17
de maio. Un ano máis. Un cento de proclamas no ar e un milleiro de promesas e
obrigas para co noso idioma sen cumprir. Nun día no que celebramos con ledicia
a lírica daquel chairego que engaiolou os nosos soños, quixen lembrarme da súa
faceta máis descoñecida e daquel día que decidiu viaxar de Outeiro de Rei a
Tebas.
Poucos
saben que Manuel María, o poeta do existencialismo e do compromiso coa terra,
entre outras moitas facetas, cultivou tamén unha literatura dramática de tema
clásico que, aínda sendo moi breve, debe ser reivindicada. O seu Edipo (escrita aló polos anos 60 pero
que non foi publicada ata o 2003) recupera algúns dos episodios míticos
protagonizados por esta figura central da saga dos Labdácidas inmortalizados
por Sófocles en Edipo rei e Edipo en Colono (cos pertinentes
engadidos e liberdades creativas, claro está). Mais por que Manuel María había
querer que Edipo ou Antígona falasen en galego naqueles anos? El mesmo o
explicou no limiar á edición da obra:
Co Edipo tentamos crear un personaxe que resultase
ser un anti-Franco, o tirano cruel e omnipotente que estabamos a padecer. Un
Edipo que fose, máis que un rei ou un brinquedo do Destino e da Fatalidade, un
home bo, xeneroso, inconmovíbel nos seus principios éticos: o xefe humanísimo
que endexamais atraizoa ou atraizoará a súa xente, cumpridor do seu deber ata
as derradeiras consecuencias, disposto a sacrificar a vida polos seus ideais se
preciso for. De Antígona quixemos facer un prototipo da muller forte, valente,
filla exemplar e heroica, trasunto das galegas nais, donas, fillas de
emigrantes – e non só – que tan insuperábel e esforzado cometido desempeñaron
ao longo da historia do noso pobo.
Manuel
María non ignorou a lectura máis contestataria do mito e así o reinterpretou
para insuflarlle unha nova vida nas nosas letras, sendo coma case sempre un
pioneiro da empresa literaria en galego. Os nosos dramaturgos miraban a Europa
e iniciaron en paralelo un teatro de tema clásico en lingua galega do que
Manuel María é un dos seus principais fundadores (aínda que axiña abandonou
esta tendencia). Recolleu o mito de Edipo, simplificouno (para nada o “empobreceu”,
como el asegura no limiar) e o caprichoso fatum
quixo relegalo a un caixón ata que Miguel A. Mato Fondo e a Biblioteca-Arquivo
Teatral Francisco Pillado Mayor a recuperaron para a súa publicación un ano
antes do pasamento do poeta da Terra Chá. Ao igual que con Elexías á miña vida pequeniña (da que xa falamos na Cólquide noutra ocasión), hai que dar grazas á xenerosidade dun autor que mira con escepticismo
á súa propia obra e ao heroísmo (porque publicar cousas en galego foi, segue e
seguirá sendo unha auténtica loita contra os elementos) de quen se decidiu a
darlle forma nunha coidadísima edición á altura do material.
A
obra consta dun prólogo e tres actos a través dos cales acompañamos ao Edipo
rei e peregrino na súa loita contra un destino nada benévolo. Tras saberse
causante dos males de Tebas como herdeiro dunha caste que ofendeu aos deuses e
descubrir que matou ao seu pai Laio e casou coa súa nai Iocasta (dando
cumprimento á predición dos oráculos), Edipo vaga cego e vello acompañado da
súa filla Antígona sendo rexeitado por todos debido á sona da maldición que
pesa sobre el. Despois de rexeitar a oferta de Creonte, quen o convida a reinar
de novo á súa beira en Tebas para reparar o mal causado, Edipo morre nos
camiños acabando co sufrimento que lle infrinxiron os deuses pero coa certeza
de que deixa esta vida coma un home recto e xusto.
Manuel
María conserva no seu drama a moitos dos personaxes principais deste episodio
mítico, sitúaos no mesmo escenario, a cidade de Tebas, e mesmo inclúe un coro
cunha función moi semellante á que tiña na traxedia grega clásica. A pesar das
licencias, mantén un alto nivel de fidelidade ao relato dos orixinais nun
fluído diálogo co teatro de Sófocles que non pasa por alto as achegas dos seus
intermediarios, aos que seguro que o autor tivo tamén acceso. O resultado é
soberbio, malia a humilísima opinión do autor:
Ao reler, despois de tantos anos,
esta humilde obra da nosa autoría – é abismal a grandeza do mito comparado coas
nosas escasas forzas e saberes – case nos resulta unha descoñecida e máis
inconsistente e pobre do que nós coidabamos. Se a deixamos ir polo mundo
adiante débese a que xa cumpriu a súa maioría de idade, ao teimoso empeño de
bos e xenerosos amigos de ollala en letra impresa e a que quizais sexa
testemuño dunha época aínda non moi afastada en que a nosa literatura se
desenvolvía de xeito heroico e practicamente na clandestinidade e indiferenza.
O
valor literario do Edipo de Manuel
María é altísimo como se testemuña nestas derradeiras liñas e como se pode
deducir sendo quen é a pluma detrás da súa elaboración e tocando os temas que
toca nun galego que aínda hoxe está lonxe de gozar da situación merecida.
