Amosando publicacións coa etiqueta Manuel María. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel María. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de maio de 2016

De Outeiro de Rei a Tebas


17 de maio. Un ano máis. Un cento de proclamas no ar e un milleiro de promesas e obrigas para co noso idioma sen cumprir. Nun día no que celebramos con ledicia a lírica daquel chairego que engaiolou os nosos soños, quixen lembrarme da súa faceta máis descoñecida e daquel día que decidiu viaxar de Outeiro de Rei a Tebas.

Poucos saben que Manuel María, o poeta do existencialismo e do compromiso coa terra, entre outras moitas facetas, cultivou tamén unha literatura dramática de tema clásico que, aínda sendo moi breve, debe ser reivindicada. O seu Edipo (escrita aló polos anos 60 pero que non foi publicada ata o 2003) recupera algúns dos episodios míticos protagonizados por esta figura central da saga dos Labdácidas inmortalizados por Sófocles en Edipo rei e Edipo en Colono (cos pertinentes engadidos e liberdades creativas, claro está). Mais por que Manuel María había querer que Edipo ou Antígona falasen en galego naqueles anos? El mesmo o explicou no limiar á edición da obra:

Co Edipo tentamos crear un personaxe que resultase ser un anti-Franco, o tirano cruel e omnipotente que estabamos a padecer. Un Edipo que fose, máis que un rei ou un brinquedo do Destino e da Fatalidade, un home bo, xeneroso, inconmovíbel nos seus principios éticos: o xefe humanísimo que endexamais atraizoa ou atraizoará a súa xente, cumpridor do seu deber ata as derradeiras consecuencias, disposto a sacrificar a vida polos seus ideais se preciso for. De Antígona quixemos facer un prototipo da muller forte, valente, filla exemplar e heroica, trasunto das galegas nais, donas, fillas de emigrantes – e non só – que tan insuperábel e esforzado cometido desempeñaron ao longo da historia do noso pobo.

Manuel María non ignorou a lectura máis contestataria do mito e así o reinterpretou para insuflarlle unha nova vida nas nosas letras, sendo coma case sempre un pioneiro da empresa literaria en galego. Os nosos dramaturgos miraban a Europa e iniciaron en paralelo un teatro de tema clásico en lingua galega do que Manuel María é un dos seus principais fundadores (aínda que axiña abandonou esta tendencia). Recolleu o mito de Edipo, simplificouno (para nada o “empobreceu”, como el asegura no limiar) e o caprichoso fatum quixo relegalo a un caixón ata que Miguel A. Mato Fondo e a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor a recuperaron para a súa publicación un ano antes do pasamento do poeta da Terra Chá. Ao igual que con Elexías á miña vida pequeniña (da que xa falamos na Cólquide noutra ocasión), hai que dar grazas á xenerosidade dun autor que mira con escepticismo á súa propia obra e ao heroísmo (porque publicar cousas en galego foi, segue e seguirá sendo unha auténtica loita contra os elementos) de quen se decidiu a darlle forma nunha coidadísima edición á altura do material.


A obra consta dun prólogo e tres actos a través dos cales acompañamos ao Edipo rei e peregrino na súa loita contra un destino nada benévolo. Tras saberse causante dos males de Tebas como herdeiro dunha caste que ofendeu aos deuses e descubrir que matou ao seu pai Laio e casou coa súa nai Iocasta (dando cumprimento á predición dos oráculos), Edipo vaga cego e vello acompañado da súa filla Antígona sendo rexeitado por todos debido á sona da maldición que pesa sobre el. Despois de rexeitar a oferta de Creonte, quen o convida a reinar de novo á súa beira en Tebas para reparar o mal causado, Edipo morre nos camiños acabando co sufrimento que lle infrinxiron os deuses pero coa certeza de que deixa esta vida coma un home recto e xusto.

Manuel María conserva no seu drama a moitos dos personaxes principais deste episodio mítico, sitúaos no mesmo escenario, a cidade de Tebas, e mesmo inclúe un coro cunha función moi semellante á que tiña na traxedia grega clásica. A pesar das licencias, mantén un alto nivel de fidelidade ao relato dos orixinais nun fluído diálogo co teatro de Sófocles que non pasa por alto as achegas dos seus intermediarios, aos que seguro que o autor tivo tamén acceso. O resultado é soberbio, malia a humilísima opinión do autor:

Ao reler, despois de tantos anos, esta humilde obra da nosa autoría – é abismal a grandeza do mito comparado coas nosas escasas forzas e saberes – case nos resulta unha descoñecida e máis inconsistente e pobre do que nós coidabamos. Se a deixamos ir polo mundo adiante débese a que xa cumpriu a súa maioría de idade, ao teimoso empeño de bos e xenerosos amigos de ollala en letra impresa e a que quizais sexa testemuño dunha época aínda non moi afastada en que a nosa literatura se desenvolvía de xeito heroico e practicamente na clandestinidade e indiferenza.

