E creo que non faría falta engadir nada máis a isto. Pero
o que fixo Tess na pasada fin de semana é tan admirable e tan importante que é
necesario poñelo en valor. Unha e outra vez, as veces que faga falta. E non,
non frivolizo coa súa figura ao incluíla nun espazo que reservo ás miñas
heroínas, todas elas polimorfas pero sempre libres e audaces.
Tess é muller, negra e sueca. Non sei se ela ordena estes
conceptos do mesmo xeito á hora de definirse a si mesma pero seguro que tivo os
tres moi presentes cando lle botou ovarios e se chantou co puño en alto ante
300 militantes do Movemento de Resistencia Nórdica (partido sueco de clara
filiación neonazi) que se manifestaban polas rúas de Borlänge no primeiro de
maio. Nun acto evidentemente simbólico pero igualmente valente, Tess non
vacilou. Ela afirma que se deixou levar pola rabia e o terror que lle
produciron ver unha marcha (legal e permitida, ollo) dun grupo de xenófobos e
racistas que queren ver a todos os que son coma ela fóra de Suecia (no menos
grave dos casos), case como se iso lle restase valor e significado ao seu
extraordinario xesto.
Brava, bravísima Tess. Es tan brava que somos indignos de
ti. Ti rompiches con moitas das cadeas que nos teñen presos nesta Europa feita
farrapos, infestada de xente insolidaria e egoísta, enclaustrada na súa pérfida
conciencia e asolagada pola desidia dos seus concidadáns. O teu é viral, ten
que selo, e case é de película pero dou grazas á vida porque sexa real. Dou
grazas por erguerme unha mañá coa noticia da túa mirada desafiante e o teu
brazo ergueito contra o odio, a intolerancia, a irracionalidade e o peor de
todos os nosos males, a indiferenza. Non te desculpes por non permanecer
impasible ante o desfile dos que cantan ao horror, pois dese tipo de xente imos
sobrados. Non foi un impulso, foi coraxe. E prendiches unha lapa de esperanza
que boa falta nos facía.
Seguro que agora non faltará quen queira botarche merda
enriba dicindo que tampouco era para tanto ou que dalgún xeito non tiñas a
suficiente autoridade moral para facer o que fixeches porque existen máculas no
teu historial vital que non deben ser ignoradas. Intentarano todo para
quitarlle méritos á túa feliz ousadía, coma aqueles que cuspiron na fazaña
cotiá de Rosa Parks ou converteron nun pesadelo o ambicioso soño de Martin
Luther King. Mais confío en que permanezas fronte a eles co brazo ergueito e
que todos o ergamos canda ti.
Grazas pola túa forza e determinación, que tanto nos
alentan neste tempo incerto e escuro.
Despois
dun mes e pico de repouso relativo e penitencias varias, retomo ao vicio este
de mover os dedos compulsivamente contra os botonciños da computadora para
parir chorradas. E volvo do meu “retiro espiritual” para queixarme un pouco,
espero que con algo de razón, dun temiña que me ten un pouco farta. E non, non
vou falar do desgoberno do estado, nin dos papeis de Panamá nin da “peixeirofobia”
de Félix de Azua, por moita tela que traian calquera desas cuestións.
Non
creo que chegara a admitilo nunca nestas liñas, pero na miña sempiterna
tolemia, a miña afección (máis ben profundo amor) pola cultura clásica
transcendeu ao ámbito académico nun momento determinado da miña vida. Si, formo
parte desa case extinta lexión de parasitos e nerds que un día condenaron a seus pais a pagharlles unha carreira
que os vai levar de cabeza ao paro na tecnocrática sociedade actual: Filoloxía
Clásica. Aínda que non era máis ca un pexegho de 18 anos, era moi consciente da
lameira na que me estaba metendo. Durante todo este tempo tiven que aguantar en
cada comida familiar, quedada con amigos ou tropezos varios que se puxese a
proba tanto a miña intelixencia como a miña paciencia de xeito repetido: “E iso
para que vale?”, “Claro, queres ser profesora, non?”, “Pero iso non ten saídas”,
“Home, saber latín e grego está moi ben pero tes que pensar en comer o día de
mañá”... Pregúntome se a quen opta polas ramas máis extremadamente teóricas da
física e outras disciplinas científicas de escaso rendemento empresarial se
lles acosa con esta mesma letanía. Pero non me despisto: ao adentrarme neste,
por outro lado, marabilloso mundo do que sigo intentando non desprenderme a
pesar dos esforzos institucionais e sociais porque non quede nin un só
helenista ou latinista baixo o ceo azul, vin e soportei cousas aínda máis
aterradoras: que se poñan en cuestión gran parte das achegas da nosa
disciplina, unhas veces por parte dos propios colegas e outras por parte de
conspiranoicos de traxectoria profusa nas redes sociais.
É
un debate que está en constante reactualización, internet ten esa marabillosa
capacidade para sepultarte no esquecemento e logo recuperarte cunha virulencia
brutal. Este vídeo aparece e reaparece cunha certa frecuencia nos grupos
temáticos de Facebook dos que formo parte (case sempre como exemplo do que non
se debe facer):
É
case unha hora de tostón pseudoacadémico sobre a gran revelación científica do
século (polo menos así é como pretenden vendérnolo): as linguas romances non
veñen do latín!!! Durante séculos estivemos crendo e alimentando unha gran
mentira cuxo descubrimento vai derrubar un dos principais alicerces da
lingüística!!! Mi ma!!! Que ceghos estivemos e menos mal que unha señora que di
que sabe latín pero logo le “macarronicamente” unha inscrición nesa mesma
lingua veu abrirnos os ollos!!! Boeno, poñámonos un pouco serias e, como dicía
o Señor Lobo en Pulp Fiction, “non
empecemos a chuparnos as pirolas”. O vídeo de 57 minutacos protagonízano unha
tal Alicia Ninou, que se define como xornalista independente sen filiacións
ideolóxicas ou relixiosas de ningunha clase sen máis interese que chegar á
verdade (a súa páxina web títulase Time
For Truth, todo moi elocuente); e a entrevistada Carme Jiménez Huertas,
presentada como escritora e filóloga especializada en lingüística e tecnoloxías
da lingua. Aínda que o título (No venimos
del latín) nos tira xa un pouco “pa’ tras”, podemos pensar que tampouco son
dúas ignorantes sen máis e que pode valer a pena polo menos ver se defenden a
premisa con argumentos máis ou menos convincentes. Pois resulta que non. A
entrevista convértese nunha lección maxistral construída sobre afirmacións
insultantes e ridículas, o cal ten aínda máis delito cando a entrevistada
afirma sen pudor que a gramática histórica inventa todo tipo de explicacións
rocambolescas sobre a evolución das palabras do latín ao romance para forzar o
seu encaixe na premisa de partida, entre outras perlas. Para a señora en
cuestión (que ten libro e todo sobre a historieta esta), o ibérico é a nai de
todas as cousas aínda recoñecendo que está sen descifrar, os romanos non
falaban en latín (WTF?) e “la gente no esperó a que vinieran los romanos para
aprender a hablar” (claro, a lingüística indoeuropea é un recreo que non está
aí para explicar gran parte do que houbo antes, porque ninguén nega que houbese
algo antes aínda que non se saiba con exactitude que era ese algo). Ah, e por
suposto, o sistema académico é unha organización escura e sectaria tomada por
mentes perversas e retorcidas que non queren que saiba a verdade. Grosso modo, esta é a mensaxe que se nos
traslada.
Realmente
o que me cabrea non é que se poña en tela de xuízo todo isto, senón que se faga
así, sen que existan evidencias palmarias que permitan contestar o que dende
hai moito é aceptado como feito, cunha total falta de rigor, recorrendo a un
argumentario tan falaz e terxiversando a información ata límites insospeitados.
E todo iso, presumindo de que se é filóloga e falando coma se se estivese
enfrontando á santa inquisición da Academia. Mais as teorías da conspiración
non rematan aquí:
Sobre
este si que non vale a pena facer moitos comentarios, porque antes de chegar ao
minuto 1 xa nos damos conta de que non imos sacar nada en limpo. Todo moi digno
dun Cuarto Milenio serie Z. Eu quero
o que fumou este señor, que non é filólogo, nin físico nin nada que se lle
pareza pero desenvolveu el soíño unha “teoría do todo”. Iso si, as risas que
botas, non hai mastercard que as
paghe...
