Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións

luns, 11 de xaneiro de 2016

"Planet Earth is blue..."


            Eras o meu rebelde heroe vido das estrelas.


            Jones, Bowie, Ziggy, Duque Branco... Moitos nomes, un só deus.


Dende que te coñecín quixen ser coma ti, ter un ollo de cada cor e ser a primeira en levar “esas pintas” que tanto me fascinaban. Eras glam, eras o exceso, eras un mutante inabarcable.


 Envexei o teu colosal talento mentres o admiraba cada vez que escoitaba as túas cancións, agora himnos sen os que non entendo a miña historia persoal.


Xenio e figura, lenda viva e agora mito inmortal, fuches o antes e o despois, a surreal pero tanxible visión dun talento brillante e sen precedentes. Sen ti, custa imaxinalo todo.


Inventaches a modernidade e non te conformaches co infinito.


Como non botarte de menos agora que quedamos orfos de todo, dese todo que nos deches e que tan prodixioso se me antollaba!


 Non eras deste mundo, era imposible que algo tan grande fose humano e sabía que só estabas de paso e que había que aproveitar o efémero privilexio de terte entre nós.


Sabía que este día chegaría pero para min chega demasiado axiña e oxalá puideses ter adiado o teu regreso ás estrelas.


Hoxe choramos a túa partida, mais o teu legado sempre nos reconfortará.


venres, 13 de novembro de 2015

Top “fiftín”: Os meus “One Hit Wonders” favoritos

Si, Rick Astley tamén está!!!

En ocasións, cumprir o teu soño pode tornarse nun cruel pesadelo... Sen poñerse tan melodramáticos, si  é certo que na historia da música popular houbo demasiados exemplos que probaron a veracidade da máxima warholiana acerca da fugacidade da fama na nosa era. Exemplos de artistas que quixeron ser grandes e lograron selo, pero durante unha soa canción, artistas malditos que recibiron o recoñecemento de One Hit Wonders (algo así como “marabillas dun único éxito”). Tiñan algo que dicir e achegar á cultura popular pero ese algo non pasou dos cinco minutos...

Isto dos One Hit Wonders non é unha ciencia exacta e existen múltiples sistemas para determinar como se chega a esta categoría. Eu vou utilizar o máis macarrónico e básico que se me ocorre, paso de poñerme a indagar en listas de non sei cantos países e a medir impactos empiricamente, todos sabemos cando a unha persoa se lle recoñece un mérito por unha soa canción. O Aserejé, o Dragostea Din-Tei, a Macarena, o Gangnam Style, Don’t worry Be Happy, Si tu eres mi hoooooombreeee, Xirarei coma a roda do muíiiiiiiño... En serio fai falta poñerse con gráficos e probetas para saber que quen as cantou aghora mirmo “no er nadie” salvo na súa casa? Pois iso, opsis pura e dura e botando man desa metodoloxía pasarei a continuación a facer o meu persoalísimo ranking (de menos a máis), que tampouco é que sexa moi exclusivo por ser persoal, dos meus quince One Hit Wonders favoritos “of ol taim”! 

15. Fire. Arthur Brown desconcertou e impresionou ao respectable en 1968 escenificando un novo concepto de espectáculo musical do que logo se beneficiarían artistas posteriores como Kiss, Alice Cooper ou Marilyn Manson. A súa actuación en Top of the Pops non deixou indiferente a ninguén e converteu este psicodélico e proto-metaleiro Fire nun éxito rotundo que nunca volveu repetirse.


14. I’m gonna be (500 miles). The Proclaimers demostraron que o éxito tamén podía ser nerd. A pinta de pringados que tiñan estes xemelgos escoceses non foi obstáculo para que esta canción, a súa canción, fose o gran exitazo de 1988 no Reino Unido e no resto do mundo. Despois diso non é que lles fora mal (mesmo tiveron unha película musical inspirada nas súas cancións) pero nada que ver con isto. Non sabería describir o espírito deste tema, iso xa o fixeron magnificamente en Como coñecín a vosa nai no episodio da segunda temporada Arrevederci Fiero, a cuxa revisión para tales efectos animo.


13. It’s Raining Men. A triste historia de dúas boas cantantes que non puideron chegar a máis por non responder debidamente ao canon de beleza do momento. Dúas tipas negras e gordas coñecendo o éxito máis alá dun temiña? Por favor... Sirva esta denuncia en clave irónica para presentar a The Weather Girls, un dúo musical formado por dous portentos da canción, con voces magníficas que foron usadas e tiradas en canto gravaron It’s Raining Men en 1982, un tema ao estilo disco que ninguén quería (nin Cher, nin Diana Ross, nin Donna Summer, ninguén) e que acabaría sendo un auténtico ghit que tivo máis dunha versión. O tema é do máis surrealista pero o seu ton festeiro engancha.


12. Mercy. Non todo van ser éxitos dos 80 (aínda que teño que admitir que esta década superou ás demais e a si mesma en case todo, tamén na inxente produción de One Hit Wonders). Duffy era unha moza galesa con pinta de Dusty Springfield recén saída dun concurso televisivo que seguiu a estela da súa compatriota das Illas Británicas, a difunta Amy Winehouse, recuperando sons que parecían esquecidos na súa música patria a nivel comercial. Mercy, o seu único megaghit transitaba pola senda do soul e do R&B, enriquecendo un pouco as propostas do pop británico daquel ano 2008 no que coñecimos á agora desaparecida Duffy. O seu aroma a anos 60 e a voz case sobreaguda desta loira son inconfundibles, mágoa que non pasase de aquí, porque prometía.


