Amosando publicacións coa etiqueta Cine. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cine. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de xuño de 2016

Bodrios entrañables: “Armageddon”


         Os domingos son días raros. Non te ergues antes da 1 da tarde, empatas o almorzo co xantar, botas o día en pixama engulindo chocolate... Son días nos que te mimetizas con Bridget Jones mentres agardas un milagre: que algunha canle se digne en agasallarche unha boa película para non pensar moito no luns e pasar a tarde do xeito menos traumático posible. Ben, pois hai un par de domingos houbo a mesma merda de sempre en cada recuncho da caixa tonta, agás unha honrosa excepción...

          A mediados nos anos 90 Michael Bay revelouse coma o director de cine testosterónico rebenta-taquillas definitivo. Apadriñado por produtores sen verghonza bébedos de cartos coma Jerry Bruckheimer, este cineasta nado hai pouco máis de medio século en Los Angeles acuñou un persoalísimo estilo baseado nunha narrativa tan frenética que roza a epilepsia, estética videoclipeira, unha magnificencia audiovisual en todas as súas vertentes e un particular sentido do humor que oscila entre o tópico e o meta-referencial. Todo isto case sempre aderezado cun reparto de nomes ilustrísimos. Con esta efectiva e efectista fórmula, Bay arrasou con blockbusters de acción como Dous policías rebeldes (e a súa secuela), A roca, Pearl Harbor ou Transformers, podendo así presumir de limpar o cu co que dicían os críticos das súas películas mentres se bañaba en leitugas coa cara de Benjamin Franklin. Se é que Michael Bay non saíu no anuncio Think different de Apple porque non se consolidou a tempo. Pero antes de coroarse con esta aureola de “autor” (a que che dá facer non unha, senón CATRO películas sobre os xoghetes da túa infancia), este “artihta” presentou ao mundo a súa gran obra mestra, unha space opera apocalíptica de longa duración e orzamento estratosférico que, ollo, no seu día foi nomeada a catro Premios da Academia (en categorías menores, claro). Si, mias senhores, hoxe traemos á Cólquide cine “del güeno”, ghrandemente catastrófico pero altamente entrañable e, polo tanto, raiando nesa fina fronteira que separa o sublime do simplemente tolo. Hoxe falamos de Armageddon!


            Armageddon chegou ás pantallas no verán de 1998, data na que coincidiu co seu replicante “serio” Deep Impact, proxecto apadriñado polo mesmísimo Steven Spielberg co que competiu de forma despiadada tanto no seu proceso de rodaxe como no momento da súa estrea. Os dous filmes foron bombazos en todo o mundo e volveron poñer de moda en Hollywood unha morea de clichés vencellados ao cine de catástrofes e aventuras espaciais. A gran diferenza entre ambas radica nunha cuestión de ton: mentres Armageddon é absolutamente ghamberra e esaxerada nun plantexamento imposible que desenvolve sen ningún tipo de complexos, Deep Impact intenta ser máis rigorosa, humana e cientificamente verosímil sen renunciar á súa pertinente dose de espectáculo. Obxectivamente, Morgan Freeman foi o presidente dos Estados Unidos que mellor xestionou a apocalipse pero, que raio, a loucura hecatómbica de Michael Bay é moito máis divertida de ver!

            A peli comeza a 1000 e xa nunca descenderá desa velocidade. Como Michael Bay non é un cutre, non nos obriga a ler no prólogo (case todas as películas pre- e post-apocalípticas te empachan a texto copiando moi mal a Star Wars), senón que prefire ilustrarnos cun bonito plano do planeta Terra hai millóns de anos a piques de ser destruído por un asteroide coa voz dun narrador que nos pon en situación con moita cifra cantada en ton dramático (que se o impacto foi coma o de 10000 bombas nucleares, que se o Sol non atravesou a atmosfera nun milenio) e coa profecía final de que volverá suceder. Fantástico. Morte e destrución! Michael Bay e o co-guionista J.J. Abrams (si, o mesmo que espertou a Forza o ano pasado) saben o que nos gusta...


           Os seguintes dez minutos son coma se un Aaron Sorkin degradado e desprazado do star system dos guionistas tivese que escribirlle as pelis a Roland Emmerich. Diarrea verbal técnica e militar da que non entendes nin papa mentres unha choiva de meteoritos destrúe unha nave e un satélite no espazo e arrasa Manhattan botando abaixo iconas da cidade dos rañaceos coma o edificio Chrysler, a estación central e, si, tamén as Torres Xemelgas do World Trade Center. Bay márcase o seu particular 11-S mentres un taxista berra que Saddam Hussein está a bombardealos. Con dous collóns!


            Resulta que a choiva de meteoritos non era máis ca un aviso e, para ser unha película que bota as súas boas “pullitas” sobre a necesidade de seguir costeando con cartos públicos unha axencia espacial, non deixa á NASA en tan bo lugar, xa que o puñado de cerebros que traballan ás ordes de Dan Truman (Billy Bob Thornton) non conseguiron ver que se lles estaba acheghando un croiazo espacial máis ghrande que o ego de Santiago Calatrava. Só teñen 18 días antes de que un novo asteroide de apelido “destrutor total” choque coa Terra e apenas hai tempo para dar cun plan que poida salvar á humanidade. Un momento perfecto para... Viaxarmos a unha plataforma petrolífera no Mar de China!!!

            O primeiro ghran WTF da película. O mundo acábase e imos a unha plataforma petrolífera para ver costumismo hardcore: Bruce Willis (xenio e figura da función, como non!) cagándose en Greenpeace e disparándolle ao seu segundo de a bordo (Ben Affleck) despois de descubrir que está liado coa súa filla (Liv Tyler). O normal nun pai que quere o mellor para a súa filla, vamos. Algunha da xente que imos coñecendo nestes minutos (entre os que atopamos a Steve Buscemi, Owen Wilson ou o xa finado Michael Clarke-Duncan) saía vestida de astronauta no tráiler e aquí resulta que buscan petróleo. Algho non cadra. Boeno, malo será que non poidamos facer algo contra a fin do mundo con John McClane, Batman e Arwen...

            Pero en paralelo á subtrama familiar e amorosa que aporta o xusto e necesario para que a chavalada forre carpetas cos caretos de Affleck e Tyler, a NASA dá por fin coa solución “realista” que pedía o xefazo Truman: mandar un equipo de astronautas aló arriba nunha nave que aterre no asteroide, o fure ben furado para meterlle unha bomba nuclear e o rebente por control remoto. Un plan que non financiaría nin Kim Jong-Un pero que aquí se asume como perfecto. E que casualidade que o profesional máis capacitado para adestrar na nobre arte da perforación cósmica aos suicidas que accedan a facer semellante tolemia no espazo é o amantísimo pai dono dunha millonaria compañía petroleira que soluciona os problemas familiares coa escopeta...

