xoves, 27 de febreiro de 2014

O “mockumentary”, ese gran incomprendido...


Empezaba a pensar que o que un día fora un dos meus máis admirados referentes televisivos, Jordi Évole, personaxe mediático máis coñecido coma O Follonero, estaba próximo a morrer, catodicamente falando. Era desesperanzador para min ver como un gran formato como Salvados, innovador, diferente, e nun principio caracterizado polo sempre san toque satírico e humorístico, estaba dexenerando noutro tipo de programa cuxas aspiracións non distaban moito das que teñen as chamadas raíñas da mañá: ser un espazo rigoroso no que a actualidade e as reivindicacións cheguen aos telespectadores da forma máis clara e transparente posible, nunha case obsesiva busca da verdade e da veracidade (que, coidado, eu non critico e menos nun medio tan masivo coma a televisión). Malia todo isto, Évole nunca renunciou á súa dose de “cachondeo”, pero xa non era o mesmo. Pretendía ser serio, concienciado e... Francamente, aburrido.

Pode que este cambio de ton fora unha necesidade desta época convulsa que vivimos, ben é certo que nestes últimos anos xa case non queda nada no plano político e social do que poidamos rirnos e, naquel 2008 no que deu comezo Salvados (que naceu como un simple especial humorístico sobre as eleccións, analizando as súa vertente máis pop, sen ningunha dúbida), a crise era pouco menos que un agoiro patrocinado polos inimigos do estado. En calquera caso, para facer xornalismo stricto sensu xa temos a Ana Pastor, non facía falta que O Follonero aparcara ese carácter provocador para ser un máis, un máis de tantos comunicadores ancorados nese afán por resultar tediosamente transcendentes, ao mellor cun chisquiño máis de graza pero igualmente reducido a esa pouco orixinal ambición.


Pero no 23 de febreiro de 2014,  Jordi Évole volveu ser destrutivo e erixiuse de novo nun revulsivo sumamente estimulante para unha cidadanía anestesiada e pouco dada á sorpresa, ademais de atreverse cun xénero audiovisual moi pouco habitual nas Españas de onte e de hoxe: o falso documental ou mockumentary, como dirían os hipsters. Baixo o título de Operación Palace, Évole reuniu a un bo puñado de ex-políticos, vellas glorias do xornalismo e algún “titiriteiro” prometendo explicar por fin a verdade sobre un dos episodios máis singulares e decisivos da historia recente española: o golpe de estado do 23-F. A premisa era o suficientemente atractiva como para que fora previsible que medio país fora achantar o cu no sofá diante do televisor para ver de que ía todo isto (boeno, e que se anuncie durante unha semana a bombo e platillo tamén axuda, para que enganarnos?). O resultado foi o esperado polo seu artífice: a reacción extrema, as redes sociais ardendo en eloxios ou pouco amables epitafios en vida para Jordi Évole, indignación e admiración a partes iguais, risas e choras, as dúas Españas que volven chocar... Todo collía no amplo abano de conmocións e impresións a espertar.

Pero de que trata exactamente Operación Palace e cal foi a hipótese manifestamente falsa que nos trataron de colar? Pois un 23-F moi distante do que contan as hemerotecas e os libros de historia, xa que, segundo o narrado neste falso documental, non tería sido máis que unha pantomima orquestrada por unha nova democracia inestable e ameazada de morte dende o mesmo momento do seu nacemento e co pleno consenso de todas as forzas políticas con representación parlamentar, que terían contribuído dunha forma ou outra á macabra idea de adiantarse a un hipotético pero real golpe de estado cun falso golpe que disuadira a futuros conspiradores nostálxicos da ditadura. E quen sería o encargado de poñer en marcha toda esta ficción que aspiraba a restablecer a orde e a paz na nova galaxia monárquica? Nada máis e nada menos que José Luís Garci (si, ese sobrevalorado cineasta que moderaba os afumados coloquios de cine da 2, o mesmo).


A pesar do absurdo desta teoría e das reservas que tiven dende o primeiro momento con respecto ao que se me estaba contando (algo que, por outra banda, me sucede case sempre que prendo a tele), admito que, como todo ser humano mediatizado de ben, houbo momentos nos que a miña credulidade me xogou unha mala pasada. Garci dirixindo un golpe de estado e recibindo un Oscar tempo despois gracias ás presións dunha España moi agradecida polos servizos prestados á patria? Había algo nese plantexamento que chirriaba e moito, mais alí había demasiada xente á que se lle adoita conceder un mínimo de credibilidade, comezando polo propio Jordi Évole, convertido dun tempo a esta parte nun dos grandes baluarte do chamado xornalismo serio. Todos os entrevistados, todos eles grandes patricios pertencentes á caste política ou xornalística que adquiriu prestixio e renome naqueles anos, confirmaban a veracidade destas elucubracións e, seguramente, este foi un dos puntos fortes de Operación Palace a fin de conquistar a mente da audiencia: o testemuño aparentemente incontestable de quen estivo alí. Finalmente, descóbresenos que toda esta trama conspiranoica que por momentos nos parecía máis que crible, non era máis que palla ficticia, feito corroborado polas tomas falsas nas que se ve como todos estes personaxes relevantes a pifian nalgún momento da gravación esquecendo liñas de guión ou partíndose o cu cos seus propios erros.