11. Knock on Wood. Con esta versión do temazo de Eddie Floyd saltou á fama en 1979 Amii Stewart. Digamos máis ben que pegou un “microchimpiño” á fama, porque rapidamente esquecimos a esta cantante afroamericana feita un verdadeiro entroido no videoclip deste existoso sinxelo que converteu en bailable e discotequeiro unha peza soul xa sobradamente coñecida. Dos meus imprescindibles para a festa, con ritmo pegadizo e vicioso, máis difícil de esquecer que a artista que lle deu forma, desaparecida en combate malia que nunca deixou de traballar (sobre todo en Broadway).


10. Rescue Me. A típica canción que todos pensamos que é de Aretha Franklin pero que non o é. Fontella Bass tivo que morrer para que eu soubese que eran ela e a súa voz as que estaban detrás deste tema de 1965 que me pirra, gran protagonista dos meus momentos oldies. Un tema con forza que marcou a traxectoria da pobre Fontella, que ata na súa páxina de whiskypedia pon que é coñecida unicamente por este Rescue Me e que nunca logrou un éxito máis, retirándose con precocidade nos anos 70 sen que volveramos saber nada máis dela ata o seu pasamento en 2012. Mágoa porque tiña madeira de grande. E voz.


9. 99 Luftballons. Nunha selección que peca de anglófona conseguiu colarse esta pequena gran marabilla achegada pola cultura alemá. Nena, sobrenome da punkarra xermana Nina Hagen, petouno nas listas de éxitos da Alemaña Federal de 1983 con esta canción que se anticipaba ao Wind of Change dos Scorpions en canto á súa temática pacifista e conciliadora a prol da unificación e a fin da Guerra Fría. E como unha canción reivindicativa en alemán deu o pelotazo en medio mundo? Eu creo, e isto é só unha opinión, porque o persoal non entendía nin papa, simplemente escoitaron unha canción de ritmo contaxioso e deixáronse levar a pesar de que a cantaruxaran de forma moi deficiente. Con todo, non tardou en facerse e popularizarse unha versión en inglés (99 Red Balloons), para que algúns non se herniaran moito. Porén, prefiro o orixinal en alemán, do que conseguín entender un pisquiño grazas a que é un dos temas preferidos dos que ensinan esta lingua (este e as versións xermanas de Julio Iglesias, flipa!). Nena continuou gozando de certo éxito na súa terra natal pero fóra desas fronteiras non volveu coñecer o éxito, menos mal que nos quedan os globos...


8. Beds Are Burning. Dende Australia para o mundo, Midnight Oil cun tema político e reivindicativo que o petou nas Antípodas e en todo o orbe en 1989. E xa está. Pode que non sexa moi xusto incluílos nesta categoría xa que no seu país seguiron sendo unha das bandas de referencia e continuaron tendo éxitos a esgalla pero tamén é certo que non volveron ter sona a nivel internacional con outros temas. Un clásico das promos da canle musical VH1 e da selección musical do meu coche tamén.


7. Maniac. Michael Sembello puxo música aos soños húmidos de toda unha xeración de adolescentes oitenteiros despois de que Adrian Lyne fixera bailar moi pouco inocentemente a Jennifer Beals ao ritmo desta canción no celebérrimo “blandiporni musical” Flashdance. Un ghit por dereito propio, de ritmo irresistible e atmosfera ultra oitenteira. Pero Sembello axiña desapareceu coma a maioría dos implicados neste filme reguleiro pero que cae simpático e cuxa emisión televisiva domingueira sempre agradecemos.


6. Never Gonna Give You Up. O de Rick Astley é como pretender facer unha tese de doutoramento sobre o Hamlet de Shakespeare, xa está todo dito. Hai tanta bibliografía internáutica sobre este fenómeno que xa case non vale a pena dicir nada del. Pero aínda así imos aló, porque un ranking de artistas dun só éxito sen o seu ilustre nome nunha posición privilexiada está coxo. Corría o ano 1987 cando as radios de medio mundo comezaron a bombardear sen piedade nin clemencia a todas horas con Never Gonna Give You Up, único éxito da carreira de Rick Astley e do que conseguiu vivir toda a súa vida, chegando ao número 1 en case todas partes. Só os franceses ousaron relegalo a un sexto posto nas listas de éxitos, algo indigno deste grande do horterismo irredento que consagrou como inmortais a gabardina XXL e as bailarinas anódinas e despeluxadas, con mención especial ao camareiro acróbata, claro precursor dos ximnastas verbeneiros da Panorama. Astley era un visionario, e coma todos os xenios foi un incomprendido que a posteridade rescatou xustamente grazas á viralidade de internet co Rickrolling.


5. Eye of the Tiger. Sobran as palabras. Este tema non precisa presentación pero si os Survivor, que quedaron de por vida vinculados á saga Rocky grazas a este temazo motivacional sen coñecer ningún outro éxito que o superase. Unha xoia do hard rock dos 80 e das bandas sonoras de toda a historia do cine. E o gran himno deportivo do noso tempo por excelencia.


