Amosando publicacións coa etiqueta Jordi Évole. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jordi Évole. Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de febreiro de 2016

Salvados polo analfabetismo emocional...


          A última vez que lle dediquei unhas liñas a Jordi Évole, nalgún momento máis coñecido coma o Follonero, fíxeno con entusiasmo e boas vibracións. Hoxe fágoo tamén pero con reservas, reservas que agardo non caian no averno da rexouba endémica daqueles imbéciles e escuros (perdoen a pouco eufemística cita pondaliana) que adoecen por malinterpretar, retorcer e terxiversar absolutamente todo o que pasa polo filtro das súas eivadas neuronas.

O pasado domingo regresou Salvados, o célebre programa da canle estatal a Sexta, propiedade dun dos holdings da comunicación máis grandes deste país. Nestes tempos tan difíciles e tenebrosos nos que o bo xornalismo, o entretemento de calidade e a comunicación pedagóxica son unha quimera, o devandito programa presentado por Jordi Évole pode presumir de ser unha rara avis, sempre e cando non afoga na ebriedade do seu éxito. Nos últimos anos, déronlle ás eléctricas e demais ogros empresariais sen escrúpulos ata no carné de identidade, seguiron afondando na pantasma da crise, asumiron a responsabilidade de narrar a crónica política en detrimento dos seus voceiros habituais e acadaron a gloria definitiva coas súas entrevistas estrela (nunha delas mesmo se atreveron a sacar en horario de máxima audiencia o testemuño dun etarra arrepentido). E desta vez voltaron coa pompa e publicidade habituais pero cun tema de gran complexidade cuxo tratamento por parte de medios, lexisladores e sociedade en xeneral dista moito de ser o axeitado: a violencia machista.

Vin o programa. Sabor agridoce. Hai cousas que me gustaron moito, outras que simplemente me gustaron e outras que non me gustaron nadiña ou que mesmo me arrepiaron. En primeiro lugar, cómpre aplaudir a valentía dos responsables do programa, por moi irónico que isto poida ser falando do grupo Atresmedia. O titulo escollido para esta entrega xa era unha pequena gran vitoria: O machismo mata. As expectativas só podían ser colosais, parecía que por fin un programa de gran sona e recoñecemento ía poñer enriba da mesa o plantexamento definitivo da cuestión, explicando todas as causas de raíz e sen quedarse na punta do iceberg con esa cabeceira tan tallante e rotunda. A cousa quedou un pouco a medias e máis nun quero e non podo que nun retrato verdadeiramente rigoroso e sen sensacionalismos varios de como funciona a violencia machista. E tratarei de explicar porqué.

En primeiro lugar, Évole entrevista a unha xuíza especializada en casos de violencia machista despois de asistir a unha sesión na que se lle toma declaración a unha vítima desta violencia. Entre tanto argot xurídico, anécdotas e demais avatares, o relato da maxistrada desemboca nunha conclusión que non todos parecen aceptar: a lei en si mesma non é problema, o problema é a súa aplicación. A falta de medios e de garantías para as vítimas que se deciden a dar o paso e denunciar son a verdadeira lacra dun sistema xudicial moitas veces incapaz de facer fronte ao terrorismo machista, sen culpar ás mulleres que non denuncian nin lindezas polo estilo que tantas veces se escoitan nos telexornais cos cadáveres en quente. E si, a xuíza é a primeira en dicir que os casos de violencia machista deberían ter un tratamento similar ao terrorismo porque en definitiva son unha forma de terrorismo. Empezamos a usar termos usualmente vistos coma tabúes e esaxeracións. Moi ben. Cal é o problema? Que non se afonda nisto, non chegan a quedar claros os motivos polos que falar de violencia machista como unha forma de terrorismo é máis que apropiado a pesar de que se incida nunha cuestión fundamental: o persoal é político e este é un problema que atinxe a todos. Mesmo ten que chegar a recordar que calquera persoa que presencie un acto de violencia machista, non só a vítima, pode e debe denunciar. E aplaudo efusivamente que desmontase o manido argumento das denuncias falsas. Porén, a entrevista remata case de socato deixándonos coa sensación de que hai algo que non se acabou de esclarecer.

