Amosando publicacións coa etiqueta Cultura Clásica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cultura Clásica. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de maio de 2016

De Outeiro de Rei a Tebas


17 de maio. Un ano máis. Un cento de proclamas no ar e un milleiro de promesas e obrigas para co noso idioma sen cumprir. Nun día no que celebramos con ledicia a lírica daquel chairego que engaiolou os nosos soños, quixen lembrarme da súa faceta máis descoñecida e daquel día que decidiu viaxar de Outeiro de Rei a Tebas.

Poucos saben que Manuel María, o poeta do existencialismo e do compromiso coa terra, entre outras moitas facetas, cultivou tamén unha literatura dramática de tema clásico que, aínda sendo moi breve, debe ser reivindicada. O seu Edipo (escrita aló polos anos 60 pero que non foi publicada ata o 2003) recupera algúns dos episodios míticos protagonizados por esta figura central da saga dos Labdácidas inmortalizados por Sófocles en Edipo rei e Edipo en Colono (cos pertinentes engadidos e liberdades creativas, claro está). Mais por que Manuel María había querer que Edipo ou Antígona falasen en galego naqueles anos? El mesmo o explicou no limiar á edición da obra:

Co Edipo tentamos crear un personaxe que resultase ser un anti-Franco, o tirano cruel e omnipotente que estabamos a padecer. Un Edipo que fose, máis que un rei ou un brinquedo do Destino e da Fatalidade, un home bo, xeneroso, inconmovíbel nos seus principios éticos: o xefe humanísimo que endexamais atraizoa ou atraizoará a súa xente, cumpridor do seu deber ata as derradeiras consecuencias, disposto a sacrificar a vida polos seus ideais se preciso for. De Antígona quixemos facer un prototipo da muller forte, valente, filla exemplar e heroica, trasunto das galegas nais, donas, fillas de emigrantes – e non só – que tan insuperábel e esforzado cometido desempeñaron ao longo da historia do noso pobo.

Manuel María non ignorou a lectura máis contestataria do mito e así o reinterpretou para insuflarlle unha nova vida nas nosas letras, sendo coma case sempre un pioneiro da empresa literaria en galego. Os nosos dramaturgos miraban a Europa e iniciaron en paralelo un teatro de tema clásico en lingua galega do que Manuel María é un dos seus principais fundadores (aínda que axiña abandonou esta tendencia). Recolleu o mito de Edipo, simplificouno (para nada o “empobreceu”, como el asegura no limiar) e o caprichoso fatum quixo relegalo a un caixón ata que Miguel A. Mato Fondo e a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor a recuperaron para a súa publicación un ano antes do pasamento do poeta da Terra Chá. Ao igual que con Elexías á miña vida pequeniña (da que xa falamos na Cólquide noutra ocasión), hai que dar grazas á xenerosidade dun autor que mira con escepticismo á súa propia obra e ao heroísmo (porque publicar cousas en galego foi, segue e seguirá sendo unha auténtica loita contra os elementos) de quen se decidiu a darlle forma nunha coidadísima edición á altura do material.


A obra consta dun prólogo e tres actos a través dos cales acompañamos ao Edipo rei e peregrino na súa loita contra un destino nada benévolo. Tras saberse causante dos males de Tebas como herdeiro dunha caste que ofendeu aos deuses e descubrir que matou ao seu pai Laio e casou coa súa nai Iocasta (dando cumprimento á predición dos oráculos), Edipo vaga cego e vello acompañado da súa filla Antígona sendo rexeitado por todos debido á sona da maldición que pesa sobre el. Despois de rexeitar a oferta de Creonte, quen o convida a reinar de novo á súa beira en Tebas para reparar o mal causado, Edipo morre nos camiños acabando co sufrimento que lle infrinxiron os deuses pero coa certeza de que deixa esta vida coma un home recto e xusto.

Manuel María conserva no seu drama a moitos dos personaxes principais deste episodio mítico, sitúaos no mesmo escenario, a cidade de Tebas, e mesmo inclúe un coro cunha función moi semellante á que tiña na traxedia grega clásica. A pesar das licencias, mantén un alto nivel de fidelidade ao relato dos orixinais nun fluído diálogo co teatro de Sófocles que non pasa por alto as achegas dos seus intermediarios, aos que seguro que o autor tivo tamén acceso. O resultado é soberbio, malia a humilísima opinión do autor:

Ao reler, despois de tantos anos, esta humilde obra da nosa autoría – é abismal a grandeza do mito comparado coas nosas escasas forzas e saberes – case nos resulta unha descoñecida e máis inconsistente e pobre do que nós coidabamos. Se a deixamos ir polo mundo adiante débese a que xa cumpriu a súa maioría de idade, ao teimoso empeño de bos e xenerosos amigos de ollala en letra impresa e a que quizais sexa testemuño dunha época aínda non moi afastada en que a nosa literatura se desenvolvía de xeito heroico e practicamente na clandestinidade e indiferenza.

O valor literario do Edipo de Manuel María é altísimo como se testemuña nestas derradeiras liñas e como se pode deducir sendo quen é a pluma detrás da súa elaboración e tocando os temas que toca nun galego que aínda hoxe está lonxe de gozar da situación merecida. Invito a calquera que hoxe e sempre se marabille cos versos de Manuel María a descubrir esta obra inxustamente relegada a un apartado de “obra menor” do seu autor, un autor moito máis versátil do que a información institucional está disposta a recoñecer. Como aperitivo, o parlamento de Edipo na segunda escena do acto segundo:

Dende entón ben tristeiro é o meu destino. Andar de lugar en lugar contando historias que narran as fazañas dos heroes ou facendo rir á xente cos meus versos picarescos en que boto todo o meu amargor. Xa non sei para que vivo. Só me ten de pé o amor e a fidelidade de Antígona. Creonte, cando me ollou caído, botoume da cidade. Negoume o anco máis cativeiro que nin a un can se lle nega. Mais eu fun Rei. Eu non fun nado para esta vida de vagamundo... Para que fun nado eu...? Calquera sabe! Do que non teño dúbida é de que fun nado para sofrer. Agora teño saudade do que fun. Do que puidera ser se as cousas acontecesen doutro xeito. Mais eu non fun dono dos acontecementos. Os acontecementos foron sempre os meus donos, os que me gobernaron, os meus señores. Tiveron máis forzas que as que eu tiña. E vencéronme. Era natural. Nada puiden facer máis que o que fixen: cegar coa miña man os meus ollos para non ollar tanto arrepío. A miña vida é arrepiante. A min mesmo me pon medo. Dicídeme, deuses inmortais, que non sofredes, que andades gastando o voso vagar no Olimpo a xogar cos sofrimentos dos mortais: Por que non me matades? Por que non me tirades a vida? Por que vos compracedes ollando, con ollos que eu non teño, esta miña vida noxenta e miserábel? Aínda non vos semella dabondo? Aínda teño que sofrer máis coitas e novas aldraxes? Deica cando? Por que non me rematades dunha vez e para sempre? Por que non poñedes forza no meu pulso para me matar eu pola miña man? Non abonda xa? Queredes ademais de ollarme cego e vello, ollarme tamén louco?

