mércores, 21 de maio de 2014

"Fala, pobo, faaaaaala..."


          Pensei moito se debía facer ou non este post, porque ata eu me saturo de min mesma. Ás veces semella que teño a cabeza coma un balón desinflado de tanto cavilar. Entre frivolidades varias e “cousas de maiores”, o que encerra o meu cranio ao final non é un órgano ben armado e milagreiramente creado pola natureza para que bípedos coma min poidan pensar, senón unha barra de manteiga que en calquera momento se derreterá de tanto quentala. Pero é que hoxe fun votar. Si, os que estamos “de aventureiros”, xa sexa alén dos Pirineos, xa sexa alén dos Ancares, votamos con certa precocidade. Nin xornada de reflexión nin farrapos de gaita, o pasado luns puxen cinco minutos do debate dos “partidos minoritarios” e dixen, estou preparada para votar. Como me amo...

Estas eleccións son algo así como un gran no cu. Europa segue sendo esa cousa etérea e pouco ou mal definida que en teoría é moi importante para todos nós pero coa que aínda non nos identificamos o suficiente como para pensar que as nosas decisións quinquenais poden ter algunha relevancia (boeno, ben mirado, o estado español tamén me casa ben con esta consideración...). O parlamento europeo é un gran cemiterio de elefantes (todas as vellas glorias dos grandes partidos están aí disfrutando dun retiro que nin Hugh Hefner), a UE vén sendo unha especie de vehículo ao servizo dos intereses dos “guays” (véxase Alemaña, zum Beispiel), cousa que, por outra banda, sucede en todas as “pandillas” e conxuntos sociais. Dende esa superestrutura de poder neoimperial e globalizador, estannos asoballando constantemente con cifras macroeconómicas que non entendemos e cuxo ascenso ou descenso non parece reverter na mellora da nosa calidade de vida como cidadáns de a pé, afogándonos con esixencias difíciles de comprender que se executan a base de tesoira e máis tesoira e vendéndonos a moto de que o mundo funciona así, que isto é o que hai, que hai que salvar o capitalismo como sexa e que nos temos que foder (ao máis puro estilo Andrea Fabra). Por iso estas eleccións parecen máis unha pantomima, unha medida de distracción só superada polo mundial de Brasil (iso si que vai ser un placebo salvaxe), un pequeno descanso de 15 días (mais a pre-campaña) para que Mariano e Alfredo e os seus acólitos se envolvan nun αγών destes do estilo de “ti es malo, e ti máis” que non conduce a ningunha parte e que xa empeza a estar moi balorento. Como unha especie de ensaio para a traca final das eleccións xerais que (oh! Sorpresa!) se celebran o ano que vén.

Ben, pero isto non é unha carta para pedirvos o voto para ningún partido (aclaro porque a redacción “mitineira” deste último parágrafo deume medo e todo). Estes son días de campaña electoral, ese esperpento celebrado e deostado a partes iguais, e tratarei de cinguirme a iso, á campaña en si (que orixinal son, madré!). Debo recoñecer que para min é moi divertido ver en que cae a batalla dialéctica polo poder, antropoloxicamente é un fenómeno digno de estudo, e tamén hai un compoñente moi pop nas campañas electorais que lles dá certa gracia. Debe ser por iso polo que, a pesar de todo o que me cabreo co dispendio público que esta panda de mangantes utiliza para sufragar os gastos dunha campaña electoral, o paso moi ben coa mesma. Así que déixenme que lles presente aos actores desta comedia e toda a pompa que traen consigo (sempre con medo a que me pechen o blog, claro está, porque agora parece que volvemos aos tempos dos censores e dos estados de excepción).