O valor literario do Edipo de Manuel María é altísimo como se testemuña nestas derradeiras liñas e como se pode deducir sendo quen é a pluma detrás da súa elaboración e tocando os temas que toca nun galego que aínda hoxe está lonxe de gozar da situación merecida. Invito a calquera que hoxe e sempre se marabille cos versos de Manuel María a descubrir esta obra inxustamente relegada a un apartado de “obra menor” do seu autor, un autor moito máis versátil do que a información institucional está disposta a recoñecer. Como aperitivo, o parlamento de Edipo na segunda escena do acto segundo:

Dende entón ben tristeiro é o meu destino. Andar de lugar en lugar contando historias que narran as fazañas dos heroes ou facendo rir á xente cos meus versos picarescos en que boto todo o meu amargor. Xa non sei para que vivo. Só me ten de pé o amor e a fidelidade de Antígona. Creonte, cando me ollou caído, botoume da cidade. Negoume o anco máis cativeiro que nin a un can se lle nega. Mais eu fun Rei. Eu non fun nado para esta vida de vagamundo... Para que fun nado eu...? Calquera sabe! Do que non teño dúbida é de que fun nado para sofrer. Agora teño saudade do que fun. Do que puidera ser se as cousas acontecesen doutro xeito. Mais eu non fun dono dos acontecementos. Os acontecementos foron sempre os meus donos, os que me gobernaron, os meus señores. Tiveron máis forzas que as que eu tiña. E vencéronme. Era natural. Nada puiden facer máis que o que fixen: cegar coa miña man os meus ollos para non ollar tanto arrepío. A miña vida é arrepiante. A min mesmo me pon medo. Dicídeme, deuses inmortais, que non sofredes, que andades gastando o voso vagar no Olimpo a xogar cos sofrimentos dos mortais: Por que non me matades? Por que non me tirades a vida? Por que vos compracedes ollando, con ollos que eu non teño, esta miña vida noxenta e miserábel? Aínda non vos semella dabondo? Aínda teño que sofrer máis coitas e novas aldraxes? Deica cando? Por que non me rematades dunha vez e para sempre? Por que non poñedes forza no meu pulso para me matar eu pola miña man? Non abonda xa? Queredes ademais de ollarme cego e vello, ollarme tamén louco?

Feliz día das letras galegas.

E lembrade, seguimos precisando a lingua se queremos vencer.

xoves, 23 de outubro de 2014

"Elexías á miña vida pequeniña", de Manuel María



A ignorancia sempre é atrevida e cando hai dez anos o mundo literario galego espertou coa nova do falecemento de Manuel María (1929-2004), menda só podía pensar nalgún poemario infantil que tantas veces tivera que ler na escola ou nalgunha obra teatral a representar para pais e alumnos, que naquel tempo non valoraba demasiado (agora si entendo a dificultade que entraña ousar facer poesía e teatro para nenos). Servidora medrou, fisicamente non moito pero a miña masa encefálica debeu experimentar un leve aumento e souben non sen tempo que o legado do gran poeta da Terra Chá non se limitaba a aqueles versos que nos dicían que o sol se chamaba Lourenzo e a lúa Catalina ou ás aventuras e desventuras dunha espiña de toxo de nome Berenguela. Un (bo) día e do xeito máis fortuíto que un se poida botar á cara, tropecei nun estante da casa coas súas Elexías á miña vida pequeniña. Non sei moi ben de onde saíu, pois non recordo telo mercado nin que ningunha das persoas coas que cohabito o fixera. Só por cousas coma esta podería por un intre unha gran escéptica coma min crer no destino.


Elexías á miña vida pequeniña é unha obra con historia. Só unha obra así podería “nacer” nun estante da casa sen coñecerlle máis procedencia que as catro madeiras que a envolvían no seu repouso antes de ser aberta, xa que se trata dunha obra de xuventude (por outro lado moi madura) pero que non viu a luz ata o mesmo ano no que o seu autor finou, no 2004. Manuel María compuxo estes trece poemas de corte existencialista cando apenas contaba con 19 anos en dedicatoria ao seu admirado Álvaro Cunqueiro. E así o poeta chairego envioullas ao célebre autor mindoniense como mostra deste aprecio literario. Durante 54 anos estas elexías permaneceron ocultas para o gran público (boeno, todo o grande que podía ser durante ese período de tempo o público da poesía en galego) no medio doutros tantos documentos pertencentes a Cunqueiro sen que ninguén, nin sequera o seu propio autor, soubese delas. Como reza o prólogo da edición da Biblioteca Chairega, a que hai e a que rescatou estas composicións do limbo do esquecemento, a cargo do propio Manuel María, pasaron os anos e non nos volvemos lembrar daqueles nosos poemas de cando inaugurabamos xuventude. Non sabemos se os extraviaramos, se os racharamos ou se os condenaramos ao lume.

