martes, 31 de marzo de 2015

A caixa... tonta?: “Breaking Bad”


Se a día de hoxe aínda non amas incondicionalmente a Walter White/Heisenberg, o gran antiheroe da ficción catódica contemporánea, é que non es filla do teu tempo. Choveu un pouquiño xa dende que a AMC emitiu a quinta e derradeira tempada de Breaking Bad pero como esquecer a aquel mediocre profesor de química de instituto, cincuentón, enfermo de cancro e nas últimas que pasa a ser o “cociñeiro” máis talentoso e o narco máis perigoso e despiadado da historia do estado de Novo México? Como deixar caer no Lethes unha das mellores historias que pariu a televisión, ese recuncho de esperanza no que parece aniñar o máis interesante e novedoso que poden idear os guionistas do outro lado do atlántico anglosaxón? Hoxe, nun arrebato case nostálxico, inauguro unha especie de sección dedicada a comentar e loar as bondades (que tamén as hai) da sempre deostada e crucificada televisión con este pedazo de serie que sobrepasou todas as expectativas e cuxo protagonista creou un culto á súa figura só comparable a outros grandes mitos da pequena pantalla ao seu mesmo nivel de (escasa) moralidade como Tony Soprano.


O argumento non dista moito do que fun avanzando, mais cómpre recoller algúns matices, a fin de diseccionar dun xeito máis ou menos decente todas as interioridades desta marabillosa ficción creada por Vince Gilligan. Dende a emisión do seu capítulo piloto, en xaneiro de 2008, vimos e sentimos case de xeito rosaliano as penas de Walter White (encarnado maxistralmente por Bryan Cranston) coma se fosen nosas, mesmo cando a cousa se lle estaba indo moito das mans. Neste primeiro episodio, White era un completo fracasado, un químico de mente brillante incapaz de chegar a algo máis que non fose a docencia a adolescentes hormonados e cunha situación familiar abafante coma o propio clima de Albuquerque, onde reside. Pai dun fillo con parálise cerebral e coa súa esposa Skyler (Anna Gunn) embarazada de novo, Walter entra na cincuentena coa plena consciencia de que a súa vida non vale un can e que nada podería sacala desa anódina e trivial rutina. Para colmo de males, diagnostícanlle un cancro de pulmón en fase terminal, mais o que nun principio semella ser a puñalada definitiva remata por ser un novo comezo que se resume na popular alocución que dá título á serie.

Mais non desprecemos a nobre e honrada intencionalidade inicial dos seus actos: a fin de garantir a subsistencia económica da súa familia unha vez el morra, White decide explorar novas posibilidades de negocio aproveitando o seu desperdiciado talento como químico para fabricar o cristal máis puro que se viu nos cincuenta estados da unión, unha meta azul dunha calidade nunca vista até o momento que causa furor entre narcos e drogadictos de toda clase e condición. Para tan digna empresa, contará coa axuda do seu ex-alumno Jesse Pinkman (Aaron Paul), un camelo de pouca monta e improvisado “cociñeiro” (así se coñece no seu argot aos fabricantes de cristal) co que entabla unha relación complicada que oscilará entre un leal aprecio e o odio máis acérrimo durante as cinco temporadas do serial. Ah! E esquecíaseme un dato importante. Como bo temerario, Walter White introdúcese no mundo da droga sabendo que o seu cuñado, Hank Schrader (Dean Norris), axente da DEA, non tardará en intentar darlle caza ao alter ego que remata por devorar a súa pretérita personalidade: Heisenberg.