E
por último, e xa paro porque me podo sobresaturar con tanto intrusismo aborregado, está este “majete” que copia
e pega do primeiro vídeo cunha retórica un pouco menos académica...
Vale,
seguramente ao común dos mortais lles pase coa orixe das linguas romances o que
lle pasaba a Pepe Rubianes coa unidade de España (en serio fai falta
recordalo?), mais creo que vale a pena traer estas cousas a un blog en principio máis lúdico por unha
cuestión fundamental. Nos últimos anos semella que o coñecemento humanístico
está moi limitado pola súa metodoloxía e alcance e sobrepasado pola súa beleza.
Moitos coinciden, cunha positiva falsidade, en que o latín e o grego son
linguas moi bonitas, que disfrutaron moito lendo a Homero e que a historia de Roma
é apaixonante. E todo isto só é un pasatempo delicioso do que non cabe esperar
nada máis, e non é así. Considero que calquera dos tres exemplos antes expostos
desminte o argumento de que somos prescindibles. É máis, nunca fomos tan necesarios.
Nesta novísima era na que xa acadamos o mañá, na que só estamos a un click de acceder ao saber e na que se
nos implantou a conciencia de que nos enfrontamos a grandes retos, nós aínda
temos algo que dicir. Temos algo que dicir aos lexisladores que nos queren
condenar ao ostracismo educativo, temos algo que dicir aos profetas do
posmodernismo que tanto che poden dicir que Darwin papaba estramonio como que viñemos
dos reptilianos, temos algo que dicir tamén ao acomplexado mundo académico, ás
universidades e centros de investigación que cada vez se encerran máis en si
mesmos e se senten tan a gusto no gueto; temos algo que dicir a toda a xente
que nos recrimina a nosa condición de filólogos coma se fosemos fósiles dun
tempo que xa non existe, temos algo que dicir a todos aqueles que permanecen
presos da súa propia ignorancia e pretenden que formemos parte desta estulticia
tecnócrata na que se converteu o mundo.
Os que descoñecen este mundo non se fan unha
idea, nin sequera remota, do que aínda queda por facer. Hai tantos textos sen
traducir, tanta literatura, tantos achados arqueolóxicos por investigar, tan
inxente legado por preservar e coñecer... Que todo isto non valla para arranxar
unha billa non quere dicir que non sexa “útil”. Dende logo, alguén debe facelo,
é posible que non precisemos unha fornada de 200 filólogos clásicos en cada promoción
(de feito, non os precisamos) pero si seguimos estando moi necesitados deses 20
ou 25 valentes que lle botan ovarios e collóns e case coma os espartanos das
Termópilas, tendo todo e a todos en contra, deciden que queren dedicarse a isto,
deixar atrás o vitimismo que incluso nos inculcan os nosos propios mestres e
encararse con este mundo hostil facendo valer unha profesión e un modo de vida
tan aceptable e respectable coma outro calquera. Talvez esta apoloxía sexa indigna da miña amada vocación e estea pedindo a berros o meu groliño de cicuta coma Sócrates, mais penso que o que defendo non é pouco razoable (se cadra limitado e mesmo tópico pero non sen razón).
“Si,
si, un discurso moi bonito pero todo isto para que segue servindo?” Pois entre
outras cousas para que poidas defenderte dos que pretenden que tragues con iso de que
viñeches dos reptilianos...
A
última vez que lle dediquei unhas liñas a Jordi Évole, nalgún momento máis
coñecido coma o Follonero, fíxeno con entusiasmo e boas vibracións. Hoxe fágoo
tamén pero con reservas, reservas que agardo non caian no averno da rexouba
endémica daqueles imbéciles e escuros (perdoen a pouco eufemística cita
pondaliana) que adoecen por malinterpretar, retorcer e terxiversar
absolutamente todo o que pasa polo filtro das súas eivadas neuronas.
O
pasado domingo regresou Salvados, o
célebre programa da canle estatal a Sexta, propiedade dun dos holdings da comunicación máis grandes
deste país. Nestes tempos tan difíciles e tenebrosos nos que o bo xornalismo, o
entretemento de calidade e a comunicación pedagóxica son unha quimera, o
devandito programa presentado por Jordi Évole pode presumir de ser unha rara avis, sempre e cando non afoga na
ebriedade do seu éxito. Nos últimos anos, déronlle ás eléctricas e demais ogros
empresariais sen escrúpulos ata no carné de identidade, seguiron afondando na
pantasma da crise, asumiron a responsabilidade de narrar a crónica política en
detrimento dos seus voceiros habituais e acadaron a gloria definitiva coas súas
entrevistas estrela (nunha delas mesmo se atreveron a sacar en horario de máxima
audiencia o testemuño dun etarra arrepentido). E desta vez voltaron coa pompa e publicidade habituais pero cun tema de
gran complexidade cuxo tratamento por parte de medios, lexisladores e sociedade
en xeneral dista moito de ser o axeitado: a violencia machista.
Vin
o programa. Sabor agridoce. Hai cousas que me gustaron moito, outras que
simplemente me gustaron e outras que non me gustaron nadiña ou que mesmo me
arrepiaron. En primeiro lugar, cómpre aplaudir a valentía dos responsables do
programa, por moi irónico que isto poida ser falando do grupo Atresmedia. O
titulo escollido para esta entrega xa era unha pequena gran vitoria: O machismo mata. As expectativas só
podían ser colosais, parecía que por fin un programa de gran sona e
recoñecemento ía poñer enriba da mesa o plantexamento definitivo da cuestión,
explicando todas as causas de raíz e sen quedarse na punta do iceberg con esa
cabeceira tan tallante e rotunda. A cousa quedou un pouco a medias e máis nun
quero e non podo que nun retrato verdadeiramente rigoroso e sen
sensacionalismos varios de como funciona a violencia machista. E tratarei de
explicar porqué.
En
primeiro lugar, Évole entrevista a unha xuíza especializada en casos de
violencia machista despois de asistir a unha sesión na que se lle toma
declaración a unha vítima desta violencia. Entre tanto argot xurídico, anécdotas e demais avatares, o relato da maxistrada
desemboca nunha conclusión que non todos parecen aceptar: a lei en si mesma non
é problema, o problema é a súa aplicación. A falta de medios e de garantías
para as vítimas que se deciden a dar o paso e denunciar son a verdadeira lacra
dun sistema xudicial moitas veces incapaz de facer fronte ao terrorismo
machista, sen culpar ás mulleres que non denuncian nin lindezas polo estilo que
tantas veces se escoitan nos telexornais cos cadáveres en quente. E si, a xuíza
é a primeira en dicir que os casos de violencia machista deberían ter un
tratamento similar ao terrorismo porque en definitiva son unha forma de
terrorismo. Empezamos a usar termos usualmente vistos coma tabúes e
esaxeracións. Moi ben. Cal é o problema? Que non se afonda nisto, non chegan a
quedar claros os motivos polos que falar de violencia machista como unha forma
de terrorismo é máis que apropiado a pesar de que se incida nunha cuestión
fundamental: o persoal é político e este é un problema que atinxe a todos.
Mesmo ten que chegar a recordar que calquera persoa que presencie un acto de
violencia machista, non só a vítima, pode e debe denunciar. E aplaudo
efusivamente que desmontase o manido argumento das denuncias falsas. Porén, a
entrevista remata case de socato deixándonos coa sensación de que hai algo que
non se acabou de esclarecer.
Por
iso depositamos as nosas esperanzas no seguinte testemuño, un psicólogo que
traballa en terapias con aqueles que exerceron a violencia machista na súa
expresión máis crúa e visible e con condenas ás súas costas. Posiblemente sexa
esta a entrevista de maior calado de todo o programa. Entre preguntas sobre a
conveniencia de que estes “programas de rehabilitación” de maltratadores
machistas conten con financiamento público e máis recursos ao anecdotario, este
psicólogo por fin dá co quid: quen
exerce a violencia machista non é un enfermo nin ten ningún tipo de patoloxía,
a súa conduta insírese nunha ideoloxía e nunha forma de pensar que se
corresponde co sistema patriarcal, un sistema social que o ampara e cuxa
influencia se estende a medios de comunicación, sistema educativo, familia,
etc. O mesmo patriarcado que impón dende a máis tenra infancia que os homes non
choran, que os homes son valentes e fortes e que os homes teñen unha posición
predominante con respecto á muller polo mero feito de teren nacido homes.