            Pero Bruce Willis chega á NASA e ponse con todo dios coma se iso fose o Nakatomi Plaza. Como a chulo non lle gaña ninguén, non só cuestiona repetidamente os métodos e plans da axencia espacial americana (sen ser astrofísico nin enxeñeiro nin nada que se lle pareza, Bruce Willis está por encima diso) senón que consegue que lle acepten levar a toda a súa desmadrada cuadrilla de perforadores ao espazo para acabar co asteroide. Marabilloso.

            A reunión dos “reclutas” e o seu posterior adestramento a cargo do coronel Sharp (William Fichtner) compoñen os 15 minutos máis ghloriosos e surrealistas de toda a película. O propio Ben Affleck chegou a dicirlle ao director durante a rodaxe que non tiña moito sentido nin sequera para os estándares do filme que a NASA adestrase a prospectores no canto de astronautas de verdade para a misión. Podemos imaxinar como debeu ser a resposta de Michael Bay porque durante este tramo da película obséquianos cunha galería de ludópatas, depravados e drogadictos que non quererían en ningún psiquiátrico pero que para salvar o mundo ben valen.


            Despois dunha dura preparación á que as novas fichaxes do goberno americano para a seguridade nacional responden sorprendentemente ben, preparámonos para unha sesión de patriotismo pasteleiro tan habitual neste tipo de filmes pero co inconfundible selo Bay. É o momento de sacar toda a artillería pesada: o inspirador discurso do presidente, a preparación dos astronautas previo paso ao despegue dos cohetes, o tema principal da banda sonora, bandeiras americanas a esgalla, planos contrapicados, un montón de xente arredor do mundo pegada aos medios... Ideoloxía rancia metida con calzador, vamos. América ten o poder para defenderse de todo e que se note!


            Boeno, pois as lanzadeiras (que se chaman Liberdade e Independencia, “oghito”!) despegan e seguindo co plan da misión, fan unha parada na estación espacial MIR para repoñer combustible. E aquí é onde coñecemos ao mellor puto personaxe de toda a película que ben tería merecido un spin off: o coronel Lev Andropov (Peter Stormare), un cosmonauta ruso no que se compendian todos os tópicos humorísticos vinculados aos habitantes do antigo país soviético. En menos de dez minutos, Bay e os guionistas cáganse nos logros da carreira espacial rusa presentando a un cosmonauta chiflado a cargo dunha estación espacial desfasada, falta de medios e que definen literamente coma unha lata vella, escenario idóneo para que algo falle na misión e se inaugure o sinxelo e repetitivo esquema narrativo que caracterizará á película de agora en diante. Efectivamente, a repostaxe vai mal e a MIR acaba por explotar non sen que antes os nosos heroes consigan saír de aí sans e salvos (é cedo para matar a ninguén, que queda aínda unha hora boa de película).

            Para conseguir aterrar no asteroide, as naves deben ir ata a Lúa, dar a volta a toda velocidade arredor da mesma e pegarse á cola do devandito meteorito. Non vou acusar a Michael Bay de querer copiar (con anabolizantes) a mítica escena de O Imperio Contraataca na que Han Solo se mete co Falcón Milenario nun campo de asteroides. Non. Non vale a pena acusalo porque está claro que é unha copia pasadísima de anabolizantes. A lanzadeira Liberdade (a de Bruce Willis) consegue esquivar os obstáculos e aterrar pero a Independencia (a de Ben Affleck) estrélase e a metade da súa tripulación palma (entre eles Owen Wilson e un puñado de secundarios que xa nos estaban parecendo demasiado anódinos).


          Os membros do Liberdade póñense a perforar o asteroide (imaxinado por Bay como un enorme escenario rochoso neogótico) mentres vemos como Ben Affleck, Michael Clarke-Duncan e Peter Stormare sobreviven á hostia padrísima que se meteron coa súa nave e deciden facer turismo en busca da outra nave a bordo dunha especie de batmóbil cósmico equipado cun moderno taladro (e volveremos a estes personaxes cunha certa frecuencia no que queda de misión sobre todo para rirnos un pouco co ruso). Mentres tanto, Bruce Willis fai das súas no espazo. Os taladros fódense a cada pouco porque o asteroide debe estar feito de aleación de kryptonita con adamantium e dende a Terra un presidente moi mal asesorado toma a desesperada decisión de detonar a bomba nuclear sen esperar a que rematen a perforación co beneplácito do coronel Sharp. En canto Bruce Willis ve o reloxo da bomba en marcha, non o pensa dúas veces: agharra ao coronel polo pescozo cun alicates XXL e despois de poñerlle os collóns na ghorxa ponse sentimental e sóltalle un inspirador discurso que ben podería resumirse en “de min non se cachondea nin Cristo bendito e eu acabo con este asteroide aínda que sexa o último que fagha na vida”. A chulería de Willis move e conmove unha vez máis e nunha escena de máxima tensión adrenalínica desconectan a bomba.


            Despois de volvernos epilépticos e adictos ao LSD tras papar xa media hora de fotografía a azuis, verdes e vermellos (algo así como Alien con esteroides), seguimos co noso esquema narrativo de “fracaso momentáneo – momento de crise – solución instantánea”. O taladro dá cunha bolsa de gas e tanto o vehículo como o perforador que o está a manexar saltan polos aires. Alguén máis tiña que palmar, claro está. Pero despois de que o mundo asuma por fin a máxima de que a fin xa está aquí, prodúcese un Ben Affleck ex machina: o outro vehículo chega ao lugar onde os homes de Bruce Willis están traballando e póñense a furar de novo chegando por fin ao obxectivo dos 240 metros necesarios para que a explosión faga efecto.

            Peeeeeero estamos ben lonxe do desenlace feliz, pois os nosos heroes han de enfrontarse a outra dificultade engadida: un desprendemento de rochas no asteroide dana o control remoto da bomba nuclear e para detonala alguén debe quedar alí e facelo manualmente. Bótano a sortes e tócalle ao pobriño de Ben Affleck que xa non vai poder botar máis foghetes coa filla do líder de Aerosmith. Pero Bruce Willis pensa “Cooooooomoooorrr??? Este pipiolo vai quedar por riba de min morrendo por toda a humanidade e eu aquí sen facer nada???” e desconéctalle o osíxeno ao seu futuro xenro para obrigalo a entrar de novo na nave e así quedar el no seu lugar. Mentres Ben Affleck lle suplica que por favor non o faga, Bruce Willis aproveita para dicirlle que en realidade non o odia e que estará orgulloso de que case coa súa filla e máis bla, bla, bla sentimentaloide que chega varios anos e un tiro na perna tarde.


         Boeno, o caso é que Bruce Willis se sacrifica por todos nós, o asteroide rebenta nunha explosión incluso máis irreal que as de Star Wars e o resto do equipo regresa a unha Terra que respira aliviada tras rozar literalmente a apocalipse, pois non ían explosionar a bomba con tempo, ten que ser ao límite para crear a suficiente tensión. Por suposto, Ben Affleck e Liv Tyler protagonizan unha escena de reencontro de namorados a cámara lenta e vemos algunhas imaxes da súa voda (que pola pinta debeu quedar fóra da montaxe final) nos créditos mentres escoitamos a Steven Tyler berrando iso de I don’t wanna close my eeeeeeeyes. Porque si, encima, este bodrio entrañable ten outra virtude: temazo pop para o final! Unha balada de aires rockeiros composta por Diane Warren (garantía de que será o suficientemente pastelosa) e que foi nomeada ao Oscar!