Invito a calquera que hoxe e sempre se marabille cos versos de Manuel María a
descubrir esta obra inxustamente relegada a un apartado de “obra menor” do seu
autor, un autor moito máis versátil do que a información institucional está
disposta a recoñecer. Como aperitivo, o parlamento de Edipo na segunda escena
do acto segundo:
Dende entón ben tristeiro é o meu
destino. Andar de lugar en lugar contando historias que narran as fazañas dos
heroes ou facendo rir á xente cos meus versos picarescos en que boto todo o meu
amargor. Xa non sei para que vivo. Só me ten de pé o amor e a fidelidade de
Antígona. Creonte, cando me ollou caído, botoume da cidade. Negoume o anco máis
cativeiro que nin a un can se lle nega. Mais eu fun Rei. Eu non fun nado para
esta vida de vagamundo... Para que fun nado eu...? Calquera sabe! Do que non
teño dúbida é de que fun nado para sofrer. Agora teño saudade do que fun. Do
que puidera ser se as cousas acontecesen doutro xeito. Mais eu non fun dono dos
acontecementos. Os acontecementos foron sempre os meus donos, os que me gobernaron,
os meus señores. Tiveron máis forzas que as que eu tiña. E vencéronme. Era
natural. Nada puiden facer máis que o que fixen: cegar coa miña man os meus
ollos para non ollar tanto arrepío. A miña vida é arrepiante. A min mesmo me
pon medo. Dicídeme, deuses inmortais, que non sofredes, que andades gastando o
voso vagar no Olimpo a xogar cos sofrimentos dos mortais: Por que non me
matades? Por que non me tirades a vida? Por que vos compracedes ollando, con
ollos que eu non teño, esta miña vida noxenta e miserábel? Aínda non vos
semella dabondo? Aínda teño que sofrer máis coitas e novas aldraxes? Deica
cando? Por que non me rematades dunha vez e para sempre? Por que non poñedes
forza no meu pulso para me matar eu pola miña man? Non abonda xa? Queredes
ademais de ollarme cego e vello, ollarme tamén louco?
Feliz
día das letras galegas.
E
lembrade, seguimos precisando a lingua se queremos vencer.
Coa que está caendo, a maioría dos opinadores
profesionais dos internetes e demais medios de comunicación masivos adoitan e prefiren
poñerse solemnes, pedantes, moralistas, aleccionadores e estupidamente
rimbombantes. Talvez o que eu considerei oportuno facer a propósito dos
recentes e fatais acontecementos nunha e outra parte do mundo non sexa mellor
que todas esas grandes contribucións á estulticia humana (selfie de Herrera incluído), pero vaime permitir, polo menos,
desmarcarme un pouco de toda esta fauna, aínda sabendo que a morte e o terror
nunca poden deixar indiferente a ninguén por moita sensatez que unha intente
poñerlle ao asunto.
Xa levo feito varios posts
queixándome sen moito paliativo da degradación da miña especie, que semella
que pola súa propia natureza tende á autodestrución. Por iso considero
innecesario e irrelevante seguir repetíndome na obviedade de que estamos
tolirmos da cabeza e que isto non vai nin pode acabar ben, de modo que busquei
refuxio na literatura, o único invento humano no que sigo confiando plena e
cegamente. O que ocorreu fíxome volver a miña mirada á historia, á traxedia e a
Esquilo. Dun xeito case inconsciente, aínda que non inocente, posto que non hai
moito que tiven que reler Ospersas por outros motivos máis
académicos. E o certo é que non se me ocorre mellor momento para recomendar a
súa lectura ca este.
Corría o ano 472 a.C. Atenas ferve nun ambiente de
euforia que non se pode comparar a ningún outro momento anterior na historia. A
derrota do inimigo bárbaro nas Guerras Médicas é un feito e a cultura de
celebración que xorde arredor dese fito deixa unha notable pegada artística
que, afortunadamente, chega aos nosos días como monumento para o noso disfrute
pero tamén como documento para dar coas claves do que foi. E a traxedia tamén
se suma a esta cultura de celebración dun xeito insólito, posto que cando este
xénero decidira tomar como referencia para as súas tramas feitos do pasado
recente e non do pasado mítico e heroico sempre fracasara. Claro exemplo é o de
Frínico e a súa Toma de Mileto, que
por desgraza non conservamos e, segundo nos conta Heródoto, fixo que o
auditorio horrorizado botase a chorar sen moito consolo. Porén, o momento era
excepcional e Esquilo, o máis grande traxediógrafo do seu tempo e do que
conservamos sete obras magníficas obras, decide poñer o seu (enorme) gran de
area coa traxedia Os persas, na que
se narran as consecuencias da vitoria helena e a derrota aqueménida en Salamina
dende o curioso punto de vista dos vencidos. E digo curioso porque falamos dun
autor grego dando voz aos persas, aos bárbaros, aos que perderon, polo que se
entende xa sen comezar a ler que os protagonistas da historia non saíron moi
ben parados.
Os persas de
Esquilo comeza dun xeito moi canónico a pesar de ser unha traxedia que aínda
hoxe en día lemos como esa rara avis do
seu xénero por facer referencia a un acontecemento real e moi presente na
memoria colectiva dos atenienses. O coro é case omnipresente, coma en todas as
traxedias deste autor, e ese mesmo coro é o que presenta a historia ao
auditorio, citando un por un aos grandes caudillos da expedición persa en
Grecia e loando ao exército comandado polo rei Xerxes, cuxo éxito ou fracaso
aínda se descoñece. Nisto, aparece a raíña (sempre se deduce que é Atosa, a
esposa do anterior rei Darío, pero nunca se chega a utilizar ese nome na obra),
inquieta por un soño no que ve de forma alegórica a caída do seu fillo Xerxes na
batalla de Salamina, algo que lle confirma un mensaxeiro que anuncia que os
persas foron derrotados. Mais Xerxes logra sobrevivir, aínda que iso non minimiza o desastre, logo aínda máis
amplificado pola aparición da sombra do rei Darío, unha pantasma que no diálogo
coa raíña condena a ousadía do seu fillo no seu afán expansionista (Xerxes utiliza
todo tipo de artificios para cruzar o estreito que separa o Imperio Persa da
Hélade e iso na obra considérase un soberbio acto de ὕβρις). Cando a pantasma
de Darío se esvaece, entra en escena un Xerxes esfondado e humillado, coas
roupaxes desfeitas e o orgullo ferido, momento álxido dunha obra que acaba cos
lamentos do rei vencido e o coro de anciáns persas.
Vale, e aghora pensaredes que raio ten que ver todo isto
coa situación actual e co que está a pasar en Francia, Siria, Túnez, Líbano,
etc. Moitos dirán que o do choque de civilizacións é un exercicio de “buenismo”
máis que superado e a cousa que non vai de dicotomías cando o terrorismo (ergo, uns poucos fundamentalistas que só
pensan en dinamitar todo tipo de liberdades) se enfronta á “civilización” (a
democracia capitalista tal e como a entendemos por aquí). Eu digo que nin tanto
nin tan pouco. Evidentemente, négome a poñer a miña sociedade e o meu estilo de
vida á altura duns fulanos que están tronadirmos da cabeza e que non teñen
ningún reparo en matarse e levarte por diante. Pero tampouco quero eludir outras
responsabilidades que se sitúan no meu lado pero que non por iso son nin
considero miñas. Os terroristas non entenden de nacionalidades, nin de causas,
nin de xustiza. Pero ese ente que chamamos Occidente de forma moi etnocéntrica
tamén precisa unha némese, simbólica e a ser posible real. E iso é o que vén de
antigo e ese é o foco de actualidade que sigo vendo na traxedia de Esquilo.
