Amosando publicacións coa etiqueta Obituarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Obituarios. Amosar todas as publicacións

luns, 11 de xaneiro de 2016

"Planet Earth is blue..."


            Eras o meu rebelde heroe vido das estrelas.


            Jones, Bowie, Ziggy, Duque Branco... Moitos nomes, un só deus.


Dende que te coñecín quixen ser coma ti, ter un ollo de cada cor e ser a primeira en levar “esas pintas” que tanto me fascinaban. Eras glam, eras o exceso, eras un mutante inabarcable.


 Envexei o teu colosal talento mentres o admiraba cada vez que escoitaba as túas cancións, agora himnos sen os que non entendo a miña historia persoal.


Xenio e figura, lenda viva e agora mito inmortal, fuches o antes e o despois, a surreal pero tanxible visión dun talento brillante e sen precedentes. Sen ti, custa imaxinalo todo.


Inventaches a modernidade e non te conformaches co infinito.


Como non botarte de menos agora que quedamos orfos de todo, dese todo que nos deches e que tan prodixioso se me antollaba!


 Non eras deste mundo, era imposible que algo tan grande fose humano e sabía que só estabas de paso e que había que aproveitar o efémero privilexio de terte entre nós.


Sabía que este día chegaría pero para min chega demasiado axiña e oxalá puideses ter adiado o teu regreso ás estrelas.


Hoxe choramos a túa partida, mais o teu legado sempre nos reconfortará.


venres, 27 de novembro de 2015

“Eu son Balbino...”

        Teño falado moito con miña nai do pasado. Da nosa aldea, dos nosos costumes, dos nosos devanceiros... E nese continuo divagar sobre quen somos, de onde vimos e a onde imos, no que evocabamos de xeito máis ou menos morriñento aquelas Galicias labregas que existían en cada lar e tamén no noso, miña nai remataba por citar a modo de axioma o comezo daquel libro que tantas veces e con tanto pracer lera. Un comezo que a identificaba e que para todos os que agora levamos sobre as costas a memoria dos nosos avós e avoas é tan significativo como tivo que selo o Μῆνιν ἄειδε θεὰ Πηληϊάδεω Ἀχιλῆος οὐλομένην para os antigos gregos ou o En un lugar de la Mancha de cuyo nombre no quiero acordarme para os nosos veciños de alén dos Ancares. En Galicia non temos un Aquiles nin un Quixote, mais temos un Balbino, posiblemente moito máis heroico para nós que os dous anteriores.

         Hoxe déixanos a memoria daquela Galicia que foi. Unha Galicia rural, nada doada, inxusta, case sempre miserenta e dura na que as infancias non adoitaban estrañarse. Unha Galicia de “ninguéns”, apátridas que nunca quixeron selo, caciques e señoritos cada vez máis fácil de esquecer, pois a conciencia murcha cada vez que desaparece un dos nosos maiores. Unha experiencia que cada vez coñecemos menos pois cada vez queda menos xente que nola conte e a partille connosco. Mais Xosé Neira Vilas tivo a enorme bondade de valerse da literatura para que todo iso non se perdese, plasmando aquela crúa realidade no particular νόστος de Balbino, símbolo xa imperecedoiro da Galicia dos nosos avós e avoas. El debuxou un excelente e fiel retrato desta Galicia, da que procedemos e da que tantas penurias se teñen contado, pero que nos deixou un valioso capital cultural, unha lingua conservada no máis hostil dos ambientes e un compromiso para as xeracións vindeiras: que nunca máis nos autodenominemos “ninguén”.


            Comparar a Neira Vilas con Homero ou con Cervantes non debería implicar unha ousadía para ninguén que hoxe lamente o pasamento do autor de Vila de Cruces e sexa consciente do impacto real da súa obra. Do mesmo xeito que miña nai sempre busca o máis lírico dos seus tons para recitar con orgullo ese Eu son Balbino, un rapaz de aldea, coma quen dis un ninguén, son moitos os que se ven a si mesmos no comezo destas Memorias dun neno labrego e o entoan co mesmo ímpeto. E somos moitos xa os que só temos estas páxinas para acceder á nosa memoria colectiva, esa que xa para sempre quedou fixada por este xenial e prolífico autor, ao que lle sobraron folgos e talento ata o seu último suspiro.

