luns, 18 de maio de 2015

O día despois...


            Pasou o día e todo segue igual.  A avogacía do demo abre as súas portas para anunciar que non foi para tanto. Non foi tan traumático. Ou iso quero crer.

            Recordo poucas festividades de exaltación do patrimonio cultural propio tan controvertidas coma a de onte. Máis ben, non recordo ningunha. Aínda así, semella que a campaña electoral tivo aos principais baluartes da loita contra o oficialismo lingüístico e literario da nosa terra o suficientemente lobotomizados como para non facer moito ruído ao respecto. Non houbo boicot porque tocaba mítin, supoño. Pese a todo, houbo tensión e varios “tuits” urticantes que, por uns minutos, intentaron incendiar a celebración do Día das Letras Galegas (o único día no que se xulga necesario defender a nosa lingua, polo visto) e a dedicatoria ao homenaxeado deste ano 2015: Xosé Filgueira Valverde.

            Intentarei poñerme ultra-analítica para non provocar malentendidos e porque creo a ocasión o merece, xa que a cuestión é o suficientemente peliaguda como para que nos paremos un chisco a reflexionar sobre ela. O nomeamento de Filgueira Valverde como homenaxeado do Día das Letras pasou por riba de nomes de certa sona e relevancia que se consideraron “superiores” ao do candidato finalmente escollido e por riba doutros que nin sequera foron propostos nin tomados en consideración. É posible que outros o merecesen antes que el e tamén podo considerar probable que el o merecese antes que outros. Por que non? Mais, con tanto erudito morto ás nosas costas, non debería resultarnos estraño que a arbitrariedade mande nunha decisión anual tan agardada (obviando o pequeno detalle de que é algho triste que teñas que botar un mínimo de dez anos no nicho para que che recoñezan a túa labor en defensa ou cultivo da lingua galega, pero xa me meterei nese “freghado” noutro momento).

Nunca chove a gusto de todos pero neste caso foi aínda máis heavy. Tratábase dun destacado autor en lingua galega, si; un fulano que demostrou un certo compromiso co idioma, vale; un señor destes que tanto che escribía un tratado sobre costumes, historias e demais “batallitas” como che botaba a andar un proxecto editorial galego e en galego en plena posguerra. Pero tamén foi político. E non un calquera. Foi alcalde de Pontevedra durante o franquismo, o mesmo que se cebou coa nosa fala e coa nosa cultura durante esa Longa Noite de Pedra que a veces semella que aínda está por rematar. As institucións encargadas de tal designación non tardaron en ser ferozmente sinaladas co dedo por mostrar certa condescendencia con esa mancha no historial vital do tal Filgueira. Vaia cocho colaboracionista! Que vergonza! Indignante que a RAG lle vaia conmemorar nada a ese fulano! De pouco lles serviu aos que esgrimiron amables sentencias do estilo destas que se lles lembrase a importante achega que supuxeron os volumes de Adral ou Bibliófilos Gallegos, por poñer algúns exemplos. E pode ser comprensible. Pero, como ben recordou Manuel Rivas nun artigo xa vello publicado na revista Luzes a propósito da designación de Filgueira Valverde, Platón tamén estivo en Siracusa. E ninguén lle foi pedir contas a Platón, engado eu.

Suponse que o 2015 debe pasar a historia coma o ano no que a RAG e os seus acólitos tiveron a valentía de recoñecer a labor dun persoeiro non vencellado a todas aquelas correntes ideolóxicas coas que se relaciona a miúdo a defensa do galego. É máis, suponse que tiveron a ousadía de recoñecer a alguén que formou parte activa dun réxime que por pouco nos afoga na lama sen que iso impedise a súa redención como destacado literato e estudoso das nosas letras. Dende o meu punto de vista, debería ser positivo e un saudable exercicio de madurez como pobo e como entidade cultural que busca un lugar consolidado no mundo, recoñecermos que non todas as grandes figuras da nosa lingua e literatura son modelos. Hai que ser un referente moral, ideolóxico e político para ser un bo escritor e viceversa, un bo escritor debe erixirse nunha indiscutible referencia moral e ética? Probablemente non. Ou pode que si. Mesmo os que dalgún xeito consideramos modelos sen fisuras, teñen algunha lagoa na súa vida e obra. Para min, ese é o erro de base. Erro que tivo como fatal consecuencia unha notable falta de entusiasmo por celebrar o Día das Letras deste ano. Mais, como sucede en todo, hai moita hipocrisía ao respecto, xa que “o vello profesor”, como nalgúns círculos se coñecía a Filgueira Valverde, non é o primeiro nin será o último personaxe distinguido das nosas letras cuxa vida e traxectoria se poñen en cuestión. Porén, a memoria é fráxil e a ignorancia altamente atrevida.