Feliz día das letras galegas.

E lembrade, seguimos precisando a lingua se queremos vencer.

luns, 11 de abril de 2016

(Non) Viñemos dos reptilianos...

Despois dun mes e pico de repouso relativo e penitencias varias, retomo ao vicio este de mover os dedos compulsivamente contra os botonciños da computadora para parir chorradas. E volvo do meu “retiro espiritual” para queixarme un pouco, espero que con algo de razón, dun temiña que me ten un pouco farta. E non, non vou falar do desgoberno do estado, nin dos papeis de Panamá nin da “peixeirofobia” de Félix de Azua, por moita tela que traian calquera desas cuestións.

Non creo que chegara a admitilo nunca nestas liñas, pero na miña sempiterna tolemia, a miña afección (máis ben profundo amor) pola cultura clásica transcendeu ao ámbito académico nun momento determinado da miña vida. Si, formo parte desa case extinta lexión de parasitos e nerds que un día condenaron a seus pais a pagharlles unha carreira que os vai levar de cabeza ao paro na tecnocrática sociedade actual: Filoloxía Clásica. Aínda que non era máis ca un pexegho de 18 anos, era moi consciente da lameira na que me estaba metendo. Durante todo este tempo tiven que aguantar en cada comida familiar, quedada con amigos ou tropezos varios que se puxese a proba tanto a miña intelixencia como a miña paciencia de xeito repetido: “E iso para que vale?”, “Claro, queres ser profesora, non?”, “Pero iso non ten saídas”, “Home, saber latín e grego está moi ben pero tes que pensar en comer o día de mañá”... Pregúntome se a quen opta polas ramas máis extremadamente teóricas da física e outras disciplinas científicas de escaso rendemento empresarial se lles acosa con esta mesma letanía. Pero non me despisto: ao adentrarme neste, por outro lado, marabilloso mundo do que sigo intentando non desprenderme a pesar dos esforzos institucionais e sociais porque non quede nin un só helenista ou latinista baixo o ceo azul, vin e soportei cousas aínda máis aterradoras: que se poñan en cuestión gran parte das achegas da nosa disciplina, unhas veces por parte dos propios colegas e outras por parte de conspiranoicos de traxectoria profusa nas redes sociais.

É un debate que está en constante reactualización, internet ten esa marabillosa capacidade para sepultarte no esquecemento e logo recuperarte cunha virulencia brutal. Este vídeo aparece e reaparece cunha certa frecuencia nos grupos temáticos de Facebook dos que formo parte (case sempre como exemplo do que non se debe facer):


É case unha hora de tostón pseudoacadémico sobre a gran revelación científica do século (polo menos así é como pretenden vendérnolo): as linguas romances non veñen do latín!!! Durante séculos estivemos crendo e alimentando unha gran mentira cuxo descubrimento vai derrubar un dos principais alicerces da lingüística!!! Mi ma!!! Que ceghos estivemos e menos mal que unha señora que di que sabe latín pero logo le “macarronicamente” unha inscrición nesa mesma lingua veu abrirnos os ollos!!! Boeno, poñámonos un pouco serias e, como dicía o Señor Lobo en Pulp Fiction, “non empecemos a chuparnos as pirolas”. O vídeo de 57 minutacos protagonízano unha tal Alicia Ninou, que se define como xornalista independente sen filiacións ideolóxicas ou relixiosas de ningunha clase sen máis interese que chegar á verdade (a súa páxina web títulase Time For Truth, todo moi elocuente); e a entrevistada Carme Jiménez Huertas, presentada como escritora e filóloga especializada en lingüística e tecnoloxías da lingua. Aínda que o título (No venimos del latín) nos tira xa un pouco “pa’ tras”, podemos pensar que tampouco son dúas ignorantes sen máis e que pode valer a pena polo menos ver se defenden a premisa con argumentos máis ou menos convincentes. Pois resulta que non. A entrevista convértese nunha lección maxistral construída sobre afirmacións insultantes e ridículas, o cal ten aínda máis delito cando a entrevistada afirma sen pudor que a gramática histórica inventa todo tipo de explicacións rocambolescas sobre a evolución das palabras do latín ao romance para forzar o seu encaixe na premisa de partida, entre outras perlas. Para a señora en cuestión (que ten libro e todo sobre a historieta esta), o ibérico é a nai de todas as cousas aínda recoñecendo que está sen descifrar, os romanos non falaban en latín (WTF?) e “la gente no esperó a que vinieran los romanos para aprender a hablar” (claro, a lingüística indoeuropea é un recreo que non está aí para explicar gran parte do que houbo antes, porque ninguén nega que houbese algo antes aínda que non se saiba con exactitude que era ese algo). Ah, e por suposto, o sistema académico é unha organización escura e sectaria tomada por mentes perversas e retorcidas que non queren que saiba a verdade. Grosso modo, esta é a mensaxe que se nos traslada.

Realmente o que me cabrea non é que se poña en tela de xuízo todo isto, senón que se faga así, sen que existan evidencias palmarias que permitan contestar o que dende hai moito é aceptado como feito, cunha total falta de rigor, recorrendo a un argumentario tan falaz e terxiversando a información ata límites insospeitados. E todo iso, presumindo de que se é filóloga e falando coma se se estivese enfrontando á santa inquisición da Academia. Mais as teorías da conspiración non rematan aquí:


Sobre este si que non vale a pena facer moitos comentarios, porque antes de chegar ao minuto 1 xa nos damos conta de que non imos sacar nada en limpo. Todo moi digno dun Cuarto Milenio serie Z. Eu quero o que fumou este señor, que non é filólogo, nin físico nin nada que se lle pareza pero desenvolveu el soíño unha “teoría do todo”. Iso si, as risas que botas, non hai mastercard que as paghe...

E por último, e xa paro porque me podo sobresaturar con tanto intrusismo aborregado, está este “majete” que copia e pega do primeiro vídeo cunha retórica un pouco menos académica...