Minutos despois do desenlace deste falso documental, Jordi Évole explica as súas razóns para levar a cabo o que el ben define como un “experimento” apoiado pola creación dun horizonte de expectativas que finalmente resultan frustradas. Por suposto, prevé as reaccións e opinións encontradas e xustifica o que ao meu parecer é unha proeza na televisión actual co nobre propósito de facer pensar un pouquiño aos telespectadores sobre un puñado de cuestións nada banais. Dende logo, tal e como o concibiu Évole (que mesmo incluíu un debate ao remate do documental para guiar un pouco a reflexión), Operación Palace pretende que nos estrullemos un pouco o cerebro cuns cantos interrogantes que, lamentablemente, carecen de resposta ou son respondidos insatisfactoriamente. Que aconteceu realmente o 23-F? Por que non podemos sabelo todo? É lóxico ou lícito que un réxime ao que se lle enche a boca falando de democracia e liberdades esconda certa información baixo a etiqueta de “clasificado”? Cantas teorías da conspiración farán falta para que por fin alguén se decida a descubrir a verdade e poñer fin a todo este aparato mitolóxico que tan magnificamente se recreou neste falso documental?


Porén, non todos valoraron este honesto engano tan positivamente. Foron moitos os que se fixeron eco dunha falta de ética xornalística por parte de Jordi Évole (asegurando que de agora en diante perdería toda credibilidade, coma se do conto de Pedro e o lobo se tratara) e que bramaron que non era necesario que se xogase con eles desa forma para demostrar nada (e, encima, cachondeándose de temas tan escabrosos). E eu digo (só é a miña modesta e humilde opinión): Estades tan seguros? De verdade todos os que se volveron cara O Follonero coa ira dunha gorgona confían tan cegamente na súa capacidade de filtración informativa? En serio cren estes inxenuos que non facía falta que alguén nos abrira os ollos dalgún modo e nos demostrara o manipulables que somos absolutamente todos e o fácil que lle resulta ao poder impoñer as súas versións oficiais e as súas mentiras? E o máis importante: Captaron e entenderon realmente todos estes indignados a importante mensaxe que subxacía a este xogo no que se mesturaron ficción e realidade? E outra pregunta aínda máis relevante: Ou é que non quixeron entendela, posto que as verdades sempre doen?

A min, persoalmente, houbo dúas cousas que me gustaron moito deste breve paréntese no que O Follonero a volveu liar, honrando como nunca o seu alcume: esa invitación á reflexión e ao debate (nada sinxela nin trivial, por moito que lles pese aos detractores deste experimento) e que se volvese poñer en boga un xénero cinematográfico e televisivo a miúdo ignorado (e, polo visto, tamén incomprendido) nestes lares como é o mockumentary. Sempre reconforta ver que na tolleita e mediocre produción televisiva española, a cal consumimos por inercia, hai un espazo (anecdótico, xa o sei) para a innovación e a sorpresa. O referente máis inmediato de Operación Palace é, claro está, como o propio Jordi Évole admitiu, Operación Lúa, outro pseudo-documental francés do ano 2002 no que se cuestionaba a chegada do home á Lúa e no que se metía no allo a nada máis e nada menos que o gran(dísimo) Stanley Kubrick. A estrutura narrativa de Operación Palace é moi semellante á deste documental e a teoría conspiranoica que plasma está repleta de loci communes: o propio título, a gran figura da cinematografía nacional que acepta formar parte do teatro, os testemuños das personalidades influíntes da época directamente implicadas, o filme futuro do cineasta en cuestión a través do cal confesa mediante complicadas claves encriptadas a súa participación nunha gran mentira de estado...


Son moitos os que se embarcaron en grandes timos disfrazados de realidade dende que, case por accidente, Orson Welles nos convencera de que os alieníxenas nos invadían naquel 1938 no que unha lectura dramatizada por radio da Guerra dos mundos de H.G. Wells provocou unha verdadeira alarma social. Hai moita reflexión e investigación nos campos da arte e da comunicación após da relación que establecemos entre a realidade e a ficción ao presentársenos fenómenos deste tipo e todo iso está condensado en Operación Palace. Está claro que nin Jordi Évole nin a Sexta descubriron a pólvora no mundo do ficticio e do fictivo, simplemente volveron poñer no punto de mira dun xeito orixinal unha serie de cuestións moi pouco claras sobre a nosa historia recente e deron vixencia ao feito de que somos altamente influenciables polos medios de comunicación de masas, algo que, dende o meu punto de vista, debemos aplaudir. O erro de base é pensar que na nosa era todo está superado e que estamos moi por riba diso, de ser vítimas dun engano masivo coma o que aterrorizou aos oíntes de Orson Welles, por exemplo, e que nada nin ninguén nos pode enganar porque xa o vimos todo. Unha das grandes virtudes do mockumentary é conferir credibilidade a algo que non é real, e pode que en Operación Palace iso non se fixera da forma máis brillante ou que incluso por momentos resultara torpe, pero non por iso se debe infravalorar a súa honestidade, a súa deliciosa ironía e a súa capacidade para crear unha controversia moi necesaria nestes tempos nos que estamos máis que nunca a mercé do poder mediático.