O caso é que ao final, non foi para tanto. Seguimos aquí. Sendo galegos por obra e gracia do idioma, como sabiamente acuñou Castelao. Lembrar as pifias e virtudes de Xosé Filgueira Valverde non resultou ser a apocalipse final e a cabeza de Alonso Montero non rodou. Despois de darlle moitas voltas, a miña conclusión é que claramente había outros que o merecían máis que o homenaxeado deste ano. Sen dúbida, pois cada unha ten os seus gustos e preferencias. Pero este ano, no que pode que se buscase de forma un pouco torpe e forzada unha especie de reconciliación, tocou enxalzar o legado dun intelectual galego que nun momento da súa vida se adheriu á estrutura dun réxime totalitario que nos mexou moitirmirmo por riba.

Valoraría moi positivamente, polo tanto, que a tan deostada academia demostrase a mesma valentía (ou facilidade, depende de como se mire) que quixo mostrar este ano, nomeando para o vindeiro ou nos seguintes a outro gran intelectual sen cuxa achega non se entende a conformación do canon da literatura galega actual e que, dende un ámbito diametralmente oposto ao de Filgueira Valverde, tamén traballou arreo pola lingua. Figura senlleira dunha realidade lingüística incómoda, destas que proe e que, podendo gustar máis ou menos está aí e forma parte da historia da nosa lingua. Si, estou falando de Ricardo Carvalho Calero (como imaxino que a el lle gustaría ser coñecido), o eterno rexeitado por aqueles puristas para os que, máis que nunca, o idioma segue sendo unha cuestión política. Filgueira pode valer pero seguramente tamén era máis doado. E iso tampouco mola.

A ver con quen a lían o ano que vén. Sexa quen sexa, que iso non nos quite o noso orgullo nin os azos necesarios para seguir mantendo viva a nosa lingua. Todos os días do ano.

venres, 15 de maio de 2015

15 días repletos de eslóganes balorentos, 15 pasaxes soberbias para combatelos


Chavalada, fághome vella. A miña masa encefálica e os meus niveis de aghuante decrecen a un ritmo esaxeradamente rápido. Apagho a tele para non enervarme, abro os xornais con medo e ghomito coa literatura das redes sociais. Nada me divirte xa nestas dúas semanas de intensa campaña electoral nas que adoitaba pasalo teta. Que cambiou agora, logo, para que todo isto xa non esperte un mínimo interese en min? Pois que non cambiou nada.

Antes de que me cuspades e vos caghedes en min polo meu repugnante nihilismo anarco-pesimista carente de todo gusto estético, tratarei de xustificar mais ou menos convincentemente a miña premisa. Dende os 16 anos vivo estas épocas doutro xeito. Ao cumprir esa idade presteille máis atención a todo o relativo á res publica, intentando informarme e construírme unha opinión verdadeiramente crítica, facendo cousas tan marcianas como ler os programas electorais dos partidos e ir a todos (si, a todos) os mitins de calquera signo, color, olor e sabor político. Así mesmo, a comedia das promesas que xamais se poderán cumprir era francamente entretida e incluso daqueles momentos nos que o politiqueo vario finxía partillar ideas podía sacar algo en limpo. Nun mundo en constante movemento, as persoas evolucionan (ou involucionan). Pasan cousas. Cousas que te fan rir, chorar, replantexarte todos os teus principios morais e éticos... Vólveste máis individualista, máis esixente e máis celosa da túa integridade. Posiblemente te volvas tamén máis coñazo de persoa pero o caso é que cambias. Sen darte conta. E cambias máis radicalmente que o discurso oficial. Percátaste entón do maniqueísmo das distintas posturas e danche noxo. Non ves máis que fachada e disfraces onde antes vías ideoloxía e desenmascaras máis rapidamente aos falsos profetas (que, desgraciadamente, son o 99% do montón). Contemplas indignada e horrorizada como algúns dos que máis queres se deixan levar e acaban totalmente absorbidos por esa mestura de postureo, superioridade intelectual e desprezo do individuo e a súa contribución á sociedade. Sofres unha especie de síndrome de Pasternak (se é que tal cousa existe) e tratas de fuxir e evadirte de todo o que antes che podía infundir un certo interese. Nin sequera cres que ese sexa o camiño para vivir nun mundo mellor e pasas ao debate sobre as distintas formas de utopía (im)posibles cunha almofada que pouco entende diso e dá a calada por resposta. O día que as almofadas falen...


