venres, 11 de decembro de 2015

Contos de Nadal (IV): “The Star Wars Holiday Special”


Este é, sen lugar a dúbidas, o decembro máis atípico da miña vida. Hai dúas cousas que lograron facerlle sombra a Mariah Carey, aos anuncios de colonias e a Justino (o novo rostro da lotaría do Nadal). Por un lado están as cuartas (CUARTAS!) eleccións que teñen lugar neste país no presente ano 2015 e, por se iso fose pouco, deixan o prato máis forte, unhas xerais, para o final. Xa se pode un imaxinar como anda o asunto, todos os candidatos a golpe de Jess Extender dialéctico para ver quen ten a pirola máis longa, sen que importe moito todo o demais. Pero por outra banda, hai un acontecemento que me fai bastante máis feliz e ese non é outro que o regreso da saga STAR WARS!!!

Antes de continuar debo pedir desculpas ao respectable porque ben podían termas reclamado. Hai cousa de ano e moito fixen unha publicación sobre o fenómeno Star Wars na que prometín unha continuidade que nunca chegou a producirse. Ía falar sobre as dúas triloxías acabadas da saga con máis detalle en publicacións máis específicas pero por diversos motivos que non veñen ao caso e que, fundamentalmente, son escusas, iso nunca chegou a ver a luz. E neste decembro confuso véxome obrigada a comezar a casa polo tellado. A publicación que traio hoxe tamén tiña ganas de facela pero en certo modo carece de sentido sen todo iso que nun momento dado tiña pensado facer sobre esta marabillosa saga. E como estamos en tempo de promesas, promesas e máis promesas eu tamén vou prometer algo (sobre todo a min mesma, o meu público non sei se mo esixirá) porque eu si que podo: prometo que despois desta publicación e da mais que probable reseña que farei despois do Nadal sobre O Espertar da Forza (que se estrea o próximo 18 de decembro), poñereime a tope con cada unha das películas da saga e intentarei traer á Cólquide o mellor monográfico sobre Star Wars en galego que se recorde nesta galaxia e mais na moi, moi lonxana.

Dito todo isto, debo formular unha segunda captatio beneuolentiae. Por que The Star Wars Holiday Special? Por que unha tortura china como preámbulo? Por que o documento warsie máis próximo ao esterco de todo o universo coñecido para celebrar un agardadísimo regreso cinematográfico? Ben, pois todo isto ten unha explicación. Algo longa, si, pero explicación ao fin e ao cabo.

Hai un ano e algo non había expectativas, só a constancia de que J.J. Abrams (Perdidos, as novas entregas de Star Trek) se propuxera resucitar a saga creada hai 38 anos por George Lucas. Non podía haber expectativas porque despois de asistir á xestación de tres truñacos a finais dos 90 e nos primeiros anos 2000 sobre a conversión de Anakin Skywalker en Darth Vader (con empachos de CGI, erros garrafais de casting e guións sen traza), os fans mirabamos con escepticismo que houbese alguén neste mundo capaz de meterse no freghado dunha terceira triloxía. Todo iso cambiou hai exactamente un ano, pois o pasado Nadal o Apalpador tivo a ben obsequiarnos co primeiro tráiler de O Espertar da Forza. E aquilo foi non un mar, senón un océano enteiro de expectativas. Nun minuto escaso había todo isto: unha voz non identificada dicindo que houbo un espertar e se o sentimos, o actor John Boyega ataviado co uniforme dun soldado imperial, un novo deseño de androide que logo soubemos que se chamaba BB-8, soldados imperiais nunha nave preparados para lanzarse a quen sabe onde, a actriz Daisy Ridley nun peculiar vehículo polo deserto, o intérprete Oscar Isaac pilotando un X-Wing, un tipiño todo de neghro que non parecía moi bo e que empuña o sable láser definitivo (máis semellante a unha espada medieval que ao tradicional sable láser) e, como guinda, o Falcón Milenario en pleno voo coa inmortal banda sonora de John Williams de fondo. Un minuto brutalísimo que nos puxo a todos os dentes moi longos.


Pero a cousa non rematou aí e seguiron xogando coa nosa fame e sede de material novo. En abril deste ano, un segundo tráiler teaser trouxo novas e poderosas imaxes para seguir alimentando expectativas: un destrutor imperial ruinoso nas areas do deserto co tema Binary Sunset de fondo, unha voz en off que repite case ao pé da letra aquilo que Luke lle revelaba a Leia en Endor no Retorno do Jedi (A forza é moi intensa na miña familia e todo ese rollo), a máscara de Darth Vader deformada e case presentada como reliquia, R2-D2 tocado por unha man biónica que non sabemos aínda moi ben de quen é (pode ser Luke ou pode non selo), un sable láser pasando dunha man a outra, máis X-Wings mentres a música sobe a fortissimo, sables láser do lado escuro, carreiras e explosións, un exército imperial enorme, destrutores, novos viláns, o novo androide BB-8, outra vez o Falcón Milenario... E como punto álxido case orgásmico a reaparición de dous dos personaxes máis queridos da saga, Chewbacca e un xa ancián Han Solo sentenciando o seu regreso de xeito metaliterario, coma se os seus propios personaxes fosen conscientes do agardados que estaban a ser por todos. Foi tal o subidón de adrenalina que me deu vendo este tráiler... É un puto peliculón en si mesmo, todo vai in crescendo, é imposible que non che entren ganas de ver a película despois de botarlle un ollo a este segundo tráiler.


Chega o mes de outubro e aínda coa resaca do día de Regreso ao Futuro, póñome a ver o tráiler definitivo. Aínda que este xa está máis centrado nos novos protagonistas desta entrega, non se escatima nalgún detalle nostálxico como a aparición de Leia e xa nos facemos unha idea de por onde poden ir os tiros (a loita da Alianza Rebelde elevada á categoría de lenda, o malo ten unha especie de obsesión con Darth Vader, etc.) pero os interrogantes sobre a trama seguen multiplicándose. E xa non quedan unllas que roer. Queremos ver a peli e queremos vela xa!!!


Mais, entre tanta euforia, houbo quen quixo acabar coas nosas ilusións ou simplemente achegar un pouco de cordura. Lembrades o día no que vistes o tráiler de A Ameaza Pantasma? Claro, non queredes lembralo. Quen quere! Todos pensaron que estaban ante o gran peliculón de finais de século e non foi así. Foi unha auténtica merda! Agora temos moita confianza depositada no xenio de Abrams e nas súas declaradas intencións de recuperar o espírito da primeira triloxía (eu a primeira) pero sexamos cautos e non mollemos tanto as bragas. Porque os creadores de Star Wars foron capaces do mellor pero tamén tiveron os collonazos de facernos tragar o peor. E, aproveitando que xa estamos no Advento e que ata o sobaco nos cheira a Nadal, non atopei mellor maneira de facer outra chamada á cordura de cara á estrea de O Espertar da Forza recordando a maior bazofia inventada só para aproveitar un pouco máis o descomunal éxito do primeiro filme de Star Wars estrenado en 1977: o especial televisivo de Nadal de Star Wars, titulado The Star Wars Holiday Special.

Hai que dicir que non estamos ante un especial de Nadal stricto sensu. Ao outro lado do Atlántico o concepto holiday é algo máis amplo e fai referencia á "temporada", neste caso á época final do ano na que os americanos celebran festas de suma importancia na súa cultura case ao mesmo tempo, pois nada máis rematar Acción de Grazas xa se embarcan no Nadal. Así que este enxendro televisivo estaba destinado a ser un produto polimorfo que tanto valese para unha cousa como para outra. Tiña que ter sido así, pero non foi. Xa entenderedes o porqué.