            En resumo, por que esta peli mola mil? Porque ten a Bruce Willis nun dos puntos máis álxidos da súa sempiterna chulería, porque sae xente ghuapa por un lado e ghraciosa por outro, porque Michael Bay non nos dá tregua en dúas horas e pouco, porque nos ghusta o rollo apocalíptico máis que a un tonto un lapis, porque nos encanta este festival da inverosimilitude, porque hai cancionaca peghañenta ao final... Armageddon é súper, súper, súper divertida de ver, está no meu segundo posto detrás de Rocky IV (o bodrio entrañable definitivo, como me gusta lembrar sempre que podo) e debín vela en vídeo e pola tele algo así como 500 veces, sei os diálogos de memoria e pásoo teta co estilo actioner patriótico acartonado e descojonante que Michael Bay tivo a ben regalarnos a finais dos anos 90. Unha delicia para os nosos traidores sentidos que tan rápido se marabillan cunha de Haneke como se veñen a riba aplaudindo a Bruce Willis por palmar con tanto estilo. Un verdadeiro bodrio entrañable que hai que ver!

            “E, nenos, esta é a historia de como coñecín a vosa nai” (Ben Affleck aos futuros fillos que podería ter enxendrado con Liv Tyler).

xoves, 14 de xaneiro de 2016

E a Forza volveu acompañarnos: “Star Wars, Episodio VII: O Espertar da Forza”, de J.J. Abrams


            O prometido (e re-prometido) é débeda. Volve Star Wars á Cólquide!

            Despois de moito agardar, un ano (que se axiña se di), alí estaba eu no cine o 18 de decembro do xa pasado ano coma un reloxo, ataviada coma unha verdadeira friki e lista para ver se a venda de Lucasfilm a Disney dera algún resultado de maior proveito artístico que a produción (aínda máis) masiva de merchandising. E o certo é que as miñas expectativas están máis que satisfeitas, o cal non quere dicir que tan positiva e entusiasta opinión non teña os seus matices.

            O certo é que se me presentaron bastantes dúbidas no tocante ao modus operandi a seguir para diseccionar O Espertar da Forza. Fodíame inzar isto de spoilers, que algunha xente batese con eles e, en consecuencia, sentise ganas de bloquearme, trollearme e, xa de postos, coller a escopeta e ao río comigo. Pero por outra banda, a valoración dunha película non sempre se pode facer sen destripar unha parte importante da trama. A solución? Pois unha sorte de aurea mediocritas que espero que dea resultado e me permita reseñar de xeito máis completo o filme sen fastidiarlle a experiencia a ninguén, porque a película aínda está nos cines e, aínda que pareza mentira, queda xente que non a viu e quere vela. O seguinte parágrafo contén unha crítica destas aburridas tipo recuncho da sección de cultura dos xornais, con moito palabro raro e conector textual coma estes que se poñen nas preguntas que non se saben dos exames para finxir que non es parva, conceptos máis ben xerais e linguaxe do estilo “ghustoume moito porque é moi bonita” para non meter a pata. Só ese parágrafo, os seguintes serán verdes campos reghados de spoilers. Na vosa man está seguir lendo ou non, avisados quedades.


            O Espertar da Forza vale a pena. Como película é grande e monumental. Ten todo o que se lle debe pedir a un blockbuster de calidade: boa dirección, ritmo, personaxes ben desenvolvidos, historia ben artellada (si, George Lucas da segunda triloxía, a historia tamén fai falta), planos quita-impos, poderío visual sobresaínte pero que non chega a abafar, novos temas que se incorporan a unha banda sonora inmortal e un longo etcétera que non só sería aplicable a esta película. Mola e moito. Pero non abonda con isto. Calquera fan ou calquera que vira as anteriores películas sabe que non é posible quedarse con esa primeira impresión que ten que ser positiva á forza porque o filme non é malo en si mesmo, é moi bo. Pero agora toca medir o seu impacto real e cotexar como de bo é con respecto ao resto, con respecto a aquelas seis películas que o precederon.

            [OLLO PIOLLO!!! A PARTIR DE AQUÍ HAI SPOILERS!!!]


            J.J. Abrams asumiu (porque quixo pero asumiuna) unha responsabilidade enormísima: volver resucitar unha saga en cuxa nova resurrección ninguén cría. O Espertar da Forza é infinitamente mellor que a segunda triloxía e cabréame que algúns o poñan en dúbida. Non só por unha cuestión de coherencia estética, que tamén ten a súa importancia, senón porque recupera o que nunca se debeu perder, o poder narrativo que dota ás grandes historias desa magnificencia que será eternamente admirada por todos. Dende a primeira Star Wars ata o Retorno do Jedi hai unha progresión, na que pode haber máis ou menos fochancas, pero que conduce sen erros maiores a un dos meirandes momentos climáticos que nos deu esta neo-literatura que é o cine. Pero aínda quedaba unha parte crucial da historia por contar, unha parte que debía encumiar á saga Skywalker ao mesmo lugar que ocupan os Atridas ou os Labdácidas na mitoloxía universal. Entre A ameaza pantasma e A vinganza dos sith aprendemos unha dolorosa lección, que era posible masacrar un guión caralludo. O periplo vital de Anakin Skywalker era a hostia, nada podía fallar: un neno asustado e escravizado ao que separan do lado da súa abnegada e solitaria nai, que consagra a súa vida a unha causa sen saber o que iso implica e vive coa estigmatizada bendición de ser “elixido”, que escolle amar aínda sendo consciente de que lle é imposible e que, na dura e fatídica loita contra o seu propio destino, perde e cae no lado escuro da Forza, a mesma que lle outorgara todos os dons e que axiña o despoxou deles. Un Edipo do noso tempo con tintes bíblicos que George Lucas ousou relegar ao averno das precuelas innecesarias. A segunda triloxía nunca foi innecesaria, foi o seu propio pai o que a asasinou dende o mesmo momento da súa concepción. Non sei se J.J. Abrams pensou en todas estas circunstancias e precedentes antes de embarcarse con Lawrence Kasdan e Michael Arndt na escritura do guión. Pero pode que si, pois o espírito da primeira triloxía está no Espertar da Forza como un citius, altius, fortius deseñado para nostálxicos e para neófitos sen perder de vista todo o bo que tiña contar o pasado de Darth Vader (aínda que iso fose un valor escaso). E neste importantísimo punto é onde máis se nota a perturbación na Forza...


