sábado, 30 de novembro de 2013

O temazo da semana: "Perfect Day"


Non podía ser doutro xeito. Aínda que este temazo chega algo tarde a esta especie de escolma de grandes cancións de onte e de hoxe, non me vou desculpar, pois xa dixen en máis dunha ocasión que a actualidade non é o meu e a miña tolleita creatividade non depende completamente dela. Así que perdoen os máis sensibles e apegados ao recordo do gran artista do cal vou falar por esta anti-captatio beneuolentiae que non fai máis que engadir un par de liñas de recheo á introdución ao comentario deste magnífico tema do xa desaparecido Lou Reed: Perfect Day.

Como moitas cancións que forman parte xa da banda sonora da miña vida, Perfect Day chegou a min a través do cine. E, como non, a través de bo cine (xa levo como tres ou catro comentarios petulantes en apenas dous parágrafos, un pouco máis e isto parecerá o peche de La mañana de la 1), e pode que non faga falta lembrarlle ao respectable cal é a peliculaza na que irrompe de súpeto esta balada de significado difuso… Efectivamente, houbo un tempo no que Danny Boyle facía cine arriscado e interesante (e baseado en novelas en principio pouco canónicas), a película é Trainspotting (1996) e a memorable escena á que Lou Reed lle engadía unha confusa atmosfera a medio camiño entre a depresión profunda e o humor negro é esta:


Gracias a Trainspotting, esta canción tivo unha segunda vida, pois non se trata dun tema tan recente, senón que pertencía ao disco Transformer, editado en 1972, e tras a súa inclusión na banda sonora deste filme logrou gozar dun maior éxito dúas décadas despois. Como xa se insinuou previamente, o significado desta canción é aínda motivo de debate taberneiro medianamente exquisito, xa que para algúns parece impensable que todo un xenio e figura como Lou Reed compuxese unha canción amorosa sen máis. Por iso, son moitos os que tratan de ver dobres sentidos e mensaxes ambiguas na canción. Sobre que versan estas distintas teorías? Por suposto, o coñecemento wikipédico debidamente contrastado (é dicir, google) é de gran utilidade para poñer encima da mesa as diferentes propostas: pode que Lou Reed estea a falar da súa relación coa que logo se convertería na súa primeira muller, Bettye Kronstad; dos seus problemas co amor e consigo mesmo ou pode que, directamente, este canto de amor e nostalxia vaia dirixido ás drogas, en concreto, á heroína, de cuxa dependencia Reed nunca renegou. Supoño que logo de ver a Renton desplomarse despois dunha sobredose con esa música de fondo, moitos pensarán que esta derradeira teoría é a válida. Porén, tampouco me interesa demasiado determe nestas especulacións. Ademais, o ton de Trainspotting é moi pouco academicista, co cal, tampouco lle queda mal a esta escena poñer unha balada de amor pura e dura case a modo de contraste, cómpre lembrar que falamos da adaptación da novela de Irvine Welsh, un relato sórdido e macabro que ten ese punto humorístico que fai que case nos sintamos culpables de botar un leve sorriso.

Hai apenas un par de días e a santo de nada en particular, eu fixen un intento de reflexión sobre o impacto do pasamento de determinados artistas e cheguei á conclusión de que, por un cúmulo de circunstancias, posiblemente fora a morte de Michael Jackson a que máis conmocionara no novo século a todos os que adoecemos de certa sensibilidade pop pola súa condición de artista total, ídolo de masas e, por suposto, capacidade innata para a subversión e o escándalo. É “a morte” por excelencia no panorama musical actual, o fin dun mito e dun xeito de entender a música comercial. Con todo, mentres escribía as primeiras liñas deste post, caín na conta de que esa reflexión quedaba algo coxa, posto que si, ao tratarse dun artista pop de pleno dereito, a morte de Michael Jackson provoca esa sensación de “si, palmou un tío moi grande” pero talvez a morte de Lou Reed o pasado 27 de outubro sexa tan ou máis impactante por motivos diametralmente opostos pero igualmente relevantes no plano musical. Si, as comparacións son odiosas (boeno, e as miñas xa non che digo, porque lle atopo similitudes mesmo ao touciño e á velocidade), pero a morte de Michael Jackson e a de Lou Reed poden considerarse as dúas caras dunha mesma moeda. E explícome: se con Michael Jackson rematou o periplo vital do pai do pop tal e como o coñecemos hoxe en día (incluídas as sucesivas deturpacións dese concepto), con Lou Reed despedimos ao precursor de todo iso que hoxe coñecemos como indie, alt-rock e tamén todas as terxiversacións e malas imitacións do alternativo e do que se entende como diferente e subalterno.