          O comezo deste pseudo-filme con momentos que o achegan ao entretemento made in José Luis Moreno é raro, raro, raro. Han Solo e Chewbacca van no Falcón Milenario fuxindo duns destrutores imperiais nun ecolóxico exercicio de reciclaxe de efectos especiais da película. A cabina do Falcón xa se ve máis cutre, coas intervencións de Harrison Ford e Peter Mayhew (o actor que estaba debaixo daquel felpudo con patas) gravadas para a ocasión. Parece ser que Han Solo ten que levar a Chewbacca onda a súa familia para a celebración do “Día da Vida” e non queda moi claro se ese día é o equivalente do Nadal, de Acción de Grazas ou do Big Culo Day na galaxia moi, moi lonxana. En calquera caso, xa imos percibindo un cheirume tan delicioso coma o do vertedoiro da Estrela da Morte.


Pero Han Solo salta ao Hiperespazo para deixar atrás ao Imperio e chegar máis axiña... aos créditos iniciais! Ben, están todas as estrelas de Star Wars, os seus contratos debían ter unhas cláusulas o suficientemente arteiras como para teren que estar alí. Están Mark Hamill, Harrison Ford, Carrie Fisher (que na súa presentación parece que vén de fumar un cóctel de opio, chocolate, estramonio e ourego), os actores que tiñan o traballo máis sucio e ingrato como Anthony Daniels (C3PO), Peter Mayhew (Chewbacca)... Se ata está a voz de James Earl Jones (Darth Vader) para que o lado escuro da Forza tamén celebre o Nadal con todos nós! Só sir Alec Guinness (Obi-Wan Kenobi) puido escapar a este desastre. Pero o máis delirante vén agora coa presentación da antes mencionada familia de Chewbacca, un desfile de wookies feos e horripilantes que non pasaron o casting de ningún filme de terror de serie B e por iso están aquí, felicitándonos o Nadal ou o que sexa así daquela maneira. Tal esperpento só é superado pola ringleira de estrelas invitadas que pechan os créditos: Bea Arthur, Art Carney, Diahann Carroll, The Jefferson Starship e Harvey Korman. Neste totum revolutum de celebridades que non veñen a conto só faltaba Benigno Campos para facerlles uns callos de bantha co leite azul que bebían Luke e a súa familia mentres lles bota unha cantiga sobre a batalla de Yavin.

Se o remix de famosetes non tiña moito sentido, menos ten a seguinte parte do especial a cargo da familia de Chewbacca, un retrato do modus vivendi da clase media wookie. Máis aburrido que un disco de Víctor Manuel. Unha sucesión de gruñidos estomagantes, sen acción e sen nada que nos resulte entrañable. Case non pasamos dos 10 minutos de especial e xa suamos sangue para poder continuar véndoo. Deducimos que a familia de Chewbacca está preocupada porque este non dá vido para a festa e chaman por skype a Luke Skywalker a ver se este lles pode dar algunha nova sobre o seu retraso. Hai que recoñecer que os esforzos de Mark Hamill por achegar algo de credibilidade nesta parte son encomiables. El inténtao pero aínda así a escena está forzadísima e nós seguimos bostezando.

E continúa o festival das cousas sen xeito. A primeira estrela invitada, Art Carney, propietario dunha ¿tenda?, atende a un garda imperial. Non vén a nada. E máis reciclaxe de escenas: Darth Vader ordena intensificar a busca dos rebeldes e fin, aí remata a intervención do vilán máis carismático da historia neste especial. E volvemos á casa da familia de Chewbacca! Nooooon, por favor!!! Arrincádeme os ollos!!! Para agravar a nosa sensación de estrañamento, a muller de Chewbacca ponse a ver unha versión galáctica de Larpeiros presentada por un travestido Harvey Korman. Suponse que a escena ten que ser graciosa. Non o é. Han Solo e Chewbacca continúan a súa fuxida. Volvemos coa familia de Chewbacca (en serio, mundo, que che fixemos?), que ve horrorizada por ¿televisión? que o Imperio decretou un bloqueo en plan Cuba ao planeta dos wookies, co que supostamente Chewbacca e Han nunca poderán chegar para celebrar o condenado Día da Vida que aínda non sabemos de que raio vai. Art Carney chega á casa dos wookies cargado de agasallos para todos. Ao avó wookie reghálalle unha fantasía erótica cibernética con Diahann Carroll (viva o bizarrismo!). E Leia e C3PO establecen contacto para... para... para nada! Simplemente xa era hora de que foran aparecendo. Levamos media hora no mesmo sitio, non pasou absolutamente nada, non hai nada que sexa propio do Nadal nin da "temporada" (de aí que comecemos a cuestionar o título do especial), nada entrañable, nada divertido nin nada entretido. Só unha sucesión de escenas inconexas que nos deixan estupefactos e nos dan ganas de matar á mente perversa que ideou isto.

A min tamén me está quedando esta cara...

Han Solo e Chewbacca aproxímanse ao planeta do segundo pero uns soldados imperiais irrompen na casa da súa familia. Por fin un mínimo de tensión, intúese algo de perigo. Pero logo asistimos a unha actuación de The Jefferson Starship e xa nos pasa. E agora no medio unha curta animada con algúns personaxes das seguintes películas (a primeira aparición de Boba Fett na historia da saga, vaia honor!). Que é isto? En serio, escribir a bitácora deste visionado non é nada doado, cada frase que compoño é máis absurda que a anterior. E aínda quedan 45 minutos de especial... Creo que desta non saio.

De verdade, quero marchar da puta casa dos wookies. Nin pena me dá que os soldados imperiais lle deixaran a habitación feita un cristo e os xoguetes rotos ao fillo de Chewbacca! Un tutorial a cargo de Harvey Korman para montar non sei que, Bea Arthur como taberneira na cantina de Mos Eisley (con canción incluída) e, por fin!, a chegada de Han e Chewbacca (que botan da casa a un soldado imperial da forma máis ridícula ever seen) culminan esta borrallenta achega ao universo Star WarsMais isto non podía rematar aquí, non. Unha morea de wookies vestidos de vermello en plan coro de gospel aparece xunto cos protagonistas do filme para desexarnos paz, amor, salú e que nos toque a lotaría ou eu que carallo sei! E LEIA CANTA UNHA PANXOLIÑA!!! Customizada, pero panxoliña, basicamente porque o que fixeron foi poñerlle letra ao tema principal da banda sonora de Star Wars. Inclasificable.

Meu pobre Harrison Ford... Vaia cara!

E damos grazas á Forza porque por fin acabou este bodrio saído da mente de cinco, CINCO!, guionistas con menos vergonza que Belén Esteban dicindo que hai que poñerlle aguaplast ao Coliseo de Roma. Un tostón de proporcións épicas, un auténtico pesadelo que só se emitiu unha única vez en 1978 e do que hoxe en día se avergoñan todos os implicados nel, optando por facer como que nunca existiu, aínda que hai quen o reivindica coma unha prezada peza de coleccionismo freak (que non friki, o concepto évos substancialmente diferente). Terrorismo televisivo de primeira orde que nin esquecemos nin perdoamos e que non lle gustou nin a George Lucas (e mira que a este fulano lle tira ben o carto), quen chegou a dicir que se tivese tempo e un martelo, buscaría e destruiría cada copia do especial. Unha aldraxe para a causa warsie que lembramos con altas doses de terror cómico nestas datas tan sinaladas para invitar á precaución ante a inminente estrea do Episodio VII.

Todos queremos neste Nadal ver un gran filme que estea á altura do desexado, esperamos ver unha gran película que nos volva facer soñar e crer nas posibilidades case infinitas desta saga. Pero se non é así, lembrade que sempre poderemos revisar aquela primeira triloxía coa que a Forza volverá acompañarnos sempre... 

