domingo, 21 de decembro de 2014

E Galicia fíxose cine: "A esmorga", de Ignacio Vilar



Pouco se lle pode reprochar a unha cinematografía que se está desenvolvendo dun xeito tan ilusionante como a galega. Nun ano no que celebramos as 25 primaveras do noso cine, só podemos recibir con moito entusiasmo a derradeira gran achega da sétima arte galega: A esmorga, adaptación da célebre novela de Eduardo Blanco Amor levada a cabo por Ignacio Vilar (coñecido xa por outros filmes como Pradolongo ou Vilamor). De visionado obrigado na Cólquide, agora só nos queda compartir impresións.

Admito que escribo esta publicación para desmontar argumentos prexuizosos que non ven no cine en galego unha proposta cultural o suficientemente atractiva como para xustificar un dispendio de oito euracos. Aínda que pode que xa non sexa necesario porque A esmorga logrou deconstruír a armazón de todo ese ideario en apenas tres semanas de exhibición. A resposta do público foi magnífica (anda polos 30.000 espectadores e subindo) e digno de aplauso é tamén que unha película así se poida ver nas grandes salas comerciais, competindo directamente cos grandes bombazos foráneos da tempada, como Interstellar, Os xogos da fame ou, máis recentemente, Exodus. Ata o mesmísimo The Hollywood reporter se fixo eco da magnitude do seu éxito. Galicia respondeu efusiva e contundentemente SI (nin maiorías silenciosas, que tan de moda están agora, nin farrapos de gaitas). Si a unha cinematografía galega e en galego, si ás adaptacións dos nosos grandes clásicos literarios, si ao oficio dos inmensos actores que temos na nosa terra, si ao conxunto dunha industria cultural audiovisual á que aínda lle quedan moitas alegrías que dar.


A esmorga é moito máis que unha lectura obrigatoria de idade escolar, é unha novela dunha gran complexidade que merecía unha adaptación cinematográfica á altura. A fatal andaina do seu trío protagonista, Cibrán, Milhomes e Bocas é por fin trasladada á gran pantalla cun resultado moi notable, xa que se consegue recrear ese ambiente sórdido e de miseria moral que tan maxistralmente nos describía Blanco Amor nas súas páxinas. Cada pequena decisión que arrastra a Cibrán e aos seus dous compañeiros de esmorga á perdición resúltanos arrepiante. Ao igual que lendo a novela, pensamos para nós “non o fagas” e somos quen de mergullarnos dentro da trama e empatizar cuns protagonistas que nada teñen que ver coa clásica figura literaria do heroe. Todo o contrario. Son os tres antiheroes por antonomasia da literatura galega, fan cousas que non nos gustan e mesmo nos producen noxo pero logramos comprendelos e apreciar a súa profundidade coas súas múltiples arestas.


Aínda que isto último non sería de todo posible sen o traballo dos seus actores. Miguel De Lira, intérprete de sobra coñecido para o público galego polos seus traballos en televisión, dá vida ao malfadado Cibrán, quen, incapaz de intuír a súa desgraza, encadea un erro tras doutro, seguindo aos seus amigos, ata rematar sendo mallado e interrogado pola garda civil por estar no lugar equivocado e no momento menos oportuno. Bocas ten o rostro do único actor foráneo implicado nesta produción: Karra Elejalde (para aqueles aos que o nome lles di máis ben pouco, é o pai na ficción da protagonista de Oito apelidos vascos) aprendeu galego só para interpretar este papel e, boeno, aínda que somos conscientes de que o galego non é chinés (aínda que moitos castelanfalantes de alén e incluso dentro das nosas fronteiras intenten facernos crer o contrario), o seu esforzo ben merece unha mención especial, porque realmente no filme parece galego de Ourense de pura cepa. Pero, o que para min está soberbio e que parece nado para este papel é Antonio Durán “Morris”, toda unha celebridade en Galicia despois das súas intervencións en Pratos combinados ou Padre Casares. O seu Milhomes é espléndido, unha das súas mellores creacións interpretativas e dubido que, se a alguén se lle ocorre facer unha nova adaptación de A esmorga, outro actor poida superar este traballo, máis que digno reflexo do Milhomes que nos descubriu Blanco Amor na súa magnífica obra.


Boeno e quere isto dicir que A esmorga é unha película perfecta? Pois non. Claro que A esmorga ten gazapos ou erros, como toda película de ben, nin máis nin menos graves que calquera outro filme, nin en maior nin en menor número. Boto en falta un pouco máis de risco nese final que ten que ser ambiguo si ou si, mais debo recoñecer que a conclusión na que se citan as derradeiras verbas da novela de Blanco Amor é algo máis que un recurso fácil. Teño sentimentos encontrados con respecto a isto, xa que me gustaría que tamén no final se respectase a literalidade sen renunciar ao código imposto polo formato audiovisual (como se fai en moitos tramos ao longo da película, podendo recoñecer moi facilmente algunhas liñas) pero, por outra banda, que se nos manifeste o autor da única forma posible na que pode facelo (a través das palabras fixadas nun libro) na que pretende e debe estar chamada a ser a adaptación definitiva da súa obra é unha bonita homenaxe e un recoñecemento á magnificencia desta novela, case asumindo a humildade coa que todos os que traballaron na película se achegaron a unha obra atemporal e marabillosa. E, para rematar co apartado de erros ou inconsistencias, un apunte algo bobo (atención, spoilers de sete estalos!): debo facer constar que o misterio da moza enclaustrada que ten obsesionados aos seus protagonistas e que finalmente resulta ser unha enorme boneca, se resolve demasiado axiña para o espectador (incluso para os que leron a novela e saben o que vai acontecer), que nota case dende a primeira toma que a sorpresa non é tal.

A música, obra de Zeltia Montes e que nalgunha publicación xa figura como unha das mellores bandas sonoras do 2014, é xenial. Haberá quen poida dicir que tampouco é para tanto, xa que é dun minimalismo case extremo. Pero non pode ser doutro modo, non se poden acompasar estas escuras vivencias doutro xeito. Eses sinxelos golpes de piano son tan perturbadores e crean unha atmosfera tan inquietante... Sen palabras. Desas cousas que non se poden cualificar porque se cualifican elas soas.