Por iso depositamos as nosas esperanzas no seguinte testemuño, un psicólogo que traballa en terapias con aqueles que exerceron a violencia machista na súa expresión máis crúa e visible e con condenas ás súas costas. Posiblemente sexa esta a entrevista de maior calado de todo o programa. Entre preguntas sobre a conveniencia de que estes “programas de rehabilitación” de maltratadores machistas conten con financiamento público e máis recursos ao anecdotario, este psicólogo por fin dá co quid: quen exerce a violencia machista non é un enfermo nin ten ningún tipo de patoloxía, a súa conduta insírese nunha ideoloxía e nunha forma de pensar que se corresponde co sistema patriarcal, un sistema social que o ampara e cuxa influencia se estende a medios de comunicación, sistema educativo, familia, etc. O mesmo patriarcado que impón dende a máis tenra infancia que os homes non choran, que os homes son valentes e fortes e que os homes teñen unha posición predominante con respecto á muller polo mero feito de teren nacido homes. Incluso chega a dicir sen pudor que os homes son analfabetos emocionais, porque así foron educados dende o berce. Todas estas ideas deslízanse cunha gran sutileza pero cunha enorme claridade, hai un problema de raíz que é social e político (oseasé, de todos e non só de dous) e que non se reduce ás hostias. Gústame este testemuño por unha razón creo que de peso: por fin se destaca a importancia de desterrar do sistema educativo e familiar o canon pedagóxico patriarcal que ao primeiro que dana é a quen logo torna en agresor, converténdoo nese tolleito emocional que no futuro é incapaz de ter unha relación equilibrada e sa nin coas súas parellas nin co mundo que o rodea. En definitiva, a violencia machista non é un problema que agromase no mundo así por que si e case de casualidade, senón que ten a súa causa directa no sistema patriarcal. O dito, a entrevista é curta pero a máis reveladora do conxunto.

A terceira entrevista protagonízaa un maltratador que por vergonza (e imaxino que pola mesma covardía que o levou a cometer todo tipo de barbaridades, pero isto só é unha apreciación miña) non quere dar a cara. Évole diríxese a esta sombra para indagar na psique do violento e chegar á outra cara da moeda. Está ben que se inclúa tamén esta perspectiva, non por parecernos algo horrendo e aborrecible deberiamos deixar de contar con ela, pois, como se recordaba nas entrevistas anteriores non falamos de monstros sen máis nin enfermos mentais, non hai unha única faciana nin un retrato robot do maltratador, pódense atopar en calquera rango de idade, estamento social, etc. Porén, resulta un relato un tanto superficial, talvez non poida ser doutro xeito tratándose dunha persoa que apenas está comezando a descubrir ata que punto ten un problema. Recoñece que é machista e recoñece o dano causado mais a confusión e a autocompaixón tamén impregnan o seu testemuño.

Chegamos ao último tramo do programa dedicado a Marina, unha supervivente (ela prefire autodenominarse así no canto de vítima) da violencia machista. Esta rapaza viviu nas súas propias carnes unha ringleira de actos violentos que comezaron polo máis sutil e simbólico ata as brutais agresións  psicolóxicas, físicas e sexuais. Agora pode contalo e válese desa mesma experiencia para axudar a outros a non caer, comezando polos adolescentes, sempre tan sensibles a determinado tipo de mensaxes. Nos seus talleres cos mozos e mozas, desmonta tópicos, conta a súa historia e axúdalles a detectar condutas e indicios. Unha labor encomiable e un esforzo case heroico que non debemos deixar de recoñecer aínda que poidamos non concordar ao cen por cen coas súas opinións, por exemplo (e non quero crer que esa fose a súa intención) pero tal e como o di podería parecer que as cifras de mulleres asasinadas cada ano perden certa relevancia en comparación coas que non se sabe que saíron felizmente dese burato, e dende a miña perspectiva non é moi prudente dicilo así. Mais iso non desmerece o seu testemuño nin o seu loable traballo e a escena do taller que leva a cabo coa mocidade é, sen dúbida, o máis agradecido de ver nun programa no que ata agora só vimos sordidez e realidades pouco esperanzadoras.