Talvez unha das poucas cousas boas que ten esta era tan polarizada entre o pop salvaxe e o falso refinamento hipster sexa que a proliferación de tantos profetas deste último movemento que se di influído por iconas desta talla nos permite recordar a Lou Reed coma o xenio que foi, posto que, con todo o importante e influínte que foi a traxectoria de Velvet Underground e tamén a súa carreira en solitario, Lou Reed non chegou nunca a acadar a sona que merecía pola súa decisiva achega ao mundo da música. Mesmo lin, con motivo da súa morte, algún artigo que aseguraba que no seu país de orixe poucos o coñecían e que só en Europa era minimamente recoñecido como un artista relevante.

Lou Reed, por suposto, non era un one hit wonder, pero pode que dado ese descoñecemento que se adoita ter do legado de determinados artistas, moitos soamente coñezan del este Perfect Day  (boeno, de ser isto certo, que non o é, pode que ese título o ostentara gracias a Walk On The Wild Side, non sei) que tantos recordos me trae. Bos e malos, unha canción tan matizada e matizable só pode provocar nostalxias encontradas. Sempre me gustou o ton de funeral que ten esta canción, e digo de funeral porque semella unha canción de despedida e lembranza, coma se puideses proxectar nunha pantalla en imaxes a vida dunha persoa á que queres recordar con esta canción, cunha nostalxia máis ou menos sa, buscando para cada minuto do tema o momento máis apropiado, chegando aos grandes momentos nese crescendo do estribillo, no que se comeza a aporrear o piano con máis forza, soa a corda con moita máis vehemencia e a voz se desgarra máis mentres entoa ese you just keep me hangin’ on que aínda hoxe me pon os pelos coma escarpias. Este é un deses temas que adoro e que son a proba irrefutable do meu masoquismo melómano: escóitoo compulsivamente cando estou mal para sentirme aínda máis merda!


Xa para ir rematando e como corresponde a todo gran temazo de artista aínda máis grande, Perfect Day coñeceu unhas cantas versións máis ou menos afortunadas. Algunhas viñeron da man do seu propio autor, xa que o tema foi gravado de novo no ano 1997 como un single con fins benéficos e no 2003 volveu ser gravado tamén polo propio Lou Reed para o seu álbum The Raven. A ringleira de artistas que se deixaron seducir polo son melancólico e nostálxico de Perfect Day e que se apuntaron á competición de medirse co xenio é inmensa: Bono, Coldplay, Patti Smith, Luciano Pavarotti, Twin Shadow, Susan Boyle (ousada a señora esta, si, eu tamén o creo)… Con esta última, coa versión máis bizarreira, a medio camiño entre Los miserables e unha canción de misa, despido esta publicación, esta pobre e tardía homenaxe ao grandísimo Lou Reed a través dun auténtico temaaaaaaaaaaaaaaaaaazo!


luns, 18 de novembro de 2013

Radiografía "pop" dunha hecatombe ecolóxica…

         

           Esta última semana foi algo dura. Un tanto escura e, sobre todo, desesperanzadora. Se ata esta semana eu tiña pouca fe na humanidade que poboa ou, máis ben, pasa polo mundo actual, agora xa a perdín definitivamente. “Pero que idealistas e perroflautas sodes, non pode haber progreso se lle facemos caso ás vosas parvadas, estas cousas pasan e non hai que facerlle, pois é parte do proceso…” Este sería o resumo e a (perniciosa e perversa) mensaxe final do que veu ser o desenlace dunha das pantomimas máis grandes da historia: o xuízo do Prestige.