Pouco máis podería engadir esta humilde cronista. Algúns pensarán que todo o que aquí conto, nesta especie de crítica nada canónica (tampouco aspiro a asimilarme a esa raza de críticos profesionais máis preocupados por cultivar o seu propio estilo e o seu propio ego que en achegar unha opinión construtiva do filme), é pura cuestión de militancia. Nada máis lonxe da realidade. É certo que non podemos pretender ter unha industria cinematográfica galega forte se non a apoiamos, se non imos ao cine cada vez que existe a posibilidade de ver unha película feita no país, pero nunca falaría de A esmorga nestes termos, ou directamente nin falaría dela, se realmente non me gustase. E celebro que unha película así sexa galega e que teña a acollida da que está a gozar, porque é máis que merecida e a súa calidade así o testemuña. E a ver se así, dunha vez por todas, comezamos a mirar o cine feito na nosa terra cos mesmos ollos que o cine foráneo (si, fundamentalmente americano, hai que dicilo) e non pensar iso de “jo, que preguiza, unha película galega con pouco presuposto, sen caras megacoñecidas e sen unha campaña de publicidade acolloante que me provoque unhas ganazas de vela”. Porque o día no que o cine galego estea en igualdade de condicións co de fóra está moi preto.

Mentres tanto, noraboa a todos os que participaron en A esmorga.

(E non a perdades, que aínda está nos cines!)


martes, 9 de decembro de 2014

Galería de ídolos masculinos (II): Freddie Mercury


“Freddie Mercury é un dos meus meirandes mitos musicais e sexuais”. Normalmente provoco silencio e petrificación entre os meus semellantes cando no medio dunha conversa trivial sobre temas igualmente triviais, como algúns gustos musicais oitenteiros, solto esta máxima. Case todos coinciden en que Mercury debe ser elevado ao olimpo da melomanía pero moi poucos pensan, coma min, que tamén mereza un lugar destacado nun podium máis terreal e frívolo. Semella que o bo de Freddie non se corresponde co paradigma canónico da sensualidade e o erotismo, supoño que a súa mandíbula (que na vida se topou cun protésico dental) é a culpable deste feito. Mais non vou dedicar toda esta extensa prosa única e exclusivamente a falar de Freddie Mercury como mito erótico (pese a que penso facer a miña pertinente exposición de motivos) senón tamén coma o grandísimo artista que foi, é e será, superando calquera moda e barreira física (máis que nada porque hai xa tempiño que finou). Se alguén (troll ou non) considera que o que vén a continuación non é máis que unha trapallada falta de rigor, anoto que isto non é a wikipedia nin aspiro a firmar a biografía definitiva sobre Freddie Mercury, o único que pretendo é facer un panexírico á altura do ídolo, que para algo é ídolo, vamos (e que carallo, aquí escribo eu e escribo o que me apetece, xa está).


Un pouco de historia persoal para crear ambiente: coma se dunha avoíña prematura (moi pop, iso si) me tratase, gosto de dar o coñazo ao persoal coas miñas particulares “batallitas”, que raramente son merecedoras de atención e/ou recoñecemento por parte dos que me rodean. Por iso, nunca poderei deixar de contar unha e outra vez en bucle infinito a historia de como coñecín á vosa... Perdón! De como batín cun grupazo chamado Queen. Setembro. 2003. Todos temos un cuñado pero no meu caso teño e xa tiña entón un cuñado que mola (parece ciencia-ficción, pero non o é) que me emprestou unha caixa prateada que contiña os tres volumes de grandes éxitos de Queen, ampliando así o meu coñecemento da mítica banda máis alá do We will rock you ou o We are the Champions que amenizaba as vitorias do Depor (daquela o Depor ghañaba cousas, si). O que veu despois diso é fácil de imaxinar: aqueles tres discos convertéronse nos meus álbumes de cabeceira durante anos, sabía todas as cancións, entoábaas nun deficitario inglés macarrónico no que tan só se intuían algunhas semellanzas fonéticas co orixinal e Freddie Mercury pasou a ser, non un máis, senón un grandísimo ídolo para min. Ata hoxe.

            E agora, toneladas de prosa biográfica para dummies: Freddie Mercury naceu na illa de Zanzíbar (Tanzania) o 5 de setembro de 1946 co nome de Farrokh Bulsara e no seo dunha familia de orixe india e parsi. Sendo aínda neno, coma case todos os xenios, mostrou unhas aptitudes descomunais para a música, o que provocou que a súa familia se esmerase especialmente nesta parcela da súa educación. A revolución de Zanzíbar de 1964 obrigou aos Bulsara a exiliarse no Reino Unido, onde logo dalgunhas experiencias musicais con varias bandas e ao pouco de obter un diploma universitario en deseño gráfico, Farrokh coñecería a Brian May e Roger Taylor, que serían os seus compañeiros nunha das bandas máis míticas da historia do rock: Queen (si, ambos acabaron reciclados en peseteiros explotadores dun legado inmenso). O resto é historia. E de sobra coñecida: éxitos a esgalla, estadios cheos e unha morea de himnos que hoxe seguen resoando coa mesma forza de onte. Ata a súa morte o 24 de novembro de 1991, vítima da SIDA, o xa máis coñecido en todo o orbe como Freddie Mercury non cesou de darnos mostras do seu innegable e colosal talento, tanto xunto a Queen como en solitario (xa no cumio firmou un pop máis que decente en Mr. Bad Guy).


            Por que Freddie Mercury é unha figura artística tan inspiradora para min? Porque, na miña opinión, é o paradigma do artista total, ese summum ao que calquera artista pop debería aspirar. Un tipo cuxa versatilidade non coñecía límites, cun rexistro e unha calidade vocal impresionantes, un auténtico showman que o daba todo en cada directo, un camaleónico cantante e compositor totalmente desprexuizado a quen non lle importaba abordar categorías aparentemente tan dispares coma o rock máis puro ou a ópera. Precisamente como gran admirador deste último estilo, atreveuse a gravar un disco enteiro xunto á súa admiradísima Montserrat Caballé, coa que inmortalizou o himno case accidentalmente olímpico Barcelona.


            Aínda que semella que as extravagancias dunha personalidade peculiar son as únicas capaces de configurar o estrelato do rock como tal, sen atender a calidades de ningunha clase, non sempre é así. Ben é certo que Freddie Mercury non escapou (nin tampouco pretendía escapar) á besta negra das lendas sobre os seus variados excesos, baixo os que se ocultaba ironicamente unha persoa máis ben tímida e reservada: festazas case bacanais nas que había ananos que levaban bandexas de cocaína sobre as súas cabezas, a pedazo esmorga de tres semanas coa que agasallou aos invitados ao seu trixésimo noveno aniversario, unha promiscuidade sexual case épica e outras historietas dignas de contar onda a fogueira do rock n’ roll cervexa en man. Aínda así, o seu traballo á fronte de Queen como líder e vocalista foi o verdadeiro culpable de que a súa carismática figura se nos quedara gravada como unha das grandes iconas do rock da nosa era. Por que si, queríao todo.