4. We Are Family. Despois do pop dos 80, a música disco setenteira é a miña debilidade, en especial esta canción das Sister Sledge. Se fixeron algo máis despois desta marabilla disco eu, dende logo, non me enterei. Creo que seguen en activo pero a fama mundial deulles as costas e convertéronse en pequenas celebridades do One Hit Wonder.


3. Heat of the Moment. As grandes figuras do rock progresivo dos anos 70 e 80 (saídas de King Crimson, Yes ou Emerson, Lake and Palmer, entre outros) uniron forzas nun proxecto de supergrupo que se deu en chamar Asia. Sacaron unha morea de discos entre 1981 e a nosa presente década pero non lograron producir máis éxito que Heat of the Moment, cancionaza que hoxe soa a morriña oitenteira e que, se os máis despistados fan memoria, se converteu en sintonía da propaganda do extra de verán da ONCE hai uns poucos anos. Temazo con maiúsculas, contundente e inesquecible.


 2. Take on me. Se tivesemos que poñerlle aos 80 o título dunha canción, sería este. Noruega pariu aos A-ha e os A-ha pariron Take on me. A golpe de sintetizador puxeron a medio mundo a bailar e a desafinar coma se non houbese mañá, porque Morten Harket (o seu escandalosamente ghuapo e nórdico cantante) chegaba moi ben a eses agudos pero o resto dos mortais nin de coña. O seu imaxinativo videoclip tamén e un clásico que cómpre revisar. Unha delicia para o meu lóbulo hortera, non o podo evitar.


1. Black Velvet. O (non sei se) ansiado podio! A canadense Alannah Myles era unha rapaza fermosísima de voz rachada igualmente fermosa á que a industria discográfica lle xogou unha mala xogada entre finais dos 80 e os albores dos 90. Foi nesa dura etapa de transición entre décadas de horterismo irredento cando viu a luz o que sería o seu primeiro e último gran bombazo, Black Velvet, un tema rockeiro de clara influencia country (aínda que pola pinta eu creo que fala de Elvis) co que acadou o máis alto na lista Billboard e co chegou a gañar un Grammy. Pero a caída foi tan rápida coma o ascenso e nada se soubo da pobre de Alannah nos anos seguintes, malia que seguiu sacando material novo, mais este resultou indiferente a crítica e público. Apareceu, coma outros tantos infortunados, no programa especial que VH1 dedicou aos máis grandes One Hit Wonders dos 80 comentando as razóns ou sinrazóns do seu único éxito e posterior fracaso. O desta muller tivo que ser un batacazo de lenda e especialmente traumático, xa que non sei cantos anos despois, non se lle ocorreu nada mellor para o seu regreso que regravar a canción que lle deu tan efémera gloria. Mais o seu escaso éxito posterior e a súa nula visión non deberían ser motivo para deixar de desfrutar de tan magnífico tema, destes que querería cantar se tivese un grupo.



Animo ao meu lector implícito a que amplíe esta lista coas súas preferencias, sempre mola rememorar exitosos fiascos... 

sábado, 31 de outubro de 2015

“October”, de U2


         “Comeza o outono.  A natureza cambia o verde polas cores torradas, caen as follas das pólas das árbores, a noite asáltanos unhas poucas horas antes, comemos castañas á beira dun lume que non nos estarrece nadiña... Oxalá! Porque a calor destes primeiros días de outubro non é de recibo nin crea a atmosfera axeitada para reseñar debidamente o álbum que traio á Cólquide co gallo do inicio da miña estación favorita...”

Así ía comezar este post se servidora tivese algo de rigor á hora de planificar as súas publicacións, pero non é o caso, son anárquica ata para iso. Son dous os motivos deste descarte: o primeiro, que xa caeron as primeiras trombas da temporada, así en plan diluvio universal, coas súas inundacións e cataratas urbanas, e non ten pinta de parar. E o segundo, que non hai moito que  regresei de Barcelona de ver un directo destes que quitan o impo pero co que non conectei co grao xusto de sentimentalismo como para reservarlle un oco nesa sección que teño un pouco esquecida. Efectivamente, despois dunha década de espera, cumprín o meu soño de ver a U2 en vivo e en directo e aínda que marchei cun bo sabor de boca e cun nivel de “flipación” considerable, debo admitir que as miñas boas sensacións non son plenas. Resultaba obvio que sería así dende o momento en que adquirín a entrada posto que era moi consciente de que acababa de pagar 100 pavazos para ver a unha banda que me tiña gustado máis do que me gusta no momento actual e da que adoito preferir as súas cancións menos coñecidas (esas que nunca soan nos concertos). Valeu a pena o despilfarro? Por suposto, que a ninguén lle caiba ningunha dúbida pero inevitablemente hai un pero. Faltaron cancións para que a miña historia persoal se retratase nesas dúas horas e algo de música e espectáculo (unha delas, ghit en toda regra, I Still Haven’t Found What I’m Looking For, unha das miñas favoritas) e o rollo mesiánico de Bono acaba tocando un pouco os ovarios. Aínda así cumpriron e ben, notable alto para este directo.