Grosso modo este é o argumento, con todos os seus xiros pertinentes (de citalos todos, algún despistado deixaría de falarme por meterlle spoilers a esgalla). O máis interesante desta serie, que non trata de descubrirnos nada acolloante ao estilo de Perdidos e que non se caracteriza por ter un ritmo trepidante con acción e máis acción, é a evolución dos personaxes. Moita xente confesa que a serie en si mesma non engancha e que algúns capítulos son incluso (terror!) aburridos, especialmente nas dúas primeiras temporadas. Pero isto é coma o da magdalena de Proust: se non che interesa o máis mínimo o que ocorre dentro da cabeciña dos personaxes has ter que deixar de ler. Breaking Bad cóntanos a historia dun tipo que pasa de ser un pusilánime e un sen sangue, cunha vida de merda e aburrida coma a nosa, a ser un fulano da peor calaña posible, un cabronazo obsesionado con gañar máis e máis e con facerse un nome no mundo do ilegal e o prohibido, un tipo egoísta e despreciable que esquece por completo a escusa (que non causa) que o levou a meterse a narco e que aínda así nos inspira empatía e compaixón, querendo sempre que saia de todos os berenxenais nos que, por certo, el soíño se mete. Sentímolo por el cando os temibles Tuco e Héctor Salamanca o poñen entre a espada e a parede, queremos que acabe con Gustavo Fring (Giancarlo Espósito) e se faga co control do negocio (porque o merece, é bo no seu e ten visión, claro está), percibimos coma el o perigo que o axexa ata nas comidas familiares cando o seu cuñado trata de dar co fabricante da meta azul sen saber o ten diante dos seus miolos e mesmo ao final, cando todo parece perdido e Heisenberg consume definitivamente a Walter White, desexamos que exista a remota posibilidade de que algo lle saia ben. E, todo hai que dicilo, os guionistas desta serie foron quen de darlle a este gran personaxe o final que se merecía e de dotalo de todos os claroscuros que fan que o comprendamos con tanta benevolencia a pesar das súas faltas e idas de perola, como, por exemplo, deixar morrer a Jane (Krysten Ritter), a moza drogadicta de Jesse, afogando no seu propio vómito ou dar morte a un dos secundarios máis carismáticos da serie, o matón e avó entrañable a tempo parcial Mike Ehrmantraut (Jonathan Banks).


Todo isto sucede cunha narración moi coidada, case de novela rusa. Walter White convértese en Heisenberg progresivamente, coas súas dúbidas e os seus medos ata transformarse nun ser implacablemente cruel, vítima dunha perversa metamorfose que os fans de Star Wars coñecemos moi ben (boeno, a de Breaking Bad está mellor contada, non cabe dúbida). E por outra banda, vemos como ao seu contrapunto, Jesse Pinkman, quen ao principio semellaba máis amoral e inhumano que Walter White, lle sucede o contrario. Mentres Heisenberg cae na tolemia inherente ao perigoso negocio da droga e non lle importa levar a quen sexa por diante con tal de acadar os seus violentos obxectivos (incluído o propio Jesse nun momento determinado), Pinkman vólvese máis consciente dos seus erros e das súas culpas. Tamén dubida, tamén ten arrebatos de brutalidade e agroma a besta que leva dentro pero a súa evolución tira cara o lado oposto da de Heisenberg.

Cinco temporadas, tempo máis que suficiente para debuxar tan interesantes retratos e regalarnos uns personaxes cunha caracterización tan formidable. Na era da rapidez é de xustiza recoñecer a gran idea de non extenuar á audiencia con episodios de recheo que non son máis que palla que nada achega á historia. Cómpre recoñecer debidamente que os guionistas non estirasen en exceso e innecesariamente unha serie que gracias ao equilibrio polo que optou pode presumir de ser redonda e simplemente excelente. E isto non o digo só eu nin millóns de televidentes en todo o mundo, tamén os galardóns distinguiron a calidade de Breaking Bad cunha morea de premios entre os que atopamos Emmys e Globos de Ouro que, por unha vez na vida, se puxeron de acordo co clamor popular. O pertinente spin off  tampouco se fixo agardar e Better Call Saul, a serie que conta a andanzas do estomagante avogado-espectáculo Saul Goodman (Bob Odenkirk) previamente a ter como cliente emérito a Heisenberg, xa é unha realidade (aínda que menda non tivo ocasión de velo). Mención aparte merece o merchandising, aínda que debo denunciar a masculinización do mesmo: por que collóns as camisetas ou os calcetíns de Breaking Bad que se venden en Primark (aí! Dando nomes e marcas!) son só de home? Por que eu, muller, non teño dereito a lucir unha camiseta algo menos saco e, si, un pouco máis entallada de Heisenberg, Los Pollos Hermanos ou calquera outro aspecto relativo á iconografía desta serie? Pensemos nisto.