Incluso chega a dicir sen pudor que os homes son analfabetos emocionais, porque así foron educados dende o berce. Todas estas
ideas deslízanse cunha gran sutileza pero cunha enorme claridade, hai un
problema de raíz que é social e político (oseasé, de todos e non só de dous) e
que non se reduce ás hostias. Gústame este testemuño por unha razón creo que de
peso: por fin se destaca a importancia de desterrar do sistema educativo e
familiar o canon pedagóxico patriarcal que ao primeiro que dana é a quen logo
torna en agresor, converténdoo nese tolleito emocional que no futuro é incapaz
de ter unha relación equilibrada e sa nin coas súas parellas nin co mundo que o
rodea. En definitiva, a violencia machista non é un problema que agromase no
mundo así por que si e case de casualidade, senón que ten a súa causa directa
no sistema patriarcal. O dito, a entrevista é curta pero a máis reveladora do
conxunto.
A
terceira entrevista protagonízaa un maltratador que por vergonza (e imaxino que
pola mesma covardía que o levou a cometer todo tipo de barbaridades, pero isto
só é unha apreciación miña) non quere dar a cara. Évole diríxese a esta sombra
para indagar na psique do violento e chegar á outra cara da moeda. Está ben que
se inclúa tamén esta perspectiva, non por parecernos algo horrendo e
aborrecible deberiamos deixar de contar con ela, pois, como se recordaba nas
entrevistas anteriores non falamos de monstros sen máis nin enfermos mentais,
non hai unha única faciana nin un retrato robot do maltratador, pódense atopar
en calquera rango de idade, estamento social, etc. Porén, resulta un relato un
tanto superficial, talvez non poida ser doutro xeito tratándose dunha persoa
que apenas está comezando a descubrir ata que punto ten un problema. Recoñece
que é machista e recoñece o dano causado mais a confusión e a autocompaixón
tamén impregnan o seu testemuño.
Chegamos
ao último tramo do programa dedicado a Marina, unha supervivente (ela prefire
autodenominarse así no canto de vítima) da violencia machista. Esta rapaza
viviu nas súas propias carnes unha ringleira de actos violentos que comezaron
polo máis sutil e simbólico ata as brutais agresións psicolóxicas, físicas e sexuais. Agora pode
contalo e válese desa mesma experiencia para axudar a outros a non caer,
comezando polos adolescentes, sempre tan sensibles a determinado tipo de mensaxes.
Nos seus talleres cos mozos e mozas, desmonta tópicos, conta a súa historia e
axúdalles a detectar condutas e indicios. Unha labor encomiable e un esforzo
case heroico que non debemos deixar de recoñecer aínda que poidamos non
concordar ao cen por cen coas súas opinións, por exemplo (e non quero crer que
esa fose a súa intención) pero tal e como o di podería parecer que as cifras de
mulleres asasinadas cada ano perden certa relevancia en comparación coas que
non se sabe que saíron felizmente dese burato, e dende a miña perspectiva non é
moi prudente dicilo así. Mais iso non desmerece o seu testemuño nin o seu
loable traballo e a escena do taller que leva a cabo coa mocidade é, sen
dúbida, o máis agradecido de ver nun programa no que ata agora só vimos sordidez
e realidades pouco esperanzadoras.
O
programa é moi interesante e amosa unha intención real de intentar mostrarnos
todos os puntos de vista, aínda que fracase en parte ou teña éxito
parcialmente, depende de como se mire. E como, desgraciadamente, se evolucionou
máis ben pouco no asunto, pode que sexa necesario seguir repetindo as mesmas
consignas. Pero por que non arriscar un pouco máis? Por que non dar un paso
máis alá e amosar a relación que gardan entre si todos os elementos? Menciónase
a expresión “sistema patriarcal” no primeiro treito do programa para logo
esquecernos dela e de todas as súas implicacións, e xa non digamos citar a
palabra maldita, “feminismo”, nalgún momento das entrevistas, a cuxo caudal teórico
non se recorre xamais como parte do remedio a prol de acadar a igualdade plena
e real (supoño que os supers de
Atresmedia así o quixeron, sería demasiado “radical” para eles). Para min
faltan moitas cousas e sen querelo, porque se ve ese propósito totalizador que
busca abranguer e non illar, acabou amosándose só a punta do iceberg e algúns
rematan sendo, paradoxalmente, salvados polo analfabetismo emocional. E cómpre
ir alén de todo isto, que está ben e pode ser útil, pero segue sendo a
todas luces insuficiente.
Non
por isto deixo de recomendar esta última entrega de Salvados (dispoñible no sitio web Atresplayer), precisamente por necesaria, porque hai que seguir falando
destas cousas. Iso non quita que dende un punto de vista, que intentou ser
construtivo e non destrutivo, eu vise cousas que me “chirriaron” un pouco, tomando por iso a palabra con esta "crítica" e considerando case imprescindible ampliar o que aquí se discute e trata. Espero
que outros medios tomen exemplo e se animen a seguir profundando no debate e na
discusión (rigorosa e non amarelista) acerca deste gran problema que debe ser
erradicado.
Coa que está caendo, a maioría dos opinadores
profesionais dos internetes e demais medios de comunicación masivos adoitan e prefiren
poñerse solemnes, pedantes, moralistas, aleccionadores e estupidamente
rimbombantes. Talvez o que eu considerei oportuno facer a propósito dos
recentes e fatais acontecementos nunha e outra parte do mundo non sexa mellor
que todas esas grandes contribucións á estulticia humana (selfie de Herrera incluído), pero vaime permitir, polo menos,
desmarcarme un pouco de toda esta fauna, aínda sabendo que a morte e o terror
nunca poden deixar indiferente a ninguén por moita sensatez que unha intente
poñerlle ao asunto.
Xa levo feito varios posts
queixándome sen moito paliativo da degradación da miña especie, que semella
que pola súa propia natureza tende á autodestrución. Por iso considero
innecesario e irrelevante seguir repetíndome na obviedade de que estamos
tolirmos da cabeza e que isto non vai nin pode acabar ben, de modo que busquei
refuxio na literatura, o único invento humano no que sigo confiando plena e
cegamente. O que ocorreu fíxome volver a miña mirada á historia, á traxedia e a
Esquilo. Dun xeito case inconsciente, aínda que non inocente, posto que non hai
moito que tiven que reler Ospersas por outros motivos máis
académicos. E o certo é que non se me ocorre mellor momento para recomendar a
súa lectura ca este.
Corría o ano 472 a.C. Atenas ferve nun ambiente de
euforia que non se pode comparar a ningún outro momento anterior na historia. A
derrota do inimigo bárbaro nas Guerras Médicas é un feito e a cultura de
celebración que xorde arredor dese fito deixa unha notable pegada artística
que, afortunadamente, chega aos nosos días como monumento para o noso disfrute
pero tamén como documento para dar coas claves do que foi. E a traxedia tamén
se suma a esta cultura de celebración dun xeito insólito, posto que cando este
xénero decidira tomar como referencia para as súas tramas feitos do pasado
recente e non do pasado mítico e heroico sempre fracasara. Claro exemplo é o de
Frínico e a súa Toma de Mileto, que
por desgraza non conservamos e, segundo nos conta Heródoto, fixo que o
auditorio horrorizado botase a chorar sen moito consolo. Porén, o momento era
excepcional e Esquilo, o máis grande traxediógrafo do seu tempo e do que
conservamos sete obras magníficas obras, decide poñer o seu (enorme) gran de
area coa traxedia Os persas, na que
se narran as consecuencias da vitoria helena e a derrota aqueménida en Salamina
dende o curioso punto de vista dos vencidos. E digo curioso porque falamos dun
autor grego dando voz aos persas, aos bárbaros, aos que perderon, polo que se
entende xa sen comezar a ler que os protagonistas da historia non saíron moi
ben parados.