A verdade é que disfrutei moito co que seguramente foi o acontecemento televisivo máis interesante dos últimos tempos, unha nova forma de revestir ese rigor que algúns cren que o (agora si) valente e ousado Jordi Évole perdeu para sempre irremediablemente, mais coido que non debemos velo así nin facer lecturas simplistas e reducionistas do asunto, pois que alguén se decida nun momento de excéntrica lucidez a utilizar os medios ao seu favor cun propósito didáctico e non adoutrinante é francamente encomiable. Agora só queda esperar que o debate (sobre as perversións dun estado ao que debemos esixirlle aínda moito e sobre a nosa propia vulnerabilidade ideolóxica) non se reduza a unha efémera anécdota e que transcenda a inmediatez do circo televisivo e a oportunidade do momento, para que sexamos quen de recuperar a consciencia e descubrir a farsa por nós mesmos, porque non todos son tan sinceros coma O Follonero...

xoves, 13 de febreiro de 2014

“Hai que andar cos tempos!”, unha historia da Familia Caamagno


Non todos os grandes “ghits” veñen de ultramar, ás veces nin sequera se precisa pasar ao outro lado do Tambre… Efectivamente hoxe falamos de boa música e un par de cousas máis cun grupazo que me pilla bastante cerca da casa e que nada ten que envexarlle a outras bandas foráneas, que, probablemente pola tola inconsciencia imbuída por este mundo globalizado, monopolizaron un pouco o espazo reservado á música neste blog, deixando de lado outras manifestacións artísticas máis próximas igualmente interesantes. A estas alturas xa non precisan presentación, hoxe falamos (sí, falamos neste primeiro post colaborativo!) coa Familia Caamagno!


Rock desenfadado pero estiloso, cunha mala hostia absolutamente “buenrrollista”, cun envoltorio elegante e melodías contundentes e rabiosas que non incitan a nada máis que mover o esqueleto e tararear cunha dignidade etílica máis ou menos desenvolvida esa hímnica de “ghalpón” elevada aos altares do estrelato “rocanroleiro” da bisbarra. E en galego! (que sempre é unha satisfacción para unha servidora poder destacar isto) Unha panda de mafiosos e camorranos agora reciclados en crooners dun son cru e directo cuxa gran e honesta premisa é pasalo ben. Son cinco, son moi grandes e son capaces de reinventarse sen renunciar a unha identidade e unha personalidade (tanto estética como musical) moi definidas e ben delimitadas que os fan únicos entre todas as grandes bandas locais.

E que mellor que contar coa propia Familia Caamagno para que nos ilustren un pouco en canto ás súas inquedanzas e aspiracións! E, sobre todo, para que nos vendan ese Hai que andar cos tempos! que, coma se dun xiro inesperado de guión se tratase, rompe coa súa anterior traxectoria pero sen perder o fío dunha continuidade que non é outra que a exploración de novos camiños e, por que non?, dunha madurez artística cuxo cénit veremos máis pronto que tarde.


Tres anos dando estopa sobre os escenarios galegos son suficientes para que a Familia Caamagno xa goce dunha notable popularidade e teña un número nada desprezable de “fanses” que os seguen alá onde van, tirando bragas molladas e suxeitadores e danzando como ménades en éxtase. A estrada semella o segundo fogar deste grupo de polifacéticos colegas reconvertidos en profetas do rock n’roll e a festa, pois xa case non queda vila galega á que non honrasen coa súa presenza e os seus potentísimos acordes. Tamén se introduciron nos nosos lares con algunha destacada actuación televisiva (nos xa extintos Tourilandia e A Solaina, por exemplo) e a prensa (a que quere parecer seria e a que non) fíxose eco da súa proposta tan fresca e diferente. Mais, isto remata aquí? Onde ten o límite esta xentuza que tan hipnóticamente, cuan Orfeos dos furanchos, nos fai “bailar ghañán”? Teito non temos ningún, aseguran, somos ambiciosos nese aspecto e pretendemos chegar ao máximo que poidamos conseguir. Agora ben, a pesar de que é evidente que sufrimos un certo retraso mental (non só o batería, eh? Todos, todos), tampouco somos idiotas, e somos conscientes que a situación e as circunstancias son as que son e as aspiracións non poden ser moi espectaculares. Pero a nós danos igual, nós tiramos para adiante e pretendemos seguir facendo o que nos gusta e gustarlle a xente, que para iso saímos a tocar por aí.

Pode que non deixe de ser un pouco irónica tanta modestia nun grupo que xa conseguiu ser profeta na súa terra (a vila de Sigüeiro e arredores da bisbarra) e tamén fóra dela, posto que no pasado ano 2013 foron quen de bater nunha épica batalla ao resto de grupos (e convencionalismos) aos que se enfrontaban no concurso de bandas da Deputación da Coruña, feito que eles mesmos categorizan cun elocuente “estraño”, afirmando que a súa pretensión inicial non era gañar pero se sonaba a frauta pois caralludamente. Conscientes de que os verdadeiros mafiosos non van ataviados como tal e gostan de camuflarse en oficialidades varias (tamén nos concursos relacionados coa creación e a arte), comentan que o esperable sería que o premio o levara un grupo cun estilo máis popular ou que tecnicamente fosen máis precisos que nós (que tampouco hai que ser un lumbreras para superarnos niso), entón, cando anunciaron que nós eramos os gañadores como que se nos quedou, nun primeiro momento, un pouco cara de tordos. Os outros grupos fixérono moi ben e non alcanzamos a comprender como o xurado puido empatar co noso mongolismo galopante. Pero parece ser que si, por unha vez triunfou a subnormalidade melódica, rematan a modo de congratulación.