Tediosas cuestións de xénero que é necesario revisar aparte, non podo deixar de animar a quen queira que lea isto a ver Breaking Bad. Non se lamentará tal visionado, sobre todo se deixamos de lado esa óptica da rapidez, da acción e e do ritmo vertixinoso (porque nin que isto fose unha peli de Michael Bay) que se nos impón para que un produto de ficción guste e enganche. É unha serie de matices, de personaxes fodidamente ben caracterizados e que recolle unha historia de violencia na que caben tanto a ironía coma a traxedia sobre as grandes miserias da condición humana. E pode que esta sexa a virtude de Breaking Bad e que por iso non nos custe tanto empatizar con Walter/Heisenberg: no fondo, todos poderiamos nun momento dado pasar ao outro lado e ser moi, moi, moi malos.


mércores, 18 de marzo de 2015

Os meus preferidos do Youtube (II): "El Tornillo"


Vale. Dende xa a miña tremendísima popularidade (por favor, non me fagades rir) baixará tanto como baixou Hollande nas enquisas dende que se apoltronou no Elíseo. Cónstame que as miñas inclinacións políticas e ideolóxicas molestan un chisco en determinados sectores, sobre todo porque uso sen ningún tipo de pudor e me parece completamente normal e comprensible un termo tan negativamente connotado como FEMINISMO. A moitos próenlles estas catro sílabas tanto ou máis que unha hemorroide e xa se contan por centos os neoloxismos perpetrados por unha humanidade acomplexada para rebautizar esta ideoloxía que nada ten de malo nin depredador dun xeito máis aséptico e (horror!) politicamente correcto. Boeno, eu declárome obxectora de conciencia a tal tendencia e nesta segunda entrega dos meus preferidos do Youtube non vou falar nin de igualdade real entre sexos, nin de humanismo, nin de relativismo existencial posmoderno apocalíptico nin de farrapos de gaitas varios. Que xa vou vella para andar con circunloquios e para non falar claro, “leñe”! Vou falar de feminismo. Porque me peta. E punto, porque nin que estivese eu aquí indicando o camiño cara a cámara de gas por defender a idea radical que sostén que as mulleres somos persoas.

Moito antes de que o coletas o petase nunhas eleccións a ese chiringuito que é o Parlamento Europeo, moito antes de que a Marhuenda lle saísen urticarias só con oír o nome de Pablo Iglesias e moito antes de que a Monedero comezaran a chamarlle Billetero (como mola a iconografía da esquerda española, por certo), comezou a súa singladura polos internetes un espazo coñecido como La Tuerka. Si, con “k”, porque somos moi antisistema e molamos que te cagas. Eu comecei a seguir este espazo de debate en Youtube presentado por un Iglesias que aínda tiña o piercing na cella con certo entusiasmo por dous motivos fundamentais: os tertulianos non andaban a hostias nin se insultaban cada cinco segundos (incluso respectaban as quendas de palabra e deixaban falar aos demais) e os temas a tratar eran minimamente interesantes e incluso arriscados se temos en conta cal é o actual estándar deste formato en bodrios televisivos tales como Las mañanas de Cuatro, Al rojo vivo, La Sexta noche e 13 TV en xeral. Notábase un certo interese por ser trascendental e facer algo diferente, víase que os promotores do espazo eran xente preparada e versada en determinados temas que comezaban a saír do ámbito académico para divulgárense nunha das maiores prazas públicas do mundo contemporáneo, Youtube. A min gustábame. Moito antes de que se constituíra o primeiro círculo de Podemos (moi poucos poden dicir tal cousa). Logo veu o tsunami de Podemos, Iglesias quixo ser o Iñaki Gabilondo do espírito do 15-M tendo o seu propio espazo de entrevistas, Monedero empezou a ser especialmente estomagante (por que berra? Por que? Como diría Mourinho) e menos mal que nos queda Facu Díaz. E Irantzu Varela.


