Amosando publicacións coa etiqueta Bodrios entrañables. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bodrios entrañables. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de xuño de 2016

Bodrios entrañables: “Armageddon”


         Os domingos son días raros. Non te ergues antes da 1 da tarde, empatas o almorzo co xantar, botas o día en pixama engulindo chocolate... Son días nos que te mimetizas con Bridget Jones mentres agardas un milagre: que algunha canle se digne en agasallarche unha boa película para non pensar moito no luns e pasar a tarde do xeito menos traumático posible. Ben, pois hai un par de domingos houbo a mesma merda de sempre en cada recuncho da caixa tonta, agás unha honrosa excepción...

          A mediados nos anos 90 Michael Bay revelouse coma o director de cine testosterónico rebenta-taquillas definitivo. Apadriñado por produtores sen verghonza bébedos de cartos coma Jerry Bruckheimer, este cineasta nado hai pouco máis de medio século en Los Angeles acuñou un persoalísimo estilo baseado nunha narrativa tan frenética que roza a epilepsia, estética videoclipeira, unha magnificencia audiovisual en todas as súas vertentes e un particular sentido do humor que oscila entre o tópico e o meta-referencial. Todo isto case sempre aderezado cun reparto de nomes ilustrísimos. Con esta efectiva e efectista fórmula, Bay arrasou con blockbusters de acción como Dous policías rebeldes (e a súa secuela), A roca, Pearl Harbor ou Transformers, podendo así presumir de limpar o cu co que dicían os críticos das súas películas mentres se bañaba en leitugas coa cara de Benjamin Franklin. Se é que Michael Bay non saíu no anuncio Think different de Apple porque non se consolidou a tempo. Pero antes de coroarse con esta aureola de “autor” (a que che dá facer non unha, senón CATRO películas sobre os xoghetes da túa infancia), este “artihta” presentou ao mundo a súa gran obra mestra, unha space opera apocalíptica de longa duración e orzamento estratosférico que, ollo, no seu día foi nomeada a catro Premios da Academia (en categorías menores, claro). Si, mias senhores, hoxe traemos á Cólquide cine “del güeno”, ghrandemente catastrófico pero altamente entrañable e, polo tanto, raiando nesa fina fronteira que separa o sublime do simplemente tolo. Hoxe falamos de Armageddon!


            Armageddon chegou ás pantallas no verán de 1998, data na que coincidiu co seu replicante “serio” Deep Impact, proxecto apadriñado polo mesmísimo Steven Spielberg co que competiu de forma despiadada tanto no seu proceso de rodaxe como no momento da súa estrea. Os dous filmes foron bombazos en todo o mundo e volveron poñer de moda en Hollywood unha morea de clichés vencellados ao cine de catástrofes e aventuras espaciais. A gran diferenza entre ambas radica nunha cuestión de ton: mentres Armageddon é absolutamente ghamberra e esaxerada nun plantexamento imposible que desenvolve sen ningún tipo de complexos, Deep Impact intenta ser máis rigorosa, humana e cientificamente verosímil sen renunciar á súa pertinente dose de espectáculo. Obxectivamente, Morgan Freeman foi o presidente dos Estados Unidos que mellor xestionou a apocalipse pero, que raio, a loucura hecatómbica de Michael Bay é moito máis divertida de ver!

            A peli comeza a 1000 e xa nunca descenderá desa velocidade. Como Michael Bay non é un cutre, non nos obriga a ler no prólogo (case todas as películas pre- e post-apocalípticas te empachan a texto copiando moi mal a Star Wars), senón que prefire ilustrarnos cun bonito plano do planeta Terra hai millóns de anos a piques de ser destruído por un asteroide coa voz dun narrador que nos pon en situación con moita cifra cantada en ton dramático (que se o impacto foi coma o de 10000 bombas nucleares, que se o Sol non atravesou a atmosfera nun milenio) e coa profecía final de que volverá suceder. Fantástico. Morte e destrución! Michael Bay e o co-guionista J.J. Abrams (si, o mesmo que espertou a Forza o ano pasado) saben o que nos gusta...


           Os seguintes dez minutos son coma se un Aaron Sorkin degradado e desprazado do star system dos guionistas tivese que escribirlle as pelis a Roland Emmerich. Diarrea verbal técnica e militar da que non entendes nin papa mentres unha choiva de meteoritos destrúe unha nave e un satélite no espazo e arrasa Manhattan botando abaixo iconas da cidade dos rañaceos coma o edificio Chrysler, a estación central e, si, tamén as Torres Xemelgas do World Trade Center. Bay márcase o seu particular 11-S mentres un taxista berra que Saddam Hussein está a bombardealos. Con dous collóns!


            Resulta que a choiva de meteoritos non era máis ca un aviso e, para ser unha película que bota as súas boas “pullitas” sobre a necesidade de seguir costeando con cartos públicos unha axencia espacial, non deixa á NASA en tan bo lugar, xa que o puñado de cerebros que traballan ás ordes de Dan Truman (Billy Bob Thornton) non conseguiron ver que se lles estaba acheghando un croiazo espacial máis ghrande que o ego de Santiago Calatrava. Só teñen 18 días antes de que un novo asteroide de apelido “destrutor total” choque coa Terra e apenas hai tempo para dar cun plan que poida salvar á humanidade. Un momento perfecto para... Viaxarmos a unha plataforma petrolífera no Mar de China!!!

            O primeiro ghran WTF da película. O mundo acábase e imos a unha plataforma petrolífera para ver costumismo hardcore: Bruce Willis (xenio e figura da función, como non!) cagándose en Greenpeace e disparándolle ao seu segundo de a bordo (Ben Affleck) despois de descubrir que está liado coa súa filla (Liv Tyler). O normal nun pai que quere o mellor para a súa filla, vamos. Algunha da xente que imos coñecendo nestes minutos (entre os que atopamos a Steve Buscemi, Owen Wilson ou o xa finado Michael Clarke-Duncan) saía vestida de astronauta no tráiler e aquí resulta que buscan petróleo. Algho non cadra. Boeno, malo será que non poidamos facer algo contra a fin do mundo con John McClane, Batman e Arwen...