O que quero dicir con esta reflexión próxima ao siloxismo
é que a raíz dos atentados que tantas conciencias sacudiron a mediados deste
mes, non se tardou en demonizar ao outro nin en buscar antagonismos
reducionistas a bos e malos. En definitiva, buscouse fomentar ese choque de
civilizacións que moitos din que non existe pero no que acabamos caendo. Tal e
como ocorreu na Atenas de Esquilo, o cal motivou a composición dunha gran obra,
cunha calidade indiscutible pero cuxo fondo era claramente patriótico e
supremacista. Os helenos pero sobre todo Atenas venceron. A democracia, a
liberdade (ou máis ben, o que eles entendían por democracia e liberdade) e o
seu modo de vivir pasaron por riba dun gran imperio bárbaro gobernado por un
monarca que trataba de equipararse a un deus (moitas das consignas post mortem que oímos dos nosos
políticos e cronistas rezan cousas similares). E había que lembralo. E que
mellor que poñer en escena ao tirano derrotado e farrapento para que a audiencia
contemplase con sorna a envergadura da súa vitoria? Pode que nós non escribamos
no futuro grandes dramas cantando á derrota do noso bárbaro contemporáneo (que
nada ten que ver con estes persas, seino), ou si, é cedo para saber como
rematará esta historia cíclica na que todo se bipolariza e todo é susceptible
de ser un inimigo, sendo imposible convivir nunha paz plena en ningún momento
da nosa historia. Pero xa estamos vendo nalgunha (im)prensa moita literatura
deficitaria que busca xogar ao despiste obviando a raíz do problema. Falsos e
arteiros aspirantes a Simónides ou Esquilo que polo actual estado das cousas
non poden celebrar nin lamentar nada e aínda así perseveran no erro.
Por outra banda, non podo deixar de sentir algo de mágoa
polos persas. Si, mágoa. Esquilo non os deixou en moi bo lugar. Nin Heródoto,
nin ningún autor alleo a eles que quixera plasmar os seus costumes e modos de
vida (xa non falemos de Frank Miller, con todo o atractiva que me poida parecer
a súa arriscada proposta estética na novela gráfica 300). E son esas as únicas fontes que temos á nosa disposición para
coñecer este fascinante pobo da Antigüidade. Seguramente non era o Imperio
ideal para vivir pero como cultura tamén deixaron o seu e esa pegada (e a das
culturas anteriores á aqueménida) tamén a queren borrar algúns dos que agora
pululan por aí liándose a paus sempre en nome dun Alá que, se é que existe,
debe estar moi ata o carallo de que lle canten vivas cos cadáveres en quente. Ese
oriente opulento, maxestuoso e excesivo non tiña cabida na mentalidade grega
das polis e por aquí tampouco collen na cabeza todas esas cousas que se
magnifican tan rápido como estouran as bombas e se baleiran os cargadores das
armas.
Supoño que o conto non cambiou moito. Somos distintos
pero non completamente desiguais, aínda nos podemos recoñecer en todo isto e
iso é parte da inmortalidade dunha obra que podería non ter pasado da mera
“propaganda” (utilizo este termo con cautela porque tampouco existía como tal
na Antiga Grecia). O desenvolvemento da traxedia para min é soberbio e marca a
senda que logo seguiría toda unha tradición de teatro histórico posterior
(véxase Shakespeare, por poñer un exemplo). Un personaxe que existiu, que foi
tan temido polos gregos, fictivízase como heroe tráxico que incorre en ὕβρις,
condenando a toda a súa nación para satisfacción dos veciños que lle fixeron
fronte. Hai momentos de poderosa intensidade dramática e solemnidade, como a
aparición da ánima de Darío, símbolo da experiencia e a sabedoría do poder pero
tamén voz do atenocentrismo que impera na obra, coma o mensaxeiro ou o coro
nalgúns momentos. Non por iso perde esta escena na que se anticipa a caída en
desgraza do seu sucesor Xerxes, que sofre nas súas carnes as fatais
consecuencias do destino como calquera protagonista tráxico pese a non
pertencer ao relato mítico.
E como todo artefacto que precisa a experiencia do lector
para enriquecerse e pasar a ser unha obra plena, Os persas coñeceu algunha que outra nova interpretación que dá
conta da súa rabiosa actualidade. E para ledicia nosa, en galego! A mediados
dos 90, Manuel Lourenzo deu forma a un monólogo cuxo título era idéntico ao da
traxedia de Esquilo e no que nos volvía contar a historia pero con algunha novidade
do máis sobresaínte. Unha obra breve, enigmática e de ton máis ben pacifista
que lle daba un pouco a volta á historia. Mágoa que sexa case imposible de
atopar fóra do ámbito académico, porque é unha auténtica delicia.
Supoño que isto é todo o que cabe nun comentario tan amateur pero que creo que vén ao caso.
Non sei se todos os que poidan ler isto o verán do mesmo xeito ca min, dubídoo (e algún seguramente pensará que a cousa está moi forzada),
mais non me parece oportunista nun momento coma este revisar un clásico de tal
envergadura. De seguro que iso non responde a todas as preguntas nin soluciona
nada pero penso que supón unha axuda para ir entendendo algo. Évos o de sempre,
procedemos dalgún sitio, tamén dos máis remotos, e ignoralo pode ser fatal.
Pero boeno, se isto serve para que unha soa persoa sinta ganas de botarlle un
ollo a esta traxedia, xa me dou por satisfeita. É doadiña de atopar, seghuro que buceando un pouco en internet xa se atopa unha copia, é o bo que ten ler obras sen dereitos de autor.
