sábado, 31 de agosto de 2013

O temazo da semana: "Owner Of A Lonely Heart"


A primeira recomendación que vou facer antes de falar sobre esta gran canción de Yes consiste nunha máxima que fixen miña haberá cousa de dous anos: nunca deixedes que un mal recordo que involuntaria e inconscientemente asociastes a unha música determinada vos impida disfrutar da mesma. NUNCA. Porque a min pasoume algo parecido con Owner Of A Lonely Heart e prohibirse a unha mesma deleitarse con un son progresivo tan brillante é de xulgado de garda. Independentemente das lembranzas que che poida traer, que no meu caso non son moi agradables, non. Pero boeno, isto non é o blog de ningún miserento carente de vida social ata o punto de que teña que desafogarse na rede, na máis pública soidade, de modo que me vou cinguir ao propósito inicial deste pequeno artigo: comentar Owner Of A Lonely Heart, do grupo de rock progresivo Yes.

Este tema chegou á miña vida nun día chuvioso de outono de hai aproximadamente catro anos. Eu nunca oíra falar de Yes e todo o meu contacto co rock progresivo reducíase a un par de cancións de Genesis con Phil Collins (sí, fans de Peter Gabriel, quero que me crucifiquedes!) e, de repente, nun ordenador alleo, nunha casa allea, comezou a soar primeiro a percusión inicial e, a continuación, un riff de guitarra contundente e potente que nos presentaba a melodía básica de toda a canción, unha frase musical de gran sinxeleza que se repite ao longo do tema ata o final. Eu, marabillada por tan suxerinte introdución, preguntei: “Cáspita!” (por suposto, esa non era a interxección sorpresiva que empreguei) “Que canción é esta que soa tan ben?” Ao que o suxeito que se tomara a molestia de obter dun xeito non moi legal esa canción para que formara parte da súa biblioteca musical de iTunes respondeu: Owner Of A Lonely Heart, de Yes. E aí corrín eu para facerme con ela.

            Non tardei en metela en canto sitio había: ordenador, coche, trebello para illarte do mundanal ruido da rúa… Pareceume un temazo dende o principio, tiña unha forza especial que me cautivou dende o minuto cero. E, por suposto, ese son oitenteiro que tanto me inspira! Pero mentres lle daba unha e outra vez á tecla de repetición para escoitar de novo este tema os acontecementos comezaron a asoballarme e desterreina das miñas favoritas durante un tempo. Ata hai pouco que caín da burra e redescubrín esta canción ao mesmo tempo que me fixen un par de preguntas pseudoexistenciais sobre o sentido do seu videoclip, que roza e incluso sobrepasa o límite da bizarrada… Neste segundo “temazo da semana” que fago debería cuestionarme o seguinte: realmente a maioría das grandes cancións teñen un correlato comercial audiovisual francamente absurdo, carente de lóxica e/ou olvidable? Realmente a dinámica do pop é estraña, confusa e aleatoria, é un sistema moi complexo que me esforzo en entender pero que non consigo coñecer de todo, boeno, e menos despois de ver a esperpéntica performance de Miley Cyrus nunha entrega de premios da MTV, pero outro día irei a iso, que son cousas que tamén me interesa analizar…

            Ata o momento no que me decidín a describir todo o que me evoca Owner Of A Lonely Heart  non me parei a pensar no que en realidade quería dicir. O certo é que a letra vai en consonancia coa melodía, todos os seus compoñentes a fan optimista, fala de moverse e non resignarse, de ser un mesmo, de ser libre, etc., etc., etc. Por iso me resultou tan chocante tropezar con esta versión tan sumamente depresiva pero non por iso menos interesante de Grizzly Bear.


            Admito que este grupo, que non coñecía de nada e co que tamén batín por pura casualidade (por se a alguén lle axuda, direi que están detrás das cancións que soan no filme Blue Valentine, con Ryan Gosling e Michelle Williams) consegue darlle un novo aire á canción. Boeno, iso era máis que evidente despois de escoitala, posto que cambia absolutamente en todo! O ritmo e a instrumentalización non teñen nada que ver, son máis lentos e incluso acústicos, cunha leve reminiscencia dun sintetizador que crea ambiente; a voz é tenue e grave mentres que no orixinal de Yes é moi aguda, nun estilo que a min me parece moi semellante ao de Sting… Pese a que considero que é un cover decente e digno, para min é coma se lle arrebataran a alma á canción. Un tema con tanta forza en todos os seus elementos non se concibe cun espírito tan melancólico. Na miña modesta opinión, repito, esta versión non deixa de ser medianamente boa por outros motivos. En fin, o indie funciona así, con desautomatizacións a tope.

            E nada, isto é máis ou menos todo o que quería poñer enriba da mesa a propósito desta canción. Tan só me queda invocar ao posible lector destas liñas para que a escoite e a aprecie como un verdadeiro temaaaaaaaaaaaaaaaaaaaazo!



xoves, 29 de agosto de 2013

“Yo eh que soy así, soy de lah que se quitan lah bragah a pedoh!”