De papá pitufo a homo cañetus. Así se resume a bagaxe de Miguel Arias Cañete na presente campaña electoral. Teno todo para triunfar en Europa: media vida chupando do bote, diarrea verbal e unhas pousadeiras ben repoludas para encaixar no escano do europarlamento mentres dorme a sesta. Aínda que estes días estivo no ollo do furacán debido á polémica desatada polas súas declaracións machistas en alusión ao cara a cara que mantivo coa súa antagonista máis directa, Elena Valenciano, todo apunta a que será o vencedor indiscutible destas eleccións (é que nos puxeron narcóticos para cabalos, por iso segue gañando esta xente as eleccións). Sabe ler, que non é pouco, así o demostrou no pertinente debate electoral; ten un estómago a proba de iogures con mofo e, sobre todo, ten moitas ganas de degustar esa especie de “soño europeo” que lle espera despois destas eleccións: gañar pasta a esgalla e non rascala. Un elefante de pro respaldado por uns vídeos de campaña dignos de Botín (por que será que nos recordan sospeitosamente ao anuncio dunha compañía de seguros? Casualidade?) e da “tele dos bispos”. Mundial.



Elena Valenciano xa dá para bastante menos texto...



          Non vou desenterrar o tweet sobre Ribéry para encher o parágrafo, diso xa se encargou González Pons no debate cos “partidos minoritarios”. Valenciano é unha vítima máis dunha desas cousas que tanto lle gusta facer á socialdemocracia española (coño, vou reorientar a redacción antes de parecer de Intereconomía!): presentar un rival absolutamente oposto ao do contrario para que pareza que non son tan rancios coma ese contrario (porque de esquerdas, o que se di de esquerdas, non son). Ben, eu de estratexia política moito non entendo, a verdá, pero vendo o panorama parece que os tiros foron un pouco por aí. Vello verde vs. Muller nova (a película do verán, con permiso de Batman vs. Superman). Non dá para moito esta muller, está cortada por un patrón un tanto insulso e anticarismático... Pero, ea! Non nos desanimemos, que temos uns vídeos caralludos para solucionalo! Ou non... O certo é que o que hoxe é o principal partido da oposición leva un par de campañas moi decepcionantes, onde quedan os tempos nos que se “defendía a ledicia”!!!



A campaña máis pop, sen dúbida, é a dos nacionalistas galegos. Pero é que non vale, levar á grandísima actriz Isabel Risco nas listas é sacar moita vantaxe das ánimas (como apunte, o seu xenial e divertidísimo discurso nos pasados premios Mestre Mateo). E Suso de Toro. E o Carrabouxo nos mítins... O dito, “non se vale”. Boeno, intentarei non cebarme moito con eles, que andan un pouco anoxados co tema da censura na “radiotelegaita” (non é para menos, aínda que algúns poidan pensar que din soberanas chorradas non creo que sexa lícito silenciar a información que lles atinxe, pero boeno, o meu cú, a miña opinión). Pero, oes, que lles estou facendo campaña dun xeito ou outro e dándolles bombo con este parágrafo, unha cousa compensa á outra. As coalicións sempre foron un recurso moi socorrido para esta formación, que desta vez concorre coa esquerda abertzale sempre sospeitosa neste país (cando non se sabe a quen botarlle a culpa de algo, sempre se lle bota ou a Zapatero ou ao nacionalismo, “porque 13tv lo vale”), enésimo compañeiro de cama nestas eleccións. Nada que sexa peor que o bipartito, desta vez, polo menos, van cun partido de esquerdas! (ai, “me troncho”...) Pero non son os únicos que merecen ser acusados de promiscuidade ideolóxica, eh! E aí o deixo, eu quédome coa magnífica Isabel Risco, que desprende talento e bo rollo por todas partes!!! E con ese slogan que nos invita a ser rabudos... (esto... a tecnoloxía debe estar confabulada con Rosita, porque só me deixa poñer o vídeo en hipervínculo)



Pero aínda non acabei cos nacionalistas! Ancha e diversa é Galicia e tamén o é o seu nacionalismo, tan multicolor... Aínda que non é o candidato da súa formación a estas europeas (que se presenta tamén coligada, con Esquerda Unida), alí onde vai Beiras sempre hai unha frase memorable ou unha reflexión que leva a pensar “que tolo está este fulano pero como lle dá á cachola”... Non se pode esperar menos do artífice dos épicos zapatazos no parlamento galego...