Teño falado moito con
miña nai do pasado. Da nosa aldea, dos nosos costumes, dos nosos devanceiros... E nese continuo divagar sobre quen somos, de onde
vimos e a onde imos, no que evocabamos de xeito máis ou menos morriñento
aquelas Galicias labregas que existían en cada lar e tamén no noso, miña nai
remataba por citar a modo de axioma o comezo daquel libro que tantas veces e
con tanto pracer lera. Un comezo que a identificaba e que para todos os que
agora levamos sobre as costas a memoria dos nosos avós e avoas é tan
significativo como tivo que selo o Μῆνιν ἄειδε θεὰ Πηληϊάδεω Ἀχιλῆος οὐλομένην
para os antigos gregos ou o En un lugar
de la Mancha de cuyo nombre no quiero acordarme para os nosos veciños de alén
dos Ancares. En Galicia non temos un Aquiles nin un Quixote, mais temos un
Balbino, posiblemente moito máis heroico para nós que os dous anteriores.
Hoxe déixanos a memoria daquela Galicia que foi. Unha
Galicia rural, nada doada, inxusta, case sempre miserenta e dura na que as
infancias non adoitaban estrañarse. Unha Galicia de “ninguéns”, apátridas que
nunca quixeron selo, caciques e señoritos cada vez máis fácil de esquecer, pois
a conciencia murcha cada vez que desaparece un dos nosos maiores. Unha
experiencia que cada vez coñecemos menos pois cada vez queda menos xente que
nola conte e a partille connosco. Mais Xosé Neira Vilas tivo a enorme bondade
de valerse da literatura para que todo
iso non se perdese, plasmando aquela crúa realidade no particular νόστος de
Balbino, símbolo xa imperecedoiro da Galicia dos nosos avós e avoas. El debuxou un excelente e fiel retrato desta Galicia, da que procedemos e da que tantas penurias se teñen
contado, pero que nos deixou un valioso capital cultural, unha lingua
conservada no máis hostil dos ambientes e un compromiso para as xeracións
vindeiras: que nunca máis nos autodenominemos “ninguén”.
Comparar a Neira Vilas con Homero ou con Cervantes non
debería implicar unha ousadía para ninguén que hoxe lamente o pasamento do
autor de Vila de Cruces e sexa consciente do impacto real da súa obra. Do mesmo
xeito que miña nai sempre busca o máis lírico dos seus tons para recitar con
orgullo ese Eu son Balbino, un rapaz de
aldea, coma quen dis un ninguén, son moitos os que se ven a si mesmos no
comezo destas Memorias dun neno labrego
e o entoan co mesmo ímpeto. E somos moitos xa os que só temos estas páxinas
para acceder á nosa memoria colectiva, esa que xa para sempre quedou fixada por
este xenial e prolífico autor, ao que lle sobraron folgos e talento ata o seu
último suspiro.
Neste chuviñento día de novembro, perdemos outro ilustre,
outro batallador incansable da lingua e da cultura, outro bo e xeneroso que
tanto nos legou. Balbino quedou orfo e toda Galicia tamén.
A
terra non che será leve, senón que te acollerá con tanto amor como ti lle
profesaches.
Pasou o día e todo
segue igual. A avogacía do demo abre as
súas portas para anunciar que non foi para tanto. Non foi tan traumático. Ou
iso quero crer.
Recordo poucas festividades de exaltación do patrimonio
cultural propio tan controvertidas coma a de onte. Máis ben, non recordo
ningunha. Aínda así, semella que a campaña electoral tivo aos principais
baluartes da loita contra o oficialismo lingüístico e literario da nosa terra o
suficientemente lobotomizados como para non facer moito ruído ao respecto. Non
houbo boicot porque tocaba mítin, supoño. Pese a todo, houbo tensión e varios “tuits”
urticantes que, por uns minutos, intentaron incendiar a celebración do Día das
Letras Galegas (o único día no que se xulga necesario defender a nosa lingua,
polo visto) e a dedicatoria ao homenaxeado deste ano 2015: Xosé Filgueira
Valverde.
Intentarei poñerme ultra-analítica para non provocar
malentendidos e porque creo a ocasión o merece, xa que a cuestión é o
suficientemente peliaguda como para que nos paremos un chisco a reflexionar
sobre ela. O nomeamento de Filgueira Valverde como homenaxeado do Día das
Letras pasou por riba de nomes de certa sona e relevancia que se consideraron “superiores”
ao do candidato finalmente escollido e por riba doutros que nin sequera foron
propostos nin tomados en consideración. É posible que outros o merecesen antes
que el e tamén podo considerar probable que el o merecese antes que outros. Por
que non? Mais, con tanto erudito morto ás nosas costas, non debería resultarnos
estraño que a arbitrariedade mande nunha decisión anual tan agardada (obviando
o pequeno detalle de que é algho triste que teñas que botar un mínimo de dez
anos no nicho para que che recoñezan a túa labor en defensa ou cultivo da
lingua galega, pero xa me meterei nese “freghado” noutro momento).
Nunca
chove a gusto de todos pero neste caso foi aínda máis heavy. Tratábase dun destacado autor en lingua galega, si; un
fulano que demostrou un certo compromiso co idioma, vale; un señor destes que
tanto che escribía un tratado sobre costumes, historias e demais “batallitas”
como che botaba a andar un proxecto editorial galego e en galego en plena
posguerra. Pero tamén foi político. E non un calquera. Foi alcalde de
Pontevedra durante o franquismo, o mesmo que se cebou coa nosa fala e coa nosa
cultura durante esa Longa Noite de Pedra que a veces semella que aínda está por
rematar. As institucións encargadas de tal designación non tardaron en ser ferozmente
sinaladas co dedo por mostrar certa condescendencia con esa mancha no historial
vital do tal Filgueira. Vaia cocho colaboracionista! Que vergonza! Indignante
que a RAG lle vaia conmemorar nada a ese fulano! De pouco lles serviu aos que
esgrimiron amables sentencias do estilo destas que se lles lembrase a
importante achega que supuxeron os volumes de Adral ou Bibliófilos Gallegos, por poñer algúns exemplos. E pode
ser comprensible. Pero, como ben recordou Manuel Rivas nun artigo xa vello
publicado na revista Luzes a
propósito da designación de Filgueira Valverde, Platón tamén estivo en Siracusa.
