É posible. Man On The Moon non foi unha
casualidade. Jim Carrey pode ser un bo actor. É capaz de interpretar un papel
dramático dun xeito aberrantemente máis profesional que un rol cómico. E unha
servidora queda pampa, porque, que quede claro, NON SOPORTO A JIM CARREY. Para
min, ver unha película súa é unha experiencia tan ou máis traumática que ler un
titular de La razón. Porén, non
renunciemos ao ton esperanzador desta publicación caendo en tan baixos
instintos. É certo que Jim Carrey me estomaga e moito pero só en determinados
contextos. Desgraciadamente, que se prodigue pouco noutro xénero que non sexa a
comedia histriónica, non contribúe a mellorar en demasía a imaxe que teño deste
actor. Por iso, debo conformarme con desfrutar das escasas mostras que hai do
seu verdadeiro talento, talento que se empecina en agochar tras hiperbólicos
acenos e esaxeradas xesticulacións que, por outro lado lle deron sona e
popularidade a nivel mundial. Unha destas poucas películas nas que puiden ver e
valorar ao Jim Carrey actor de verdade foi esta da que me dispoño a falar a
continuación: Eternal Sunshine of the
spotless mind.
Antes de ir ao miolo da cuestión, debo aclarar unha
cousa. Por que manteño o título orixinal da película se o que adoito facer é
traducir case todo o que pasa pola miña man? Pois fíxeno por curarme en saúde,
preguiza e unha mestura de ambas. Gústame moito o título en inglés (ten un
certo lirismo absolutamente xustificado pola trama) e desprezo enerxicamente a
translación que se fixo deste título ao español: Olvídate de mí! Por que cito este título coa ira dunha gorgona?
Pois porque ademais de semellar e, efectivamente, ser ridículo, ao meu modo de
ver, induce a equívocos. Nin imos ver unha comedia, nin imos escachar coa risa
cun argumento desenfadado e pouco profundo sobre problemas de parella, nin nada
polo estilo, aínda que nas campañas de promoción a través das cales se intentou
postular esta película a todos os premios posibles aló polo 2004 se empeñaran
en vendérnola coma unha comedia. Non, xa aviso dende xa, esta película non é
para rir por moito que saia nela Jim Carrey. Por iso, a amalgama de título coa
que paseou o filme polas carteleiras españolas por aquel entón non me convence.
Paréceme un título insulso e completamente desconectado do ton da cinta, que
para nada é cómica, polo menos, dende o meu punto de vista. Por iso deixo o
título orixinal, porque me parece máis axeitado e porque tampouco me apetece
mollarme moito cunha tradución cando me gusta moito así tal cal.
Boeno, agora si, vou falar de Eternal sunshine of the spotless mind e comprobaredes que as miñas
motivacións para facelo non se reducen ao entusiasmo que me produce ver a un
Jim Carrey contido e emotivo. Esta película espertou en min unha certa
curiosidade que me animou a alugala (onde quedan esas prácticas do Cretácico…) e
vela xa só polo seu alucinado argumento (aviso, vai haber inxentes cantidades
de spoilers): Joel (Jim Carrey) é un
home tímido, taciturno, reservado e cunha acusada tendencia á melancolía e a
depresión que un día coñece á volcánica Clementine (Kate Winslet), quen é a súa
antítese: impulsiva, vivaz e extrovertida. Como cabe esperar, gústanse de
inmediato a pesar de ser tan distintos comezan unha relación con máis fochancas
que pistas ben pavimentadas. O que nun principio era unha convivencia feliz
torna nun esgotador αγών, no que semella que ambos compiten entre si por ver
quen é capaz de facer sentir máis merda ao outro. O aburrimento, as constantes
pelexas e a decepción rematan por destruír a relación e Clementine toma unha
drástica decisión: borrar todo recordo de Joel da súa memoria recorrendo a un
innovador método ideado polo doutor Mierzwiak (Tom Wilkinson). Joel, ao saber
disto, decide facer o mesmo e borrar a Clementine da súa mente, esperando así
poder curar o seu magoado corazón, mais no mesmo día no que se fai efectivo
este borrado de recordos, o propio Joel dende a súa mente, arrepentíndose, tratará de deter o
proceso, cun relativo éxito (y hasta aquí
puedo leer, non vou destripar nada máis, que xa non é necesario).