E logo está a última terna de "disidentes" que aparecía na Vida de Brais. Si, meus señores, falo de Compromiso por Galicia, esa sorte de socialdemocracia nacionalista que agromou trala escisión do Bloque e que vai camiño de Europa da man de PNV, CiU e CC. Seguen sen ser moi numerosos pero inténtano e por iso son entrañables...



Seguramente a estas alturas da vida, todos vostedes oirían falar do “chico da coleta”. Dun tempo a esta parte, Pablo Iglesias erixiuse nunha especie de rock star das tertulias catódicas e agora deu o salto á area política co partido Podemos para enfrontarse cuan gladiator ás feras da dereita mediática e á que é menos mediática. Como politólogo e lector de clásicos da teoría política como Maquiavelo (ao que cita constantemente como exemplo e contraexemplo), da movida algho vai sabendo e parece que o seu discurso ancorado nos movementos sociais e nas reivindicacións máis básicas que temos que volver facer despois de tantos anos de “estado de benestar” está calando dun xeito máis ou menos eficiente nun sector de poboación ao que conseguiu movilizar (só queda por ver se as urnas lle dan a razón). Que boten a temblar Marhuenda, Inda, Rojo e compañía... Declárome fan deste "pixeriano" símil, por certo:


Por suposto, a ultradereita tamén quere a súa parte do pastel europarlamentario. Así, un señor que se ve que está resentido co seu antigo partido por non aplaudirlle o suficiente (non sei a que me soa iso...) decidiu fundar o seu propio partido que xa conta cun millón de euros para financiar a campaña, segundo o devandito líder, que asegurou tamén que non pensa deixar de viaxar en business para desprazarse á Bruxelas si resulta elixido. Si, supoño que ese é o resumo da campaña electoral de VOX, paradigma do facherío sen “aguilucho” pero igualmente rancio que trata de copiar a fórmula que xa triunfou en países como Holanda, Francia (a musa LePen) ou Suecia. Pero que plaxiasen o vídeo de Españistán xa me parece o último! Dios, que grima escoitar a voz do paisano, que alguén lle dea unha juanola!!!



           Ata aquí a miña escolma de candidatos, vídeos e impresións. Sei que as sensibilidades da militancia e dos simpatizantes dos distintos partidos en tempo de eleccións son máis pronunciadas e temo telas ferido. Pero tanto me ten. Isto é humor, posiblemente humor malo, vale, ata aí poderiamos chegar, esa é unha crítica construtiva, pero cousa “guasona” ao fin ao cabo. De modo que, se vos gustou ben e se non tamén!

Feliz festa da democracia (oh! Un unicornio...)

            Oh! Que se me olvidaba a marea maxenta!!! Pois vounos poñer por aquí en plan posdata, porque aínda que a esta xente lle mola cantidá iso de andar calando nos demais (non son os únicos), a min non...



sábado, 17 de maio de 2014

Letras e galegas...



Prego que se me perdoe por dar pulo a un día de hipocrisía institucional e reivindicación pasaxeira. Conste, aínda que non creo que o precise (tendo en conta que cada verba que aquí espeto cada día do ano é puramente galega) que para min todos os días son de letras en galego, de pensamentos en galego e mesmo de tacos en galego. Supoño que na diáspora, a morriña manda e se lle dá, inevitablemente, máis importancia a esta efeméride...

Pero hoxe non vou marear a "perdís" nin tocar as narices con densas e incendiarias reflexións sobre todo o que me proe deste día. Hoxe estou de boas...

            Porque, realmente, somos a hostia e molamos máis ca o leite!

            Temos temazos en galego...