            Mentres moitos gozaron e celebraron esta nova historia na que coñecemos a unha rapaza orfa de nome Rey (Daisy Ridley), unha chatarreira que vive soa no planeta Jakku sen máis degoiro que o de volver ver á súa familia e que de xeito accidental (coma no seu día Luke Skywalker) emprende unha aventura na que remata descubrindo o seu gran poder, outros viron nela o remake feminista da primeira Star Wars, motivo para todos eles máis que suficiente para poñela á mesma altura do peor da saga. Non podo estar máis en desacordo. O renacer da Forza é feminista, si (e pido un aplauso para isto), pero a autorreferencia, a autoparodia e a homenaxe non a converten nunha nova versión precisamente porque o seu emprego está, dende o meu punto de vista, meticulosamente medido. De aí que sexa claramente unha película para nostálxicos que poidan revivir a ilusión que non tiveron coas precuelas e neófitos que se vaian incorporar ao masivo grupo de devotos da saga, como veño de dicir. O plan argumental é case calcado, pero acaso non funciona? Acaso non funcionou a utilización dun recurso semellante no Retorno do Jedi? E malia que este é o seu maior defecto, consegue reverter o efecto prexudicial que pode ter sobre a valoración final do filme, polo menos para min. Está claro que durante os trinta anos seguintes á batalla de Endor e da derrota do Imperio, o trío de colegas formado por Luke, Leia e Han a cagou pero ben na súa defensa dos novos valores republicanos que a Primeira Orde (máis norcoreana e máis terrorífica que os seus predecesores) se propón aniquilar. Está claro que as relacións familiares desta xentiña seguen a ser moi complicadas e seguen dando moito de si como material literario. E está claro que a historia pode repetirse no seo dunha saga que arrastra unha cadea de culpas e castigos coa que ningún valente ewok pode rematar así como así.


Porque si, esta historia tamén tiña que ser contada a pesar da opinión de moitos. Véndoa así de prometedora, debe ser contada. Temos unha protagonista nova de carisma incontestable e que achega novos aires a unha saga xa sobrada de iconas. Rey é unha “ghuardiana” e non só por vivir nas tripas dun AT-AT e xogar con bonecos de pilotos rebeldes! Xa dabamos grazas infinitas por ter neste 2015 unha heroína como a Imperator Furiosa de Mad Max: Furia na Estrada e agora estamos dobremente agradecidas por ver na gran pantalla a Rey empuñando un sable láser, coidándose ela soa, descubrindo as súas extraordinarias habilidades no emprego da Forza (superdotación que ha ter unha explicación nos seguintes episodios, estou segura) e deixando ben chafado á que é (e supoño que seguirá sendo) a súa némese, Kylo Ren (Adam Driver). O seu encontro final cun Luke Skywalker ermitán e apesarado por un sentimento de culpa cuxa causa non se nos chega a aclarar neste filme lanza o gran interrogante en termos de parentesco da nova triloxía. Eu só espero que me sorprendan, porque o de que poida ser filla de Luke tampouco me parecería tan acolloante nivel O Imperio Contraataca, pero boeno, a veda conspiranoica xa está aberta e xa se di de todo.


Kylo Ren. Vaia nome de merda con perdón, posiblemente a elección creativa máis pobre desta nova película, paréceme tan ridículo como no seu día mo pareceu Padme Amidala. Sobre este rapaz que trata de emular ao seu defunto e desgraciadiño avó, Darth Vader, pesan erros pedagóxicos de funestas consecuencias e cuxa responsabilidade recae tanto nos seus proxenitores (Han Solo e Leia) como no seu mentor (Luke Skywalker) pero sobre todo pesa a herdanza dunha xenética propensa a seguir tamén os sendeiros máis tenebrosos da Forza. A historia repítese nel mais non é un novo Darth Vader. Kylo Ren ten a súa propia personalidade, pode que nun principio se nos presente máis poderoso no lado escuro que o seu avó e a súa figura se proxecte moito nel, pero semella máis un adolescente malcriado cuxa cota de perigosidade faría que Han e Leia chamaran a Pedro García Aguado que un vilán realmente temible e atormentado. Mais Ren ten múltiples arestas que o converten nun personaxe francamente moi interesante e cuxo desenvolvemento devecemos por ver: as súas vacilacións á hora de dar morte ao seu propio pai, Han Solo (o momento de maior intensidade dramática do filme e brillante nota tráxica desta epopea marcada polo fatum pouco favorable) son puro teatro, é despiadado pero tamén é impulsivo e caprichoso e non esperta en nós ese respecto caliguliano que dende o minuto 0 lle tivemos a Darth Vader, cousa que aínda o cabrea máis e o fai máis imprevisible. Pero, coma case todos os viláns icónicos de Star Wars, non pasa de esbirro destacado e ten o tarro ben comido por un superior, o tal Snoke (Andy Serkis), outro fulano enigmático do que queremos saber máis nas sucesivas entregas.


Despois está Finn (John Boyega), protagonista das promos e do merchandising (a Disney debe custarlle iso de poñerlle rostro de muller a algo que non sexa unha princesiña en apuros) pero, en realidade, secundario que nos entenrece. O complemento ideal para Rey, fuxitivo da Primeira Orde á que serve dende novo como soldado (parece que o de utilizar clons non convence aos sucesores do Imperio, espero que vexamos porqué) e presa do seu ímpeto. Dende o principio ten unha conexión especial con Rey e podemos chegar a supoñer que a súa historia pode dar na primeira love story interracial da saga, pero polo de agora, esa conexión fai que vexamos neste soldado atemorizado ante os horrores que foi obrigado a perpetrar un amigo leal e no que se pode confiar, aínda que as súas virtudes para a loita e a estratexia aínda estean en cueiros.


E logo sentimos mágoa polos escasos minutos que se lle conceden a Poe Dameron (Oscar Isaac) en pantalla. Non só porque o actor que encarna a este personaxe é fantástico e está a todas luces desaproveitado, senón porque o personaxe en si apunta moi alto para logo caer en picado coma un superdestrutor derribado sobre a inconclusa Estrela da Morte. Despois dun principio no que desprende carisma por todas partes, mostrando mesmo un lado canalla que nos retrotrae aos mellores momentos de Han Solo na primeira triloxía, este talentoso piloto da Resistencia desaparece despois de axudar a Finn a escapar para volver saír na pantalla case ao final! Por que? As súas primeiras liñas molaban, a súa chaqueta molaba, todo parecía molar... A ver se nos seguintes episodios se corrixe esta, para min, tara.


        Os novos personaxes son estupendos e moi dignos para esas novas xeracións que se engancharán a Star Wars despois da estrea de O Espertar da Forza. Pero aos nostálxicos tamén nos fixeron varios agasallos, o primeiro deles, ese Han Solo no ocaso da súa sempiterna chulería. Vai vello e tamén arrastra o seu, vese que non volveu a ser o mesmo, pero non perdeu o medio sorriso nin a súa “jeta”. Ao contrario do Indiana Jones de xeriátrico que encarnou hai oito anos, Harrison Ford encarna a un Han Solo que na súa vellez aínda ten marcha e remata por atopar as forzas necesarias para encarar as súas pantasmas, que pasan pola perda dun fillo, dun amigo e do amor da súa vida,o cal é irónico nun personaxe que non se apegaba a nada pero cuxa evolución o fai redondo.