Aquí vos queda o enlace ao especial completo en Youtube. Por se tedes tempo e valor!

xoves, 3 de decembro de 2015

“Os persas”, de Esquilo


Coa que está caendo, a maioría dos opinadores profesionais dos internetes e demais medios de comunicación masivos adoitan e prefiren poñerse solemnes, pedantes, moralistas, aleccionadores e estupidamente rimbombantes. Talvez o que eu considerei oportuno facer a propósito dos recentes e fatais acontecementos nunha e outra parte do mundo non sexa mellor que todas esas grandes contribucións á estulticia humana (selfie de Herrera incluído), pero vaime permitir, polo menos, desmarcarme un pouco de toda esta fauna, aínda sabendo que a morte e o terror nunca poden deixar indiferente a ninguén por moita sensatez que unha intente poñerlle ao asunto.

            Xa levo feito varios posts queixándome sen moito paliativo da degradación da miña especie, que semella que pola súa propia natureza tende á autodestrución. Por iso considero innecesario e irrelevante seguir repetíndome na obviedade de que estamos tolirmos da cabeza e que isto non vai nin pode acabar ben, de modo que busquei refuxio na literatura, o único invento humano no que sigo confiando plena e cegamente. O que ocorreu fíxome volver a miña mirada á historia, á traxedia e a Esquilo. Dun xeito case inconsciente, aínda que non inocente, posto que non hai moito que tiven que reler Os persas por outros motivos máis académicos. E o certo é que non se me ocorre mellor momento para recomendar a súa lectura ca este.

            Corría o ano 472 a.C. Atenas ferve nun ambiente de euforia que non se pode comparar a ningún outro momento anterior na historia. A derrota do inimigo bárbaro nas Guerras Médicas é un feito e a cultura de celebración que xorde arredor dese fito deixa unha notable pegada artística que, afortunadamente, chega aos nosos días como monumento para o noso disfrute pero tamén como documento para dar coas claves do que foi. E a traxedia tamén se suma a esta cultura de celebración dun xeito insólito, posto que cando este xénero decidira tomar como referencia para as súas tramas feitos do pasado recente e non do pasado mítico e heroico sempre fracasara. Claro exemplo é o de Frínico e a súa Toma de Mileto, que por desgraza non conservamos e, segundo nos conta Heródoto, fixo que o auditorio horrorizado botase a chorar sen moito consolo. Porén, o momento era excepcional e Esquilo, o máis grande traxediógrafo do seu tempo e do que conservamos sete obras magníficas obras, decide poñer o seu (enorme) gran de area coa traxedia Os persas, na que se narran as consecuencias da vitoria helena e a derrota aqueménida en Salamina dende o curioso punto de vista dos vencidos. E digo curioso porque falamos dun autor grego dando voz aos persas, aos bárbaros, aos que perderon, polo que se entende xa sen comezar a ler que os protagonistas da historia non saíron moi ben parados.

            Os persas de Esquilo comeza dun xeito moi canónico a pesar de ser unha traxedia que aínda hoxe en día lemos como esa rara avis do seu xénero por facer referencia a un acontecemento real e moi presente na memoria colectiva dos atenienses. O coro é case omnipresente, coma en todas as traxedias deste autor, e ese mesmo coro é o que presenta a historia ao auditorio, citando un por un aos grandes caudillos da expedición persa en Grecia e loando ao exército comandado polo rei Xerxes, cuxo éxito ou fracaso aínda se descoñece. Nisto, aparece a raíña (sempre se deduce que é Atosa, a esposa do anterior rei Darío, pero nunca se chega a utilizar ese nome na obra), inquieta por un soño no que ve de forma alegórica a caída do seu fillo Xerxes na batalla de Salamina, algo que lle confirma un mensaxeiro que anuncia que os persas foron derrotados. Mais Xerxes logra sobrevivir, aínda que iso non  minimiza o desastre, logo aínda máis amplificado pola aparición da sombra do rei Darío, unha pantasma que no diálogo coa raíña condena a ousadía do seu fillo no seu afán expansionista (Xerxes utiliza todo tipo de artificios para cruzar o estreito que separa o Imperio Persa da Hélade e iso na obra considérase un soberbio acto de ὕβρις). Cando a pantasma de Darío se esvaece, entra en escena un Xerxes esfondado e humillado, coas roupaxes desfeitas e o orgullo ferido, momento álxido dunha obra que acaba cos lamentos do rei vencido e o coro de anciáns persas.


            Vale, e aghora pensaredes que raio ten que ver todo isto coa situación actual e co que está a pasar en Francia, Siria, Túnez, Líbano, etc. Moitos dirán que o do choque de civilizacións é un exercicio de “buenismo” máis que superado e a cousa que non vai de dicotomías cando o terrorismo (ergo, uns poucos fundamentalistas que só pensan en dinamitar todo tipo de liberdades) se enfronta á “civilización” (a democracia capitalista tal e como a entendemos por aquí). Eu digo que nin tanto nin tan pouco. Evidentemente, négome a poñer a miña sociedade e o meu estilo de vida á altura duns fulanos que están tronadirmos da cabeza e que non teñen ningún reparo en matarse e levarte por diante. Pero tampouco quero eludir outras responsabilidades que se sitúan no meu lado pero que non por iso son nin considero miñas. Os terroristas non entenden de nacionalidades, nin de causas, nin de xustiza. Pero ese ente que chamamos Occidente de forma moi etnocéntrica tamén precisa unha némese, simbólica e a ser posible real. E iso é o que vén de antigo e ese é o foco de actualidade que sigo vendo na traxedia de Esquilo.

            O que quero dicir con esta reflexión próxima ao siloxismo é que a raíz dos atentados que tantas conciencias sacudiron a mediados deste mes, non se tardou en demonizar ao outro nin en buscar antagonismos reducionistas a bos e malos. En definitiva, buscouse fomentar ese choque de civilizacións que moitos din que non existe pero no que acabamos caendo. Tal e como ocorreu na Atenas de Esquilo, o cal motivou a composición dunha gran obra, cunha calidade indiscutible pero cuxo fondo era claramente patriótico e supremacista. Os helenos pero sobre todo Atenas venceron. A democracia, a liberdade (ou máis ben, o que eles entendían por democracia e liberdade) e o seu modo de vivir pasaron por riba dun gran imperio bárbaro gobernado por un monarca que trataba de equipararse a un deus (moitas das consignas post mortem que oímos dos nosos políticos e cronistas rezan cousas similares). E había que lembralo. E que mellor que poñer en escena ao tirano derrotado e farrapento para que a audiencia contemplase con sorna a envergadura da súa vitoria? Pode que nós non escribamos no futuro grandes dramas cantando á derrota do noso bárbaro contemporáneo (que nada ten que ver con estes persas, seino), ou si, é cedo para saber como rematará esta historia cíclica na que todo se bipolariza e todo é susceptible de ser un inimigo, sendo imposible convivir nunha paz plena en ningún momento da nosa historia. Pero xa estamos vendo nalgunha (im)prensa moita literatura deficitaria que busca xogar ao despiste obviando a raíz do problema. Falsos e arteiros aspirantes a Simónides ou Esquilo que polo actual estado das cousas non poden celebrar nin lamentar nada e aínda así perseveran no erro.


            Por outra banda, non podo deixar de sentir algo de mágoa polos persas. Si, mágoa. Esquilo non os deixou en moi bo lugar. Nin Heródoto, nin ningún autor alleo a eles que quixera plasmar os seus costumes e modos de vida (xa non falemos de Frank Miller, con todo o atractiva que me poida parecer a súa arriscada proposta estética na novela gráfica 300). E son esas as únicas fontes que temos á nosa disposición para coñecer este fascinante pobo da Antigüidade. Seguramente non era o Imperio ideal para vivir pero como cultura tamén deixaron o seu e esa pegada (e a das culturas anteriores á aqueménida) tamén a queren borrar algúns dos que agora pululan por aí liándose a paus sempre en nome dun Alá que, se é que existe, debe estar moi ata o carallo de que lle canten vivas cos cadáveres en quente. Ese oriente opulento, maxestuoso e excesivo non tiña cabida na mentalidade grega das polis e por aquí tampouco collen na cabeza todas esas cousas que se magnifican tan rápido como estouran as bombas e se baleiran os cargadores das armas.