O programa é moi interesante e amosa unha intención real de intentar mostrarnos todos os puntos de vista, aínda que fracase en parte ou teña éxito parcialmente, depende de como se mire. E como, desgraciadamente, se evolucionou máis ben pouco no asunto, pode que sexa necesario seguir repetindo as mesmas consignas. Pero por que non arriscar un pouco máis? Por que non dar un paso máis alá e amosar a relación que gardan entre si todos os elementos? Menciónase a expresión “sistema patriarcal” no primeiro treito do programa para logo esquecernos dela e de todas as súas implicacións, e xa non digamos citar a palabra maldita, “feminismo”, nalgún momento das entrevistas, a cuxo caudal teórico non se recorre xamais como parte do remedio a prol de acadar a igualdade plena e real (supoño que os supers de Atresmedia así o quixeron, sería demasiado “radical” para eles). Para min faltan moitas cousas e sen querelo, porque se ve ese propósito totalizador que busca abranguer e non illar, acabou amosándose só a punta do iceberg e algúns rematan sendo, paradoxalmente, salvados polo analfabetismo emocional. E cómpre ir alén de todo isto, que está ben e pode ser útil, pero segue sendo a todas luces insuficiente.

Non por isto deixo de recomendar esta última entrega de Salvados (dispoñible no sitio web Atresplayer), precisamente por necesaria, porque hai que seguir falando destas cousas. Iso non quita que dende un punto de vista, que intentou ser construtivo e non destrutivo, eu vise cousas que me “chirriaron” un pouco, tomando por iso a palabra con esta "crítica" e considerando case imprescindible ampliar o que aquí se discute e trata. Espero que outros medios tomen exemplo e se animen a seguir profundando no debate e na discusión (rigorosa e non amarelista) acerca deste gran problema que debe ser erradicado.

xoves, 27 de febreiro de 2014

O “mockumentary”, ese gran incomprendido...


Empezaba a pensar que o que un día fora un dos meus máis admirados referentes televisivos, Jordi Évole, personaxe mediático máis coñecido coma O Follonero, estaba próximo a morrer, catodicamente falando. Era desesperanzador para min ver como un gran formato como Salvados, innovador, diferente, e nun principio caracterizado polo sempre san toque satírico e humorístico, estaba dexenerando noutro tipo de programa cuxas aspiracións non distaban moito das que teñen as chamadas raíñas da mañá: ser un espazo rigoroso no que a actualidade e as reivindicacións cheguen aos telespectadores da forma máis clara e transparente posible, nunha case obsesiva busca da verdade e da veracidade (que, coidado, eu non critico e menos nun medio tan masivo coma a televisión). Malia todo isto, Évole nunca renunciou á súa dose de “cachondeo”, pero xa non era o mesmo. Pretendía ser serio, concienciado e... Francamente, aburrido.

Pode que este cambio de ton fora unha necesidade desta época convulsa que vivimos, ben é certo que nestes últimos anos xa case non queda nada no plano político e social do que poidamos rirnos e, naquel 2008 no que deu comezo Salvados (que naceu como un simple especial humorístico sobre as eleccións, analizando as súa vertente máis pop, sen ningunha dúbida), a crise era pouco menos que un agoiro patrocinado polos inimigos do estado. En calquera caso, para facer xornalismo stricto sensu xa temos a Ana Pastor, non facía falta que O Follonero aparcara ese carácter provocador para ser un máis, un máis de tantos comunicadores ancorados nese afán por resultar tediosamente transcendentes, ao mellor cun chisquiño máis de graza pero igualmente reducido a esa pouco orixinal ambición.


Pero no 23 de febreiro de 2014,  Jordi Évole volveu ser destrutivo e erixiuse de novo nun revulsivo sumamente estimulante para unha cidadanía anestesiada e pouco dada á sorpresa, ademais de atreverse cun xénero audiovisual moi pouco habitual nas Españas de onte e de hoxe: o falso documental ou mockumentary, como dirían os hipsters. Baixo o título de Operación Palace, Évole reuniu a un bo puñado de ex-políticos, vellas glorias do xornalismo e algún “titiriteiro” prometendo explicar por fin a verdade sobre un dos episodios máis singulares e decisivos da historia recente española: o golpe de estado do 23-F. A premisa era o suficientemente atractiva como para que fora previsible que medio país fora achantar o cu no sofá diante do televisor para ver de que ía todo isto (boeno, e que se anuncie durante unha semana a bombo e platillo tamén axuda, para que enganarnos?). O resultado foi o esperado polo seu artífice: a reacción extrema, as redes sociais ardendo en eloxios ou pouco amables epitafios en vida para Jordi Évole, indignación e admiración a partes iguais, risas e choras, as dúas Españas que volven chocar... Todo collía no amplo abano de conmocións e impresións a espertar.