            Para os que anden un pouco peixes, non se acorden moi ben do asunto ou crean nesas teorías que negan a existencia da marea negra igual que outros negan o holocausto xudeu, vou tirar un pouco da hemeroteca de xeito introdutorio (e, de novo, redescúbrome a min mesma, pois sempre estruturo todo canto escribo coma se fose unha clase maxistral). O 13 de novembro do ano 2002, un petroleiro de nome un tanto irónico naufragaba fronte ás costas galegas botando tras afundirse, uns días despois, así sen máis, unhas 70.000 toneladas de fuel ao mar. A raíz deste suceso que en Galicia non era para nada anómalo, pois xa non era a primeira vez que nos convertíamos no vertedoiro de combustibles fósiles máis grande de Europa, xurdiu o agardado desastre en forma de marea negra: esta inxente cantidade de chapapote tinguiu de negro a nosa paisaxe costeira, supuxo unha das meirandes devastacións ecolóxicas vividas no noso litoral e, como é evidente, traduciuse en cuantiosas perdas económicas para todos os sectores que nesta terra vivían do mar (que non son poucos). Boeno, cun suceso tan descomunal, o normal sería que as autoridades e os organismos competentes para a xestión desta crise reaccionaran dun xeito proporcionado. Pois efectivamente e non, como diría Joaquín Reyes, xa que mentres o país vivía aqueles días con desesperación e desacougo, os políticos ou ben estaban de cacería, ou ben gozando dunhas vacacións, ou ben facendo que facían algo tomando decisións torpes de forma caótica. Foi entón cando a cidadanía decidiu botarlle peito e tratar de arranxar por si mesma o que os seus gobernantes parecían incapaces ou pouco dispostos a facer, nacendo así colectivos que promovían a mobilización coa fin de que se tomaran as medidas axeitadas para paliar as gravísimas consecuencias do fatal accidente e cuxa politización 11 anos despois aínda é discutida e rediscutida. Pero, sen ningunha dúbida, a achega máis significativa deste movemento de acción cidadá foi a do voluntariado, miles de homes e mulleres que, de forma altruísta e desinteresada e deixando en evidencia a pobre resposta dada polas autoridades (traducida nunha escaseza de medios e operativos), botaron unha man para tratar de recuperar o pretérito esplendor da paisaxe costeira galega.

             Esta é, máis ou menos, a historia cun pouco de literatura para que non se faga tan pesada. En realidade, o relato desta catástrofe é máis ben longo e tedioso e para contalo cun mínimo de rigor e precisión faría falta ser case Deus. É certo que unha desgraza deste calibre se presta a acoller todo tipo de reaccións: dende a banalización e frivolización da mesma ata unha síndrome de omnipotencia das ideas, que pode servir de base e apoio tanto á banalización que mencionaba antes como a todo o contrario. É difícil, polo tanto, ser precisos, xa non vou pecar de ilusa e dicir obxectivos. Hai moitos mitos, mentiras e medias verdades dos que é difícil liberarse; houbo moito silencio e tamén moita silenciación ao respecto (e senón, que llo digan aos da TVG) e agora tamén hai algo moito peor: o esquecemento. Toda unha sociedade que no pasado se sentiu (e con razón) constantemente insultada e aldraxada agora cruzou ao outro lado do Lethes para abrazar a indiferenza, a mesma indiferenza coa que, ao cabo de 11 anos, se afirma que o noso medio natural está completamente rexenerado, coa que se di que tampouco foi para tanto e coa que se acata o fallo (nunca mellor dito) do que debería estar chamado a ser un proceso xudicial exemplarizante. Aprendemos máis ben pouco de todo isto e non só non esiximos que se depurasen responsabilidades de todo tipo (aínda que non nos guste, o único culpable non foi o barco) senón que tampouco nos chantamos para pedir unha prevención eficaz que non permita que unha morea de cascallos navegantes con mercadorías perigosas volva representar unha ameaza potencial e real para o noso medio e, en consecuencia, para a nosa calidade de vida. Galicia volveu consentir que mexaran por ela mentres lle obrigaban a dicir que chovía. Unha vez máis.     