            Pero en paralelo á subtrama familiar e amorosa que aporta o xusto e necesario para que a chavalada forre carpetas cos caretos de Affleck e Tyler, a NASA dá por fin coa solución “realista” que pedía o xefazo Truman: mandar un equipo de astronautas aló arriba nunha nave que aterre no asteroide, o fure ben furado para meterlle unha bomba nuclear e o rebente por control remoto. Un plan que non financiaría nin Kim Jong-Un pero que aquí se asume como perfecto. E que casualidade que o profesional máis capacitado para adestrar na nobre arte da perforación cósmica aos suicidas que accedan a facer semellante tolemia no espazo é o amantísimo pai dono dunha millonaria compañía petroleira que soluciona os problemas familiares coa escopeta...

            Pero Bruce Willis chega á NASA e ponse con todo dios coma se iso fose o Nakatomi Plaza. Como a chulo non lle gaña ninguén, non só cuestiona repetidamente os métodos e plans da axencia espacial americana (sen ser astrofísico nin enxeñeiro nin nada que se lle pareza, Bruce Willis está por encima diso) senón que consegue que lle acepten levar a toda a súa desmadrada cuadrilla de perforadores ao espazo para acabar co asteroide. Marabilloso.

            A reunión dos “reclutas” e o seu posterior adestramento a cargo do coronel Sharp (William Fichtner) compoñen os 15 minutos máis ghloriosos e surrealistas de toda a película. O propio Ben Affleck chegou a dicirlle ao director durante a rodaxe que non tiña moito sentido nin sequera para os estándares do filme que a NASA adestrase a prospectores no canto de astronautas de verdade para a misión. Podemos imaxinar como debeu ser a resposta de Michael Bay porque durante este tramo da película obséquianos cunha galería de ludópatas, depravados e drogadictos que non quererían en ningún psiquiátrico pero que para salvar o mundo ben valen.


            Despois dunha dura preparación á que as novas fichaxes do goberno americano para a seguridade nacional responden sorprendentemente ben, preparámonos para unha sesión de patriotismo pasteleiro tan habitual neste tipo de filmes pero co inconfundible selo Bay. É o momento de sacar toda a artillería pesada: o inspirador discurso do presidente, a preparación dos astronautas previo paso ao despegue dos cohetes, o tema principal da banda sonora, bandeiras americanas a esgalla, planos contrapicados, un montón de xente arredor do mundo pegada aos medios... Ideoloxía rancia metida con calzador, vamos. América ten o poder para defenderse de todo e que se note!


            Boeno, pois as lanzadeiras (que se chaman Liberdade e Independencia, “oghito”!) despegan e seguindo co plan da misión, fan unha parada na estación espacial MIR para repoñer combustible. E aquí é onde coñecemos ao mellor puto personaxe de toda a película que ben tería merecido un spin off: o coronel Lev Andropov (Peter Stormare), un cosmonauta ruso no que se compendian todos os tópicos humorísticos vinculados aos habitantes do antigo país soviético. En menos de dez minutos, Bay e os guionistas cáganse nos logros da carreira espacial rusa presentando a un cosmonauta chiflado a cargo dunha estación espacial desfasada, falta de medios e que definen literamente coma unha lata vella, escenario idóneo para que algo falle na misión e se inaugure o sinxelo e repetitivo esquema narrativo que caracterizará á película de agora en diante. Efectivamente, a repostaxe vai mal e a MIR acaba por explotar non sen que antes os nosos heroes consigan saír de aí sans e salvos (é cedo para matar a ninguén, que queda aínda unha hora boa de película).

            Para conseguir aterrar no asteroide, as naves deben ir ata a Lúa, dar a volta a toda velocidade arredor da mesma e pegarse á cola do devandito meteorito. Non vou acusar a Michael Bay de querer copiar (con anabolizantes) a mítica escena de O Imperio Contraataca na que Han Solo se mete co Falcón Milenario nun campo de asteroides. Non. Non vale a pena acusalo porque está claro que é unha copia pasadísima de anabolizantes. A lanzadeira Liberdade (a de Bruce Willis) consegue esquivar os obstáculos e aterrar pero a Independencia (a de Ben Affleck) estrélase e a metade da súa tripulación palma (entre eles Owen Wilson e un puñado de secundarios que xa nos estaban parecendo demasiado anódinos).


          Os membros do Liberdade póñense a perforar o asteroide (imaxinado por Bay como un enorme escenario rochoso neogótico) mentres vemos como Ben Affleck, Michael Clarke-Duncan e Peter Stormare sobreviven á hostia padrísima que se meteron coa súa nave e deciden facer turismo en busca da outra nave a bordo dunha especie de batmóbil cósmico equipado cun moderno taladro (e volveremos a estes personaxes cunha certa frecuencia no que queda de misión sobre todo para rirnos un pouco co ruso). Mentres tanto, Bruce Willis fai das súas no espazo. Os taladros fódense a cada pouco porque o asteroide debe estar feito de aleación de kryptonita con adamantium e dende a Terra un presidente moi mal asesorado toma a desesperada decisión de detonar a bomba nuclear sen esperar a que rematen a perforación co beneplácito do coronel Sharp. En canto Bruce Willis ve o reloxo da bomba en marcha, non o pensa dúas veces: agharra ao coronel polo pescozo cun alicates XXL e despois de poñerlle os collóns na ghorxa ponse sentimental e sóltalle un inspirador discurso que ben podería resumirse en “de min non se cachondea nin Cristo bendito e eu acabo con este asteroide aínda que sexa o último que fagha na vida”. A chulería de Willis move e conmove unha vez máis e nunha escena de máxima tensión adrenalínica desconectan a bomba.


            Despois de volvernos epilépticos e adictos ao LSD tras papar xa media hora de fotografía a azuis, verdes e vermellos (algo así como Alien con esteroides), seguimos co noso esquema narrativo de “fracaso momentáneo – momento de crise – solución instantánea”. O taladro dá cunha bolsa de gas e tanto o vehículo como o perforador que o está a manexar saltan polos aires. Alguén máis tiña que palmar, claro está. Pero despois de que o mundo asuma por fin a máxima de que a fin xa está aquí, prodúcese un Ben Affleck ex machina: o outro vehículo chega ao lugar onde os homes de Bruce Willis están traballando e póñense a furar de novo chegando por fin ao obxectivo dos 240 metros necesarios para que a explosión faga efecto.

