venres, 11 de decembro de 2015

Contos de Nadal (IV): “The Star Wars Holiday Special”


Este é, sen lugar a dúbidas, o decembro máis atípico da miña vida. Hai dúas cousas que lograron facerlle sombra a Mariah Carey, aos anuncios de colonias e a Justino (o novo rostro da lotaría do Nadal). Por un lado están as cuartas (CUARTAS!) eleccións que teñen lugar neste país no presente ano 2015 e, por se iso fose pouco, deixan o prato máis forte, unhas xerais, para o final. Xa se pode un imaxinar como anda o asunto, todos os candidatos a golpe de Jess Extender dialéctico para ver quen ten a pirola máis longa, sen que importe moito todo o demais. Pero por outra banda, hai un acontecemento que me fai bastante máis feliz e ese non é outro que o regreso da saga STAR WARS!!!

Antes de continuar debo pedir desculpas ao respectable porque ben podían termas reclamado. Hai cousa de ano e moito fixen unha publicación sobre o fenómeno Star Wars na que prometín unha continuidade que nunca chegou a producirse. Ía falar sobre as dúas triloxías acabadas da saga con máis detalle en publicacións máis específicas pero por diversos motivos que non veñen ao caso e que, fundamentalmente, son escusas, iso nunca chegou a ver a luz. E neste decembro confuso véxome obrigada a comezar a casa polo tellado. A publicación que traio hoxe tamén tiña ganas de facela pero en certo modo carece de sentido sen todo iso que nun momento dado tiña pensado facer sobre esta marabillosa saga. E como estamos en tempo de promesas, promesas e máis promesas eu tamén vou prometer algo (sobre todo a min mesma, o meu público non sei se mo esixirá) porque eu si que podo: prometo que despois desta publicación e da mais que probable reseña que farei despois do Nadal sobre O Espertar da Forza (que se estrea o próximo 18 de decembro), poñereime a tope con cada unha das películas da saga e intentarei traer á Cólquide o mellor monográfico sobre Star Wars en galego que se recorde nesta galaxia e mais na moi, moi lonxana.

Dito todo isto, debo formular unha segunda captatio beneuolentiae. Por que The Star Wars Holiday Special? Por que unha tortura china como preámbulo? Por que o documento warsie máis próximo ao esterco de todo o universo coñecido para celebrar un agardadísimo regreso cinematográfico? Ben, pois todo isto ten unha explicación. Algo longa, si, pero explicación ao fin e ao cabo.

Hai un ano e algo non había expectativas, só a constancia de que J.J. Abrams (Perdidos, as novas entregas de Star Trek) se propuxera resucitar a saga creada hai 38 anos por George Lucas. Non podía haber expectativas porque despois de asistir á xestación de tres truñacos a finais dos 90 e nos primeiros anos 2000 sobre a conversión de Anakin Skywalker en Darth Vader (con empachos de CGI, erros garrafais de casting e guións sen traza), os fans mirabamos con escepticismo que houbese alguén neste mundo capaz de meterse no freghado dunha terceira triloxía. Todo iso cambiou hai exactamente un ano, pois o pasado Nadal o Apalpador tivo a ben obsequiarnos co primeiro tráiler de O Espertar da Forza. E aquilo foi non un mar, senón un océano enteiro de expectativas. Nun minuto escaso había todo isto: unha voz non identificada dicindo que houbo un espertar e se o sentimos, o actor John Boyega ataviado co uniforme dun soldado imperial, un novo deseño de androide que logo soubemos que se chamaba BB-8, soldados imperiais nunha nave preparados para lanzarse a quen sabe onde, a actriz Daisy Ridley nun peculiar vehículo polo deserto, o intérprete Oscar Isaac pilotando un X-Wing, un tipiño todo de neghro que non parecía moi bo e que empuña o sable láser definitivo (máis semellante a unha espada medieval que ao tradicional sable láser) e, como guinda, o Falcón Milenario en pleno voo coa inmortal banda sonora de John Williams de fondo. Un minuto brutalísimo que nos puxo a todos os dentes moi longos.


