Amosando publicacións coa etiqueta Galería de ídolos femininos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galería de ídolos femininos. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de maio de 2016

Galería de ídolos femininos (IV): Tess Asplund

              


               O mundo precisa máis xente coma Tess Asplund.

            E creo que non faría falta engadir nada máis a isto. Pero o que fixo Tess na pasada fin de semana é tan admirable e tan importante que é necesario poñelo en valor. Unha e outra vez, as veces que faga falta. E non, non frivolizo coa súa figura ao incluíla nun espazo que reservo ás miñas heroínas, todas elas polimorfas pero sempre libres e audaces.

            Tess é muller, negra e sueca. Non sei se ela ordena estes conceptos do mesmo xeito á hora de definirse a si mesma pero seguro que tivo os tres moi presentes cando lle botou ovarios e se chantou co puño en alto ante 300 militantes do Movemento de Resistencia Nórdica (partido sueco de clara filiación neonazi) que se manifestaban polas rúas de Borlänge no primeiro de maio. Nun acto evidentemente simbólico pero igualmente valente, Tess non vacilou. Ela afirma que se deixou levar pola rabia e o terror que lle produciron ver unha marcha (legal e permitida, ollo) dun grupo de xenófobos e racistas que queren ver a todos os que son coma ela fóra de Suecia (no menos grave dos casos), case como se iso lle restase valor e significado ao seu extraordinario xesto.

            Brava, bravísima Tess. Es tan brava que somos indignos de ti. Ti rompiches con moitas das cadeas que nos teñen presos nesta Europa feita farrapos, infestada de xente insolidaria e egoísta, enclaustrada na súa pérfida conciencia e asolagada pola desidia dos seus concidadáns. O teu é viral, ten que selo, e case é de película pero dou grazas á vida porque sexa real. Dou grazas por erguerme unha mañá coa noticia da túa mirada desafiante e o teu brazo ergueito contra o odio, a intolerancia, a irracionalidade e o peor de todos os nosos males, a indiferenza. Non te desculpes por non permanecer impasible ante o desfile dos que cantan ao horror, pois dese tipo de xente imos sobrados. Non foi un impulso, foi coraxe. E prendiches unha lapa de esperanza que boa falta nos facía.

            Seguro que agora non faltará quen queira botarche merda enriba dicindo que tampouco era para tanto ou que dalgún xeito non tiñas a suficiente autoridade moral para facer o que fixeches porque existen máculas no teu historial vital que non deben ser ignoradas. Intentarano todo para quitarlle méritos á túa feliz ousadía, coma aqueles que cuspiron na fazaña cotiá de Rosa Parks ou converteron nun pesadelo o ambicioso soño de Martin Luther King. Mais confío en que permanezas fronte a eles co brazo ergueito e que todos o ergamos canda ti.

            Grazas pola túa forza e determinación, que tanto nos alentan neste tempo incerto e escuro.

            Grazas, Tess.

venres, 5 de setembro de 2014

Galería de ídolos femininos (III): Winnie Harlow


          A terceira entrega desta sección merecía unha historia extraordinaria. E perdóenme o ousado prexuízo pero nunca pensei que unha top model fora protagonizar un destes grandes relatos de superación dos que, por desgraza, a prensa gusta tanto para sodomizalos con sensacionalismo e falsa admiración. Mais non é a miña intención limitarme a sinalala co dedo coma quen mira para a muller barbuda por uns poucos dólares, pois esta moza ben merece un recoñecemento mellor. Winnie Harlow é muller, é modelo e padece vitíligo. Non sabía quen era ata hai dous días e xa a adoro por ter a valentía de desafiar, aínda que fose accidentalmente, o canon estético actual, por ser quen de mostrarnos outro tipo de beleza, sempre diversa e polimorfa (diga o que diga Karl Lagerfeld) e por acabar con cada barreira que se interpón entre ela e as súas aspiracións.


