domingo, 21 de decembro de 2014

E Galicia fíxose cine: "A esmorga", de Ignacio Vilar



Pouco se lle pode reprochar a unha cinematografía que se está desenvolvendo dun xeito tan ilusionante como a galega. Nun ano no que celebramos as 25 primaveras do noso cine, só podemos recibir con moito entusiasmo a derradeira gran achega da sétima arte galega: A esmorga, adaptación da célebre novela de Eduardo Blanco Amor levada a cabo por Ignacio Vilar (coñecido xa por outros filmes como Pradolongo ou Vilamor). De visionado obrigado na Cólquide, agora só nos queda compartir impresións.

Admito que escribo esta publicación para desmontar argumentos prexuizosos que non ven no cine en galego unha proposta cultural o suficientemente atractiva como para xustificar un dispendio de oito euracos. Aínda que pode que xa non sexa necesario porque A esmorga logrou deconstruír a armazón de todo ese ideario en apenas tres semanas de exhibición. A resposta do público foi magnífica (anda polos 30.000 espectadores e subindo) e digno de aplauso é tamén que unha película así se poida ver nas grandes salas comerciais, competindo directamente cos grandes bombazos foráneos da tempada, como Interstellar, Os xogos da fame ou, máis recentemente, Exodus. Ata o mesmísimo The Hollywood reporter se fixo eco da magnitude do seu éxito. Galicia respondeu efusiva e contundentemente SI (nin maiorías silenciosas, que tan de moda están agora, nin farrapos de gaitas). Si a unha cinematografía galega e en galego, si ás adaptacións dos nosos grandes clásicos literarios, si ao oficio dos inmensos actores que temos na nosa terra, si ao conxunto dunha industria cultural audiovisual á que aínda lle quedan moitas alegrías que dar.


A esmorga é moito máis que unha lectura obrigatoria de idade escolar, é unha novela dunha gran complexidade que merecía unha adaptación cinematográfica á altura. A fatal andaina do seu trío protagonista, Cibrán, Milhomes e Bocas é por fin trasladada á gran pantalla cun resultado moi notable, xa que se consegue recrear ese ambiente sórdido e de miseria moral que tan maxistralmente nos describía Blanco Amor nas súas páxinas. Cada pequena decisión que arrastra a Cibrán e aos seus dous compañeiros de esmorga á perdición resúltanos arrepiante. Ao igual que lendo a novela, pensamos para nós “non o fagas” e somos quen de mergullarnos dentro da trama e empatizar cuns protagonistas que nada teñen que ver coa clásica figura literaria do heroe. Todo o contrario. Son os tres antiheroes por antonomasia da literatura galega, fan cousas que non nos gustan e mesmo nos producen noxo pero logramos comprendelos e apreciar a súa profundidade coas súas múltiples arestas.


Aínda que isto último non sería de todo posible sen o traballo dos seus actores. Miguel De Lira, intérprete de sobra coñecido para o público galego polos seus traballos en televisión, dá vida ao malfadado Cibrán, quen, incapaz de intuír a súa desgraza, encadea un erro tras doutro, seguindo aos seus amigos, ata rematar sendo mallado e interrogado pola garda civil por estar no lugar equivocado e no momento menos oportuno. Bocas ten o rostro do único actor foráneo implicado nesta produción: Karra Elejalde (para aqueles aos que o nome lles di máis ben pouco, é o pai na ficción da protagonista de Oito apelidos vascos) aprendeu galego só para interpretar este papel e, boeno, aínda que somos conscientes de que o galego non é chinés (aínda que moitos castelanfalantes de alén e incluso dentro das nosas fronteiras intenten facernos crer o contrario), o seu esforzo ben merece unha mención especial, porque realmente no filme parece galego de Ourense de pura cepa. Pero, o que para min está soberbio e que parece nado para este papel é Antonio Durán “Morris”, toda unha celebridade en Galicia despois das súas intervencións en Pratos combinados ou Padre Casares. O seu Milhomes é espléndido, unha das súas mellores creacións interpretativas e dubido que, se a alguén se lle ocorre facer unha nova adaptación de A esmorga, outro actor poida superar este traballo, máis que digno reflexo do Milhomes que nos descubriu Blanco Amor na súa magnífica obra.