Pero de que trata exactamente Operación Palace e cal foi a hipótese manifestamente falsa que nos trataron de colar? Pois un 23-F moi distante do que contan as hemerotecas e os libros de historia, xa que, segundo o narrado neste falso documental, non tería sido máis que unha pantomima orquestrada por unha nova democracia inestable e ameazada de morte dende o mesmo momento do seu nacemento e co pleno consenso de todas as forzas políticas con representación parlamentar, que terían contribuído dunha forma ou outra á macabra idea de adiantarse a un hipotético pero real golpe de estado cun falso golpe que disuadira a futuros conspiradores nostálxicos da ditadura. E quen sería o encargado de poñer en marcha toda esta ficción que aspiraba a restablecer a orde e a paz na nova galaxia monárquica? Nada máis e nada menos que José Luís Garci (si, ese sobrevalorado cineasta que moderaba os afumados coloquios de cine da 2, o mesmo).


A pesar do absurdo desta teoría e das reservas que tiven dende o primeiro momento con respecto ao que se me estaba contando (algo que, por outra banda, me sucede case sempre que prendo a tele), admito que, como todo ser humano mediatizado de ben, houbo momentos nos que a miña credulidade me xogou unha mala pasada. Garci dirixindo un golpe de estado e recibindo un Oscar tempo despois gracias ás presións dunha España moi agradecida polos servizos prestados á patria? Había algo nese plantexamento que chirriaba e moito, mais alí había demasiada xente á que se lle adoita conceder un mínimo de credibilidade, comezando polo propio Jordi Évole, convertido dun tempo a esta parte nun dos grandes baluarte do chamado xornalismo serio. Todos os entrevistados, todos eles grandes patricios pertencentes á caste política ou xornalística que adquiriu prestixio e renome naqueles anos, confirmaban a veracidade destas elucubracións e, seguramente, este foi un dos puntos fortes de Operación Palace a fin de conquistar a mente da audiencia: o testemuño aparentemente incontestable de quen estivo alí. Finalmente, descóbresenos que toda esta trama conspiranoica que por momentos nos parecía máis que crible, non era máis que palla ficticia, feito corroborado polas tomas falsas nas que se ve como todos estes personaxes relevantes a pifian nalgún momento da gravación esquecendo liñas de guión ou partíndose o cu cos seus propios erros.

Minutos despois do desenlace deste falso documental, Jordi Évole explica as súas razóns para levar a cabo o que el ben define como un “experimento” apoiado pola creación dun horizonte de expectativas que finalmente resultan frustradas. Por suposto, prevé as reaccións e opinións encontradas e xustifica o que ao meu parecer é unha proeza na televisión actual co nobre propósito de facer pensar un pouquiño aos telespectadores sobre un puñado de cuestións nada banais. Dende logo, tal e como o concibiu Évole (que mesmo incluíu un debate ao remate do documental para guiar un pouco a reflexión), Operación Palace pretende que nos estrullemos un pouco o cerebro cuns cantos interrogantes que, lamentablemente, carecen de resposta ou son respondidos insatisfactoriamente. Que aconteceu realmente o 23-F? Por que non podemos sabelo todo? É lóxico ou lícito que un réxime ao que se lle enche a boca falando de democracia e liberdades esconda certa información baixo a etiqueta de “clasificado”? Cantas teorías da conspiración farán falta para que por fin alguén se decida a descubrir a verdade e poñer fin a todo este aparato mitolóxico que tan magnificamente se recreou neste falso documental?


Porén, non todos valoraron este honesto engano tan positivamente. Foron moitos os que se fixeron eco dunha falta de ética xornalística por parte de Jordi Évole (asegurando que de agora en diante perdería toda credibilidade, coma se do conto de Pedro e o lobo se tratara) e que bramaron que non era necesario que se xogase con eles desa forma para demostrar nada (e, encima, cachondeándose de temas tan escabrosos). E eu digo (só é a miña modesta e humilde opinión): Estades tan seguros? De verdade todos os que se volveron cara O Follonero coa ira dunha gorgona confían tan cegamente na súa capacidade de filtración informativa? En serio cren estes inxenuos que non facía falta que alguén nos abrira os ollos dalgún modo e nos demostrara o manipulables que somos absolutamente todos e o fácil que lle resulta ao poder impoñer as súas versións oficiais e as súas mentiras? E o máis importante: Captaron e entenderon realmente todos estes indignados a importante mensaxe que subxacía a este xogo no que se mesturaron ficción e realidade? E outra pregunta aínda máis relevante: Ou é que non quixeron entendela, posto que as verdades sempre doen?