E ninguén lle foi pedir contas a Platón, engado eu.
Suponse
que o 2015 debe pasar a historia coma o ano no que a RAG e os seus acólitos
tiveron a valentía de recoñecer a labor dun persoeiro non vencellado a todas
aquelas correntes ideolóxicas coas que se relaciona a miúdo a defensa do
galego. É máis, suponse que tiveron a ousadía de recoñecer a alguén que formou
parte activa dun réxime que por pouco nos afoga na lama sen que iso impedise a
súa redención como destacado literato e estudoso das nosas letras. Dende o meu
punto de vista, debería ser positivo e un saudable exercicio de madurez como
pobo e como entidade cultural que busca un lugar consolidado no mundo,
recoñecermos que non todas as grandes figuras da nosa lingua e literatura son
modelos. Hai que ser un referente moral, ideolóxico e político para ser un bo
escritor e viceversa, un bo escritor debe erixirse nunha indiscutible
referencia moral e ética? Probablemente non. Ou pode que si. Mesmo os que
dalgún xeito consideramos modelos sen fisuras, teñen algunha lagoa na súa vida
e obra. Para min, ese é o erro de base. Erro que tivo como fatal consecuencia
unha notable falta de entusiasmo por celebrar o Día das Letras deste ano. Mais,
como sucede en todo, hai moita hipocrisía ao respecto, xa que “o vello profesor”,
como nalgúns círculos se coñecía a Filgueira Valverde, non é o primeiro nin será
o último personaxe distinguido das nosas letras cuxa vida e traxectoria se
poñen en cuestión. Porén, a memoria é fráxil e a ignorancia altamente atrevida.
O
caso é que ao final, non foi para tanto. Seguimos aquí. Sendo galegos por obra
e gracia do idioma, como sabiamente acuñou Castelao. Lembrar as pifias e
virtudes de Xosé Filgueira Valverde non resultou ser a apocalipse final e a
cabeza de Alonso Montero non rodou. Despois de darlle moitas voltas, a miña
conclusión é que claramente había outros que o merecían máis que o homenaxeado
deste ano. Sen dúbida, pois cada unha ten os seus gustos e preferencias. Pero este
ano, no que pode que se buscase de forma un pouco torpe e forzada unha especie
de reconciliación, tocou enxalzar o legado dun intelectual galego que nun
momento da súa vida se adheriu á estrutura dun réxime totalitario que nos mexou
moitirmirmo por riba.
Valoraría
moi positivamente, polo tanto, que a tan deostada academia demostrase a mesma
valentía (ou facilidade, depende de como se mire) que quixo mostrar este ano,
nomeando para o vindeiro ou nos seguintes a outro gran intelectual sen cuxa
achega non se entende a conformación do canon da literatura galega actual e
que, dende un ámbito diametralmente oposto ao de Filgueira Valverde, tamén
traballou arreo pola lingua. Figura senlleira dunha realidade lingüística incómoda,
destas que proe e que, podendo gustar máis ou menos está aí e forma parte da
historia da nosa lingua. Si, estou falando de Ricardo Carvalho Calero (como
imaxino que a el lle gustaría ser coñecido), o eterno rexeitado por aqueles
puristas para os que, máis que nunca, o idioma segue sendo unha cuestión
política. Filgueira pode valer pero seguramente tamén era máis doado. E iso tampouco mola.
A
ver con quen a lían o ano que vén. Sexa quen sexa, que iso non nos quite o noso
orgullo nin os azos necesarios para seguir mantendo viva a nosa lingua. Todos
os días do ano.
Chavalada,
fághome vella. A miña masa encefálica e os meus niveis de aghuante decrecen a
un ritmo esaxeradamente rápido. Apagho a tele para non enervarme, abro os
xornais con medo e ghomito coa literatura das redes sociais. Nada me divirte xa
nestas dúas semanas de intensa campaña electoral nas que adoitaba pasalo teta.
Que cambiou agora, logo, para que todo isto xa non esperte un mínimo interese
en min? Pois que non cambiou nada.
Antes
de que me cuspades e vos caghedes en min polo meu repugnante nihilismo
anarco-pesimista carente de todo gusto estético, tratarei de xustificar mais ou
menos convincentemente a miña premisa. Dende os 16 anos vivo estas épocas
doutro xeito. Ao cumprir esa idade presteille máis atención a todo o relativo á
res publica, intentando informarme e
construírme unha opinión verdadeiramente crítica, facendo cousas tan marcianas
como ler os programas electorais dos partidos e ir a todos (si, a todos) os
mitins de calquera signo, color, olor e sabor político. Así mesmo, a comedia
das promesas que xamais se poderán cumprir era francamente entretida e incluso
daqueles momentos nos que o politiqueo vario finxía partillar ideas podía sacar
algo en limpo. Nun mundo en constante movemento, as persoas evolucionan (ou
involucionan). Pasan cousas. Cousas que te fan rir, chorar, replantexarte todos
os teus principios morais e éticos... Vólveste máis individualista, máis
esixente e máis celosa da túa integridade. Posiblemente te volvas tamén máis
coñazo de persoa pero o caso é que cambias. Sen darte conta. E cambias máis
radicalmente que o discurso oficial. Percátaste entón do maniqueísmo das
distintas posturas e danche noxo. Non ves máis que fachada e disfraces onde
antes vías ideoloxía e desenmascaras máis rapidamente aos falsos profetas (que,
desgraciadamente, son o 99% do montón). Contemplas indignada e horrorizada como
algúns dos que máis queres se deixan levar e acaban totalmente absorbidos por
esa mestura de postureo, superioridade intelectual e desprezo do individuo e a
súa contribución á sociedade. Sofres unha especie de síndrome de Pasternak (se
é que tal cousa existe) e tratas de fuxir e evadirte de todo o que antes che podía
infundir un certo interese. Nin sequera cres que ese sexa o camiño para vivir
nun mundo mellor e pasas ao debate sobre as distintas formas de utopía (im)posibles
cunha almofada que pouco entende diso e dá a calada por resposta. O día que as
almofadas falen...
Parecéndome preocupantemente a este neno en 3, 2, 1...
