñecendo
nestes minutos (entre os que atopamos a Steve Buscemi, Owen Wilson ou o xa finado
Michael Clarke-Duncan) saía vestida de astronauta no tráiler e aquí resulta que
buscan petróleo. Algho non cadra. Boeno, malo será que non poidamos facer algo
contra a fin do mundo con John McClane, Batman e Arwen...
Pero en paralelo á subtrama familiar e amorosa que aporta
o xusto e necesario para que a chavalada forre carpetas cos caretos de Affleck
e Tyler, a NASA dá por fin coa solución “realista” que pedía o xefazo Truman:
mandar un equipo de astronautas aló arriba nunha nave que aterre no asteroide,
o fure ben furado para meterlle unha bomba nuclear e o rebente por control
remoto. Un plan que non financiaría nin Kim Jong-Un pero que aquí se asume como
perfecto. E que casualidade que o profesional máis capacitado para adestrar na
nobre arte da perforación cósmica aos suicidas que accedan a facer semellante
tolemia no espazo é o amantísimo pai dono dunha millonaria compañía petroleira que
soluciona os problemas familiares coa escopeta...
Pero Bruce Willis chega á NASA e ponse con todo dios coma
se iso fose o Nakatomi Plaza. Como a chulo non lle gaña ninguén, non só
cuestiona repetidamente os métodos e plans da axencia espacial americana (sen
ser astrofísico nin enxeñeiro nin nada que se lle pareza, Bruce Willis está por
encima diso) senón que consegue que lle acepten levar a toda a súa desmadrada cuadrilla
de perforadores ao espazo para acabar co asteroide. Marabilloso.
A reunión dos “reclutas” e o seu posterior adestramento a
cargo do coronel Sharp (William Fichtner) compoñen os 15 minutos máis
ghloriosos e surrealistas de toda a película. O propio Ben Affleck chegou a
dicirlle ao director durante a rodaxe que non tiña moito sentido nin sequera
para os estándares do filme que a NASA adestrase a prospectores no canto de
astronautas de verdade para a misión. Podemos imaxinar como debeu ser a
resposta de Michael Bay porque durante este tramo da película obséquianos cunha
galería de ludópatas, depravados e drogadictos que non quererían en ningún
psiquiátrico pero que para salvar o mundo ben valen.
Despois dunha dura preparación á que as novas fichaxes do
goberno americano para a seguridade nacional responden sorprendentemente ben, preparámonos
para unha sesión de patriotismo pasteleiro tan habitual neste tipo de filmes
pero co inconfundible selo Bay. É o momento de sacar toda a artillería pesada:
o inspirador discurso do presidente, a preparación dos astronautas previo paso
ao despegue dos cohetes, o tema principal da banda sonora, bandeiras americanas
a esgalla, planos contrapicados, un montón de xente arredor do mundo pegada aos
medios... Ideoloxía rancia metida con calzador, vamos. América ten o poder para
defenderse de todo e que se note!
Boeno, pois as lanzadeiras (que se chaman Liberdade e Independencia,
“oghito”!) despegan e seguindo co plan da misión, fan unha parada na estación
espacial MIR para repoñer combustible. E aquí é onde coñecemos ao mellor puto
personaxe de toda a película que ben tería merecido un spin off: o coronel Lev Andropov (Peter Stormare), un cosmonauta
ruso no que se compendian todos os tópicos humorísticos vinculados aos
habitantes do antigo país soviético. En menos de dez minutos, Bay e os
guionistas cáganse nos logros da carreira espacial rusa presentando a un
cosmonauta chiflado a cargo dunha estación espacial desfasada, falta de medios
e que definen literamente coma unha lata vella, escenario idóneo para que algo
falle na misión e se inaugure o sinxelo e repetitivo esquema narrativo que
caracterizará á película de agora en diante. Efectivamente, a repostaxe vai mal
e a MIR acaba por explotar non sen que antes os nosos heroes consigan saír de
aí sans e salvos (é cedo para matar a ninguén, que queda aínda unha hora boa de
película).