A min, persoalmente, houbo dúas cousas que me gustaron moito deste breve paréntese no que O Follonero a volveu liar, honrando como nunca o seu alcume: esa invitación á reflexión e ao debate (nada sinxela nin trivial, por moito que lles pese aos detractores deste experimento) e que se volvese poñer en boga un xénero cinematográfico e televisivo a miúdo ignorado (e, polo visto, tamén incomprendido) nestes lares como é o mockumentary. Sempre reconforta ver que na tolleita e mediocre produción televisiva española, a cal consumimos por inercia, hai un espazo (anecdótico, xa o sei) para a innovación e a sorpresa. O referente máis inmediato de Operación Palace é, claro está, como o propio Jordi Évole admitiu, Operación Lúa, outro pseudo-documental francés do ano 2002 no que se cuestionaba a chegada do home á Lúa e no que se metía no allo a nada máis e nada menos que o gran(dísimo) Stanley Kubrick. A estrutura narrativa de Operación Palace é moi semellante á deste documental e a teoría conspiranoica que plasma está repleta de loci communes: o propio título, a gran figura da cinematografía nacional que acepta formar parte do teatro, os testemuños das personalidades influíntes da época directamente implicadas, o filme futuro do cineasta en cuestión a través do cal confesa mediante complicadas claves encriptadas a súa participación nunha gran mentira de estado...


Son moitos os que se embarcaron en grandes timos disfrazados de realidade dende que, case por accidente, Orson Welles nos convencera de que os alieníxenas nos invadían naquel 1938 no que unha lectura dramatizada por radio da Guerra dos mundos de H.G. Wells provocou unha verdadeira alarma social. Hai moita reflexión e investigación nos campos da arte e da comunicación após da relación que establecemos entre a realidade e a ficción ao presentársenos fenómenos deste tipo e todo iso está condensado en Operación Palace. Está claro que nin Jordi Évole nin a Sexta descubriron a pólvora no mundo do ficticio e do fictivo, simplemente volveron poñer no punto de mira dun xeito orixinal unha serie de cuestións moi pouco claras sobre a nosa historia recente e deron vixencia ao feito de que somos altamente influenciables polos medios de comunicación de masas, algo que, dende o meu punto de vista, debemos aplaudir. O erro de base é pensar que na nosa era todo está superado e que estamos moi por riba diso, de ser vítimas dun engano masivo coma o que aterrorizou aos oíntes de Orson Welles, por exemplo, e que nada nin ninguén nos pode enganar porque xa o vimos todo. Unha das grandes virtudes do mockumentary é conferir credibilidade a algo que non é real, e pode que en Operación Palace iso non se fixera da forma máis brillante ou que incluso por momentos resultara torpe, pero non por iso se debe infravalorar a súa honestidade, a súa deliciosa ironía e a súa capacidade para crear unha controversia moi necesaria nestes tempos nos que estamos máis que nunca a mercé do poder mediático.

A verdade é que disfrutei moito co que seguramente foi o acontecemento televisivo máis interesante dos últimos tempos, unha nova forma de revestir ese rigor que algúns cren que o (agora si) valente e ousado Jordi Évole perdeu para sempre irremediablemente, mais coido que non debemos velo así nin facer lecturas simplistas e reducionistas do asunto, pois que alguén se decida nun momento de excéntrica lucidez a utilizar os medios ao seu favor cun propósito didáctico e non adoutrinante é francamente encomiable. Agora só queda esperar que o debate (sobre as perversións dun estado ao que debemos esixirlle aínda moito e sobre a nosa propia vulnerabilidade ideolóxica) non se reduza a unha efémera anécdota e que transcenda a inmediatez do circo televisivo e a oportunidade do momento, para que sexamos quen de recuperar a consciencia e descubrir a farsa por nós mesmos, porque non todos son tan sinceros coma O Follonero...