            No contacto directo co seu público Freddie “crecíase”. Coa súa posta en escena enérxica e teatral saciaba o voraz apetito dunha audiencia que o seguía fixese o que fixese. Na retina de coetáneos e non tan coétaneos quedará para sempre aquel inesquecible concerto no estadio de Wembley no ano 1986, no que Queen fixo gala dunha plenitude artística na que non só obsequiaron ao respectable cunha interpretación magnífica dos seus xa grandes temazos, senón cun espectáculo que sería lembrado coma un dos mellores directos da historia do rock.


Freddie Mercury non se limitaba a executar e interpretar aqueles grandes temazos, senón que foi o principal artífice de gran parte dos mesmos. Ben é certo que non é doado rastrexar a autoría das cancións de Queen a partir dunha determinada data, posto que, sendo xa unha banda consolidada, acordaron atribuir todas as súas pezas ao conxunto e non a un ou varios membros en particular. Porén, sabemos a ciencia certa que clásicos atemporais como Bohemian Rhapsody, Somebody to Love, Don’t Stop Me Now, We are the Champions ou  Crazy Little Thing called Love e outros temas menos coñecidos pero igualmente brillantes como The March of the Black Queen (teño que nomealo nalgún momento porque me encanta!) foron compostos de cabo a rabo polo amigo Freddie. Proba do seu incuestionable xenio é que algunhas destas cancións non son para nada composicións fáciles: tanto The March of the Black Queen como Bohemian Rhapsody son temas longos, con reminiscencias do rock progresivo e moitos cambios rítmicos e melódicos que as converten en verdadeiras experiencias sensoriais que debemos escoitar unha e outra vez para apreciar ata o máis mínimo detalle. Por outra banda, o virtuosismo para escribir auténticos himnos capaces de quedarse na túa cabeza durante días, semanas, meses e anos sen que ningunha lobotomía che poida quitar o seu recordo, non está ao alcance de calquera, e Freddie Mercury tamén posuía esa calidade, algo sobradamente demostrado en todos e cada un dos celebérrimos temas que veño de citar. En definitiva, tíñao todo o cabrón. Talento e arte “a cahcoporro”!



O estilo é algo fundamental en calquera estrela de rock que se precie e ao longo dos anos, Freddie Mercury foi cultivando unha estética pouco convencional marcada pola súa forte personalidade artística e polas máis diversas influencias. Gustaba dos grandes grupos rock e cantautores da época pero a súa estrela predilecta era Liza Minnelli. Só alguén que abarca un espectro tan amplo pode erixirse nese algo máis que se busca en cada artista (e que tanto se bota de menos no panorama pop actual). Polo menos eu enténdoo dese xeito, ver a arte como algo polimorfo e sen complexos logrando achegar algo novo e transgresor tampouco está ao alcance de calquera. Freddie converteu isto en marca da casa e aplicouno a todos os niveis: á súa forma de moverse, á interacción co público... Tamén á súa forma de vestir nos videoclips e nos concertos, algo que horteras irredentas coma min temos que agradecerlle á deseñadora Zandra Rhodes, creadora de moitos deses deseños. É que alguén que remata un concerto ataviado cun manto de potocentos metros e alzando unha coroa mentres soa o God save the Queen logo de ofrecer horas de magnificencia rock’n rolleira realmente é moi ghrande! (Moitos simplificarían este apartado dicindo que simplemente era gay. Evidentemente, eu non son tan simplista nin creo que a cousa sexa tan simple).


E que me dicides desa voz! Da mellor voz masculina da historia do rock! Que carallo! De todos os tempos e todos os mundos mundiales! Menudo saque vocal tiña o moi cabrón... Non me vou poñer a medir octavas coma se soubese moito de canto e esas cousas porque, francamente, non teño nin pajolera idea pero alguén que estando case no cadaleito foi capaz de levar a garganta aló arriba coma nunca firmando esa epiquísima despedida que é The Show must go on tivo que ter unha voz digna de ser declarada patrimonio inmaterial da humanidade pola UNESCO. Non esaxero, ás probas me remito. Agudos, graves, berros, murmurios... Dáballe a todo (nada de matices sexuais para esta expresión, por favor) e sen despeitearse.


Ah! Pensabades que se me ía esquecer falar do Freddie Mercury que pon (e moito) ao persoal? Pois claro que non. A ver, xa sei que teño uns gustos frívolos incomprendidos (e pode que raros, por que non) e que me parece atractiva xente do sexo oposto cuxa beleza exterior non sería defendida nin por súa nai: Hugh Laurie (House tivo a culpa), Roger Daltrey, Pablo Iglesias (o de agora, non o que ten a man ergueita no parque de Vite)... Pero, en serio, ninguén é capaz de ver nese rostro peculiar e nesa maneira de moverse e actuar a un fulano moi pero que moi atractivo? Xa sei que obxectivizar e racionalizar estas cousas é complicado (ou mellor dito, imposible) pero... Pero... Pero... Por que non reivindicar iso tamén, eh?


En fin, como tantos outros pero con aínda máis motivo, Freddie Mercury é un deses artistas que lamento non ter disfrutado como coetánea. Como diría unha das repijas do anuncio de Loewe, “soy fan de mucha gente muerta” e iso ten as súas consecuencias, a primeira, mirar con nostalxia ao pasado pensando “por que carallo na miña época non hai nada similar, salvando as excepcións?” Foi único e irrepetible, como xa dixen, o artista total, o cénit en si mesmo e un verdadeiro animal do espectáculo, un talento incomparable destes que só vemos na Terra unha vez cada 2000 anos ou así (ano arriba, ano abaixo). Afortunadamente, temos a súa música, unha herdanza marabillosa que perdura e na que dalgún xeito aínda vive. O espectáculo continúa...


martes, 25 de novembro de 2014

“A miña vaxina está furiosa!”

       

       Novembro. Día vixésimo quinto. Nin frío nin calor nunha efeméride que tempo hai que renunciou a toda emoción. Postureo. Total indiferenza que inspira unha redacción telegráfica e tediosa. Pero a miña vaxina está igualmente furiosa.