          Neste chuviñento día de novembro, perdemos outro ilustre, outro batallador incansable da lingua e da cultura, outro bo e xeneroso que tanto nos legou. Balbino quedou orfo e toda Galicia tamén.

A terra non che será leve, senón que te acollerá con tanto amor como ti lle profesaches.

xoves, 1 de maio de 2014

O Virxilio dos nosos principados?


Non ía dar nin un chío sobre o pasamento de Gabriel García Márquez neste blog por varios motivos. O principal e capital, que non lin ningunha das súas obras magnas como Cen anos de soidade ou O amor nos tempos do cólera e si lin, pola contra, ese libriño case panfletario (por extensión, non por outra cousa) chamado Crónica dunha morte anunciada que dun tempo a esta parte pasou a engrosar a (na miña opinión) pouco honrosa lista das “lecturas obrigatorias púber”. Non digo que sexa un mal relato, ao contrario, é xenial e demostra unha vez máis, ao igual que o fixeron xa os traxediógrafos na Antiga Grecia, que o spoiler non ten por que arruinar a calidade manifesta dunha obra enteira. Mais, o noso sistema educativo decidiu metérnolo nos miolos en cada currículo dende os albores da LOXSE ata agora deslizando a mensaxe implícita e insultante de que é o único Márquez que poderemos aguantar con 18 anos. Vamos, que se dá a entender que é unha novela menor e, polo tanto, marabillarse coas vicisitudes que conducirán a Santiago Nasar a palmar sen remisión non te autoriza a opinar sobre Gabriel García Márquez dende unha óptica canónica, elitista e oficialista, xa que se trata dun entretemento nimio para que os adolescentes se interesen un mínimo pola lectura dos grandes.

O segundo dos motivos polos que, nun principio, non me ía pronunciar sobre este autor recentemente falecido ten que ver coa prostitución literaria do noso tempo. Si, refírome a esa ringleira de adictos ás redes sociais carentes de amor propio que necesitan do calor constante das masas virtuais para poder subsistir e que, da noite para a mañá, se converteron nos máis grandes devotos do realismo máxico e dun dos seus principais autores. Nun abominable acto de narcisismo e conducidos por un irrefreable desexo de seren admirados e “gostados” polos demais, twitteiros e facebookeiros de todo o orbe apresuráronse a buscar a pertinente cita de Gabriel García Márquez para exhibila con toda a pompa posible nos seus perfís e taboleiros a fin de obter unha inxente cantidade de “gústames” e acadar o orgasmo coa súa puntual ración de “postureo”. A ignorancia é perversa e, unha vez máis, sucumbimos á consigna de “morreu alghén moi, moi, moi famoso: que todo o mundo vexa que somos cultísimos aínda que non tivesemos nin a máis remota idea de quen era ou que escribiu ata hai uns escasos cinco minutos”.

Pero (e aproveitando un pouco que xa pasou toda a efervescencia do momento, ese rigor mortis histriónico que se reproduce por esporas nas páxinas de todo medio editable) teño que soltar o discursiño igualmente, porque gardalo para unha non é san. E por que fago isto? Pois porque botando man da hemeroteca tropecei cun titular que me produciu un certo desasosego existencial, unha especie de conmoción intelectual, un naufraxio mental letrado. E non, non me refiro á abominación perpetrada por Alfonso Rojo nese libelo pseudo-xornalístico coñecido como Periodista digital (aínda que ese titular tamén era carne de post, pero non, paso de facerlle publicidade a ese impresentable). A nova ou artigo, máis ben, que me provocou tal axitación apareceu no xornal La voz de Galicia do pasado 20 de abril de 2014 con este titular:

EL HOMERO DE NUESTRAS REPÚBLICAS

Boeno, calquera que teña unha mínima bagaxe cultural tería varias cousas que dicir despois de ler estas cinco palabras. Supoño, porque é o suficientemente grandilocuente como para deternos a darlle un pouquiño á moleira (jo, co que me gusta a min a palabra “sesera”) e analizalo cun certo detemento (todo o que me permita este día de reafirmación proletaria que estou a vivir mentres escribo isto). Sei que as miñas fresquísimas nocións de tradición clásica, cortesía do gran poeta e profesor Juan Antonio González Iglesias, son as culpables de que lle estea dando tantas voltas a cinco puñeteiras palabras pero creo que non será un tempo gastado en balde (ou iso espero).