Como dicía, faltaron cancións e o primeiro gran damnificado desa criba foi o meu álbum favorito do grupo irlandés, por significado e calidade: October. É un disco que nunca vexo aparecer nos top five, ten ou potocentos da banda, case ninguén o ten en conta e case todos os parabéns van parar a The Joshua Tree, Achtung Baby ou The Unforgettable Fire. Non me malinterpretedes, calquera destes álbumes que veño de citar son a repanocha e están inzados de himnos e temas memorables que a min tamén me molan, pero unha cousa non quita á outra: creo que October está algo esquecido e non parece merecer moita valoración por parte do público nin por parte dos seus propios artífices, é algo así como a Jennifer Warnes dos discos de U2 (si, oh, a tipa esta que lle facía os coros a Leonard Cohen , cantou o tema principal de Dirty Dancing e logo non se volveu saber máis dela a pesar de ter unha voz preciosa). E, ao meu modo de ver, isto é unha inxustiza, considerar October como un álbum de recheo nunha carreira chea de éxitos cando en realidade ten un pouso moi consistente de calidade é poñelo ao mesmo nivel que toda a merda que nos deu esta mesma banda durante os 90 e os primeiros anos 2000 (Zooropa, Pop, All that you can’t leave Behind...). E iso non é. Porque é un álbum marabilloso a reivindicar e redescubrir, cun son moi característico e recoñecible e co que se escribiu gran parte da miña historia persoal, razón pola que estou aquí falando del cando o mes que lle dá nome está tocando ao seu fin.



Cito o primeiro parágrafo da whiskypedia en español castizo (a versión en galego non se molla tanto) para ilustrar os topicazos que pretendo desmontar con esta publicación:

October  (Español: Octubre) es el segundo álbum de la banda irlandesa U2, publicado el 16 de octubre de 1981. October es considerado por muchos como el disco más flojo de U2, ya que algunos críticos encuentran las letras duras y las interpretaciones sosas.”

E dun plumazo xa nos foderon todas as expectativas. Frouxo, duro e soso. Olé. Así, sen máis, ventilan once cortes aos que o fatum llela xurou dende o principio, pois conta a lenda que as letras de todas as cancións do disco foran gardadas por Bono nunha maleta que logo sería roubada por unhas fans e que non lle foi retornada ata o ano 2004! Para entón, October estaba máis que ghravado e reghravado, posiblemente non da forma máis satisfactoria para Bono, The Edge e os seus, pero sobradamente inspirado a pesar das adversidades, como pretendo facer ver. Para o seu segundo disco, os U2 (aínda pipiolos nisto do mundiño da música) puxéronse místicos e case todas as cancións xiran en torno á enorme influencia que evidentemente ten a relixión nun grupo de raparigos criados no catolicismo irlandés. A primeira canción, Gloria, é toda unha declaración de intencións, con algún versiño en latín e todo, un tema de comezo ascendente que vai ao gran e do que me ghusta practicamente todo: os berros (sempre preferirei a voz berreada do primeiro Bono), as transicións con esas notiñas de piano que case non están, o sinxelo solo de guitarra (The Edge nunca foi amigho de moitas florituras), incluso a liña de baixo que precede ao clímax final cuxo inicio sentencia un riff de guitarra contundente. Para min, é un single redondo e sen fisuras.



Cándidas estrofas e potencia nos estribillos, así é a seguinte canción, I Fall Down, na que o piano ten un maior protagonismo e na que se desprende forza dun xeito desigual pero máis eficiente do que puiden considerar nunha primeira escoita. E inmediatamente e case coma unha marcha comeza I threw a Brick through a Window, tema de título anafórico no que a batería de Larry Mullen Jr. marca algo máis que o ritmo, xa que leva sobre as súas costas todo o peso dunha canción que parece levarte á terra.



Rejoice foi durante moito tempo a miña canción favorita deste disco e aínda me apaixona. Capaz de ir ao gran incluso máis que Gloria, o seu comezo de guitarra engancha e de que maneira. Ten unha enerxía case indescriptible e resulta imposible deixarse levar, sobre todo nesa transición na que batería e guitarra se marcan un duelo que a min desde sempre me recordou (e podedes matarme por semellante heterodoxia) ao tema principal da banda sonora de Pulp Fiction.



Ritmiños complicados pero ben estimulantes son os protagonistas de Fire, que empeza cun coro un tanto estraño para logo remontar. Funciona ben como preludio de Tomorrow, o tema con máis pinta de balada de todo o disco. A intro con gaita dános o momento máis folk-rock da historia da banda (posiblemente o único) pero acertan de cheo xa que crea unha atmosfera única para unha canción que fala do pesar da morte de xeito metonímico e con moita pregunta lanzada ao aire para acabar reconfortando ese sentimento de perda coa fe. Basicamente, o manual dos traumas de preadolescencia de Bono, que perdeu a súa nai sendo moi novo e aquí describe, segundo recoñeceu el mesmo en datas recentes, o funeral da mesma. Voces desgarradas, melodías cravadas na terra e un estrondo final redondean este temazo.