             Ata as 10:30 horas do día de hoxe non sabía quen era Eve Ensler. Nin me soaba. Mais o vasto océano de internet é realmente caprichoso e, nun día corrente de incesante buceo na busca de algo (coma sempre), din con este nome e cunha obra aparentemente célebre pero que tampouco me dicía nada a priori (semella que non abonda con ser celebrado para ser coñecido en todas partes): Os monólogos da vaxina. Ninguén crerá que isto foi unha mera casualidade sendo hoxe 25 de novembro, por outra banda, tanto me ten o que pensen os demais, pero de verdade que aconteceu así, do xeito máis fortuíto que un poida imaxinar. Nin sequera fun ao recurso fácil de poñer na caixiña dun Google que non estimou oportuno dedicarlle un doodle a este día de “loita” para rematar coa violencia contra as mulleres, unha categoría tan explícita como “literatura feminista”, non. Simplemente batín con ela, coma case todo o que cae nas miñas mans. E tan rápido como consumín esta obra sentín a necesidade de divulgar o meu entusiasmo con ese lector apostrofado ao que sempre me dirixo.


            Polo que puiden averiguar no tempo que levo a pé mentres escribo isto (unhas catro horas, aproximadamente), Eve Ensler é unha escritora e activista feminista norteamericana que no ano 1996 e logo de falar con centos de mulleres de todo o orbe publicou unha serie de monólogos inspirados nestas conversas que agrupou baixo o título Os monólogos da vaxina. Non esperedes sorpresas. A obra fala diso. De vaxinas. De conas. De ratas. De parrochas. De cricas. De cousiñas. De cousos. De aí abaixo. De chirris. De chochos. De montes de Venus e unha pila de sinónimos máis politicamente correctos ou non. De feito, así comeza a obra, cunha acertada reflexión sobre a denominación do órgano en cuestión e toda a eufemística desenvolvida arredor do mesmo, á que eu engado modestamente, como se puido comprobar, algunhas nomenclaturas moi galaicas que, loxicamente, Eve Ensler non coñece.

            Como se chega a escribir unha serie de textos sobre vaxinas nun mundo socio-culturalmente patriarcal no que non existe un contexto proclive a rematar falando de algo que está aí e que debería ser normal pero que non o é? Pois creando ese contexto. A premisa de Ensler é moi directa e dese mesmo xeito se presentou ante as súas entrevistadas, con algo tan simple pero tan tabú como preguntarlles polas súas vaxinas, o cal da pé non só a falar do propio órgano senón a debater algo tan pouco valorado como a relación das mulleres co seu corpo. Iso por unha banda e, por outra, tamén se serve diso como metonimia, introducindo outras cuestións que van máis alá dunha reivindicación sempre oportuna da sexualidade feminina, como a violencia sexual, a violencia obstétrica ou a maternidade (esta última quizais demasiado idealizada para o meu gusto, aínda que entendo que a autora queira finalizar e resolver a obra cunha mensaxe positiva).

No conxunto harmonízase a solemnidade dalgunhas pasaxes (o monólogo dedicado ás mulleres violadas na guerra dos Balcáns) con algunhas notas de humor mordaz sobre temas tan cotiáns pero pouco discutidos como a necesidade ou non de rasurar o pelo da vaxina (perfecta metáfora da opresión que supón a imposición dun canon de beleza cuxa obtención nos mantén demasiado ocupadas como para pensar no que iso realmente representa) ou o incomprensible rexeitamento que produce en homes e nas propias mulleres a exaculación feminina. Supoño que o primeiro gran propósito da obra é tratar de convencernos da necesidade de asumir e aceptar a nosa sexualidade sen prexuízos e desterrando todas aquelas ideas preconcibidas que o sistema patriarcal nos meteu tan sutilmente no hipotálamo e que chegamos a entender como “normais” como paso previo a afondar nas reivindicacións a prol da igualdade de xénero sen por iso renunciar á nosa identidade. Todo conflúe na nosa vaxina, nela albérgase o único órgano humano destinado exclusivamente a proporcionar pracer, a través dela sae a vida (literalmente) e nela materialízanse todas as misoxinias e toda a violencia simbólica que colle no mundo. Eve Ensler achéganos a unha realidade a veces graciosa e a veces penosa a través do principal gran tabú que nos impide reafirmarnos no que somos: o noso sexo.


Os monólogos da vaxina non é (nin creo que vaia ser) lectura obrigatoria en ningún centro educativo público nin privado e, afortunadamente, isto non é un “control de lectura” nos que a última pregunta sempre é “cal foi o capítulo que máis che gustou e por que?”, pero, se tivese que quedarme cun único monólogo, quedaríame sen dúbida con aquel que comeza cun rotundo A miña vaxina está furiosa! Resume á perfección o constante estado de indignación no que vivo dun tempo a esta parte, con todo este retroceso en materia de igualdade que a miña xeración está a vivir e que chega a provocar que ata bote de menos a política social de Zapatero (mamaíña do ceo...). Este é o monólogo do cabreo, a protesta e a irreverencia, no que se escolman todas as atrocidades ás que se somete a sexualidade das mulleres, perfectamente representadas na súa introdución: Un exército de persoas está aí fóra pensando en como torturar a miña pobre, xentil e adorable vaxina [...] putos torturadores de vaxinas! Ensler arremete contra toda a maquinaria sutil e non tan sutilmente torturadora das vaxinas: os tampóns (un puto algodón atascado aí abaixo), a “limpeza” dun órgano xa moi limpo por si mesmo, o instrumental xinecolóxico, as revisións xinecolóxicas, os tangas... E espeta unha frase que me deixou morta pero moi certa: eles odian, odian, odian, odian ver a unha muller sentindo pracer.

Agradezo de veras que unha autora como Eve Ensler se esmerase en divulgar feminismo e invitar a unha profunda reflexión cunha obra desenfadada e satírica, facendo así moito máis evidente a problemática da sociedade patriarcal sen necesidade de recorrer a monótonas disertacións filosóficas que non todos poderán entender. Sempre está ben falar claro e dicir VAXINA (por moito que, como di ela, sexa unha palabra que pareza dicir algo absolutamente oposto ao que realmente di), do mesmo xeito que debemos falar claro e dicir que se nos impón unha idea de beleza criminal (si, con todas as letras), unha sexualidade da que non debemos falar moito porque é algo pecaminoso e indecoroso, que se nos violenta de todas as formas posibles para reprimir e reducir calquera atisbo de contestación ás inxustizas do patriarcado... Ensler é capaz de conxugar todo isto baixo un título provocador que agocha moito máis e cuxo propósito vai máis alá de chamar a atención e facer que botemos unhas poucas risas (que tamén está ben).