            Supoño que o conto non cambiou moito. Somos distintos pero non completamente desiguais, aínda nos podemos recoñecer en todo isto e iso é parte da inmortalidade dunha obra que podería non ter pasado da mera “propaganda” (utilizo este termo con cautela porque tampouco existía como tal na Antiga Grecia). O desenvolvemento da traxedia para min é soberbio e marca a senda que logo seguiría toda unha tradición de teatro histórico posterior (véxase Shakespeare, por poñer un exemplo). Un personaxe que existiu, que foi tan temido polos gregos, fictivízase como heroe tráxico que incorre en ὕβρις, condenando a toda a súa nación para satisfacción dos veciños que lle fixeron fronte. Hai momentos de poderosa intensidade dramática e solemnidade, como a aparición da ánima de Darío, símbolo da experiencia e a sabedoría do poder pero tamén voz do atenocentrismo que impera na obra, coma o mensaxeiro ou o coro nalgúns momentos. Non por iso perde esta escena na que se anticipa a caída en desgraza do seu sucesor Xerxes, que sofre nas súas carnes as fatais consecuencias do destino como calquera protagonista tráxico pese a non pertencer ao relato mítico.

            E como todo artefacto que precisa a experiencia do lector para enriquecerse e pasar a ser unha obra plena, Os persas coñeceu algunha que outra nova interpretación que dá conta da súa rabiosa actualidade. E para ledicia nosa, en galego! A mediados dos 90, Manuel Lourenzo deu forma a un monólogo cuxo título era idéntico ao da traxedia de Esquilo e no que nos volvía contar a historia pero con algunha novidade do máis sobresaínte. Unha obra breve, enigmática e de ton máis ben pacifista que lle daba un pouco a volta á historia. Mágoa que sexa case imposible de atopar fóra do ámbito académico, porque é unha auténtica delicia.

            Supoño que isto é todo o que cabe nun comentario tan amateur pero que creo que vén ao caso. Non sei se todos os que poidan ler isto o verán do mesmo xeito ca min, dubídoo (e algún seguramente pensará que a cousa está moi forzada), mais non me parece oportunista nun momento coma este revisar un clásico de tal envergadura. De seguro que iso non responde a todas as preguntas nin soluciona nada pero penso que supón unha axuda para ir entendendo algo. Évos o de sempre, procedemos dalgún sitio, tamén dos máis remotos, e ignoralo pode ser fatal. Pero boeno, se isto serve para que unha soa persoa sinta ganas de botarlle un ollo a esta traxedia, xa me dou por satisfeita. É doadiña de atopar, seghuro que buceando un pouco en internet xa se atopa unha copia, é o bo que ten ler obras sen dereitos de autor.

venres, 27 de novembro de 2015

“Eu son Balbino...”

        Teño falado moito con miña nai do pasado. Da nosa aldea, dos nosos costumes, dos nosos devanceiros... E nese continuo divagar sobre quen somos, de onde vimos e a onde imos, no que evocabamos de xeito máis ou menos morriñento aquelas Galicias labregas que existían en cada lar e tamén no noso, miña nai remataba por citar a modo de axioma o comezo daquel libro que tantas veces e con tanto pracer lera. Un comezo que a identificaba e que para todos os que agora levamos sobre as costas a memoria dos nosos avós e avoas é tan significativo como tivo que selo o Μῆνιν ἄειδε θεὰ Πηληϊάδεω Ἀχιλῆος οὐλομένην para os antigos gregos ou o En un lugar de la Mancha de cuyo nombre no quiero acordarme para os nosos veciños de alén dos Ancares. En Galicia non temos un Aquiles nin un Quixote, mais temos un Balbino, posiblemente moito máis heroico para nós que os dous anteriores.

         Hoxe déixanos a memoria daquela Galicia que foi. Unha Galicia rural, nada doada, inxusta, case sempre miserenta e dura na que as infancias non adoitaban estrañarse. Unha Galicia de “ninguéns”, apátridas que nunca quixeron selo, caciques e señoritos cada vez máis fácil de esquecer, pois a conciencia murcha cada vez que desaparece un dos nosos maiores. Unha experiencia que cada vez coñecemos menos pois cada vez queda menos xente que nola conte e a partille connosco. Mais Xosé Neira Vilas tivo a enorme bondade de valerse da literatura para que todo iso non se perdese, plasmando aquela crúa realidade no particular νόστος de Balbino, símbolo xa imperecedoiro da Galicia dos nosos avós e avoas. El debuxou un excelente e fiel retrato desta Galicia, da que procedemos e da que tantas penurias se teñen contado, pero que nos deixou un valioso capital cultural, unha lingua conservada no máis hostil dos ambientes e un compromiso para as xeracións vindeiras: que nunca máis nos autodenominemos “ninguén”.


            Comparar a Neira Vilas con Homero ou con Cervantes non debería implicar unha ousadía para ninguén que hoxe lamente o pasamento do autor de Vila de Cruces e sexa consciente do impacto real da súa obra. Do mesmo xeito que miña nai sempre busca o máis lírico dos seus tons para recitar con orgullo ese Eu son Balbino, un rapaz de aldea, coma quen dis un ninguén, son moitos os que se ven a si mesmos no comezo destas Memorias dun neno labrego e o entoan co mesmo ímpeto. E somos moitos xa os que só temos estas páxinas para acceder á nosa memoria colectiva, esa que xa para sempre quedou fixada por este xenial e prolífico autor, ao que lle sobraron folgos e talento ata o seu último suspiro.

          Neste chuviñento día de novembro, perdemos outro ilustre, outro batallador incansable da lingua e da cultura, outro bo e xeneroso que tanto nos legou. Balbino quedou orfo e toda Galicia tamén.

A terra non che será leve, senón que te acollerá con tanto amor como ti lle profesaches.

venres, 13 de novembro de 2015

Top “fiftín”: Os meus “One Hit Wonders” favoritos

Si, Rick Astley tamén está!!!

En ocasións, cumprir o teu soño pode tornarse nun cruel pesadelo... Sen poñerse tan melodramáticos, si  é certo que na historia da música popular houbo demasiados exemplos que probaron a veracidade da máxima warholiana acerca da fugacidade da fama na nosa era. Exemplos de artistas que quixeron ser grandes e lograron selo, pero durante unha soa canción, artistas malditos que recibiron o recoñecemento de One Hit Wonders (algo así como “marabillas dun único éxito”). Tiñan algo que dicir e achegar á cultura popular pero ese algo non pasou dos cinco minutos...

Isto dos One Hit Wonders non é unha ciencia exacta e existen múltiples sistemas para determinar como se chega a esta categoría. Eu vou utilizar o máis macarrónico e básico que se me ocorre, paso de poñerme a indagar en listas de non sei cantos países e a medir impactos empiricamente, todos sabemos cando a unha persoa se lle recoñece un mérito por unha soa canción. O Aserejé, o Dragostea Din-Tei, a Macarena, o Gangnam Style, Don’t worry Be Happy, Si tu eres mi hoooooombreeee, Xirarei coma a roda do muíiiiiiiño... En serio fai falta poñerse con gráficos e probetas para saber que quen as cantou aghora mirmo “no er nadie” salvo na súa casa? Pois iso, opsis pura e dura e botando man desa metodoloxía pasarei a continuación a facer o meu persoalísimo ranking (de menos a máis), que tampouco é que sexa moi exclusivo por ser persoal, dos meus quince One Hit Wonders favoritos “of ol taim”! 