                         Parecéndome preocupantemente a este neno en 3, 2, 1...

Os puntos sobre das comas: todo isto non quere dicir que a política ma traia moi frouxa, nin moito menos. Aínda non cheguei a ese estadio e espero non chegar. É algo que nos compete a todos e implica un mínimo de compromiso por parte de cada un. Non vale de nada queixarse no bar se logo non se ergue a voz na praza pública ou non se vai votar. De primeiro de lóxica. Aínda que o desencanto e a decepción nos invadan como Woody Allen a Polonia despois de escoitar a Wagner, debemos participar. Libremente e sen coaccións de ningún tipo (isto tamén semella algho utópico). Pero en plena campaña o único que sinto é fastío e aburrimento de tanta lírica falsamente reivindicativa, tanta arenga entusiasta e tanta dialéctica anoxada. Por cuadriplicado, porque aghora fúndanse partidos coma quen planta patacas. A area do coliseo político anuncia pelexas sen brío, espectáculos de terceira na que os contendentes brúan e fastos caciquís sen moito opositor que os rebente.

Como todo isto xa non me enche e no curto prazo dun ano cheguei a odialo con todas as miñas forzas, nestas eleccións decidín facer a contracampaña. As enquisas non falan de min (nin falta que lles fai) pero nun exercicio de narcisismo e petulancia extrema vou darlle o suficiente bombo ás 15 cousas que me gustan máis que estes 15 días de merda nos que teremos que ver, escoitar e padecer de todo. Para iso, vou contraprogramar a literatura resesa e trapalleira dos políticos de turno, mendicantes de votos que nos bombardean coas súas fedorentas consignas todo o santo día, con boa literatura. Con literatura de verdade. Con algo que aínda nos fai humanos e vale a pena desfrutar. Coido que esta contraposición desmotivada de conceptos antagónicos non servirá absolutamente para nada pero polo menos poderei regalarme unha catarse decente antes do temido ou anhelado (depende en que partido se milite) 24-M...

Nota: todo isto estará inzado de traducións pedestres e traducións de traducións, para que me odiedes aínda máis. E vou ser aínda máis mala (aproveitando que se trata na súa maioría de obras que hai tempo que venceron a fronteira dos dereitos de autor): a ver se sabedes de quen é cada fragmento e así “estrujades” un pouco o cerebro se a megafonía ultradecibélica volo permite...


"Cando chegou á abadía, Mosén Millán estivo dúas semanas sen saír salvo para a misa. O pobo enteiro estaba calado e sombrío, coma unha inmensa tumba. A Xerónima volvera saír e ía ao carasol, ela soa, falando consigo mesma. No carasol daba voces cando cría que non podían oíla, e outras veces calaba e poñíase a contar nas rochas as pegadas das balas.

Un ano pasara dende todo aquilo, e parecía un século. A morte de Paco estaba tan fresca, que Mosén Millán cría ter aínda manchas de sangue nas súas roupaxes. Abriu os ollos e preguntou ao sancristán:
-          Dis que xa marchou o poldro?
-          Si, señor.

E recitaba na súa memoria, apoiándose nun pé e logo noutro:

-          ...y rindió el postrer suspiro
al señor de lo creado. – Amén.

            Nun caixón do armario da sancristía estaba o reloxo e o pano de Paco. Non se atrevera Mosén Millán aínda a levarllo aos pais e á viúva do morto.