Lectura recomendadísima para días coma o de hoxe ou, máis ben, visionado recomendado, xa que a representación teatral destes monólogos a cargo da propia Eve Ensler foi gravada e retransmitida por televisión no seu día a través da canle americana HBO (adxunto unha dobraxe ao español latino, a que atopei, vamos).


Adicado a todas as vaxinas furiosas do mundo.

luns, 10 de novembro de 2014

Épica espacial (e trascendental): “Interstellar”, de Christopher Nolan


A semana pasada, chegou ás nosas pantallas o que está chamado a ser o gran evento cinematográfico do presente ano 2014 ou, polo menos, un dos que máis está dando e dará que falar. Máis que a consulta catalá sobre a independencia, si. O pasado venres estreábase Interstellar, a novena e agardadísima longametraxe do director británico Christopher Nolan, realizador xa consolidado como un autor de gran prestixio dentro do cine actual, moi admirado por servidora e que, unha vez máis, busca e logra asombrar a un espectador incapaz de mostrar indiferenza ante unha obra colosal, ambiciosa e repleta de matices. Na Cólquide tamén hai salas de cine e interesa moito todo isto da relatividade temporal e as epopeas espaciais (sobre todo se as dirixe Nolan), de modo que non me puiden resistir a ver tan esperado filme para compartir co respectable as miñas impresións (que non son poucas) intentando soltar a menor cantidade posible de spoilers. Imos aló. 


De sobra é coñecida para público e crítica a ecléctica filmografía de Christopher Nolan, que, pese aos distintos envoltorios que manexa, une todas as súas películas cun nexo común: o gusto polo misterioso, o imprevisible e o sorprendente, orientando e despistando por igual a un espectador que non debe perder detalle so pena de non enterarse de nada e non acadar ese clímax que ben se podería resumir nun gran “ostia, que forte”. Seus son dous dos thrillers máis interesantes e suxerentes dos primeiros anos 2000, Memento (2000) e Insomnio (2002); a renovación da saga Batman cunha triloxía que reinventa o canon iconográfico asociado ao mítico superheroe da DC composta por Batman Begins (2005), O cabaleiro escuro (2008) e O cabaleiro escuro: a lenda renace (2012), e algunha historia inclasificable que afonda brillantemente no onírico, Orixe (2010). Desta volta, Nolan tráenos un ovo Kinder (polo da sorpresa, digo, porque sempre a hai) sci-fi puro e duro de aventuras intergalácticas e 170 minutacos na que se desafían todas as teorías e leis que se poida botar á cara, rodeado, como é habitual nel, dun reparto de auténtico luxo, no que destacan o último gañador do Oscar ao mellor actor, Matthew McConaughey, a tamén galardoada Anne Hathaway, a case omnipresente dun tempo a esta parte Jessica Chastain e un imprescindible para o cineasta londinense, Michael Caine.


O propio director firma xunto co seu irmán Jonathan Nolan un guión arriscado no que se mesturan emoción, entretemento e ciencia, un remix a primeira vista complicado para o que contaron co asesoramento do reputado físico teórico Kip Thorne, quen tamén figura nos créditos como produtor executivo do filme. As sinopses, como adoita ser habitual nelas, menten moi cochinamente, pero non está de máis que teñamos presentes un par de ideas antes de entrar á proxección: nun futuro non moi lonxano pero que non se especifica, a Terra, por diversos motivos que se poden deducir facilmente (aínda que a maioría de críticos que puiden ler digan o contrario), está esgotada e tornou nun territorio hostil e ermo. A maioría da poboación mundial morre de fame pola escaseza de alimentos e o único cultivo que sae adiante é o millo. Por este motivo, moitos han de dedicarse á agricultura e non se contemplan máis aspiracións na vida que a de contribuír á supervivencia e á subsistencia coas colleitas. O pensamento crítico, os avances tecnolóxicos e a cultura deixan de ter sentido nun mundo que se sepulta baixo unha capa de po (literalmente) que está asfixiando aos seus habitantes. Neste contexto, un antigo piloto reciclado en granxeiro de nome Cooper (Matthew McConaughey) é seleccionado secretamente polo que queda da NASA para unha misión desesperada: buscar novos planetas potencialmente habitables que garantan a continuidade da especie aproveitando a aparición dun burato de verme (ou ponte de Einstein-Rosen, para os máis doctos neste campo) onda Saturno, fenómeno que permite explorar outras galaxias “atallando” no espacio-tempo.


Boeno, estaría ben que nos quitaramos o rollo científico e rigoroso de encima que, por outro lado, resulta difícil de ignorar e seguro que provocará máis dunha discusión entre colegas á saída do cine (na súa maioría, astrofísicos de wikipedia...) porque, por máis que se nos insiste en que é un aspecto moi importante do filme, non deixa de ser un pretexto. Ou así foi como menda pensou que era a mensaxe de Nolan, xa que, no fondo, o drama esencial da película é a historia de amor entre un pai e unha filla que deben separarse talvez para sempre e que nesa separación se verán condenados de xeito desigual polo paso do tempo. Este vínculo é o fío condutor da historia e todo canto sucede está condicionado dun xeito ou outro por este feito. Segundo avanza a trama, vese cunha maior claridade como Nolan se serve de teorías, hipóteses, conxecturas, disquisicións filosóficas e demais cálculos para transmitirnos unha emoción diferente con esta relación atípica, chegando a incluír o amor, esa realidade tan abstracta e sobre a que tanto se discutiu ao longo da historia do pensamento, en cada ecuación. Resumindo, fai prosa poética con ciencia (boeno, e tamén con Dylan Thomas), cunha ciencia deliberada e debidamente manipulada, loxicamente, para que todo encaixe e sirva como vehículo axeitado para provocar unha enorme conmoción no espectador. E esta conmoción xa non se reduce á sorpresa e o pasmo de “que me está contando este señor”, senón que debe resultarnos case catárquica tendo en conta como se resolve a historia e a relación entre os seus protagonistas (e non conto máis porque senón meto un spoiler coma un cabalo). A isto debería axudarnos o brutal pulso narrativo do que dota ao último tramo da película, creando unha tensión e unha incertidume que poderían facer que nos saíse disparado o corazón cuan xenomorfo perforándonos o estómago para ver a luz.