Winnie Harlow naceu no Canadá hai 19 anos co nome de Chantelle Brown-Young e á curta idade de catro anos diagnosticóuselle vitíligo, a mesma enfermidade dexenerativa que segundo algúns tamén padecía Michael Jackson, causa pola que supostamente “branqueou”. Esta doenza consiste na despigmentación progresiva da pel ao non producirse melanina, substancia encargada de “colorearnos” un pouco, o que incrementa o risco de sufrir queimaduras á exposición solar. Pero o vitíligo implica, ademais, atravesar un padecemento a maiores cuxa crueldade non coñece límites: a inxusta exclusión social por motivos estéticos. A propia Winnie Harlow lembrou en varias entrevistas o rexeitamento que producía nos demais o simple feito de contemplar a súa pel. Os seus compañeiros de clase dedicábanlle epítetos tan pouco amables como “cebra” ou “vaca”, pero ningunha vexación conseguiu desmoralizar a Chantelle nin impediu que se presentase ao concurso America’s Next Top Model, do que saíu vendo realizado en gran parte o seu soño de converterse en modelo e nunha rara avis ben necesaria na industria. Actualmente é a imaxe da popular marca de roupa Desigual, coñecida polos seus publicitarios chascarrillos de dubidoso gusto sobre a maternidade. De feito non sei que pensar das intencións de Desigual en canto a esta fichaxe e non vou opinar. O caso é que Winnie Harlow, unha beleza diferente nada á marxe do canon está aí e como tal podemos valorala.

            Vale, acato que se me reproche neste punto da redacción unha certa falta de rigor: se tanto prego que se vexa con normalidade que unha moza con vitíligo queira ser modelo, por que o destaco tanto e fago unha reseña coma esta da súa (curta) vida e (curta) obra? Porque por desgraza neste mundo aínda fai falta que se nos lembre que a diferenza tamén mola e que, contrariamente ao que moitos pensan, é unha das grandes riquezas da raza humana, ademais de ser o fenómeno maioritario fronte a aqueles que nos impoñen a tiranía da uniformidade física e mental. E, de novo, o meu ánimo dista moito de pretender a ofensa con burdos vítores “telecinqueiros” á ousadía efémera (un olé polo neoloxismo, por favor). Celebro que Harlow, ao igual que outras malchamadas maniquíes (en serio, que maneira é esa de referirse a unha modelo???), se chante fronte a un canon inxusto, pouco representativo e, por que non, criminal. Entusiásmame que existan tops como Tara Lynn ou Robyn Lawley, paradigma para todas aquelas que nalgún momento sobrepasamos unha L; Moffy, que padece estrabismo, ou Carmen Dell’Orefice, que simplemente é unha anciá de oitenta e pico e segue desfilando.    


            Negar a importancia cultural da moda é ignorar o mundo no que se vive, está presente en moitos ámbitos da nosa vida (é o que ten non ter pelaxe coma os gorilas) e serve tamén para facer arte. Mais é certo que durante moitos anos, case dende os inicios da industria como tal, e salvo contadas excepcións de lucidez estética (gracias, Coco, por pensar sempre en nós mesmas), a moda sempre tomou como referencia o corpo feminino non para dignificalo, senón para denigralo e para empregalo como unha simple percha, algo que nos últimos anos tornou en prácticas tan salvaxes como enxalzar sobre as pasarelas a extrema delgadez e a coñecida talla 0 como un ideal de beleza e perfección ao que aspirar e ao que todas nos debemos asimilar (sempre orientado cara a nós, as mulleres, pois a dieta é unha anestesia moi eficaz). Independentemente de que iso poida derivar na apoloxía de graves trastornos do noso tempo como a anorexia ou a bulimia (ai, Karl, que “jamao” estás), que tamén, cómpre termos moi presente que como percepción relativa que é, a beleza non é unha soa, nin a feminina nin a masculina. Deberíamos ser capaces, como mulleres e dada a exposición que temos no mundo da moda e do “belo”, de confrontar novos modelos e propugnar novos ideais estéticos, dunha forma sá e menos frívola.