Él fue nuestro Homero, el que escribió las sagas fundadoras de nuestra historia real e imaginaria. Antes de seguir comentando as idas de perola do tal Héctor Abad Faciolince (quen asina este artigo), acepto que estou manipulando deliberadamente o seu texto, pois el xa admite previamente a enunciar esta categórica frase que está esaxerando dado que Gabo era un gran amante da hipérbole e o exceso. E agora si paso aos pertinentes interrogantes que me suscita esta lectura. É posible que a universalidade da mensaxe dos poemas homéricos sexa equiparable ao legado literario de García Márquez? Estamos asistindo ao inicio dunha entronización dos clásicos do noso tempo igual que Homero se converteu no clásico da Grecia das πόλεις? O imaxinario mitolóxico que ideou o célebre autor de Aracataca (claramente ancorado na oralidade e no popular) deixa ou deixará a mesma pegada no noso acervo cultural do mesmo xeito que a epopea dos heroes homéricos? Estamos establecendo concomitancias que rozan o absurdo ou simplemente é que comeza a haber un transvasamento comprensible e inevitable dos modelos da tradición clásica a outros modelos contemporáneos que xa son un paradigma de auctoritas?

Non sei se me estou explicando ben ou se estou sendo vítima da miña propia percepción, que ás veces pretende ver máis alá do que se lle mostra. Pero, na miña opinión, resulta verdadeiramente inquietante que un dos membros deste cortexo fúnebre mediático ousara decretar tan perentoriamente que Gabriel García Márquez é o Homero dos nosos días. A comparación é, canto menos, grave. Non estamos falando dun autor sen máis co que poida haber paralelismos máis ou menos evidentes, estamos falando do gran alicerce da cultura clásica, do educador da Grecia Antiga e do gran paradigma narrativo de todos os tempos (occidentais, xa o sei). E Gabriel García Márquez foi un excelente escritor, que dúbida cabe. Recoñecido cun Nobel, lido por millóns de persoas arredor do mundo e gran emancipador dese subxénero literario que por aquí tamén se traballou arreo, o realismo máxico. Pero repito, ambos fenómenos literarios e culturais son equiparables ou é que soamente estamos facendo propio o esquema de canonicidade dos nosos devanceiros helénicos independentemente das achegas propias do noso tempo, véxase internet? Se cadra nós tamén precisamos un referente comparable ao aedo que teceu con tanta maña as historias bélicas de Troia e as viaxes de Odiseo, un referente realmente representativo para a nosa Idade Contemporánea. Pode que xa non nos sirvan Cervantes ou Shakespeare para ondear con brío a bandeira da civilización actual, esa que renega da cultura pero que despois brama con orgullo que é a súa propietaria.

Cómpre asumir que todo imperio, estado, nación, reino, país ou chámenlle X busca lexitimar a súa supremacía cultural con algún ideal literario. Afonden nas tradicións letradas de cada territorio e verán que todos se apropian de algo ou de alguén, mesmo se nese pasado glorioso e ilustrado as fronteiras eran outras (Que si! Que Séneca era español, leñe, castizo coma o que máis!). E neste mundo irreal e fantasioso da irmandade panhispánica, Gabriel García Márquez parece condenado dende xa a ser... o noso particular Homero, configurador da tradición panhelénica? Non. Coido que non. E non vou enunciar os centos de teorías que conflúen na arquicoñecida “cuestión homérica” para botar por terra este símil do xeito máis torpe posible. Pode que Homero non existira fisicamente, coma Orfeo, pero o feito de que se lle atribuíra un corpus literario de tamaña magnitude deulle o ser máis eficazmente que calquera acto de procreación máis terreal. A súa obra confirmouse inmortal e atemporal, sobrevivindo dun xeito ou outro ás tendencias literarias de cada época. Pero aínda queda por ver se Márquez resistirá ese embiste temporal coa mesma fortaleza. Simplemente non podemos saber se este parangón é acertado, é moi pronto para aventurarnos niso. O único que podemos saber certeiramente é que seguimos á procura das nosas iconas humanísticas. E iso tamén é tradición clásica. Como ben se ve, a prudencia e a cautela non se levan entre os cronistas da actualidade...