Boeno e quere isto dicir que A esmorga é unha película perfecta? Pois non. Claro que A esmorga ten gazapos ou erros, como toda película de ben, nin máis nin menos graves que calquera outro filme, nin en maior nin en menor número. Boto en falta un pouco máis de risco nese final que ten que ser ambiguo si ou si, mais debo recoñecer que a conclusión na que se citan as derradeiras verbas da novela de Blanco Amor é algo máis que un recurso fácil. Teño sentimentos encontrados con respecto a isto, xa que me gustaría que tamén no final se respectase a literalidade sen renunciar ao código imposto polo formato audiovisual (como se fai en moitos tramos ao longo da película, podendo recoñecer moi facilmente algunhas liñas) pero, por outra banda, que se nos manifeste o autor da única forma posible na que pode facelo (a través das palabras fixadas nun libro) na que pretende e debe estar chamada a ser a adaptación definitiva da súa obra é unha bonita homenaxe e un recoñecemento á magnificencia desta novela, case asumindo a humildade coa que todos os que traballaron na película se achegaron a unha obra atemporal e marabillosa. E, para rematar co apartado de erros ou inconsistencias, un apunte algo bobo (atención, spoilers de sete estalos!): debo facer constar que o misterio da moza enclaustrada que ten obsesionados aos seus protagonistas e que finalmente resulta ser unha enorme boneca, se resolve demasiado axiña para o espectador (incluso para os que leron a novela e saben o que vai acontecer), que nota case dende a primeira toma que a sorpresa non é tal.

A música, obra de Zeltia Montes e que nalgunha publicación xa figura como unha das mellores bandas sonoras do 2014, é xenial. Haberá quen poida dicir que tampouco é para tanto, xa que é dun minimalismo case extremo. Pero non pode ser doutro modo, non se poden acompasar estas escuras vivencias doutro xeito. Eses sinxelos golpes de piano son tan perturbadores e crean unha atmosfera tan inquietante... Sen palabras. Desas cousas que non se poden cualificar porque se cualifican elas soas.


Pouco máis podería engadir esta humilde cronista. Algúns pensarán que todo o que aquí conto, nesta especie de crítica nada canónica (tampouco aspiro a asimilarme a esa raza de críticos profesionais máis preocupados por cultivar o seu propio estilo e o seu propio ego que en achegar unha opinión construtiva do filme), é pura cuestión de militancia. Nada máis lonxe da realidade. É certo que non podemos pretender ter unha industria cinematográfica galega forte se non a apoiamos, se non imos ao cine cada vez que existe a posibilidade de ver unha película feita no país, pero nunca falaría de A esmorga nestes termos, ou directamente nin falaría dela, se realmente non me gustase. E celebro que unha película así sexa galega e que teña a acollida da que está a gozar, porque é máis que merecida e a súa calidade así o testemuña. E a ver se así, dunha vez por todas, comezamos a mirar o cine feito na nosa terra cos mesmos ollos que o cine foráneo (si, fundamentalmente americano, hai que dicilo) e non pensar iso de “jo, que preguiza, unha película galega con pouco presuposto, sen caras megacoñecidas e sen unha campaña de publicidade acolloante que me provoque unhas ganazas de vela”. Porque o día no que o cine galego estea en igualdade de condicións co de fóra está moi preto.

Mentres tanto, noraboa a todos os que participaron en A esmorga.

(E non a perdades, que aínda está nos cines!)


martes, 9 de decembro de 2014

Galería de ídolos masculinos (II): Freddie Mercury


“Freddie Mercury é un dos meus meirandes mitos musicais e sexuais”. Normalmente provoco silencio e petrificación entre os meus semellantes cando no medio dunha conversa trivial sobre temas igualmente triviais, como algúns gustos musicais oitenteiros, solto esta máxima. Case todos coinciden en que Mercury debe ser elevado ao olimpo da melomanía pero moi poucos pensan, coma min, que tamén mereza un lugar destacado nun podium máis terreal e frívolo. Semella que o bo de Freddie non se corresponde co paradigma canónico da sensualidade e o erotismo, supoño que a súa mandíbula (que na vida se topou cun protésico dental) é a culpable deste feito. Mais non vou dedicar toda esta extensa prosa única e exclusivamente a falar de Freddie Mercury como mito erótico (pese a que penso facer a miña pertinente exposición de motivos) senón tamén coma o grandísimo artista que foi, é e será, superando calquera moda e barreira física (máis que nada porque hai xa tempiño que finou). Se alguén (troll ou non) considera que o que vén a continuación non é máis que unha trapallada falta de rigor, anoto que isto non é a wikipedia nin aspiro a firmar a biografía definitiva sobre Freddie Mercury, o único que pretendo é facer un panexírico á altura do ídolo, que para algo é ídolo, vamos (e que carallo, aquí escribo eu e escribo o que me apetece, xa está).