Pero cal é a orixe dos Caamagno? Como naceu un estilo que os seus artífices rebautizan como“mongolismo galopante” (ao que eu engado “brillante”) e “subnormalidade melódica” (ao que eu engado “soberbia”)? O que tiñamos en común os cinco eran ganas de montar un grupo con melodías pop e para facer bailar, porque por aquí non é que abunde en exceso precisamente. Botabamos (e seguimos en parte botando) en falta bandas dese tipo, que fagan concertos que sexan divertidos, que che fagan mover as cachas e que inciten a cantar e a berrear. Viñamos de grupos máis ben escuros e apetecíanos facer precisamente o contrario: Francesco viña de Electróxeno pero de toda a vida tocou en pequenos proxectos con Manuele e Jess; e á súa vez Manuele, Jess e Lano viñan dun grupo de versións dos Misfits e punkarrada do estilo [Plan 9] (vamos, que moi luminosa non era a cousa). Atopar cantantes que canten ben, non dean problemas e teñan actitude é ben sabido que é complicado, así que alí se botou afortunadamente Manuele ao micro despois de estar uns anos aporreando os tambores; e o tallo da batería ocupouno Toni, que era ao que lle tocaba garda aquel día.

A historia da Familia Caamagno non é distinta das de todos os grupos de colegas que quedan un día para tocar algo ata que un golpe de audacia, de sorte ou de ámbalas dúas, provoca que se vaia máis alá. Deste xeito, Manuele Caamagno (carismático líder que non dubida en reemprazar esporadicamente as súas intervencións vocais polo son do seu saxofón), Jess Caamagno, Francesco Caamagno (ambos encargados da melodía das guitarras), Lano Caamagno (non menos importante no conxunto é o seu baixo) e Toni Caamagno (o encargado de aporrear as imprescindibles caixas do ritmo) deron forma a un proxecto moi diferenciado, recorrendo a unha estética vintage moi identificada cuns modelos ben aprendidos do cine e unha iconografía contracultural hoxe canonizada para vestir un rock n’roll puro que a teatralidade e a interacción coa audiencia do directo converten nunha das propostas máis atractivas do panorama musical galego actual. Aínda que falar de referentes poida decaer na obviedade, non se pode evitar a formulación dunha pregunta semellante. E descubrimos algunha flutuación de fontes que nos entenrece: A nosa principal influencia é a música popular do século XX, pero non seríamos o que somos sen dúas cousas fundamentais: os bares e os vídeos do Youtube. En canto aos primeiros, é evidente que somos seres tabernícolas e o último EP [Hai que andar cos tempos!] está impregnado de arriba a abaixo (comezando polo título) dos bares, principalmente de Compostela, Sigüeiro e Ordes. E en canto aos segundos, aí atrás tivemos un serio problema, que xa rozaba a obsesión, cos vídeos de APM. Agora xa estamos mellor nese aspecto pero estamos comezando a ter unha relación preocupantemente semellante co canal de vídeos “Soy tan sutil”. E a culpa é de Samu Terbutalino e o fenomenal “Travestis vs Borracho ¡Duelo Autotune!”


 Baixo os seus uniformes de Vito Corleone e cun marcado acento siciliano concibiron un primeiro EP homónimo do que se extraen grandes temas que cumpren con este ideario tan firme no que non se contempla a opción de aburrirse ou pasalo mal. Nel atopamos, entre outras cancións, Fodín cos pés no río, que nos introduce na escatoloxía e o humor obsceno tan do gusto das súas letras, unha actualización da lírica etílica cultivada na literatura occidental dende o arcaísmo da civilización grega; Ringo Starr, reivindicadora do simbolismo das grandes iconas da cultura pop (declárome fan incondicional dese verso que di Ringo Starr cagha por Charlie Watts, aí deixo o debate) e Perdoa, que nos transporta ao puro ritmo, a mover o pé dereito timidamente ata rematar dándolle á cabeza compulsivamente mentres finximos ter unha guitarra nas mans. Pero a xoia da coroa deste EP, digna de conservarse en calquera hall of fame, é O ritmo da caverna (Altamira on my mind), peza que a punto estivo de inspirar un “temazo da semana”, un dos seus temas máis redondos e logrados, unha canción cunha forza especial capaz de conducir como ningunha ao momento climático do directo, un verdadeiro himno pop, subxénero que motiva unha fonda reflexión: Somos moi fanáticos dos temas pop de 2 minutos, directos ao fígado, das melodías pegañentas, dos ritmos trepidantes. Sempre que nos poñemos a compoñer no local intentamos acadar esa maxia do tema redondo e perfecto, a maxia do retrouso vibrante e apaixonado. Desgraciadamente nunca o conseguimos. Pero intentámolo, eh? E ás veces conseguimos cousas que se lle aproximan, polo menos na intención. De novo a modestia nubra o que unha servidora considera unha xesta xa realizada con esta canción.