O primeiro “jo” dos fans soltámolo cando nos damos conta de que Han e Leia fan vida por separado dende que o seu fillo abraza o lado escuro da Forza. A nova Leia (Carrie Fisher) tamén me gusta. Sempre foi madura e un ζῷον πoλιτικόν de armas tomar que tanto podía ser diplomática ou demostrar tamén a súa valía no corpo a corpo. Porén, o seu rostro solemne amosa a unha idealista que soñou coa revolución e non chegou a vela. A decepción que semella transmitir esta Leia que é consciente do seu fracaso vese paliado por unha nova esperanza encarnada en Rey. O abrazo entre ámbolas dúas dá aínda máis que pensar sobre as posibilidades de parentesco entre os vellos e os novos personaxes.

E logo está Luke Skywalker, o derradeiro cabaleiro Jedi, oculto onde Obi-Wan perdeu a sandalia e presa da vergonza e da culpabilidade, ou polo menos é así como nolo venden. A súa aparición redúcese a uns poucos segundos nese (abertísimo) final no que Rey lle fai entrega do sable láser que atopa no castelo de Maz Kanata (Lupita Nyong’o) e que parece chamar por ela coma a súa digna sucesora. Non hai espazo para respostas nese desenlace. Todo son preguntas.


            A modo de conclusión, podo determinar sen lugar a dúbidas que me entusiasma esta nova triloxía que vén de comezar. Considero que aínda non se esgotou toda a auga do pozo das ideas warsies a pesar da imitatio máis evidente (defecto e virtude ao mesmo tempo) e sen necesidade de traumatizarnos con cousas tan incomprensibles coma os midiclorianos ou os gungans. Falar da súa indiscutible calidade técnica está de máis, claro que Disney desembolsou e vai desembolsar o que faga falta para que as seguintes producións de Star Wars co seu selo luzan como teñen que lucir na segunda década do século XXI. O que non está de máis é valorar que volve haber historia, volve haber un recuncho para a emoción e esperemos que para a sorpresa. Acabáronse as caracterizacións planas e desdibuxadas e a estética de videoxogo. E na miña opinión iso é bo e beneficiará a unha saga que segue dando de si e que promete obsequiarnos cun capítulo memorable cada ano de aquí a 2020. Que a Forza estea connosco para que así sexa.


venres, 11 de decembro de 2015

Contos de Nadal (IV): “The Star Wars Holiday Special”


Este é, sen lugar a dúbidas, o decembro máis atípico da miña vida. Hai dúas cousas que lograron facerlle sombra a Mariah Carey, aos anuncios de colonias e a Justino (o novo rostro da lotaría do Nadal). Por un lado están as cuartas (CUARTAS!) eleccións que teñen lugar neste país no presente ano 2015 e, por se iso fose pouco, deixan o prato máis forte, unhas xerais, para o final. Xa se pode un imaxinar como anda o asunto, todos os candidatos a golpe de Jess Extender dialéctico para ver quen ten a pirola máis longa, sen que importe moito todo o demais. Pero por outra banda, hai un acontecemento que me fai bastante máis feliz e ese non é outro que o regreso da saga STAR WARS!!!

Antes de continuar debo pedir desculpas ao respectable porque ben podían termas reclamado. Hai cousa de ano e moito fixen unha publicación sobre o fenómeno Star Wars na que prometín unha continuidade que nunca chegou a producirse. Ía falar sobre as dúas triloxías acabadas da saga con máis detalle en publicacións máis específicas pero por diversos motivos que non veñen ao caso e que, fundamentalmente, son escusas, iso nunca chegou a ver a luz. E neste decembro confuso véxome obrigada a comezar a casa polo tellado. A publicación que traio hoxe tamén tiña ganas de facela pero en certo modo carece de sentido sen todo iso que nun momento dado tiña pensado facer sobre esta marabillosa saga. E como estamos en tempo de promesas, promesas e máis promesas eu tamén vou prometer algo (sobre todo a min mesma, o meu público non sei se mo esixirá) porque eu si que podo: prometo que despois desta publicación e da mais que probable reseña que farei despois do Nadal sobre O Espertar da Forza (que se estrea o próximo 18 de decembro), poñereime a tope con cada unha das películas da saga e intentarei traer á Cólquide o mellor monográfico sobre Star Wars en galego que se recorde nesta galaxia e mais na moi, moi lonxana.

Dito todo isto, debo formular unha segunda captatio beneuolentiae. Por que The Star Wars Holiday Special? Por que unha tortura china como preámbulo? Por que o documento warsie máis próximo ao esterco de todo o universo coñecido para celebrar un agardadísimo regreso cinematográfico? Ben, pois todo isto ten unha explicación. Algo longa, si, pero explicación ao fin e ao cabo.

Hai un ano e algo non había expectativas, só a constancia de que J.J. Abrams (Perdidos, as novas entregas de Star Trek) se propuxera resucitar a saga creada hai 38 anos por George Lucas. Non podía haber expectativas porque despois de asistir á xestación de tres truñacos a finais dos 90 e nos primeiros anos 2000 sobre a conversión de Anakin Skywalker en Darth Vader (con empachos de CGI, erros garrafais de casting e guións sen traza), os fans mirabamos con escepticismo que houbese alguén neste mundo capaz de meterse no freghado dunha terceira triloxía. Todo iso cambiou hai exactamente un ano, pois o pasado Nadal o Apalpador tivo a ben obsequiarnos co primeiro tráiler de O Espertar da Forza. E aquilo foi non un mar, senón un océano enteiro de expectativas. Nun minuto escaso había todo isto: unha voz non identificada dicindo que houbo un espertar e se o sentimos, o actor John Boyega ataviado co uniforme dun soldado imperial, un novo deseño de androide que logo soubemos que se chamaba BB-8, soldados imperiais nunha nave preparados para lanzarse a quen sabe onde, a actriz Daisy Ridley nun peculiar vehículo polo deserto, o intérprete Oscar Isaac pilotando un X-Wing, un tipiño todo de neghro que non parecía moi bo e que empuña o sable láser definitivo (máis semellante a unha espada medieval que ao tradicional sable láser) e, como guinda, o Falcón Milenario en pleno voo coa inmortal banda sonora de John Williams de fondo. Un minuto brutalísimo que nos puxo a todos os dentes moi longos.


Pero a cousa non rematou aí e seguiron xogando coa nosa fame e sede de material novo. En abril deste ano, un segundo tráiler teaser trouxo novas e poderosas imaxes para seguir alimentando expectativas: un destrutor imperial ruinoso nas areas do deserto co tema Binary Sunset de fondo, unha voz en off que repite case ao pé da letra aquilo que Luke lle revelaba a Leia en Endor no Retorno do Jedi (A forza é moi intensa na miña familia e todo ese rollo), a máscara de Darth Vader deformada e case presentada como reliquia, R2-D2 tocado por unha man biónica que non sabemos aínda moi ben de quen é (pode ser Luke ou pode non selo), un sable láser pasando dunha man a outra, máis X-Wings mentres a música sobe a fortissimo, sables láser do lado escuro, carreiras e explosións, un exército imperial enorme, destrutores, novos viláns, o novo androide BB-8, outra vez o Falcón Milenario... E como punto álxido case orgásmico a reaparición de dous dos personaxes máis queridos da saga, Chewbacca e un xa ancián Han Solo sentenciando o seu regreso de xeito metaliterario, coma se os seus propios personaxes fosen conscientes do agardados que estaban a ser por todos. Foi tal o subidón de adrenalina que me deu vendo este tráiler... É un puto peliculón en si mesmo, todo vai in crescendo, é imposible que non che entren ganas de ver a película despois de botarlle un ollo a este segundo tráiler.