Vale, seguramente ao común dos mortais lles pase coa orixe das linguas romances o que lle pasaba a Pepe Rubianes coa unidade de España (en serio fai falta recordalo?), mais creo que vale a pena traer estas cousas a un blog en principio máis lúdico por unha cuestión fundamental. Nos últimos anos semella que o coñecemento humanístico está moi limitado pola súa metodoloxía e alcance e sobrepasado pola súa beleza. Moitos coinciden, cunha positiva falsidade, en que o latín e o grego son linguas moi bonitas, que disfrutaron moito lendo a Homero e que a historia de Roma é apaixonante. E todo isto só é un pasatempo delicioso do que non cabe esperar nada máis, e non é así. Considero que calquera dos tres exemplos antes expostos desminte o argumento de que somos prescindibles. É máis, nunca fomos tan necesarios. Nesta novísima era na que xa acadamos o mañá, na que só estamos a un click de acceder ao saber e na que se nos implantou a conciencia de que nos enfrontamos a grandes retos, nós aínda temos algo que dicir. Temos algo que dicir aos lexisladores que nos queren condenar ao ostracismo educativo, temos algo que dicir aos profetas do posmodernismo que tanto che poden dicir que Darwin papaba estramonio como que viñemos dos reptilianos, temos algo que dicir tamén ao acomplexado mundo académico, ás universidades e centros de investigación que cada vez se encerran máis en si mesmos e se senten tan a gusto no gueto; temos algo que dicir a toda a xente que nos recrimina a nosa condición de filólogos coma se fosemos fósiles dun tempo que xa non existe, temos algo que dicir a todos aqueles que permanecen presos da súa propia ignorancia e pretenden que formemos parte desta estulticia tecnócrata na que se converteu o mundo.

 Os que descoñecen este mundo non se fan unha idea, nin sequera remota, do que aínda queda por facer. Hai tantos textos sen traducir, tanta literatura, tantos achados arqueolóxicos por investigar, tan inxente legado por preservar e coñecer... Que todo isto non valla para arranxar unha billa non quere dicir que non sexa “útil”. Dende logo, alguén debe facelo, é posible que non precisemos unha fornada de 200 filólogos clásicos en cada promoción (de feito, non os precisamos) pero si seguimos estando moi necesitados deses 20 ou 25 valentes que lle botan ovarios e collóns e case coma os espartanos das Termópilas, tendo todo e a todos en contra, deciden que queren dedicarse a isto, deixar atrás o vitimismo que incluso nos inculcan os nosos propios mestres e encararse con este mundo hostil facendo valer unha profesión e un modo de vida tan aceptable e respectable coma outro calquera. Talvez esta apoloxía sexa indigna da miña amada vocación e estea pedindo a berros o meu groliño de cicuta coma Sócrates, mais penso que o que defendo non é pouco razoable (se cadra limitado e mesmo tópico pero non sen razón).

“Si, si, un discurso moi bonito pero todo isto para que segue servindo?” Pois entre outras cousas para que poidas defenderte dos que pretenden que tragues con iso de que viñeches dos reptilianos...

xoves, 3 de decembro de 2015

“Os persas”, de Esquilo


Coa que está caendo, a maioría dos opinadores profesionais dos internetes e demais medios de comunicación masivos adoitan e prefiren poñerse solemnes, pedantes, moralistas, aleccionadores e estupidamente rimbombantes. Talvez o que eu considerei oportuno facer a propósito dos recentes e fatais acontecementos nunha e outra parte do mundo non sexa mellor que todas esas grandes contribucións á estulticia humana (selfie de Herrera incluído), pero vaime permitir, polo menos, desmarcarme un pouco de toda esta fauna, aínda sabendo que a morte e o terror nunca poden deixar indiferente a ninguén por moita sensatez que unha intente poñerlle ao asunto.

            Xa levo feito varios posts queixándome sen moito paliativo da degradación da miña especie, que semella que pola súa propia natureza tende á autodestrución. Por iso considero innecesario e irrelevante seguir repetíndome na obviedade de que estamos tolirmos da cabeza e que isto non vai nin pode acabar ben, de modo que busquei refuxio na literatura, o único invento humano no que sigo confiando plena e cegamente. O que ocorreu fíxome volver a miña mirada á historia, á traxedia e a Esquilo. Dun xeito case inconsciente, aínda que non inocente, posto que non hai moito que tiven que reler Os persas por outros motivos máis académicos. E o certo é que non se me ocorre mellor momento para recomendar a súa lectura ca este.

            Corría o ano 472 a.C. Atenas ferve nun ambiente de euforia que non se pode comparar a ningún outro momento anterior na historia. A derrota do inimigo bárbaro nas Guerras Médicas é un feito e a cultura de celebración que xorde arredor dese fito deixa unha notable pegada artística que, afortunadamente, chega aos nosos días como monumento para o noso disfrute pero tamén como documento para dar coas claves do que foi. E a traxedia tamén se suma a esta cultura de celebración dun xeito insólito, posto que cando este xénero decidira tomar como referencia para as súas tramas feitos do pasado recente e non do pasado mítico e heroico sempre fracasara. Claro exemplo é o de Frínico e a súa Toma de Mileto, que por desgraza non conservamos e, segundo nos conta Heródoto, fixo que o auditorio horrorizado botase a chorar sen moito consolo. Porén, o momento era excepcional e Esquilo, o máis grande traxediógrafo do seu tempo e do que conservamos sete obras magníficas obras, decide poñer o seu (enorme) gran de area coa traxedia Os persas, na que se narran as consecuencias da vitoria helena e a derrota aqueménida en Salamina dende o curioso punto de vista dos vencidos. E digo curioso porque falamos dun autor grego dando voz aos persas, aos bárbaros, aos que perderon, polo que se entende xa sen comezar a ler que os protagonistas da historia non saíron moi ben parados.

            Os persas de Esquilo comeza dun xeito moi canónico a pesar de ser unha traxedia que aínda hoxe en día lemos como esa rara avis do seu xénero por facer referencia a un acontecemento real e moi presente na memoria colectiva dos atenienses. O coro é case omnipresente, coma en todas as traxedias deste autor, e ese mesmo coro é o que presenta a historia ao auditorio, citando un por un aos grandes caudillos da expedición persa en Grecia e loando ao exército comandado polo rei Xerxes, cuxo éxito ou fracaso aínda se descoñece. Nisto, aparece a raíña (sempre se deduce que é Atosa, a esposa do anterior rei Darío, pero nunca se chega a utilizar ese nome na obra), inquieta por un soño no que ve de forma alegórica a caída do seu fillo Xerxes na batalla de Salamina, algo que lle confirma un mensaxeiro que anuncia que os persas foron derrotados. Mais Xerxes logra sobrevivir, aínda que iso non  minimiza o desastre, logo aínda máis amplificado pola aparición da sombra do rei Darío, unha pantasma que no diálogo coa raíña condena a ousadía do seu fillo no seu afán expansionista (Xerxes utiliza todo tipo de artificios para cruzar o estreito que separa o Imperio Persa da Hélade e iso na obra considérase un soberbio acto de ὕβρις). Cando a pantasma de Darío se esvaece, entra en escena un Xerxes esfondado e humillado, coas roupaxes desfeitas e o orgullo ferido, momento álxido dunha obra que acaba cos lamentos do rei vencido e o coro de anciáns persas.