Con toda humildade, temo que debo concluír con tanta pregunta lanzada ao ar que García Márquez non pode ser o Homero das nosas repúblicas. Nin sequera o Virxilio dos nosos principados (a nosa era ten moito de augústea e pouco de períclea, a verdade), aínda que a súa traxectoria e a súa relación co poder o aproximen máis ao poeta de Mantua, dende o meu punto de vista. Pero non deixa de ser interesante que mesturemos auga e aceite así, porque yo lo valgo e “molamos moghollón”.

domingo, 23 de marzo de 2014

Sobre un tal “Suares”...

         

         Hoxe morreu un señor de nome Suárez. Adolfo Suárez. Novo non era. Non sei se poñerán coche para ir ao enterro pero o que si sei é que, unha vez máis, a nosa cultura da “morte-espectáculo” produciu un novo esperpento digno da nosa morbosa adicción á comunicación inmediata, o vituperio gratuíto e o panexírico desmedido. Que pasa co devandito finado para que o seu pasamento provoque unha marea de reaccións e alusións tan extremas e tan encontradas? Pois que tivo a sorte ou a desgraza de ser o primeiro presidente do goberno da democracia española ou o primeiro gran paladín dunha monarquía herdeira dun réxime totalitario e represivo que mudou de fachada inaugurando o réxime do 78. Vendo o fondo antagonismo que se dá entre as distintas fontes a consultar para a creación destas dúas descricións tipo twitter xa non debería resultar difícil dar coa resposta á pregunta que formulaba con anterioridade...

            Non podo ser allea á política española e o meu DNI encárgase de recordarmo simbolicamente día tras día. No meu mundo utópico e ideal (unicornios incluídos) son quen de facer realidade as miñas anárquicas aspiracións que ilustran gran parte dos meus mellores soños húmidos. Pero ao espertar descubro que aínda sigo aquí, que vivo todo isto e que, polo tanto, sempre hai algo que dicir ao respecto. A morte deste tal Suárez non é menos. Gran político e reformista cuxo falecemento hai que lamentar ou morte desexada dun xerontócrata desfasado, de pasado escuro e icona desa “modélica transición” máis falsa que as pesetas? Esa é a disxuntiva á que as dúas Españas da era das redes sociais me obrigan a enfrontarme cando trato de formular unha opinión e un parecer que concorden cos meus principios ideolóxicos e humanos para falar do señor Suárez no día dos seus óbitos.

            En realidade, a historia deste home dá para unha magnífica obra tráxica sobre a soidade do poder. Rexeitado por todos, contrarios e propios, case semella que a doenza senil do esquecemento foi para el un bálsamo no canto dun castigo. Hoxe moitos choran e compoñen epitafios na súa honra, de novo, basta con morrer para ser bo. E outros bailan sobre a súa tumba e asestan a derradeira puñalada verbal a quen xa non se pode defender. A súa agonía e final embarque na balsa de Caronte retransmitidos en rigoroso directo polos principais medios de (des)información do estado tampouco foron de moita axuda, francamente. Pode que mañá os libros de historia saiban como titular os epígrafes que se refiran a el e que relevancia darlle dentro dos mesmos pero hoxe non sabemos como proceder. Non nos gusta moito iso da memoria e moito menos a histórica e seguimos tendendo e cedendo á bipolarización do pensamento. Moitos esquecen hoxe que o máis probable é que Suárez fose un home gris, e non o digo porque fose policía no franquismo ou porque fose un ser taciturno e tristeiro, senón porque tiña pinta de ser coma todos nós: un ser humano. Polo tanto, capaz do peor e do mellor, cheo de contradicións e loitas internas, con acertos e equívocos, con dúbidas e inseguridades, con medos e debilidades. Eu case aseguraría que foi o dirixente máis humano que se tivo na nosa historia recente, pois firmou cunha inusitada dignidade a primeira e última capitulación oficial que se viu nestes lares. Alguén imaxina a Rajoy dimitindo coa que está caendo? Se o fixera sería a través de plasma...