Louvo o atrevemento de Winnie Harlow porque me parece un dos precedentes máis esperanzadores de cara a que as pasarelas pasen a ser o escaparate dos corpos reais, tanto de mulleres coma de homes, para sentirmos que a moda, máis ou menos asequible, tan importante nas nosas vidas “primermundistas”, realmente se concibe cunha funcionalidade, a de vestir os nosos corpos e a nosa personalidade. Espero que gracias á achega de modelos coma Harlow, nun futuro non moi lonxano deixemos de pedir perdón por ter uns quilos de máis, unhas poucas engurras, algo de celulite ou por ser multirraciais. Gustaríame que casos coma o desta rapaza xeraran unha controversia moi necesaria para darlle a volta ao canon establecido. Polo de agora, congratúlome de que unha muller como ela exhiba con tanto orgullo o seu corpo perfectamente imperfecto.

domingo, 27 de outubro de 2013

Galería de ídolos femininos (II): Janis Joplin


Personalidade, voz, ídolo, orixinalidade, forza, rebeldía, beleza, ímpeto, transgresión, grandeza, insubmisión, xenio, icona…

Son moitos os conceptos que me veñen á cabeza cando penso nela… Cando penso  nesa efixie arrebatada de verbo cru e desgarrado. Nunca o estrondo dun berro áspero e fusco soou tan poético en todo o seu rudo esplendor. A vida é agre e penosa e só un λόγος abrupto e tempestuoso coma o dela pode reflectir o desacougo desta tortuosa existencia. Pero, tal e como rezaban os (por unha vez, afortunados) versos dalgún aspirante a cantautor progre con ínfulas de lírico ilustre en alusión a outra gran figura que infunde unha feliz pero aflixida melomanía, quen puidera rir como chora ela… Porque si, as amarguras non son amargas cando as canta a enormísima Janis Lyn Joplin, coñecida por todo o orbe como Janis Joplin.


Janis chegou á miña vida no ocaso dunha aproveitada adolescencia que me descubriu todas as, por aquel entón para min, novedosas experiencias musicais que conformaron o amplo panteón artístico que aínda hoxe sigo venerando e do que me considero case profeta. Nunca poderei esquecer aquel día no que por fin me decidín a mercar aquel recompilatorio cuxa selección de temazos aínda hoxe me acompaña (porque si, houbo un tempo no que a xente aínda mercaba discos, incluída eu) e que fun completando con retallos de aquí e acolá, pois fun incapaz de quedarme con aquilo que se di “esencial”. E moito menos tratándose da Joplin, que, como se verá a continuación, era moita Joplin!

A carreira artística de Janis Joplin, e con isto non creo que vaia descubrir nada novo, desenvolveuse durante a ondada de cambios culturais, estéticos, ideolóxicos e musicais dos anos sesenta e setenta americanos, uns anos marcados pola contestación política e social que propiciou a guerra de Vietnam ou a intensa loita polos dereitos civís da poboación de cor e nos que o movemento hippy fixo súas todas estas proclamas de rebeldía e pacifismo que tan positivamente influíron no eido musical, xa que deses anos temos verdadeiras xoias da contracultura hoxe canonizadas pero igualmente xeniais. Este é o caso tamén, por suposto, de Janis Joplin, nada en Texas no ano 1943. Dende moi nova, Janis víase diferente e, probablemente froito da inconsciencia acerca do atractivo da súa peculiaridade, sempre se sentiu infeliz e marxinada. O seu aspecto físico non era perfecto, que dúbida cabe (aínda que unha servidora a vexa agora como un dos seres máis imperfectamente belos que nos deu a natureza), ademais de ser unha muller insegura e emocionalmente moi vulnerable. Con todo, ese sentimento solitario e de illamento foi reflectido maxistralmente nas melodías e letras que inmortalizou.