15. Fire. Arthur Brown desconcertou e impresionou ao respectable en 1968 escenificando un novo concepto de espectáculo musical do que logo se beneficiarían artistas posteriores como Kiss, Alice Cooper ou Marilyn Manson. A súa actuación en Top of the Pops non deixou indiferente a ninguén e converteu este psicodélico e proto-metaleiro Fire nun éxito rotundo que nunca volveu repetirse.


14. I’m gonna be (500 miles). The Proclaimers demostraron que o éxito tamén podía ser nerd. A pinta de pringados que tiñan estes xemelgos escoceses non foi obstáculo para que esta canción, a súa canción, fose o gran exitazo de 1988 no Reino Unido e no resto do mundo. Despois diso non é que lles fora mal (mesmo tiveron unha película musical inspirada nas súas cancións) pero nada que ver con isto. Non sabería describir o espírito deste tema, iso xa o fixeron magnificamente en Como coñecín a vosa nai no episodio da segunda temporada Arrevederci Fiero, a cuxa revisión para tales efectos animo.


13. It’s Raining Men. A triste historia de dúas boas cantantes que non puideron chegar a máis por non responder debidamente ao canon de beleza do momento. Dúas tipas negras e gordas coñecendo o éxito máis alá dun temiña? Por favor... Sirva esta denuncia en clave irónica para presentar a The Weather Girls, un dúo musical formado por dous portentos da canción, con voces magníficas que foron usadas e tiradas en canto gravaron It’s Raining Men en 1982, un tema ao estilo disco que ninguén quería (nin Cher, nin Diana Ross, nin Donna Summer, ninguén) e que acabaría sendo un auténtico ghit que tivo máis dunha versión. O tema é do máis surrealista pero o seu ton festeiro engancha.


12. Mercy. Non todo van ser éxitos dos 80 (aínda que teño que admitir que esta década superou ás demais e a si mesma en case todo, tamén na inxente produción de One Hit Wonders). Duffy era unha moza galesa con pinta de Dusty Springfield recén saída dun concurso televisivo que seguiu a estela da súa compatriota das Illas Británicas, a difunta Amy Winehouse, recuperando sons que parecían esquecidos na súa música patria a nivel comercial. Mercy, o seu único megaghit transitaba pola senda do soul e do R&B, enriquecendo un pouco as propostas do pop británico daquel ano 2008 no que coñecimos á agora desaparecida Duffy. O seu aroma a anos 60 e a voz case sobreaguda desta loira son inconfundibles, mágoa que non pasase de aquí, porque prometía.


11. Knock on Wood. Con esta versión do temazo de Eddie Floyd saltou á fama en 1979 Amii Stewart. Digamos máis ben que pegou un “microchimpiño” á fama, porque rapidamente esquecimos a esta cantante afroamericana feita un verdadeiro entroido no videoclip deste existoso sinxelo que converteu en bailable e discotequeiro unha peza soul xa sobradamente coñecida. Dos meus imprescindibles para a festa, con ritmo pegadizo e vicioso, máis difícil de esquecer que a artista que lle deu forma, desaparecida en combate malia que nunca deixou de traballar (sobre todo en Broadway).


10. Rescue Me. A típica canción que todos pensamos que é de Aretha Franklin pero que non o é. Fontella Bass tivo que morrer para que eu soubese que eran ela e a súa voz as que estaban detrás deste tema de 1965 que me pirra, gran protagonista dos meus momentos oldies. Un tema con forza que marcou a traxectoria da pobre Fontella, que ata na súa páxina de whiskypedia pon que é coñecida unicamente por este Rescue Me e que nunca logrou un éxito máis, retirándose con precocidade nos anos 70 sen que volveramos saber nada máis dela ata o seu pasamento en 2012. Mágoa porque tiña madeira de grande. E voz.


9. 99 Luftballons. Nunha selección que peca de anglófona conseguiu colarse esta pequena gran marabilla achegada pola cultura alemá. Nena, sobrenome da punkarra xermana Nina Hagen, petouno nas listas de éxitos da Alemaña Federal de 1983 con esta canción que se anticipaba ao Wind of Change dos Scorpions en canto á súa temática pacifista e conciliadora a prol da unificación e a fin da Guerra Fría. E como unha canción reivindicativa en alemán deu o pelotazo en medio mundo? Eu creo, e isto é só unha opinión, porque o persoal non entendía nin papa, simplemente escoitaron unha canción de ritmo contaxioso e deixáronse levar a pesar de que a cantaruxaran de forma moi deficiente. Con todo, non tardou en facerse e popularizarse unha versión en inglés (99 Red Balloons), para que algúns non se herniaran moito. Porén, prefiro o orixinal en alemán, do que conseguín entender un pisquiño grazas a que é un dos temas preferidos dos que ensinan esta lingua (este e as versións xermanas de Julio Iglesias, flipa!). Nena continuou gozando de certo éxito na súa terra natal pero fóra desas fronteiras non volveu coñecer o éxito, menos mal que nos quedan os globos...


8. Beds Are Burning. Dende Australia para o mundo, Midnight Oil cun tema político e reivindicativo que o petou nas Antípodas e en todo o orbe en 1989. E xa está. Pode que non sexa moi xusto incluílos nesta categoría xa que no seu país seguiron sendo unha das bandas de referencia e continuaron tendo éxitos a esgalla pero tamén é certo que non volveron ter sona a nivel internacional con outros temas. Un clásico das promos da canle musical VH1 e da selección musical do meu coche tamén.


7. Maniac. Michael Sembello puxo música aos soños húmidos de toda unha xeración de adolescentes oitenteiros despois de que Adrian Lyne fixera bailar moi pouco inocentemente a Jennifer Beals ao ritmo desta canción no celebérrimo “blandiporni musical” Flashdance. Un ghit por dereito propio, de ritmo irresistible e atmosfera ultra oitenteira. Pero Sembello axiña desapareceu coma a maioría dos implicados neste filme reguleiro pero que cae simpático e cuxa emisión televisiva domingueira sempre agradecemos.


6. Never Gonna Give You Up. O de Rick Astley é como pretender facer unha tese de doutoramento sobre o Hamlet de Shakespeare, xa está todo dito. Hai tanta bibliografía internáutica sobre este fenómeno que xa case non vale a pena dicir nada del. Pero aínda así imos aló, porque un ranking de artistas dun só éxito sen o seu ilustre nome nunha posición privilexiada está coxo. Corría o ano 1987 cando as radios de medio mundo comezaron a bombardear sen piedade nin clemencia a todas horas con Never Gonna Give You Up, único éxito da carreira de Rick Astley e do que conseguiu vivir toda a súa vida, chegando ao número 1 en case todas partes. Só os franceses ousaron relegalo a un sexto posto nas listas de éxitos, algo indigno deste grande do horterismo irredento que consagrou como inmortais a gabardina XXL e as bailarinas anódinas e despeluxadas, con mención especial ao camareiro acróbata, claro precursor dos ximnastas verbeneiros da Panorama. Astley era un visionario, e coma todos os xenios foi un incomprendido que a posteridade rescatou xustamente grazas á viralidade de internet co Rickrolling.


5. Eye of the Tiger. Sobran as palabras. Este tema non precisa presentación pero si os Survivor, que quedaron de por vida vinculados á saga Rocky grazas a este temazo motivacional sen coñecer ningún outro éxito que o superase. Unha xoia do hard rock dos 80 e das bandas sonoras de toda a historia do cine. E o gran himno deportivo do noso tempo por excelencia.


