martes, 24 de febreiro de 2015

De quen canta aos meus ríos, fontes e regatos...

Que teñen que ver a gran poetisa do Rexurdimento galego e un dos xigantes de Silicon Valley? A primeira vista, parece que moi pouco, mais hoxe o noso buscador de referencia, Google, deunos unha grata sorpresa e gañou con razón a simpatía daqueles que veneramos a Rosalía de Castro case do mesmo xeito que os helenos da Antigüidade Clásica deberon venerar a Homero. Matriarca das nosas letras, dona dun espírito literario inconformista, xenio e figura en definitiva, a gran Rosalía tamén merecía o seu lugar nesta especie de paseo da fama virtual que é o doodle, á beira doutras autoridades da literatura universal coma Tolstoi, Dickens, Jane Austen ou Albert Camus, por citar uns poucos.



Celebrar a Rosalía sempre debería pasar do día de hoxe e todos os días deberiamos quitar o po dos nosos exemplares de Cantares Gallegos e Follas Novas para redescubrilos. Ninguén cantou ás saudades e ás coitas dos seus coetáneos coma ela. Seu é o retrato dunha Galicia esfolada, dunha terra asoballada, de homes e mulleres sen folgos cos que ela se identificaba completamente. Os seus magníficos versos, que son historia viva da literatura en galego, debuxan a anguria e o pesar producidos por esta situación, pero tamén levan o selo da rebeldía e da loita contra a opresión. Cando non tiñamos nin medio chanzo subido na dignificación e normalización do idioma, cando ninguén se plantexaba políticas de igualdade nin nada parecido e cando case non tiñamos consciencia da nosa propia identidade como pobo, ela ousou. Ousou ser muller. Ousou ser unha muller intelixente. Ousou ser unha muller intelixente que escribía. E, sobre todo, ousou ser unha muller intelixente que escribía en galego. O colmo, vamos. Hoxe Rosalía sería punk e antisistema. Era moi ghrande Rosalía.

Nunha ocasión, escoitei dicir nunha palestra á profesora Teresa Moure (abandonando un pouco o ton académico da súa conferencia) que Galicia era unha queer nation. Concluía ela en clave positiva que eramos diferentes, por moitos motivos, pero o máis alucinante da nosa cultura, segundo ela, e que nos convertía claramente nunha queer nation, era que a nosa figura literaria de cabeceira era unha muller con todas as características que citei no anterior parágrafo. E iso mola. Máis que o leite. E a pesar de todas as pequenas tempestades que asolan á cultura galega en xeral, somos quen de exhibir con orgullo esa marabillosa “rareza”. Por iso os perfís das redes sociais de media Galicia amenceron cunha captura do xa celebérrimo doodle. Porque a nosa bandeira, en realidade, é unha páxina asinada por Rosalía.



O canon a veces fai ben o seu traballo e gracias a iso temos a Rosalía ata na sopa, tamén en Google. O mundo estaría tolo se non a elevara á categoría de icona. Certo é que este feito sempre entraña inconvenientes (algúns dunha magnitude moi semellante á espectacular popularización das camisetas dos Ramones) pero non pode ser para menos, xa que só unha ínfima parte do noso legado cultural en galego se pode entender sen Rosalía. Sempre volvemos a ela, sempre a reivindicamos, sempre relemos os seus poemas tratando de atopar o quid aos problemas de hoxe... Sen a súa poesía faltaríannos unhas cantas vértebras na columna da literatura e da cultura galegas. “Y lo sabes”!

É que... A ver? Como diría o cómico, “no lo digo, lo hago”! Como non se lle vai dedicar un doodle á persoa que escribiu este marabilloso prólogo (dignificando así un case subxénero literario que adoitamos pasar por alto con moita frecuencia)!