Familia Caamagno - O ritmo da caverna

Kastomä - A infancia

Sés - Co xenio destrozado

Heredeiros da Crus - Quero josar!


                                          
Luar na Lubre - Chove en Santiago

            (Tiñamos ata non hai moito) Grandes programas en galego...

Xabarín Club

Land Rober

            Contos infantís caralludos en galego...

A toupiña que quería saber quen lle fixera
aquilo na cabeza

A cebra Camila

            Magníficas series de televisión...

Matalobos

Mareas vivas

            Mesmo algunha película galega e en galego, oes!

Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro

            E, por suposto, unha literatura que flipas...

Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
―Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

Rosalía de Castro, A xustiza pola man

Eu nascín, medrei e fíxenme home, e un bo día enfermóuseme un ollo. Fun aos médicos e lambéronme unha manchada de cartos e no remate de contas o ollo sandar sandou, pero quedoume grolo. Por aquel tempo tiña un galo tan amante que viña comer na miña man. Chamáballe Tenorio.

Un día estaba eu agachado cos graos de millo na cunca das maus, veuse cara min, paseniñamente, tripando a terra con aquel de señorón fidalgo. Plántase diante de min, ergue o pescozo pra fitar de perto, cicais bulronamente, aquel meu malfadado ollo grolo e, cavilando que sería cousa de manxar, axeitoume un peteirazo tan ben dirixido que me deixou torto. Agora si, os médicos, dispois de lamberme outra manchada de cartos, puxéronme un ollo de vidro, tan ben imitado que bulía e todo.

A cantas mulleres engaiolei chiscándolles o ollo de vidro. . . !

Morrín entre cobertores como morren a cotío os bos homes, e ben afeitado e ben peiteado e co meu traxe dos días de festa -que por certo levoumo o enterrador ó día seguinte de enterrarme- fun pra debaixo dos terróns sen que ninguén se lembrase de quitarme o ollo de vidro.

Deitado na miña caixa de pino repousei moitísimos días, tantos que perdín a conta. Apodrecín axiña e aos poucos días de enterrado escomenzaron os vermes a facerme cóchegas.

Cómpre decir que eiquí non está permitido presentarse en sociedade con farrapos de carne fedenta apegados nos ósos, pois os esqueletes, que non ven nin comen, ulen tan ben coma os vivos; así foi que namentres os vermes non manxaron a pouca freba que trouxen, non puden erguerme.

Foi unha noite de luar cando saín da cova por primeira vez. Traballiño custoume desentolle-las pernas e cando me erguín e botei a miña cachola fóra da terra, fiquei pasmado. . . Aquel ollo de vidro que de nada me servira na vida sírveme agora pra mirar. 


Castelao, Un ollo de vidro: memorias dun esquelete

         Isto só é unha pequenísima parte do que hai! E aínda temos a ousadía de pensar ou de permitir que nos fagan pensar que a cultura en galego é limitada? Sacade a lingua a pasear todos os días da vosa vida!


xoves, 1 de maio de 2014

O Virxilio dos nosos principados?


Non ía dar nin un chío sobre o pasamento de Gabriel García Márquez neste blog por varios motivos. O principal e capital, que non lin ningunha das súas obras magnas como Cen anos de soidade ou O amor nos tempos do cólera e si lin, pola contra, ese libriño case panfletario (por extensión, non por outra cousa) chamado Crónica dunha morte anunciada que dun tempo a esta parte pasou a engrosar a (na miña opinión) pouco honrosa lista das “lecturas obrigatorias púber”. Non digo que sexa un mal relato, ao contrario, é xenial e demostra unha vez máis, ao igual que o fixeron xa os traxediógrafos na Antiga Grecia, que o spoiler non ten por que arruinar a calidade manifesta dunha obra enteira. Mais, o noso sistema educativo decidiu metérnolo nos miolos en cada currículo dende os albores da LOXSE ata agora deslizando a mensaxe implícita e insultante de que é o único Márquez que poderemos aguantar con 18 anos. Vamos, que se dá a entender que é unha novela menor e, polo tanto, marabillarse coas vicisitudes que conducirán a Santiago Nasar a palmar sen remisión non te autoriza a opinar sobre Gabriel García Márquez dende unha óptica canónica, elitista e oficialista, xa que se trata dun entretemento nimio para que os adolescentes se interesen un mínimo pola lectura dos grandes.