Despois deste magnífico EP de debut, a Familia Caamagno obsequiounos cunha proposta que se presumía a todas luces aterradora... Pois, ao igual que ocorre con todos os grandes e pequenos artistas (como xa lembrei de xeito oportuno e oportunista nestas liñas), algún produtor enfermo mental ou algún vilán da industria discográfica conseguiu convencelos para que firmasen o seu primeiro single de... PANXOLIÑAS! Eles son tallantes ao respecto: Chámanos enfermos pero temos que recoñecer, sen ningún tipo de rubor, que somos moi fans desa entrañable tradición de Nadal e que desgraciadamente se está a perder. Antes calquera artista que se preciara sacaba, senón un álbum enteiro polo menos un sinxelo, e nós non queriamos ser menos. Claro que facémolo co escepticismo que merece tanto lucerío e tanto coro de nenos esquizofrénicos ouveando polos fíos musicais dos centros comerciais, pero o caso é quedarse co divertido do asunto, que para amargarse xa hai tempo o resto do ano. E All I want for Christmas is you e Last Christmas son dous temazos pop que lo flipas. Por non falar dos videoclips de sendas cancións. Sí, meus señores, os Caamagno tamén caeron nas redes do hedonismo invernal do Nadal con Cantan polo Nadal, no que se inclúen dúas panxoliñas, Bule, bule, Rudolph! e Panxoligna de Amor R5, que dalgún modo, reinventaron o xénero dándolle un pouco de vidilla a tan trillados tópicos, co cal, nin tan mal, oes...


Pero voltemos ao presente para profundar un pouco máis nese novo EP, Hai que andar cos tempos! que descobre novos horizontes de expectativas para a Familia Caamagno neste 2014 e que vén cargado de cambios, sobre todo estéticos: a verdade é que xa precisabamos darlle o retiro ás nosas fundas mafiosas porque xa cheiraban; non en sentido literal, claro. Bueno, nalgún concerto chegáballe de carallo. Total, que nos apetecía cambiarlle as pintas ao grupo e que mellor que uns traxes, uns botíns e unhas elegantes camisas. Somos homes clásicos nos nosos gustos e afeccións e as camisas de chorreras, aparte de ser unha prenda moi vinculada ao rock’n’roll, cremos que lle da un punto elegantemente decadente co que nos sentimos moi identificados, e que mellor que lucir todo ese atuendo na portada do noso novo EP. Todo moi clásico, si.

Ada Seoane Alló
O lanzamento deste novo traballo veu acompañado dunha espectacular escenificación da renovación do conxunto nun lugar tan acolledor coma a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o pasado 7 de febreiro: estabamos un pouco bastante acolloadamente acolloados por como podía saír iso. Era a primeira vez que nos poñiamos á fronte dunha presentación desa magnitude: alugar a Sala Capitol, a cartelería, traer aos Yakuzas de Madrid… e saíu todo de marabilla. Veu un lotazo de xente, había un ambientazo na sala espectacular, os Yakuzas marcharon todos contentos de volta, non podemos pedir nada máis. Baixamos do escenario supurando adrenalina e con un feedback do público brutal, que polo que todo mundo comentaba, quedou encantado da noite. Era a nosa data máis importante neste tempo que levamos xuntos e cumpríronse con creces as expectativas.

            En Hai que andar cos tempos! atopamos máis rock n’roll de temática subversiva e saudablemente alérxico á corrección política, cuxo maior expoñente é Surfistas nazis, clásico dende xa que nos evoca o estilo despreocupado dos Beach Boys e inspirado, como non, nun documento audiovisual claramente contracultural como Surf nazis must die (1987), serie B pura e dura que aquí é marabillosamente homenaxeada. Os son dos 60 conxúntase coas pequenas problemáticas intrascendentes do primeiro mundo actual nunha simbiose espléndida en Rantanplan, Mentireira ou C’mon baby, unga, unga. Con Fóra de control vólvese por un momento ás orixes da Familia Caamagno, sendo un tema máis vencellable ao estilo garaxe do que tamén beben. O derradeiro corte, Mala herba, versión do tema orixinal dos Coasters Poison Ivy, volta aos ecos sesenteiros narrando unha particular historia de amor non apta para castos, púdicos ou televidentes de 13 TV.


Pero ademais de todo este “rollaco” que eu acabo de poñer, por que Hai que andar cos tempos! vale a pena? Puxemos todo o empeño en que todo saíra o mellor posible, ou polo menos o máis aproximado ao que a nós nos gustaría ver por aí. Fomos a Xixón a gravar ao noso estudio favorito da actualidade, Circo Perrotti, onde xa gravou xente á que admiramos a nivel internacional, dende os Cynics ou os Fleshtones, ata Billy Childish ou Wau y los Arrrghs, e aínda por riba baixo a dirección dun referente absoluto para nós como é Jorge Explosión, dalgunha maneira responsable de que fagamos o que facemos. Editámolo en vinilo e sacámolo baixo o selo de Lixo Urbano. Máis non podemos facer nin pedir, levamos un ano de curro con todo isto e o resultado para nós é extremadamente satisfactorio. Agora podemos soltar iso de “Es nuestro mejor trabajo hasta la fecha”.

A Familia Caamagno non é un grupo ao uso. Fieis ás súas conviccións e ao que a eles mesmos lles gustaría ver no panorama musical actual, non perden a ocasión de combinar a indiscutible calidade do seu traballo por buscar esta diferenciación con algunha declaración de principios: botamos en falta grupos que fagan bailar con melodías que se che peguen no cerebelo, porque hai moito metal durísimo e moito noise de todo a 1€ e raiadas que “loflipoyosolo” y “suputamadre”, e son un absoluto coñazo. Está moi ben que cada un faga o que queira e son moi necesarios todos eses grupos, pero para nós son aínda máis necesarios grupos con un pouco máis de alegría de vivir, concho. Despois queixámonos de que non vén a xente aos concertos, normal! Que vale que hai moitos factores coma a pouca cultura musical que temos de música ao vivo no pop e no rock’n’roll (ou cultura musical a secas), pero é que hai algúns que é absolutamente normal que non vaia nin “jesucristobendito” porque non hai Santo Job que o ature. E outros dirán o mesmo de nós e parécenos fenomenal.