Os persas de
Esquilo comeza dun xeito moi canónico a pesar de ser unha traxedia que aínda
hoxe en día lemos como esa rara avis do
seu xénero por facer referencia a un acontecemento real e moi presente na
memoria colectiva dos atenienses. O coro é case omnipresente, coma en todas as
traxedias deste autor, e ese mesmo coro é o que presenta a historia ao
auditorio, citando un por un aos grandes caudillos da expedición persa en
Grecia e loando ao exército comandado polo rei Xerxes, cuxo éxito ou fracaso
aínda se descoñece. Nisto, aparece a raíña (sempre se deduce que é Atosa, a
esposa do anterior rei Darío, pero nunca se chega a utilizar ese nome na obra),
inquieta por un soño no que ve de forma alegórica a caída do seu fillo Xerxes na
batalla de Salamina, algo que lle confirma un mensaxeiro que anuncia que os
persas foron derrotados. Mais Xerxes logra sobrevivir, aínda que iso non minimiza o desastre, logo aínda máis
amplificado pola aparición da sombra do rei Darío, unha pantasma que no diálogo
coa raíña condena a ousadía do seu fillo no seu afán expansionista (Xerxes utiliza
todo tipo de artificios para cruzar o estreito que separa o Imperio Persa da
Hélade e iso na obra considérase un soberbio acto de ὕβρις). Cando a pantasma
de Darío se esvaece, entra en escena un Xerxes esfondado e humillado, coas
roupaxes desfeitas e o orgullo ferido, momento álxido dunha obra que acaba cos
lamentos do rei vencido e o coro de anciáns persas.
Vale, e aghora pensaredes que raio ten que ver todo isto
coa situación actual e co que está a pasar en Francia, Siria, Túnez, Líbano,
etc. Moitos dirán que o do choque de civilizacións é un exercicio de “buenismo”
máis que superado e a cousa que non vai de dicotomías cando o terrorismo (ergo, uns poucos fundamentalistas que só
pensan en dinamitar todo tipo de liberdades) se enfronta á “civilización” (a
democracia capitalista tal e como a entendemos por aquí). Eu digo que nin tanto
nin tan pouco. Evidentemente, négome a poñer a miña sociedade e o meu estilo de
vida á altura duns fulanos que están tronadirmos da cabeza e que non teñen
ningún reparo en matarse e levarte por diante. Pero tampouco quero eludir outras
responsabilidades que se sitúan no meu lado pero que non por iso son nin
considero miñas. Os terroristas non entenden de nacionalidades, nin de causas,
nin de xustiza. Pero ese ente que chamamos Occidente de forma moi etnocéntrica
tamén precisa unha némese, simbólica e a ser posible real. E iso é o que vén de
antigo e ese é o foco de actualidade que sigo vendo na traxedia de Esquilo.
O que quero dicir con esta reflexión próxima ao siloxismo
é que a raíz dos atentados que tantas conciencias sacudiron a mediados deste
mes, non se tardou en demonizar ao outro nin en buscar antagonismos
reducionistas a bos e malos. En definitiva, buscouse fomentar ese choque de
civilizacións que moitos din que non existe pero no que acabamos caendo. Tal e
como ocorreu na Atenas de Esquilo, o cal motivou a composición dunha gran obra,
cunha calidade indiscutible pero cuxo fondo era claramente patriótico e
supremacista. Os helenos pero sobre todo Atenas venceron. A democracia, a
liberdade (ou máis ben, o que eles entendían por democracia e liberdade) e o
seu modo de vivir pasaron por riba dun gran imperio bárbaro gobernado por un
monarca que trataba de equipararse a un deus (moitas das consignas post mortem que oímos dos nosos
políticos e cronistas rezan cousas similares). E había que lembralo. E que
mellor que poñer en escena ao tirano derrotado e farrapento para que a audiencia
contemplase con sorna a envergadura da súa vitoria? Pode que nós non escribamos
no futuro grandes dramas cantando á derrota do noso bárbaro contemporáneo (que
nada ten que ver con estes persas, seino), ou si, é cedo para saber como
rematará esta historia cíclica na que todo se bipolariza e todo é susceptible
de ser un inimigo, sendo imposible convivir nunha paz plena en ningún momento
da nosa historia. Pero xa estamos vendo nalgunha (im)prensa moita literatura
deficitaria que busca xogar ao despiste obviando a raíz do problema. Falsos e
arteiros aspirantes a Simónides ou Esquilo que polo actual estado das cousas
non poden celebrar nin lamentar nada e aínda así perseveran no erro.
Por outra banda, non podo deixar de sentir algo de mágoa
polos persas. Si, mágoa. Esquilo non os deixou en moi bo lugar. Nin Heródoto,
nin ningún autor alleo a eles que quixera plasmar os seus costumes e modos de
vida (xa non falemos de Frank Miller, con todo o atractiva que me poida parecer
a súa arriscada proposta estética na novela gráfica 300). E son esas as únicas fontes que temos á nosa disposición para
coñecer este fascinante pobo da Antigüidade. Seguramente non era o Imperio
ideal para vivir pero como cultura tamén deixaron o seu e esa pegada (e a das
culturas anteriores á aqueménida) tamén a queren borrar algúns dos que agora
pululan por aí liándose a paus sempre en nome dun Alá que, se é que existe,
debe estar moi ata o carallo de que lle canten vivas cos cadáveres en quente. Ese
oriente opulento, maxestuoso e excesivo non tiña cabida na mentalidade grega
das polis e por aquí tampouco collen na cabeza todas esas cousas que se
magnifican tan rápido como estouran as bombas e se baleiran os cargadores das
armas.
Supoño que o conto non cambiou moito. Somos distintos
pero non completamente desiguais, aínda nos podemos recoñecer en todo isto e
iso é parte da inmortalidade dunha obra que podería non ter pasado da mera
“propaganda” (utilizo este termo con cautela porque tampouco existía como tal
na Antiga Grecia). O desenvolvemento da traxedia para min é soberbio e marca a
senda que logo seguiría toda unha tradición de teatro histórico posterior
(véxase Shakespeare, por poñer un exemplo). Un personaxe que existiu, que foi
tan temido polos gregos, fictivízase como heroe tráxico que incorre en ὕβρις,
condenando a toda a súa nación para satisfacción dos veciños que lle fixeron
fronte. Hai momentos de poderosa intensidade dramática e solemnidade, como a
aparición da ánima de Darío, símbolo da experiencia e a sabedoría do poder pero
tamén voz do atenocentrismo que impera na obra, coma o mensaxeiro ou o coro
nalgúns momentos. Non por iso perde esta escena na que se anticipa a caída en
desgraza do seu sucesor Xerxes, que sofre nas súas carnes as fatais
consecuencias do destino como calquera protagonista tráxico pese a non
pertencer ao relato mítico.
E como todo artefacto que precisa a experiencia do lector
para enriquecerse e pasar a ser unha obra plena, Os persas coñeceu algunha que outra nova interpretación que dá
conta da súa rabiosa actualidade. E para ledicia nosa, en galego! A mediados
dos 90, Manuel Lourenzo deu forma a un monólogo cuxo título era idéntico ao da
traxedia de Esquilo e no que nos volvía contar a historia pero con algunha novidade
do máis sobresaínte. Unha obra breve, enigmática e de ton máis ben pacifista
que lle daba un pouco a volta á historia. Mágoa que sexa case imposible de
atopar fóra do ámbito académico, porque é unha auténtica delicia.
Supoño que isto é todo o que cabe nun comentario tan amateur pero que creo que vén ao caso.
Non sei se todos os que poidan ler isto o verán do mesmo xeito ca min, dubídoo (e algún seguramente pensará que a cousa está moi forzada),
mais non me parece oportunista nun momento coma este revisar un clásico de tal
envergadura. De seguro que iso non responde a todas as preguntas nin soluciona
nada pero penso que supón unha axuda para ir entendendo algo. Évos o de sempre,
procedemos dalgún sitio, tamén dos máis remotos, e ignoralo pode ser fatal.
Pero boeno, se isto serve para que unha soa persoa sinta ganas de botarlle un
ollo a esta traxedia, xa me dou por satisfeita. É doadiña de atopar, seghuro que buceando un pouco en internet xa se atopa unha copia, é o bo que ten ler obras sen dereitos de autor.