Pero a cousa non rematou aí e seguiron xogando coa nosa fame e sede de material novo. En abril deste ano, un segundo tráiler teaser trouxo novas e poderosas imaxes para seguir alimentando expectativas: un destrutor imperial ruinoso nas areas do deserto co tema Binary Sunset de fondo, unha voz en off que repite case ao pé da letra aquilo que Luke lle revelaba a Leia en Endor no Retorno do Jedi (A forza é moi intensa na miña familia e todo ese rollo), a máscara de Darth Vader deformada e case presentada como reliquia, R2-D2 tocado por unha man biónica que non sabemos aínda moi ben de quen é (pode ser Luke ou pode non selo), un sable láser pasando dunha man a outra, máis X-Wings mentres a música sobe a fortissimo, sables láser do lado escuro, carreiras e explosións, un exército imperial enorme, destrutores, novos viláns, o novo androide BB-8, outra vez o Falcón Milenario... E como punto álxido case orgásmico a reaparición de dous dos personaxes máis queridos da saga, Chewbacca e un xa ancián Han Solo sentenciando o seu regreso de xeito metaliterario, coma se os seus propios personaxes fosen conscientes do agardados que estaban a ser por todos. Foi tal o subidón de adrenalina que me deu vendo este tráiler... É un puto peliculón en si mesmo, todo vai in crescendo, é imposible que non che entren ganas de ver a película despois de botarlle un ollo a este segundo tráiler.


Chega o mes de outubro e aínda coa resaca do día de Regreso ao Futuro, póñome a ver o tráiler definitivo. Aínda que este xa está máis centrado nos novos protagonistas desta entrega, non se escatima nalgún detalle nostálxico como a aparición de Leia e xa nos facemos unha idea de por onde poden ir os tiros (a loita da Alianza Rebelde elevada á categoría de lenda, o malo ten unha especie de obsesión con Darth Vader, etc.) pero os interrogantes sobre a trama seguen multiplicándose. E xa non quedan unllas que roer. Queremos ver a peli e queremos vela xa!!!


Mais, entre tanta euforia, houbo quen quixo acabar coas nosas ilusións ou simplemente achegar un pouco de cordura. Lembrades o día no que vistes o tráiler de A Ameaza Pantasma? Claro, non queredes lembralo. Quen quere! Todos pensaron que estaban ante o gran peliculón de finais de século e non foi así. Foi unha auténtica merda! Agora temos moita confianza depositada no xenio de Abrams e nas súas declaradas intencións de recuperar o espírito da primeira triloxía (eu a primeira) pero sexamos cautos e non mollemos tanto as bragas. Porque os creadores de Star Wars foron capaces do mellor pero tamén tiveron os collonazos de facernos tragar o peor. E, aproveitando que xa estamos no Advento e que ata o sobaco nos cheira a Nadal, non atopei mellor maneira de facer outra chamada á cordura de cara á estrea de O Espertar da Forza recordando a maior bazofia inventada só para aproveitar un pouco máis o descomunal éxito do primeiro filme de Star Wars estrenado en 1977: o especial televisivo de Nadal de Star Wars, titulado The Star Wars Holiday Special.

Hai que dicir que non estamos ante un especial de Nadal stricto sensu. Ao outro lado do Atlántico o concepto holiday é algo máis amplo e fai referencia á "temporada", neste caso á época final do ano na que os americanos celebran festas de suma importancia na súa cultura case ao mesmo tempo, pois nada máis rematar Acción de Grazas xa se embarcan no Nadal. Así que este enxendro televisivo estaba destinado a ser un produto polimorfo que tanto valese para unha cousa como para outra. Tiña que ter sido así, pero non foi. Xa entenderedes o porqué.

          O comezo deste pseudo-filme con momentos que o achegan ao entretemento made in José Luis Moreno é raro, raro, raro. Han Solo e Chewbacca van no Falcón Milenario fuxindo duns destrutores imperiais nun ecolóxico exercicio de reciclaxe de efectos especiais da película. A cabina do Falcón xa se ve máis cutre, coas intervencións de Harrison Ford e Peter Mayhew (o actor que estaba debaixo daquel felpudo con patas) gravadas para a ocasión. Parece ser que Han Solo ten que levar a Chewbacca onda a súa familia para a celebración do “Día da Vida” e non queda moi claro se ese día é o equivalente do Nadal, de Acción de Grazas ou do Big Culo Day na galaxia moi, moi lonxana. En calquera caso, xa imos percibindo un cheirume tan delicioso coma o do vertedoiro da Estrela da Morte.