O futuro que pinta Christopher Nolan xa non é usado, está ghastado de todo. Como tantos outros cineastas antes que el, entende que a fórmula da verosimilitude que poida facilitar a mímese e a identificación do espectador coa historia non pasa por espazos relucentes que cheiren a coche novo. Películas coma Star Wars (aínda que non estritamente, xa que en teoría iso non é futuro, senón unha galaxia moi moi lonxana hai moito tempo), Blade Runner e, sobre todo, Alien, optaron xa no seu día por unha estética de cacharrería que nos daba a entender que todo iso, naves e diferentes artefactos, era moi vello. Interstellar aproxímanos a un futuro distópico e inminentemente apocalíptico, trae ese futuro aos nosos días e reflicte xa non só un parón tecnolóxico senón un retroceso. Ese “atraso” dáse en todos os ámbitos e a min paréceme un aspecto moi interesante da película porque crea un contexto apocalíptico maravillosamente distinto: a casa na que vive Cooper cos seus fillos e o seu sogro non parece distinta de calquera vivenda rural característica dos tempos da Gran Depresión, a forzosa ruralización das sociedades tamén lle confire certa antigüidade a ese futuro, nin as escolas nin a NASA parecen ter o que nós entendemos por medios e as tormentas de po que todo o avasalan dan a estocada final, dando a impresión de que o mundo enteiro é como un gran moble que leva moito tempo sen limpar e ao que xa non lle sae a cotra. A ambientación para min é máis que correcta e semella metafórica ao tempo que premonitoria.


Aínda que nos primeiros minutos de Interstellar Nolan parece posuído polo espírito de Spielberg (nenos que quedan sen pai), o primeiro nome que nos vén á cabeza nun filme plagado das máis diversas influencias é o de Stanley Kubrick. Ben é sabido que Christopher Nolan non ten nada de humilde e a propia magnitude dos seus proxectos, que sempre son grandes proxectos, recorda ao mestre neoyorkino. Interstellar pretende ser o 2001: Unha Odisea do espazo do século XXI, algo que se nota a leguas. O poderío visual que exhibe con esas imaxes “quita-impos” nas que non hai nada máis que inmensidade, xa sexa a do espazo ou a de calquera dos planetas aos que chega a expedición de Cooper (nada máis que auga ou nada máis que xeo) lévanos a pensar nas máis memorables escenas de 2001. O tramo final de Interstellar é facilmente equiparable co de 2001 aínda que Nolan careza da solemnidade de Kubrick e Kubrick carecese por completo da axilidade que é máis propia de Nolan. Incluso nalgún momento a música (magnífica partitura de Hans Zimmer, por certo) trata de asemellarse a eses acordes disonantes tan perturbadores que amenizaban a alucinada viaxe de Bowman en 2001. A sombra de Kubrick está en todas partes e así o recoñeceu o propio director, quen non por iso renuncia a deixarse influír por obras máis “terrenais” coma os blockbusters dos anos 80 (de aí a nostalxia por grandes logros como a carreira espacial). E, se vistes a película, darédesme a razón en que o tal TARS é un híbrido entre R2D2 (porque é simpático e encaríñaste con el) e Hal 9000 (polo seu escaso antropomorfismo, simplemente, non dá tan mal rollito).

Para min, Nolan só decepciona nun aspecto: esperaba que arriscara un pouco máis coa montaxe e que non construíse un relato tan lineal cronoloxicamente falando (sobre todo tratándose dunha película que trata de desafiar ese continuum). Vale, sei que xa existe suficiente risco de perdernos coa película tal e como está ordenada pero seguramente unha disposición diferente e ben orquestrada (Nolan pode facelo sen despeitearse, estou convencida) engadiría aínda máis emoción ao asunto.


Non me gusta falar dunha película sen mencionar o traballo actoral, pois, aínda que pareza que nunha épica espacial tan grande os individuos pasan desapercibidos, para nada é así. Discrepo con aquelas voces que xa reclaman un segundo Oscar para Matthew McConaughey por este filme pero debo admitir que está soberbio nun papel que nun principio semella máis convencional que o traballo que lle deu premios e gloria despois de tantos anos de carreira (facendo merda e sendo un cacho-carne, anoto), a recomendable Dallas Buyers Club, ou o seu aclamado investigador rariño da serie True Detective. Logra destacar entre tanta perfección técnica e aporta credibilidade e un gran equilibrio a un personaxe, que, aínda que os distintos trailers promocionais da película parezan transmitir o contrario, non é o gran heroe americano que vai salvar a toda a humanidade porque os seus collóns o valen, non, para iso xa temos a Bruce Willis en Armageddon. Por outra banda, Nolan debe ter un puto problema cos personaxes femininos, debe adoecer de misoxinia ou algo polo estilo (paradoxal tendo en conta que é a súa señora a que pon a pasta para os seus filmes) porque ou son irrelevantes (O truco final, a saga Batman) ou están algo perturbados (Orixe). No caso de Anne Hathaway neste filme hai unha especie de mestura das dúas circunstancias: parece que está na nave para cubrir a cota en plan lista electoral e o seu xa moi debatido monólogo sobre o amor colócaa, non sei se deliberadamente, nunha posición de inferioridade con respecto aos demais personaxes perante ao espectador, que di “en serio acaba de esgrimir isto como argumento para ir a un planeta ou outro?” Non deixa de ser tópico poñer iso en boca dun personaxe feminino (que se somos máis emocionais e menos racionais, bla, bla, bla), por moito que ao final da película Nolan nos diga case que o amor é cuantificable, sería impensable para o 99% dos guionistas do orbe (estatística rápida) que esa mesma disertación saíse do personaxe de McConaughey, que,  por outro lado é quen leva ás costas a traxedia persoal máis fodida de toda a película. Cambiando de terzo, supoño que a veces o impresionante primeiro plano de Jessica Chastain (actriz de beleza monumental) impídeme fixarme debidamente na súa actuación, mais a súa calidade é indiscutible e, a pesar do seu éxito relativamente tardío, é unha das mellores intérpretes da súa xeración. O carácter secundario (non por iso menos importante) do seu rol quítalle algo de brillo, mágoa porque é estupenda. E, coma sempre, Michael Caine cumpre, por algo é o actor fetiche de Christopher Nolan.