Para conseguir aterrar no asteroide, as naves deben ir
ata a Lúa, dar a volta a toda velocidade arredor da mesma e pegarse á cola do
devandito meteorito. Non vou acusar a Michael Bay de querer copiar (con
anabolizantes) a mítica escena de O
Imperio Contraataca na que Han Solo se mete co Falcón Milenario nun campo
de asteroides. Non. Non vale a pena acusalo porque está claro que é unha copia
pasadísima de anabolizantes. A lanzadeira Liberdade (a de Bruce Willis)
consegue esquivar os obstáculos e aterrar pero a Independencia (a de Ben Affleck)
estrélase e a metade da súa tripulación palma (entre eles Owen Wilson e un
puñado de secundarios que xa nos estaban parecendo demasiado anódinos).
Os membros do Liberdade póñense a perforar o asteroide
(imaxinado por Bay como un enorme escenario rochoso neogótico) mentres vemos
como Ben Affleck, Michael Clarke-Duncan e Peter Stormare sobreviven á hostia
padrísima que se meteron coa súa nave e deciden facer turismo en busca da outra
nave a bordo dunha especie de batmóbil cósmico equipado cun moderno taladro (e
volveremos a estes personaxes cunha certa frecuencia no que queda de misión
sobre todo para rirnos un pouco co ruso). Mentres tanto, Bruce Willis fai das
súas no espazo. Os taladros fódense a cada pouco porque o asteroide debe estar
feito de aleación de kryptonita con adamantium e dende a Terra un presidente
moi mal asesorado toma a desesperada decisión de detonar a bomba nuclear sen
esperar a que rematen a perforación co beneplácito do coronel Sharp. En canto Bruce
Willis ve o reloxo da bomba en marcha, non o pensa dúas veces: agharra ao
coronel polo pescozo cun alicates XXL e despois de poñerlle os collóns na
ghorxa ponse sentimental e sóltalle un inspirador discurso que ben podería
resumirse en “de min non se cachondea nin Cristo bendito e eu acabo con este
asteroide aínda que sexa o último que fagha na vida”. A chulería de Willis move
e conmove unha vez máis e nunha escena de máxima tensión adrenalínica
desconectan a bomba.
Despois de volvernos epilépticos e adictos ao LSD tras
papar xa media hora de fotografía a azuis, verdes e vermellos (algo así como Alien con esteroides), seguimos co noso
esquema narrativo de “fracaso momentáneo – momento de crise – solución instantánea”.
O taladro dá cunha bolsa de gas e tanto o vehículo como o perforador que o está
a manexar saltan polos aires. Alguén máis tiña que palmar, claro está. Pero despois
de que o mundo asuma por fin a máxima de que a fin xa está aquí, prodúcese un Ben Affleck ex machina: o outro vehículo
chega ao lugar onde os homes de Bruce Willis están traballando e póñense a
furar de novo chegando por fin ao obxectivo dos 240 metros necesarios para que
a explosión faga efecto.
Peeeeeero estamos ben lonxe do desenlace feliz, pois os
nosos heroes han de enfrontarse a outra dificultade engadida: un desprendemento
de rochas no asteroide dana o control remoto da bomba nuclear e para detonala
alguén debe quedar alí e facelo manualmente. Bótano a sortes e tócalle ao
pobriño de Ben Affleck que xa non vai poder botar máis foghetes coa filla do
líder de Aerosmith. Pero Bruce Willis pensa “Cooooooomoooorrr??? Este pipiolo
vai quedar por riba de min morrendo por toda a humanidade e eu aquí sen facer
nada???” e desconéctalle o osíxeno ao seu futuro xenro para obrigalo a entrar
de novo na nave e así quedar el no seu lugar. Mentres Ben Affleck lle suplica
que por favor non o faga, Bruce Willis aproveita para dicirlle que en realidade
non o odia e que estará orgulloso de que case coa súa filla e máis bla, bla,
bla sentimentaloide que chega varios anos e un tiro na perna tarde.