Canto
me tivese gustado regresar neste luns de setembro anegando de parvadas estas
páxinas virtuais nas que de cando en vez me concedo o furtivo pracer de
garabatear un pouco. Pero semella que se abriron as cancelas da miña
conciencia. Non é a primeira vez que me sucede, mais o proceso neste nefasto e
infausto primeiro mundo no que habito é un tanto estraño. A guerra sempre
acontece noutro lugar, os asoballados sempre fan por sobrevivir noutro sitio
alén das nosas fronteiras, a desgraza sempre aniña nos recunchos máis afastados
e parece que nunca nos vai tocar a nós. Gran falacia coa que autoenganamos á
nosa anódina existencia.
Seguramente
durante estes días, o 100% dos meus hipotéticos lectores viron esta
instantánea:
Sabedes? Creo que non
fai falta converter isto en parte do espectáculo sensacionalista dos últimos días. Todos coñecedes ben a foto da que falo. Crúa, non si? Brutal, dura, impactante... Sinxelamente horrible. Coa
que está caendo parece mentira que os nosos gobernantes, os mesmos que falan de
unión e solidariedade, non amosen nin un ápice de sensibilidade. É unha
obscenidade que nesta Europa tan civilizada e orgullosa de si mesma esteamos a
construírnos un muro da vergonza que non está feito de pedras pero que leva
toneladas de desprezo pola vida e os dereitos humanos, que é aínda máis forte
que calquera rocha. Coa súa habitual arrogancia e desdén, os nosos amorais líderes
miran cara outro lado e pasan persoas dun lado a outro coma quen que leva o
gando a pacer. Que o resolvan outros, nós máis non podemos facer. Unha ruín
consigna que se repite coma un mantra mentres os humillados e ofendidos morren
aquí e acolá sen que ninguén admita un mínimo de responsabilidade nin se erga
para dar un paso adiante na dirección correcta.
E
mentres todo isto pasa pola nosa cachola con suma rapidez, apagamos a tele,
dobramos de novo o xornal ou desconectámonos de internet por un intre. E
volvemos a ese bucle só que doutro xeito: teño que rematar este choio canto
antes, vaia merda que se me acabaron as vacacións, os fillos de puta da
compañía telefónica seguro que me cobran igual aínda que botei unha semana sen
servizo por culpa dos desghraciados que foron ao cable de cobre, estou ata os
mesmísimos da miña parella que non me comprende, non hai dereito a que meus
pais me falen dese xeito, non é xusto que fulano reciba máis atencións ca min,
para a semana teño que facer estoutro e xa me fode, non valoran o meu
traballo...
E
de súpeto dáste conta de que non es mellor que todos aqueles que desprezaches
ao ver a fotografía do neno afogado tirado na beira do mar coma se fose un
pouco lixo.
Non
me gusta citar autoridades excesivamente canónicas (no sentido máis
eclesiástico do termo) pero non podo deixar de lembrar a Xesucristo. Non só
collemos a primeira pedra, senón que a tiramos e despiadadamente para logo
coller a segunda e volver tirala aínda cunha maior crueldade. Non temos a mesma
responsabilidade que aqueles que situamos nunha escala superior e que outros
prefiren chamar “caste”, claro que non. Pero somos responsables e culpables de
minimizar o problema do mesmo xeito que o fan eles. Unha imaxe pode parecernos
tremenda e brutal, pero a nós non nos vai pasar e nós tamén temos problemas. A
poética do desastre é xenial para ligar ou facerse notar nos foros públicos do
noso tempo, sexa mediante chíos ou estados que admiten un maior número de
caracteres, e aí empeza e remata o noso compromiso. O meu tamén, supoño. Custa
recoñecer que formamos parte da abominable clase de persoas que agochan a
cabeza na terra, mais aí estamos. Todos os que nos horrorizamos e consternamos
coa imaxe daquel meniño pero logo volvemos magnificar as nosas rutinas e
“problemáticas” esquecendo por completo a monstruosa ignominia que vimos hai
escasos segundos e deixando de valorala coma a putada que realmente é para
choricar porque non sae o sol.
E
a nosa conciencia volve enclaustrarse.
Acúsenme
de politicamente incorrecta, existencialista, nihilista e todos os –ista máis
aborrecibles do mundo, mais temo que esta é a realidade e non quería máis que
facerme eco dela, mirarme no espello e poñer un pouco os pés no chan, ese chan
que o Deus de Curros Enríquez non quería contemplar e con razón. É moi posible
que non poidamos facer moito e moito menos que nas nosas mans estea a solución.
Nós non provocamos as guerras inxustas que condenaron á familia do meniño (unha
de tantas que non parecen ser máis ca un número a ollos dos poderosos) a atopar
a morte cando o único que querían era vivir lonxe das bombas, da fame, das
violacións, das torturas e da represión. Mais o que temos que atallar xa é a
nosa forma de ver as cousas e de valorar as inxustizas. Eles, os de aquí e os
de acolá, eses tiranos que xogan con nós coma se fosemos marionetas cos seus
conflitos porque si e as súas cobizosas contendas, conseguiron que nos vexamos
coma o embigo do mundo. Conseguiron que non sexamos capaces de ver a miseria
máis alá duns poucos segundos. Dicimos “que pena” pero logo montamos un cirio
porque non nos gusta a comida que toca hoxe. Así somos e así debemos de deixar
de ser. Logo cada un é moi libre de decidir se quere ou debe dar o seguinte
paso.
E
esa soberbia é mala compañeira, porque no fondo sabemos e somos moi conscientes
de que mañá nos pode tocar a nós.
Xa, xa sei que nadando nunha piscina de dólares é moi doado cantarlle a iso de cambiar o mundo, pero a canción non deixa de ser moi apropiada...
Bo
comezo de semana. Para nós sempre é un bo comezo.
Son
unha mala persoa. Unha persoa horrible. Vítima da depravación da sociedade e
culpable da miña mezquindade. Decidín facer propósito de enmenda e recoñecer
que teño un problema. Non volverei rirme nunca máis con todo aquilo que unha
vez me fixo gracia e me converteu no ser desprezable que son agora. Así mo
ensinaron estes días os sabios de corazón puro e traxectorias sen mácula que
condenaron toda tortura e represión, nunca dixeron barbaridades en serio, xestionaron magnificamente a torrencial
choiva política dos últimos 20 anos e non se enriqueceron a costa da nosa cada
vez menos incipiente e si máis acusada miseria. Eles, unxidos pola vontade
divina e inxustos perdedores do poder que por dereito lles pertence, abríronme
os ollos e mostráronme que o meu ruín e ignominioso costume de rirme de case
todo (mesmo do máis grave e doloroso) é unha aldraxe á dignidade, á democracia e á mesma humanidade. Como podería
tan innobre muller agradecer a xenerosa e admirable ensinanza destes virtuosos?
Expiando definitivamente os meus pecados e exorcizando o lado escuro do meu
sentido do humor.
Xuro
que nunca máis volverei rirme das infames bromas chanantes a propósito dos
malos tratos que sufriu Michael Jackson na infancia por parte de seu pai. Só un
rufián que se faga chamar a si mesmo cómico pode cuspir con frivolidade que a
expresión “Te doy una ostia y te pongo a bailar” a inventou o pai de Jacko.
Repugnante.
Prometo
non volver ser punk. Ou polo menos,
non ese tipo de punk. E antes de
correr ao meu Bershka máis próximo para mercar unha camiseta dos Ramones mentres finxo que sei quen son, acúsome de ter escoitado cancións con tanta
mala ostia coma estas. E rirme.
Endexamais
me veredes poñendo un só episodio das ofensivas e degradantes creacións
televisivas de Seth MacFarlane. Oh, Dios! Só de pensalo pónseme a pel de
galiña, cantas veces esta pobre e pecadenta alma felizmente redimida polos
enviados das ghaivotas se ten partido as cachas con barrabasadas coma estas!
Xa
os seus precursores tiñan moito delito...
O
cine de Tarantino nin tocalo. Frivolizar coa violencia e encima provocar risa? Indignante!
E
que me dicides dos impresentables de Videofobia?
Esas bromas sobre os caídos na rodaxe dunha película cutre de serie “último
decimal do abecedario non atopado” dirixida e protagonizada por un Bruce Lee de
terceira rexional simplemente non teñen nome. “Tío Owen! Tía Beru!”, “Se han pasado con la máquina de los
rayos UVA” ou “Seguro que están acreditados al final como Churrasco 1 y
Churrasco 2” son algunhas das obscenidades que lle dedican aos cadáveres dun
accidente de avioneta real (e recalco que foi real) que saen no filme a partir
do minuto 17:53...