Pero Han Solo salta ao Hiperespazo para deixar atrás ao Imperio e chegar máis axiña... aos créditos iniciais! Ben, están todas as estrelas de Star Wars, os seus contratos debían ter unhas cláusulas o suficientemente arteiras como para teren que estar alí. Están Mark Hamill, Harrison Ford, Carrie Fisher (que na súa presentación parece que vén de fumar un cóctel de opio, chocolate, estramonio e ourego), os actores que tiñan o traballo máis sucio e ingrato como Anthony Daniels (C3PO), Peter Mayhew (Chewbacca)... Se ata está a voz de James Earl Jones (Darth Vader) para que o lado escuro da Forza tamén celebre o Nadal con todos nós! Só sir Alec Guinness (Obi-Wan Kenobi) puido escapar a este desastre. Pero o máis delirante vén agora coa presentación da antes mencionada familia de Chewbacca, un desfile de wookies feos e horripilantes que non pasaron o casting de ningún filme de terror de serie B e por iso están aquí, felicitándonos o Nadal ou o que sexa así daquela maneira. Tal esperpento só é superado pola ringleira de estrelas invitadas que pechan os créditos: Bea Arthur, Art Carney, Diahann Carroll, The Jefferson Starship e Harvey Korman. Neste totum revolutum de celebridades que non veñen a conto só faltaba Benigno Campos para facerlles uns callos de bantha co leite azul que bebían Luke e a súa familia mentres lles bota unha cantiga sobre a batalla de Yavin.

Se o remix de famosetes non tiña moito sentido, menos ten a seguinte parte do especial a cargo da familia de Chewbacca, un retrato do modus vivendi da clase media wookie. Máis aburrido que un disco de Víctor Manuel. Unha sucesión de gruñidos estomagantes, sen acción e sen nada que nos resulte entrañable. Case non pasamos dos 10 minutos de especial e xa suamos sangue para poder continuar véndoo. Deducimos que a familia de Chewbacca está preocupada porque este non dá vido para a festa e chaman por skype a Luke Skywalker a ver se este lles pode dar algunha nova sobre o seu retraso. Hai que recoñecer que os esforzos de Mark Hamill por achegar algo de credibilidade nesta parte son encomiables. El inténtao pero aínda así a escena está forzadísima e nós seguimos bostezando.

E continúa o festival das cousas sen xeito. A primeira estrela invitada, Art Carney, propietario dunha ¿tenda?, atende a un garda imperial. Non vén a nada. E máis reciclaxe de escenas: Darth Vader ordena intensificar a busca dos rebeldes e fin, aí remata a intervención do vilán máis carismático da historia neste especial. E volvemos á casa da familia de Chewbacca! Nooooon, por favor!!! Arrincádeme os ollos!!! Para agravar a nosa sensación de estrañamento, a muller de Chewbacca ponse a ver unha versión galáctica de Larpeiros presentada por un travestido Harvey Korman. Suponse que a escena ten que ser graciosa. Non o é. Han Solo e Chewbacca continúan a súa fuxida. Volvemos coa familia de Chewbacca (en serio, mundo, que che fixemos?), que ve horrorizada por ¿televisión? que o Imperio decretou un bloqueo en plan Cuba ao planeta dos wookies, co que supostamente Chewbacca e Han nunca poderán chegar para celebrar o condenado Día da Vida que aínda non sabemos de que raio vai. Art Carney chega á casa dos wookies cargado de agasallos para todos. Ao avó wookie reghálalle unha fantasía erótica cibernética con Diahann Carroll (viva o bizarrismo!). E Leia e C3PO establecen contacto para... para... para nada! Simplemente xa era hora de que foran aparecendo. Levamos media hora no mesmo sitio, non pasou absolutamente nada, non hai nada que sexa propio do Nadal nin da "temporada" (de aí que comecemos a cuestionar o título do especial), nada entrañable, nada divertido nin nada entretido. Só unha sucesión de escenas inconexas que nos deixan estupefactos e nos dan ganas de matar á mente perversa que ideou isto.

A min tamén me está quedando esta cara...

Han Solo e Chewbacca aproxímanse ao planeta do segundo pero uns soldados imperiais irrompen na casa da súa familia. Por fin un mínimo de tensión, intúese algo de perigo. Pero logo asistimos a unha actuación de The Jefferson Starship e xa nos pasa. E agora no medio unha curta animada con algúns personaxes das seguintes películas (a primeira aparición de Boba Fett na historia da saga, vaia honor!). Que é isto? En serio, escribir a bitácora deste visionado non é nada doado, cada frase que compoño é máis absurda que a anterior. E aínda quedan 45 minutos de especial... Creo que desta non saio.