E ¡sófrese tanto n'esta querida terra gallega! Libros enteiros poideran escribirse falando d'o eterno infortunio que afrie os nosos aldeans e mariñeiros, soya e verdadeira ente d'o trabaIlo n'o noso pais. Vin e sentin as suas penas como si fosen miñas, mais o que me conmoveu sempre, e po-lo tanto non podia deiar de ter un eco n'a miña poesia, foron as innumerables coitas d'as nosas mulleres: criaturas amantes para os seus y os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo, como brandas de corazon e tamen tan desdichadas que se dieran nadas solasmentes para reer cantas fatigas poidan afriir, á parte mais froa e inel d'a humanidade. N'o campo compartindo mitade por mitade c'os seus homes as rudas faenas, n'a casa soportando valerosamente as ansias d'a maternidade, os traballos domesticos e as arideces d'a probeza. Soyas ó mais d' o tempo, tendo que traballar de sol á sol, e sin auda pra mal manterse, pra manter os seus fillos, e quisais o pai valetudinario, parecen condenadas á non atoparen nunca reposo se non n'a tomba.

Como non se lle vai dedicar un doodle á autora cuxos versos morriñentos aprendemos na escola incluso antes que a táboa de multiplicar!

Adiós ríos, adiós fontes
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos,
non sei cándo nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde m’eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei.

(E segue, eh, pero hai que abreviar)

Como non se lle vai dedicar un doodle a quen nos provoca case 200 anos despois estas catarses!

Un-ha vez tiven un cravo
Cravado no corazon,
Y eu non m'acordo xa s'era aquel cravo,
D'ouro, de ferro, ou d'amor.
Soyo sei que me fixo un mal tan fondo,
Que tanto m'atormentou,
Qu'eu dia e noite sin cesar choraba
Cal chorou Madanela n'a pasion.
—Señor, que todo ó podedes,
Pedinlle un-ha vez á Dios,
Daime valor par'arrincar d'un golpe
Cravo de tal condicion.
E doumo Dios e arrinqueino,
Mais... ¿quen pensara?... Despois
Xa non sentin mais tormentos
Nin soupen qu'era delor;
Soupen sô, que non sei que me faltaba
En donde o cravo faltou,
E seica, seica tiven soidades
D'aquela pena... ¡Bon Dios!
Este barro mortal qu'envolve o esprito
¡Quen-o entenderá, Señor!...

Como non!

#EuSonRosalía



xoves, 19 de febreiro de 2015

O temazo da semana: “Like a Prayer”, de Madonna


A vida é un misterio. Por iso Madonna segue triunfando. Non era nin a que mellor cantaba, nin a que mellor bailaba, nin a máis ghuapa pero chegou á cima para quedar con ese “algo” que si tiña. Despois de non sei cantos anos exprimindo esa fórmula pop tan camaleónica, segue sendo unha cantante de (enorme) éxito, acadando a categoría de icona sen que o público a abandone a prol de todas cantas intentaron sacala do seu vitalicio trono de raíña do pop.

Sinceramente, Madonna é unha puta crack.

Si, meus señores. Eu tamén adoro a Madonna, o cal non deixa de resultar un pouco irónico, pero gústame. Gústame nas despedidas de solteira, gústame na ducha, gústame ao erguerme, gústame para levala no coche... Teño unha debilidade especial con ela, pois é difícil botar décadas no máis alto sen perder un ápice de actualidade e dignidade “popeira”, fronte a todas esas rapazucas que o único que teñen é unha todopoderosa discográfica e unha megalómana produción detrás. Cunha gran sutileza, Madonna derrotou a todas as Britney Spears, Christina Aguilera, Gwen Stefani, Katy Perry e Miley Cyrus do mundo, reinventándose en cada novo traballo e cada espectáculo, e a día de hoxe inspira por igual a adolescentes coas hormonas revoltas, a maduros nostálxicos e mesmo a monxas!


Madonna fixo da provocación unha arte. Foi unha auténtica pioneira en sementar polémicas máis ou menos morbosas que lograron poñela no punto de mira sen que puidesemos ignorar a calidade dos seus temazos. Porque si, no repertorio de Madonna atopamos auténticos temazos que merecen unha revisión en profundidade, mais eu decidinme por este Like a Prayer que, na miña opinión, compendia todo o que significa Madonna nos “pops” pretéritos e presentes. “Imos ló!”