Os
puntos sobre das comas: todo isto non quere dicir que a política ma traia moi
frouxa, nin moito menos. Aínda non cheguei a ese estadio e espero non chegar. É
algo que nos compete a todos e implica un mínimo de compromiso por parte de
cada un. Non vale de nada queixarse no bar se logo non se ergue a voz na praza
pública ou non se vai votar. De primeiro de lóxica. Aínda que o desencanto e a
decepción nos invadan como Woody Allen a Polonia despois de escoitar a Wagner,
debemos participar. Libremente e sen coaccións de ningún tipo (isto tamén
semella algho utópico). Pero en plena campaña o único que sinto é fastío e
aburrimento de tanta lírica falsamente reivindicativa, tanta arenga entusiasta
e tanta dialéctica anoxada. Por cuadriplicado, porque aghora fúndanse partidos
coma quen planta patacas. A area do coliseo político anuncia pelexas sen brío,
espectáculos de terceira na que os contendentes brúan e fastos caciquís sen
moito opositor que os rebente.
Como
todo isto xa non me enche e no curto prazo dun ano cheguei a odialo con todas
as miñas forzas, nestas eleccións decidín facer a contracampaña. As enquisas
non falan de min (nin falta que lles fai) pero nun exercicio de narcisismo e
petulancia extrema vou darlle o suficiente bombo ás 15 cousas que me gustan
máis que estes 15 días de merda nos que teremos que ver, escoitar e padecer de
todo. Para iso, vou contraprogramar a literatura resesa e trapalleira dos
políticos de turno, mendicantes de votos que nos bombardean coas súas
fedorentas consignas todo o santo día, con boa literatura. Con literatura de
verdade. Con algo que aínda nos fai humanos e vale a pena desfrutar. Coido que
esta contraposición desmotivada de conceptos antagónicos non servirá
absolutamente para nada pero polo menos poderei regalarme unha catarse decente
antes do temido ou anhelado (depende en que partido se milite) 24-M...
Nota:
todo isto estará inzado de traducións pedestres e traducións de traducións,
para que me odiedes aínda máis. E vou ser aínda máis mala (aproveitando que se
trata na súa maioría de obras que hai tempo que venceron a fronteira dos
dereitos de autor): a ver se sabedes de quen é cada fragmento e así “estrujades”
un pouco o cerebro se a megafonía ultradecibélica volo permite...
"Cando chegou á abadía, Mosén Millán
estivo dúas semanas sen saír salvo para a misa. O pobo enteiro estaba calado e
sombrío, coma unha inmensa tumba. A Xerónima volvera saír e ía ao carasol, ela
soa, falando consigo mesma. No carasol daba voces cando cría que non podían
oíla, e outras veces calaba e poñíase a contar nas rochas as pegadas das balas.
Un ano pasara dende todo aquilo, e
parecía un século. A morte de Paco estaba tan fresca, que Mosén Millán cría ter
aínda manchas de sangue nas súas roupaxes. Abriu os ollos e preguntou ao
sancristán:
-Dis
que xa marchou o poldro?
-Si,
señor.
E recitaba na súa memoria,
apoiándose nun pé e logo noutro:
-...y
rindió el postrer suspiro
al
señor de lo creado. – Amén.
Nun caixón do armario da sancristía
estaba o reloxo e o pano de Paco. Non se atrevera Mosén Millán aínda a levarllo
aos pais e á viúva do morto.
Saíu ao presbiterio e comezou a
misa. Na igrexa non había ninguén, coa excepción de don Valeriano, don
Gumersindo e o señor Cástulo. Mentres recitaba Mosén Millán “introibo
ad altare Dei”, pensaba en Paco, e
dicíase: é verdade. Eu bauticeino, dinlle a unción. Polo menos – Deus o perdoe –
naceu, viviu e morreu dentro dos ámbitos da Santa Nai Igrexa. Cría oír o seu
nome nos labios do agonizante caído na terra: “...Mosén Millán”. E pensaba
aterrado e entenrecido ao mesmo tempo: Agora eu digo en sufraxio da súa alma
esta misa de réquiem, que os seus inimigos queren pagar."
"Lolita, luz da miña vida, lume das
miñas entrañas. Meu pecado, miña alma. Lo-li-ta: a punta da lingua emprende
unha viaxe de tres pasos dende o borde do paladar para apoiarse, no terceiro,
no borde dos dentes. Lo.Li.Ta. Era Lo, simplemente Lo, pola mañá, un metro corenta
e oito de estatura con pés descalzos. Era Lola con pantalóns. Era Dolly na
escola. Era Dolores cando firmaba. Pero nos meus brazos era sempre Lolita."
"Logo do meu nacemento, o luminoso
ceo volvera xa nove veces ao mesmo punto, en virtude do seu movemento
xiratorio, cando apareceu por primeira vez ante os meus ollos a gloriosa dama
dos meus pensamentos, a quen moitos chamaban Beatriz, na ignorancia de cal era
o seu nome. Transcorrera da súa vida o tempo que tarda o estrelado ceo en
percorrer cara Oriente a duodécima parte do seu grao e, polo tanto,
aparecéuseme ela comezando o seu noveno ano e eu vina case rematando os meus
nove anos. Levaba indumento de nobilísima, sinxela e recatada cor vermella, e
ía cinguida e ornada da guisa que cumpría aos seus xuvenís anos. E digo en
verdade que á sazón o espírito vital, que no recóndito do corazón ten a súa
morada, comezou a latexar con tanta forza, que se mostraba horriblemente nas
menores pulsacións."
"Sete anos se engaden xa aos meus
trinta,
páxinas da miña vida xa arrincadas.
E xa me salpican canos cabelos,
Xantipa, mensaxeiros da idade da
sabedoría.
Pero aínda me agradan o son
falangueiro da lira e as esmorgas,
e o lume aínda fumea no meu
corazón insaciable.
Por favor, este mesmo colofón,
Musas,
escribídeo rápido, señoras,
como punto final á miña loucura."
"Alá atrás, Pedro Páramo, sentado no
seu equipal, mirou o cortexo que ía cara o pobo. Sentiu
que a súa man esquerda, ao querer erguerse, caía morta sobre os seus xeonllos;
mais non fixo caso diso. Estaba afeito a ver morrer cada día algúns dos seus
anacos. Viu como se sacudía o paraíso deixando caer as súas follas: “todos
escollen o mesmo camiño. Todos marchan.” Despois volveu ao lugar onde deixara
os seus pensamentos.