E agora con todos vostedes a única canción do disco da que U2 vai presumindo algho dende 1981. October é o único corte deste álbum que foi incluído na primeira recompilación de grandes éxitos do grupo, The Best Of 1980-1990, e aínda así nin sequera figura no tracklist, senón que aparece como pista oculta despois de All I Want is you. Tamén é a única canción do álbum que seguen tocando nalgún concerto (en Barcelona soou), polo que intuímos que desta deben sentirse minimamente orgullosos. Mais non o entendo. Quero dicir, non entendo como esta si e por exemplo Gloria, Rejoice ou Tomorrow non. Sen ser un truñaco para min si que é a máis frouxa do conxunto e a que menos me di a día de hoxe, será que roza demasiado a depresión (e mira que a min me ghustan as cancións depresivas). Pero boeno, podo entender que o piano e tal... Tende a gustar (tamén tende a gustar With or without you e a min non me gusta demasiado).



E aquí remata a tanda das lentas. Realmente non, hai unha pequena cesura en Scarlet, tema un tanto enigmático que tamén soa a todo iso que según os tópicos é Irlanda, o rollo celta e a terra, e no que só se di unha única palabra repetida unhas poucas veces. Pero antes de chegar aquí temos que pasar por With a Shout e Stranger in a strange Land, a primeira acelerada e vertixinosa (case punk) e a seguinte segue pola senda marcada por I threw a Brick through a Window, pode que cun pouco máis de enerxía. Ambas espléndidas. E chegamos ao final con Is that All?, interrogante que se asemella e moito a un clásico da banda, The Electric Co. Ou polo menos a min por ritmo e estrutura paréceme que é moi semellante, e resulta unha conclusión ideal como no seu día o foi The Electric Co. para Boy.



É posible que un argumentario tan subxectivo non convenza ao respectable e que a diarrea verbal dun crítico especializado sexa moito máis doada de crer para distinguir entre o bo, o sublime e o mediocre. Porque moitas veces os gustos responden a cuestións de fe en hiperbóreos de distinta índole, cuestións de fe moito menos profundas que a arte referenciada neses gustos (condanado postureo). Sinto que as miñas limitacións sexan coma as árbores que impiden ver o monte, mágoa porque estou certa de que este gran álbum que todos toman por subproducto necesario en toda carreira musical in crescendo é realmente moi moi bo e ten un sentido, sobre todo tendo en conta que se trata dunha importantísima achega á busca dese son tan xenial e diferenciado que caracterizou á banda irlandesa nos anos 80. Dito isto, dáme pena que unha maioría dos que se declaran seguidores incondicionais de U2 non o aprecie deste xeito. Non me queda moito máis que animar á súa revisión, a dar con novos matices nun traballo infravalorado, a redescubrilo en definitiva, prescindindo de reseñas denigrantes, whiskypedias e demais prexuízos. 

P.D. Porque, dende logo, é mellor redescubrir October que virse arriba con The Miracle (Of Joey Ramone), do peoriño que fixeron na presente década...

luns, 7 de setembro de 2015

Sobre aquel meniño...

Canto me tivese gustado regresar neste luns de setembro anegando de parvadas estas páxinas virtuais nas que de cando en vez me concedo o furtivo pracer de garabatear un pouco. Pero semella que se abriron as cancelas da miña conciencia. Non é a primeira vez que me sucede, mais o proceso neste nefasto e infausto primeiro mundo no que habito é un tanto estraño. A guerra sempre acontece noutro lugar, os asoballados sempre fan por sobrevivir noutro sitio alén das nosas fronteiras, a desgraza sempre aniña nos recunchos máis afastados e parece que nunca nos vai tocar a nós. Gran falacia coa que autoenganamos á nosa anódina existencia.

Seguramente durante estes días, o 100% dos meus hipotéticos lectores viron esta instantánea:



Sabedes? Creo que non fai falta converter isto en parte do espectáculo sensacionalista dos últimos días. Todos coñecedes ben a foto da que falo. Crúa, non si? Brutal, dura, impactante... Sinxelamente horrible. Coa que está caendo parece mentira que os nosos gobernantes, os mesmos que falan de unión e solidariedade, non amosen nin un ápice de sensibilidade. É unha obscenidade que nesta Europa tan civilizada e orgullosa de si mesma esteamos a construírnos un muro da vergonza que non está feito de pedras pero que leva toneladas de desprezo pola vida e os dereitos humanos, que é aínda máis forte que calquera rocha. Coa súa habitual arrogancia e desdén, os nosos amorais líderes miran cara outro lado e pasan persoas dun lado a outro coma quen que leva o gando a pacer. Que o resolvan outros, nós máis non podemos facer. Unha ruín consigna que se repite coma un mantra mentres os humillados e ofendidos morren aquí e acolá sen que ninguén admita un mínimo de responsabilidade nin se erga para dar un paso adiante na dirección correcta.

E mentres todo isto pasa pola nosa cachola con suma rapidez, apagamos a tele, dobramos de novo o xornal ou desconectámonos de internet por un intre. E volvemos a ese bucle só que doutro xeito: teño que rematar este choio canto antes, vaia merda que se me acabaron as vacacións, os fillos de puta da compañía telefónica seguro que me cobran igual aínda que botei unha semana sen servizo por culpa dos desghraciados que foron ao cable de cobre, estou ata os mesmísimos da miña parella que non me comprende, non hai dereito a que meus pais me falen dese xeito, non é xusto que fulano reciba máis atencións ca min, para a semana teño que facer estoutro e xa me fode, non valoran o meu traballo...