Xa ía tocando algo novo por estes lares e, como aínda estamos apurando os últimos sorbos deste agora lánguido agosto, vou falar brevemente de algo sinxelo, lixeiro e que, por suposto, consiga debuxarnos un amplo sorriso na nosa cara de “son un amarghado que acata sen chiar este ritmo de vida contemporáneo e capitalista que me dá un placebo duns poucos días para descansar de verdade e que me convence de que existen enfermidades mentais tan temibles coma o síndrome post-vacacional”. Hai que rir e iso mesmo é o que me gustaría que fixeran todos os que se paren a ler isto. Vou ir creando un horizonte de expectativas…


Se empezo a falar así abertamente da dama de ferro, de Margaret Thatcher, a pelo, sen vaselina nin ningún tipo de protección contra venéreas e/ou ideoloxías non desexadas, poderíase pensar que tiven unha especie de revelación neocon que me levará a incluíla na miña galería de ídolos femininos e nese caso necesitaría unha pronta intervención psicoanalítica. Nada máis lonxe da realidade. Admito que teño unha especie de empatía pouco empática cara esta raza de mulleres con poder cuxa única obsesión tras acadar o trono é chucharlle o sangue de xeito morboso e case vingativo a todos aqueles que enganaron para que as votaran pero esta doenza non excede a mera sensibilidade pop cara un estereotipo que se repite na historia dende a noite dos tempos. A Thatcher ía coa verdade por diante, “son unha tía rancia con propósitos políticos, económicos e sociais do máis rancios e demóstroo: deixo a todo un sector produtivo do meu país a lamber na lata, defendo o meu dereito a decidir sobre os meus dominios coloniais de ultramar (aínda que sexan realidades anacrónicas que non ten ningún sentido manter) e pásome a unión económica dos veciños polos mesmísimos”, non coma os abandeirados do do “yes, we can” que logo invaden Siria e non pechan Guantánamo (o cal non quere dicir que ela sexa mellor, eh! Só dixen que non era falsa, nada máis). Sempre houbo mulleres poderosas. E sempre houbo mulleres que nos deixaron, como colectivo, en moi mal lugar, tal é o caso da señora Thatcher (que en paz descanse se é que pode), merecedora do meu odio sempiterno coma todas elas a pesar do volume indecente pero a cachos fascinante dos seus santos collóns… digo ovarios!

Con todo, hai algo que sempre terei que agradecerlle a esta señora, posto que parecía imposible que unha das grandes figuras do neoliberalismo de finais do século XX inspirase o que, dende o meu humilde punto de vista, é un dos mellores sketches da historia do humor en España. Non é casualidade. En realidade, Margaret Thatcher sempre foi un personaxe moi risible, con esa estética british tan pasada e obsoleta, esa forma de falar tan pausada pero á vez tan autoritaria, ese aire de I have the powerrrrrr… Non sei por que nola tomamos tan en serio, ela en si mesma semellaba unha caricatura de todos os tópicos asociados á cultura anglosaxona. Por iso, esta imitación de Joaquín Reyes para o xa extinto programa de Paramount Comedy La hora chanante (que realmente non sei de cando data, encontreina pululando por youtube) dá no cravo, a pesar do acento marcadamente manchego e da masculinización (por outro lado moi realista) do personaxe.

O humor tamén é arte e hai moitísimas cousas que podería destacar destes tres gloriosísimos minutos. A parodia é tan absolutamente brillante que non hai palla, non hai frases de recheo, todo conduce a unha sonora gargallada e a un “jolín, realmente esta muller era así”, aínda que saibamos do absurdo que é atoparnos a unha figura política tan emblemática e fortemente negativizada (Morrisey chegou a preguntarlle cando morrería dunha vez) falando das súas “proezas” no poder coma se estivese sachando na horta, tan directa e francamente, con ese ton de debate de taberna tan ibérico, por outro lado. Seino de memoria, de cabo a rabo. Ata tal punto me chegou á alma este sketch, que vou pola vida repetíndollo a sufridos amigos e familiares e poñéndoo como exemplo da mestría que poden chegar a acadar a sátira e a burla.

Pouco máis podo dicir que exhortar a todo aquel que pase por aquí para que o vexa e o disfrute, partíndose as cachas como é debido.


Yo entraba en Wehtminter, con mi bolso, eh, Y SE A-CO-JO-NA-BAN!  Loh míoh y loh otroh! Se ponían a sudar!  

Simplemente xenial!

mércores, 14 de agosto de 2013

Galería de ídolos masculinos (I): Dave Gahan


A miña adolescencia tardía non se entende sen Dave Gahan. Non só porque a súa voz grave e sensual, as súas contorsións no escenario e a súa vida de rockeiro atormentado e adicto a todo o aditivo humedeceran unhas poucas bragas, senón porque con todo iso descubrín a elegancia da melancolía e da introspección. Gahan é todo iso, coa súa voz fai súas as coitas de Martin L. Gore, canta á pena, á desilusión, á languidez e á aflición coma ninguén, ao lado máis escuro da natureza humana, aquela que nos encerra en nós mesmos e que nos apresa no desconsolo, provocándonos unha morbosa soidade á que incluso lle chegamos a coller o gusto. Parece mentira que un grupo como Depeche Mode, o seu grupo, con estas características, chegase a ser considerado de masas e conseguisen encher estadios.