Boeno, o caso é que Bruce Willis se sacrifica por todos
nós, o asteroide rebenta nunha explosión incluso máis irreal que as de Star Wars e o resto do equipo regresa a
unha Terra que respira aliviada tras rozar literalmente a apocalipse, pois non
ían explosionar a bomba con tempo, ten que ser ao límite para crear a
suficiente tensión. Por suposto, Ben Affleck e Liv Tyler protagonizan unha
escena de reencontro de namorados a cámara lenta e vemos algunhas imaxes da súa
voda (que pola pinta debeu quedar fóra da montaxe final) nos créditos mentres
escoitamos a Steven Tyler berrando iso de I
don’t wanna close my eeeeeeeyes. Porque si, encima, este bodrio entrañable
ten outra virtude: temazo pop para o
final! Unha balada de aires rockeiros
composta por Diane Warren (garantía de que será o suficientemente pastelosa) e
que foi nomeada ao Oscar!
En resumo, por que esta peli mola mil? Porque ten a Bruce
Willis nun dos puntos máis álxidos da súa sempiterna chulería, porque sae xente
ghuapa por un lado e ghraciosa por outro, porque Michael Bay non nos dá tregua en
dúas horas e pouco, porque nos ghusta o rollo apocalíptico máis que a un tonto
un lapis, porque nos encanta este festival da inverosimilitude, porque hai
cancionaca peghañenta ao final... Armageddon
é súper, súper, súper divertida de ver, está no meu segundo posto detrás de Rocky IV (o bodrio entrañable
definitivo, como me gusta lembrar sempre que podo) e debín vela en vídeo e pola
tele algo así como 500 veces, sei os diálogos de memoria e pásoo teta co estilo
actioner patriótico acartonado e
descojonante que Michael Bay tivo a ben regalarnos a finais dos anos 90. Unha
delicia para os nosos traidores sentidos que tan rápido se marabillan cunha de
Haneke como se veñen a riba aplaudindo a Bruce Willis por palmar con tanto
estilo. Un verdadeiro bodrio entrañable que hai que ver!
“E, nenos, esta é a historia de como coñecín a vosa nai”
(Ben Affleck aos futuros fillos que podería ter enxendrado con Liv Tyler).
17
de maio. Un ano máis. Un cento de proclamas no ar e un milleiro de promesas e
obrigas para co noso idioma sen cumprir. Nun día no que celebramos con ledicia
a lírica daquel chairego que engaiolou os nosos soños, quixen lembrarme da súa
faceta máis descoñecida e daquel día que decidiu viaxar de Outeiro de Rei a
Tebas.
Poucos
saben que Manuel María, o poeta do existencialismo e do compromiso coa terra,
entre outras moitas facetas, cultivou tamén unha literatura dramática de tema
clásico que, aínda sendo moi breve, debe ser reivindicada. O seu Edipo (escrita aló polos anos 60 pero
que non foi publicada ata o 2003) recupera algúns dos episodios míticos
protagonizados por esta figura central da saga dos Labdácidas inmortalizados
por Sófocles en Edipo rei e Edipo en Colono (cos pertinentes
engadidos e liberdades creativas, claro está). Mais por que Manuel María había
querer que Edipo ou Antígona falasen en galego naqueles anos? El mesmo o
explicou no limiar á edición da obra:
Co Edipo tentamos crear un personaxe que resultase
ser un anti-Franco, o tirano cruel e omnipotente que estabamos a padecer. Un
Edipo que fose, máis que un rei ou un brinquedo do Destino e da Fatalidade, un
home bo, xeneroso, inconmovíbel nos seus principios éticos: o xefe humanísimo
que endexamais atraizoa ou atraizoará a súa xente, cumpridor do seu deber ata
as derradeiras consecuencias, disposto a sacrificar a vida polos seus ideais se
preciso for. De Antígona quixemos facer un prototipo da muller forte, valente,
filla exemplar e heroica, trasunto das galegas nais, donas, fillas de
emigrantes – e non só – que tan insuperábel e esforzado cometido desempeñaron
ao longo da historia do noso pobo.