            Peeeeeero estamos ben lonxe do desenlace feliz, pois os nosos heroes han de enfrontarse a outra dificultade engadida: un desprendemento de rochas no asteroide dana o control remoto da bomba nuclear e para detonala alguén debe quedar alí e facelo manualmente. Bótano a sortes e tócalle ao pobriño de Ben Affleck que xa non vai poder botar máis foghetes coa filla do líder de Aerosmith. Pero Bruce Willis pensa “Cooooooomoooorrr??? Este pipiolo vai quedar por riba de min morrendo por toda a humanidade e eu aquí sen facer nada???” e desconéctalle o osíxeno ao seu futuro xenro para obrigalo a entrar de novo na nave e así quedar el no seu lugar. Mentres Ben Affleck lle suplica que por favor non o faga, Bruce Willis aproveita para dicirlle que en realidade non o odia e que estará orgulloso de que case coa súa filla e máis bla, bla, bla sentimentaloide que chega varios anos e un tiro na perna tarde.


         Boeno, o caso é que Bruce Willis se sacrifica por todos nós, o asteroide rebenta nunha explosión incluso máis irreal que as de Star Wars e o resto do equipo regresa a unha Terra que respira aliviada tras rozar literalmente a apocalipse, pois non ían explosionar a bomba con tempo, ten que ser ao límite para crear a suficiente tensión. Por suposto, Ben Affleck e Liv Tyler protagonizan unha escena de reencontro de namorados a cámara lenta e vemos algunhas imaxes da súa voda (que pola pinta debeu quedar fóra da montaxe final) nos créditos mentres escoitamos a Steven Tyler berrando iso de I don’t wanna close my eeeeeeeyes. Porque si, encima, este bodrio entrañable ten outra virtude: temazo pop para o final! Unha balada de aires rockeiros composta por Diane Warren (garantía de que será o suficientemente pastelosa) e que foi nomeada ao Oscar!


            En resumo, por que esta peli mola mil? Porque ten a Bruce Willis nun dos puntos máis álxidos da súa sempiterna chulería, porque sae xente ghuapa por un lado e ghraciosa por outro, porque Michael Bay non nos dá tregua en dúas horas e pouco, porque nos ghusta o rollo apocalíptico máis que a un tonto un lapis, porque nos encanta este festival da inverosimilitude, porque hai cancionaca peghañenta ao final... Armageddon é súper, súper, súper divertida de ver, está no meu segundo posto detrás de Rocky IV (o bodrio entrañable definitivo, como me gusta lembrar sempre que podo) e debín vela en vídeo e pola tele algo así como 500 veces, sei os diálogos de memoria e pásoo teta co estilo actioner patriótico acartonado e descojonante que Michael Bay tivo a ben regalarnos a finais dos anos 90. Unha delicia para os nosos traidores sentidos que tan rápido se marabillan cunha de Haneke como se veñen a riba aplaudindo a Bruce Willis por palmar con tanto estilo. Un verdadeiro bodrio entrañable que hai que ver!

            “E, nenos, esta é a historia de como coñecín a vosa nai” (Ben Affleck aos futuros fillos que podería ter enxendrado con Liv Tyler).

mércores, 10 de xuño de 2015

Bodrios entrañables: “Mad Max: Alén da cúpula do trono”


Posters que son conscientes da súa epicidade...

Na pasada xornada de reflexión fun ver Mad Max: Furia na Estrada e constatei dúas cousas: que non é a película máis axeitada para ver coa túa parella (o que cheghan a padecer os que se xuntan a unha friki coma min...) e que outro cine de acción é posible. Vertixinosa, tola e espectacular, dá o que promete dende o primeiro minuto, recolle os mellores elementos estéticos da saga orixinal para perfeccionalos e regálanos á mellor heroína de acción da historia do celuloide, a Imperator Furiosa encarnada por Charlize Theron, quen, nun guión sinxelo (que non simplón), toma as rendas da situación, chega a ter máis protagonismo que o novo Max de Tom Hardy e serve para que se introduzan temas nunca vistos nunha película destas características (incluso cualificados de feministas, para flipar e ben). Cine de acción con maiúsculas e o mellor blockbuster no que levamos de ano cinematográfico (espero que co permiso de Star Wars: The Force Awakens, pola conta que me ten!). PERO! Non estou aquí para falar de cuartas partes que conseguen ser brutalísimas, senón de terceiras entregas anteriores da mesma saga que apestan!

George Miller, ese señor que no tráiler da Mad Max que aínda podemos ver nos cines nos é presentado como un gran visionario, efectivamente tivo unha visión. Viu un futuro apocalíptico, viu un personaxe instintivo e marxinal que acabou sendo unha icona do cine dos anos 80 e, sobre todo, viu a Mel Gibson convertido en estrela máis aló da súa Australia natal. Tras dúas películas máis que recomendables sobre a caída en desgraza e a loita pola supervivencia nun mundo hostil de Max Rockatansky (Mad Max: Salvaxes da Autoestrada e Mad Max: O Guerreiro da Estrada), Miller decidiu darlle un digno final ao seu gran antiheroe de western moderno con cheiro a gasolina nun terceiro e último filme que tiña que ser un citius, altius, fortius en toda regra. O resultado? Un catastrófico truñaco que remata coa saga da forma máis indigna posible. Todo parece indicar que a máis actual Mad Max: Furia na Estrada vén a poñer remedio a unha frustración que continuaba latente nun director que agora, aos seus setenta anos e tras un paréntese no que se dedicou ao cine infantil e familiar, conseguiu revitalizar unha franquicia morta e case reinventar un xénero que parecía condenado á sobredose de metralla visual (efectos especiais, cámaras que se moven epilecticamente) e á hipérbole baleira en xeral. Porque realmente Mad Max: Alén da Cúpula do Trono (1985) cumpre todos os requisitos para ser un bodrio entrañable destes dos que tanto me gusta falar. Así que aló imos a Negocidade a ver como se lle crava unha boa puñalada a unha serie de películas moi interesante.