-Susana
– dixo. Logo pechou os ollos – Eu pedinche que regresaras...
... Había unha lúa grande no medio
do mundo. Perdíanseme os ollos mirándote. Os raios da lúa filtrándose sobre a
túa cara. Non me cansaba de ver esa aparición que eras ti. Suave, refregada de
lúa; a túa boca abullonada, humedecida, irisada de estrelas; o teu corpo transparentándose na
auga da noite. Susana. Susana San Juan.
Quixo erguer a man para aclarar a imaxe;
pero as súas pernas retivérona coma se fose de pedra. Quixo erguer a outra man
e foi caendo amodo, de lado, ata quedar apoiada no chan coma unha muleta
detendo o seu ombro desosado."
"Seino todo. Canto ti poidas dicirme
penseino xa eu e repetino mil veces deitado alí na escuridade... Todo iso xa o
discutín comigo mesmo, ata o seu menor detalle, e seino todo! Que farto estaba
xa de todo! Que farto de toda esa leria! Quería esquecelo todo e volver a
empezar, Sonia! Acaso pensas que me lancei de cabeza a facer o que fixen,
cegamente, coma un parvo? Ao contrario! Fun de listo e iso foi o que me perdeu!
Pensas que eu non sabía, por exemplo, que, se empezaba a preguntarme: “Teño
dereito ao poder?”, era sinal de que non tiña dereito a el? Ou ben que se me
preguntaba: “O ser humano é unha sambesuga?”, iso xa quería dicir que para min
o ser humano non é unha sambesuga. Pero si que o é aquel a quen non se lle
ocorre preguntarse iso e actúa de fronte e sen vacilar? Se pasei tantos días
atormentándome para decidir se Napoleón se lanzaría ou non se lanzaría adiante,
era evidente que no meu interior me decataba claramente de que eu non era un
Napoleón... Soportei, Sonia, a tortura de toda esa leria e quería sacudilo todo
de enriba miña: Quería matar, Sonia! Sen casuística, matar para min, para min
só. Non quería mentir niso, nin sequera a min mesmo! Non matei para axudar a
miña nai, iso é unha parvada! Converterme nun filántropo unha vez tivese nas
miñas mans os medios e o poder! Que parvada! Sinxelamente matei! Matei para
min, para min só; e naquel momento dábame igual se me convertería despois nun
filántropo ou se pasaría toda a vida dedicado a atrapar á xente na miña
arañeira, chupándolles a todos o sangue... E o grave, Sonia, é que cando matei,
non eran os cartos o que necesitaba; non necesitaba tanto os cartos coma outra
cousa... Agora que o vexo... Compréndeme: é posible que, seguindo o mesmo
camiño, xamais volvería asasinar. O que necesitaba era saber outra cousa, era
outra cousa o que movía a miña man; daquela eu necesitaba saber – e sabelo
canto antes – se era unha sambesuga coma as demais ou unha persoa. Se tería ou
non forzas para franquear os obstáculos, se me atrevería a inclinarme e tomar o
poder ou non. Se era unha criatura temerosa ou tiña dereito..."
"¡Desgraciado! O teu valor perderate.
Non te apiades do tenro infante nin de min, infortunada, que axiña serei viúva;
pois os aqueos hante acometer todos a unha e acabarán contigo. Preferible sería
que, ao perderte, a terra me tragase, porque se morres non haberá consolo para
min, senón pesares; que xa non teño pai nin venerable nai. Ao meu pai matouno o
divino Aquiles cando tomou a populosa cidade dos cilicios, Tebas, a de altas
portas: deu morte a Etión, e sen despoxalo, polo relixioso temor que lle entrou
no ánimo, queimou o cadáver coas labradas armas e erixiulle un túmulo, ao redor
do que plantaron chopos as ninfas Oréades, fillas de Zeus, que leva la éxida. Os
meus sete irmáns, que habitaban no palacio, descenderon ao Hades o mesmo día;
pois a todos os matou o divino Aquiles, de pés lixeiros, entre os bois de tornátiles
patas e as cándidas ovellas. A miña nai, que reinaba ao pé do selvoso Placo,
tróuxoa aquel co botín e púxoa en liberdade por un inmenso rescate; pero
Ártemis, que se comprace en tirar frechas, feriuna no palacio de meu pai.
Héctor, agora ti es o meu pai, a miña venerable nai e o meu irmán; ti, o meu
florecente esposo. Pois, sé compasivo, queda na torre —¡non fagas a un neno
orfo e a unha muller viúva!"
"Odi et amo. Quare id faciam,
fortasse requiris.
Nescio. Sed fieri sentio et
excrucior."
(Síntoo,
este non podía traducilo, é demasiado xenial no seu idioma)
"Rezaba desesperadamente. Cada
oración ía seguida doutra máis ardente. De cada vez un impulso novo o levaba a
unha terceira oración. Atordoado como un borracho, experimentaba esa lixeireza
do corpo que parece liberar a alma. Non se arrepentía de nada. Daba grazas a
Deus por non permitir que se fose sen este viático da partida. Ela suplicáralle
que quedase. El marchara á hora prevista. Esta palabra cumprida consigo mesmo
confirmábao nas súas tradicións de honor e a inmensidade do seu sacrificio
parecíalle que implicaba a Deus. Para mellor abstraerse de todo, cubría a cara
coas súas mans que lle devolvían o perfume da carne agarimada. Non tendo xa
nada máis que esperar da vida, lanzábase á morte como a un desenlace necesario.
E, convencido de cumprir coa súa morte como cumprira coa súa vida, saloucaba de
felicidade."
"Cara arriba flúen xa as augas dos
sacros ríos;
a xustiza e todo xace por terra.
Enganosa é a alma do home e non
vale
a fe na que se invoca aos deuses.
Mais a miña vida de novo terá nas
historias inmensa gloria;
honrado será o sexo feminino.
Xa no haberá mala fama que pese
sobre muller ningunha.
Cesarán as cancións de antigos poetas
que agora
sempre insisten na miña pérfida
mente.