Manuel
María non ignorou a lectura máis contestataria do mito e así o reinterpretou
para insuflarlle unha nova vida nas nosas letras, sendo coma case sempre un
pioneiro da empresa literaria en galego. Os nosos dramaturgos miraban a Europa
e iniciaron en paralelo un teatro de tema clásico en lingua galega do que
Manuel María é un dos seus principais fundadores (aínda que axiña abandonou
esta tendencia). Recolleu o mito de Edipo, simplificouno (para nada o “empobreceu”,
como el asegura no limiar) e o caprichoso fatum
quixo relegalo a un caixón ata que Miguel A. Mato Fondo e a Biblioteca-Arquivo
Teatral Francisco Pillado Mayor a recuperaron para a súa publicación un ano
antes do pasamento do poeta da Terra Chá. Ao igual que con Elexías á miña vida pequeniña (da que xa falamos na Cólquide noutra ocasión), hai que dar grazas á xenerosidade dun autor que mira con escepticismo
á súa propia obra e ao heroísmo (porque publicar cousas en galego foi, segue e
seguirá sendo unha auténtica loita contra os elementos) de quen se decidiu a
darlle forma nunha coidadísima edición á altura do material.
A
obra consta dun prólogo e tres actos a través dos cales acompañamos ao Edipo
rei e peregrino na súa loita contra un destino nada benévolo. Tras saberse
causante dos males de Tebas como herdeiro dunha caste que ofendeu aos deuses e
descubrir que matou ao seu pai Laio e casou coa súa nai Iocasta (dando
cumprimento á predición dos oráculos), Edipo vaga cego e vello acompañado da
súa filla Antígona sendo rexeitado por todos debido á sona da maldición que
pesa sobre el. Despois de rexeitar a oferta de Creonte, quen o convida a reinar
de novo á súa beira en Tebas para reparar o mal causado, Edipo morre nos
camiños acabando co sufrimento que lle infrinxiron os deuses pero coa certeza
de que deixa esta vida coma un home recto e xusto.
Manuel
María conserva no seu drama a moitos dos personaxes principais deste episodio
mítico, sitúaos no mesmo escenario, a cidade de Tebas, e mesmo inclúe un coro
cunha función moi semellante á que tiña na traxedia grega clásica. A pesar das
licencias, mantén un alto nivel de fidelidade ao relato dos orixinais nun
fluído diálogo co teatro de Sófocles que non pasa por alto as achegas dos seus
intermediarios, aos que seguro que o autor tivo tamén acceso. O resultado é
soberbio, malia a humilísima opinión do autor:
Ao reler, despois de tantos anos,
esta humilde obra da nosa autoría – é abismal a grandeza do mito comparado coas
nosas escasas forzas e saberes – case nos resulta unha descoñecida e máis
inconsistente e pobre do que nós coidabamos. Se a deixamos ir polo mundo
adiante débese a que xa cumpriu a súa maioría de idade, ao teimoso empeño de
bos e xenerosos amigos de ollala en letra impresa e a que quizais sexa
testemuño dunha época aínda non moi afastada en que a nosa literatura se
desenvolvía de xeito heroico e practicamente na clandestinidade e indiferenza.
O
valor literario do Edipo de Manuel
María é altísimo como se testemuña nestas derradeiras liñas e como se pode
deducir sendo quen é a pluma detrás da súa elaboración e tocando os temas que
toca nun galego que aínda hoxe está lonxe de gozar da situación merecida.
Invito a calquera que hoxe e sempre se marabille cos versos de Manuel María a
descubrir esta obra inxustamente relegada a un apartado de “obra menor” do seu
autor, un autor moito máis versátil do que a información institucional está
disposta a recoñecer. Como aperitivo, o parlamento de Edipo na segunda escena
do acto segundo:
Dende entón ben tristeiro é o meu
destino. Andar de lugar en lugar contando historias que narran as fazañas dos
heroes ou facendo rir á xente cos meus versos picarescos en que boto todo o meu
amargor. Xa non sei para que vivo. Só me ten de pé o amor e a fidelidade de
Antígona. Creonte, cando me ollou caído, botoume da cidade. Negoume o anco máis
cativeiro que nin a un can se lle nega. Mais eu fun Rei. Eu non fun nado para
esta vida de vagamundo... Para que fun nado eu...? Calquera sabe! Do que non
teño dúbida é de que fun nado para sofrer. Agora teño saudade do que fun. Do
que puidera ser se as cousas acontecesen doutro xeito. Mais eu non fun dono dos
acontecementos. Os acontecementos foron sempre os meus donos, os que me gobernaron,
os meus señores. Tiveron máis forzas que as que eu tiña. E vencéronme. Era
natural. Nada puiden facer máis que o que fixen: cegar coa miña man os meus
ollos para non ollar tanto arrepío. A miña vida é arrepiante. A min mesmo me
pon medo. Dicídeme, deuses inmortais, que non sofredes, que andades gastando o
voso vagar no Olimpo a xogar cos sofrimentos dos mortais: Por que non me
matades? Por que non me tirades a vida? Por que vos compracedes ollando, con
ollos que eu non teño, esta miña vida noxenta e miserábel? Aínda non vos
semella dabondo? Aínda teño que sofrer máis coitas e novas aldraxes? Deica
cando? Por que non me rematades dunha vez e para sempre? Por que non poñedes
forza no meu pulso para me matar eu pola miña man? Non abonda xa? Queredes
ademais de ollarme cego e vello, ollarme tamén louco?