Chega o mes de outubro e aínda coa resaca do día de Regreso ao Futuro, póñome a ver o tráiler definitivo. Aínda que este xa está máis centrado nos novos protagonistas desta entrega, non se escatima nalgún detalle nostálxico como a aparición de Leia e xa nos facemos unha idea de por onde poden ir os tiros (a loita da Alianza Rebelde elevada á categoría de lenda, o malo ten unha especie de obsesión con Darth Vader, etc.) pero os interrogantes sobre a trama seguen multiplicándose. E xa non quedan unllas que roer. Queremos ver a peli e queremos vela xa!!!


Mais, entre tanta euforia, houbo quen quixo acabar coas nosas ilusións ou simplemente achegar un pouco de cordura. Lembrades o día no que vistes o tráiler de A Ameaza Pantasma? Claro, non queredes lembralo. Quen quere! Todos pensaron que estaban ante o gran peliculón de finais de século e non foi así. Foi unha auténtica merda! Agora temos moita confianza depositada no xenio de Abrams e nas súas declaradas intencións de recuperar o espírito da primeira triloxía (eu a primeira) pero sexamos cautos e non mollemos tanto as bragas. Porque os creadores de Star Wars foron capaces do mellor pero tamén tiveron os collonazos de facernos tragar o peor. E, aproveitando que xa estamos no Advento e que ata o sobaco nos cheira a Nadal, non atopei mellor maneira de facer outra chamada á cordura de cara á estrea de O Espertar da Forza recordando a maior bazofia inventada só para aproveitar un pouco máis o descomunal éxito do primeiro filme de Star Wars estrenado en 1977: o especial televisivo de Nadal de Star Wars, titulado The Star Wars Holiday Special.

Hai que dicir que non estamos ante un especial de Nadal stricto sensu. Ao outro lado do Atlántico o concepto holiday é algo máis amplo e fai referencia á "temporada", neste caso á época final do ano na que os americanos celebran festas de suma importancia na súa cultura case ao mesmo tempo, pois nada máis rematar Acción de Grazas xa se embarcan no Nadal. Así que este enxendro televisivo estaba destinado a ser un produto polimorfo que tanto valese para unha cousa como para outra. Tiña que ter sido así, pero non foi. Xa entenderedes o porqué.

          O comezo deste pseudo-filme con momentos que o achegan ao entretemento made in José Luis Moreno é raro, raro, raro. Han Solo e Chewbacca van no Falcón Milenario fuxindo duns destrutores imperiais nun ecolóxico exercicio de reciclaxe de efectos especiais da película. A cabina do Falcón xa se ve máis cutre, coas intervencións de Harrison Ford e Peter Mayhew (o actor que estaba debaixo daquel felpudo con patas) gravadas para a ocasión. Parece ser que Han Solo ten que levar a Chewbacca onda a súa familia para a celebración do “Día da Vida” e non queda moi claro se ese día é o equivalente do Nadal, de Acción de Grazas ou do Big Culo Day na galaxia moi, moi lonxana. En calquera caso, xa imos percibindo un cheirume tan delicioso coma o do vertedoiro da Estrela da Morte.


Pero Han Solo salta ao Hiperespazo para deixar atrás ao Imperio e chegar máis axiña... aos créditos iniciais! Ben, están todas as estrelas de Star Wars, os seus contratos debían ter unhas cláusulas o suficientemente arteiras como para teren que estar alí. Están Mark Hamill, Harrison Ford, Carrie Fisher (que na súa presentación parece que vén de fumar un cóctel de opio, chocolate, estramonio e ourego), os actores que tiñan o traballo máis sucio e ingrato como Anthony Daniels (C3PO), Peter Mayhew (Chewbacca)... Se ata está a voz de James Earl Jones (Darth Vader) para que o lado escuro da Forza tamén celebre o Nadal con todos nós! Só sir Alec Guinness (Obi-Wan Kenobi) puido escapar a este desastre. Pero o máis delirante vén agora coa presentación da antes mencionada familia de Chewbacca, un desfile de wookies feos e horripilantes que non pasaron o casting de ningún filme de terror de serie B e por iso están aquí, felicitándonos o Nadal ou o que sexa así daquela maneira. Tal esperpento só é superado pola ringleira de estrelas invitadas que pechan os créditos: Bea Arthur, Art Carney, Diahann Carroll, The Jefferson Starship e Harvey Korman. Neste totum revolutum de celebridades que non veñen a conto só faltaba Benigno Campos para facerlles uns callos de bantha co leite azul que bebían Luke e a súa familia mentres lles bota unha cantiga sobre a batalla de Yavin.

Se o remix de famosetes non tiña moito sentido, menos ten a seguinte parte do especial a cargo da familia de Chewbacca, un retrato do modus vivendi da clase media wookie. Máis aburrido que un disco de Víctor Manuel. Unha sucesión de gruñidos estomagantes, sen acción e sen nada que nos resulte entrañable. Case non pasamos dos 10 minutos de especial e xa suamos sangue para poder continuar véndoo. Deducimos que a familia de Chewbacca está preocupada porque este non dá vido para a festa e chaman por skype a Luke Skywalker a ver se este lles pode dar algunha nova sobre o seu retraso. Hai que recoñecer que os esforzos de Mark Hamill por achegar algo de credibilidade nesta parte son encomiables. El inténtao pero aínda así a escena está forzadísima e nós seguimos bostezando.

E continúa o festival das cousas sen xeito. A primeira estrela invitada, Art Carney, propietario dunha ¿tenda?, atende a un garda imperial. Non vén a nada. E máis reciclaxe de escenas: Darth Vader ordena intensificar a busca dos rebeldes e fin, aí remata a intervención do vilán máis carismático da historia neste especial. E volvemos á casa da familia de Chewbacca! Nooooon, por favor!!! Arrincádeme os ollos!!! Para agravar a nosa sensación de estrañamento, a muller de Chewbacca ponse a ver unha versión galáctica de Larpeiros presentada por un travestido Harvey Korman. Suponse que a escena ten que ser graciosa. Non o é. Han Solo e Chewbacca continúan a súa fuxida. Volvemos coa familia de Chewbacca (en serio, mundo, que che fixemos?), que ve horrorizada por ¿televisión? que o Imperio decretou un bloqueo en plan Cuba ao planeta dos wookies, co que supostamente Chewbacca e Han nunca poderán chegar para celebrar o condenado Día da Vida que aínda non sabemos de que raio vai. Art Carney chega á casa dos wookies cargado de agasallos para todos. Ao avó wookie reghálalle unha fantasía erótica cibernética con Diahann Carroll (viva o bizarrismo!). E Leia e C3PO establecen contacto para... para... para nada! Simplemente xa era hora de que foran aparecendo. Levamos media hora no mesmo sitio, non pasou absolutamente nada, non hai nada que sexa propio do Nadal nin da "temporada" (de aí que comecemos a cuestionar o título do especial), nada entrañable, nada divertido nin nada entretido. Só unha sucesión de escenas inconexas que nos deixan estupefactos e nos dan ganas de matar á mente perversa que ideou isto.