Non nos deu Febo señor do canto,
el don da harmónica lira;
soarían se ocorrese os meus himnos
contra a raza
dos homes. O tempo no seu
transcurso
tantas cousas poderá relatar de
nosoutras como deles.
Ti do fogar paterno navegaches
con espírito insan y a dobre barreira
franqueaches
das rochas mariñas;
e habitas en terra estraña
privada de esposo e leito,
pobre de ti, e destérrante
de aquí con oprobio.
Foise o respecto dos xuramentos,
o pudor xa non é dono da Hélade
inmensa; voou ao ceo.
Ti na morada paterna
non podes botar a áncora
dende o mar das túas dores
e outra raíña casa e tálamo
a quitarlle vén."
"Este vaise i aquel vaise
E todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
Que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
E campos de soledad,
E nais que non teñen fillos
E fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
Longas ausencias mortás,
Viudas de vivos e de mortos
Que ninguén consolará."
Non
me miredes así, a literatura éche unha arte moi polimorfa.
Que
teñen que ver a gran poetisa do Rexurdimento galego e un dos xigantes de
Silicon Valley? A primeira vista, parece que moi pouco, mais hoxe o noso
buscador de referencia, Google, deunos unha grata sorpresa e gañou con razón a
simpatía daqueles que veneramos a Rosalía de Castro case do mesmo xeito que os
helenos da Antigüidade Clásica deberon venerar a Homero. Matriarca das nosas
letras, dona dun espírito literario inconformista, xenio e figura en definitiva,
a gran Rosalía tamén merecía o seu lugar nesta especie de paseo da fama virtual
que é o doodle, á beira doutras
autoridades da literatura universal coma Tolstoi, Dickens, Jane Austen ou
Albert Camus, por citar uns poucos.
Celebrar
a Rosalía sempre debería pasar do día de hoxe e todos os días deberiamos quitar
o po dos nosos exemplares de Cantares
Gallegos e Follas Novas para
redescubrilos. Ninguén cantou ás saudades e ás coitas dos seus coetáneos coma
ela. Seu é o retrato dunha Galicia esfolada, dunha terra asoballada, de homes e
mulleres sen folgos cos que ela se identificaba completamente. Os seus
magníficos versos, que son historia viva da literatura en galego, debuxan a
anguria e o pesar producidos por esta situación, pero tamén levan o selo da
rebeldía e da loita contra a opresión. Cando non tiñamos nin medio chanzo
subido na dignificación e normalización do idioma, cando ninguén se plantexaba
políticas de igualdade nin nada parecido e cando case non tiñamos consciencia
da nosa propia identidade como pobo, ela ousou. Ousou ser muller. Ousou ser
unha muller intelixente. Ousou ser unha muller intelixente que escribía. E,
sobre todo, ousou ser unha muller intelixente que escribía en galego. O colmo,
vamos. Hoxe Rosalía sería punk e
antisistema. Era moi ghrande Rosalía.
Nunha
ocasión, escoitei dicir nunha palestra á profesora Teresa Moure (abandonando un
pouco o ton académico da súa conferencia) que Galicia era unha queer nation. Concluía ela en clave
positiva que eramos diferentes, por moitos motivos, pero o máis alucinante da
nosa cultura, segundo ela, e que nos convertía claramente nunha queer nation, era que a nosa figura literaria de cabeceira era
unha muller con todas as características que citei no anterior parágrafo. E iso
mola. Máis que o leite. E a pesar de todas as pequenas tempestades que asolan á
cultura galega en xeral, somos quen de exhibir con orgullo esa marabillosa “rareza”.
Por iso os perfís das redes sociais de media Galicia amenceron cunha captura do
xa celebérrimo doodle. Porque a nosa
bandeira, en realidade, é unha páxina asinada por Rosalía.
O
canon a veces fai ben o seu traballo e gracias a iso temos a Rosalía ata na
sopa, tamén en Google. O mundo estaría tolo se non a elevara á categoría de
icona. Certo é que este feito sempre entraña inconvenientes (algúns dunha
magnitude moi semellante á espectacular popularización das camisetas dos
Ramones) pero non pode ser para menos, xa que só unha ínfima parte do noso
legado cultural en galego se pode entender sen Rosalía. Sempre volvemos a ela,
sempre a reivindicamos, sempre relemos os seus poemas tratando de atopar o quid aos problemas de hoxe... Sen a súa
poesía faltaríannos unhas cantas vértebras na columna da literatura e da
cultura galegas. “Y lo sabes”!
É
que... A ver? Como diría o cómico, “no lo digo, lo hago”! Como non se lle vai
dedicar un doodle á persoa que
escribiu este marabilloso prólogo (dignificando así un case subxénero literario
que adoitamos pasar por alto con moita frecuencia)!
E ¡sófrese tanto n'esta querida
terra gallega! Libros enteiros poideran escribirse falando d'o eterno
infortunio que afrie os nosos aldeans e mariñeiros, soya e verdadeira ente d'o
trabaIlo n'o noso pais. Vin e sentin as suas penas como si fosen miñas, mais o
que me conmoveu sempre, e po-lo tanto non podia deiar de ter un eco n'a miña
poesia, foron as innumerables coitas d'as nosas mulleres: criaturas amantes
para os seus y os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo, como
brandas de corazon e tamen tan desdichadas que se dieran nadas solasmentes para
reer cantas fatigas poidan afriir, á parte mais froa e inel d'a humanidade. N'o
campo compartindo mitade por mitade c'os seus homes as rudas faenas, n'a casa
soportando valerosamente as ansias d'a maternidade, os traballos domesticos e
as arideces d'a probeza. Soyas ó mais d' o tempo, tendo que traballar de sol á
sol, e sin auda pra mal manterse, pra manter os seus fillos, e quisais o pai
valetudinario, parecen condenadas á non atoparen nunca reposo se non n'a tomba.
Como
non se lle vai dedicar un doodle á
autora cuxos versos morriñentos aprendemos na escola incluso antes que a táboa
de multiplicar!
Adiós ríos, adiós fontes
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos,
non sei cándo nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde m’eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei.
(E
segue, eh, pero hai que abreviar)
Como
non se lle vai dedicar un doodle a
quen nos provoca case 200 anos despois estas catarses!