Feliz
día das letras galegas.
E
lembrade, seguimos precisando a lingua se queremos vencer.
E creo que non faría falta engadir nada máis a isto. Pero
o que fixo Tess na pasada fin de semana é tan admirable e tan importante que é
necesario poñelo en valor. Unha e outra vez, as veces que faga falta. E non,
non frivolizo coa súa figura ao incluíla nun espazo que reservo ás miñas
heroínas, todas elas polimorfas pero sempre libres e audaces.
Tess é muller, negra e sueca. Non sei se ela ordena estes
conceptos do mesmo xeito á hora de definirse a si mesma pero seguro que tivo os
tres moi presentes cando lle botou ovarios e se chantou co puño en alto ante
300 militantes do Movemento de Resistencia Nórdica (partido sueco de clara
filiación neonazi) que se manifestaban polas rúas de Borlänge no primeiro de
maio. Nun acto evidentemente simbólico pero igualmente valente, Tess non
vacilou. Ela afirma que se deixou levar pola rabia e o terror que lle
produciron ver unha marcha (legal e permitida, ollo) dun grupo de xenófobos e
racistas que queren ver a todos os que son coma ela fóra de Suecia (no menos
grave dos casos), case como se iso lle restase valor e significado ao seu
extraordinario xesto.
Brava, bravísima Tess. Es tan brava que somos indignos de
ti. Ti rompiches con moitas das cadeas que nos teñen presos nesta Europa feita
farrapos, infestada de xente insolidaria e egoísta, enclaustrada na súa pérfida
conciencia e asolagada pola desidia dos seus concidadáns. O teu é viral, ten
que selo, e case é de película pero dou grazas á vida porque sexa real. Dou
grazas por erguerme unha mañá coa noticia da túa mirada desafiante e o teu
brazo ergueito contra o odio, a intolerancia, a irracionalidade e o peor de
todos os nosos males, a indiferenza. Non te desculpes por non permanecer
impasible ante o desfile dos que cantan ao horror, pois dese tipo de xente imos
sobrados. Non foi un impulso, foi coraxe. E prendiches unha lapa de esperanza
que boa falta nos facía.
Seguro que agora non faltará quen queira botarche merda
enriba dicindo que tampouco era para tanto ou que dalgún xeito non tiñas a
suficiente autoridade moral para facer o que fixeches porque existen máculas no
teu historial vital que non deben ser ignoradas. Intentarano todo para
quitarlle méritos á túa feliz ousadía, coma aqueles que cuspiron na fazaña
cotiá de Rosa Parks ou converteron nun pesadelo o ambicioso soño de Martin
Luther King. Mais confío en que permanezas fronte a eles co brazo ergueito e
que todos o ergamos canda ti.
Grazas pola túa forza e determinación, que tanto nos
alentan neste tempo incerto e escuro.
Despois
dun mes e pico de repouso relativo e penitencias varias, retomo ao vicio este
de mover os dedos compulsivamente contra os botonciños da computadora para
parir chorradas. E volvo do meu “retiro espiritual” para queixarme un pouco,
espero que con algo de razón, dun temiña que me ten un pouco farta. E non, non
vou falar do desgoberno do estado, nin dos papeis de Panamá nin da “peixeirofobia”
de Félix de Azua, por moita tela que traian calquera desas cuestións.