Un día, Manuel María recuperou eses novísimos versos cuxa composición apenas recordaba, “magnificados” segundo el polo paso do tempo e, coa axuda do Instituto de Estudos Chairegos, decidiu por fin editalas. Medio século de escuridade para uns poemas realmente logrados, que merecían como poucos a máis masiva das difusións. Esta edición da Biblioteca Chairega é un pequeno tesouro do mundo editorial en galego, pois ademais do prólogo de Manuel María e un breve apartado introdutorio a modo de estudo preliminar da obra, atopamos, loxicamente, os trece poemas corrixidos e adaptados á normativa actual e un facsímile dos textos atopados entre os documentos de Álvaro Cunqueiro, os mesmos que Manuel María plasmara para a posteridade na súa máquina de escribir, e que aparecen tal cal neste derradeiro apartado. E, por se isto fose pouco, tamén se inclúe como epílogo un artigo que no seu día Cunqueiro escribiu en La voz de Galicia o 30 de maio de 1954 destacando as calidades poéticas do entón pequeno poeta elexíaco.


Elexías á miña vida pequeniña semella un título moi elocuente. A pesar de acharse nunha idade que hoxe vencellamos a soños, ilusións e calquera sentimento positivo despreocupado, o poeta transmítenos todo o contrario. Ben é certo que se nota unha certa inxenuidade na composición, posiblemente sexamos capaces de distinguir e identificar os lugares comúns que existen nestes poemas de Manuel María e nos nosos case puerís abortos poéticos de adolescencia (porque creo que case todos pasamos esa etapa na que intentamos ser grandes literatos), mais o resultado está moi afinado para ser unha das primeiras cousas que escribiu en toda a súa vida e acho que a espontaneidade dunha inexperiencia que comeza a non ser tal é un dos puntos fortes das Elexías... Renuncia a recursos formais do máis primarios (véxanse rimas e cousas polo estilo), as imaxes están moi logradas (os eruditos teñen o eco choco das campás e a necidade das bolboretas pequeniñas é unha das miñas favoritas) e gústame a irregularidade dos versos, que case debuxan unha peculiar orografía no papel e que nos transmite axeitadamente a intricada psicoloxía do eu poético. A pesar do ton murcho e pesimista, consegue inxectar vida e ritmo a cada verso por sinxelo ou extenso que sexa, nun exercicio de elegante decadencia. Pouco hai aquí do compromiso posterior do autor que tanta sona lle deu (aínda que este tamén nos deu grandes obras do mesmo), a pureza dos versos é case indecente, xa que as influencias doutros autores ou doutras circunstancias están moi equilibradas coas achegas propias do poeta e só así se pode concibir unha obra tan orixinal na que se percibe unha mediatización anecdótica.

Pouco mais se podería dicir desta breve obra, non quixera alterar moito a recepción de quen poida animarse a botarlle un ollo despois de ler esta tediosa recensión que, por outra banda, espero que contribúa a divulgar un pouco esta obra case marxinal dentro da vasta produción literaria de Manuel María. Non coñezo a moitos ou, máis ben, ninguén que se fixase nela, pois queda un pouco ensombrecida polas súas obras posteriores e, por que non, polo seu ideario que aquí case nin se sospeita. Pero que esas non sexan razóns suficientes para deixar de rescatala e gozala, unha obra tan boa non merece a indiferenza de ninguén.

Mentres tanto, un pequeno aperitivo: a elexía nº 11.

Os meus inimigos
cando falan de min
poñen xofre nas súas verbas
tan íntimas,
tan sinxelas,
tan saídas dese anaco de carne
que leva por nome corazón.
E eu case son feliz
coas súas intrigas,
coa súa dozura,
coa súa morte que non ma dan a min
por covardía.
O seu sorriso amargo
esvara pola miña carne coma un peixe
e as súas frases amarelas finxen rosas
cando me chaman amorosamente
“meu querido amigo”.
Eu e mais eles
imos andando distraídos pola vida,
imos ao mesmo café,
ao mesmo cinema,
e agachamos as mesmas mentiras
debaixo dos mesmos estúpidos sorrisos:
e ás veces até me convidan a fumar
cerimoniosamente.
Os meus inimigos cando me acoitelen
aínda me han de seguir chamando
“meu querido amigo”.