A min tamén me está quedando esta cara...

Han Solo e Chewbacca aproxímanse ao planeta do segundo pero uns soldados imperiais irrompen na casa da súa familia. Por fin un mínimo de tensión, intúese algo de perigo. Pero logo asistimos a unha actuación de The Jefferson Starship e xa nos pasa. E agora no medio unha curta animada con algúns personaxes das seguintes películas (a primeira aparición de Boba Fett na historia da saga, vaia honor!). Que é isto? En serio, escribir a bitácora deste visionado non é nada doado, cada frase que compoño é máis absurda que a anterior. E aínda quedan 45 minutos de especial... Creo que desta non saio.

De verdade, quero marchar da puta casa dos wookies. Nin pena me dá que os soldados imperiais lle deixaran a habitación feita un cristo e os xoguetes rotos ao fillo de Chewbacca! Un tutorial a cargo de Harvey Korman para montar non sei que, Bea Arthur como taberneira na cantina de Mos Eisley (con canción incluída) e, por fin!, a chegada de Han e Chewbacca (que botan da casa a un soldado imperial da forma máis ridícula ever seen) culminan esta borrallenta achega ao universo Star WarsMais isto non podía rematar aquí, non. Unha morea de wookies vestidos de vermello en plan coro de gospel aparece xunto cos protagonistas do filme para desexarnos paz, amor, salú e que nos toque a lotaría ou eu que carallo sei! E LEIA CANTA UNHA PANXOLIÑA!!! Customizada, pero panxoliña, basicamente porque o que fixeron foi poñerlle letra ao tema principal da banda sonora de Star Wars. Inclasificable.

Meu pobre Harrison Ford... Vaia cara!

E damos grazas á Forza porque por fin acabou este bodrio saído da mente de cinco, CINCO!, guionistas con menos vergonza que Belén Esteban dicindo que hai que poñerlle aguaplast ao Coliseo de Roma. Un tostón de proporcións épicas, un auténtico pesadelo que só se emitiu unha única vez en 1978 e do que hoxe en día se avergoñan todos os implicados nel, optando por facer como que nunca existiu, aínda que hai quen o reivindica coma unha prezada peza de coleccionismo freak (que non friki, o concepto évos substancialmente diferente). Terrorismo televisivo de primeira orde que nin esquecemos nin perdoamos e que non lle gustou nin a George Lucas (e mira que a este fulano lle tira ben o carto), quen chegou a dicir que se tivese tempo e un martelo, buscaría e destruiría cada copia do especial. Unha aldraxe para a causa warsie que lembramos con altas doses de terror cómico nestas datas tan sinaladas para invitar á precaución ante a inminente estrea do Episodio VII.

Todos queremos neste Nadal ver un gran filme que estea á altura do desexado, esperamos ver unha gran película que nos volva facer soñar e crer nas posibilidades case infinitas desta saga. Pero se non é así, lembrade que sempre poderemos revisar aquela primeira triloxía coa que a Forza volverá acompañarnos sempre... 

Aquí vos queda o enlace ao especial completo en Youtube. Por se tedes tempo e valor!

xoves, 24 de setembro de 2015

E se os sentimentos tivesen sentimentos?: “Do Revés”, de Pete Docter e Ronaldo Del Carmen


Señoras, estamos ante o próximo Oscar ao mellor guión orixinal (e por descontado, á mellor película de animación). É física, material e matematicamente imposible que Do Revés, título ibérico de Inside Out, a última marabilla da factoría Pixar, teña rival sólido de aquí a final de ano na carreira polo recoñecemento definitivo á xenialidade creativa. E é o xusto. Por que? A resposta é complexa coma a propia historia que nos conta este filme, de modo que, metámonos na cabeza da pequena Riley para descubrilo, pero sen moitas pretensións, coma sempre e aínda máis neste caso, pois son consciente de que polos internetes circulan xa auténticas teses de doutoramento sobre esta grandísima película.


           As que xa imos tendo unha idade lembramos como na segunda metade dos anos 90, un gordaco de nome John Lasseter se puxo á fronte dunha revolucionaria longametraxe que marcaría un fito non só na historia do cine de animación, senón na historia do celuloide como concepto máis amplo, inaugurando unha cadea de éxitos artísticos e empresariais sen moito precedente para os estudos dos que logo foi figura reverenciada: Pixar, que segue sendo a galiña dos ovos de ouro de Disney. Boeno, máis ben, lembramos Toy Story, porque eramos uns ananos que non levantaban apenas un palmo do chan e non estabamos moi postos na linguaxe dos negocios de Hollywood. Co paso do tempo, comprendimos que a historia dos xoguetes que tiñan sentimentos significaba todo iso. Foi o comezo dunha era dourada para o cine de animación. Para o cine, repito.

Dende entón ata os nosos días, os creadores de Pixar pariron algunhas das historias máis interesantes que se puideron ver na gran pantalla, sempre ilustradas cunha complexa técnica de animación por ordenador en constante reactualización que dá como resultado unha obra mestra tras doutra. Sempre agardados coma auga de maio e sempre aplaudidos, os filmes de Pixar buscan continuamente ese “algo máis” que parece que o resto non sabe, non quere ou simplemente non pode dar. Emocionan sen empalagar, exploran brillantemente todas as posibilidades da historia e transmiten unha mensaxe tan pura e ben narrada que é imposible resistirse. Unha mensaxe adulta, por certo. Porque a Pixar iso de que houbese nenos na sala importoulle máis ben pouco e, coa única excepción das dúas entregas de Cars, no resto das súas películas podemos rascar un ou varios detalles que escaparán forzosamente á comprensión do público máis novo. E logo están Wall.e, Up, Toy Story 3 e a máis recente Do Revés, nas que xa non hai que rascar detalles: non son películas para nenos en ningún dos seus magníficos minutos de duración.


Como xa dixen, semella que en Pixar a premisa fundamental é superarse a si mesmos. Só así se pode explicar a xestación dunha película como Do Revés, nada dunha idea que en principio podería parecer consecuencia dunha tola noite de porros e alcol pero que resulta nunha opera magna que cheira a definitiva e, ironicamente, insuperable. As emocións son importantes en calquera das películas de Pixar, é o obxectivo primordial para co espectador, pero agora son as protagonistas absolutas. Despois de dúas décadas implantándolle sentimentos a xoguetes, bichos, peixes, ratas, robots e mesmo coches, que padecen coitas tan familiares para unha audiencia á que lle tocan (e ben) a fibra,  a lóxica alpinista dos cineastas e guionistas vencellados a esta empresa acadou o seu cénit: e se os sentimentos tivesen sentimentos?