Non
creo que chegara a admitilo nunca nestas liñas, pero na miña sempiterna
tolemia, a miña afección (máis ben profundo amor) pola cultura clásica
transcendeu ao ámbito académico nun momento determinado da miña vida. Si, formo
parte desa case extinta lexión de parasitos e nerds que un día condenaron a seus pais a pagharlles unha carreira
que os vai levar de cabeza ao paro na tecnocrática sociedade actual: Filoloxía
Clásica. Aínda que non era máis ca un pexegho de 18 anos, era moi consciente da
lameira na que me estaba metendo. Durante todo este tempo tiven que aguantar en
cada comida familiar, quedada con amigos ou tropezos varios que se puxese a
proba tanto a miña intelixencia como a miña paciencia de xeito repetido: “E iso
para que vale?”, “Claro, queres ser profesora, non?”, “Pero iso non ten saídas”,
“Home, saber latín e grego está moi ben pero tes que pensar en comer o día de
mañá”... Pregúntome se a quen opta polas ramas máis extremadamente teóricas da
física e outras disciplinas científicas de escaso rendemento empresarial se
lles acosa con esta mesma letanía. Pero non me despisto: ao adentrarme neste,
por outro lado, marabilloso mundo do que sigo intentando non desprenderme a
pesar dos esforzos institucionais e sociais porque non quede nin un só
helenista ou latinista baixo o ceo azul, vin e soportei cousas aínda máis
aterradoras: que se poñan en cuestión gran parte das achegas da nosa
disciplina, unhas veces por parte dos propios colegas e outras por parte de
conspiranoicos de traxectoria profusa nas redes sociais.
É
un debate que está en constante reactualización, internet ten esa marabillosa
capacidade para sepultarte no esquecemento e logo recuperarte cunha virulencia
brutal. Este vídeo aparece e reaparece cunha certa frecuencia nos grupos
temáticos de Facebook dos que formo parte (case sempre como exemplo do que non
se debe facer):
É
case unha hora de tostón pseudoacadémico sobre a gran revelación científica do
século (polo menos así é como pretenden vendérnolo): as linguas romances non
veñen do latín!!! Durante séculos estivemos crendo e alimentando unha gran
mentira cuxo descubrimento vai derrubar un dos principais alicerces da
lingüística!!! Mi ma!!! Que ceghos estivemos e menos mal que unha señora que di
que sabe latín pero logo le “macarronicamente” unha inscrición nesa mesma
lingua veu abrirnos os ollos!!! Boeno, poñámonos un pouco serias e, como dicía
o Señor Lobo en Pulp Fiction, “non
empecemos a chuparnos as pirolas”. O vídeo de 57 minutacos protagonízano unha
tal Alicia Ninou, que se define como xornalista independente sen filiacións
ideolóxicas ou relixiosas de ningunha clase sen máis interese que chegar á
verdade (a súa páxina web títulase Time
For Truth, todo moi elocuente); e a entrevistada Carme Jiménez Huertas,
presentada como escritora e filóloga especializada en lingüística e tecnoloxías
da lingua. Aínda que o título (No venimos
del latín) nos tira xa un pouco “pa’ tras”, podemos pensar que tampouco son
dúas ignorantes sen máis e que pode valer a pena polo menos ver se defenden a
premisa con argumentos máis ou menos convincentes. Pois resulta que non. A
entrevista convértese nunha lección maxistral construída sobre afirmacións
insultantes e ridículas, o cal ten aínda máis delito cando a entrevistada
afirma sen pudor que a gramática histórica inventa todo tipo de explicacións
rocambolescas sobre a evolución das palabras do latín ao romance para forzar o
seu encaixe na premisa de partida, entre outras perlas. Para a señora en
cuestión (que ten libro e todo sobre a historieta esta), o ibérico é a nai de
todas as cousas aínda recoñecendo que está sen descifrar, os romanos non
falaban en latín (WTF?) e “la gente no esperó a que vinieran los romanos para
aprender a hablar” (claro, a lingüística indoeuropea é un recreo que non está
aí para explicar gran parte do que houbo antes, porque ninguén nega que houbese
algo antes aínda que non se saiba con exactitude que era ese algo). Ah, e por
suposto, o sistema académico é unha organización escura e sectaria tomada por
mentes perversas e retorcidas que non queren que saiba a verdade. Grosso modo, esta é a mensaxe que se nos
traslada.