E de súpeto dáste conta de que non es mellor que todos aqueles que desprezaches ao ver a fotografía do neno afogado tirado na beira do mar coma se fose un pouco lixo.


Non me gusta citar autoridades excesivamente canónicas (no sentido máis eclesiástico do termo) pero non podo deixar de lembrar a Xesucristo. Non só collemos a primeira pedra, senón que a tiramos e despiadadamente para logo coller a segunda e volver tirala aínda cunha maior crueldade. Non temos a mesma responsabilidade que aqueles que situamos nunha escala superior e que outros prefiren chamar “caste”, claro que non. Pero somos responsables e culpables de minimizar o problema do mesmo xeito que o fan eles. Unha imaxe pode parecernos tremenda e brutal, pero a nós non nos vai pasar e nós tamén temos problemas. A poética do desastre é xenial para ligar ou facerse notar nos foros públicos do noso tempo, sexa mediante chíos ou estados que admiten un maior número de caracteres, e aí empeza e remata o noso compromiso. O meu tamén, supoño. Custa recoñecer que formamos parte da abominable clase de persoas que agochan a cabeza na terra, mais aí estamos. Todos os que nos horrorizamos e consternamos coa imaxe daquel meniño pero logo volvemos magnificar as nosas rutinas e “problemáticas” esquecendo por completo a monstruosa ignominia que vimos hai escasos segundos e deixando de valorala coma a putada que realmente é para choricar porque non sae o sol.

E a nosa conciencia volve enclaustrarse.

Acúsenme de politicamente incorrecta, existencialista, nihilista e todos os –ista máis aborrecibles do mundo, mais temo que esta é a realidade e non quería máis que facerme eco dela, mirarme no espello e poñer un pouco os pés no chan, ese chan que o Deus de Curros Enríquez non quería contemplar e con razón. É moi posible que non poidamos facer moito e moito menos que nas nosas mans estea a solución. Nós non provocamos as guerras inxustas que condenaron á familia do meniño (unha de tantas que non parecen ser máis ca un número a ollos dos poderosos) a atopar a morte cando o único que querían era vivir lonxe das bombas, da fame, das violacións, das torturas e da represión. Mais o que temos que atallar xa é a nosa forma de ver as cousas e de valorar as inxustizas. Eles, os de aquí e os de acolá, eses tiranos que xogan con nós coma se fosemos marionetas cos seus conflitos porque si e as súas cobizosas contendas, conseguiron que nos vexamos coma o embigo do mundo. Conseguiron que non sexamos capaces de ver a miseria máis alá duns poucos segundos. Dicimos “que pena” pero logo montamos un cirio porque non nos gusta a comida que toca hoxe. Así somos e así debemos de deixar de ser. Logo cada un é moi libre de decidir se quere ou debe dar o seguinte paso.

E esa soberbia é mala compañeira, porque no fondo sabemos e somos moi conscientes de que mañá nos pode tocar a nós.

Xa, xa sei que nadando nunha piscina de dólares é moi doado cantarlle a iso de cambiar o mundo, pero a canción non deixa de ser moi apropiada...

Bo comezo de semana. Para nós sempre é un bo comezo.

mércores, 24 de xuño de 2015

O temazo da semana: “Rockin’ in the Free World”, de Neil Young

O que vou dicir é moi ostiable pero... A que nesta 
portada parece o xemelgo rockeiro de Chanquete???

Mi madriña... Que collonazos os de Donald Trump. Non tiña suficiente con ter a idea de bombeiro de presentar a súa candidatura ás primarias do Partido Republicano nin con propoñer a construción dun gran muro na fronteira entre os Estados Unidos e México (pagado polo estado mexicano, claro está) para frear a inmigración irregular, senón que ademais tiña que usar nos seus actos de campaña unha canción que mexa e cagha pola xente da súa calaña e tira máis cara o ideario dos seus adversarios políticos como é este temazo do que hoxe falarei un pouco. Se algo teño que agradecerlle a este magnate podre de cartos de siso comparable ao dun tubérculo e “muso” eventual do papel couché é que me dese a escusa definitiva para escoitar de novo en bucle infinito o enormísimo Rockin’ in the Free World, do canadense Neil Young.

Claro está que a eséxese literaria non é o forte do señor Trump ou pode que, coma case todo nesta vida, a manipulación e a contextualización xogasen ben as súas cartas para presentar Rockin’ in the Free World como un himno da reconquista neocon do poder ante miles de votantes e simpatizantes do partido do elefante. Folga dicir que tal depravación e deriva semántica de difícil xustificación etimolóxica non lle sentou nada ben a Neil Young, que se apresurou a emitir un comunicado dicindo algo así como que na vida lle daría permiso a un tipo coma Trump para usar un dos seus temas con ese fin e que efectivamente non llo deu, pregando por favor que non volva empregalo. Este é un fenómeno que xa ten os seus antecedentes irrisorios, como cando George Bush pai utilizou o Born in the USA de Bruce Springsteen como sintonía do patriotismo exacerbado do que os republicanos adoitan facer gala transmitindo este tema unha mensaxe diametralmente oposta ás ideas desta xentiña. E agora tocoulle ao pobre de Neil...