Janis Joplin tiña talento a rabiar por si mesma pero tivo a sorte de bater con quen fora capaz de entendelo e lograr o contrapunto axeitado para un resultado óptimo. Por iso, sempre estivo acompañada tanto nas gravacións de estudo como nos directos de bandas estupendas que souberon potenciar a súa xenialidade. A primeira foi a Big Brother and the Holding Company, unha banda de corte máis ben psicodélico á que se uniu en 1966 unha vez regresou a San Francisco (xa coñecera a efervescente cidade californiana en 1963) fuxindo da vida mediocre e conservadora que a agardaba no seu Texas natal (mesmo pensara en casar e todo) e coa que impresionou ao público no Festival de Monterrey de 1967, no que coincidiu cos grandes artistas e grupos do momento. Con todo, semellaba que a colaboración entre Joplin e a Big Brother tiña data de caducidade, posto que a gran voz que lideraba o grupo chegaba a eclipsar o traballo da banda. Desta primeira etapa, de gran actividade creativa, destaca o álbum Cheap Thrills.


A finais da década dos 60, comezou o seu idilio coa Kozmic Blues Band, unha banda creada a partir dunha coidada selección de músicos levada a cabo pola propia Janis e o que naquel momento era tamén produtor de Bob Dylan, Albert Grossman. Joplin apostaba por un son diferente e alonxado da psicodelia que caracterizaba á Big Brother. As súas preferencias e principais influencias musicais camiñaban polos sendeiros do blues, o soul e o rock máis puro, algo que tratou de plasmar nesta nova andaina coa Kozmic Blues e que, nun principio, lle “saíu furada”. A crítica non gustaba da nova Janis, aínda que a ela iso tanto lle tiña, pero o público si acolleu este cambio con entusiasmo, como se viu na xira europea que emprendeu co seu novo grupo e no mesmísimo Festival de Woodstock en 1969, no que deixou coa boca aberta a todos os hippies que pasaban por aí.


Mais a Kozmic Blues tampouco foi a banda definitiva para Janis, posto que a súa composición, a pesar da súa manifesta eficacia, posto que eran todos músicos profesionais, resultaba un tanto artificiosa cando Joplin buscaba todo o contrario: fundar o máis parecido a unha gran familia sobre o escenario. Ademais, os seus problemas co alcohol e as drogas, que viña arrastrando dende principios dos 60, xa eran demasiado graves, feito que tamén influíu de xeito decisivo na disolución desta banda. Porén, tras un período de descanso e de desintoxicación, en 1970, Grossman propúxolle unha nova banda, a derradeira: a Full Tit Boogie Band, coa que gravou nese mesmo ano o que está considerado un dos mellores álbumes de todos os tempos: Pearl, editado de forma póstuma en 1971, pois Janis Joplin falecería por unha sobredose de heroína o 4 de outubro de 1970.


E aquí conclúe o atracón de coñecemento wikipédico, eu son máis de odas e loas menos eruditas, pois non aspiro a traballar en Radio 3… A vida de Janis foi efémera, dende logo. O seu talento amosóusenos dun xeito tan fugaz como brillante, pois non renunciou a vivir rápido, facendo seus os agora tópicos lemas de “sexo, drogas e rock n’ roll” e “vive á presa, morre novo e deixa un bonito cadáver”. Janis era todo iso, un paradigma da subversión do rol. Talvez levada ao extremo, non o vou negar. Pero sempre se negou a acatar todo aquilo que recordara a algo preconcibido e refusou asimilarse ao convencional en todos os ámbitos: na música, na súa vida privada, na súa forma de vestir, no seu xeito de pensar e entender a vida… Foi quen de converter as súas frustracións vitais e as súas penas en arte, logrando provocar unha especie de catarse no seu público e nos que aínda a admiramos despois da súa morte. A súa persoalísima voz, áspera e pouco dada a floreos de calquera clase, agromaba dunha gorxa que parecía que ía estourar en calquera momento pero da que nos namoramos perdidamente nada máis oíla. Todas aquelas cousas que noutros cantantes nos parecen “ghallos”, idas de ton ou berros sen máis en Janis Joplin son auténticas marcas diferenciais, unha mostra máis do relativa que pode ser a beleza, pois unha voz que en principio semella desagradable e á que socorreríamos ipso facto ofrecéndolle un caramelo mentolado á súa dona, resulta ter un encanto insospeitado. A paixón e a entrega no escenario foi o seu máis perfecto complemento para transmitir axeitadamente a súa mensaxe a veces atrevida e despreocupada, a veces depresiva e lánguida. Era todo sentimento, melancolía e emoción.