            Vale, e aghora pensaredes que raio ten que ver todo isto coa situación actual e co que está a pasar en Francia, Siria, Túnez, Líbano, etc. Moitos dirán que o do choque de civilizacións é un exercicio de “buenismo” máis que superado e a cousa que non vai de dicotomías cando o terrorismo (ergo, uns poucos fundamentalistas que só pensan en dinamitar todo tipo de liberdades) se enfronta á “civilización” (a democracia capitalista tal e como a entendemos por aquí). Eu digo que nin tanto nin tan pouco. Evidentemente, négome a poñer a miña sociedade e o meu estilo de vida á altura duns fulanos que están tronadirmos da cabeza e que non teñen ningún reparo en matarse e levarte por diante. Pero tampouco quero eludir outras responsabilidades que se sitúan no meu lado pero que non por iso son nin considero miñas. Os terroristas non entenden de nacionalidades, nin de causas, nin de xustiza. Pero ese ente que chamamos Occidente de forma moi etnocéntrica tamén precisa unha némese, simbólica e a ser posible real. E iso é o que vén de antigo e ese é o foco de actualidade que sigo vendo na traxedia de Esquilo.

            O que quero dicir con esta reflexión próxima ao siloxismo é que a raíz dos atentados que tantas conciencias sacudiron a mediados deste mes, non se tardou en demonizar ao outro nin en buscar antagonismos reducionistas a bos e malos. En definitiva, buscouse fomentar ese choque de civilizacións que moitos din que non existe pero no que acabamos caendo. Tal e como ocorreu na Atenas de Esquilo, o cal motivou a composición dunha gran obra, cunha calidade indiscutible pero cuxo fondo era claramente patriótico e supremacista. Os helenos pero sobre todo Atenas venceron. A democracia, a liberdade (ou máis ben, o que eles entendían por democracia e liberdade) e o seu modo de vivir pasaron por riba dun gran imperio bárbaro gobernado por un monarca que trataba de equipararse a un deus (moitas das consignas post mortem que oímos dos nosos políticos e cronistas rezan cousas similares). E había que lembralo. E que mellor que poñer en escena ao tirano derrotado e farrapento para que a audiencia contemplase con sorna a envergadura da súa vitoria? Pode que nós non escribamos no futuro grandes dramas cantando á derrota do noso bárbaro contemporáneo (que nada ten que ver con estes persas, seino), ou si, é cedo para saber como rematará esta historia cíclica na que todo se bipolariza e todo é susceptible de ser un inimigo, sendo imposible convivir nunha paz plena en ningún momento da nosa historia. Pero xa estamos vendo nalgunha (im)prensa moita literatura deficitaria que busca xogar ao despiste obviando a raíz do problema. Falsos e arteiros aspirantes a Simónides ou Esquilo que polo actual estado das cousas non poden celebrar nin lamentar nada e aínda así perseveran no erro.


            Por outra banda, non podo deixar de sentir algo de mágoa polos persas. Si, mágoa. Esquilo non os deixou en moi bo lugar. Nin Heródoto, nin ningún autor alleo a eles que quixera plasmar os seus costumes e modos de vida (xa non falemos de Frank Miller, con todo o atractiva que me poida parecer a súa arriscada proposta estética na novela gráfica 300). E son esas as únicas fontes que temos á nosa disposición para coñecer este fascinante pobo da Antigüidade. Seguramente non era o Imperio ideal para vivir pero como cultura tamén deixaron o seu e esa pegada (e a das culturas anteriores á aqueménida) tamén a queren borrar algúns dos que agora pululan por aí liándose a paus sempre en nome dun Alá que, se é que existe, debe estar moi ata o carallo de que lle canten vivas cos cadáveres en quente. Ese oriente opulento, maxestuoso e excesivo non tiña cabida na mentalidade grega das polis e por aquí tampouco collen na cabeza todas esas cousas que se magnifican tan rápido como estouran as bombas e se baleiran os cargadores das armas.

            Supoño que o conto non cambiou moito. Somos distintos pero non completamente desiguais, aínda nos podemos recoñecer en todo isto e iso é parte da inmortalidade dunha obra que podería non ter pasado da mera “propaganda” (utilizo este termo con cautela porque tampouco existía como tal na Antiga Grecia). O desenvolvemento da traxedia para min é soberbio e marca a senda que logo seguiría toda unha tradición de teatro histórico posterior (véxase Shakespeare, por poñer un exemplo). Un personaxe que existiu, que foi tan temido polos gregos, fictivízase como heroe tráxico que incorre en ὕβρις, condenando a toda a súa nación para satisfacción dos veciños que lle fixeron fronte. Hai momentos de poderosa intensidade dramática e solemnidade, como a aparición da ánima de Darío, símbolo da experiencia e a sabedoría do poder pero tamén voz do atenocentrismo que impera na obra, coma o mensaxeiro ou o coro nalgúns momentos. Non por iso perde esta escena na que se anticipa a caída en desgraza do seu sucesor Xerxes, que sofre nas súas carnes as fatais consecuencias do destino como calquera protagonista tráxico pese a non pertencer ao relato mítico.

            E como todo artefacto que precisa a experiencia do lector para enriquecerse e pasar a ser unha obra plena, Os persas coñeceu algunha que outra nova interpretación que dá conta da súa rabiosa actualidade. E para ledicia nosa, en galego! A mediados dos 90, Manuel Lourenzo deu forma a un monólogo cuxo título era idéntico ao da traxedia de Esquilo e no que nos volvía contar a historia pero con algunha novidade do máis sobresaínte. Unha obra breve, enigmática e de ton máis ben pacifista que lle daba un pouco a volta á historia. Mágoa que sexa case imposible de atopar fóra do ámbito académico, porque é unha auténtica delicia.