De verdade, quero marchar da puta casa dos wookies. Nin pena me dá que os soldados imperiais lle deixaran a habitación feita un cristo e os xoguetes rotos ao fillo de Chewbacca! Un tutorial a cargo de Harvey Korman para montar non sei que, Bea Arthur como taberneira na cantina de Mos Eisley (con canción incluída) e, por fin!, a chegada de Han e Chewbacca (que botan da casa a un soldado imperial da forma máis ridícula ever seen) culminan esta borrallenta achega ao universo Star WarsMais isto non podía rematar aquí, non. Unha morea de wookies vestidos de vermello en plan coro de gospel aparece xunto cos protagonistas do filme para desexarnos paz, amor, salú e que nos toque a lotaría ou eu que carallo sei! E LEIA CANTA UNHA PANXOLIÑA!!! Customizada, pero panxoliña, basicamente porque o que fixeron foi poñerlle letra ao tema principal da banda sonora de Star Wars. Inclasificable.

Meu pobre Harrison Ford... Vaia cara!

E damos grazas á Forza porque por fin acabou este bodrio saído da mente de cinco, CINCO!, guionistas con menos vergonza que Belén Esteban dicindo que hai que poñerlle aguaplast ao Coliseo de Roma. Un tostón de proporcións épicas, un auténtico pesadelo que só se emitiu unha única vez en 1978 e do que hoxe en día se avergoñan todos os implicados nel, optando por facer como que nunca existiu, aínda que hai quen o reivindica coma unha prezada peza de coleccionismo freak (que non friki, o concepto évos substancialmente diferente). Terrorismo televisivo de primeira orde que nin esquecemos nin perdoamos e que non lle gustou nin a George Lucas (e mira que a este fulano lle tira ben o carto), quen chegou a dicir que se tivese tempo e un martelo, buscaría e destruiría cada copia do especial. Unha aldraxe para a causa warsie que lembramos con altas doses de terror cómico nestas datas tan sinaladas para invitar á precaución ante a inminente estrea do Episodio VII.

Todos queremos neste Nadal ver un gran filme que estea á altura do desexado, esperamos ver unha gran película que nos volva facer soñar e crer nas posibilidades case infinitas desta saga. Pero se non é así, lembrade que sempre poderemos revisar aquela primeira triloxía coa que a Forza volverá acompañarnos sempre... 

Aquí vos queda o enlace ao especial completo en Youtube. Por se tedes tempo e valor!

xoves, 3 de decembro de 2015

“Os persas”, de Esquilo


Coa que está caendo, a maioría dos opinadores profesionais dos internetes e demais medios de comunicación masivos adoitan e prefiren poñerse solemnes, pedantes, moralistas, aleccionadores e estupidamente rimbombantes. Talvez o que eu considerei oportuno facer a propósito dos recentes e fatais acontecementos nunha e outra parte do mundo non sexa mellor que todas esas grandes contribucións á estulticia humana (selfie de Herrera incluído), pero vaime permitir, polo menos, desmarcarme un pouco de toda esta fauna, aínda sabendo que a morte e o terror nunca poden deixar indiferente a ninguén por moita sensatez que unha intente poñerlle ao asunto.

            Xa levo feito varios posts queixándome sen moito paliativo da degradación da miña especie, que semella que pola súa propia natureza tende á autodestrución. Por iso considero innecesario e irrelevante seguir repetíndome na obviedade de que estamos tolirmos da cabeza e que isto non vai nin pode acabar ben, de modo que busquei refuxio na literatura, o único invento humano no que sigo confiando plena e cegamente. O que ocorreu fíxome volver a miña mirada á historia, á traxedia e a Esquilo. Dun xeito case inconsciente, aínda que non inocente, posto que non hai moito que tiven que reler Os persas por outros motivos máis académicos. E o certo é que non se me ocorre mellor momento para recomendar a súa lectura ca este.