            Non serei eu a que defenda ata as armas a figura de Adolfo Suárez, pois non comparto gran parte do seu ideario. Estaba nas miñas antípodas ideolóxicas. E estou no meu dereito, oian, se queren grandes himnos á súa obra poñan a tele que seguro que se ven desbordados pola oferta. Mais, se hai algo que si cómpre recoñecer e eu recoñecerei sempre nel é o seu valor e a enteireza coa que enfrontou un período complicado e gravemente difícil. Puido facelo mellor ou peor, hoxe non me apetece entrar nesas lameiras, pero fíxoo e cunha inesperada honestidade que xa a quixeran moitos hoxe. Non me gusta nada empregar esa manida metáfora das gónadas masculinas para referirme á determinación deste señor no seu tempo pero, se fose necesario falar mal e pronto, pode que esa fora a expresión máis axeitada. Polo tanto, o meu respecto é total.

            Ata que, por fin, revisemos a nosa historia (toda!) e sexamos quen de poñer a todo o mundo no seu sitio, coas súas luces e as súas sombras, seguirei reflexionando sobre outros brancos e negros que me irritan profundamente. Porque isto non fixo máis que empezar. As próximas xornadas de loito oficial e mediático prometen ser epicamente estomagantes.

Mentres tanto, descanse...

venres, 6 de decembro de 2013

Madiba

             

            Admirar a Nelson Mandela é moi doado. Marabillarse co cambio real que logrou para o seu país, tamén. E, do mesmo xeito, non semella difícil emocionarse co tremendo sacrificio que para el implicou a consecución dese cambio.

         Mandela foi o derradeiro gran baluarte da loita pola liberdade neste mundo agora desleixado que mexa por riba do seu legado político. E, no día de onte, logrou abandonar esta podremia a tempo. A tempo para non ver como, de forma definitiva e irreversible, esquecemos todo canto nos ensinou co seu exemplo, pois Madiba, como era coñecido afectuosamente polo seu pobo apelando ao seu clan de orixe, foi humillado e privado da súa liberdade por defender a causa dos xustos, por pretender un mundo mellor no que fose posible que todos, sen excepcións de raza, clase ou crenzas, puidesemos convivir pacífica e dignamente. Pero o preso 46664 nunca gardou rancor aos verdugos que quixeron enterralo en vida, mais non por iso renunciou á súa integridade moral, sempre estivo por riba dos camiños máis simples, da vinganza e da violencia, e foi quen de darlle aos seus un fogar renovado no que todos volveron abrazarse coma os irmáns que nunca deixaran de ser.

            Falar de Nelson Mandela significa falar de fraternidade, de xustiza e de vitoria pero, sobre todo, significa falar de amor. Aínda apreixado pola soidade da súa prisión, cando o amor non era máis ca un concepto co que apenas se podía soñar como feito, el nunca deixou de crer nel e na capacidade innata e natural dos seres humanos para amar, capacidade deturpada polo pouco difícil que resulta aprender a odiar.

           Mandela é unha icona no mundo contemporáneo e unha inspiración para moitos. Por desgraza, tamén foi e seguirá sendo utilizado por un poder corrupto e ingrato que toma o seu nome en van e reverencia con falsidade e hipocrisía os seus logros.

   Na hora da morte todos somos bos, como ben reza o saber popular, mais todas as máximas e leis contemplan unha excepción. E ademais, Mandela non morreu, só acadou a inmortalidade. Xa era un mito político e cultural, o último dos grandes líderes carismáticos da nosa era, mais agora a súa divinización é inminente.

 Pero… Que queda da súa mensaxe e das súas conquistas? O loito por Mandela semella institucional, oficial, obrigado e pouco real. Entregámonos como leais vasalos a aqueles que, no canto de continuar a súa obra, a soterraron. O mundo é un lugar peor e os que o habitan viven na desesperación e na desilusión. Coma se o de Mandela fose un quimérico argumento dunha película de Hollywood, unha utopía irrealizable que nunca existiu e que, por suposto, non se repetirá. Un breve soño do que nos espertou a avaricia e a deshumanización do capital. Mandela recordounos que eramos seres cheos de amor e de vida, mais estes desvergonzados e depravados que rexen os nosos destinos volvéronnos aprender a odiar, a degradarnos e a humillarnos.