            Supoño que isto é todo o que cabe nun comentario tan amateur pero que creo que vén ao caso. Non sei se todos os que poidan ler isto o verán do mesmo xeito ca min, dubídoo (e algún seguramente pensará que a cousa está moi forzada), mais non me parece oportunista nun momento coma este revisar un clásico de tal envergadura. De seguro que iso non responde a todas as preguntas nin soluciona nada pero penso que supón unha axuda para ir entendendo algo. Évos o de sempre, procedemos dalgún sitio, tamén dos máis remotos, e ignoralo pode ser fatal. Pero boeno, se isto serve para que unha soa persoa sinta ganas de botarlle un ollo a esta traxedia, xa me dou por satisfeita. É doadiña de atopar, seghuro que buceando un pouco en internet xa se atopa unha copia, é o bo que ten ler obras sen dereitos de autor.

venres, 15 de maio de 2015

15 días repletos de eslóganes balorentos, 15 pasaxes soberbias para combatelos


Chavalada, fághome vella. A miña masa encefálica e os meus niveis de aghuante decrecen a un ritmo esaxeradamente rápido. Apagho a tele para non enervarme, abro os xornais con medo e ghomito coa literatura das redes sociais. Nada me divirte xa nestas dúas semanas de intensa campaña electoral nas que adoitaba pasalo teta. Que cambiou agora, logo, para que todo isto xa non esperte un mínimo interese en min? Pois que non cambiou nada.

Antes de que me cuspades e vos caghedes en min polo meu repugnante nihilismo anarco-pesimista carente de todo gusto estético, tratarei de xustificar mais ou menos convincentemente a miña premisa. Dende os 16 anos vivo estas épocas doutro xeito. Ao cumprir esa idade presteille máis atención a todo o relativo á res publica, intentando informarme e construírme unha opinión verdadeiramente crítica, facendo cousas tan marcianas como ler os programas electorais dos partidos e ir a todos (si, a todos) os mitins de calquera signo, color, olor e sabor político. Así mesmo, a comedia das promesas que xamais se poderán cumprir era francamente entretida e incluso daqueles momentos nos que o politiqueo vario finxía partillar ideas podía sacar algo en limpo. Nun mundo en constante movemento, as persoas evolucionan (ou involucionan). Pasan cousas. Cousas que te fan rir, chorar, replantexarte todos os teus principios morais e éticos... Vólveste máis individualista, máis esixente e máis celosa da túa integridade. Posiblemente te volvas tamén máis coñazo de persoa pero o caso é que cambias. Sen darte conta. E cambias máis radicalmente que o discurso oficial. Percátaste entón do maniqueísmo das distintas posturas e danche noxo. Non ves máis que fachada e disfraces onde antes vías ideoloxía e desenmascaras máis rapidamente aos falsos profetas (que, desgraciadamente, son o 99% do montón). Contemplas indignada e horrorizada como algúns dos que máis queres se deixan levar e acaban totalmente absorbidos por esa mestura de postureo, superioridade intelectual e desprezo do individuo e a súa contribución á sociedade. Sofres unha especie de síndrome de Pasternak (se é que tal cousa existe) e tratas de fuxir e evadirte de todo o que antes che podía infundir un certo interese. Nin sequera cres que ese sexa o camiño para vivir nun mundo mellor e pasas ao debate sobre as distintas formas de utopía (im)posibles cunha almofada que pouco entende diso e dá a calada por resposta. O día que as almofadas falen...


                         Parecéndome preocupantemente a este neno en 3, 2, 1...

Os puntos sobre das comas: todo isto non quere dicir que a política ma traia moi frouxa, nin moito menos. Aínda non cheguei a ese estadio e espero non chegar. É algo que nos compete a todos e implica un mínimo de compromiso por parte de cada un. Non vale de nada queixarse no bar se logo non se ergue a voz na praza pública ou non se vai votar. De primeiro de lóxica. Aínda que o desencanto e a decepción nos invadan como Woody Allen a Polonia despois de escoitar a Wagner, debemos participar. Libremente e sen coaccións de ningún tipo (isto tamén semella algho utópico). Pero en plena campaña o único que sinto é fastío e aburrimento de tanta lírica falsamente reivindicativa, tanta arenga entusiasta e tanta dialéctica anoxada. Por cuadriplicado, porque aghora fúndanse partidos coma quen planta patacas. A area do coliseo político anuncia pelexas sen brío, espectáculos de terceira na que os contendentes brúan e fastos caciquís sen moito opositor que os rebente.

Como todo isto xa non me enche e no curto prazo dun ano cheguei a odialo con todas as miñas forzas, nestas eleccións decidín facer a contracampaña. As enquisas non falan de min (nin falta que lles fai) pero nun exercicio de narcisismo e petulancia extrema vou darlle o suficiente bombo ás 15 cousas que me gustan máis que estes 15 días de merda nos que teremos que ver, escoitar e padecer de todo. Para iso, vou contraprogramar a literatura resesa e trapalleira dos políticos de turno, mendicantes de votos que nos bombardean coas súas fedorentas consignas todo o santo día, con boa literatura. Con literatura de verdade. Con algo que aínda nos fai humanos e vale a pena desfrutar. Coido que esta contraposición desmotivada de conceptos antagónicos non servirá absolutamente para nada pero polo menos poderei regalarme unha catarse decente antes do temido ou anhelado (depende en que partido se milite) 24-M...

Nota: todo isto estará inzado de traducións pedestres e traducións de traducións, para que me odiedes aínda máis. E vou ser aínda máis mala (aproveitando que se trata na súa maioría de obras que hai tempo que venceron a fronteira dos dereitos de autor): a ver se sabedes de quen é cada fragmento e así “estrujades” un pouco o cerebro se a megafonía ultradecibélica volo permite...


"Cando chegou á abadía, Mosén Millán estivo dúas semanas sen saír salvo para a misa. O pobo enteiro estaba calado e sombrío, coma unha inmensa tumba. A Xerónima volvera saír e ía ao carasol, ela soa, falando consigo mesma. No carasol daba voces cando cría que non podían oíla, e outras veces calaba e poñíase a contar nas rochas as pegadas das balas.

Un ano pasara dende todo aquilo, e parecía un século. A morte de Paco estaba tan fresca, que Mosén Millán cría ter aínda manchas de sangue nas súas roupaxes. Abriu os ollos e preguntou ao sancristán:
-          Dis que xa marchou o poldro?
-          Si, señor.

E recitaba na súa memoria, apoiándose nun pé e logo noutro:

-          ...y rindió el postrer suspiro
al señor de lo creado. – Amén.

            Nun caixón do armario da sancristía estaba o reloxo e o pano de Paco. Non se atrevera Mosén Millán aínda a levarllo aos pais e á viúva do morto.

            Saíu ao presbiterio e comezou a misa. Na igrexa non había ninguén, coa excepción de don Valeriano, don Gumersindo e o señor Cástulo. Mentres recitaba Mosén Millán “introibo ad altare Dei”, pensaba en Paco, e dicíase: é verdade. Eu bauticeino, dinlle a unción. Polo menos – Deus o perdoe – naceu, viviu e morreu dentro dos ámbitos da Santa Nai Igrexa. Cría oír o seu nome nos labios do agonizante caído na terra: “...Mosén Millán”. E pensaba aterrado e entenrecido ao mesmo tempo: Agora eu digo en sufraxio da súa alma esta misa de réquiem, que os seus inimigos queren pagar."