Boeno, os créditos iniciais xa deberían darnos unha idea de como vai ser a cousa. Por se os primeiros compases dun tema moi pop e moi oitenteiro que crea ambiente non fosen unha pista o suficientemente evidente, no segundo 19 xa se nos dá a clave definitiva. Xusto despois de exhibir o logo dunha gran distribuidora, da produtora e do nome principalísimo da superstar da saga Mel Gibson, aparece un nome que no seu día tivo que ser unha sorpresa maiúscula: TINA TURNER! Efectivamente, a avoa do rock é a coprotagonista desta terceira entrega de Mad Max e a canción que escoitamos nestes créditos cántaa ela. Ten que ser un soño. Último capítulo dunha coñecida saga con máis orzamento e cunha diva indiscutible do pop dos 80! Isto promete! Promete ser ghloriosamente espantoso! A quen lle interese, a canción é One of the Living, un tema que só soa ben nestes créditos, a súa versión como sinxelo comercial carece dese aroma a cassette que tanto me mola.


Despois duns créditos nos que se ten a bondade de indicarnos quen fai de quen e nos que vemos que o aumento de capital serviu para contratar a Maurice Jarre como artífice da banda sonora (si, o mesmo que puxo música a todos os xoieiros do orbe despois de Doutor Zhivago), aparece un gran deserto e Max (Mel Gibson) sen o seu bólido. Agora vai nunha caravana de camelos e o seu estilismo parece un ensaio para o futuro William Wallace que o consagraría como oscarizado director. E dado que este é un mundo sen lei despois da hecatombe nuclear final e definitiva, aparece un tolo (Bruce Spence, que xa aparecía interpretando outro desquiciado papel no segundo filme da saga) nunha avioneta que non sei como voa pilotada polo seu fillo que non alcanzará os sete anos. Verosimilitude ante todo, mais isto non é o máis bizarro de todo o conxunto. Derriban a Max e róubanlle a súa caravana de camelos, o que o obriga a vagar polo deserto ata atopar un discutible oasis de civilización: Negocidade, onde transcorre o primeiro tramo do filme.

Unha vez Max (dobrado moi inapropiadamente por Héctor Cantolla na versión española, esa voz non lle pegha un carallo, se me permitides tan subxectiva observación) chega a Negocidade, intenta recuperar o seu carro en plan Manolo Escobar e os seus camelos. Nese sitio, e dada a situación de carestía e necesidade xeralizada, só vale o intercambio de bens nunhas condicións máis ou menos xustas e Max non ten nada para intercambiar, co que o gordaco que o recibe intenta botalo de malos modos coa escusa de que non vai alí a trocar nada, circunstancia que anoxa o suficiente a Max como para facer alarde das súas habilidades bélicas: dispararlle ao montón de plumas que leva un soldado neo-punk na cabeza. Y ya! Iso impresiona moghollón ao gordaco e decide levalo ante a máxima autoridade de Negocidade para propoñerlle un choio caralludo en plan mercenario.


            Logo duns interminables planos nos que se ve a miseria civilizada do lugar a través do que Max é conducido polo gordaco e outros a un simulacro cutre de Torrespaña, por fin entra en escena a verdadeira estrela da función: TINA TURNER (así, en ghrande, que para algho é estrela!). A ghran Tina encarna á Tía Ama (tradución chuluniana de Aunty Entity), unha sorte de raíña de Negocidade cuxo estilismo debeu inspirar a Beyoncés e Rihannas varias. Hoxe sería vangarda e o seu atavío ben digno de ser levado a unha gala do MET por moito que a Anna Wintour lle poida parecer unha ordinariez. O caso é que a tal Tía Ama vive nesa Torrespaña de cartón pedra dende a que controla todo o que se move e respira en Negocidade acompañada dun saxofonista cego (a mascota ideal, vamos) e explícalle a Max (despois de poñelo a proba) como chegou a construír e gobernar un sitio así. Tina cre no seu rol. Nótase. En toda a escena non deixa de actuar e moverse como a diva que é. En serio, hai algho máis pop e xenial que meter a Tina Turner en pleno apoxeo da súa carreira como cantante na túa peli post-apocalíptica? Seghuro que non!


Nin John Galliano, vamos...

            O choio caralludo de Max resulta ser o asasinato. Ten que matar a un fulano que, polo visto, é unha ameaza para a estabilidade e gobernabilidade do lugar (Aí! Eliminando sen máis miramentos á oposición! Terrorismo de estado! Vivaaa!), a cambio de provisións, combustible e demais cousas de primeira necesidade. O tipo en cuestión é un ghrandullón de moito nabo que vive peghado a un anano, xuntos forman unha unidade coñecida coma o Mestre-Golpeador (Master Blaster en inglés, matádeme, por favor!) e gobernan no chamado Submundo, onde a Tía Ama recluíu a proscritos e demais cascallos sociais a traballar arreo para dotar a Negocidade de enerxía. E como conseguen esa enerxía? Reproduzo o diálogo digno dun sketch ideado por José Luís Moreno no que se nos conta tal cousa:

-          Chamámolo o submundo, de aí saca Negocidade a súa enerxía.
-          Petróleo...? Gas natural...?
-          Porcos.
-          Refíreste a porcos coma eses?
-          Así é.
-          Unha merda!
-          De porco.
-          Que?
-      Merda de porco. [...] Todo funciona a base dun gas moi potente chamado metano. E o metano provén da merda do porco.

Vale, despois disto, os guionistas ben puideron tirarse ao Etna en erupción en plan Empédocles. Olé, olé e olé! Sen máis comentarios.


Versións posmodernas do primo de Zumosol e o anano gruñón...