O segundo dos motivos polos que, nun principio, non me ía pronunciar sobre este autor recentemente falecido ten que ver coa prostitución literaria do noso tempo. Si, refírome a esa ringleira de adictos ás redes sociais carentes de amor propio que necesitan do calor constante das masas virtuais para poder subsistir e que, da noite para a mañá, se converteron nos máis grandes devotos do realismo máxico e dun dos seus principais autores. Nun abominable acto de narcisismo e conducidos por un irrefreable desexo de seren admirados e “gostados” polos demais, twitteiros e facebookeiros de todo o orbe apresuráronse a buscar a pertinente cita de Gabriel García Márquez para exhibila con toda a pompa posible nos seus perfís e taboleiros a fin de obter unha inxente cantidade de “gústames” e acadar o orgasmo coa súa puntual ración de “postureo”. A ignorancia é perversa e, unha vez máis, sucumbimos á consigna de “morreu alghén moi, moi, moi famoso: que todo o mundo vexa que somos cultísimos aínda que non tivesemos nin a máis remota idea de quen era ou que escribiu ata hai uns escasos cinco minutos”.

Pero (e aproveitando un pouco que xa pasou toda a efervescencia do momento, ese rigor mortis histriónico que se reproduce por esporas nas páxinas de todo medio editable) teño que soltar o discursiño igualmente, porque gardalo para unha non é san. E por que fago isto? Pois porque botando man da hemeroteca tropecei cun titular que me produciu un certo desasosego existencial, unha especie de conmoción intelectual, un naufraxio mental letrado. E non, non me refiro á abominación perpetrada por Alfonso Rojo nese libelo pseudo-xornalístico coñecido como Periodista digital (aínda que ese titular tamén era carne de post, pero non, paso de facerlle publicidade a ese impresentable). A nova ou artigo, máis ben, que me provocou tal axitación apareceu no xornal La voz de Galicia do pasado 20 de abril de 2014 con este titular:

EL HOMERO DE NUESTRAS REPÚBLICAS

Boeno, calquera que teña unha mínima bagaxe cultural tería varias cousas que dicir despois de ler estas cinco palabras. Supoño, porque é o suficientemente grandilocuente como para deternos a darlle un pouquiño á moleira (jo, co que me gusta a min a palabra “sesera”) e analizalo cun certo detemento (todo o que me permita este día de reafirmación proletaria que estou a vivir mentres escribo isto). Sei que as miñas fresquísimas nocións de tradición clásica, cortesía do gran poeta e profesor Juan Antonio González Iglesias, son as culpables de que lle estea dando tantas voltas a cinco puñeteiras palabras pero creo que non será un tempo gastado en balde (ou iso espero).

Él fue nuestro Homero, el que escribió las sagas fundadoras de nuestra historia real e imaginaria. Antes de seguir comentando as idas de perola do tal Héctor Abad Faciolince (quen asina este artigo), acepto que estou manipulando deliberadamente o seu texto, pois el xa admite previamente a enunciar esta categórica frase que está esaxerando dado que Gabo era un gran amante da hipérbole e o exceso. E agora si paso aos pertinentes interrogantes que me suscita esta lectura. É posible que a universalidade da mensaxe dos poemas homéricos sexa equiparable ao legado literario de García Márquez? Estamos asistindo ao inicio dunha entronización dos clásicos do noso tempo igual que Homero se converteu no clásico da Grecia das πόλεις? O imaxinario mitolóxico que ideou o célebre autor de Aracataca (claramente ancorado na oralidade e no popular) deixa ou deixará a mesma pegada no noso acervo cultural do mesmo xeito que a epopea dos heroes homéricos? Estamos establecendo concomitancias que rozan o absurdo ou simplemente é que comeza a haber un transvasamento comprensible e inevitable dos modelos da tradición clásica a outros modelos contemporáneos que xa son un paradigma de auctoritas?