Pouco máis se pode dicir desta banda que non sexa facerlles un pouco de publicidade “de ghratís” porque de verdade que a merecen. Mentres esperamos con ansia velos por fin na irrealidade dun videoclip de promoción que poida acabar sendo tan viral coma Wrecking ball (non houbo nin tempo nin moitas ganas de poñernos con esas lides audiovisuais. Agardamos ter antes do verán a nosa primeira videocreación musical, que xa tardamos!), é a miña obriga moral informarvos de que podedes conseguir o caralludísimo EP Hai que andar cos tempos!, editado pola discográfica compostelá Lixo Urbano, en formato dixital no bandcamp, en vinilo de 12’’ e en disco compacto (seguramente por un módico prezo, que esta xente non é Alejandro Sanz) e que só con buscar á Familia Caamagno en facebook ou twitter poderedes localizalos rápido cuan GPS para disfrutar a tope cun dos seus concertos.


Ah... Por certo... De quen é toda a culpa?

Do ghobierno!

P.D. Ghracias, Familia, por prestarvos a esta cousa. En canto poida, invito a un cubata! Como mínimo.

xoves, 6 de febreiro de 2014

Porno de autor? “Nymphomaniac”, vols. I e II, de Lars von Trier

           

           Que ganas tiña de falar por fin de Lars von Trier neste blog! Mais, cando unha ousa falar dunha figura tan polémica e polemista coma a de Lars von Trier vese obrigada a facer unha serie de aclaracións previas, empezando pola máis obvia: gústame o seu cine e considero que sempre achega unhas propostas moi interesantes, máis alá da calidade que finalmente posúan as mesmas. É un provocador nato, arriscado, rompedor e un creador dotado da suficiente intelixencia e tamén o bastante valente como para percorrer novos camiños estéticos e narrativos. Claro que a todas estas características se lles pode dar a volta e, no canto de entendelas como virtudes, velas como evidentes defectos. Son moitos os que tildan a este cineasta danés de charlatán, farsante e falso profeta da innovación na arte cinematográfica (e sendo as súas películas un verdadeiro coñazo), mais, debo recoñecer, que para min, é un dos realizadores máis suxestivos e fascinantes do cine europeo actual. Por este motivo, espero cada nova película súa como auga de maio, pois sempre valoro (e moito) que alguén teña algo novo que contarme e que desautomatice todos os mecanismos diexéticos audiovisuais que tan mastigados teño despois de velos repetitivamente en centos e centos de obras.


            Porén, non todo van ser aquí haxiografías, claro que hai cousas que me estomagan de Lars von Trier, e pouco teñen que ver coa súa apoloxía do nazismo, que eu vencello máis a un afán por destacar e darlle pulo a ese personaxe transgresor e incómodo para a corrección política que tanto lle gusta representar nas roldas de prensa (e do que sempre desliza algunha perla nos seus guións). Para empezar, non son eu unha fervente defensora do movemento Dogma, do que el foi un dos principais impulsores e que, afortunadamente, hai moito tempo que abandonou. Como espectadora que tanto gusta do ilusionismo que semella inherente ao cine, non podo simpatizar cunha serie de normas que tratan de convertelo nun espello hiperrealista das miserias do ser humano. Polo menos nun cento por cento, para min sempre debe haber algo de efectismo incluso no relato máis verosímil que se me pon diante. En canto a se adoece ou non dunha leve ou severa misoxinia... Boeno, ás mulleres moito non nos debe querer porque se hai algo que sobresae nas historias de Lars von Trier é ese xiro de guión crucial que fai que a muller protagonista (porque a protagonista sempre é unha muller) pase de ser infinitamente feliz e ter un horizonte de prometedoras expectativas de futuro a sufrir como unha cocha que está sendo degolada. Non creo que as súas tramas sempre monopolizadas por unha figura feminina se enfoquen cunha perspectiva feminista, eu non o vexo así, nin sequera con esta última, Nymphomaniac, que xa foi cualificada con epítetos similares. Máis ben, semella caer no tópico un tanto freudiano da histeria feminina, que di que somos máis emocionais e máis propensas á alienación mental que os homes.

Con todo, non podo negalo, Lars von Trier é un dos meus directores de cine favoritos e un dos meus imprescindibles cando fago a miña selección semestral de películas polas que pode valer a pena pagar máis de 1000 das antigas pesetas por velas no cine. Por iso, non o dubidei, fun correndo a ver Nymphomaniac nas dúas partes nas que foi dividida (e un pelín recortada e suavizada, para desgusto de von Trier, pese a dar o seu consentimento) para a súa distribución comercial en salas. Non creo que faga falta advertir que os spoilers se reproducirán como coellos ao longo destas liñas...


Poñámonos, entón, en situación: Joe (Charlotte Gainsbourg, nova musa do director tras Anticristo e Melancolía) é unha muller que conta, aproximadamente, con medio século de vida e que, tras recibir unha brutal paliza e ser recollida por un solitario ser, Seligman (Stellan Skarsgård), lle conta a este último cunha perfecta estrutura capitulada (os nomes dos capítulos non teñen desperdicio) e a modo de novela oral, a historia da súa vida, empregando para iso unha perspectiva pouco usual, xa que se autodefine como ninfómana e explica cada vivencia a través das súas experiencias sexuais, que ela ve como determinantes en todos e cada un dos avatares da súa existencia.