Como é obvio, esta historia non pode saír de calquera
mente, non todos os seres humanos posúen unha imaxinación tan poderosa nin un
enxeño tan produtivo. Porén, un dos poucos que foron agraciados con ese don no
noso mundo é Charlie Kaufman, quen firma o guión desta película e se converte
así na proba vivinte de que, no tocante á narración audiovisual, aínda non está
todo inventado e aínda cabe esperar algunha (grata) sorpresa. Eu son moi
impresionable, seino, pero creo que non peco de inxenua se digo que tanto o
guión como a disposición e ordenación das distintas secuencias que acaban
formando a historia son algúns dos seus puntos fortes. Todo colle nesta combinación
de elementos que nunca é lineal, pois a película dá comezo nun punto
inmediatamente anterior ao final, logo intercálanse momentos que se distancian
moito no pasado dese punto no que empezamos a coñecer a historia ou que nos
aproximan máis a el, de forma completamente caótica e cuxa diéxese tamén cambia
de xeito importante duns a outros, e, finalmente, complétase o desenlace que se
viu interrompido. Podería terme aforrado bastante palabrerío se dixese que a
película comeza in medias res (dicir in media res evidencia un descoñecemento
brutal das locucións latinas), mais eu non tiven a impresión ao vela de que
fose así, porque realmente non se empeza no medio, no ecuador da historia,
senón que o inicio toma forma dun falso flashback.
Empézase practicamente polo final e de forma enganosa para o espectador, porque
semella un principio completamente lineal e do máis “normal” de acordo coas
sinopses que puidemos ter lido previamente a ver a cinta. Mais, o que realmente
estamos vendo non é o inicio da relación, senón un reinicio, porque ao comezo
do filme, tanto Joel como Clementine son dous desmemoriados e non dúas persoas
que se ven por primeira vez na vida.
A min isto paréceme a repanocha, de verdade. Polo menos,
necesito estrullar un pouco o cerebro e prestar un mínimo de atención para
seguir a trama e, non custa, pois conséguese reclamar adecuadamente esa
atención recorrendo ás pertinentes desautomatizacións e xiros necesarios. Xa é
un bo comezo, formalmente é diferente. A historia podería terse contado de
moitas formas pero Kaufman escolle esta concatenación de escenas soltas que van
do surreal ao corrente sen motivo aparente pero cuxo anarquismo non é casual,
pois inclinarse polo desorde é bastante intelixente tendo en conta que se nos
propón unha viaxe ao máis profundo da memoria. Teorías verdadeiramente
científicas sobre a mente, a súa estrutura e todas esas cousas das que eu non
sei nada a un lado, o certo é que gran parte da historia sucede na cabeza
dalguén que está narcotizado e ao que se lle inducen unha serie de estímulos
que o levan a lembrar aleatoriamente unhas determinadas vivencias que logo vai
esquecer, e iso non se pode ilustrar e mostrárselle ao espectador de calquera
maneira. O personaxe de Jim Carrey está sumido nunha especie de soño e todos
sabemos como se comporta o subconsciente cando perdemos o pleno control sobre
el, de forma ácrata e desconcertante, tal e como se narra esta película.
Estes fragmentos que imos vendo durante o proceso no que
os técnicos do doutor Mierzwiak (Mark Ruffalo e Elijah Wood) tratan de borrar
todo rastro de Clementine da mente de Joel están asombrosamente ben
guionizados. O filme na súa totalidade ten un guión impresionante, un dos
mellores dos últimos anos, e cuxa ousadía e creatividade indiscutible foi
recoñecida co Oscar do 2005. Dende a miña experiencia persoal, non me custou
recoñecerme nos personaxes. Sendo unha película cun plantexamento de partida
tan inverosímil, acaba sendo un retrato absolutamente realista sobre a vida en
parella e os sentimentos tan contraditorios que xorden nunha relación. Temos
todas as fases e todos os problemas habituais entre dúas persoas que se aman
pero que non saben xestionar adecuadamente as súas emocións, chegando así a un
distanciamento nun principio impensable e que, en repetidas ocasións, provoca
que crucen a fina fronteira que conduce odio. Aquí tampouco hai un
desenvolvemento lineal, non se nos presentan os momentos bos ao principio e
todo o malo ao final, afortunadamente, Charlie Kaufman non cae en tópicos de
romanticallada: todo está mesturado porque así é como sucede entre as parellas
e máis aínda se todo isto se evoca como recordo, xa que non hai unha
organización nin unha xerarquía ao lembrar os momentos que se pasan ao carón
dunha persoa, tanto poden vir os bos coma os malos. O conflito que se produce
entre os personaxes non é infrecuente na nosa sociedade, non hai unha gran
problemática excesivamente dramatizada, a mímese é total.