Vou comezar co inclemente bombardeo de spoilers para ilustrar un pouco todo isto. Riley é unha nena de 11 anos cuxa infancia plenamente feliz se verá afectada por un cambio drástico, posto que seus pais deben mudarse por traballo da súa Minnesota natal á outra punta do país, San Francisco. As cinco emocións básicas da pequena, Ledicia, Tristeza, Ira, Noxo e Medo, determinan o xeito co que Riley encara este cambio. Segundo a imaxinación infinita e non sei se opiácea das mentes pensantes involucradas no filme, a cabeza de Riley é unha colorida central na que Ledicia é a que leva a voz cantante. Dalgún xeito que non se especifica ela foi a primeira en chegar alí (dende o primeiro momento que abriu os ollos eu estaba alí, é a carta de presentación do personaxe) e sempre parte da base de que Riley non debe deixar de estar alegre, posto que iso desestabilizaría o correcto funcionamento da central, na que se producen recordos tinxidos segundo as emocións que interveñen na interpretación e evocación dos mesmos. Eses son os recordos que configuran a personalidade da nena, personalidade que se define segundo cinco “illas” (a illa da amizade, a illa da sinceridade, a illa da familia, a illa das pallasadas e a illa do hockey) que se comunican coa central e que preceden á memoria a longo prazo, na que hai recordos a moreas que se apilan e mesmo se destrúen pasado un certo tempo. Na mente de Riley hai múltiples recunchos: o subconsciente, unha gran fosa case abisal á que van parar os recordos que caen no esquecemento, o seu amigo imaxinario da máis tenra infancia que anda pululando nunha especie de terra de ninguén na súa mente (e sen ánimo de arruinarlle a peli a ninguén, un dos personaxes que provocan un dos primeiros moqueos do tramo final, non digo cando nin por que) e mesmo un lugar chamado Imaxinalandia no que a modo de gran estudo de Hollywood se crean os soños da rapaza.


            Todo isto está moi ben pero se fora sempre así non habería peli, de modo que xorde o conflicto: Tristeza empeza a meter os fociños máis do que debera no control da central (dende o principio a probiña é a marxinada, pois as outras catro emocións tratan de illala todo canto poden pensando que é un estorbo e que é mala para Riley por definición) e os recordos esenciais da nena, que antes eran totalmente alegres e por iso exhibían unha brillante cor amarela, comezan a tinxirse de azul (a cor que caracteriza a tristeza), polo que Ledicia reacciona violentamente intentando borrar toda melancolía posible dos principais recordos que configuran a personalidade de Riley e nunha pugna con Tristeza por devolver os recordos esenciais ao seu sitio, ambas son absorbidas por un conduto (polo que viaxan os recordos que van á memoria a longo prazo) e son enviadas lonxe da central aos lugares máis sorprendentes da memoria da nena. Xuntas, Ledicia e Tristeza emprenden un épico periplo por voltar á central que queda baixo o caótico control de Medo, Noxo e Ira.


Boeno, a cousa é máis complicada de explicar que de entender unha vez que se ve a película. A ambientación e o deseño dos espazos son sumamente complexos para os estándares dunha película de animación tradicionalmente pensada polo público para unha audiencia infantil, iso só para empezar (o momento da “conceptualización” é soberbio e nada doado de captar pola rapazada). De feito, xuro que na sesión que me tocou había nenos chorando porque non entendían absolutamente nada do que pasaba e querían marchar, síntoma de que o colorido chillón e case LSDiano (se é que tal palabra existe) non era suficiente para as sufridas crianzas que pensaban que ían ver algo máis parecido aos Minions. Sobre todo porque a conclusión final do filme e máis que fodida para un adulto, xa non digamos para un neno. Que unha película che espete abertamente (atención, spoiler coma unha bomba de palique) un tramo final que é unha oda á depresión e che faga pensar que estar triste e sentirse mal e un pouco perdida de vez en cando non só non é malo, senón que pode ser bo... Non todos os estómagos poden dixerir iso con facilidade, como lle sucede ao propio personaxe de Ledicia (que empeza sendo plana e estomagante e acaba tendo un desenvolvemento acolloante que a fai redonda). Riley só atopa o equilibrio cando deixa de reprimir á tipiña azul, gorda, con gafas e xersei de pescozo alto que representa á tristeza. Só se reestablece cando o seu enorme desexo de volver sentirse feliz deixa de poñer a Tristeza nun círculo pequeno do que non pode saír e a saca fóra confesándolle aos seus pais o que sente e cando a central deixa de estar controlada pola frustración que produce deixarse levar polo medo, o noxo e o enfado (logradísima metáfora da bombilla, ese momento no que Riley chega a non sentir nada).


Díghanme, señoras, onde está a rapazada que aghuanta e/ou entende iso (aínda que, coma Riley, poida chegar a sentilo). E díghanme tamén que adulta pode asimilalo sen botar ríos, reghatos e mares polos ollos vendo a súa propia infancia e o triste que pode chegar a ser (xa o dicía Kate Winslet en Eternal Sunshine of the Spotless Mind, outra peli cerebral que me mola a mazo). Aínda que non chega ao punto dignificador de desmontar o estigma da enfermidade mental porque a melancólica doenza de Riley tampouco chega a ese extremo (ademais, iso xa o fixo Lars e unha moza de verdade), é reconfortante que nun mundo narcisista, superficial e mais preocupado por dar unha imaxe positiva e “magajapi” de absolutamente todo, alguén  teña a intelixencia de facer un guión no que a mensaxe sexa “non pasa nada por virse abaixo porque só así se pode un erguer”. Ou así o entendo eu, polo menos. E nótese ademais, que falamos de emocións. A conduta da nena evoluciona ao amparo das emocións durante toda a película e iso non implica que vaia tolear nin que razoe menos as cousas, co que, ao meu modo de ver, xa temos outro estigma derribado, ese que di que guiarse polas emocións só conduce ao desastre máis maiúsculo. Eu, e matádeme se xa me paso de voltas con isto, incluso albisco unha superación persoal moi ben narrada no personaxe de Tristeza. Todo está tan ben ideado e engarzado que de verdade que dá ghusto. Alucinada, si, pero alucinante tamén!

Despois de aguantar esa soporífera curtametraxe sobre o volcán solitario e cantaruxeiro (por dios, que pesadilla, como se pode poñer ese truñaco como antesala dunha obra mestra???), o resultado só podía ser maxistral. E así é. Volvérono facer e volveron superarse, ademais de darnos unha idea monumental para os disfraces do entroido (en Youtube xa hai quen se animou tamén coa repostería inspirada no filme). Se aínda non a vistes, védea que xa tardades. Como reza o seu slogan promocional, coñece ás pequenas voces que están dentro da túa cabeza...