            
"Lolita, luz da miña vida, lume das miñas entrañas. Meu pecado, miña alma. Lo-li-ta: a punta da lingua emprende unha viaxe de tres pasos dende o borde do paladar para apoiarse, no terceiro, no borde dos dentes. Lo.Li.Ta. Era Lo, simplemente Lo, pola mañá, un metro corenta e oito de estatura con pés descalzos. Era Lola con pantalóns. Era Dolly na escola. Era Dolores cando firmaba. Pero nos meus brazos era sempre Lolita."
            

            "Logo do meu nacemento, o luminoso ceo volvera xa nove veces ao mesmo punto, en virtude do seu movemento xiratorio, cando apareceu por primeira vez ante os meus ollos a gloriosa dama dos meus pensamentos, a quen moitos chamaban Beatriz, na ignorancia de cal era o seu nome. Transcorrera da súa vida o tempo que tarda o estrelado ceo en percorrer cara Oriente a duodécima parte do seu grao e, polo tanto, aparecéuseme ela comezando o seu noveno ano e eu vina case rematando os meus nove anos. Levaba indumento de nobilísima, sinxela e recatada cor vermella, e ía cinguida e ornada da guisa que cumpría aos seus xuvenís anos. E digo en verdade que á sazón o espírito vital, que no recóndito do corazón ten a súa morada, comezou a latexar con tanta forza, que se mostraba horriblemente nas menores pulsacións."
            

            "Sete anos se engaden xa aos meus trinta,
            páxinas da miña vida xa arrincadas.
            E xa me salpican canos cabelos,
            Xantipa, mensaxeiros da idade da sabedoría.
            Pero aínda me agradan o son
            falangueiro da lira e as esmorgas,
            e o lume aínda fumea no meu
            corazón insaciable.
            Por favor, este mesmo colofón, Musas,
            escribídeo rápido, señoras,
            como punto final á miña loucura."
            

            "Alá atrás, Pedro Páramo, sentado no seu equipal, mirou o cortexo que ía cara o pobo. Sentiu que a súa man esquerda, ao querer erguerse, caía morta sobre os seus xeonllos; mais non fixo caso diso. Estaba afeito a ver morrer cada día algúns dos seus anacos. Viu como se sacudía o paraíso deixando caer as súas follas: “todos escollen o mesmo camiño. Todos marchan.” Despois volveu ao lugar onde deixara os seus pensamentos.

-          Susana – dixo. Logo pechou os ollos – Eu pedinche que regresaras...

... Había unha lúa grande no medio do mundo. Perdíanseme os ollos mirándote. Os raios da lúa filtrándose sobre a túa cara. Non me cansaba de ver esa aparición que eras ti. Suave, refregada de lúa; a túa boca abullonada, humedecida, irisada de estrelas; o teu corpo transparentándose na auga da noite. Susana. Susana San Juan.

Quixo erguer a man para aclarar a imaxe; pero as súas pernas retivérona coma se fose de pedra. Quixo erguer a outra man e foi caendo amodo, de lado, ata quedar apoiada no chan coma unha muleta detendo o seu ombro desosado."


"Seino todo. Canto ti poidas dicirme penseino xa eu e repetino mil veces deitado alí na escuridade... Todo iso xa o discutín comigo mesmo, ata o seu menor detalle, e seino todo! Que farto estaba xa de todo! Que farto de toda esa leria! Quería esquecelo todo e volver a empezar, Sonia! Acaso pensas que me lancei de cabeza a facer o que fixen, cegamente, coma un parvo? Ao contrario! Fun de listo e iso foi o que me perdeu! Pensas que eu non sabía, por exemplo, que, se empezaba a preguntarme: “Teño dereito ao poder?”, era sinal de que non tiña dereito a el? Ou ben que se me preguntaba: “O ser humano é unha sambesuga?”, iso xa quería dicir que para min o ser humano non é unha sambesuga. Pero si que o é aquel a quen non se lle ocorre preguntarse iso e actúa de fronte e sen vacilar? Se pasei tantos días atormentándome para decidir se Napoleón se lanzaría ou non se lanzaría adiante, era evidente que no meu interior me decataba claramente de que eu non era un Napoleón... Soportei, Sonia, a tortura de toda esa leria e quería sacudilo todo de enriba miña: Quería matar, Sonia! Sen casuística, matar para min, para min só. Non quería mentir niso, nin sequera a min mesmo! Non matei para axudar a miña nai, iso é unha parvada! Converterme nun filántropo unha vez tivese nas miñas mans os medios e o poder! Que parvada! Sinxelamente matei! Matei para min, para min só; e naquel momento dábame igual se me convertería despois nun filántropo ou se pasaría toda a vida dedicado a atrapar á xente na miña arañeira, chupándolles a todos o sangue... E o grave, Sonia, é que cando matei, non eran os cartos o que necesitaba; non necesitaba tanto os cartos coma outra cousa... Agora que o vexo... Compréndeme: é posible que, seguindo o mesmo camiño, xamais volvería asasinar. O que necesitaba era saber outra cousa, era outra cousa o que movía a miña man; daquela eu necesitaba saber – e sabelo canto antes – se era unha sambesuga coma as demais ou unha persoa. Se tería ou non forzas para franquear os obstáculos, se me atrevería a inclinarme e tomar o poder ou non. Se era unha criatura temerosa ou tiña dereito..."


"¡Desgraciado! O teu valor perderate. Non te apiades do tenro infante nin de min, infortunada, que axiña serei viúva; pois os aqueos hante acometer todos a unha e acabarán contigo. Preferible sería que, ao perderte, a terra me tragase, porque se morres non haberá consolo para min, senón pesares; que xa non teño pai nin venerable nai. Ao meu pai matouno o divino Aquiles cando tomou a populosa cidade dos cilicios, Tebas, a de altas portas: deu morte a Etión, e sen despoxalo, polo relixioso temor que lle entrou no ánimo, queimou o cadáver coas labradas armas e erixiulle un túmulo, ao redor do que plantaron chopos as ninfas Oréades, fillas de Zeus, que leva la éxida. Os meus sete irmáns, que habitaban no palacio, descenderon ao Hades o mesmo día; pois a todos os matou o divino Aquiles, de pés lixeiros, entre os bois de tornátiles patas e as cándidas ovellas. A miña nai, que reinaba ao pé do selvoso Placo, tróuxoa aquel co botín e púxoa en liberdade por un inmenso rescate; pero Ártemis, que se comprace en tirar frechas, feriuna no palacio de meu pai. Héctor, agora ti es o meu pai, a miña venerable nai e o meu irmán; ti, o meu florecente esposo. Pois, sé compasivo, queda na torre —¡non fagas a un neno orfo e a unha muller viúva!"