Pois resulta que sen comelo nin bebelo, Max ten que matar ao Golpeador para que os que mandan en Negociadade poidan neutralizar e controlar mellor ao anano, que é o Mestre. En Negocidade tamén se poñen ata arriba de alcol e drogha no sábado noite, así que Max aproveita a circunstancia (e o feito de ver ao Mestre-Golpeador enriba do seu antigo vehículo) para meterse no lío. Pero a cousa é bastante máis cerimoniosa, xa que as leis de Negocidade ditaminan que cando dous homes teñen un desacordo, deben dirimir violentamente as súas diferenzas na Cúpula do Trono, o Pressing Catch do futuro. Unha cúpula construída cunhas poucas madeiras, na que se apelotona a xente a ver como se matan dous tíos. O recurso da violencia como frívolo espectáculo de masas sempre funciona ben e dálle calidade á película (si, claro...). Tina Turner si que sabe dar pan e circo ao seu pobo! As cousas tórcense un pouco, xa que cando Max ten a puntiño ao tal Golpeador (nunha escena de loita que ten de todo menos un ritmo narrativo acolloante), descobre que o pobre chaval é un deficiente mental atrapado nunha mole de puro músculo, así que se abranda e non o mata (de rematalo encárgase outro). Iso cabrea ben a dona Tina Turner, que o obriga a pagar por romper o seu trato xoghando a unha ruleta da fortuna que, no canto de estar presentada por Jorge Fernández, é conducida por un tipo que vai con abrigho de pel en pleno deserto e lle bota moita poesía fatalista á presentación (miña naiciña... Cantos freaks mordorianos levamos xa?). Un cadro, vamos. Nesta ruleta non che tocan coches, edredóns ou cafeteiras, non. O máis bonito que che pode pasar é que te manden ao desterro no deserto sen apenas auga e enriba dun cabalo famento (xa vos podedes imaxinar como son as outras opcións), que é o que lle sucede ao noso protagonista.


A partir deste punto, a película pega un xiro canto menos estraño e o que era unha fantasía videoclipeira post-apocalíptica coas súas pertinentes doses de pop e violencia moi sutil empeza a ser un actioner familiar con nenos! (Como se come isto?) Unha Pocahontas posmoderna recolle a Max a medio morrer no deserto e lévao a un oasis (un de verdade) onde só hai rapazada en farrapos. Pero que é isto? A antesala de Hook? Falta o neno con cresta que vai de líder! Eu a estas alturas da película xa me estou dando de ostias contra a parede e aínda non chegamos ao minuto 50. Ou iso, ou poñer a mesma cara que pon Mel Gibson mentres os nenos lle explican como chegaron alí, cara de “Dior mío, onde me metín?” Era necesario meter dous conceptos de película na mesma cinta e quedar tan anchos? Porque parece que estamos empezando a ver unha película completamente distinta e meter unha trama así de bo rollo tipo Poli de gardería en Mad Max parece que non casa.


Pero que coll... fago eu aquí?

A tribo esta de nenos e non tan nenos resulta ser o grupo de descendentes dos que sobreviviron a un accidente de avión hai tempo, non se nos di cando. E os rapaces, que teñen moita imaxinación das ánimas, montan un tinglado pseudo-relixioso arredor dun tal capitán Walker (que debe ser o fulano que pilotaba o avión) que volverá de entre os mortos ou de sabe Dios onde para guialos ao Mundo do Mañá Mañá. Si, non me trabuquei, é o Mundo do Mañá Mañá. Os cativos estes ademais fálanche dunha forma ben estraña, Tarzán ao seu lado é o paradigma da corrección gramatical. O caso é que pensan que Max é o tal capitán Walker e comeza a sentirse un pouco coma Brian cando o crucifican, só que este si que non é capaz de buscar o lado máis resplandecente da vida. Os pobres nenos quedan sen ídolo e entón unha patrulla comandada pola Pocahontas posmoderna, que non se resigna a quedar vivindo no oasis no que teñen auga e algo de vida vexetal despois da apocalipse nuclear (oligofrenias que non coñecen límites: onde se vai estar mellor tendo en conta que fóra de alí escasea practicamente todo???) trata de partir na busca dese mundo ideal que non existe. Max intenta impedilo en balde e uns poucos seguen o rastro dos que marcharon. E esa é a escusa que artellan no guión para provocar unha escisión na tribo, uns poucos marchan ao mando de Max e a inmensa maioría queda sen que volvamos saber absolutamente nada deles no que queda de película (e aínda queda un cacho).


En calquera caso, ao resto da tribo seguro que lles foi moito mellor, ou polo menos tiveron unha existencia algo máis tranquila, porque os demais van dar a Negocidade (bieeeeeen!!! Porque en ningún momento Max lles advertiu que iso era unha puta pocilga!). E non sei moi ben por que, tampouco é que quede tan claro, deciden rescatar ao Mestre (o anano este que vivía peghado ao Golpeador, por se alghén xa se perdeu) que agora está escravizado limpando merda de porco. Na factoría porcina esta da que sae luz do cu dos cochos atopan moi oportunamente os restos dun tren que tamén está moi oportunamente enganchado a unha vía que tamén moi oportunamente ten a súa continuidade máis alá de Negocidade. Moi ben. E xusto cando levamos 80 minutos dunha peli de Mad Max por fin hai unha persecución en coches!!! Aleluia! Sen tempo non foi! A ver se polo menos o final vale para algo...


Pero non, o clímax final é a estocada definitiva a unha película que non nos estaba dicindo moito, falta de acción, carente de ton e, encima, con altas doses de exposición (todo isto pertinentemente corrixido na cuarta entrega que vos sigo recomendando ferventemente). Tina Turner xa pilla o mosqueo definitivo despois de que lle leven ao anano que tan importante parece para o desenvolvemento da vida cotiá da súa cidade e saca todos os vehículos para ir de cacería polo deserto. O estilo é máis propio de Os tolos do volante que de Mad Max e con iso creo que o digo todo. No medio da fuxida na que, por suposto e como ben di quen conduce o tren, non hai plan (bieeeeeeen!!!), sucédense momentos de humor “mierder”, como un neno que empeza a mallar nun reloxo espertador cuxo son o asusta ou rapacillada que o flipa cun curso de francés en vinilo reproducido nun tocadiscos. Porque, atención, todos os trebellos deste estilo (gardados polo Mestre non sei para que) son para os nenos da tribo vestixios da “sabedoría perdida”, incluso hai por aí un boneco parlante de Bugs Bunny co que tamén alucinan. Un rollo parecido ao do Planeta dos Simios pero contado con bastante menos encanto. Porén, os malos alcánzanos e acabouse iso de pensar en iPods con telarañas. Un par de ostias, unhas pouquiñas explosións e po a esgalla ata que a historia remata onde empezou, xa que atopan aos que lle mangaron a caravana a Max e estes, así en plan redención, axudan aos rapaces e ao anano a escapar na avioneta. E que pasa con Max? Boeno, ten que perpetrar unha especie de atentado suicida para gañar tempo e, vítima dun dos recursos máis típicos do cine de aventuras, sacrifícase polo ben común! Unha última explosión, os demais logran escapar e Max queda tirado á espera de que os sicarios de Tina Turner o rematen. Pero esta rille a gracia do seu intento kamikaze (con estilo, que por algo é TINA TURNER!), perdóalle a vida e FIN!