Non sei se me estou explicando ben ou se estou sendo vítima da miña propia percepción, que ás veces pretende ver máis alá do que se lle mostra. Pero, na miña opinión, resulta verdadeiramente inquietante que un dos membros deste cortexo fúnebre mediático ousara decretar tan perentoriamente que Gabriel García Márquez é o Homero dos nosos días. A comparación é, canto menos, grave. Non estamos falando dun autor sen máis co que poida haber paralelismos máis ou menos evidentes, estamos falando do gran alicerce da cultura clásica, do educador da Grecia Antiga e do gran paradigma narrativo de todos os tempos (occidentais, xa o sei). E Gabriel García Márquez foi un excelente escritor, que dúbida cabe. Recoñecido cun Nobel, lido por millóns de persoas arredor do mundo e gran emancipador dese subxénero literario que por aquí tamén se traballou arreo, o realismo máxico. Pero repito, ambos fenómenos literarios e culturais son equiparables ou é que soamente estamos facendo propio o esquema de canonicidade dos nosos devanceiros helénicos independentemente das achegas propias do noso tempo, véxase internet? Se cadra nós tamén precisamos un referente comparable ao aedo que teceu con tanta maña as historias bélicas de Troia e as viaxes de Odiseo, un referente realmente representativo para a nosa Idade Contemporánea. Pode que xa non nos sirvan Cervantes ou Shakespeare para ondear con brío a bandeira da civilización actual, esa que renega da cultura pero que despois brama con orgullo que é a súa propietaria.

Cómpre asumir que todo imperio, estado, nación, reino, país ou chámenlle X busca lexitimar a súa supremacía cultural con algún ideal literario. Afonden nas tradicións letradas de cada territorio e verán que todos se apropian de algo ou de alguén, mesmo se nese pasado glorioso e ilustrado as fronteiras eran outras (Que si! Que Séneca era español, leñe, castizo coma o que máis!). E neste mundo irreal e fantasioso da irmandade panhispánica, Gabriel García Márquez parece condenado dende xa a ser... o noso particular Homero, configurador da tradición panhelénica? Non. Coido que non. E non vou enunciar os centos de teorías que conflúen na arquicoñecida “cuestión homérica” para botar por terra este símil do xeito máis torpe posible. Pode que Homero non existira fisicamente, coma Orfeo, pero o feito de que se lle atribuíra un corpus literario de tamaña magnitude deulle o ser máis eficazmente que calquera acto de procreación máis terreal. A súa obra confirmouse inmortal e atemporal, sobrevivindo dun xeito ou outro ás tendencias literarias de cada época. Pero aínda queda por ver se Márquez resistirá ese embiste temporal coa mesma fortaleza. Simplemente non podemos saber se este parangón é acertado, é moi pronto para aventurarnos niso. O único que podemos saber certeiramente é que seguimos á procura das nosas iconas humanísticas. E iso tamén é tradición clásica. Como ben se ve, a prudencia e a cautela non se levan entre os cronistas da actualidade...

Con toda humildade, temo que debo concluír con tanta pregunta lanzada ao ar que García Márquez non pode ser o Homero das nosas repúblicas. Nin sequera o Virxilio dos nosos principados (a nosa era ten moito de augústea e pouco de períclea, a verdade), aínda que a súa traxectoria e a súa relación co poder o aproximen máis ao poeta de Mantua, dende o meu punto de vista. Pero non deixa de ser interesante que mesturemos auga e aceite así, porque yo lo valgo e “molamos moghollón”.