A modo de pseudoclase de historia, direi que o cantante e compositor Dave Gahan naceu o 9 de maio do ano 1962 (si, recordo a súa data de nacemento antes que a de algún membro da miña propia familia, lapídenme!) no seo dunha familia desas que por non cumprir co canon cristián/católico/apostólico/romano son chamadas desestruturadas pero, en todo caso, humilde e que, en principio, tampouco é que apuntara ao éxito. Foi un adolescente rebelde e problemático, como non? Viva o rock! E chegou á banda xerme do que logo sería Depeche Mode a través dun cutre anuncio no que se solicitaba, case suplicaba por un vocalista. Así entrou Dave Gahan a formar parte do meu altar particular do pop, fascinando aos seus futuros compañeiros de grupo entoando o Heroes de David Bowie.



Os seus inicios máis “iniciosos” coa banda Depeche Mode non facían presaxiar nada do que expuxen no primeiro parágrafo, posto que singles como Just Can’t Get Enough ou Get The Balance Right tiñan un corte máis ben popeiro e case hedonista. A propia imaxe dos compoñentes do grupo, tamén a de Dave Gahan, inspiraba case o mesmo que Rick Astley. Pero Depeche Mode pronto se desprendería desa condición de pop efémero e oitenteiro (sobre todo a raíz da marcha de Vince Clarke, actual membro de Yazoo e Erasure), pois o talento dos seus membros e, en especial, do binomio Gore-Gahan estaba chamado a darnos algo máis. E efectivamente foi así.

Normalmente eu adoito poñer unha fronteira entre esa faceta puramente pop que envelleceu moi mal e o seu período realmente produtivo no disco Some Great Reward (1984), o cal non quita que antes diso non houbera pequenos retallos que xa nos advertían dun cambio de rumbo (Everything Counts, Leave In Silence). A partir de aquí a diferenciación comeza a ser cada vez máis brutal, eles sempre quixeron ser diferentes e aquí comezaron a conquistar o lugar que por dereito aínda lles corresponde no panorama musical actual e tamén no meu melómano ser.


Co Black Celebration (1986) chegaron os coiros, as cabeleiras engominadas e a estética gótica. E tras o Music For The Masses (1988) e o Violator (1990), discos cos que Depeche Mode firmou a súa mellor época na electrónica (nisto tamén tivo algo que ver Alan Wilder, o cuarto en discordia que acabou “neghro” das neuras todos eles a mediados dos 90 e marchou, unha pena), chegou o Songs Of Faith And Devotion, un traballo máis rockeiro e máis “espiritual”. Debo dicir que o nivel de “follabilidá” e de talento de Dave Gahan adoita ser directamente proporcional ao seu nivel de autodestrución e no lapso de tempo que vai dende finais dos 80 ata principios dos 90, é dicir, a época na que se editaron todos estes discos que lanzaron ao grupo ao máis alto e que nos deron auténticos himnos, como Personal Jesus, Enjoy The Silence, Strangelove, Never Let Me Down Again, Walking In My Shoes ou I Feel You, Gahan estivo ao borde do precipicio un cento de veces. A súa inestabilidade emocional e amorosa, o seu gusto polas substancias perigosas (véxanse heroína, cocaína, speed, alcohol…) e as súas ganas de vivir ao límite chegaron a matalo literalmente durante uns 5 minutos.


Falar de Dave Gahan é falar de carisma, un carisma que se manifesta no musical e no estético, podendo apreciar unha evolución absolutamente brillante en 30 anos de carreira artística. A audiencia foi moi consciente dende mediados dos 80 de que, se Depeche Mode tiña un líder, ese era o seu vocalista (hai moitos seguidores que manteñen que este grupo carece desa figura, posto que o protagonismo na escena a veces vai moi repartido entre Dave Gahan e Martin L. Gore, compositor e vocalista esporádico). Voz, dominio e entrega en cada interpretación son os seus sinais de identidade. O seu poderío escénico é indiscutible, explota todos e cada un dos seus recursos para engrandecer a actuación, sendo a oscilación entre o sentimento e a sexualidade un dos máis notables. É imposible que deixe indiferente a ninguén, independentemente de que guste máis ou menos. É único e por iso sobresae.