Pero deixemos a Trump coa súa demagoxia barateira de pre-campaña e viaxemos no Delorean ao 1989, ano da publicación de Freedom, o álbum no que se inclúe esta canción. Neste tempo de convulsión sociopolítica case de paz armada e no que a Guerra Fría estaba nas últimas, Neil Young relanzou a súa carreira musical (iniciada aló polos combativos anos 60) con este álbum. A súa traxectoria como músico e autor xa era máis que envexable, a pesar dos altibaixos e tanto en solitario como acompañado das distintas bandas das que formou parte, como Buffalo Springfield, Crazy Horse ou Crosby, Stills, Nash & Young, firmando temas inesquecibles coma Heart of Gold, Old Man, Ohio (este xunto a CSNY) ou Southern Man. Freedom ve a luz logo dunha longa etapa de experimentación que abrangue a década dos 80, unha época na que ao mesmo tempo que Young trata de loitar contra as súas pantasmas persoais, se reencontra cos máis diversos estilos ata confluír nun son máis puramente rockeiro e distorsionado que orna unha canción protesta sublime, nota predominante en Freedom, disco no que o seu compromiso político é aínda se cabe máis evidente. Un eléctrico retorno ás orixes que nos ten que encantar á forza.

Rockin’ in the Free World é a xoia da coroa deste álbum. Azoute da primeira administración Bush (xa ameazan con que haxa unha terceira desta dinastía de políticos aborreghados, dios nos colla confesados) e alegato ecoloxista que acaba sendo moito máis cando se lle engade o terceiro e máis importante factor: a experiencia persoal (sempre e cando non deturpes salvaxemente a mensaxe ao estilo de Donald Trump, claro está). O meu espertar á idade adulta e o fin da miña post-adolescencia coincidiron coa vitoria de Obama e o xa celebérrimo e nada plaxiado Yes, we can, caldo de cultivo idóneo para que a miña inxenua persoa se ilusionase unha migha e, por suposto, empezase a escoitar con máis entusiasmo e asiduidade cousas destas que lles ghustan aos demócratas. Springsteen, R.E.M.... Cousas así. A Neil Young tamén o meto no paquete a pesar de ser canadense porque lle vai ao pelo, francamente. E senón mirade o videoclip, perfectamente proxectable despois de calquera arenga mitineira pro-“toda esa xente que non ten morriña da era Reagan” para que o persoal se veña arriba. No seu día molou. Que ghuay eras por “rockear” no que ía ser o mundo libre megha estupendo do primeiro presidente negro dos Estados Unidos que ían ter sanidade publica, pechar Guantánamo, regularizar a inmigración, non meterse en máis freghados xeopolíticos e darlle unha dignidade en xeral á poboación... Ehem... Boeno, xa, a cousa non cambiou máis alá de certos aspectos estéticos e segue apestando a María Santirma pero este epic fail non me vai foder a canción!


As boas palabras, as promesas e os aires de cambio fóronse co vento coma o mundo sureño no que vivía a señorita Escarlata pero Rockin’ in the Free World seghiu aí en todo soporte reproducible que estivese na miña posesión e seghina disfrutando. Con outra perspectiva pero sen que deixase de ghustarme moghollón. Ten forza e gharra, é enérxica, potente, rabiosa, reivindicativa... Unha adrenalínica descarga de rock n’ roll cru con mensaxe e fondo que me trae algo máis que o recordo do soño da revolución que nunca vin nin creo que vaia ver (boeno, aghora si que estou falando coma unha vella!). Digamos que aparte de ser quen de seguir gozando do eido puramente musical (pois esa melodía péghaseche no hipotálamo si ou si), son capaz de entender o seu espírito de loita e revolta en clave individual. Isto é: soa esta canción e levántome da cama á de xa! É Neil Young “rockeando” no mundo libre! Se con iso non te ergues do sofá e tiras a manta e a cunca de cola-cao pola ventá, o máis probable é que xa sexas un friame vítima da inanición.

Rockin’ in the Free World tamén foi versionada, como non! O primeiro en facelo foi don Neil, pois dende o principio a súa idea era facer un dobrete que se inclúe no propio álbum Freedom: a versión eléctrica máis coñecida (e a que máis gusta e loce, atrévome a dicir) e unha versión en acústico extraída dun directo máis acorde coas esas raíces folk tan súas e que nunca deixa de todo de lado (solo de harmónica inluído, of course).


Polo xeral, os covers que atopei por aí non aportan gran cousa e non se lanzan con novos sons e estilos que lle dean unha segunda vida ao tema e poidan gustar polo menos tanto coma o tema de partida (agradezo que se me ilustre no tema no caso de que o meu lector apostrofado coñeza algunha versión que valla a pena). A carghación de bombo desta é completamente prescindible...


E esto... Boeno, para que o ghrupo do teu pobo a toque nun antro a modo de epílogo despois de que lle berres “Outra! Outra” baixo os efectos de substancias pasadas de graos etílicos está ben. Pero non para metela na vitrina de versións memorables.