A
lírica grega de burla que tanto me gustaba arderá na inquisitorial fogueira da
razón!
Mentórides, quen che puxo tan descaradamente
o cu onde antes tiñas a boca?
Ti peideas, non respiras, e a voz
sáeche dun túnel.
Marabillado estou de como o de
abaixo se che puxo enriba!
A
paixón de Cristo convertida nun teatriño con música ñoña! Pero que é isto? Como
non puiden velo antes? É o demo nas súas múltiples formas!
Portadas
inclasificables que penso destruír na trituradora de papel da miña memoria se
os meus valedores non teñen a ben secuestralas!
Memes humillantes
e inxuriosos que ben merecerían pasar pola lupa dun decente censor!
Prometo
tomarme en serio as máximas axiomáticas dos grandes profetas do meu tempo e deixar de consumir escarnios de extrema esquerda radical "rojirma" revolucionaria do soviet marxista-leninista-stalinista que me lavan o cerebro!
Alberto,
non estás só! Xamais volverei burlarme do teu León come gamba, obra magna da gastronomía mundial, nin da
vergoñenta forma que tiveron de expulsarte! Agora son sensible a calquera
desgraza allea por pequena ou ghrande que sexa!
[...]
O
humor negro.
O
que queira “firmar o contrato” xa sabe. O que non queira ten a opción de non volver
ler estas liñas no canto de esixir corrección política e castigar a irreverencia coma se estivesemos matando a alguén. Salvo que nos atrevamos cos ídolos das relixións orientais que non nos tocan, aí non pasa nada e todos queremos liberdade de expresión (que tamén). Total, eu non me vou meter en política, terei ese mínimo de
intelixencia e non coma o ghordo ese de barba e pinta de talibán que se dedicou a
utilizar o chío chío ese do carallo co fin real para o que foi creado: soltalas
aínda máis ghrandes (ríndolle a homenaxe que a el lle tería gustado, supoño), e
a repercusión será mínima. E paro, porque se non me pechan o blog seguro que se
autodestrúe intentando canalizar o lotirmo de rabia que me produce a hipocrisía
que manda neste país e no que cada un saca a súa particular vara de medir.
Xa
non son Charlie. Nin agora son Zapata. Son eu mesma e seguirei séndoo.
Pasou o día e todo
segue igual. A avogacía do demo abre as
súas portas para anunciar que non foi para tanto. Non foi tan traumático. Ou
iso quero crer.
Recordo poucas festividades de exaltación do patrimonio
cultural propio tan controvertidas coma a de onte. Máis ben, non recordo
ningunha. Aínda así, semella que a campaña electoral tivo aos principais
baluartes da loita contra o oficialismo lingüístico e literario da nosa terra o
suficientemente lobotomizados como para non facer moito ruído ao respecto. Non
houbo boicot porque tocaba mítin, supoño. Pese a todo, houbo tensión e varios “tuits”
urticantes que, por uns minutos, intentaron incendiar a celebración do Día das
Letras Galegas (o único día no que se xulga necesario defender a nosa lingua,
polo visto) e a dedicatoria ao homenaxeado deste ano 2015: Xosé Filgueira
Valverde.
Intentarei poñerme ultra-analítica para non provocar
malentendidos e porque creo a ocasión o merece, xa que a cuestión é o
suficientemente peliaguda como para que nos paremos un chisco a reflexionar
sobre ela. O nomeamento de Filgueira Valverde como homenaxeado do Día das
Letras pasou por riba de nomes de certa sona e relevancia que se consideraron “superiores”
ao do candidato finalmente escollido e por riba doutros que nin sequera foron
propostos nin tomados en consideración. É posible que outros o merecesen antes
que el e tamén podo considerar probable que el o merecese antes que outros. Por
que non? Mais, con tanto erudito morto ás nosas costas, non debería resultarnos
estraño que a arbitrariedade mande nunha decisión anual tan agardada (obviando
o pequeno detalle de que é algho triste que teñas que botar un mínimo de dez
anos no nicho para que che recoñezan a túa labor en defensa ou cultivo da
lingua galega, pero xa me meterei nese “freghado” noutro momento).
Nunca
chove a gusto de todos pero neste caso foi aínda máis heavy. Tratábase dun destacado autor en lingua galega, si; un
fulano que demostrou un certo compromiso co idioma, vale; un señor destes que
tanto che escribía un tratado sobre costumes, historias e demais “batallitas”
como che botaba a andar un proxecto editorial galego e en galego en plena
posguerra. Pero tamén foi político. E non un calquera. Foi alcalde de
Pontevedra durante o franquismo, o mesmo que se cebou coa nosa fala e coa nosa
cultura durante esa Longa Noite de Pedra que a veces semella que aínda está por
rematar. As institucións encargadas de tal designación non tardaron en ser ferozmente
sinaladas co dedo por mostrar certa condescendencia con esa mancha no historial
vital do tal Filgueira. Vaia cocho colaboracionista! Que vergonza! Indignante
que a RAG lle vaia conmemorar nada a ese fulano! De pouco lles serviu aos que
esgrimiron amables sentencias do estilo destas que se lles lembrase a
importante achega que supuxeron os volumes de Adral ou Bibliófilos Gallegos, por poñer algúns exemplos. E pode
ser comprensible. Pero, como ben recordou Manuel Rivas nun artigo xa vello
publicado na revista Luzes a
propósito da designación de Filgueira Valverde, Platón tamén estivo en Siracusa.
E ninguén lle foi pedir contas a Platón, engado eu.
Suponse
que o 2015 debe pasar a historia coma o ano no que a RAG e os seus acólitos
tiveron a valentía de recoñecer a labor dun persoeiro non vencellado a todas
aquelas correntes ideolóxicas coas que se relaciona a miúdo a defensa do
galego. É máis, suponse que tiveron a ousadía de recoñecer a alguén que formou
parte activa dun réxime que por pouco nos afoga na lama sen que iso impedise a
súa redención como destacado literato e estudoso das nosas letras. Dende o meu
punto de vista, debería ser positivo e un saudable exercicio de madurez como
pobo e como entidade cultural que busca un lugar consolidado no mundo,
recoñecermos que non todas as grandes figuras da nosa lingua e literatura son
modelos. Hai que ser un referente moral, ideolóxico e político para ser un bo
escritor e viceversa, un bo escritor debe erixirse nunha indiscutible
referencia moral e ética? Probablemente non. Ou pode que si. Mesmo os que
dalgún xeito consideramos modelos sen fisuras, teñen algunha lagoa na súa vida
e obra. Para min, ese é o erro de base. Erro que tivo como fatal consecuencia
unha notable falta de entusiasmo por celebrar o Día das Letras deste ano. Mais,
como sucede en todo, hai moita hipocrisía ao respecto, xa que “o vello profesor”,
como nalgúns círculos se coñecía a Filgueira Valverde, non é o primeiro nin será
o último personaxe distinguido das nosas letras cuxa vida e traxectoria se
poñen en cuestión. Porén, a memoria é fráxil e a ignorancia altamente atrevida.
O
caso é que ao final, non foi para tanto. Seguimos aquí. Sendo galegos por obra
e gracia do idioma, como sabiamente acuñou Castelao. Lembrar as pifias e
virtudes de Xosé Filgueira Valverde non resultou ser a apocalipse final e a
cabeza de Alonso Montero non rodou. Despois de darlle moitas voltas, a miña
conclusión é que claramente había outros que o merecían máis que o homenaxeado
deste ano. Sen dúbida, pois cada unha ten os seus gustos e preferencias. Pero este
ano, no que pode que se buscase de forma un pouco torpe e forzada unha especie
de reconciliación, tocou enxalzar o legado dun intelectual galego que nun
momento da súa vida se adheriu á estrutura dun réxime totalitario que nos mexou
moitirmirmo por riba.
Valoraría
moi positivamente, polo tanto, que a tan deostada academia demostrase a mesma
valentía (ou facilidade, depende de como se mire) que quixo mostrar este ano,
nomeando para o vindeiro ou nos seguintes a outro gran intelectual sen cuxa
achega non se entende a conformación do canon da literatura galega actual e
que, dende un ámbito diametralmente oposto ao de Filgueira Valverde, tamén
traballou arreo pola lingua. Figura senlleira dunha realidade lingüística incómoda,
destas que proe e que, podendo gustar máis ou menos está aí e forma parte da
historia da nosa lingua. Si, estou falando de Ricardo Carvalho Calero (como
imaxino que a el lle gustaría ser coñecido), o eterno rexeitado por aqueles
puristas para os que, máis que nunca, o idioma segue sendo unha cuestión
política. Filgueira pode valer pero seguramente tamén era máis doado. E iso tampouco mola.