Pertencente ao álbum homónimo de 1989, Like a Prayer ve a luz como single en marzo dese mesmo ano, converténdose nun bombazo tan instantáneo como a polémica que xerou, debido ás controvertidas imaxes que se incluían no seu correspondente video musical. A propia Madonna e un dos seus compositores de cabeceira, Patrick Leonard, deron forma a unha canción que mestura con xenialidade uns poucos xéneros e estilos e que xa deu sobrada conta da súa notabilidade para os anais do pop. É unha das 500 mellores cancións da historia para esa publicación mensual que así cando lle cadra fala de música pero, sobre todo, é unha das cancións máis reproducidas da miña lista de iTunes.

O comezo a min paréceme a bomba. Chamádeme simple pero hai riffs de guitarra que simplemente me namoran (e creo que xa levo citados un par neste blog). As primeiras notas de Like a Prayer son moi potentes e enérxicas, mais de socato este son deixa de oírse de forma abrupta para dar paso a unha melodía máis ceremonial na que aquela artista que confesaba sentirse virxe de novo tras dar cun amante de altura nos dicía con algo máis de solemnidade e menos picardía que só oír como a chamaban era unha pequena pregaria. E o que vén a continuación é unha verdadeira eucaristía do pop. Xa tiñas esas estrofas e ese estribillo amarrados ao hipotálamo cando de repente escoitas un contundente let the choir sing! que precede a algo que o fai todo aínda máis grande. Son unha persoa cunha mentalidade bastante sinxeliña para estas cousas e é máis doado conquistarme polo oído que polo estómago, sobre todo se o que oio é un coro de gospel. Todo queda mellor cun coro de gospel, todo soa máis amplo, máis épico e máis rematadamente xenial cun batallón voces a capella que poñan a carne de galiña. Todo. I want to know what love is de Foreigner tampouco sería o mesmo sen toda a parafernalia vocal do coro que acompaña o abatido lamento de amor de Lou Gramm. Sería unha balada oitenteira do montón. Pois con Like a Prayer sucede máis ou menos o mesmo. Xa sei que Madonna reza sen máis (boeno, ao mellor un pouco algho máis ca iso) durante toda a canción e que o coro de gospel lle vai que nin dios (nunca mellor dito) pero antes de que xurdise sobre a Terra ese alguén que me poida discutir isto e quitarlle mérito xa houbo xente o suficientemente lista como para saber conxugar tan evidentes conceptos con esa perfección (léase “evidentes” con entoación mongólica). Madonna e Patrick Leonard chegaron antes, “se siente”.


Boeno, pero como xa dixen e a pesar da miña eséxese do texto (no que non vexo nada especialmente subversivo a menos que certas mentes perturbadas vexan de todo aí), a cúpula eclesiástica, o puritanismo máis extremo, o fundamentalismo conservador que antecedeu a algúns dos enxendros que padecemos na actualidade e demais baluartes da intolerancia botáronse coma feras sobre a diva do pop por infamar á relixion en tan ignominioso videoclip. É que o teu é de traca, Madonna. Un santo negro que se bota a chorar, cobra vida, che espeta dous bicos e marcha da igrexa que o resgarda. Cruces ardendo e ti cantando diante delas. Polo medio unha falsa acusación de agresión a unha rapaza indefensa contra un mozo negro sospeitosamente idéntico a ese santo que che bota unhas bailas antes de deixar o templo. Joder, Madonna, como molas! Se realmente esta xente tan rancia non era quen de decidir cal destas cousas era a que máis lle molestaba do conxunto. Mareábanse con tanta pirotecnia supostamente impía! Fixádevos como foi o conto que Pepsi tivo que cancelar unha campaña asociada á canción debido á presión exercida polo gran energúmeno da polémica...

Ai, a polémica... Non foi a primeira nin a última na carreira de Madonna e de pouco serviu que dese a entender o carácter ficcional do vídeo por partida dobre poñendo a todos os seus intérpretes a recoller aplausos ante un público imaxinario mentres se bota un pano sobre a escena xusto ao final. Tampouco lle valeu xustificarse por activa e por pasiva expoñendo as cándidas e inocentes intencións que levaron á composición do tema. A ver, é certo que iso do cambio de contextos vai un pouco no rollo da letra pero tampouco é para tanto. E a defunta Whitney cantaba cousas moi parecidas e ninguén a tachaba de blasfema ou a acusaba de rirse do catolicismo. Nin lle buscaron o dobre sentido sexual a pezas como All the man that I need, que tamén podían.