            Saíu ao presbiterio e comezou a misa. Na igrexa non había ninguén, coa excepción de don Valeriano, don Gumersindo e o señor Cástulo. Mentres recitaba Mosén Millán “introibo ad altare Dei”, pensaba en Paco, e dicíase: é verdade. Eu bauticeino, dinlle a unción. Polo menos – Deus o perdoe – naceu, viviu e morreu dentro dos ámbitos da Santa Nai Igrexa. Cría oír o seu nome nos labios do agonizante caído na terra: “...Mosén Millán”. E pensaba aterrado e entenrecido ao mesmo tempo: Agora eu digo en sufraxio da súa alma esta misa de réquiem, que os seus inimigos queren pagar."

            
"Lolita, luz da miña vida, lume das miñas entrañas. Meu pecado, miña alma. Lo-li-ta: a punta da lingua emprende unha viaxe de tres pasos dende o borde do paladar para apoiarse, no terceiro, no borde dos dentes. Lo.Li.Ta. Era Lo, simplemente Lo, pola mañá, un metro corenta e oito de estatura con pés descalzos. Era Lola con pantalóns. Era Dolly na escola. Era Dolores cando firmaba. Pero nos meus brazos era sempre Lolita."
            

            "Logo do meu nacemento, o luminoso ceo volvera xa nove veces ao mesmo punto, en virtude do seu movemento xiratorio, cando apareceu por primeira vez ante os meus ollos a gloriosa dama dos meus pensamentos, a quen moitos chamaban Beatriz, na ignorancia de cal era o seu nome. Transcorrera da súa vida o tempo que tarda o estrelado ceo en percorrer cara Oriente a duodécima parte do seu grao e, polo tanto, aparecéuseme ela comezando o seu noveno ano e eu vina case rematando os meus nove anos. Levaba indumento de nobilísima, sinxela e recatada cor vermella, e ía cinguida e ornada da guisa que cumpría aos seus xuvenís anos. E digo en verdade que á sazón o espírito vital, que no recóndito do corazón ten a súa morada, comezou a latexar con tanta forza, que se mostraba horriblemente nas menores pulsacións."
            

            "Sete anos se engaden xa aos meus trinta,
            páxinas da miña vida xa arrincadas.
            E xa me salpican canos cabelos,
            Xantipa, mensaxeiros da idade da sabedoría.
            Pero aínda me agradan o son
            falangueiro da lira e as esmorgas,
            e o lume aínda fumea no meu
            corazón insaciable.
            Por favor, este mesmo colofón, Musas,
            escribídeo rápido, señoras,
            como punto final á miña loucura."
            

            "Alá atrás, Pedro Páramo, sentado no seu equipal, mirou o cortexo que ía cara o pobo. Sentiu que a súa man esquerda, ao querer erguerse, caía morta sobre os seus xeonllos; mais non fixo caso diso. Estaba afeito a ver morrer cada día algúns dos seus anacos. Viu como se sacudía o paraíso deixando caer as súas follas: “todos escollen o mesmo camiño. Todos marchan.” Despois volveu ao lugar onde deixara os seus pensamentos.

-          Susana – dixo. Logo pechou os ollos – Eu pedinche que regresaras...

... Había unha lúa grande no medio do mundo. Perdíanseme os ollos mirándote. Os raios da lúa filtrándose sobre a túa cara. Non me cansaba de ver esa aparición que eras ti. Suave, refregada de lúa; a túa boca abullonada, humedecida, irisada de estrelas; o teu corpo transparentándose na auga da noite. Susana. Susana San Juan.

Quixo erguer a man para aclarar a imaxe; pero as súas pernas retivérona coma se fose de pedra. Quixo erguer a outra man e foi caendo amodo, de lado, ata quedar apoiada no chan coma unha muleta detendo o seu ombro desosado."