Realmente
o que me cabrea non é que se poña en tela de xuízo todo isto, senón que se faga
así, sen que existan evidencias palmarias que permitan contestar o que dende
hai moito é aceptado como feito, cunha total falta de rigor, recorrendo a un
argumentario tan falaz e terxiversando a información ata límites insospeitados.
E todo iso, presumindo de que se é filóloga e falando coma se se estivese
enfrontando á santa inquisición da Academia. Mais as teorías da conspiración
non rematan aquí:
Sobre
este si que non vale a pena facer moitos comentarios, porque antes de chegar ao
minuto 1 xa nos damos conta de que non imos sacar nada en limpo. Todo moi digno
dun Cuarto Milenio serie Z. Eu quero
o que fumou este señor, que non é filólogo, nin físico nin nada que se lle
pareza pero desenvolveu el soíño unha “teoría do todo”. Iso si, as risas que
botas, non hai mastercard que as
paghe...
E
por último, e xa paro porque me podo sobresaturar con tanto intrusismo aborregado, está este “majete” que copia
e pega do primeiro vídeo cunha retórica un pouco menos académica...
Vale,
seguramente ao común dos mortais lles pase coa orixe das linguas romances o que
lle pasaba a Pepe Rubianes coa unidade de España (en serio fai falta
recordalo?), mais creo que vale a pena traer estas cousas a un blog en principio máis lúdico por unha
cuestión fundamental. Nos últimos anos semella que o coñecemento humanístico
está moi limitado pola súa metodoloxía e alcance e sobrepasado pola súa beleza.
Moitos coinciden, cunha positiva falsidade, en que o latín e o grego son
linguas moi bonitas, que disfrutaron moito lendo a Homero e que a historia de Roma
é apaixonante. E todo isto só é un pasatempo delicioso do que non cabe esperar
nada máis, e non é así. Considero que calquera dos tres exemplos antes expostos
desminte o argumento de que somos prescindibles. É máis, nunca fomos tan necesarios.
Nesta novísima era na que xa acadamos o mañá, na que só estamos a un click de acceder ao saber e na que se
nos implantou a conciencia de que nos enfrontamos a grandes retos, nós aínda
temos algo que dicir. Temos algo que dicir aos lexisladores que nos queren
condenar ao ostracismo educativo, temos algo que dicir aos profetas do
posmodernismo que tanto che poden dicir que Darwin papaba estramonio como que viñemos
dos reptilianos, temos algo que dicir tamén ao acomplexado mundo académico, ás
universidades e centros de investigación que cada vez se encerran máis en si
mesmos e se senten tan a gusto no gueto; temos algo que dicir a toda a xente
que nos recrimina a nosa condición de filólogos coma se fosemos fósiles dun
tempo que xa non existe, temos algo que dicir a todos aqueles que permanecen
presos da súa propia ignorancia e pretenden que formemos parte desta estulticia
tecnócrata na que se converteu o mundo.
Os que descoñecen este mundo non se fan unha
idea, nin sequera remota, do que aínda queda por facer. Hai tantos textos sen
traducir, tanta literatura, tantos achados arqueolóxicos por investigar, tan
inxente legado por preservar e coñecer... Que todo isto non valla para arranxar
unha billa non quere dicir que non sexa “útil”. Dende logo, alguén debe facelo,
é posible que non precisemos unha fornada de 200 filólogos clásicos en cada promoción
(de feito, non os precisamos) pero si seguimos estando moi necesitados deses 20
ou 25 valentes que lle botan ovarios e collóns e case coma os espartanos das
Termópilas, tendo todo e a todos en contra, deciden que queren dedicarse a isto,
deixar atrás o vitimismo que incluso nos inculcan os nosos propios mestres e
encararse con este mundo hostil facendo valer unha profesión e un modo de vida
tan aceptable e respectable coma outro calquera. Talvez esta apoloxía sexa indigna da miña amada vocación e estea pedindo a berros o meu groliño de cicuta coma Sócrates, mais penso que o que defendo non é pouco razoable (se cadra limitado e mesmo tópico pero non sen razón).
“Si,
si, un discurso moi bonito pero todo isto para que segue servindo?” Pois entre
outras cousas para que poidas defenderte dos que pretenden que tragues con iso de que
viñeches dos reptilianos...