A
ver con quen a lían o ano que vén. Sexa quen sexa, que iso non nos quite o noso
orgullo nin os azos necesarios para seguir mantendo viva a nosa lingua. Todos
os días do ano.
Chavalada,
fághome vella. A miña masa encefálica e os meus niveis de aghuante decrecen a
un ritmo esaxeradamente rápido. Apagho a tele para non enervarme, abro os
xornais con medo e ghomito coa literatura das redes sociais. Nada me divirte xa
nestas dúas semanas de intensa campaña electoral nas que adoitaba pasalo teta.
Que cambiou agora, logo, para que todo isto xa non esperte un mínimo interese
en min? Pois que non cambiou nada.
Antes
de que me cuspades e vos caghedes en min polo meu repugnante nihilismo
anarco-pesimista carente de todo gusto estético, tratarei de xustificar mais ou
menos convincentemente a miña premisa. Dende os 16 anos vivo estas épocas
doutro xeito. Ao cumprir esa idade presteille máis atención a todo o relativo á
res publica, intentando informarme e
construírme unha opinión verdadeiramente crítica, facendo cousas tan marcianas
como ler os programas electorais dos partidos e ir a todos (si, a todos) os
mitins de calquera signo, color, olor e sabor político. Así mesmo, a comedia
das promesas que xamais se poderán cumprir era francamente entretida e incluso
daqueles momentos nos que o politiqueo vario finxía partillar ideas podía sacar
algo en limpo. Nun mundo en constante movemento, as persoas evolucionan (ou
involucionan). Pasan cousas. Cousas que te fan rir, chorar, replantexarte todos
os teus principios morais e éticos... Vólveste máis individualista, máis
esixente e máis celosa da túa integridade. Posiblemente te volvas tamén máis
coñazo de persoa pero o caso é que cambias. Sen darte conta. E cambias máis
radicalmente que o discurso oficial. Percátaste entón do maniqueísmo das
distintas posturas e danche noxo. Non ves máis que fachada e disfraces onde
antes vías ideoloxía e desenmascaras máis rapidamente aos falsos profetas (que,
desgraciadamente, son o 99% do montón). Contemplas indignada e horrorizada como
algúns dos que máis queres se deixan levar e acaban totalmente absorbidos por
esa mestura de postureo, superioridade intelectual e desprezo do individuo e a
súa contribución á sociedade. Sofres unha especie de síndrome de Pasternak (se
é que tal cousa existe) e tratas de fuxir e evadirte de todo o que antes che podía
infundir un certo interese. Nin sequera cres que ese sexa o camiño para vivir
nun mundo mellor e pasas ao debate sobre as distintas formas de utopía (im)posibles
cunha almofada que pouco entende diso e dá a calada por resposta. O día que as
almofadas falen...
Parecéndome preocupantemente a este neno en 3, 2, 1...
Os
puntos sobre das comas: todo isto non quere dicir que a política ma traia moi
frouxa, nin moito menos. Aínda non cheguei a ese estadio e espero non chegar. É
algo que nos compete a todos e implica un mínimo de compromiso por parte de
cada un. Non vale de nada queixarse no bar se logo non se ergue a voz na praza
pública ou non se vai votar. De primeiro de lóxica. Aínda que o desencanto e a
decepción nos invadan como Woody Allen a Polonia despois de escoitar a Wagner,
debemos participar. Libremente e sen coaccións de ningún tipo (isto tamén
semella algho utópico). Pero en plena campaña o único que sinto é fastío e
aburrimento de tanta lírica falsamente reivindicativa, tanta arenga entusiasta
e tanta dialéctica anoxada. Por cuadriplicado, porque aghora fúndanse partidos
coma quen planta patacas. A area do coliseo político anuncia pelexas sen brío,
espectáculos de terceira na que os contendentes brúan e fastos caciquís sen
moito opositor que os rebente.
Como
todo isto xa non me enche e no curto prazo dun ano cheguei a odialo con todas
as miñas forzas, nestas eleccións decidín facer a contracampaña. As enquisas
non falan de min (nin falta que lles fai) pero nun exercicio de narcisismo e
petulancia extrema vou darlle o suficiente bombo ás 15 cousas que me gustan
máis que estes 15 días de merda nos que teremos que ver, escoitar e padecer de
todo. Para iso, vou contraprogramar a literatura resesa e trapalleira dos
políticos de turno, mendicantes de votos que nos bombardean coas súas
fedorentas consignas todo o santo día, con boa literatura. Con literatura de
verdade. Con algo que aínda nos fai humanos e vale a pena desfrutar. Coido que
esta contraposición desmotivada de conceptos antagónicos non servirá
absolutamente para nada pero polo menos poderei regalarme unha catarse decente
antes do temido ou anhelado (depende en que partido se milite) 24-M...
Nota:
todo isto estará inzado de traducións pedestres e traducións de traducións,
para que me odiedes aínda máis. E vou ser aínda máis mala (aproveitando que se
trata na súa maioría de obras que hai tempo que venceron a fronteira dos
dereitos de autor): a ver se sabedes de quen é cada fragmento e así “estrujades”
un pouco o cerebro se a megafonía ultradecibélica volo permite...
"Cando chegou á abadía, Mosén Millán
estivo dúas semanas sen saír salvo para a misa. O pobo enteiro estaba calado e
sombrío, coma unha inmensa tumba. A Xerónima volvera saír e ía ao carasol, ela
soa, falando consigo mesma. No carasol daba voces cando cría que non podían
oíla, e outras veces calaba e poñíase a contar nas rochas as pegadas das balas.
Un ano pasara dende todo aquilo, e
parecía un século. A morte de Paco estaba tan fresca, que Mosén Millán cría ter
aínda manchas de sangue nas súas roupaxes. Abriu os ollos e preguntou ao
sancristán:
-Dis
que xa marchou o poldro?
-Si,
señor.
E recitaba na súa memoria,
apoiándose nun pé e logo noutro:
-...y
rindió el postrer suspiro
al
señor de lo creado. – Amén.
Nun caixón do armario da sancristía
estaba o reloxo e o pano de Paco. Non se atrevera Mosén Millán aínda a levarllo
aos pais e á viúva do morto.
Saíu ao presbiterio e comezou a
misa. Na igrexa non había ninguén, coa excepción de don Valeriano, don
Gumersindo e o señor Cástulo. Mentres recitaba Mosén Millán “introibo
ad altare Dei”, pensaba en Paco, e
dicíase: é verdade. Eu bauticeino, dinlle a unción. Polo menos – Deus o perdoe –
naceu, viviu e morreu dentro dos ámbitos da Santa Nai Igrexa. Cría oír o seu
nome nos labios do agonizante caído na terra: “...Mosén Millán”. E pensaba
aterrado e entenrecido ao mesmo tempo: Agora eu digo en sufraxio da súa alma
esta misa de réquiem, que os seus inimigos queren pagar."
"Lolita, luz da miña vida, lume das
miñas entrañas. Meu pecado, miña alma. Lo-li-ta: a punta da lingua emprende
unha viaxe de tres pasos dende o borde do paladar para apoiarse, no terceiro,
no borde dos dentes. Lo.Li.Ta. Era Lo, simplemente Lo, pola mañá, un metro corenta
e oito de estatura con pés descalzos. Era Lola con pantalóns. Era Dolly na
escola. Era Dolores cando firmaba. Pero nos meus brazos era sempre Lolita."
"Logo do meu nacemento, o luminoso
ceo volvera xa nove veces ao mesmo punto, en virtude do seu movemento
xiratorio, cando apareceu por primeira vez ante os meus ollos a gloriosa dama
dos meus pensamentos, a quen moitos chamaban Beatriz, na ignorancia de cal era
o seu nome. Transcorrera da súa vida o tempo que tarda o estrelado ceo en
percorrer cara Oriente a duodécima parte do seu grao e, polo tanto,
aparecéuseme ela comezando o seu noveno ano e eu vina case rematando os meus
nove anos. Levaba indumento de nobilísima, sinxela e recatada cor vermella, e
ía cinguida e ornada da guisa que cumpría aos seus xuvenís anos. E digo en
verdade que á sazón o espírito vital, que no recóndito do corazón ten a súa
morada, comezou a latexar con tanta forza, que se mostraba horriblemente nas
menores pulsacións."