Gahan tardou bastante en labrarse unha carreira como solista, non foi ata o 2003 cando se decidiu a lanzar o seu primeiro álbum con composicións propias e dos que logo serían os seus colaboradores habituais Christian Eigner e Andrew Philpott (que tamén traballaran previamente con Depeche Mode), Paper Monsters, un bo ensaio e anticipo da que logo sería a súa obra magna en solitario, Hourglass (2007). Pode que sexa aventurado aseverar isto tratándose dun artista que sempre estará vinculado a un colectivo (e encima un colectivo con tanto renome como Depeche Mode) e que, de momento, só ten dous álbumes propios, pero Hourglass é un dos mellores discos que escoitei nunca. En serio. Temazo tras doutro, eu creo que debe haber só dúas cancións de recheo, o cal é unha proeza tendo en conta que moitos discos se editan con máis borralla que acertos. Pero Gahan tivo bos mestres, as influencias do seu traballo previo en Depeche Mode están moi ben aproveitadas e así se pariron grandes cancións como Saw Something, Kingdom, A Little Lie ou Use You. Unha lástima que este álbum non chegara a ser o suficientemente coñecido neste país cando se editou (maldita tiranía das listas de “éxitos” prefabricados de usar e tirar!) porque aínda hoxe non o aburrín e, de verdade, é moi, moi bo.


O novo milenio non acabou co encanto artístico deste home, xa que ademais destes traballos en solitario que nos descubriron que podía voar soíño dun xeito máis que digno, Depeche Mode continuou sendo un grupo de referencia e culto na escena pop. Exciter (2001), Playing The Angel (2005), Sounds Of The Universe (2009) e, máis recentemente, Delta Machine (2013) confirman a boa saúde do talento do trío de Basildon. As súas melodías acadan un nivel de exquisitez sublime, cobren e incluso melloran todas as expectativas que crean e Dave Gahan crécese aínda máis (ademais de estar un pouco máis sobrio). A mellora das súas calidades vocais, froito dunhas sempre necesarias clases de canto, é manifesta nestes catro últimos discos de Depeche Mode e tamén nos seus dous álbumes como solista. A súa voz está moito mellor modelada, aquel vozarrón fondo e case ronco agora é un murmurio grave, lene e nasal que inspira unha sensualidade case indecente e que nos transporta instantaneamente a todas esas emocións tan duras e intensas que poboan o imaxinario lírico de Depeche Mode. Como proba disto...


Pouco máis podo dicir de Dave Gahan que non poida verse en todo o repertorio audiovisual de Depeche Mode e no seu propio. Acaso fai falta recordar videoclips coma os de I Feel You ou Personal Jesus? Fai falta recordar o mencer do noso amor Biblia en man, en traxe a raias, pelo longo e gafas lutuosas; a aquel vaqueiro que nos dicía nun burdel que se descolgábamos o teléfono nos faría crentes, a ese Xesucristo do rock que encarnou en Walking In My Shoes e ao rapaz malo redimido de Suffer Well? É necesario lembrar o ton tan sentido da súa voz en Precious, Heaven ou nas marabillosas baladas electrónicas incluídas en Exciter? Precisamos volver ver directos coma o de Milán do 2006 ou remitirnos ao Devotional Tour do 94 para derreternos con tanto afán erotizante e con esa explosión de carisma, efectivo incluso sendo etílico, opiáceo e narcótico? Máis que un ídolo, Dave Gahan é un símbolo do meu espertar ás novas propostas do extensísimo panorama pop dos últimos anos, é unha icona artística e sexual que venerarei ata o final dos meus días.


I feeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeel youuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuu... 
Your sun it shines... 
I feeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeeel youuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuuu... 
Within my mind... 

            Non me digades que non é unha canción "cojonuda" pa' facer esas cousas que tanto cunden nunha noite de xeada!

luns, 12 de agosto de 2013

"Prometeo nos infernos", de Albert Camus


Albert Camus é un autor imprescindible para min. “Imprescindible”… Xa repetín esa palabra demasiadas veces neste blog, non si? Repetina tanto que mesmo empeza a soarme rara, coma unha cadea alofónica sen máis sentido que o balbúceo dun bebé. Boeno, mentres intento dar con algún sinónimo que poida reflectir axeitadamente ata que punto Camus é un deses escritores que marcaron un antes e un despois na miña vida, deses que foron quen de desvirgarme como lectora, vou proceder a comentar non algunhas das miñas obras favoritas, como O estranxeiro ou Calígula, pois teño moito que madurar aínda para facer un pseudoartigo que estea á altura de tan magnífico relato e tan espléndido drama, respectivamente, senón que vou falar dun capítulo, supoño que menos coñecido e pertencente á súa obra O verán, titulado Prometeo nos infernos.

Dado que lin esta pasaxe coa máis núa das sapiencias, procedín a documentarme un pouco máis para tratar de dilucidar algúns puntos escuros. E o meu gran amigo San Google proporcionoume algún dato de gran valía. Basicamente, O verán vén sendo unha escolma de artigos e pequenos retallos ensaísticos que un dos grandes mestres da dramaturxia e a narrativa existencialista e do absurdo do século XX e gañador do Nobel de literatura foi compoñendo ao longo dos anos e que finalmente foron recompilados para a súa publicación en 1954 baixo este título.