Un pouco de historia persoal para crear ambiente: coma se dunha avoíña prematura (moi pop, iso si) me tratase, gosto de dar o coñazo ao persoal coas miñas particulares “batallitas”, que raramente son merecedoras de atención e/ou recoñecemento por parte dos que me rodean. Por iso, nunca poderei deixar de contar unha e outra vez en bucle infinito a historia de como coñecín á vosa... Perdón! De como batín cun grupazo chamado Queen. Setembro. 2003. Todos temos un cuñado pero no meu caso teño e xa tiña entón un cuñado que mola (parece ciencia-ficción, pero non o é) que me emprestou unha caixa prateada que contiña os tres volumes de grandes éxitos de Queen, ampliando así o meu coñecemento da mítica banda máis alá do We will rock you ou o We are the Champions que amenizaba as vitorias do Depor (daquela o Depor ghañaba cousas, si). O que veu despois diso é fácil de imaxinar: aqueles tres discos convertéronse nos meus álbumes de cabeceira durante anos, sabía todas as cancións, entoábaas nun deficitario inglés macarrónico no que tan só se intuían algunhas semellanzas fonéticas co orixinal e Freddie Mercury pasou a ser, non un máis, senón un grandísimo ídolo para min. Ata hoxe.

            E agora, toneladas de prosa biográfica para dummies: Freddie Mercury naceu na illa de Zanzíbar (Tanzania) o 5 de setembro de 1946 co nome de Farrokh Bulsara e no seo dunha familia de orixe india e parsi. Sendo aínda neno, coma case todos os xenios, mostrou unhas aptitudes descomunais para a música, o que provocou que a súa familia se esmerase especialmente nesta parcela da súa educación. A revolución de Zanzíbar de 1964 obrigou aos Bulsara a exiliarse no Reino Unido, onde logo dalgunhas experiencias musicais con varias bandas e ao pouco de obter un diploma universitario en deseño gráfico, Farrokh coñecería a Brian May e Roger Taylor, que serían os seus compañeiros nunha das bandas máis míticas da historia do rock: Queen (si, ambos acabaron reciclados en peseteiros explotadores dun legado inmenso). O resto é historia. E de sobra coñecida: éxitos a esgalla, estadios cheos e unha morea de himnos que hoxe seguen resoando coa mesma forza de onte. Ata a súa morte o 24 de novembro de 1991, vítima da SIDA, o xa máis coñecido en todo o orbe como Freddie Mercury non cesou de darnos mostras do seu innegable e colosal talento, tanto xunto a Queen como en solitario (xa no cumio firmou un pop máis que decente en Mr. Bad Guy).


            Por que Freddie Mercury é unha figura artística tan inspiradora para min? Porque, na miña opinión, é o paradigma do artista total, ese summum ao que calquera artista pop debería aspirar. Un tipo cuxa versatilidade non coñecía límites, cun rexistro e unha calidade vocal impresionantes, un auténtico showman que o daba todo en cada directo, un camaleónico cantante e compositor totalmente desprexuizado a quen non lle importaba abordar categorías aparentemente tan dispares coma o rock máis puro ou a ópera. Precisamente como gran admirador deste último estilo, atreveuse a gravar un disco enteiro xunto á súa admiradísima Montserrat Caballé, coa que inmortalizou o himno case accidentalmente olímpico Barcelona.


            Aínda que semella que as extravagancias dunha personalidade peculiar son as únicas capaces de configurar o estrelato do rock como tal, sen atender a calidades de ningunha clase, non sempre é así. Ben é certo que Freddie Mercury non escapou (nin tampouco pretendía escapar) á besta negra das lendas sobre os seus variados excesos, baixo os que se ocultaba ironicamente unha persoa máis ben tímida e reservada: festazas case bacanais nas que había ananos que levaban bandexas de cocaína sobre as súas cabezas, a pedazo esmorga de tres semanas coa que agasallou aos invitados ao seu trixésimo noveno aniversario, unha promiscuidade sexual case épica e outras historietas dignas de contar onda a fogueira do rock n’ roll cervexa en man. Aínda así, o seu traballo á fronte de Queen como líder e vocalista foi o verdadeiro culpable de que a súa carismática figura se nos quedara gravada como unha das grandes iconas do rock da nosa era. Por que si, queríao todo.


            No contacto directo co seu público Freddie “crecíase”. Coa súa posta en escena enérxica e teatral saciaba o voraz apetito dunha audiencia que o seguía fixese o que fixese. Na retina de coetáneos e non tan coétaneos quedará para sempre aquel inesquecible concerto no estadio de Wembley no ano 1986, no que Queen fixo gala dunha plenitude artística na que non só obsequiaron ao respectable cunha interpretación magnífica dos seus xa grandes temazos, senón cun espectáculo que sería lembrado coma un dos mellores directos da historia do rock.