Con todo, a canción converteuse nun deses grandes ghits que aparecen en recompilacións de toda índole, soan nos momentos oldies das radios musicais e se reversionan ata a saciedade. Porque si, como todo gran temazo de ben, Like a Prayer tamén ten algún cover no que vale a pena deterse un anaco (non, non imos contar a versión feita polos protas de Glee, me niego!). Da inxente cantidade de reescritas do tema que atopei quédome con esta carghación ao bombo a cargo dun tal Jay Smith...


E o rollo vintage e blueseiro desta outra.


Xa para ir concluíndo esta cousiña, non podía faltar a invitación a escoitar e redescubrir esta canción. É pura enerxía pop. Teno todo. E, por favor, non deixen de considerar a Madonna como a gran artista que foi, é e segue sendo. Ela mola moito máis que todas esas niñatas que intentan imitala mal.

Aí vos queda este auténtico temaaaaaaaaaaazo!


Como dirían en certos círculos (voume abster de citar outra vez a 13TV porque xa lles din moita publicidade neste blog... Merda! Volvín facelo!): Madonna! A que non tes ovarios a meterte do mesmo xeito cos musulmáns! Eh? EH???

martes, 3 de febreiro de 2015

"Carmina", de Catulo



Hai libros que abrigan os meus soños dende a mesiña de noite perpetuamente e non coñecen o po e o esquecemento do ríxido estante. É tal a excelencia deses puñados de páxinas que relegalos a un curruncho paréceme pouco menos que unha condena e preciso telos sempre preto nese momento decisivo ao final do día no que hai moita memoria que limpar. Son eses papeis ben ensamblados os que me axudan a esquecer por un intre o retraso mental que habita de xeito intrínseco na burocracia actual, o inevitable esgotamento intelectual ao que me vexo sometida dun tempo a esta parte, a estupidez humana en xeral e outras pequenas miserias do día a día deste fedorento primeiro mundo (feito para “optimistas” de pro coma min, si). En fin, debo facer constar que son poucos os libros que gozan deste privilexio, non hai que ser moi listo para advertir certo elitismo na miña mesiña, para que o vou negar, pero a subxectividade desta lectora funciona así, orixinando unha casta bibliográfica no meu cuarto (“ba-dum, tassss!”).

Catulo entrou na miña vida un bo día que eu non souben xulgar como tal nunha das miñas primeiras clases de latín. Tanto o meu coñecemento sobre a lírica en xeral como a miña capacidade para amala aínda estaban algo tolleitas naqueles anos e a min, francamente, un fulano que dicía con todas as súas letras (en latín, claro está) a uns tales Aurelio e Furio que lles daría polo cu e pola boca (poema XVI) parecíame, polo menos, un pouco groseiro. Xa non falemos da súa calidade como autor, vamos, cuestioneime a súa entrada no canon da literatura occidental durante moito tempo e de forma insistente, escudándome nesa inxenua e ignorante pedantería que vía nos seus poemas unha mensaxe demasiado sinxela e directa como para ser elevada aos altares da literatura máis sublime, chegando mesmo a afirmar que o mundo non se perdería nada no caso de que toda a súa obra tivese ardido nunha pira inquisitorial. Pero, un par de anos máis tarde, un bo día que si souben xulgar como tal, reencontreime con Catulo nunha aula da universidade, pois o destino quixo converterme en filóloga e colgarme para sempre o sambenito moi ben levado de friki. E dende ese venturoso día, vivo con Catulo na miña mesiña.