Prometeo nos infernos data do ano 1946, pouco tempo despois do fin da Segunda Guerra Mundial. E debemos ter ben presente este momento histórico se queremos entender esta pequena disquisición, posto que non deixa de ser un diagnóstico da devastación provocada por un conflito bélico. O parangón coa mitoloxía grega dá como resultado un símil moi significativo, pois Camus retrata ao ser humano da súa contemporaneidade como un reflexo pero tamén como un antagonista dese Prometeo que ousou roubarlle a técnica e a sabedoría aos deuses para poñela ao servizo dos seus semellantes. Isto é, o home está famento, sedento e avasalado pero xa non pode permitirse acadar a mesma liberdade que Prometeo lles outorgou logo de calmar a súa fame e a súa sede, senón que debe resignarse a manter un recordo dos vestixios ou reminiscencias da mesma que poida alimentar as súas ansias de ser verdadeiramente libre. Parece que Camus lamenta que, coa destrución física e moral que supón o fin dun tempo convulso, a liberdade ou a xustiza sexan valores secundarios, case privilexios. O sometemento voluntario (e un tanto ignorante) a unha completa arbitrariedade política e social en aras de satisfacer unhas necesidades consideradas máis elementais caracteriza este período vivido por Camus e, en certo modo, o noso tempo. Ao ler este texto non deixaba de ver concomitancias entre a desilusión e o fastío do autor e a miña propia insatisfacción vital co tempo que me tocou vivir. Ben é certo que a dureza dos acontecementos de unha e outra época non son para nada comparables pero ese desengano que trae consigo unha crise, un cambio fondo, cala do mesmo xeito na mentalidade humana. O home actual busca subsistir, autoabastecerse e pasar inadvertido pola vida, nada importan xa a emancipación e a manumisión espiritual, o deleite coa beleza e o goce das artes. A humanidade de agora renega destas virtudes e habilidades que o fan verdadeiramente humano, daquelas mesmas que nos permiten non chamarnos simplemente animais.

Hai unha serie de frases, case a modo de máximas, que me gustan especialmente destas apenas catro páxinas de reflexión. Pero, non sei, pareceume un exercicio de pensamento e cavilación tan fodidamente brillante que son incapaz de quedarme con tres ou catro palabras, de modo que, despois de facer unha crítica máis ben plana e ruin, na que se pode apreciar ata que punto a miña cabeza está impedida e eivada para facer unha boa reseña sobre un capítulo de Camus (menos mal que non me atrevín cunha obra enteira), vou espetar, así a eito, o capítulo enteiro de Prometeo nos infernos (con tradución da tradución, para que o erudito medio me odie aínda con máis intensidade)! Estaría ben que quen o lera pensara que o está escoitando nunha conferencia, eu non deixaba de imaxinarmo, e, por favor, deleitádevos coa mestría dese emprego da lingua, con esas imaxes, metáforas e comparacións tan soberbias e con esa capacidade única para achar a clave, dar no cravo e analizar debidamente todo o exposto. Moi poucos posuíron esa capacidade. Ninguén a ten xa hoxe en día. De verdade, se alguén se para a lelo que o faga con atención e que acariñe cada verba coma se fose o pescozo dun ou dunha amante.


Que significa Prometeo para o home actual? Ben podería afirmarse sen dúbida que ese rebelde alzado contra os deuses é o modelo do home contemporáneo e que a súa protesta elevada millares de anos atrás nos desertos da Escitia se resolve hoxe nunha convulsión histórica que non coñece igual. Mais ao propio tempo algo nos di que ese rebelde continúa sendo perseguido entre nós e que permanecemos aínda xordos ao gran berro da rebelión humana da que el só dá o sinal.

O home actual é en efecto o que en masas prodixiosas sofre sobre a estreita superficie desta terra, é o home privado de lume e de alimento para quen a liberdade non é senón un luxo que pode esperar; e a ese home non lle queda senón sufrir aínda un pouco máis así como á liberdade e aos seus últimos testemuños non lle queda outra cousa que desaparecer aínda un pouco máis. Prometeo é ese heroe que amou o bastante aos homes para darlles ao mesmo tempo o lume da liberdade, as técnicas e as artes. Pero a humanidade hoxe xa non necesita nin se preocupa máis pola técnica. A humanidade rebélase nas súas máquinas en tanto que considera a arte e todo aquilo que el supón como un obstáculo e un signo de servidume. En cambio o que caracteriza a Prometeo é o feito de que non pode separar a técnica da arte. Prometeo cre que ao propio tempo poden liberarse os corpos e as almas. O home actual cre que é mester primeiro liberar o corpo aínda cando o espírito teña momentaneamente que morrer, pero, é que o espírito só pode morrer momentaneamente? En verdade, se Prometeo volvera hoxe á terra os homes procederían con el como os antigos deuses: encadearíano á rocha no nome dese mesmo humanismo do cal el é o primeiro símbolo. E as voces hostís que insultarían entón ao vencido serían as mesmas que resoan nos umbrais da traxedia de Esquilo: as da forza e a violencia.