4. We Are Family. Despois do pop dos 80, a música disco setenteira é a miña debilidade, en especial esta canción das Sister Sledge. Se fixeron algo máis despois desta marabilla disco eu, dende logo, non me enterei. Creo que seguen en activo pero a fama mundial deulles as costas e convertéronse en pequenas celebridades do One Hit Wonder.


3. Heat of the Moment. As grandes figuras do rock progresivo dos anos 70 e 80 (saídas de King Crimson, Yes ou Emerson, Lake and Palmer, entre outros) uniron forzas nun proxecto de supergrupo que se deu en chamar Asia. Sacaron unha morea de discos entre 1981 e a nosa presente década pero non lograron producir máis éxito que Heat of the Moment, cancionaza que hoxe soa a morriña oitenteira e que, se os máis despistados fan memoria, se converteu en sintonía da propaganda do extra de verán da ONCE hai uns poucos anos. Temazo con maiúsculas, contundente e inesquecible.


 2. Take on me. Se tivesemos que poñerlle aos 80 o título dunha canción, sería este. Noruega pariu aos A-ha e os A-ha pariron Take on me. A golpe de sintetizador puxeron a medio mundo a bailar e a desafinar coma se non houbese mañá, porque Morten Harket (o seu escandalosamente ghuapo e nórdico cantante) chegaba moi ben a eses agudos pero o resto dos mortais nin de coña. O seu imaxinativo videoclip tamén e un clásico que cómpre revisar. Unha delicia para o meu lóbulo hortera, non o podo evitar.


1. Black Velvet. O (non sei se) ansiado podio! A canadense Alannah Myles era unha rapaza fermosísima de voz rachada igualmente fermosa á que a industria discográfica lle xogou unha mala xogada entre finais dos 80 e os albores dos 90. Foi nesa dura etapa de transición entre décadas de horterismo irredento cando viu a luz o que sería o seu primeiro e último gran bombazo, Black Velvet, un tema rockeiro de clara influencia country (aínda que pola pinta eu creo que fala de Elvis) co que acadou o máis alto na lista Billboard e co chegou a gañar un Grammy. Pero a caída foi tan rápida coma o ascenso e nada se soubo da pobre de Alannah nos anos seguintes, malia que seguiu sacando material novo, mais este resultou indiferente a crítica e público. Apareceu, coma outros tantos infortunados, no programa especial que VH1 dedicou aos máis grandes One Hit Wonders dos 80 comentando as razóns ou sinrazóns do seu único éxito e posterior fracaso. O desta muller tivo que ser un batacazo de lenda e especialmente traumático, xa que non sei cantos anos despois, non se lle ocorreu nada mellor para o seu regreso que regravar a canción que lle deu tan efémera gloria. Mais o seu escaso éxito posterior e a súa nula visión non deberían ser motivo para deixar de desfrutar de tan magnífico tema, destes que querería cantar se tivese un grupo.



Animo ao meu lector implícito a que amplíe esta lista coas súas preferencias, sempre mola rememorar exitosos fiascos... 

sábado, 31 de outubro de 2015

“October”, de U2


         “Comeza o outono.  A natureza cambia o verde polas cores torradas, caen as follas das pólas das árbores, a noite asáltanos unhas poucas horas antes, comemos castañas á beira dun lume que non nos estarrece nadiña... Oxalá! Porque a calor destes primeiros días de outubro non é de recibo nin crea a atmosfera axeitada para reseñar debidamente o álbum que traio á Cólquide co gallo do inicio da miña estación favorita...”

Así ía comezar este post se servidora tivese algo de rigor á hora de planificar as súas publicacións, pero non é o caso, son anárquica ata para iso. Son dous os motivos deste descarte: o primeiro, que xa caeron as primeiras trombas da temporada, así en plan diluvio universal, coas súas inundacións e cataratas urbanas, e non ten pinta de parar. E o segundo, que non hai moito que  regresei de Barcelona de ver un directo destes que quitan o impo pero co que non conectei co grao xusto de sentimentalismo como para reservarlle un oco nesa sección que teño un pouco esquecida. Efectivamente, despois dunha década de espera, cumprín o meu soño de ver a U2 en vivo e en directo e aínda que marchei cun bo sabor de boca e cun nivel de “flipación” considerable, debo admitir que as miñas boas sensacións non son plenas. Resultaba obvio que sería así dende o momento en que adquirín a entrada posto que era moi consciente de que acababa de pagar 100 pavazos para ver a unha banda que me tiña gustado máis do que me gusta no momento actual e da que adoito preferir as súas cancións menos coñecidas (esas que nunca soan nos concertos). Valeu a pena o despilfarro? Por suposto, que a ninguén lle caiba ningunha dúbida pero inevitablemente hai un pero. Faltaron cancións para que a miña historia persoal se retratase nesas dúas horas e algo de música e espectáculo (unha delas, ghit en toda regra, I Still Haven’t Found What I’m Looking For, unha das miñas favoritas) e o rollo mesiánico de Bono acaba tocando un pouco os ovarios. Aínda así cumpriron e ben, notable alto para este directo.



Como dicía, faltaron cancións e o primeiro gran damnificado desa criba foi o meu álbum favorito do grupo irlandés, por significado e calidade: October. É un disco que nunca vexo aparecer nos top five, ten ou potocentos da banda, case ninguén o ten en conta e case todos os parabéns van parar a The Joshua Tree, Achtung Baby ou The Unforgettable Fire. Non me malinterpretedes, calquera destes álbumes que veño de citar son a repanocha e están inzados de himnos e temas memorables que a min tamén me molan, pero unha cousa non quita á outra: creo que October está algo esquecido e non parece merecer moita valoración por parte do público nin por parte dos seus propios artífices, é algo así como a Jennifer Warnes dos discos de U2 (si, oh, a tipa esta que lle facía os coros a Leonard Cohen , cantou o tema principal de Dirty Dancing e logo non se volveu saber máis dela a pesar de ter unha voz preciosa). E, ao meu modo de ver, isto é unha inxustiza, considerar October como un álbum de recheo nunha carreira chea de éxitos cando en realidade ten un pouso moi consistente de calidade é poñelo ao mesmo nivel que toda a merda que nos deu esta mesma banda durante os 90 e os primeiros anos 2000 (Zooropa, Pop, All that you can’t leave Behind...). E iso non é. Porque é un álbum marabilloso a reivindicar e redescubrir, cun son moi característico e recoñecible e co que se escribiu gran parte da miña historia persoal, razón pola que estou aquí falando del cando o mes que lle dá nome está tocando ao seu fin.



Cito o primeiro parágrafo da whiskypedia en español castizo (a versión en galego non se molla tanto) para ilustrar os topicazos que pretendo desmontar con esta publicación:

October  (Español: Octubre) es el segundo álbum de la banda irlandesa U2, publicado el 16 de octubre de 1981. October es considerado por muchos como el disco más flojo de U2, ya que algunos críticos encuentran las letras duras y las interpretaciones sosas.”

E dun plumazo xa nos foderon todas as expectativas. Frouxo, duro e soso. Olé. Así, sen máis, ventilan once cortes aos que o fatum llela xurou dende o principio, pois conta a lenda que as letras de todas as cancións do disco foran gardadas por Bono nunha maleta que logo sería roubada por unhas fans e que non lle foi retornada ata o ano 2004! Para entón, October estaba máis que ghravado e reghravado, posiblemente non da forma máis satisfactoria para Bono, The Edge e os seus, pero sobradamente inspirado a pesar das adversidades, como pretendo facer ver. Para o seu segundo disco, os U2 (aínda pipiolos nisto do mundiño da música) puxéronse místicos e case todas as cancións xiran en torno á enorme influencia que evidentemente ten a relixión nun grupo de raparigos criados no catolicismo irlandés. A primeira canción, Gloria, é toda unha declaración de intencións, con algún versiño en latín e todo, un tema de comezo ascendente que vai ao gran e do que me ghusta practicamente todo: os berros (sempre preferirei a voz berreada do primeiro Bono), as transicións con esas notiñas de piano que case non están, o sinxelo solo de guitarra (The Edge nunca foi amigho de moitas florituras), incluso a liña de baixo que precede ao clímax final cuxo inicio sentencia un riff de guitarra contundente. Para min, é un single redondo e sen fisuras.