Coma sempre, o feminismo foi o último en chegar a La Tuerka. Sempre é o último en chegar a calquera organización política, loita social e medio de comunicación (xa non digamos de masas). Pero un bo día a Faktoria Lila comezou a producir o seu microespazo (curtiño, non vaia ser que nos herníemos aínda que nos consideremos súper de esquerdas) feminista, titulado El Tornillo e conducido por Irantzu Varela. A idea era que en apenas cinco minutos se divulgasen unha serie de conceptos vinculados ao feminismo e se analizasen algúns dos problemas que aínda teñen que enfrontar as mulleres nun mundo actual máis machista e patriarcal que nunca (si, aquí tamén, non só en Oriente, que aquí tamén hai quen practica relixións coa mesma orixe), formato que só funciona se o que transmites o fas dunha forma moi directa e clara e con algo de chispa. E é o caso. O certo é que sen grandes disquisicións, a tal Irantzu dá no cravo case sempre. Isto non é palabra de Deus, claro está, e tamén discrepo con algunha cousa que di, con algunhas das citas que trae a colación e con algúns dos personaxes históricos e coetáneos que pon como exemplos (son escéptica con algúns dos ídolos contemporáneos da esquerda actual, que lle imos facer?), pero adoita atinar con bastante precisión nas súas breves reflexións.


Traio a Irantzu á Cólquide non só pola súa concisa e sisuda reflexión que valoro moi positivamente, senón polo humor ácido, nada compracente, co que impregna cada vídeo. A irreverencia é a nota predominante dende o momento en que se decide que todos os vídeos comecen cunha intro con banda sonora das Vulpes. Non lle recomendo esta sección de La Tuerka aos gurús do humor branco, ese que segundo os seus defensores non se mete con ninguén, é amable e respectuoso e... aburrido como ir de cañas con Luis del Olmo! O caso é que se non simpatizas co ton satírico e mordaz de Irantzu (algo que chama a atención tendo en conta que é case coma Eugenio e está sempre moi seria) nin tampouco coa súa perspicua claridade e, si, radicalismo (porque vai á raíz das cousas, ser radical non é nada pernicioso), mellor que poñas o canal de Silvia Tortosa e sigas vivindo no país da gominola, crendo cousas tan de ciencia-ficción como que xa acadamos a igualdade plena e trapalladas desas. Precisamente por iso, por contalo sen cortapisas, Varela topou coa comunidade troll en pleno, tendo que aguantar comentarios non só repugnantemente machistas senón que caen no terrorismo disuasorio máis puro.


“Boenoooooo! Que a “tipeja” que escribe este blog é de Podemos, bolivariana e o mal encarnado! Mira que cousas ve en interné! Vaia pieza”. Xa o estou oíndo. Ou lendo. E tamén ma trae... Boeno, iso, que non quero faltarlle a ninguén nin meterme coa xente que ve porno duro con cabalos. Como ideolóxica e politicamente non estou casada con ninguén (afortunadamente e moito menos con Podemos) podo ver con máis ou menos indixestión case de todo (boeno, ao mellor os vídeos de propaganda de Vox non, en fin, todo ten un límite e iso non entra nin con un quilo de omeprazol). Ademais, pese a que El Tornillo se fai baixo o amparo de La Tuerka, non vexo eu que represente moito a Podemos e viceversa. Coma case todos, non tardaron en asimilarse a esa casta (si, díxeno: casta!) que non dubida en subirse ao tren do feminismo mentres a súa repercusión é mínima aparentando ser moi guays e moi comprometidos coa igualdade e logo, cos bos resultados na man, non tardan nin un chisco en baixarse e dicir que iso non é prioritario e que despista a loita de clases e a aniquilación da troika. Que as súas cores sexan malvas non ten absolutamente nada que ver, mais ben semella unha provocación e unha apropiación indebida moi consciente.


Boeno, non me desvío máis que senón ao final falo de todo menos do que quero falar e acabo coma eses vetustos catedráticos tan encantados de coñecerse a si mesmos que ao final da conferencia só falaron do que tiñan que falar cando citaron o título da palestra. Xa fun poñendo algún dos vídeos que máis me gustaron deste espazo conforme avanzaba a redacción pero decidín deixar case para o final o que para min é O vídeo do Tornillo. Aquel cuxo título reza Yo no soy feminista, dando un repaso a un par de mitos e verdades sobre esta cuestión.


Recomendo a quen lle interese, a quen non se ofenda rapidamente con estas cousas e a quen non vaia pola vida chamándolle a todas as que pensamos deste xeito ou parecido que somos unhas nazis histéricas feministas, feminazis histéricas ou como sexa esa orde de conceptos tan pouco vinculados entre si e tan manidos pola misoxinia en xeral, que vexan os vídeos de El tornillo, que se poden atopar na canle de Youtube de La Tuerka. Porque non, isto non é “Pablemos”.