"Odi et amo. Quare id faciam, fortasse requiris.
Nescio. Sed fieri sentio et excrucior."

(Síntoo, este non podía traducilo, é demasiado xenial no seu idioma)


"Rezaba desesperadamente. Cada oración ía seguida doutra máis ardente. De cada vez un impulso novo o levaba a unha terceira oración. Atordoado como un borracho, experimentaba esa lixeireza do corpo que parece liberar a alma. Non se arrepentía de nada. Daba grazas a Deus por non permitir que se fose sen este viático da partida. Ela suplicáralle que quedase. El marchara á hora prevista. Esta palabra cumprida consigo mesmo confirmábao nas súas tradicións de honor e a inmensidade do seu sacrificio parecíalle que implicaba a Deus. Para mellor abstraerse de todo, cubría a cara coas súas mans que lle devolvían o perfume da carne agarimada. Non tendo xa nada máis que esperar da vida, lanzábase á morte como a un desenlace necesario. E, convencido de cumprir coa súa morte como cumprira coa súa vida, saloucaba de felicidade."


"Cara arriba flúen xa as augas dos sacros ríos;
a xustiza e todo xace por terra.
Enganosa é a alma do home e non vale
a fe na que se invoca aos deuses.
Mais a miña vida de novo terá nas historias inmensa gloria;
honrado será o sexo feminino.
Xa no haberá mala fama que pese sobre muller ningunha.
Cesarán as cancións de antigos poetas que agora
sempre insisten na miña pérfida mente.
Non nos deu Febo señor do canto,
el don da harmónica lira;
soarían se ocorrese os meus himnos contra a raza
dos homes. O tempo no seu transcurso
tantas cousas poderá relatar de nosoutras como deles.
Ti do fogar paterno navegaches
con espírito insan y a dobre barreira franqueaches
das rochas mariñas;
e habitas en terra estraña
privada de esposo e leito,
pobre de ti, e destérrante
de aquí con oprobio.
Foise o respecto dos xuramentos,
o pudor xa non é dono da Hélade inmensa; voou ao ceo.
Ti na morada paterna
non podes botar a áncora
dende o mar das túas dores
e outra raíña casa e tálamo
a quitarlle vén."


"Este vaise i aquel vaise
E todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
Que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
E campos de soledad,
E nais que non teñen fillos
E fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
Longas ausencias mortás,
Viudas de vivos e de mortos
Que ninguén consolará."










Non me miredes así, a literatura éche unha arte moi polimorfa.

Que o que queda de campaña vos sexa leve!

martes, 3 de febreiro de 2015

"Carmina", de Catulo



Hai libros que abrigan os meus soños dende a mesiña de noite perpetuamente e non coñecen o po e o esquecemento do ríxido estante. É tal a excelencia deses puñados de páxinas que relegalos a un curruncho paréceme pouco menos que unha condena e preciso telos sempre preto nese momento decisivo ao final do día no que hai moita memoria que limpar. Son eses papeis ben ensamblados os que me axudan a esquecer por un intre o retraso mental que habita de xeito intrínseco na burocracia actual, o inevitable esgotamento intelectual ao que me vexo sometida dun tempo a esta parte, a estupidez humana en xeral e outras pequenas miserias do día a día deste fedorento primeiro mundo (feito para “optimistas” de pro coma min, si). En fin, debo facer constar que son poucos os libros que gozan deste privilexio, non hai que ser moi listo para advertir certo elitismo na miña mesiña, para que o vou negar, pero a subxectividade desta lectora funciona así, orixinando unha casta bibliográfica no meu cuarto (“ba-dum, tassss!”).

Catulo entrou na miña vida un bo día que eu non souben xulgar como tal nunha das miñas primeiras clases de latín. Tanto o meu coñecemento sobre a lírica en xeral como a miña capacidade para amala aínda estaban algo tolleitas naqueles anos e a min, francamente, un fulano que dicía con todas as súas letras (en latín, claro está) a uns tales Aurelio e Furio que lles daría polo cu e pola boca (poema XVI) parecíame, polo menos, un pouco groseiro. Xa non falemos da súa calidade como autor, vamos, cuestioneime a súa entrada no canon da literatura occidental durante moito tempo e de forma insistente, escudándome nesa inxenua e ignorante pedantería que vía nos seus poemas unha mensaxe demasiado sinxela e directa como para ser elevada aos altares da literatura máis sublime, chegando mesmo a afirmar que o mundo non se perdería nada no caso de que toda a súa obra tivese ardido nunha pira inquisitorial. Pero, un par de anos máis tarde, un bo día que si souben xulgar como tal, reencontreime con Catulo nunha aula da universidade, pois o destino quixo converterme en filóloga e colgarme para sempre o sambenito moi ben levado de friki. E dende ese venturoso día, vivo con Catulo na miña mesiña.

Aprendín a adorar a este autor latino gracias á bendita labor de dúas persoas: a profesora Yolanda López (deberíase recomendar a asistencia ás súas clases igual que se recomenda unha película de cinco estrelas) e o tamén profesor Juan Antonio González Iglesias, un dos responsables de que poidamos lelo en castelán na colección de letras universais da editorial Cátedra (con comentario de José Carlos Fernández Corte, edición bilingüe de toda a obra de Catulo que recomendo “efervercientemente” aínda que o "debuxiño" que introduce o post sexa da edición de Gredos). Cito a López en primeira instancia por chegar antes, simplemente. Foi ela a que me meteu na cacholiña algunhas nocións básicas e algúns dos nomes máis relevantes da literatura latina durante o meu paso pola universidade e tamén foi a mellor comentarista que este marabilloso poeta podía merecer. Coa mesma incorrección política, coa mesma irreverencia pero tamén coa mesma mestría que caracterizan a Catulo era quen de construír unha exésese perfecta. Nunca máis esquecín o que significaba a expresión difututa mentula pero tampouco se esfumaron da miña memoria eses iambos tan incisivos nin aqueles epigramas aos que lles abonda cun pouquiño para dicir moito tan divinamente explicados para o meu (aínda hoxe) inexperto entendemento.