Será que cedo ao tempo avaro, ás arbores núas, ao inverno do mundo? Pero precisamente esta nostalxia da luz dáme a razón: ese sentimento fálame doutro mundo, da miña verdadeira patria… Ten ela aínda sentido para algúns homes? No ano no que estourou a guerra eu ía embarcar para volver realizar a navegación que xa fixera Ulises. Naquela época ata un rapaz pobre podía forxar o suntuoso proxecto de atravesar un mar na busca da luz. Pero naquel momento fixen o que fixeron todos. Non embarquei. Ocupei o meu lugar nas filas que pataleaban diante da porta aberta do inferno. Pouco a pouco fomos entrando nel. E ao primeiro berro da inocencia asasinada a porta pechouse rechinante ás nosas costas. Xa estabamos no inferno e non chegamos a saír del. Dende hai seis longos anos procuramos buscarnos a vida. As pantasmas ardentes das Illas Afortunadas xa non se nos aparecen no fondo doutros longos anos que han de vir. Anos sen lume nin sol.

Nesta Europa húmida e negra, como non acoller cun tremor de pena e de difícil complicidade aquel berro do vello Chateaubriand a Ampère que partía para Grecia: “Non atopará vostede nin unha folla das oliveiras nin un gran das uvas que eu vin no Ática. Deploro ata a herba do meu tempo. Non tiven a forza de facer vivir un breixo”.

E nós tamén, afundidos, a pesar do noso sangue novo, na terrible vellez deste derradeiro século, deploramos ás veces a herba de todos os tempos, a folla da oliveira que xa non iremos ver por ela mesma, e as uvas da liberdade. O home está en todas partes, en todas partes se erguen os seus berros, a súa dor e as súas ameazas. No medio de tantas criaturas reunidas xa non queda lugar para os grilos. A historia é unha terra estéril onde non medran os breixos. Porén, o home actual elixiu a historia, de modo que non podía nin debía apartarse do seu camiño. Mais no canto de dominala, cada día o home consinte en converterse un pouco máis en escravo desa historia. E nesta actitude traizoa a Prometeo, esa criatura “de pensamentos audaces e de corazón lixeiro”. Aquí os homes retornan á miseria dos homes da que Prometeo quixo salvalos. “Eles miraban sen ver, escoitaban sen oír, semellantes ás formas dos soños…”

Si, basta contemplar unha noite de Provenza, un outeiro perfecto, percibir o olor do sal, para advertir que aínda hai que facelo todo. Temos que volver inventar o lume, que volver organizar os oficios para calmar a fame do corpo. O Ática, a liberdade e as súas vendimas espirituais, o pan da alma, son para máis adiante. Que outra cousa podemos facer senón berrarnos nós mesmos: “Xa nunca existirán esas cousas ou ben existirán para outros homes” e facer o que sexa mester para que eses homes polo menos non queden frustrados? Estamos acaso atrasados ou estamos adiantados, e teremos a forza necesaria para facer revivir os breixos, aqueles que sentimos todo isto con dor e que, porén, procuramos aceptalo cun corazón libre de amargura?

Fronte a esta interrogación que se eleva neste século xa nos imaxinamos a resposta de Prometeo. En realidade, el xa a pronunciara: “Prométovos a reforma e o amparo, oh, mortais, se sodes o suficientemente hábiles, virtuosos e fortes para realizalos coas vosas mans, eu respondería afirmativamente á pregunta do século, a causa desa forza reflexiva e desa intrepidez que sempre sinto presente nalgúns homes que coñezo”.

“Oh, Xustiza, oh, Madre”, berra Prometeo, “ben ves o que se me fai sufrir”. E Hermes, mofándose do heroe, dille: “Marabíllame que sendo divino non previras o suplicio que padeces”. “Sabíao”, responde o rebelde. Os homes aos que me refiro son tamén eles fillos da xustiza. Tamén eles sofren a desgraza de todos con coñecemento de causa. Saben precisamente que non hai xustiza cega, pero que a historia non ten ollos e que se impón, polo tanto, rexeitar a súa xustiza para substituíla, na medida en que sexa posible, pola que o espírito concibe. É aquí onde Prometeo volve manifestarse no noso século.

Os mitos non teñen vida por si mesmos. Agardan a que nós os encarnemos. Basta con que un só home no mundo responda á súa chamada para que nos ofrezan a súa savia intacta. Temos que preservar este mito e facer que o seu soño non chegue a ser mortal, a fin de que sexa posible a resurrección. Ás veces dubido que ese mito poida salvar ao home de hoxe. Pero é aínda posible salvar aos fillos dese home no seu corpo e no seu espírito. É posible aínda ofrecerlle ao propio tempo as posibilidades da felicidade e da beleza. Se nós temos que resignarnos a vivir sen a beleza e sen a liberdade que ela significa, o mito de Prometeo é un daqueles que sempre nos lembrarán que calquera mutilación do home non pode senón ser transitoria e que nada pode aproveitar o home se non é proveitoso a todo o seu ser. Se o home está famento de pan e de breixos e se ben é certo que o pan lle é máis necesario, saibamos empero preservar o recordo do breixo. Dende o corazón máis sombrío da historia, os homes de Prometeo, sen deixar de exercer o seu duro oficio, conservarán unha mirada para a terra e para a herba incansable. O heroe encadeado mantén no raio e no lóstrego divinos a súa fe tranquila no home. Desta sorte el é máis duro que a súa rocha e máis paciente que o voitre que o rolda. Mellor que aquela rebelión contra os deuses é esta longa obstinación que ten sentido para nós, e esa admirable vontade de non excluír, de non deixar de lado nada, que sempre reconciliou e reconciliará aínda o corazón dorido dos homes coas primaveras do mundo.