"Sete anos se engaden xa aos meus
trinta,
páxinas da miña vida xa arrincadas.
E xa me salpican canos cabelos,
Xantipa, mensaxeiros da idade da
sabedoría.
Pero aínda me agradan o son
falangueiro da lira e as esmorgas,
e o lume aínda fumea no meu
corazón insaciable.
Por favor, este mesmo colofón,
Musas,
escribídeo rápido, señoras,
como punto final á miña loucura."
"Alá atrás, Pedro Páramo, sentado no
seu equipal, mirou o cortexo que ía cara o pobo. Sentiu
que a súa man esquerda, ao querer erguerse, caía morta sobre os seus xeonllos;
mais non fixo caso diso. Estaba afeito a ver morrer cada día algúns dos seus
anacos. Viu como se sacudía o paraíso deixando caer as súas follas: “todos
escollen o mesmo camiño. Todos marchan.” Despois volveu ao lugar onde deixara
os seus pensamentos.
-Susana
– dixo. Logo pechou os ollos – Eu pedinche que regresaras...
... Había unha lúa grande no medio
do mundo. Perdíanseme os ollos mirándote. Os raios da lúa filtrándose sobre a
túa cara. Non me cansaba de ver esa aparición que eras ti. Suave, refregada de
lúa; a túa boca abullonada, humedecida, irisada de estrelas; o teu corpo transparentándose na
auga da noite. Susana. Susana San Juan.
Quixo erguer a man para aclarar a imaxe;
pero as súas pernas retivérona coma se fose de pedra. Quixo erguer a outra man
e foi caendo amodo, de lado, ata quedar apoiada no chan coma unha muleta
detendo o seu ombro desosado."
"Seino todo. Canto ti poidas dicirme
penseino xa eu e repetino mil veces deitado alí na escuridade... Todo iso xa o
discutín comigo mesmo, ata o seu menor detalle, e seino todo! Que farto estaba
xa de todo! Que farto de toda esa leria! Quería esquecelo todo e volver a
empezar, Sonia! Acaso pensas que me lancei de cabeza a facer o que fixen,
cegamente, coma un parvo? Ao contrario! Fun de listo e iso foi o que me perdeu!
Pensas que eu non sabía, por exemplo, que, se empezaba a preguntarme: “Teño
dereito ao poder?”, era sinal de que non tiña dereito a el? Ou ben que se me
preguntaba: “O ser humano é unha sambesuga?”, iso xa quería dicir que para min
o ser humano non é unha sambesuga. Pero si que o é aquel a quen non se lle
ocorre preguntarse iso e actúa de fronte e sen vacilar? Se pasei tantos días
atormentándome para decidir se Napoleón se lanzaría ou non se lanzaría adiante,
era evidente que no meu interior me decataba claramente de que eu non era un
Napoleón... Soportei, Sonia, a tortura de toda esa leria e quería sacudilo todo
de enriba miña: Quería matar, Sonia! Sen casuística, matar para min, para min
só. Non quería mentir niso, nin sequera a min mesmo! Non matei para axudar a
miña nai, iso é unha parvada! Converterme nun filántropo unha vez tivese nas
miñas mans os medios e o poder! Que parvada! Sinxelamente matei! Matei para
min, para min só; e naquel momento dábame igual se me convertería despois nun
filántropo ou se pasaría toda a vida dedicado a atrapar á xente na miña
arañeira, chupándolles a todos o sangue... E o grave, Sonia, é que cando matei,
non eran os cartos o que necesitaba; non necesitaba tanto os cartos coma outra
cousa... Agora que o vexo... Compréndeme: é posible que, seguindo o mesmo
camiño, xamais volvería asasinar. O que necesitaba era saber outra cousa, era
outra cousa o que movía a miña man; daquela eu necesitaba saber – e sabelo
canto antes – se era unha sambesuga coma as demais ou unha persoa. Se tería ou
non forzas para franquear os obstáculos, se me atrevería a inclinarme e tomar o
poder ou non. Se era unha criatura temerosa ou tiña dereito..."
"¡Desgraciado! O teu valor perderate.
Non te apiades do tenro infante nin de min, infortunada, que axiña serei viúva;
pois os aqueos hante acometer todos a unha e acabarán contigo. Preferible sería
que, ao perderte, a terra me tragase, porque se morres non haberá consolo para
min, senón pesares; que xa non teño pai nin venerable nai. Ao meu pai matouno o
divino Aquiles cando tomou a populosa cidade dos cilicios, Tebas, a de altas
portas: deu morte a Etión, e sen despoxalo, polo relixioso temor que lle entrou
no ánimo, queimou o cadáver coas labradas armas e erixiulle un túmulo, ao redor
do que plantaron chopos as ninfas Oréades, fillas de Zeus, que leva la éxida. Os
meus sete irmáns, que habitaban no palacio, descenderon ao Hades o mesmo día;
pois a todos os matou o divino Aquiles, de pés lixeiros, entre os bois de tornátiles
patas e as cándidas ovellas. A miña nai, que reinaba ao pé do selvoso Placo,
tróuxoa aquel co botín e púxoa en liberdade por un inmenso rescate; pero
Ártemis, que se comprace en tirar frechas, feriuna no palacio de meu pai.
Héctor, agora ti es o meu pai, a miña venerable nai e o meu irmán; ti, o meu
florecente esposo. Pois, sé compasivo, queda na torre —¡non fagas a un neno
orfo e a unha muller viúva!"
"Odi et amo. Quare id faciam,
fortasse requiris.
Nescio. Sed fieri sentio et
excrucior."
(Síntoo,
este non podía traducilo, é demasiado xenial no seu idioma)
"Rezaba desesperadamente. Cada
oración ía seguida doutra máis ardente. De cada vez un impulso novo o levaba a
unha terceira oración. Atordoado como un borracho, experimentaba esa lixeireza
do corpo que parece liberar a alma. Non se arrepentía de nada. Daba grazas a
Deus por non permitir que se fose sen este viático da partida. Ela suplicáralle
que quedase. El marchara á hora prevista. Esta palabra cumprida consigo mesmo
confirmábao nas súas tradicións de honor e a inmensidade do seu sacrificio
parecíalle que implicaba a Deus. Para mellor abstraerse de todo, cubría a cara
coas súas mans que lle devolvían o perfume da carne agarimada. Non tendo xa
nada máis que esperar da vida, lanzábase á morte como a un desenlace necesario.
E, convencido de cumprir coa súa morte como cumprira coa súa vida, saloucaba de
felicidade."
"Cara arriba flúen xa as augas dos
sacros ríos;
a xustiza e todo xace por terra.
Enganosa é a alma do home e non
vale
a fe na que se invoca aos deuses.
Mais a miña vida de novo terá nas
historias inmensa gloria;
honrado será o sexo feminino.
Xa no haberá mala fama que pese
sobre muller ningunha.
Cesarán as cancións de antigos poetas
que agora
sempre insisten na miña pérfida
mente.
Non nos deu Febo señor do canto,
el don da harmónica lira;
soarían se ocorrese os meus himnos
contra a raza
dos homes. O tempo no seu
transcurso
tantas cousas poderá relatar de
nosoutras como deles.
Ti do fogar paterno navegaches
con espírito insan y a dobre barreira
franqueaches
das rochas mariñas;
e habitas en terra estraña
privada de esposo e leito,
pobre de ti, e destérrante
de aquí con oprobio.
Foise o respecto dos xuramentos,
o pudor xa non é dono da Hélade
inmensa; voou ao ceo.
Ti na morada paterna
non podes botar a áncora
dende o mar das túas dores
e outra raíña casa e tálamo
a quitarlle vén."
"Este vaise i aquel vaise
E todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
Que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
E campos de soledad,
E nais que non teñen fillos
E fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
Longas ausencias mortás,
Viudas de vivos e de mortos
Que ninguén consolará."
Non
me miredes así, a literatura éche unha arte moi polimorfa.