Posiblemente teñamos enriba da mesa unha das mellores películas do ano, incluso unha seria competidora na carreira polos Oscar, aínda que Christopher Nolan semella demasiado abstruso para a mentalidade dos académicos. Por iso non podo deixar de animar ao respectable a que vaia vela porque, guste máis ou guste menos, realmente vale a pena. Vale a pena porque é un espectáculo que ha de gozarse forzosamente nunha sala de cine e porque gracias ao ente pagán que sexa existen cineastas como Nolan que realmente teñen algo que contarnos e que non deixan indiferente a ninguén.


luns, 3 de novembro de 2014

Os meus preferidos do Youtube (I): Monstruosidades culinarias


        Con tanta sección nova non dou abasto pero, como dicía o cómico, a cabeza non para. Quen me coñece ben sábeo. Sempre o digo e sempre se me enche a bocaza que teño cando o digo: podo vivir sen Facebook, sen Twitter ou sen Instagram (de feito, non teño conta nesta última rede social) pero non podo vivir sen Youtube. Dende finais da década do 2000, mesmo cando tiña internet de manivela e o ADSL era unha realidade do máis exótica para min, sinto a imperiosísima necesidade de acudir polo menos unha vez ao día a este marabilloso portal de vídeos para coñecer a sacra verdade revelada dos internetes en formato audiovisual. Co tempo, comecei a confeccionar a lista dos meus imprescindibles, canles máis ou menos “molonas” que para min son case palabra de Deus.

Por suposto, dentro desa selección hai un bo puñado de vídeos ou canles dedicadas á cociña, unha das miñas afeccións e que trato de cultivar da forma máis autodidacta posible, sen xurados con “potocentas” estrelas Michelin que me humillen ante millóns de espectadores para que evolucione da bazofia á delicatessen. O problema é que o nivel pedagóxico dalgúns vídeos é máis que discutible: no canto de ensinarche a facer ben unha lasaña, empúrrante a perpetrar contubernios imposibles e cópulas máis condenables para a moral humana que calquera dos duetos de Pitbull ou a crear sabores infames que te levan a unha maior indignación que a que debeu asaltar a Kim Carnes cando lle dixeron que no seu cachiño en solitario de We Are The World só tiña que cantar dúas putas palabras e, encima, as dúas monosílabas (non mo credes? Comprobádeo clicando aquí).

Boeno, xa acabo coas metáforas musicais e vou ao gran. Porque a gastronomía tamén é cultura ou, polo menos, cuestión de culturas. Con todos vostedes, o ranking das maiores ignominias gastronómicas de Youtube, monumentos á estulticia culinaria capaces de convertir calquera das "guarrindongadas" de Robin Food en pratos do máis normaliño.

1.      Salchipasta

A tal Pepa que dá nome a este canal de cociña, Las recetas de Pepa, ten pinta de ser a típica avoíña entrañable que ceba á súa ampla prole domingo a domingo e á que un día, pode que sabiamente ou pode que non, un dos seus fillos convenceu para explotar todo o seu potencial culinario nas redes, intentando que todos nós amemos a tradición e o sabor puro da súa cociña do mesmo xeito que os seus achegados. Non lle vou negar a Pepa que posúa un don como outras tantas mulleres do estado español que se deslombaron toda a vida alimentando na rapazada como parte de outras tant(ísim)as labores que se lles obrigaba a realizar implicitamente logrando, pese a todo, acadar e manter un moi notable saber na cociña, iso que agora en Masterchef se coñece como “ter man”.

PERO! (Porque sempre hai un pero) Un (mal) día, algún dos asesores de Pepa debeu entrar en Instagram e logo debeu falarlle das bondades da nova cociña da posmodernidade estudantil, que inclúen a elaboración da primeira monstruosidade da lista: A SALCHIPASTA! Un horrible coito entre salchichas e spaghetti que, segundo di a propia Pepa, cuxo corpo foi tomado por un invasor extraterrestre, claro está; “es un plato muy original para los niños”. Terror! Salchichas industriais cocidas, unha das cousas que máis desprezo nesta vida! Tanto custa respectar a sublime insalubridade do produto? Unha salchicha por definición vai frita ou á grella, non vas mermar o seu aporte calórico e graxento nin a vas dignificar por moito que a metas en augha fervendo! Boeno, e o que xa é o colmo dos disparates é furala cuns spaghetti... Quedará graciosete, si, pero nada máis. 

Por certo, algúns dos detalles formais do vídeo non teñen desperdicio, como a cabeceira estilo 13TV ou algúns efectos de son. Anímovos a que vos marabilledes tamén con iso.

                                       

2.      Pastel de carne e tortilla de pataca

Vale, o seu acentiño asturiano é do máis rebonico (non sei por que teñen tan mala prensa os asturianos, creo que despois dos andaluces é o pobo do que máis veces oín falar mal a causa do seu acento, nunca me explicarei os misterios da intolerancia e a ignorancia) pero Isasaweis, como se fai chamar na súa canle de Youtube, provoca indixestión con algunha das súas receitas xa sen ter que probala. A atrocidade da que falarei a continuación non será a última nin a máis espantosa da súa canle, así que vaian preparando un barril de manzanilla se queren sobrevivir á lectura.

O peor de todo é que xa empeza en ton “acusica” a tipa cunha frase de espírito moi “hijoputista”: “esta receta me la enseñó un chico que cocina de maravilla”. Claro, lavando as mans coma Pilatos, así calquera! O caso é que o prato en cuestión componse dunha capa de tortilla de pataca (cuxas patacas van ao microondas, como non, primeira opción dos falsos profetas da cociña sa e hipocalórica), unha “intercapa” de pementos de piquillo e queixo e, por último, carne picada. E todo “rebozado” cun cento de lonchas de bacon que se torran e desgraxan debidamente dentro do molde coa calor do forno. Hai unha teoría que di que empeza a soar espontaneamente Rammstein na túa cociña se intentas facer este prato, concretamente Du hast. É demasiado de todo, demasiada mezcla de alimentos xa de por si pouco suaves... Ideal para os vascos que saen nos chistes, vamos, falta meter un chuletón para decorar!

                                       

3.      A Absolutely ridiculous burger

Unha preciosidade de nada máis e nada menos que 86 kg que converte en receita de Saber Vivir ao pastel de carne e tortilla. Intentar comela parece máis unha escena de Saw que algo pracenteiro e digno de gozar, feito ao que normalmente se asocia unha boa comida. E este tipo de retos gastronómicos para idiotas que tanto gustan na América de arriba son ideais para o meu adorado Adam Richman, o tipo máis inconsciente que se viu na pequena pantalla desde calquera dos alpinistas que saíron en Al filo de lo imposible. Richman, que tanto lle dá a unhas ás de polo superpicantes como a un burrito de tonelada e media, decidiu asumir este reto colectivo na segunda temporada do seu programa Man vs. Food, que todos coñeceredes mellor coa fidelísima tradución española do seu título: Crónicas carnívoras. Para tal empresa, rodeouse do máis granado (e tarado) da cidade na que se pode degustar este “manxar” de nome traizoeiro, mesmo uns fulanos disfrazados dos Kiss! Evidentemente, non foron capaces de acabala. O sitio do dono do restaurante de Detroit que ofrece este diplodocus das hamburguesas claramente é Conxo.