 Si. Efectivamente, Mandela merece toda nosa admiración, respecto e recoñecemento. Pero iso é moi doado.

Máis alá da noite que me envolve
negra coma o abismo insondable,
agradezo ao deus que for,
a miña alma inconquistable.

Nas poutas da circunstancia
Nin me estremecín nin chorei.
Baixo os golpes do azar
A miña cabeza sangra, pero está erguida.

Máis alá deste lugar de ira e bágoas
xace o horror da sombra,
Mais a ameaza dos anos
atópame e atoparame sen temor.

Non importa o estreito que sexa o camiño,
nin cantos castigos traia a sentenza,
Son o amo do meu destino,
son o capitán da miña alma.

(Perdóeme, William Ernest Henley, por ousar traducilo)

Sit tibi terra levis, Madiba…

venres, 26 de xullo de 2013

Unhas verbas...

Estes son días propicios para que se dean unha serie de emocións altamente mediatizadas. A compaixón volve revelarse coma o máis egoísta dos sentimentos. Posiblemente moitos tendan a sentirse mellor ou a sentirse mellores persoas facendo propias citas tan gastadas como “todos iamos nese tren”, “ánimo Galicia” ou “o meu máis sentido pésame ás familias”. Unha traxedia colectiva provoca que agromen este tipo de tópicos e sensibilizacións máis ben artificiosas: telexornais ou crónicas de sucesos que inciden e reinciden no morbo, música tráxica de fondo, condolencias institucionais nada reconfortantes... Porén, o impacto inicial que se produce cun acontecemento tan duro invita a pensar e a reflexionar. A min tamén.

Estamos bastante afeitos á violencia en todas as súas formas e moi anestesiados fronte ao infortunio alleo, o cal non quita que poidamos sentir unha mágoa real polos nosos semellantes, que efectivamente existe, máis alá de todas as influencias, ao meu xuízo, prexudiciais que veño de citar. A condición humana é así de contraditoria e sorprendente. E resulta un consolo ver que, no medio da miseria, aínda queda un espazo para a solidariedade, a xenerosidade e o dó. Isto último é das únicas cousas positivas que se poden sacar dunha eventualidade desta magnitude.

Trala condena á (des)información e a admiración por ese lado realmente humano das persoas, tan esperanzador e benévolo, chega o terceiro estadio, un estadio ao que creo que chegamos moitos estes días, non só eu: as inevitables preguntas sobre o sentido e fugacidade da vida. Somos incapaces de asumir unha existencia que non nos sitúe no centro do universo, da creación para algúns, pero, en cambio, non tardamos en vernos tan insignificantes na fumareda do desastre. É o imprevisible do final e das súas causas e circunstancias o que nos provoca medo e respecto, o que nos asusta penetrando en nós coma un calafrío que percorre todo o noso corpo. Mais, por que choras, Marcia?, diríalle Séneca a esta Galicia que se deitou destrozada e se ergueu aturdida, pois a morte, mesmo esa morte temperá que tan inxusta nos parece (coma se o pasamento dun ancián non fose merecedor de lamento algún), é algo natural e só a través dela percorreremos un camiño máis elevado. Porén, contrariamente ao que pensan os que dirixen as súas pregarias a algún ídolo de mármore mentres eu “garabateo” esta ridícula cavilación, isto é o único que temos, unha brevitas que se esfuma nuns días, uns chanzos que non tardamos en subir, unha pequena montaña de area que axiña escalamos, un mencer que logo chega ao luscofusco.

Todo continúa, todo segue e πάντα ῥεῖ. Nunca volveremos vivir nada semellante, xa virá outra desgraza que poida soterrar esta no máis profundo do noso esquecemento e que nos volva lembrar dun xeito aínda máis macabro pero igualmente efémero o que nunca deixamos de ser: simples mortais. Con todo, que ningún dos vosos pasos sexa en van, mañá volveremos vivir un primeiro día do resto da nosa vida e teremos unha oportunidade máis, non para redimirnos e petar ás portas do ceo, senón para poder sentarnos e dicir: xa está, valeu a pena. Isto é todo.