"Seino todo. Canto ti poidas dicirme penseino xa eu e repetino mil veces deitado alí na escuridade... Todo iso xa o discutín comigo mesmo, ata o seu menor detalle, e seino todo! Que farto estaba xa de todo! Que farto de toda esa leria! Quería esquecelo todo e volver a empezar, Sonia! Acaso pensas que me lancei de cabeza a facer o que fixen, cegamente, coma un parvo? Ao contrario! Fun de listo e iso foi o que me perdeu! Pensas que eu non sabía, por exemplo, que, se empezaba a preguntarme: “Teño dereito ao poder?”, era sinal de que non tiña dereito a el? Ou ben que se me preguntaba: “O ser humano é unha sambesuga?”, iso xa quería dicir que para min o ser humano non é unha sambesuga. Pero si que o é aquel a quen non se lle ocorre preguntarse iso e actúa de fronte e sen vacilar? Se pasei tantos días atormentándome para decidir se Napoleón se lanzaría ou non se lanzaría adiante, era evidente que no meu interior me decataba claramente de que eu non era un Napoleón... Soportei, Sonia, a tortura de toda esa leria e quería sacudilo todo de enriba miña: Quería matar, Sonia! Sen casuística, matar para min, para min só. Non quería mentir niso, nin sequera a min mesmo! Non matei para axudar a miña nai, iso é unha parvada! Converterme nun filántropo unha vez tivese nas miñas mans os medios e o poder! Que parvada! Sinxelamente matei! Matei para min, para min só; e naquel momento dábame igual se me convertería despois nun filántropo ou se pasaría toda a vida dedicado a atrapar á xente na miña arañeira, chupándolles a todos o sangue... E o grave, Sonia, é que cando matei, non eran os cartos o que necesitaba; non necesitaba tanto os cartos coma outra cousa... Agora que o vexo... Compréndeme: é posible que, seguindo o mesmo camiño, xamais volvería asasinar. O que necesitaba era saber outra cousa, era outra cousa o que movía a miña man; daquela eu necesitaba saber – e sabelo canto antes – se era unha sambesuga coma as demais ou unha persoa. Se tería ou non forzas para franquear os obstáculos, se me atrevería a inclinarme e tomar o poder ou non. Se era unha criatura temerosa ou tiña dereito..."


"¡Desgraciado! O teu valor perderate. Non te apiades do tenro infante nin de min, infortunada, que axiña serei viúva; pois os aqueos hante acometer todos a unha e acabarán contigo. Preferible sería que, ao perderte, a terra me tragase, porque se morres non haberá consolo para min, senón pesares; que xa non teño pai nin venerable nai. Ao meu pai matouno o divino Aquiles cando tomou a populosa cidade dos cilicios, Tebas, a de altas portas: deu morte a Etión, e sen despoxalo, polo relixioso temor que lle entrou no ánimo, queimou o cadáver coas labradas armas e erixiulle un túmulo, ao redor do que plantaron chopos as ninfas Oréades, fillas de Zeus, que leva la éxida. Os meus sete irmáns, que habitaban no palacio, descenderon ao Hades o mesmo día; pois a todos os matou o divino Aquiles, de pés lixeiros, entre os bois de tornátiles patas e as cándidas ovellas. A miña nai, que reinaba ao pé do selvoso Placo, tróuxoa aquel co botín e púxoa en liberdade por un inmenso rescate; pero Ártemis, que se comprace en tirar frechas, feriuna no palacio de meu pai. Héctor, agora ti es o meu pai, a miña venerable nai e o meu irmán; ti, o meu florecente esposo. Pois, sé compasivo, queda na torre —¡non fagas a un neno orfo e a unha muller viúva!"


"Odi et amo. Quare id faciam, fortasse requiris.
Nescio. Sed fieri sentio et excrucior."

(Síntoo, este non podía traducilo, é demasiado xenial no seu idioma)


"Rezaba desesperadamente. Cada oración ía seguida doutra máis ardente. De cada vez un impulso novo o levaba a unha terceira oración. Atordoado como un borracho, experimentaba esa lixeireza do corpo que parece liberar a alma. Non se arrepentía de nada. Daba grazas a Deus por non permitir que se fose sen este viático da partida. Ela suplicáralle que quedase. El marchara á hora prevista. Esta palabra cumprida consigo mesmo confirmábao nas súas tradicións de honor e a inmensidade do seu sacrificio parecíalle que implicaba a Deus. Para mellor abstraerse de todo, cubría a cara coas súas mans que lle devolvían o perfume da carne agarimada. Non tendo xa nada máis que esperar da vida, lanzábase á morte como a un desenlace necesario. E, convencido de cumprir coa súa morte como cumprira coa súa vida, saloucaba de felicidade."