luns, 5 de agosto de 2013

Cine, sexo e rebeldía: "Soñadores", de Bernardo Bertolucci


Despois dun pequeno parón no que escaseou o material novo neste blog, imos ir comezando a semana con cine e do bo, como non podía ser doutro xeito. Remexendo ou máis ben buceando na miña filmoteca particular, que se reparte dunha forma bastante pouco equilibrada entre os formatos físicos apiñados onde hai algo de sitio e o almacén dun disco duro, din cunha película que me encanta e que non puiden esquecer dende que a vin, aló polos albores da miña idade adulta ou máis ben post-adolescente: Soñadores, dirixida no ano 2003 polo italiano Bernardo Bertolucci, artífice de grandes obras do celuloide, como O último emperador, O último tango en París ou Novecento.

Soñadores sitúanos nun momento histórico e social dalgún xeito revivido e remasterizado na actualidade: o París do maio do 68. No contexto destas revoltas estudiantís, Matthew (Michael Pitt), un estudante americano, coñece aos dous irmáns Theo (Louis Garrel) e Isabelle (Eva Green) e traba con eles unha ambigua relación marcada polo seu común amor ao cine e a fascinación polo clima reivindicativo vivido nas rúas.


De entrada, este é o plantexamento de calquera sinopse que pretenda inducirnos a ver esta película, pero Soñadores é moito máis que iso, pois o primeiro que fai Bertolucci (ou máis ben Gilbert Aldair, autor do guión baseado no seu propio libro) é illar ao seu trío protagonista na soidade dun piso no que non existe o control parental e no que o vínculo se estreita cada vez máis entre alcohol, sexo e reflexións sobre cine, arte e política. Debo dicir que a min este é o tipo de película que máis me gusta, a veces pasan moitas máis cousas entre catro paredes que en grandes escenarios e iso de “encerrar” á xente, nunha especie de Gran Hermano ilustrado (por facer unha comparación así pedestre que todos poidamos entender), sempre dá resultados interesantes, créase unha atmosfera de intimidade na que os personaxes se poñen a proba constantemente e na que podemos ver con maior claridade como evolucionan, que pensan e cara onde tiran. En definitiva, Soñadores é unha película de personaxes, unha película na que tres protagonistas absolutos toman o control da historia e a través dos cales podemos explorar as luces e as sombras dunha xeración considerada máis libre e desprexuizada, idolatrada e vista sempre con esa nostalxia característica daqueles que aínda soñan coa revolución.

Non podo comentar detalladamente esta película sen meter spoilers. Ben mirado, tampouco é que sexa unha película na que haxa algún tipo de pulso narrativo que conduza a xiros de guión imprevisibles, pódese saber a historia de antemán e disfrutala igualmente. Ademais, eu son un pouco da idea que tiñan os traxediógrafos na Grecia Clásica, o importante non é o que se conta, que xa se sabe máis ou menos, senón como se conta. Estas ideas modernas da intriga e da tensión dramática son para rapazucos que necesitan “petalo” cun final supostamente “acojonante” para chamar a atención nun momento determinado (véxanse Amenábar, Shyamalan e demais familia). A min esa raza do “tipo ou tipa que che jode sempre o final da película” non me dá medo…