Descubrín a miña cona aos dous anos é unha frase tallante e premonitoria, coa que Joe inicia un relato que se presume, polo menos, sórdido. Que este νόστος sexual se remonte á máis tenra infancia provoca todo tipo de comentarios máis ou menos xocosos na sala (seguro que non aconteceu só na miña sesión), así como unhas poucas risas nas que se adiviña un certo pudor e (por que non?) incomodidade e aversión por tan directa sentencia. A intencionalidade de tales citas, tratándose de Lars von Trier, case nunca é clara, mais, logo de ver unhas cantas películas súas, case podo garantizar que o que este señor busca é a reacción extrema: rexeitamento, burla, sorpresa, fascinación... Todo vale para dixerir esta premisa, pois o propio Lars von Trier é moi consciente do mediatizada que está a audiencia en canto ao sexo e cal é o ton que se considera “válido”, tomando como referencia esa mediatización, para abordar este tema, pensemos en todas as comedias de adolescentes estilo American Pie ou na pornografía pura e dura... O enfoque de Nymphomaniac, para min, é absolutamente novedoso, pois mostra dun xeito incriblemente sutil e rigoroso un tópico a miúdo carnavalizado (iso, desempolvando conceptos de teoría literaria aínda que sexa mal) e xogando constantemente con esa posibilidade e coa reacción contrariada dun público pouco afeito a que se rompa cos tabúes. De novo, volvo impresionarme coa intelixencia do agudo contista von Trier, pois estando certo do poder que se lle outorga ás palabras, case do mesmo xeito que na Antigüidade, na que se percibían como algo máxico e que podía dar pé a fenómenos sobrenaturais e incluso indesexados, enfróntanos directamente con esa consideración tan pouco consciente que temos cara determinadas verbas: nunca diríamos cona en determinados contextos. Desautomatización. Que prometedor é isto! Dito sexa de paso, von Trier decláralle a guerra ao eufemismo e ao politicamente correcto no mesmo título da película e nunha reflexión a cargo da propia protagonista.


Despois desta tediosa digresión (coma as que o oínte Seligman fai en cada capítulo da historia), cómpre volvermos focalizar a atención na propia historia. Joe remonta o seu coñecemento do sexo a unha idade moi temperá e así coñecemos algúns personaxes cruciais na vida da protagonista (lembremos que se trata dunha película moi coral): o seu pai (Christian Slater), doce, cariñoso, comprensivo e claramente antitético á súa nai (Connie Nielsen), fría, solitaria e impasible. A relación cos seus proxenitores transcende os límites da idade adulta e chega a resultar paradoxal ver nunha película que pretende renunciar aos canons suprimindo calquera vínculo afectivo nas interaccións entre os personaxes, un amor tan sólido coma o que une a Joe e ao seu pai ata o pasamento deste último. Talvez sexan estes os momentos máis achegados ao convencional e ao sentimental (que non sentimentalismo), pero iso non quere dicir que queden exentos de crudeza, que a hai, como ben lle gusta ao noso amigo Lars von Trier. A figura do pai semella estar rodeada dun aura sacra en comparación co fútil que parece o resto. Este personaxe sempre é evocado con agarimo e caracterízase dunha certa inxenuidade, a nota máis necesariamente disonante en todo o filme.


Mais, este non é o único personaxe que marca para ben ou para mal a Joe, pois o contrapunto máis importante desta particular heroína tráxica é Jerôme (Shia LaBeouf, quen nolo diría vendo Transformers e esa cuarta película de Indiana Jones que non existe...), antagonista polimorfo e enigmático que entra casualmente na vida de Joe pero dalgún modo predestinado a seguir influíndo no periplo desta. A relación entre ambos é unha constante carreira de obstáculos e, por moito que lle poida pesar a Lars von Trier, tan elocuente con ese Forget about love que subtitula os pósters dos dous volumes de Nymphomaniac, unha non deixa de ter a sensación de ver algunha pincelada de love story ao contar a historia destes dous personaxes, aínda que se dote dalgún elemento subversivo e aínda que o final da mesma sexa violento, simbólica e físicamente.

A maioría destes episodios son acaparados pola xoven Joe, encarnada por Stacy Martin, actriz de rostro enfermizo e depresivo e expresión misteriosa, capaz de dotar a este personaxe de múltiples matices que van parellos coa súa evolución: o seu primeiro contacto co sexo prodúcese de forma inocente e chega a ser desagradable, mais logo desenvolve unha determinación e unha audacia que contrastan co seu illamento e coa inevitable melancolía que lle produce a soidade. Non boto de menos a Charlotte Gainsbourg neste tramo da película, para min, a interpretación de Martin dá no cravo e chego a lamentar que o relato chegue á plena madurez de Joe e, polo tanto, ao cambio de intérprete (na miña opinión, este tránsito faise dunha forma torpe e pouco crible). Espero que tras este filme se fixen nela para papeis igualmente interesantes e arriscados.