           Entón, que queda de todo aquilo? Que perdura de toda esa marea paralela de solidariedade e reivindicación? Nada máis que unhas poucas faragullas. As comparacións son odiosas pero a min todo isto do Nunca Máis lémbrame, un pouco de lonxe pero lémbrame, ao maio do 68, ao movemento hippy, aos indignados… Esas faragullas das que falaba antes forman un pouso que se corresponde con toda a contracultura que naceu arredor das protestas. Agora mesmo só nos queda iso (o cal custa admitir, a min tamén).

           Eu creo que realmente aínda existe unha cultura vencellada a todo aquilo, pois o desenvolvemento desta nunca é un fenómeno illado, pode ser máis ou menos frívola pero nunca é allea á sociedade en cuxo seo nace e medra. Os tópicos polo mero feito de ser tópicos non teñen por que ser menos certos e, como ben reza o manual de idiosincrasia galega, fomos capaces, incluso inmediatamente despois da catástrofe, de rirnos de todo aquilo. Pode que por non chorar, pois os políticos de entón (que por algunha curiosa e caprichosa argucia do fatum aínda seguen aí) obsequiáronnos cunha diarrea verbal cuxo bizarrismo podería demostrarse mesmo cientificamente. Para a posteridade e para as futuras escolmas do humor universal quedan perlas coma os famosos “pequeños hilitos solidificados con aspecto de plastilina en estiramiento vertical” ou a falida predición do único responsable político que se sentou no banquillo dos acusados (e que, por suposto, foi absolto), “el destino del fuel en el fondo del mar es convertirse en adoquín”. Pero, para min, o gran corolario, o podium desta morea de citas célebres constitúeo esta gran frase: “hay una cifra clara y es que la cantidad de fuel que se ha vertido no se sabe”, cuxo autor é o mesmo que pretendía converter o fondo do mar nunha vía romana. Con todo, o máis ocorrente foi un “hondureño” cun par de “huevos” que chegou a suxerir que o barco debía ter sido bombardeado para evitar a marea negra, a mesma marea negra que algún que xa levaba comidos demasiados iogures caducados dicía que non era tal, que só eran un par de manchas localizadas.

           Precisamente arredor dunha destas citas pivota unha das curtametraxes de Hai que botalos, un filme colectivo composto por 25 curtas que trataban de mostrar, no contexto das eleccións autonómicas do 2005, a ineficacia dun goberno de cuxo trono había que chimpar. Por suposto, a catástrofe do Prestige ocupaba un lugar preeminente nesta denuncia, pois era un suceso que aínda estaba recente e que lle pasara factura á administración de don Manuel e os seus esbirros. Así temos un videoclip como Hilitos, que, sen ser brillante nin nada do outro mundo, evidencia o ridícula que pode chegar a ser unha explicación oficial deficientemente artellada.


            Hai outro segmento desta longametraxe dedicado ao desastre que consegue apelar un pouco mellor á emoción a través dunha adecuada montaxe de todo o vivido a raíz do suceso: as mobilizacións nas rúas, as tarefas de limpeza, as declaracións dos afectados... ¿Nunca máis? é un bo recordatorio daquela indignación e daquela rabia que aínda non soubemos encamiñar á materialización do único obxectivo a perseguir: termos a certeza de que nada disto se volverá repetir.


         A lenda tampouco escapa a este inventario de cultura popular nado a partir desta calamitosa desgraza. Son moitos os que atribúen o falecemento de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man, o escultor alemán afincado en Camelle e que fixera do seu inmenso amor pola natureza a súa gran obra de arte, á enorme tristura que lle provocou ver o mar e as rochas impregnadas desa argamasa negra e fedorenta. Sen quitar desta fermosa historia de amor e morte o seu compoñente certeiro e o seu pouso de realidade, a verdade é que Galicia sempre gustou do mítico e do misterioso. A cultura popular do país está repleta de personaxes sobrenaturais, de contos e narracións que se caracterizan por un halo místico e fabuloso e de tradicións que evocan todo este universo onírico do que tan boa conta deron autores como Cunqueiro, por poñer un exemplo. Non temos nada que envexarlle ao realismo máxico da literatura latinoamericana, somos lenda. E tamén sabemos honrar debidamente a memoria de personaxes tan singulares como Man, que agora xa forma parte do aparato mítico galaico, dun imaxinario colectivo extraordinario.