Cándidas estrofas e potencia nos estribillos, así é a seguinte canción, I Fall Down, na que o piano ten un maior protagonismo e na que se desprende forza dun xeito desigual pero máis eficiente do que puiden considerar nunha primeira escoita. E inmediatamente e case coma unha marcha comeza I threw a Brick through a Window, tema de título anafórico no que a batería de Larry Mullen Jr. marca algo máis que o ritmo, xa que leva sobre as súas costas todo o peso dunha canción que parece levarte á terra.



Rejoice foi durante moito tempo a miña canción favorita deste disco e aínda me apaixona. Capaz de ir ao gran incluso máis que Gloria, o seu comezo de guitarra engancha e de que maneira. Ten unha enerxía case indescriptible e resulta imposible deixarse levar, sobre todo nesa transición na que batería e guitarra se marcan un duelo que a min desde sempre me recordou (e podedes matarme por semellante heterodoxia) ao tema principal da banda sonora de Pulp Fiction.



Ritmiños complicados pero ben estimulantes son os protagonistas de Fire, que empeza cun coro un tanto estraño para logo remontar. Funciona ben como preludio de Tomorrow, o tema con máis pinta de balada de todo o disco. A intro con gaita dános o momento máis folk-rock da historia da banda (posiblemente o único) pero acertan de cheo xa que crea unha atmosfera única para unha canción que fala do pesar da morte de xeito metonímico e con moita pregunta lanzada ao aire para acabar reconfortando ese sentimento de perda coa fe. Basicamente, o manual dos traumas de preadolescencia de Bono, que perdeu a súa nai sendo moi novo e aquí describe, segundo recoñeceu el mesmo en datas recentes, o funeral da mesma. Voces desgarradas, melodías cravadas na terra e un estrondo final redondean este temazo.



E agora con todos vostedes a única canción do disco da que U2 vai presumindo algho dende 1981. October é o único corte deste álbum que foi incluído na primeira recompilación de grandes éxitos do grupo, The Best Of 1980-1990, e aínda así nin sequera figura no tracklist, senón que aparece como pista oculta despois de All I Want is you. Tamén é a única canción do álbum que seguen tocando nalgún concerto (en Barcelona soou), polo que intuímos que desta deben sentirse minimamente orgullosos. Mais non o entendo. Quero dicir, non entendo como esta si e por exemplo Gloria, Rejoice ou Tomorrow non. Sen ser un truñaco para min si que é a máis frouxa do conxunto e a que menos me di a día de hoxe, será que roza demasiado a depresión (e mira que a min me ghustan as cancións depresivas). Pero boeno, podo entender que o piano e tal... Tende a gustar (tamén tende a gustar With or without you e a min non me gusta demasiado).



E aquí remata a tanda das lentas. Realmente non, hai unha pequena cesura en Scarlet, tema un tanto enigmático que tamén soa a todo iso que según os tópicos é Irlanda, o rollo celta e a terra, e no que só se di unha única palabra repetida unhas poucas veces. Pero antes de chegar aquí temos que pasar por With a Shout e Stranger in a strange Land, a primeira acelerada e vertixinosa (case punk) e a seguinte segue pola senda marcada por I threw a Brick through a Window, pode que cun pouco máis de enerxía. Ambas espléndidas. E chegamos ao final con Is that All?, interrogante que se asemella e moito a un clásico da banda, The Electric Co. Ou polo menos a min por ritmo e estrutura paréceme que é moi semellante, e resulta unha conclusión ideal como no seu día o foi The Electric Co. para Boy.



É posible que un argumentario tan subxectivo non convenza ao respectable e que a diarrea verbal dun crítico especializado sexa moito máis doada de crer para distinguir entre o bo, o sublime e o mediocre. Porque moitas veces os gustos responden a cuestións de fe en hiperbóreos de distinta índole, cuestións de fe moito menos profundas que a arte referenciada neses gustos (condanado postureo). Sinto que as miñas limitacións sexan coma as árbores que impiden ver o monte, mágoa porque estou certa de que este gran álbum que todos toman por subproducto necesario en toda carreira musical in crescendo é realmente moi moi bo e ten un sentido, sobre todo tendo en conta que se trata dunha importantísima achega á busca dese son tan xenial e diferenciado que caracterizou á banda irlandesa nos anos 80. Dito isto, dáme pena que unha maioría dos que se declaran seguidores incondicionais de U2 non o aprecie deste xeito. Non me queda moito máis que animar á súa revisión, a dar con novos matices nun traballo infravalorado, a redescubrilo en definitiva, prescindindo de reseñas denigrantes, whiskypedias e demais prexuízos. 

P.D. Porque, dende logo, é mellor redescubrir October que virse arriba con The Miracle (Of Joey Ramone), do peoriño que fixeron na presente década...

xoves, 24 de setembro de 2015

E se os sentimentos tivesen sentimentos?: “Do Revés”, de Pete Docter e Ronaldo Del Carmen


Señoras, estamos ante o próximo Oscar ao mellor guión orixinal (e por descontado, á mellor película de animación). É física, material e matematicamente imposible que Do Revés, título ibérico de Inside Out, a última marabilla da factoría Pixar, teña rival sólido de aquí a final de ano na carreira polo recoñecemento definitivo á xenialidade creativa. E é o xusto. Por que? A resposta é complexa coma a propia historia que nos conta este filme, de modo que, metámonos na cabeza da pequena Riley para descubrilo, pero sen moitas pretensións, coma sempre e aínda máis neste caso, pois son consciente de que polos internetes circulan xa auténticas teses de doutoramento sobre esta grandísima película.


           As que xa imos tendo unha idade lembramos como na segunda metade dos anos 90, un gordaco de nome John Lasseter se puxo á fronte dunha revolucionaria longametraxe que marcaría un fito non só na historia do cine de animación, senón na historia do celuloide como concepto máis amplo, inaugurando unha cadea de éxitos artísticos e empresariais sen moito precedente para os estudos dos que logo foi figura reverenciada: Pixar, que segue sendo a galiña dos ovos de ouro de Disney. Boeno, máis ben, lembramos Toy Story, porque eramos uns ananos que non levantaban apenas un palmo do chan e non estabamos moi postos na linguaxe dos negocios de Hollywood. Co paso do tempo, comprendimos que a historia dos xoguetes que tiñan sentimentos significaba todo iso. Foi o comezo dunha era dourada para o cine de animación. Para o cine, repito.

Dende entón ata os nosos días, os creadores de Pixar pariron algunhas das historias máis interesantes que se puideron ver na gran pantalla, sempre ilustradas cunha complexa técnica de animación por ordenador en constante reactualización que dá como resultado unha obra mestra tras doutra. Sempre agardados coma auga de maio e sempre aplaudidos, os filmes de Pixar buscan continuamente ese “algo máis” que parece que o resto non sabe, non quere ou simplemente non pode dar. Emocionan sen empalagar, exploran brillantemente todas as posibilidades da historia e transmiten unha mensaxe tan pura e ben narrada que é imposible resistirse. Unha mensaxe adulta, por certo. Porque a Pixar iso de que houbese nenos na sala importoulle máis ben pouco e, coa única excepción das dúas entregas de Cars, no resto das súas películas podemos rascar un ou varios detalles que escaparán forzosamente á comprensión do público máis novo. E logo están Wall.e, Up, Toy Story 3 e a máis recente Do Revés, nas que xa non hai que rascar detalles: non son películas para nenos en ningún dos seus magníficos minutos de duración.