"Cara arriba flúen xa as augas dos sacros ríos;
a xustiza e todo xace por terra.
Enganosa é a alma do home e non vale
a fe na que se invoca aos deuses.
Mais a miña vida de novo terá nas historias inmensa gloria;
honrado será o sexo feminino.
Xa no haberá mala fama que pese sobre muller ningunha.
Cesarán as cancións de antigos poetas que agora
sempre insisten na miña pérfida mente.
Non nos deu Febo señor do canto,
el don da harmónica lira;
soarían se ocorrese os meus himnos contra a raza
dos homes. O tempo no seu transcurso
tantas cousas poderá relatar de nosoutras como deles.
Ti do fogar paterno navegaches
con espírito insan y a dobre barreira franqueaches
das rochas mariñas;
e habitas en terra estraña
privada de esposo e leito,
pobre de ti, e destérrante
de aquí con oprobio.
Foise o respecto dos xuramentos,
o pudor xa non é dono da Hélade inmensa; voou ao ceo.
Ti na morada paterna
non podes botar a áncora
dende o mar das túas dores
e outra raíña casa e tálamo
a quitarlle vén."


"Este vaise i aquel vaise
E todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
Que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
E campos de soledad,
E nais que non teñen fillos
E fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
Longas ausencias mortás,
Viudas de vivos e de mortos
Que ninguén consolará."










Non me miredes así, a literatura éche unha arte moi polimorfa.

Que o que queda de campaña vos sexa leve!

martes, 5 de maio de 2015

O temazo da semana: “Heroes”, de David Bowie


Nun mundo sen heroes eu vou falar dalgún. Dos que aínda que só sexa por un día son reis e raíñas que poden bater aos vergoñentos que están ao outro lado do muro. Dos que se aman sen reparar nas pistolas que disparan sobre as súas cabezas. Dos que vencerán para sempre. Dos que regalaron ao mundo estas marabillosas verbas que, verquidas daquela maneira nesta nosa fala por servidora, non son máis que un torpe intento de mostrar a forza e a conmoción que nos infundiron os seus artífices.

Nun glorioso día de 1977, David Robert Jones, máis coñecido polo universo pop en xeral como David Bowie, soltou sen máis esta premisa: podemos ser heroes, só por un día. Ese nós vibrante e extasiado segue sendo, 38 anos despois, o centro dun himno que non entende de xeracións. Calquera pode identificar as súas particulares batallas e coitas persoais na súa letra, calquera se pode sentir un heroe na ducha, no coche ou no antro de turno simplemente con oír as primeiras notas do seu comezo e calquera, mesmo o máis imperturbable, pode notar o arrebato e a elevación que produce unha lírica sinxela que di moito (o que en palabras menos alambicadas vén sendo que se che poñan os pelos de punta ou que a pel se che vire de ghaliña).


A historia da música mal chamada lixeira non se entende sen a contribución decisiva de David Bowie. E a miña historia persoal tampouco, como sucede con tantos outros eruditos sen espazo nas bibliografías de referencia que detallan a vida, obra e milagres dos máis grandes da nosa humanidade máis positiva. Si, Bowie é un puto “ghuardián” e aínda que gozou de éxito e recoñecemento (aínda goza), sempre se prefire citar antes como un dos grandes a alghén máis aséptico, menos provocador, esteticamente menos rompedor, máis ortodoxo e, seguramente, menos interesante. Bowie é máis que glam supostamente baleiro coma as calorías da coca-cola (que é mentira tamén isto, eh). É autor, creador, xenio e figura. E dende aquel afortunado día de 2007 no que batín con Heroes, a miña primeira vez con Ziggy, xurei amalo para sempre.


Boeno, ao gran porque falar de Bowie en termos wikipédicos é a todas luces innecesario. Todos saben quen é este extravagante cantante británico que rompeu con todos ou case todos os códigos artísticos dende que irrompeu na escena musical aló a finais dos anos sesenta. Avancemos no tempo cara ese 1977 no que ve a luz Heroes, núcleo da chamada “Triloxía de Berlín”, composta polos álbumes Low (1977), este Heroes do que falaremos algho máis e que data do mesmo ano e Lodger (1979). Son anos produtivos para Bowie, que aínda estaba algo tibio con los ácidos, como diría algún chanante, pero que non deixa de facer importantes achegas á súa carreira. Heroes, producido polo propio David Bowie xunto con Brian Eno e Tony Visconti, está considerado por crítica especializada e público aínda máis especializado como un dos mellores álbumes da súa traxectoria, deses que deixan pegada e cuxo aniversario se celebra con sucesivas reedicións cada vez que cae en ano xusto e mallado (axiña cumprirá 40 anos, espero que nos sorprendan con algo).