Freddie Mercury non se limitaba a executar e interpretar aqueles grandes temazos, senón que foi o principal artífice de gran parte dos mesmos. Ben é certo que non é doado rastrexar a autoría das cancións de Queen a partir dunha determinada data, posto que, sendo xa unha banda consolidada, acordaron atribuir todas as súas pezas ao conxunto e non a un ou varios membros en particular. Porén, sabemos a ciencia certa que clásicos atemporais como Bohemian Rhapsody, Somebody to Love, Don’t Stop Me Now, We are the Champions ou  Crazy Little Thing called Love e outros temas menos coñecidos pero igualmente brillantes como The March of the Black Queen (teño que nomealo nalgún momento porque me encanta!) foron compostos de cabo a rabo polo amigo Freddie. Proba do seu incuestionable xenio é que algunhas destas cancións non son para nada composicións fáciles: tanto The March of the Black Queen como Bohemian Rhapsody son temas longos, con reminiscencias do rock progresivo e moitos cambios rítmicos e melódicos que as converten en verdadeiras experiencias sensoriais que debemos escoitar unha e outra vez para apreciar ata o máis mínimo detalle. Por outra banda, o virtuosismo para escribir auténticos himnos capaces de quedarse na túa cabeza durante días, semanas, meses e anos sen que ningunha lobotomía che poida quitar o seu recordo, non está ao alcance de calquera, e Freddie Mercury tamén posuía esa calidade, algo sobradamente demostrado en todos e cada un dos celebérrimos temas que veño de citar. En definitiva, tíñao todo o cabrón. Talento e arte “a cahcoporro”!



O estilo é algo fundamental en calquera estrela de rock que se precie e ao longo dos anos, Freddie Mercury foi cultivando unha estética pouco convencional marcada pola súa forte personalidade artística e polas máis diversas influencias. Gustaba dos grandes grupos rock e cantautores da época pero a súa estrela predilecta era Liza Minnelli. Só alguén que abarca un espectro tan amplo pode erixirse nese algo máis que se busca en cada artista (e que tanto se bota de menos no panorama pop actual). Polo menos eu enténdoo dese xeito, ver a arte como algo polimorfo e sen complexos logrando achegar algo novo e transgresor tampouco está ao alcance de calquera. Freddie converteu isto en marca da casa e aplicouno a todos os niveis: á súa forma de moverse, á interacción co público... Tamén á súa forma de vestir nos videoclips e nos concertos, algo que horteras irredentas coma min temos que agradecerlle á deseñadora Zandra Rhodes, creadora de moitos deses deseños. É que alguén que remata un concerto ataviado cun manto de potocentos metros e alzando unha coroa mentres soa o God save the Queen logo de ofrecer horas de magnificencia rock’n rolleira realmente é moi ghrande! (Moitos simplificarían este apartado dicindo que simplemente era gay. Evidentemente, eu non son tan simplista nin creo que a cousa sexa tan simple).


E que me dicides desa voz! Da mellor voz masculina da historia do rock! Que carallo! De todos os tempos e todos os mundos mundiales! Menudo saque vocal tiña o moi cabrón... Non me vou poñer a medir octavas coma se soubese moito de canto e esas cousas porque, francamente, non teño nin pajolera idea pero alguén que estando case no cadaleito foi capaz de levar a garganta aló arriba coma nunca firmando esa epiquísima despedida que é The Show must go on tivo que ter unha voz digna de ser declarada patrimonio inmaterial da humanidade pola UNESCO. Non esaxero, ás probas me remito. Agudos, graves, berros, murmurios... Dáballe a todo (nada de matices sexuais para esta expresión, por favor) e sen despeitearse.


Ah! Pensabades que se me ía esquecer falar do Freddie Mercury que pon (e moito) ao persoal? Pois claro que non. A ver, xa sei que teño uns gustos frívolos incomprendidos (e pode que raros, por que non) e que me parece atractiva xente do sexo oposto cuxa beleza exterior non sería defendida nin por súa nai: Hugh Laurie (House tivo a culpa), Roger Daltrey, Pablo Iglesias (o de agora, non o que ten a man ergueita no parque de Vite)... Pero, en serio, ninguén é capaz de ver nese rostro peculiar e nesa maneira de moverse e actuar a un fulano moi pero que moi atractivo? Xa sei que obxectivizar e racionalizar estas cousas é complicado (ou mellor dito, imposible) pero... Pero... Pero... Por que non reivindicar iso tamén, eh?


En fin, como tantos outros pero con aínda máis motivo, Freddie Mercury é un deses artistas que lamento non ter disfrutado como coetánea. Como diría unha das repijas do anuncio de Loewe, “soy fan de mucha gente muerta” e iso ten as súas consecuencias, a primeira, mirar con nostalxia ao pasado pensando “por que carallo na miña época non hai nada similar, salvando as excepcións?” Foi único e irrepetible, como xa dixen, o artista total, o cénit en si mesmo e un verdadeiro animal do espectáculo, un talento incomparable destes que só vemos na Terra unha vez cada 2000 anos ou así (ano arriba, ano abaixo). Afortunadamente, temos a súa música, unha herdanza marabillosa que perdura e na que dalgún xeito aínda vive. O espectáculo continúa...