            Probablemente, as avoas do mañá, se é que o mundo non cambia demasiado de aquí a alá e non perdemos o san costume de manter viva a tradición dos devanceiros, contaremos a historia de Man aos nosos netos do mesmo xeito que a nós nos transmitiron os contos sobre a Santa Compaña. Mais espero que nós, esas avoas do futuro, teñamos moi presente o enorme simbolismo que encerra este relato. Man personifica a devastación que unha vez máis sufrimos. Este anacoreta non é unha icona por pura casualidade e non debemos dicir “non, é que queda moi bonito dicir que un bicho raro un tanto perrofláutico que vivía onda o mar morreu de pena por ver o mar asolagado con ese manchurrón negro”. Non obviemos o que é realmente importante na historia de Man, pois el representa a todos e cada un dos galegos que saíron ás rúas, que co seu suor e a súa forza de traballo contribuíron a recuperar o noso medio natural (sen o cal, por moito que algúns digan, a nosa existencia é puramente quimérica), que bramaron cun clamor de dignidade que nunca máis quereriamos chapapote e que nunca máis consentiriamos un trato tan miserable coma o que recibimos xa non só nunha catástrofe desta envergadura senón en moitas cousas máis. Todo ese sentimento de loita morreu coma Man, permitimos que a desolación nubrara o noso horizonte de expectativas, deixámolo correr e deixámonos asestar a derradeira puñalada por parte dunha estrutura de poder que nos somete a unha opresión menos evidente pero igualmente indigna: a ignorancia. Man é a metáfora dunha Galicia que non merece a resignación pero que sucumbiu á mesma. Nas nosas mans queda contar esta historia e animar aos que virán detrás a batallar xa non por esta causa ou por outras en concreto, senón por facerse valer, por demostrar que peroratas coma esta que escribo agora neste momento están completamente erradas.

            E si, isto non é nada novo.

E xa sei que falar é moi fácil.

Pero tamén fai falta dicilo.

xoves, 7 de novembro de 2013

Pequenos detalles que che debuxan un amplo sorriso no rostro…


          Aínda que eu non teño o don da oportunidade (ou do oportunismo, depende como se mire) e poucas veces me deixo arrastrar pola actualidade ou por algo que se lle pareza, pois a miúdo semella que vivo na miña nube particular na que me empecino en evocar como marabillosos tempos e artes que nunca volverán; hoxe vou falar, máis ben citar algo que me entusiasmou de verdade.

          O que virá a continuación non chega nin a publicación, sobre todo no meu caso, xa que na confección da miña prosa blogueira adoezo dun horror vacui que me impide ser breve, clara e concisa e que, pola contra, me leva a meter un montón de verborrea de sentido máis que discutible. Pois nada, no día de hoxe, un día calquera na miña vida e na de Enjuto Mojamuto, pois ambos temos máis ou menos as mesmas afeccións, abro internet e vexo isto:


            Pois si, nunha tradición que se remonta a hai un par de anos e que eu considero bastante sa polo seu anecdótico pero importante valor divulgativo, Google lembrounos hoxe cun novo doodle que neste mesmo día o gran Albert Camus tería cumprido 100 anos. Xa transcorreu un século enteiro dende que veu ao mundo un dos mellores escritores de todos os tempos, un autor único e un verdadeiro mestre do drama e a narración. Gracias a este pequeno, ínfimo detalle, volvín lembrar de novo, sen vir a conto pero dun xeito precioso, como me conmoveu algunha obra deste autor, ao que xa lle dediquei unhas poucas liñas neste blog e sobre o cal recoñezo que aínda non estou preparada para publicar nada, non son quen de facer algo á altura de tamaña xenialidade. Se cadra é por iso polo que aproveito a mínima escusa para falar del, con pequenos retallos e nimiedades que arrexuntadas poidan compoñer un todo que o homenaxee debidamente. En fin, a miña relación cos meus ídolos non sempre é doada…

       Boeno… Camus, como era de esperar, volveu vencer a esta humilde lapicida (chamarme escritora sería moito macular a súa memoria e a de outros tantos), que, nas súas limitadas capacidades, volve recorrer á magnificencia do seu idolatrado autor para ilustrar a tremenda paixón que sente pola súa obra…


Hai cousas das que nunca me gustou falar. Cando entrei na prisión comprendín despois de pouco tempo que non me gustaría falar desta parte da miña vida.