E que dicir dos auténticos temazos que nos legou? O bo de ter unha carreira tan curta e de formar parte do maldito Club dos 27 (no que tamén atopamos outras ilustres figuras coma Jimi Hendrix, Kurt Cobain ou, máis recentemente, Amy Winehouse) é que case non che dá tempo a facer borralla. Janis posuía tantísima arte esperando a ser debidamente explotada, tiña tan bos músicos detrás e tanto carisma que todo canto fixo resultou ser magnífico. Sublime. Non había lugar para recheos ou composicións anódinas, a súa intensa vida, salvaxe e indócil por momentos, tamén o foi musicalmente falando. Deste xeito, aínda hoxe, 40 anos despois do seu pasamento, podemos seguir gozando de melodías xa inmortalizadas no seu momento, propias e alleas, como Piece Of My Heart, Ball And Chain, Misery’n, Cry Baby (a miña primeira vez), Maybe, Raise Your Hand, Kozmic Blues, One Good Man, Me And Bobby McGee, I Need A Man To Love, Road Block e un longuísimo και τα λοιπά (poñer “etc.” a todas horas xa me aburre). Incluso ese Mercedes Benz cantado a capella, a súa última gravación, un tema que se deixou tal cal, sen instrumentalización nin nada, unha canción cunha letra e cunha mensaxe do máis frívolas e sinxelas, soa a gloria nos oídos dunha devota de Janis coma min…


Para min, falar de Janis Joplin é falar de inspiración. Ela é A ÚNICA MUSA do meu espertar cultural. Talvez sexa inadecuado dicir que me gustaría ser coma ela, porque coma ela non vai haber ningunha, ningunha con esa mesma vocación provocadora, ningunha con ese mesmo don para transformar a rareza en fermosura. Janis é unha das miñas grandes referencias precisamente por ser un deses fenómenos que se repiten na historia da humanidade nada máis que unha vez cada mil anos. Adóroa polo imposible que resulta que forme parte da miña contemporaneidade. Por ela tería desexado retroceder unhas cantas décadas no tempo para poder ser testemuña da súa entronización no vasto Olimpo do rock, cidadán de a pé coma ela que logo a divinizaría coma a gran diva (unha de verdade, non estes chorros de voz de pacotilla que incluso se atreven a dicir que se inspiran na gran Janis) que logo resultou ser. Non hai nada nela que non sexa fascinante, dende chantarse e dicir “non, nunca serei coma as demais” ata o seu sorriso expresivo e explosivo, case pueril pero sempre vivo. Un sorriso co que eu sempre vivirei na parede do meu cuarto, no meu muro de facebook, no fondo de pantalla do meu ordenador… Pero sobre todo, un sorriso que evocarei en cada canción.


Porque mulleres coma ela nunca morren… 


luns, 22 de xullo de 2013

Galería de ídolos femininos (I): Florence Welch


Adoro a Florence Welch. Punto. Que o diaño me leve a todas as divas do mundo, que carrexe para o inferno a todas as Mariah Carey, Céline Dion e ás que queren parecerse a elas! Que se esparexan polo Hades todos eses esperpentos de talent show que non saben máis que abarcar unha morea de oitavas sen ter un ápice de aquilo que é indispensable en calquera artista pop: carisma.