Pensándoo ben, neste bodrio entrañable pasan demasiadas cousas. E todas son un sinsentido. A modo de epílogo, vese como a chavalada da avioneta chega a unha Sidney que non tería pasado a criba para que lle concedesen a organización duns xogos olímpicos (Burkina Faso está máis desenvolvida que esa morea de cascallos). O caso é que deciden que lles mola o sitio e aí quedan. Uns poucos rapaces en taparrabos a reconstruír unha gran urbe que tivo 4 millóns longos de habitantes... E logo falan de Podemos e as mareas como santos dos imposibles. E aí si que FIN!!!


Por fin cheghamos aos créditos finais (dedicatoria a produtor falecido na fase de post-produción incluída) con canción da superestrela TINA TURNER! O mellor momento da peli, que dúbida cabe, poñémoslle fin a un auténtico sufrimento mentres escoitamos un “megaghit” de Tina Turner: We don’t Need Another Hero, bombazo pop composto expresamente para este filme, suficientemente hortera e oitenteiro (con algunha versión metaleira solta polos Youtubes) como para que me guste e entoado pola voz rasgada de Tina. Mundial. Ata viste ighual que na peli para o videoclip. Por que estas cousas agora non pasan? A xente xa non quere cancións para as películas que non son de animación e é unha mágoa, francamente, pois sempre son un valor engadido. 


Mad Max: Alén da Cúpula do Trono foi divertida de ver? Para que volo vou negar, claro que si. Coma toda entrega falida dunha gran saga ten o seu punto. Non acada o nivel de xenialidade esperpéntica de Rocky IV (que, para min, é o bodrio molón definitivo e por iso foi o primeiro que reseñei), pero ten momentazos de exquisito delirio. É o problema que adoitan ter as historias sobre personaxes chungos, individualistas e amorais que pretenden sumarse ao final feliz: que non funcionan e saen cousas improbables pero chuscas. Todo raro, raro, raro. Máis raruno que o T-Rex que che anuncia no Chrome que non hai conexión a internet. Se cadra a intención era boa e na cabeza de George Miller a cousa non era tan desastrosa e furrulaba, pero o intento de buscarlle a humanidade que puidese quedarlle a Max Rockatansky para finalizar a saga deunos unha película deliciosamente incoherente. Un monumento á estulticia que, si, é un pracer culpable para compartir en grupo e partirse as cachas mentres intenta tomarse en serio a si mesmo. Un infumable pero insigne bodrio entrañable.


Que collonazos os teus, George Miller. Con razón tiñas ghanas de facer outra entrega apoteósica que te redimira algho...

venres, 6 de xuño de 2014

Bodrios entrañables: "Rocky IV"


Hai truños que caen simpáticos. E dígoo sen complexos, pois todos disfrutamos algunha vez dalgún pracer culpable, dalgún divertimento vergoñento e inconfesable. Pero é que detrás do tanxible e do evidente, dun ignominioso subproduto de calidade pésima, pode haber un espazo para o esparexemento e para unha distracción moi saudable. En definitiva, a merda tamén pode gustar, ou digamos que, polo menos, hai unha cota asumible de entretemento e diversión na cotra (cada día descubro algo novo, “cotra” é nada máis e nada menos que “mugre”). Por iso me gusta clasificar este tipo de documentos cinematográficos tan abominables pero á vez tan graciosos como bodrios entrañables. Son malos, malos “con ghanas”, pero teñen unha capacidade para tomarse tan en serio a si mesmos mentres rozan o absurdo, o grotesco e o hilarante que os fai encantadores. Por iso quero empezar esta nova sección co que para min é o manual definitivo de como facer un bodrio entrañable, unha verdadeira bazofia que desprende carisma por todas partes, unha secuela pusilánime que, pese a todo, mola: Rocky IV.


A miña historia con Rocky Balboa é complicada. Gústame a primeira película, encántame. Gústame o personaxe, gústame a historia, gústame a banda sonora de Bill Conti, gústame o clímax... Creo que me gusta case todo menos Paulie, ese chuzas mandón que afoga na miseria constantemente á súa propia irmá (e única familia que ten) e incluso cuspe na cara de Rocky (a única persoa que se lle achega, porque dicir amigo sería moito dicir para un fulano como Paulie) e que, inexplicablemente, ten continuidade na saga. Rocky e Adrian quérenlle a Paulie e aquí menda non se explica por que. Se é un pastrán, por favor!!!

Boeno, non me desvío, despois sigo co tema de Paulie, porque realmente me rela (“carcome”!). Dicía que me gustaba moito Rocky (1976), a primeira película do que logo, por desgraza, pasou a ser unha saga. Unha peli de boxeo das boas (“pírranme” as pelis de boxeo, é unha debilidade que teño), unha épica e emotiva metáfora da vida posta enriba dun ring (malia que cheire moito toda a historia do american dream) que nos deu unha das grandes iconas pop da historia do cine deportivo. Pero 117 millóns de dólares e 3 Oscar despois (incluída a mellor película), a Sylvester Stallone (protagonista e autor do guión) iluminóuselle a “bombilla” e dixo: vamos facer unha segunda parte... que apeste. Efectivamente, Rocky II (1979), na que Sly tamén se puxo tras das cámaras, non estivo á altura do orixinal. Mágoa porque empregaba gran parte do seu tempo en desenvolver un pouco máis aos personaxes, cousa que acabou dexenerando nunha exposición bastante monótona e forzadamente dramática (que se Rocky pode quedar cego se segue pelexando, que se Adrian entra en coma tras un parto complicado...). E para poñer a guinda no pastel, remata por ser un refrito do primeiro Rocky con ese combate-revancha contra Apollo Creed que, contrariamente ao primeiro filme, é derrotado por Rocky. Pero Stallone, que el mola e sábeo, decidiu dar un paso máis con Rocky III (1982). Nesta terceira parte, dirixida tamén polo propio Stallone, Rocky empeza a forxar de verdade a súa lenda como estrela do boxeo e que mellor que ter a Mr. T e a Hulk Hogan para agrandar esa lenda! Sí, Stallone, Mr. T e Hulk Hogan xuntos nunha mesma película (era o preludio de Os mercenarios, seguro). Boeno, iso e Eye of the tiger (si, ese gran temaaaaaazo) son os aspectos máis destacables do que se podía esperar que fora o carpetazo dunha triloxía que botou ao lixo o legado dun primeiro peliculón. Pero non. Stallone é un tío insaciable e quería máis. Franquicia que colle, franquicia que exprime, e así se pariron Rocky IV (1985), Rocky V (1990) e Rocky Balboa (2006). Con ser paradigma da mediocridade, Rocky V e Rocky Balboa son pasables e vense sen moito problema, a pesar das pertinentes incongruencias e idas de perola, pois afondan nos cambios vitais nos que está inmerso o personaxe e en ambos filmes exhíbese unha melancolía heroica francamente loable. Pero Rocky IV merece ser revisada con máis amplitude...