Supoño que poder confrontar unha tradución co latín orixinal axudou bastante, descubrir que era o que realmente se escondía detrás de cada termo ou poder acceder a eses xogos de palabras tan recorrentes en poesía e que sempre se acaban diluíndo na tradución. E aí entra en escena o segundo gran culpable do meu cambio de opinión respecto a Catulo, o seu tradutor á lingua castelá, Juan Antonio González Iglesias. Mestre cuxas leccións tamén mamei ben, escoitándoo coma se me estivese falando o mesmísimo espírito santo, González Iglesias firma unha tradución brillante. El mesmo é poeta (non descarto reseñar nalgún momento Eros es más, un poemario da súa autoría que me encantou) e iso, unido ao seu vastísimo coñecemento da lingua latina, tamén se nota. Catulo é máis complicado do que puidera parecer, mesmo cando cuspe un insulto en verso e queda tan ancho, e este tradutor é capaz de reflectir moi fidedignamente en castelán a mala hostia que inunda as súas invectivas máis feroces sen quedarse curto e sen caer na chabacanería, mantendo un equilibrio moi difícil de conseguir. Ao mesmo tempo, recréase na súa poesía amorosa, ou na imitatio do helenismo, exhibindo un estilo elegante e refinado (tamén moi equilibrado e que non cae no preciosismo baleiro) que tamén nos aproximan moi aceptablemente ao que o propio poeta debeu querer dicir en latín nun tempo e un lugar tan distanciados do lector actual.



Boeno, así foi como Catulo entrou na miña vida pero... Quen era Catulo? Prego que se me disculpe por tan caótica redacción, só tentaba transmitir a miña experiencia, que tamén foi caótica e non comezou precisamente por onde tiña que comezar. O noso autor naceu cos tria nomina de Gaius Valerius Catullus nunha Verona que durante o cuarto consulado de Cinna (tempo no que supostamente veu ao mundo) tiña moi pouco de italiana e moito de Galia Transpadana. Case non se sabe nada da súa vida e aventurarse a dar datas exactas semella temerario, mais os estudosos aceptan a hipótese de Xerónimo, quen afirma na súa Chronica que tería nacido no ano 84 a.C. A súa obra desenvolveuse arredor da influencia da tradición poética culta anterior (sobre todo Calímaco), unha tradición que abandeira unha poesía máis individualista e menos colectiva como a épica, encadrándose no grupo dos que Cicerón deu en chamar poetae novi (neotéricos), autores innovadores e entregados por completo á creación literaria, non como medio de subsistencia senón como centro do seu otium (si, éranvos algho snobs). Como case todos os poetas que teñen unha amada sobre o papel, é difícil discernir canto de ficción e canto de realidade hai nese amor tan apaixonado e tan auténtico que se trata de reflectir nun puñado de versos, pero parece plausible pensar que a Lesbia dos poemas de Catulo se correspondía cunha figura real coa que o autor mantiña unha tormentosa relación amorosa: Clodia. Morreu non precisamente cando tiña que morrer, pois segundo as limitadísimas fontes que se manexan, non tería vivido máis aló dos trinta anos. Coma sempre, movémonos na incerteza case absoluta e a data do seu pasamento oscila entre o 57 e o 54 a.C, solapándose coa datación dalgúns dos seus últimos poetas e dificultando aínda máis o acordo sobre o ano da súa morte. Actualmente conservamos un corpus de 116 poemas que a punto estiveron de non ver a luz máis alá do tempo no que foron escritos.


(Nin que o noso autor fose Paulo Coelho...)

Non é que a súa historia de amor con Clodia fora o máis acolloante que lle pasara na súa vida (ou pode que si) pero é o único dato máis ou menos certeiro da súa concisa biografía e, polo tanto, o máis digno de mención. A tal Lesbia aparece mencionada explicitamente unhas quince veces na súa obra poética (xa non contamos aquelas veces nas que se refire a ela con outros epítetos) e mola porque Catulo é tan visceral que pasa do namoramento máis ñoño ao odio máis acérrimo cunha facilidade pasmosa, así que tanto nola pode mentar para dicir que a quere moito como para desexarlle pouco menos que a morte (vamos, relación amorosa saudable onde as haxa, eh). Parece ser que Clodia, o equivalente de Lesbia fóra de Matrix, era unha muller feita e dereita, ben casada cun notable pero moi libre, máis próxima a figuras femininas revolucionarias na historia da Antigüidade como Aspasia (a amante de Pericles) que a esa muller submisa e “cero á esquerda” máis habitual naquel tempo. Semella, dada a natureza dos versos catulianos e se lle damos credibilidade á hipótese de que Clodia e Lesbia son a mesma persoa, que a amada de Catulo ía e viña coma o vento, e tanto lle entregaba o seu corpo e alma a el en exclusiva como ía repartindo agarimo máis ou menos casto por aí adiante. Ese é o motivo da esquizofrenia poética que observamos simplemente pasando do poema VII (Preguntas, Lesbia, cantos bicos teus / me abondarían e me sobrarían [...] Tantos, tantos / bicos terás que dar cando biques / ao tolo de Catulo / que direi que me abondan e me sobran / se non poden contalos os curiosos / nin maldicilos coa súa mala lingua) ao poema VIII (Adeus, muller. Catulo fíxose duro, non te vai requirir nin suplicar [...] xa sufrirás ao ver que non te buscan / Ai de ti, muller pérfida, que vida / te agarda. Quen se vai achegar a ti? / A quen lle vas parecer fermosa?/ A quen vas querer agora? / De quen dirán que es?), por poñer un exemplo ilustrativo traducido daquela maneira e á presa por entendernos un pouco.

Hai moitos poemas deste señor que me pirran. Tanto dos "malfalados" como dos máis "fisnos". A escolma enteira de Carmina é unha das mellores obras poéticas que tiven a honra de ler nesta curta vida pero o formato manda e debo escoller un único poema para pechar e redondear este aborto de introdución á poesía catuliana. Quen me coñece (de verdade) sabe de sobra cal será ese poema (motivo último polo que fago este post) e maxime agora, que no medio das miñas recentes investigacións máis ou menos académicas descubrín que este poema que poñerei a continuación conta coa súa tradución ao galego a cargo de Andrés Pociña e Aurora López, poema incluído nunha obra recompiladora de distintas traducións de clásicos ao galego titulada Do amor e da literatura, que tamén recomendo con grande fervor. A escolla non é doada... Ou si?

Vivamos, miña Lesbia, e amémonos
e os contos dos adustos vellos
que nos importen un can todos xuntos.
O sol pode morrer e rexurdir decote;
nós, tan pronto morra esta breve luz,
temos que durmir unha noite perpetua.
Dáme beixos mil, despois un cento,
despois outros mil, despois outro cento,
despois ata outros mil, despois un cento.
Despois de darnos moitos milleiros,
romperemos a conta, para non sabelos
ou que ningún perverso nos bote meigallo
se sabe que tantos foron os beixos.

        Como xa lle vai sobrando pedantería a este panfleto, deixo un enlace por aquí para quen lle interese aproximarse a iso dos latíns para comprender mellor a Catulo (si, é do wikisource, non me xulguedes!) e animo a botarlle unha ollada aos "yutubes" porque hai de todo.