            Florence Welch (ou Flo, como me gusta chamala coma se tivesemos unha relación moi próxima) é todo carisma. Pura arte. Unha voz descomunal que nada ten que envexarlle ás mamarrachas de agudos estridentes que veño de mencionar. Unha artista por dereito propio, un estilo inconfundible e un repertorio que se axusta á perfección a unhas cualidades vocais que acadan o sublime. E, por se todo isto fose pouco, é belísima, para min unha das cantantes máis fermosas que vin e escoitei.


            No plano musical, o primeiro disco da súa banda Florence + The Machine, titulado Lungs (2009), xa era unha auténtica marabilla na que ese estilo para min tan ambiguo e impreciso chamado indie revelaba unha das súas mellores vertentes. Gracias a temas tan motivadores e tan ben construídos como Dog Days Are Over tiven ganas de erguerme da cama e poñerme a correr ou a berrar, eu que sei! Esta canción evocoume e segue evocándome un espírito de superación e vitoria, coma un impulso eléctrico que me empurra a seguir, unha canción moi optimista na que o ritmo e a voz son pezas fundamentais da engrenaxe.


             Pero foi con Ceremonials (2011) cando acabei de convencerme de que a calidade e o éxito de Lungs non eran circunstanciais nin anecdóticos. En Ceremonials non hai borralla, é un temazo tras doutro, unha morea de himnos nos que a voz de Flo resoa coma nunca e coa que se pode comprobar que o comercial non ten por que ser pernicioso. Porque sí, agora en pleno 2013, supoño que se che gusta moito, moito, moitísimo Florence Welch (como me pasa a min) xa non eres guay… Endemoniados hipsters… Boeno, como dicía, Ceremonials é o máis parecido a unha ascensión ao ceo que se poderá atopar en vida nun bo disco, todas as cancións teñen un cariz case mesiánico, unha instrumentalización que sempre vai in crescendo e un fondo catárquico inigualable. Escoitar Ceremonials é coma unha misa pop, ideal para doentes de ateísmo pero admiradores de toda a épica que xira en torno á relixión coma min. Os mellores cortes? Hai tantos… Pero What The Water Gave Me, Shake It Out e No Light, No Light configuran o meu podio de Ceremonials, un disco que nunca aburrirei nin deixarei de recomendar.


            Flo é única no panorama musical actual e para min é unha icona indiscutible noutro terreo que hoxe en día non parece menos importante para triunfar (aínda que non sexa máis que unha frivolidade): o da moda. Ninguén coma ela sabe levar un Alexander McQueen de Sarah Burton, un Elie Saab, un Givenchy de Riccardo Tisci, un Yves Saint Laurent de Stefano Pilati ou un Gucci deseñado exclusivamente para ela… Consegue transmitir coas súas prendas e coa súa forma de levalas ese algo etéreo que tamén transmite a súa espectacular voz.


            Todo canto esta muller toca faime amala cada vez máis: a súa participación na banda sonora de O gran Gatsby (Baz Luhrmann, 2013), unha colaboración nun recente concerto dos Rolling Stones, cos que interpretou unha das mellores cancións da historia do rock, Gimme Shelter e na que volveu exhibir a maiestas do seu prodixioso rexistro vocal; ou unha versión doutro temazo dos Fleetwood Mac, The Chain, unha homenaxe á súa gran e non menos xenial precursora: Stevie Nicks.


            E xa para ir rematando, o mellor clímax que se lle pode dar a esta oda á enormísima Florence Welch é un pouco de música. Escoitádea e aprenderedes a admirala, amala, adorala, idolatrala, venerala e celebrala coma min.