O resto dos personaxes son anecdóticos pero non por iso menos dignos de mención. A breve intervención de Uma Thurman como a señora H no primeiro volume paréceme soberbia, unha muller abandonada que responde dunha forma inesperada e, por suposto, extrema a esa situación. Tamén temos a Jamie Bell noutro cambio brutal de rexistro (hai xente que o verá como Billy Elliot ata o final dos seus días). E xa non contamos os rostros omnipresentes na filmografía do director, tal é o caso de Udo Kier (a súa actuación é practicamente un cameo) ou Jean-Marc Barr e, por que non? Willem Dafoe.

Nymphomaniac parece concibida coma unha especie de obra magna, un proxecto sisudo nado dunha idea que nun principio semella descabezada pero que logo acaba gozando de aceptación a pesar das reticencias iniciais. Que Lars von Trier asegurara dende o principio que o sexo explícito sería unha tónica predominante na forma da historia provocou expectación, mais a censura (sempre inexplicable pero neste caso aínda máis extravagante) non nos permitiu ver esa especie de novela río levada ao cine de 5 horas sobre unha muller que anhela máis. En realidade, se se presta un mínimo de atención á historia de Nymphomaniac deberíamos darnos conta rapidamente que non se trata de porno de autor nin moito menos. A presenza de escenas de sexo nunha película funciona como un eficaz reclamo publicitario pero vendo a película decatámonos de que hai un pouso, de que existe algo máis profundo que transgredir porque si e de que isto non é un videoclip de Miley Cyrus.


Esta é unha película de personaxes e reflexión, de moita reflexión. Talvez sexa esta a película na que Lars von Trier dá renda solta con máis brío a todas as súas obsesións e nos fai pensar en moitas cuestións que obviamos polo noso restritivo acervo cultural: relixión, moral, amor, sexualidade en todas as súas formas, os xa citados tabúes de calquera clase aplicados a política, sociedade, tamén ao sexo... Son moitos os debates que xorden entre os personaxes de Joe e Seligman a raíz da narración da primeira, talvez o máis impactante sexa o referente á pedofilia, que Joe sentencia cunha frase demoledora, moi polémica, posiblemente moi discutible, pero capaz de remover todas as conciencias do mundo: quen é capaz de vivir reprimindo ese desexo (o desexo de ter relacións con nenos) merece unha puta medalla. A moralina non ten cabida nesta historia, pese a que Joe advirte antes de contar nada que a súa é unha historia moralista. É curioso como o espectador pode ver a un personaxe que está fustigándose constantemente e que se ve finalmente devorada por un atroz sentimento de culpa dunha forma completamente transparente, isto é, empatizamos con Joe. Incluso despois de que algunhas cousas nos dean certo noxo ou que non esteamos de acordo coas súas prioridades, de feito, na dicotomía entre a maternidade e o pracer, escolle o segundo, algo que nos mundos de hoxe nos parece deleznable e moi condenable. Lars von Trier plantéxanos ese tipo de cuestións tan peliagudas sen vaselina pero cunha loable elegancia.


E si, sexamos realistas, neste mundo polarizado non creo que exista a persoa capaz de ver unha película de Lars von Trier con indiferencia. Ou che gusta moito ou non che gusta nada. É certo que, posiblemente, en canto a “envoltorio” e estrutura narrativa esteamos ante a máis convencional das súas películas, pois non hai xogos raros e claustrofóbicos co espazo, nin misticismos varios (salvo un breve momento no volume 2), o xénero do musical xa hai moito que o reinventou e a progresión da historia é bastante lineal. Pero se nos imos ao final, á resolución desta épica erotizada, encontrarémonos posiblemente co maior ex abrupto visto na filmografía do cineasta danés. Inclasificable e incualificable coma a propia persoa que está tras da cámara. O final comeza como un epílogo, unha conclusión sen máis e bastante decepcionante, cun breve discurso no que cheiramos a moralina a kilómetros de distancia cando non se nos aparecera en ningún outro momento da metraxe: Joe remata de contar a súa historia e renega do sexo para sempre, posto que considera que sementou ventos e recolleu tempestades entregádose ao pracer e desexando moito máis (podería resumirse nunha frase que di ao comezo: talvez o meu único pecado sexa que sempre lle pedín máis ao luscofusco) e Seligman, aquel home que se nos presentaba como oínte desprexuizado e culto, comentarista alexandrino da historia de Joe (os seus engadidos son antolóxicos), asinte, deixándoa por fin descansar para recuperarse das súas feridas tras a catarse vivida coa súa narración. Mais, de súpeto, dá a impresión de que podemos ver o proceso de escritura do guión de Lars von Trier e, coma se dun deus ex machina se tratase, introduce un engadido a esta resolución que ao propio autor lle parece insatisfactoria (case tan insatisfactorio coma o final de Joe na primeira parte, na que perde toda sensibilidade e capacidade para chegar ao orgasmo) que remata a cinta dun modo automático e moi sorprendente, no que nada é o que parece. E, repito, nin bo nin malo, simplemente é inesperado e difícil de valorar. E... Non volo vou contar porque xa destripei bastante!

Recomendo ferventemente o visionado de Nymphomaniac, é unha destas películas que hai que ver antes de morrer. Xa corren ríos de tinta sobre ela e correrán máis. Para min, é unha das pezas clave no novo cine de Lars von Trier, nada fácil de ver pero que promete e, efectivamente, dá. Non defrauda. Lars von Trier en estado puro.



E non é porno! Vamos... Pracer, o que se di pracer, vendo as escenas de sexo desta película... Non.