Aprendín a adorar a este autor latino gracias á bendita labor de dúas persoas: a profesora Yolanda López (deberíase recomendar a asistencia ás súas clases igual que se recomenda unha película de cinco estrelas) e o tamén profesor Juan Antonio González Iglesias, un dos responsables de que poidamos lelo en castelán na colección de letras universais da editorial Cátedra (con comentario de José Carlos Fernández Corte, edición bilingüe de toda a obra de Catulo que recomendo “efervercientemente” aínda que o "debuxiño" que introduce o post sexa da edición de Gredos). Cito a López en primeira instancia por chegar antes, simplemente. Foi ela a que me meteu na cacholiña algunhas nocións básicas e algúns dos nomes máis relevantes da literatura latina durante o meu paso pola universidade e tamén foi a mellor comentarista que este marabilloso poeta podía merecer. Coa mesma incorrección política, coa mesma irreverencia pero tamén coa mesma mestría que caracterizan a Catulo era quen de construír unha exésese perfecta. Nunca máis esquecín o que significaba a expresión difututa mentula pero tampouco se esfumaron da miña memoria eses iambos tan incisivos nin aqueles epigramas aos que lles abonda cun pouquiño para dicir moito tan divinamente explicados para o meu (aínda hoxe) inexperto entendemento.

Supoño que poder confrontar unha tradución co latín orixinal axudou bastante, descubrir que era o que realmente se escondía detrás de cada termo ou poder acceder a eses xogos de palabras tan recorrentes en poesía e que sempre se acaban diluíndo na tradución. E aí entra en escena o segundo gran culpable do meu cambio de opinión respecto a Catulo, o seu tradutor á lingua castelá, Juan Antonio González Iglesias. Mestre cuxas leccións tamén mamei ben, escoitándoo coma se me estivese falando o mesmísimo espírito santo, González Iglesias firma unha tradución brillante. El mesmo é poeta (non descarto reseñar nalgún momento Eros es más, un poemario da súa autoría que me encantou) e iso, unido ao seu vastísimo coñecemento da lingua latina, tamén se nota. Catulo é máis complicado do que puidera parecer, mesmo cando cuspe un insulto en verso e queda tan ancho, e este tradutor é capaz de reflectir moi fidedignamente en castelán a mala hostia que inunda as súas invectivas máis feroces sen quedarse curto e sen caer na chabacanería, mantendo un equilibrio moi difícil de conseguir. Ao mesmo tempo, recréase na súa poesía amorosa, ou na imitatio do helenismo, exhibindo un estilo elegante e refinado (tamén moi equilibrado e que non cae no preciosismo baleiro) que tamén nos aproximan moi aceptablemente ao que o propio poeta debeu querer dicir en latín nun tempo e un lugar tan distanciados do lector actual.



Boeno, así foi como Catulo entrou na miña vida pero... Quen era Catulo? Prego que se me disculpe por tan caótica redacción, só tentaba transmitir a miña experiencia, que tamén foi caótica e non comezou precisamente por onde tiña que comezar. O noso autor naceu cos tria nomina de Gaius Valerius Catullus nunha Verona que durante o cuarto consulado de Cinna (tempo no que supostamente veu ao mundo) tiña moi pouco de italiana e moito de Galia Transpadana. Case non se sabe nada da súa vida e aventurarse a dar datas exactas semella temerario, mais os estudosos aceptan a hipótese de Xerónimo, quen afirma na súa Chronica que tería nacido no ano 84 a.C. A súa obra desenvolveuse arredor da influencia da tradición poética culta anterior (sobre todo Calímaco), unha tradición que abandeira unha poesía máis individualista e menos colectiva como a épica, encadrándose no grupo dos que Cicerón deu en chamar poetae novi (neotéricos), autores innovadores e entregados por completo á creación literaria, non como medio de subsistencia senón como centro do seu otium (si, éranvos algho snobs). Como case todos os poetas que teñen unha amada sobre o papel, é difícil discernir canto de ficción e canto de realidade hai nese amor tan apaixonado e tan auténtico que se trata de reflectir nun puñado de versos, pero parece plausible pensar que a Lesbia dos poemas de Catulo se correspondía cunha figura real coa que o autor mantiña unha tormentosa relación amorosa: Clodia. Morreu non precisamente cando tiña que morrer, pois segundo as limitadísimas fontes que se manexan, non tería vivido máis aló dos trinta anos. Coma sempre, movémonos na incerteza case absoluta e a data do seu pasamento oscila entre o 57 e o 54 a.C, solapándose coa datación dalgúns dos seus últimos poetas e dificultando aínda máis o acordo sobre o ano da súa morte. Actualmente conservamos un corpus de 116 poemas que a punto estiveron de non ver a luz máis alá do tempo no que foron escritos.