A ver, poñámonos en situación. Como é posible que un tipo que era un “ninghién”, que xa lle custaba ler e que non tiña moitas luces, un fracasado con todas as letras que ao final ten a sorte de poder vivir do único que se lle dá ben na vida remata dando un discurso a prol da paz mundial (e do capitalismo, of course) diante dunha morea de rusos e dun fulano sospeitosamente parecido a Gorbachov? Se ese debía ser o punto culminante na evolución do personaxe de Rocky Balboa, “apaga e vámonos”. Pero en Rocky IV realmente ese é o momento de maior apoxeo do protagonista na película, polo que debemos preguntarnos... como narices chegamos dos suburbios de Philadelphia ata aquí?

Houbo un tempo no que o gran rival de Rocky Balboa era un tío civilizado e con certa clase deportiva, Apollo Creed (encarnado por Carl Weathers). Pero no terceiro filme da saga as cousas tórcense e comeza a aceptar pelexas con “manghallóns” inexpresivos e hiperanabolizados (e non precisamente a base de petit suisse) que só teñen ganas de aniquilar e destruír ao contrario porque si. Tras derrotar a Clubber Lang (Mr. T) e recuperar o título mundial dos pesos pesados coa axuda do seu antigo adversario Creed, honrando así a memoria do seu falecido adestrador Mickey (Burgess Meredith), a Rocky sáelle outro callo no pé: Drago (Dolph Lundgren), un superboxeador patentado pola Unión Soviética que se carga ao seu agora amigo Apollo Creed enriba do ring, feito que dá pé a unha trama de vinganza cuxo cénit é... menos espectacular do que debera. O delirante é que un duelo con motivacións individuais acaba sendo unha loita diplomática moi propia da era Reagan (“comunistas, caca!”) cunha estética moi kitsch e oitenteira. Vamos, unha delicia para os sentidos polo estúpida que é a premisa e o estupidamente que se resolve. Como é obvio, Rocky gaña a Drago tras sobrepoñerse a todo tipo de dificultades e remata a xogada cunha arenga “pseudo-mandeliana” gracias á cal entendemos por que Stallone é votante incondicional do Partido Republicano. En resumo, en Rocky IV hai ideoloxía a cañote metida con calzador e horterismo. Punto.


Debemos ter moi presente que Stallone tamén se fixo cargo da dirección desta película, demostrando que é un gran amante do exceso (cousa que acabou de demostrar con esa deliciosa parodia do cine de acción que é Os mercenarios). Todo é máis grande e todo está sobredimensionado, hai un barroquismo argumental e visual digno de analizar con detemento, unha auténtica heroización caricaturesca do Poldro Italiano (anoto que na dobraxe ao galego se optou por unha tradución máis correcta, “Semental Italiano”, para que logo poñan a parir a dobraxe que se fai en Galicia).

Boeno, comezando o noso repaso polas máis grandes “pifias” estilísticas e os máis memorables desatinos da trama, debemos obviar o principio máis inmediato do filme, que sempre é un remix das últimas escenas da película anterior dende Rocky II. Prefiro comezar polo aniversario de Paulie (Burt Young), que nos regala o primeiro gran “ein?????” do filme. Como agora Rocky é un ricachón, decide agasallar ao seu cuñado-gran no cú Paulie cunha gran festa de aniversario... bastante deprimente. En serio, a escena de Paulie presidindo en solitario unha enorme mesa baleira cun gorro de aniversario, globos, confeti e cun cartel de parabéns é unha das estampas da marxinalidade máis penosas que vin nunca. Pero por fin chega o momento bizarro da escena! O agasallo que Rocky lle fai a Paulie! UN PUTO ROBOT! A cousa é tan fodida e píllate tan desprevida que se che acumulan as preguntas na cabeza. Dende cando Rocky se apuntou ao carro da ciencia-ficción? Por que eses planos tan chungos de exhibición da intelixencia artificial con música cutre que pretende ser futurista? Non había unha forma máis sutil de dicirlle a Paulie que é un cascallo social e que menos mal que ten a caridade de Rocky e Adrian (Talia Shire)? Desexo non estar neste pesadelo, por unha vez, Paulie di algo con xeito. Pero a versión 2.0 de C3PO chega a aparecer tres veces máis no filme (non aportando nada á trama, como é obvio) e, nunha delas, insinúase que Paulie ten sexo con el... Todo moi “cripi” e humillante incluso para os estándares de Paulie.


Pero chegan os rusos e chegan provocando, ferindo o orgullo das glorias puxilísticas americanas! (O nada ruso) Drago chega aos Estados Unidos co seu séquito de dopadores profesionais e respaldado pola súa esposa (a nada rusa Brigitte Nielsen) e un señor con cara de satisfacción maquiavélica (o aínda menos ruso Michael Pataki). Ten gracia que para a representación da demoníaca e inimiga trindade soviética, optaran por un sueco, unha danesa e un tipo de Ohio! Moita gracia. Drago entra a saco e non se lle ocorre nada mellor que retar a Rocky Balboa nun combate de exhibición para moelo a paus. Pero despois dunha rolda de prensa e unha demostración práctica de que malla coma un dinosauro (rodeado de tipos en bata, medindo e calculando “dios sabe que”), Rocky run like a chicken e renuncia a pelexar con Drago. É mellor mandar antes a Apollo por se as moscas e para tantear o terreo! Se vive, ben e se palma, xa me prepararei para unha apoteose épica! Ou iso debeu pensar, vamos...