Heroes contén un bo puñado de cancións memorables que ben poderían casar á perfección nas recompilacións de grandes “ghits” con Space Oddity, Starman, Life on Mars, Changes ou 1984. Neste álbum figuran o enormísimo Sons of the Silent Age, un dos meus temas preferidos de Bowie; Beauty and the Beast, un primeiro corte contundente e pegadizo; Joe The Lion, Blackout, o instrumental e case psicodélico V-2 Schneider, o perturbador Sense of Doubt e así ata un total de 10 cancións que deberon influír dun xeito ou outro en case todo o que se move no mundiño musical. Por suposto, a xoia da coroa é Heroes, tema sempre masacrado pola ditadura da concisión videoclipeira e inxustamente desleixado dalgúns dos seus espléndidos e absolutamente perfectos seis minutos e sete segundos (como se atreven...). Lanzado como sinxelo o 23 de setembro de 1977, Heroes non foi un bombazo inmediato e nas listas canónicas de medio mundo non pasou do oitavo posto. Pero, afortunadamente, isto non é Eurovisión nin David Bowie é un flor dun día seleccionado por unha canle televisiva pertencente á UER para someterse á matanza popeira por excelencia. Non, isto é o mundo real. Isto é arte. Heroes atopou co tempo o espazo que se merecía na memoria melómana colectiva e pouco importou que non fose un “namber juan” destes tipo Cadena 100, que che rebentan a cabeza todo o puto día coa mesma canción unha e outra vez.


Talvez o hipotético respectable se estea preguntando por que me gusta tanto esta canción. Podería dicir moita xente (e pese a que pertence a unha gravación de referencia na historia da música) que Heroes tampouco é para tanto. Que é unha canción repetitiva, todo o tempo a mesma milonga durante seis minutacos, o mesmo riff “ol de taim”, as mesmas consignas que non versos, o mesmo rollo motivacional que en orixe non é tal... Boeno, tamén hai xente que ousa dicir que David Bowie en xeral está sobrevalorado e tampouco os vou proscribir a todos coma se fosen votantes de VOX (só lles mandaría a Alaska cunha porra para que os esperte do seu letargo pop). É certo que o desenvolvemento do tema non é o paradigma da sorpresa e moitas veces aí está o quid, en rentabilizar (e moito) uns poucos e limitados recursos (algo similar me sucede con I Feel You de Depeche Mode, por exemplo). E sinto dicilo pero a min esa sinxeleza embriágame, dende o segundo 0 no que dá comezo vou canda esas ondas melódicas e véñome arriba coma se isto fose o anuncio desa coñecida marca de bebida isotónica no que agora sae Trevor Jones. Sempre me sucede, non son quen de describilo sen parecer gilipollas (ou candidata a protagonizar un deses anuncios desa coñecida marca de bebida isotónica, apunto como idea para publicistas), mais sempre intento que quen me lea poida facerse unha idea do que son capaz de sentir cun temazo coma este. Infrutuosamente, claro está.

En calquera caso, Heroes é unha das miñas cancións de cabeceira. Gústame o álbum completo e entendo que, como bo todo que é unha gran obra de arte, debe ser desfrutado na súa totalidade, pero aínda así permítome a miúdo o pracer culpable de desencaixar esta peza e marabillarme con ela unha e outra vez, entoándoa como o faría Ziggy, sentíndome unha heroína e sen perder a oportunidade de falar dela en canto se me presenta a ocasión. Sobran as palabras, hai que escoitalo e deixarse levar...

Este si que é un verdadeiro temaaaaaaaaaaaaaaaazo!


P.D. Me niegho en rotundo a citar cun mínimo de cariño versións deste tema. Esa que sae na peli de Godzilla dos 90 é merda pura e non aporta nada minimamente interesante, o resto son de afeccionados (moi respectable, xa o sei, pero non atopei nada amateur que me convencese nin un pouquiño) e a que realmente quería atopar, que era a proba de Dave Gahan para entrar como cantante na banda xerme do que logo sería Depeche Mode, estará inédita in saecula saeculorum. En fin. Ninguén iguala ou supera a Bowie.