Como xa dixen, semella que en Pixar a premisa fundamental é superarse a si mesmos. Só así se pode explicar a xestación dunha película como Do Revés, nada dunha idea que en principio podería parecer consecuencia dunha tola noite de porros e alcol pero que resulta nunha opera magna que cheira a definitiva e, ironicamente, insuperable. As emocións son importantes en calquera das películas de Pixar, é o obxectivo primordial para co espectador, pero agora son as protagonistas absolutas. Despois de dúas décadas implantándolle sentimentos a xoguetes, bichos, peixes, ratas, robots e mesmo coches, que padecen coitas tan familiares para unha audiencia á que lle tocan (e ben) a fibra,  a lóxica alpinista dos cineastas e guionistas vencellados a esta empresa acadou o seu cénit: e se os sentimentos tivesen sentimentos?


Vou comezar co inclemente bombardeo de spoilers para ilustrar un pouco todo isto. Riley é unha nena de 11 anos cuxa infancia plenamente feliz se verá afectada por un cambio drástico, posto que seus pais deben mudarse por traballo da súa Minnesota natal á outra punta do país, San Francisco. As cinco emocións básicas da pequena, Ledicia, Tristeza, Ira, Noxo e Medo, determinan o xeito co que Riley encara este cambio. Segundo a imaxinación infinita e non sei se opiácea das mentes pensantes involucradas no filme, a cabeza de Riley é unha colorida central na que Ledicia é a que leva a voz cantante. Dalgún xeito que non se especifica ela foi a primeira en chegar alí (dende o primeiro momento que abriu os ollos eu estaba alí, é a carta de presentación do personaxe) e sempre parte da base de que Riley non debe deixar de estar alegre, posto que iso desestabilizaría o correcto funcionamento da central, na que se producen recordos tinxidos segundo as emocións que interveñen na interpretación e evocación dos mesmos. Eses son os recordos que configuran a personalidade da nena, personalidade que se define segundo cinco “illas” (a illa da amizade, a illa da sinceridade, a illa da familia, a illa das pallasadas e a illa do hockey) que se comunican coa central e que preceden á memoria a longo prazo, na que hai recordos a moreas que se apilan e mesmo se destrúen pasado un certo tempo. Na mente de Riley hai múltiples recunchos: o subconsciente, unha gran fosa case abisal á que van parar os recordos que caen no esquecemento, o seu amigo imaxinario da máis tenra infancia que anda pululando nunha especie de terra de ninguén na súa mente (e sen ánimo de arruinarlle a peli a ninguén, un dos personaxes que provocan un dos primeiros moqueos do tramo final, non digo cando nin por que) e mesmo un lugar chamado Imaxinalandia no que a modo de gran estudo de Hollywood se crean os soños da rapaza.


            Todo isto está moi ben pero se fora sempre así non habería peli, de modo que xorde o conflicto: Tristeza empeza a meter os fociños máis do que debera no control da central (dende o principio a probiña é a marxinada, pois as outras catro emocións tratan de illala todo canto poden pensando que é un estorbo e que é mala para Riley por definición) e os recordos esenciais da nena, que antes eran totalmente alegres e por iso exhibían unha brillante cor amarela, comezan a tinxirse de azul (a cor que caracteriza a tristeza), polo que Ledicia reacciona violentamente intentando borrar toda melancolía posible dos principais recordos que configuran a personalidade de Riley e nunha pugna con Tristeza por devolver os recordos esenciais ao seu sitio, ambas son absorbidas por un conduto (polo que viaxan os recordos que van á memoria a longo prazo) e son enviadas lonxe da central aos lugares máis sorprendentes da memoria da nena. Xuntas, Ledicia e Tristeza emprenden un épico periplo por voltar á central que queda baixo o caótico control de Medo, Noxo e Ira.


Boeno, a cousa é máis complicada de explicar que de entender unha vez que se ve a película. A ambientación e o deseño dos espazos son sumamente complexos para os estándares dunha película de animación tradicionalmente pensada polo público para unha audiencia infantil, iso só para empezar (o momento da “conceptualización” é soberbio e nada doado de captar pola rapazada). De feito, xuro que na sesión que me tocou había nenos chorando porque non entendían absolutamente nada do que pasaba e querían marchar, síntoma de que o colorido chillón e case LSDiano (se é que tal palabra existe) non era suficiente para as sufridas crianzas que pensaban que ían ver algo máis parecido aos Minions. Sobre todo porque a conclusión final do filme e máis que fodida para un adulto, xa non digamos para un neno. Que unha película che espete abertamente (atención, spoiler coma unha bomba de palique) un tramo final que é unha oda á depresión e che faga pensar que estar triste e sentirse mal e un pouco perdida de vez en cando non só non é malo, senón que pode ser bo... Non todos os estómagos poden dixerir iso con facilidade, como lle sucede ao propio personaxe de Ledicia (que empeza sendo plana e estomagante e acaba tendo un desenvolvemento acolloante que a fai redonda). Riley só atopa o equilibrio cando deixa de reprimir á tipiña azul, gorda, con gafas e xersei de pescozo alto que representa á tristeza. Só se reestablece cando o seu enorme desexo de volver sentirse feliz deixa de poñer a Tristeza nun círculo pequeno do que non pode saír e a saca fóra confesándolle aos seus pais o que sente e cando a central deixa de estar controlada pola frustración que produce deixarse levar polo medo, o noxo e o enfado (logradísima metáfora da bombilla, ese momento no que Riley chega a non sentir nada).


Díghanme, señoras, onde está a rapazada que aghuanta e/ou entende iso (aínda que, coma Riley, poida chegar a sentilo). E díghanme tamén que adulta pode asimilalo sen botar ríos, reghatos e mares polos ollos vendo a súa propia infancia e o triste que pode chegar a ser (xa o dicía Kate Winslet en Eternal Sunshine of the Spotless Mind, outra peli cerebral que me mola a mazo). Aínda que non chega ao punto dignificador de desmontar o estigma da enfermidade mental porque a melancólica doenza de Riley tampouco chega a ese extremo (ademais, iso xa o fixo Lars e unha moza de verdade), é reconfortante que nun mundo narcisista, superficial e mais preocupado por dar unha imaxe positiva e “magajapi” de absolutamente todo, alguén  teña a intelixencia de facer un guión no que a mensaxe sexa “non pasa nada por virse abaixo porque só así se pode un erguer”. Ou así o entendo eu, polo menos. E nótese ademais, que falamos de emocións. A conduta da nena evoluciona ao amparo das emocións durante toda a película e iso non implica que vaia tolear nin que razoe menos as cousas, co que, ao meu modo de ver, xa temos outro estigma derribado, ese que di que guiarse polas emocións só conduce ao desastre máis maiúsculo. Eu, e matádeme se xa me paso de voltas con isto, incluso albisco unha superación persoal moi ben narrada no personaxe de Tristeza. Todo está tan ben ideado e engarzado que de verdade que dá ghusto. Alucinada, si, pero alucinante tamén!

Despois de aguantar esa soporífera curtametraxe sobre o volcán solitario e cantaruxeiro (por dios, que pesadilla, como se pode poñer ese truñaco como antesala dunha obra mestra???), o resultado só podía ser maxistral. E así é. Volvérono facer e volveron superarse, ademais de darnos unha idea monumental para os disfraces do entroido (en Youtube xa hai quen se animou tamén coa repostería inspirada no filme). Se aínda non a vistes, védea que xa tardades. Como reza o seu slogan promocional, coñece ás pequenas voces que están dentro da túa cabeza...