Iso de que Rocky teña que empezar a poñer cadáveres enriba da mesa para motivarse e pelexar é un tanto preocupante pero ese é o esquema tanto de Rocky III como de Rocky IV. Apollo ponse de moi mala hostia despois de que se insinúe por activa e por pasiva que é moi vello para seguir boxeando. Encabrónase e enfróntase a Drago nun combate suicida amenizado por JAMES BROWN! Si, chegamos á escena da pelexa e notamos que a ese amago de guionista Stallone se lle volveu a ir a perola presentándonos un vodevil multicolor de luceríos imposibles no que o cameo estelar de James Brown se converte no punto culminante da función baixo a atónica mirada dos rusos, aos que, por certo, tamén se caracteriza cun pésimo sentido do humor (ou do que Stallone entende por humor).


A preparación de Apollo e Drago para saír ao ring tamén é de traca. Mentres Apollo conversa co seu amigo Rocky e lle volve expoñer (outra vez, que pesadilla de fulano) as súas razóns para pelexar, os rusos están coma quen solta un rottweiler para que morda e aniquile a todoquisque. En todo momento se presenta ao antagonista coma o perfecto vilán “porque si”, unha gran máquina de matar, unha mole de pura fibra sen motivacións nin sentimentos, un autómata sen máis ansia que a de destruír. O arquetipo do personaxe está tan ben definido que nin sequera fala en toda a película. E cando o fai é para dicir “ninguén pode vencerme” ou “voute matar”. Vamos, Conan o Bárbaro é unha avoíña entrañable ao seu carón.

A morte de Apollo Creed sucede baixo un alude de hostias como pans, berros esaxeradamente consternados, caras de preocupación forzadas, malvadas risas eslavas e cámaras lentas incompetentes. O dramatismo é tan bidimensional e plano que apenas podes sentir mágoa do seu pasamento. E, por suposto, quen dá o discurso no funeral? Rocky! O mesmo que non tirou a toalla a tempo e agora está ensaiando as súas habilidades retóricas para cando se enfronte en revancha ao Touro de Siberia.


Neste punto do filme preguntámonos unha cousa que para Stallone non parece tan obvia. Como é posible que, cargándose a un fulano en directo, a ninguén lle preocupe que Drago siga competindo profesionalmente? É un puto psicópata! Rocky, se tivese un pouco de siso, non pelexaría con el, pois teno todo do seu lado para apartalo da competición oficial, foi unha masacre retransmitida en directo por televisión, por favor! É moito mastodonte das ánimas, a premisa do filme é absolutamente imposible! Ninguén que fixera o que Drago seguiría competindo! Pero... que cona! No cine todo é posible e non estamos nin un pouquiño cerca do vitorioso desenlace desta comed... perdón, peliculaza!

Despois de desoír á única persoa que ten algo sensato que soltar pola boca por enésima vez nunha discusión menos crible que Miley Cyrus meténdose a monxa (que sufrida é a pobre Adrian), Rocky marcha a protagonizar un videoclip. Así, sen máis. Se en Rocky III nos presentaban o Eye of the tiger de Survivor ao principio da película como un himno á invulnerabilidade de Rocky, en Rocky IV, o tema de cabeceira ilustra o momento de reflexión, medos e loitas internas do heroe. Pero a escena é tan videoclipeira que podemos vela sen ver o resto do filme e seríamos quen de entendela perfectamente. Non pinta nada, simplemente está aí para presentar o There’s no easy way out de Robert Tepper, temazo tamén moi oitenteiro e destacable pero Eye of the tiger “mexa e cagha” por el.


Rocky decide que o mellor é pelexar en territorio inimigo e arrea cara Rusia a adestrar nas estepas. Se hai algo que mola sempre e nunca defrauda nas pelis de Rocky son as montaxes do adestramento. Esta é epiquísima, polo excesiva, amplificada e esaxerada que é. Rocky móstranos o seu adestramento máis duro, nin ximnasios nin farrapos de gaitas, a correr pola neve, cargar troncos e escalar (atención, escalar) montañas a ritmo de sintetizador! Co xenial que eran as escaleiras de Philadelphia co Gonna fly now... Esa escena non merecía ser revisitada deste xeito tan ampuloso. Pero non por iso é menos divertido ver como dexenera a cousa. Mentres tanto, no “ximnasio do lado escuro” Drago anabolízase, inxéctase plaquetas de orco e estimula a súa sede de sangue nun bunker con luces vermellas (os rusos son os malos, que se note en todo momento!). Encántanme os primeiros planos dos músculos contraéndose, o soño húmido de calquera machuno...


E, por fin, chega o día do combate. Despois de que Adrian recúe indo a Rusia a brindarlle o seu apoio ao seu home-cabeza de serrín e un par de cancións oitenteiras despois, Rocky enfróntase a Drago no combate do século. A Rocky abuchéano, Drago entra a contraluz coma un semideus e desplegan un enorme cartaz coa súa face mentres soa o himno soviético. Comeza a pelexa pero Rocky consegue aguantar os paus grazas a unha práctica filosofía: “non hai dor”. E despois, outra montaxe destas que molan “moghollón”, na que se suceden os rounds de forma épica, con sangue, suor e bágoas!


Contra todo pronóstico e interese do goberno soviético, Rocky derrota a Drago por KO. Mesmo logra que o público ruso se poña do seu lado, ao demostrar que pode con todo. E en canto lle poñen o micro diante, vense arriba e comeza a súa arenga de subversión do malvado réxime comunista. Porque Rocky Balboa mola tanto que é capaz de ventilarse a Guerra Fría cun combate de boxeo e un discurso final! É mellor dous homes matándose que vinte millóns xa era unha metáfora que nos chegara á alma pero co corolario se eu podo cambiar, e vós tamén, todos poden cambiar xa nos saltan as bágoas! E o público apláudelle! Incluído ese señor con pinta de Gorbachov que claramente é Gorbachov e se insinúa pola cara que é Gorbachov pero nunca se di que é Gorbachov.


Boeno, pois isto é Rocky IV. Secuela que non vén a nada, pero non por iso prescindible. É tan divertida de ver, tan tola, tan apoteosicamente ridícula e grotesca... Unha grandísima achega ao cine xenialmente desastroso! E un magnífico bodrio entrañable!