Máis tarde deixei de dar importancia a esas resistencias. En realidade, non me consideraba realmente encarcerado os primeiros días: esperaba vagamente que algo novo acontecese. Foi só despois da primeira e única visita de Marie cando todo comezou. Dende o día no que recibín a súa carta (dicía que non lle permitían vir máis porque non era a miña muller), dende ese día, sentín que a miña casa era a miña cela e que a miña vida paraba alí. O día da miña detención encerráronme primeiro nunha habitación onde había algúns detidos, árabes na súa maioría. Riron ao verme. Despois preguntáronme que fixera. Dixen que matara a un árabe e permaneceron entón en silencio. Pero pouco despois caeu a noite. Explicáronme como había que arranxar a esteira onde tiña que deitarme. Enrolando unha das extremidades podía facer un cabezal. Toda a noite as chinches correron sobre o meu rostro. Algúns días despois illáronme nunha cela onde me deitaba nunha táboa de madeira. Tiña un cubo para as necesidades e unha almofía de ferro. O cárcere estaba no alto da cidade e por un ventanuco, podía ver o mar. Un día no que eu estaba aferrado aos barrotes co rostro tendido cara a luz, un gardián entrou e díxome que tiña unha visita. Pensei que era Marie. E era ela.

Para ir ao locutorio seguín un longo corredor, logo unha escaleira e, por último, outro corredor. Entrei nunha gran sala onde entraba a luz por un amplo vano. A sala estaba dividida en tres partes por dúas grandes reixas que a cortaban en lonxitude. Entre as dúas reixas había un espazo de oito a dez metros que separaba aos visitantes dos presos. Vin a Marie fronte a min, co seu vestido de raias e o rostro bronceado. Ao meu lado había unha decena de detidos, na súa maioría árabes. Marie, rodeada de moras, estaba entre dúas delas: unha velliña de labios apertados, vestida de negro, e unha muller gorda, destocada, que falaba moi alto e xesticulaba moito. A distancia entre as reixas facía que os visitantes e os presos tivesen que alzar moito a voz. Cando entrei, o ruído das voces que rebotaban nas grandes paredes núas da sala, a crúa luz que caía do ceo nos cristais e refluía na sala, produciume unha especie de atordamento. A miña cela era máis tranquila e máis escura. Necesitei algúns segundos para adaptarme. Porén, rematei por ver cada rostro con nitidez, debuxado na plenitude do día. Observei que había un gardián sentado na extremidade do corredor entre as dúas reixas. A maioría dos presos árabes e as súas familias estaban de xeonllos fronte a fronte. Non berraban. A pesar do tumulto, lograban entenderse falando en voz extremadamente baixa. O seu xordo murmurio combinábase dende o chan, coma un baixo continuo, coas conversacións que se entrecruzaban sobre as súas cabezas. Percibín todo rapidamente ao adiantarme cara Marie. Xa pegada á reixa sorría cara min con todo o seu ánimo. Atopeina moi fermosa e non souben dicirllo.

«¿Como estás?», preguntou en voz moi alta. «Xa ves.» «¿Estás ben? ¿Tes todo o que precisas?» «Si, todo.»

Calamos e Marie seguía sorrindo. A muller gorda vociferaba ao meu veciño, sen dúbida o seu marido, un tipo alto, rubio, de mirada franca. Era un fragmento dunha conversa xa comezada.

«Jeanne non o quixo», berraba a muller. «Si, si», dicía o home. «Díxenlle que ao saír recuperaríalo, pero non o quixo.»