Despois desta aclaración, procedo a comentar debidamente o que máis me marcou ou gustou deste filme. É imposible falar desta película sen remontarnos ao Bertolucci vello verde cuxo voyeurismo non coñece límites. En Soñadores hai sexo a rabiar, como non podía ser doutro xeito (marca da casa), e hai sexo moi ben rodado e con moito sentido, nada gratuíto. Porque moita xente tende a falar das escenas de sexo explícito como algo malo, que desmerece unha película e que a fai algo así como máis sucia, máis “chabacana”. Eu dígolle a todas esas mentes puritanas e castrantes que se negan a admitir a natureza do acto sexual, que o rexeitan en cada manifestación artística e que cren que a inclusión de escenas de sexo é inversamente proporcional á calidade dunha película, que isto non é así. E menos con Bernardo Bertolucci, por Dios! Se estamos falando dun fulano que conseguiu que gran parte da poboación española cruzase os Pirineos só para ver como Marlon Brando explicaba as virtudes non necesariamente culinarias da manteiga! (outro día falarei dese mito, para non desviarme moito do tema) Este tío sabe o que fai, sabe rodar sexo, sabe facelo dun xeito harmonioso. Non é basto, nin burdo, nin tosco, é un sexo natural, directo e franco, en ocasións mesmo elegante, un sexo que se emprega dun xeito moi razoado, pois estamos inmersos no mundo duns personaxes novos, ávidos de experiencias. Polo tanto, é lóxico que o sexo sexa unha parte elemental da análise desta xuventude que tivo nas súas mans a ocasión de cambiar o mundo tal cal era, incluíndo a concepción das relacións físicas entre os seres humanos, relacións aínda hoxe impregnadas desa moralina tan absurda. Bertolucci explota este erotismo dende o minuto cero. Sobre todo a través do compoñente feminino. Gracias a unha Eva Green exuberante empapámonos deste erotismo tan exquisito e delicado que ten a súa máxima expresión na recreación dunha Venus de Milo que aviva o desexo do, en principio, inocente Matthew, o personaxe interpretado por Michael Pitt. E xa non mencionemos eses xogos nos que se debe adiviñar unha película a partir dunha imitación so pena de que haxa que pagar unha “prenda”…


Pero non só de erotismo vive Soñadores. Hai moitos sentimentos e ideas que entran en conflito entre os tres protagonistas e ese é o principal terreo a explorar e descubrir polo espectador. A confrontación entre o cinismo despreocupado que observa as revoltas cunha perspectiva escéptica e a participación comprometida cuns ideais é un dos eixos dos improvisados debates que se organizan en torno a unha cea, un baño de espuma ou unha botella de viño. Nesta contraposición de pareceres entran en xogo máis variables como a oposición entre distintas xeracións (o choque entre un pai e un fillo) ou entre culturas aparentemente non tan diferenciadas (o choque entre América e Europa). Todo isto xa se aprecia cunha diáfana claridade na cea que Matthew comparte con Theo, Isabelle e os pais destes, unha escena reveladora que introduce outros tantos momentos de divagacións e disquisicións sobre os máis diversos temas e cuxo punto álxido, ao meu modo de ver, é a acusación que lle profire Matthew a Theo case cara o final do filme, facéndolle ver que, no fondo, as súas conviccións non son tan sólidas e incluso que é máis convencional do que pretende aparentar (unha pena non dar achado este fragmento da película en Youtube):

 Eses gardas vermellos aos que admiras levan todos o mesmo libro e cantan todos as mesmas cancións e repiten coma loros as mesmas consignas. Nesa gran película épica todos eles son extras […] Sinto dicilo pero para min hai unha grande contradición: se de verdade creras o que estás dicindo estarías fóra, aí, na rúa […] Está pasando algo, algo que podería significar algo importante, que podería facer que as cousas cambien. Incluso eu o noto. Pero non estás fóra. Estás dentro comigo bebendo viños caros, falando de cine, falando de maoísmo, por que? […] Pregúntate por que. Porque non cres niso de verdade. Compras a lámpada (a lámpada coa forma de Mao) e pegas os pósteres na parede… […] Creo que en realidade prefires que a palabra unidade non se aplique a un millón senón a dúas persoas ou a tres.


Pese a que se comentaba con anterioridade que o sexo que se ve na película se desprende de toda convención moral, si se desliza unha especie de debate moral sobre a estraña relación que hai entre os irmáns Theo e Isabelle, que é practicamente incestuosa, algo que horripila a Matthew e que crea unha distancia insalvable entre este e Isabelle. A relación entre os tres é moi imprecisa e cambiante, pasan da admiración mutua ao enfado en cuestión de minutos, aproxímanse e arrédanse constantemente polas súas opinións políticas, morais e sociais e finalmente prodúcese a ruptura definitiva entre os irmáns e un Matthew desencantado e decepcionado no contexto da deriva violenta dunha protesta final na que participan os tres.

Logo de ver esta película, queda un espazo para a cavilación: como é o mundo? Que podemos facer nós para cambialo? Somos simples burgueses con efémeras ínfulas de proletariado enfurecido e antisistema que se acomodan rapidamente nos tópicos esquerdistas pero cun inmobilismo aberrante? Ou realmente queremos facer que as cousas sexan distintas e máis xustas? Por iso a idade ideal para ver esta película, ao meu modo de ver, é esa parcela que se asenta entre a post-adolescencia ilusionante e a idade adulta máis rancia, pois é un documento excepcional que desmonta mitos, que nos leva a pensar noutros interrogantes que antes nin nos plantexaramos e que nos transporta a un mundo que só podemos evocar de forma indirecta (incluída a marabillosa selección musical, que inclúe a Jimi Hendrix, Janis Joplin, Bob Dylan, The Doors e outros ídolos da grandiosa efervescencia cultural de finais dos sesenta). Para min, é un filme absolutamente imprescindible. 

Bertolucci en estado puro, unha oda á xuventude e unha fonda reflexión sobre cultura e ideoloxía.