            Corría o ano 472 a.C. Atenas ferve nun ambiente de euforia que non se pode comparar a ningún outro momento anterior na historia. A derrota do inimigo bárbaro nas Guerras Médicas é un feito e a cultura de celebración que xorde arredor dese fito deixa unha notable pegada artística que, afortunadamente, chega aos nosos días como monumento para o noso disfrute pero tamén como documento para dar coas claves do que foi. E a traxedia tamén se suma a esta cultura de celebración dun xeito insólito, posto que cando este xénero decidira tomar como referencia para as súas tramas feitos do pasado recente e non do pasado mítico e heroico sempre fracasara. Claro exemplo é o de Frínico e a súa Toma de Mileto, que por desgraza non conservamos e, segundo nos conta Heródoto, fixo que o auditorio horrorizado botase a chorar sen moito consolo. Porén, o momento era excepcional e Esquilo, o máis grande traxediógrafo do seu tempo e do que conservamos sete obras magníficas obras, decide poñer o seu (enorme) gran de area coa traxedia Os persas, na que se narran as consecuencias da vitoria helena e a derrota aqueménida en Salamina dende o curioso punto de vista dos vencidos. E digo curioso porque falamos dun autor grego dando voz aos persas, aos bárbaros, aos que perderon, polo que se entende xa sen comezar a ler que os protagonistas da historia non saíron moi ben parados.

            Os persas de Esquilo comeza dun xeito moi canónico a pesar de ser unha traxedia que aínda hoxe en día lemos como esa rara avis do seu xénero por facer referencia a un acontecemento real e moi presente na memoria colectiva dos atenienses. O coro é case omnipresente, coma en todas as traxedias deste autor, e ese mesmo coro é o que presenta a historia ao auditorio, citando un por un aos grandes caudillos da expedición persa en Grecia e loando ao exército comandado polo rei Xerxes, cuxo éxito ou fracaso aínda se descoñece. Nisto, aparece a raíña (sempre se deduce que é Atosa, a esposa do anterior rei Darío, pero nunca se chega a utilizar ese nome na obra), inquieta por un soño no que ve de forma alegórica a caída do seu fillo Xerxes na batalla de Salamina, algo que lle confirma un mensaxeiro que anuncia que os persas foron derrotados. Mais Xerxes logra sobrevivir, aínda que iso non  minimiza o desastre, logo aínda máis amplificado pola aparición da sombra do rei Darío, unha pantasma que no diálogo coa raíña condena a ousadía do seu fillo no seu afán expansionista (Xerxes utiliza todo tipo de artificios para cruzar o estreito que separa o Imperio Persa da Hélade e iso na obra considérase un soberbio acto de ὕβρις). Cando a pantasma de Darío se esvaece, entra en escena un Xerxes esfondado e humillado, coas roupaxes desfeitas e o orgullo ferido, momento álxido dunha obra que acaba cos lamentos do rei vencido e o coro de anciáns persas.


            Vale, e aghora pensaredes que raio ten que ver todo isto coa situación actual e co que está a pasar en Francia, Siria, Túnez, Líbano, etc. Moitos dirán que o do choque de civilizacións é un exercicio de “buenismo” máis que superado e a cousa que non vai de dicotomías cando o terrorismo (ergo, uns poucos fundamentalistas que só pensan en dinamitar todo tipo de liberdades) se enfronta á “civilización” (a democracia capitalista tal e como a entendemos por aquí). Eu digo que nin tanto nin tan pouco. Evidentemente, négome a poñer a miña sociedade e o meu estilo de vida á altura duns fulanos que están tronadirmos da cabeza e que non teñen ningún reparo en matarse e levarte por diante. Pero tampouco quero eludir outras responsabilidades que se sitúan no meu lado pero que non por iso son nin considero miñas. Os terroristas non entenden de nacionalidades, nin de causas, nin de xustiza. Pero ese ente que chamamos Occidente de forma moi etnocéntrica tamén precisa unha némese, simbólica e a ser posible real. E iso é o que vén de antigo e ese é o foco de actualidade que sigo vendo na traxedia de Esquilo.

            O que quero dicir con esta reflexión próxima ao siloxismo é que a raíz dos atentados que tantas conciencias sacudiron a mediados deste mes, non se tardou en demonizar ao outro nin en buscar antagonismos reducionistas a bos e malos. En definitiva, buscouse fomentar ese choque de civilizacións que moitos din que non existe pero no que acabamos caendo. Tal e como ocorreu na Atenas de Esquilo, o cal motivou a composición dunha gran obra, cunha calidade indiscutible pero cuxo fondo era claramente patriótico e supremacista. Os helenos pero sobre todo Atenas venceron. A democracia, a liberdade (ou máis ben, o que eles entendían por democracia e liberdade) e o seu modo de vivir pasaron por riba dun gran imperio bárbaro gobernado por un monarca que trataba de equipararse a un deus (moitas das consignas post mortem que oímos dos nosos políticos e cronistas rezan cousas similares). E había que lembralo. E que mellor que poñer en escena ao tirano derrotado e farrapento para que a audiencia contemplase con sorna a envergadura da súa vitoria? Pode que nós non escribamos no futuro grandes dramas cantando á derrota do noso bárbaro contemporáneo (que nada ten que ver con estes persas, seino), ou si, é cedo para saber como rematará esta historia cíclica na que todo se bipolariza e todo é susceptible de ser un inimigo, sendo imposible convivir nunha paz plena en ningún momento da nosa historia. Pero xa estamos vendo nalgunha (im)prensa moita literatura deficitaria que busca xogar ao despiste obviando a raíz do problema. Falsos e arteiros aspirantes a Simónides ou Esquilo que polo actual estado das cousas non poden celebrar nin lamentar nada e aínda así perseveran no erro.