                                       

4.      Roliños de primavera

E pensará o respectable: que teñen de malo uns roliños de primavera? Son a cousa máis inofensiva do mundo! Certamente, sempre e cando os degustes no restaurante pseudochino máis autenticamente cutre da túa cidade (case sempre son conxelados) pero como te poñas nas mans do cociñeiro que lle fai publicidade en Youtube ao Alimerka (unha cadea de supermercados asturiana pouco coñecida por aquí) sal correndo! O que fai durante os 15 minutos que dura o vídeo da receita non ten puto sentido, pois non utiliza ningún, NINGÚN, dos ingredientes necesarios para facer o prato e chamarlle roliño de primavera a esa cousa que mete na tixola e quedarse tan ancho debería estar tipificado como delito no código penal. En Teixeiro hai xente presa por moito menos. Non se pode esperar nada dun fulano que comeza a súa videoreceita co típico chiste racista que fai que as coñas de Arguiñano sexan humor intelixente.

                                    

5.      Paella e gazpacho

Dúas realidades contra as que se perpetran verdadeiros atentados día a día nos internetes (boa conta disto xa a deu o Comidista nun par de posts antolóxicos que vos recomendo aquí e aquí). Eu, en concreto, voume centrar nas receitas que de ambos pratos nos ensina a italoamericana Laura Vitale, unha tipa verdadeiramente estomagante (esa forma de dicir hi, guys! ao principio de cada vídeo cun sobreagudo estatrosférico podería utilizarse como tortura en Guantánamo) que non debe cociñar nada mal pero cuxo coñecemento da cociña española é igual ao que eu posúo das linguas yupik. Con dicir que á paella lle bota chourizo (e todo o que debe ter na cociña, non lle bota magdalenas porque non lle cadra) sen deixar en ningún momento de meneala coma se fose un risotto e que deixa o gazpacho a medio triturar facendo que pareza un vómito, xa o digo todo.

                                     


Seguro que a torta de coco azul que describía Rober Bodegas no seu monólogo tiña mellor pinta que isto...

                                      

6.      Torta salgada vexetal con pan de molde

Un macrosandwich ao que a condutora da canle Recetas de cocina lle bota indiscriminadamente todo o que ten a man no frigorífico. Un totum revolutum que nos mostra coa escusa de que é un prato ideal para facer cos nenos e para regalar no día do pai. Descoñezo que clase de proxenitores quererían recibir como recoñecemento á súa labor paterna ou materna unha pila de rebandas de pan de molde nas que se aglutinan varias clases e conceptos de sandwich que non pegan moito e cuxo fío condutor son toneladas de maionesa e keptchup. Ao mellor estoume pasando e tampouco é para tanto, pero para min a “torta salgada” é digna merecedora de estar nesta lista de monstruosidades.

                                       

7.      Torta de Ferrero Rocher

Unha perturbada de nome Loli, que todo o que fai na cociña ten unhas proporcións titánicas, decidiu celebrar as 10.000 subscricións á súa canle de Youtube por todo o alto elaborando unha torta enorme que emulase a forma dos famosos bombóns que noutrora anunciaba a moi divina Isabel Preysler (cunha musiquiña moi "porno-Bershka" e moi rallante, por certo). A verdade é que dá no cravo e consegue a forma case exacta do chocolate en cuestión pero no medio de tanta pirotecnia culinaria dubido que sexa posible atopar algo con máis “enjundia”. Súas son outras creacións tamén esperpénticas coma o Kit-kat xigante, a torta de galleta Oreo, o super Kinder Sorpresa ou un biscoito animal print (para cando Primark se anime a vender comida de deseño a prezos populares, vamos). Nada que non vexamos a diario nas actualizacións de adictos ao Instagram.

                                        

8.      Cachopo con canela

Gonzalo foi con diferenza o concursante máis prolífico da última edición de Masterchef, pois a súa habilidade para crear mal rollo entre os aspirantes e o xurado só era superada polo seu innegable, e supoño que innato, talento para converter a cociña nun pesadelo que consegue que os problemas de calquera restaurante dos que salva Chicote sexan plácidos soños. Este gran farsante da cociña dos nosos días, que non sei como foi quen de pasar os casting, firma creacións de vangarda coma a “crema de foie” como recheo para unhas alcachofas (a quen se lle ocorre triturar un fígado de pato cirrótico e quedar tan ancho?) ou unha dubidosa homenaxe ás luras en tinta de súa nai, triturando a tinta en cru e deixando un arroz branco máis mazacote que un cacho de hormigón armado. Pero o colmo do retraso mental culinario foi o seu cachopo (que xa de por si se non te mata faite máis forte) rebozado en froitos secos e cun punto de canela. Si, meus señores, a miña reacción foi coma a do célebre Pepe Rodríguez: CANELA AO CACHOPO???  Pero non abondou para que o chimparan á rúa, porque outro aspirante fixo un cachopo queimado, mais na escala das atrocidades non sei que é peor, se queimalo ou tratalo coma unhas natillas... Sinto ter que poñer o momentazo (coa reacción da "Güela" incluída) en hipervínculo. E, xa desviándonos un pouco de Youtube, se queredes ver o programa completo, vinde para aquí.



9.      Vieiras recheas de pescada e gambas

A miña cultura da vieira difire moito da do resto dos seres humanos (non concibo unha vieira cunha salsa de bacon ou xamón, por exemplo) e podería entender que o respectable non estivese de acordo coa opinión que me merece a violación que Isasaweis lle fai ao meu bivalvo favorito... Pero nada máis, a min isto paréceme unha puta aberración!

                                         

10.  Pescada rechea de tortilla e salmón

O título xa o di todo. E fírmao tamén a antes citada Isasaweis. Os ollos saíronseme das órbitas con cada un dos pasos da receita e berraba NOOOOOOOOOOO como Enjuto Mojamuto cada vez que movía un dedo para rematar este prato.

                                          

 Non se cansará esta muller de cociñar para trolls???

         Boeno, ata aquí a escolma de barbaridades non confesas levadas a cabo na súa maioría por xente aparentemente apañada á que se lle foi moito pero que moito a perola! Mais non quixera despedirme sen render unha sincera homenaxe á honestidade e poñer en valor as monstruosidades culinarias de facto que tamén o son na teoría (e queren selo). Aviso: precisaredes un lavado de estómago xa sen probar bocado, pois ver calquera destes dous vídeos é peor que tomar unha infusión de sosa cáustica!