En fin, neste caso máis que en ningún, o orixinal ten un sabor especial imitable pero nunca superable. E por iso nos quedamos con el por unanimidade. Non necesitamos máis argumentos, como molas Neil e ao carallo! Imos logo comezar a despedir este abafante mes de xuño cun auténtico temaaaaaaaaaaaaaazo!!! 


xoves, 18 de xuño de 2015

O humor negro

Son unha mala persoa. Unha persoa horrible. Vítima da depravación da sociedade e culpable da miña mezquindade. Decidín facer propósito de enmenda e recoñecer que teño un problema. Non volverei rirme nunca máis con todo aquilo que unha vez me fixo gracia e me converteu no ser desprezable que son agora. Así mo ensinaron estes días os sabios de corazón puro e traxectorias sen mácula que condenaron toda tortura e represión, nunca dixeron barbaridades en serio, xestionaron magnificamente a torrencial choiva política dos últimos 20 anos e non se enriqueceron a costa da nosa cada vez menos incipiente e si máis acusada miseria. Eles, unxidos pola vontade divina e inxustos perdedores do poder que por dereito lles pertence, abríronme os ollos e mostráronme que o meu ruín e ignominioso costume de rirme de case todo (mesmo do máis grave e doloroso) é unha aldraxe á dignidade, á democracia e á mesma humanidade. Como podería tan innobre muller agradecer a xenerosa e admirable ensinanza destes virtuosos? Expiando definitivamente os meus pecados e exorcizando o lado escuro do meu sentido do humor.

Xuro que nunca máis volverei rirme das infames bromas chanantes a propósito dos malos tratos que sufriu Michael Jackson na infancia por parte de seu pai. Só un rufián que se faga chamar a si mesmo cómico pode cuspir con frivolidade que a expresión “Te doy una ostia y te pongo a bailar” a inventou o pai de Jacko. Repugnante.


Prometo non volver ser punk. Ou polo menos, non ese tipo de punk. E antes de correr ao meu Bershka máis próximo para mercar unha camiseta dos Ramones mentres finxo que sei quen son, acúsome de ter escoitado cancións con tanta mala ostia coma estas. E rirme.




Endexamais me veredes poñendo un só episodio das ofensivas e degradantes creacións televisivas de Seth MacFarlane. Oh, Dios! Só de pensalo pónseme a pel de galiña, cantas veces esta pobre e pecadenta alma felizmente redimida polos enviados das ghaivotas se ten partido as cachas con barrabasadas coma estas!



Xa os seus precursores tiñan moito delito...  


O cine de Tarantino nin tocalo. Frivolizar coa violencia e encima provocar risa? Indignante!


E que me dicides dos impresentables de Videofobia? Esas bromas sobre os caídos na rodaxe dunha película cutre de serie “último decimal do abecedario non atopado” dirixida e protagonizada por un Bruce Lee de terceira rexional simplemente non teñen nome. “Tío Owen! Tía Beru!” , “Se han pasado con la máquina de los rayos UVA” ou “Seguro que están acreditados al final como Churrasco 1 y Churrasco 2” son algunhas das obscenidades que lle dedican aos cadáveres dun accidente de avioneta real (e recalco que foi real) que saen no filme a partir do minuto 17:53...


A lírica grega de burla que tanto me gustaba arderá na inquisitorial fogueira da razón!

Mentórides, quen che puxo tan descaradamente
o cu onde antes tiñas a boca?
Ti peideas, non respiras, e a voz sáeche dun túnel.
Marabillado estou de como o de abaixo se che puxo enriba!

A paixón de Cristo convertida nun teatriño con música ñoña! Pero que é isto? Como non puiden velo antes? É o demo nas súas múltiples formas!


Portadas inclasificables que penso destruír na trituradora de papel da miña memoria se os meus valedores non teñen a ben secuestralas!



Memes humillantes e inxuriosos que ben merecerían pasar pola lupa dun decente censor!


Prometo tomarme en serio as máximas axiomáticas dos grandes profetas do meu tempo e deixar de consumir escarnios de extrema esquerda radical "rojirma" revolucionaria do soviet marxista-leninista-stalinista que me lavan o cerebro!


Alberto, non estás só! Xamais volverei burlarme do teu León come gamba, obra magna da gastronomía mundial, nin da vergoñenta forma que tiveron de expulsarte! Agora son sensible a calquera desgraza allea por pequena ou ghrande que sexa!


[...]

O humor negro. 

O que queira “firmar o contrato” xa sabe. O que non queira ten a opción de non volver ler estas liñas no canto de esixir corrección política e castigar a irreverencia coma se estivesemos matando a alguén. Salvo que nos atrevamos cos ídolos das relixións orientais que non nos tocan, aí non pasa nada e todos queremos liberdade de expresión (que tamén). Total, eu non me vou meter en política, terei ese mínimo de intelixencia e non coma o ghordo ese de barba e pinta de talibán que se dedicou a utilizar o chío chío ese do carallo co fin real para o que foi creado: soltalas aínda máis ghrandes (ríndolle a homenaxe que a el lle tería gustado, supoño), e a repercusión será mínima. E paro, porque se non me pechan o blog seguro que se autodestrúe intentando canalizar o lotirmo de rabia que me produce a hipocrisía que manda neste país e no que cada un saca a súa particular vara de medir.

Xa non son Charlie. Nin agora son Zapata. Son eu mesma e seguirei séndoo.