Marie berrou pola súa parte que Raymond me mandaba saúdos e dixen: «Gracias». Pero apagou a miña voz a do veciño que preguntaba «se estaba ben». A súa muller respondeu rindo «que nunca se sentira mellor». O meu veciño da esquerda, un rapaciño de mans finas non dicía nada. Notei que estaba fronte á velliña e que ambos se miraban con intensidade. Pero non tiven tempo de observalos máis porque Marie berroume que era necesario esperar. Dixen: «Si.» Ao mesmo tempo mirábaa e sentía desexos de apreixar os seus ombros por riba do vestido. Desexaba ese tecido fino e non sabia que outra cousa cabía esperar. Pero iso era sen dúbida o que Marie quería dicir porque seguía sorrindo. Só vía o brillo dos seus dentes e os pequenos pregues dos seus ollos. Berrou de novo: «¡Sairás e casaremos!» Respondín: «¿Ti cres?» pero foi sobre todo por dicir algo. Dixo entón rapidamente e sempre moi alto que si, que me absolverían e que volveríamos bañarnos. Pero a outra muller berraba pola súa parte, dicindo que deixara un cesto na entrada. Enumeraba todo o que puxera nela. Era necesario verificalo porque todo custaba moito. O meu outro veciño e a súa nai seguían mirándose. O murmurio dos árabes proseguía por debaixo. Fóra, a luz semellou inflarse contra o ventanal.

Sentíame un pouco mal e quixen marchar. O ruído facíame dano. Pero, por outra banda, quería aproveitar aínda máis a presenza de Marie. Ignoro canto tempo pasou. Marie falaba do seu traballo sen deixar de sorrir. Cruzábanse os murmurios, os berros e as conversas. A única illa de silencio era, ao meu lado, o rapaciño e a anciá que se miraban. Pouco a pouco, levaron aos árabes. Case todo o mundo calou dende que saíu o primeiro. A velliña aproximouse á reixa e, ao mesmo tempo, un gardián fixo un sinal ao fillo. Este dixo: «Adeus, mamá», e ela pasou a man entre dous barrotes en sinal de despedida lenta, prolongada.

Saíu mentres entraba un home, co sombreiro na man, e ocupaba o seu posto. Trouxeron un preso e empezaron a falar animadamente, pero a media voz, porque na sala volvérase facer o silencio. Viñeron buscar o meu veciño da dereita e a súa muller díxolle sen baixar o ton, coma se non notara que xa non era necesario berrar: «¡Cóidate moito!» Chegou a miña quenda. Marie fixo un xesto de que me bicaba. Volvinme antes de desaparecer. Permanecía inmóbil, co rostro apertado contra a reixa e o mesmo sorriso roto e crispado.

Pouco despois escribiume. A partir dese momento comezaron as cosas das que nunca me gustou falar. De todos modos, cómpre non esaxerar. Para min resultou máis doado que para outros. Porén, ao comezo da miña detención, o que me resultou máis duro foi ter pensamentos de home libre. Sentía desexos de estar nunha praia e de baixar cara o mar. Imaxinaba o rumor das primeiras ondas baixo a planta dos meus pes, a entrada do corpo na auga e a súa liberación nela; de súpeto sentía ata que punto se estreitaban os muros da miña cela. Esa fase durou algúns meses. Despois, só tiven pensamentos de preso. Esperaba o paseo cotián no patio ou a visita do meu avogado. Organizaba moi ben o resto do meu tempo. Pensei entón, con frecuencia, que se me tiveran feito vivir no tronco dunha árbore seca sen máis ocupación que mirar a flor do ceo sobre a miña cabeza, teríame afeito pouco a pouco. Tería esperado os voos dos paxaros ou os encontros das nubes como agardaba aquí as curiosas gravatas do meu avogado e como, noutro mundo, agardaba ata o sábado para estreitar o corpo de Marie. Pero, pensándoo ben, non estaba nunha árbore seca. Outros eran máis desgraciados ca min. Era ademais unha idea de mamá, e ela repetíaa con frecuencia, dicía que un acababa por afacerse a todo.