O guión responde axeitadamente a este propósito de
mostrar os avatares da vida en parella pero sen renunciar a facer un pouco de
literatura. Hai veces nas que semella que hai unha especie de… Como dicilo?
Algo así como unha dignificación e elevación do cotián. Temos unha parella,
como veño de dicir, absolutamente normal, nin son os máis guapos, nin os máis “chachis”,
nin uns burgueses de merda (que ás veces parece que son os únicos que se poden
namorar e vivir unha apaixonada relación no cine), pero Charlie Kaufman consegue
que se vexa a beleza da súa historia de amor sen que nos pareza ñoña, consegue
que entendamos que o que nos rodea tamén pode ser lírico e tamén pode ter o seu
encanto, non fai falta intentar equipararse a un ideal totalmente ficticio que
nunca poderemos acadar.
É que esta película gústame tanto que botaría media vida
falando dela, hai tantos detalles que me marcaron… Con dicir que cheguei a
mercar unha sudadera laranxa só porque se parecía á que leva Kate Winslet na
película… É cuestión de tempo que empece a tinguir o pelo de azul, vermello ou
verde… A viaxe á infancia que fai o personaxe de Joel, tratando de esconder os
seus recordos de Clementine nese lugar tan profundo da súa memoria e ao que
apenas acode, paréceme estupenda e unha forma moi intelixente de mostrar outra
perspectiva desta etapa vital, non sempre tan feliz como os adultos intentan
lembrala. Tamén me parece xenial a despedida definitiva de Joel e Clementine,
dentro do último recordo que se vai borrar da mente do primeiro, vendo como a
casa na que se coñeceron se vai derrubando mentres se dedican unhas últimas
palabras que tratan de recompoñer o triste final da súa relación. A subtrama da
recepcionista (Kirsten Dunst) é inesperada e funciona moi ben dentro do
conxunto, xa que nos fai reflexionar, como todo o proceso ao que se somete Joel, se realmente queremos olvidar ás persoas que nos importan ou que nalgún momento nos importaron, incluso o malo. En definitiva, a historia e o formato no que se nos amosa son de
sobresaínte pero tamén me entusiasman as interpretacións, tanto a de Jim Carrey
coma a de Kate Winslet. O primeiro, por comedirse e ser quen de mostrarnos
emocións reais. O seu personaxe, apoucado e que sofre case sempre en silencio,
está perfectamente acabado gracias á súa actuación, posiblemente a mellor
despois de Man On The Moon, película
na que considero que está maxistral. E Kate Winslet, sen ser un dos seus papeis
máis memorables (afortunadamente, é unha excelente actriz e temos traballos
brillantes dela “a patadas”), tamén namora porque o seu personaxe ten carisma e
unha personalidade moi forte e temperamental que borda.
En fin… Recomendo esta película por moitas razóns. Por
ter unha historia imaxinativa e diferente, un guión espléndido, por desmontar por
un intre os tópicos desgraciadamente certos acerca do seu actor protagonista…
Pero, sobre todo, por mostrar de forma fidedigna e recoñecible unha historia de
desamor e a problemática á que nos arrastra vivir unha desas historias, na que
interveñen moitos sentimentos negativos e na que esmorecen todas as nosas
ilusións e expectativas. Esta película resulta totalmente anticanónica se temos
en conta como se concibe o amor na ficción no mundo occidental actual pero si
merece un oco noutra canonicidade que contemple a concepción real do amor que creo
que posuímos a maioría dos seres humanos. Amar é un concepto moi novo, ata os
nosos días había moitas cousas que podían unir a dúas persoas pero o amor non
era precisamente unha delas e hai moita discusión sobre que é o amor, ata que
punto estivo presente nas sociedades ao longo da historia, se é un invento
puramente literario, etc. Pero se realmente existe un modelo ficticio, un verdadeiro
espectro de producións artísticas nas que se reflicta axeitadamente, coma se
dun espello se tratase, o que sucede ou pode suceder nunha relación amorosa
actual, esta película forma parte dese conxunto.
Marabillosa e emotiva, para non deixar de vela.

.jpg)