            Por outra banda, non podo deixar de sentir algo de mágoa polos persas. Si, mágoa. Esquilo non os deixou en moi bo lugar. Nin Heródoto, nin ningún autor alleo a eles que quixera plasmar os seus costumes e modos de vida (xa non falemos de Frank Miller, con todo o atractiva que me poida parecer a súa arriscada proposta estética na novela gráfica 300). E son esas as únicas fontes que temos á nosa disposición para coñecer este fascinante pobo da Antigüidade. Seguramente non era o Imperio ideal para vivir pero como cultura tamén deixaron o seu e esa pegada (e a das culturas anteriores á aqueménida) tamén a queren borrar algúns dos que agora pululan por aí liándose a paus sempre en nome dun Alá que, se é que existe, debe estar moi ata o carallo de que lle canten vivas cos cadáveres en quente. Ese oriente opulento, maxestuoso e excesivo non tiña cabida na mentalidade grega das polis e por aquí tampouco collen na cabeza todas esas cousas que se magnifican tan rápido como estouran as bombas e se baleiran os cargadores das armas.

            Supoño que o conto non cambiou moito. Somos distintos pero non completamente desiguais, aínda nos podemos recoñecer en todo isto e iso é parte da inmortalidade dunha obra que podería non ter pasado da mera “propaganda” (utilizo este termo con cautela porque tampouco existía como tal na Antiga Grecia). O desenvolvemento da traxedia para min é soberbio e marca a senda que logo seguiría toda unha tradición de teatro histórico posterior (véxase Shakespeare, por poñer un exemplo). Un personaxe que existiu, que foi tan temido polos gregos, fictivízase como heroe tráxico que incorre en ὕβρις, condenando a toda a súa nación para satisfacción dos veciños que lle fixeron fronte. Hai momentos de poderosa intensidade dramática e solemnidade, como a aparición da ánima de Darío, símbolo da experiencia e a sabedoría do poder pero tamén voz do atenocentrismo que impera na obra, coma o mensaxeiro ou o coro nalgúns momentos. Non por iso perde esta escena na que se anticipa a caída en desgraza do seu sucesor Xerxes, que sofre nas súas carnes as fatais consecuencias do destino como calquera protagonista tráxico pese a non pertencer ao relato mítico.

            E como todo artefacto que precisa a experiencia do lector para enriquecerse e pasar a ser unha obra plena, Os persas coñeceu algunha que outra nova interpretación que dá conta da súa rabiosa actualidade. E para ledicia nosa, en galego! A mediados dos 90, Manuel Lourenzo deu forma a un monólogo cuxo título era idéntico ao da traxedia de Esquilo e no que nos volvía contar a historia pero con algunha novidade do máis sobresaínte. Unha obra breve, enigmática e de ton máis ben pacifista que lle daba un pouco a volta á historia. Mágoa que sexa case imposible de atopar fóra do ámbito académico, porque é unha auténtica delicia.

            Supoño que isto é todo o que cabe nun comentario tan amateur pero que creo que vén ao caso. Non sei se todos os que poidan ler isto o verán do mesmo xeito ca min, dubídoo (e algún seguramente pensará que a cousa está moi forzada), mais non me parece oportunista nun momento coma este revisar un clásico de tal envergadura. De seguro que iso non responde a todas as preguntas nin soluciona nada pero penso que supón unha axuda para ir entendendo algo. Évos o de sempre, procedemos dalgún sitio, tamén dos máis remotos, e ignoralo pode ser fatal. Pero boeno, se isto serve para que unha soa persoa sinta ganas de botarlle un ollo a esta traxedia, xa me dou por satisfeita. É doadiña de atopar, seghuro que buceando un pouco en internet xa se atopa unha copia, é o bo que ten ler obras sen dereitos de autor.