(Nin que o noso autor fose Paulo Coelho...)

Non é que a súa historia de amor con Clodia fora o máis acolloante que lle pasara na súa vida (ou pode que si) pero é o único dato máis ou menos certeiro da súa concisa biografía e, polo tanto, o máis digno de mención. A tal Lesbia aparece mencionada explicitamente unhas quince veces na súa obra poética (xa non contamos aquelas veces nas que se refire a ela con outros epítetos) e mola porque Catulo é tan visceral que pasa do namoramento máis ñoño ao odio máis acérrimo cunha facilidade pasmosa, así que tanto nola pode mentar para dicir que a quere moito como para desexarlle pouco menos que a morte (vamos, relación amorosa saudable onde as haxa, eh). Parece ser que Clodia, o equivalente de Lesbia fóra de Matrix, era unha muller feita e dereita, ben casada cun notable pero moi libre, máis próxima a figuras femininas revolucionarias na historia da Antigüidade como Aspasia (a amante de Pericles) que a esa muller submisa e “cero á esquerda” máis habitual naquel tempo. Semella, dada a natureza dos versos catulianos e se lle damos credibilidade á hipótese de que Clodia e Lesbia son a mesma persoa, que a amada de Catulo ía e viña coma o vento, e tanto lle entregaba o seu corpo e alma a el en exclusiva como ía repartindo agarimo máis ou menos casto por aí adiante. Ese é o motivo da esquizofrenia poética que observamos simplemente pasando do poema VII (Preguntas, Lesbia, cantos bicos teus / me abondarían e me sobrarían [...] Tantos, tantos / bicos terás que dar cando biques / ao tolo de Catulo / que direi que me abondan e me sobran / se non poden contalos os curiosos / nin maldicilos coa súa mala lingua) ao poema VIII (Adeus, muller. Catulo fíxose duro, non te vai requirir nin suplicar [...] xa sufrirás ao ver que non te buscan / Ai de ti, muller pérfida, que vida / te agarda. Quen se vai achegar a ti? / A quen lle vas parecer fermosa?/ A quen vas querer agora? / De quen dirán que es?), por poñer un exemplo ilustrativo traducido daquela maneira e á presa por entendernos un pouco.

Hai moitos poemas deste señor que me pirran. Tanto dos "malfalados" como dos máis "fisnos". A escolma enteira de Carmina é unha das mellores obras poéticas que tiven a honra de ler nesta curta vida pero o formato manda e debo escoller un único poema para pechar e redondear este aborto de introdución á poesía catuliana. Quen me coñece (de verdade) sabe de sobra cal será ese poema (motivo último polo que fago este post) e maxime agora, que no medio das miñas recentes investigacións máis ou menos académicas descubrín que este poema que poñerei a continuación conta coa súa tradución ao galego a cargo de Andrés Pociña e Aurora López, poema incluído nunha obra recompiladora de distintas traducións de clásicos ao galego titulada Do amor e da literatura, que tamén recomendo con grande fervor. A escolla non é doada... Ou si?

Vivamos, miña Lesbia, e amémonos
e os contos dos adustos vellos
que nos importen un can todos xuntos.
O sol pode morrer e rexurdir decote;
nós, tan pronto morra esta breve luz,
temos que durmir unha noite perpetua.
Dáme beixos mil, despois un cento,
despois outros mil, despois outro cento,
despois ata outros mil, despois un cento.
Despois de darnos moitos milleiros,
romperemos a conta, para non sabelos
ou que ningún perverso nos bote meigallo
se sabe que tantos foron os beixos.

        Como xa lle vai sobrando pedantería a este panfleto, deixo un enlace por aquí para quen lle interese aproximarse a iso dos latíns para comprender mellor a Catulo (si, é do wikisource, non me xulguedes!) e animo a botarlle unha ollada aos "yutubes" porque hai de todo.