luns, 29 de xullo de 2013

O temazo da semana: "Here I Go Again"


Gracias ao luns sabemos o que vale un venres. E gracias a melodías coma as de Whitesnake podemos agardar con optimismo, incluso nun luns, a ese fin de semana para o que xa queda un día menos. Here I Go Again é un himno á motivación, á loita e á superación. Só con escoitala xa unha ten ganas de erguerse e non parar, de seguir adiante, de deixar de depender das promesas de onte, de cambiar de idea, de non malgastar máis tempo, de irmos aló outra vez!

Esta canción apareceu na miña vida por vez primeira aló polo 2011 mentres vía na escuridade dun cine a batalla final de The Fighter (é que me encantan as películas de boxeo e esta, sen ser brillante, está moi ben e recoméndoa). No comezo desta pelexa, o personaxe encarnado por Christian Bale, un adestrador de boxeo adicto ao crack que busca redimirse elevando ao seu irmán (interpretado por Mark Wahlberg) á cuspide dos altares puxilísticos, motiva ao seu pupilo no ring cantando unha canción que comeza a soar por detrás, primeiro timidamente e logo xa como un estourido. Esa canción é Here I Go Again, de Whitesnake, unha canción que xa forma parte da banda sonora da miña vida.


Teño unha especie de fascinación case morbosa cos anos 80 e todo o que representan. A todos os niveis. E o chamado hair rock paréceme unha das expresións máis horteras, pode que sí, pero máis brillantes desta década. Que acusen a todos estes grupos do que queiran: que se son moi comerciais, que se rematou sendo un estilo pre-fabricado e xa todos acababan cantando a mesma canción coas mesmas pintas, que se son demasiado horteras, como xa dixen; que se son heavy “pasteleiro” e demasiado amable, que se ese organillo soa máis pasado que comer paella nun comedor universitario… A min encántanme! Estética e musicalmente, faltaría máis.

Para min, Here I Go Again é a mellor canción da historia que se pode inscribir neste estilo hair rock oitenteiro. Sí, a mellor. Hai unha épica, unha mística pop arredor deste tema que non alcanzo a describir sen parecer imbécil. Prodúcese unha total simbiose entre David Coverdale e eu, porque chega a un punto no que nos cansamos de camiñar sós ao longo da solitaria rúa dos soños e, veña, dálle! A berrar e a desbocarse! É unha canción moi grande, soa ampla, poderosa e contundente. Optimista e motivadora. E, como non podía ser doutro xeito, hai un “gorgorito” inimitable no que é imposible non desafinar e un solo de guitarra que efectúa unha transición estupenda.

Cantas veces teño berrado e feito meu o espírito do máis puro hair rock con esta canción! Na ducha, no coche, cociñando, movendo os labios en modo playback pola rúa coma se estivese no meu propio videoclip… Boeno, do videoclip mellor non falar, porque iso sí que é o colmo do absurdo (esa tipa que fai acrobacias no capó dun coche, que sae pola ventá do mesmo e que se pon a morrear ao vocalista mentres este conduce) e desmerece a canción, que non deixa de ser un auténtico temaaaaaaaaaaazo!

Non hai palabras para describir o monte de sensacións que me trae Here I Go Again. Só escoitándoa poderedes entenderme. Aí vola deixo para que vaiades poñéndolle o son axeitado a un fin de semana que seguro que será mellor e que xa logo chega!

                                       

domingo, 28 de xullo de 2013

"Persépolis", de Marjane Satrapi


Ter un estante grande e espazoso para albergar miles e miles de páxinas ten moitas vantaxes pero tamén presenta grandes inconvenientes: a indecisión para proceder á elección do segmento de páxinas a ler e a falta de tempo para absorber todo o volume de información, cultura e enriquecemento intelectual atesourado entre esas catro madeiras. Porén, hai uns dous meses aproximadamente tiven moi claro cal era o libro que quería que formara parte da miña selección de imprescindibles: a novela gráfica Persépolis, da historietista iraniana Marjane Satrapi.

As referencias que tiña desta obra non podían ser mellores e así o confirmei ao dar por concluída a súa lectura. Persepolis foi publicada entre os anos 2000 e 2003 en catro tomos que contaban, dun xeito autobiográfico, os cambios producidos en Irán no contexto da revolución islámica de 1979. A través da mirada infantil, adolescente e adulta da propia Marjane Satrapi, ábresenos unha ventá á historia deste país ao mesmo tempo que se desmontan moitos dos tópicos que tenden a polarizar e confrontar ás sociedades orientais e ás sociedades occidentais. O periplo vital de Satrapi é o de moitas mulleres iranianas, pese a que as diferenzas son acusadas. Nacida nunha familia progresista e oposta tanto ao reinado do Sha como á República Islámica, a súa visión dos conflitos que tanto castigaron a este país na década dos 80 caracterízase por unha policromía inesperada nun primeiro momento: critica abertamente a represión da deriva relixiosa e fundamentalista do proceso revolucionario pero tamén censura a ambigüidade e a hipocresía dun mundo occidental que se vende como máis avanzado e democrático pero que, en realidade, condena aos fuxidos da guerra a un ostracismo político e social igualmente cruel.

A historia comeza, como é obvio, no Teherán do ano 1979, ano no que a pequena Marjane é testemuña da ondada de protestas e reivindicacións que derrocan ao Sha, unhas revoltas esperanzadoras para os seus pais, que non entenden que o descontento do pobo non desemboque finalmente nunha república democrática e laica. Porén, as cousas tórcense e o islamismo pasa a tomar o control da revolución, impoñendo e prohibindo todo aquilo que estes temeron. A situación faise insostible e, no medio dunha contenda tanto interior como exterior (o enfrontamento co Irak de Sadam Hussein), Marjane marcha a estudar a Viena por expreso desexo de seus pais. En Austria, coñece un mundo completamente novo e inconcibible en Irán pero, lonxe de mirar a esta Europa de acollida con optimismo, Marjane sofre e vese discriminada constantemente debido aos prexuízos dunha sociedade occidental ignorante e que prefire mirar cara outro lado mentres só busca o seu propio beneficio. Finalmente, cede á presión e decide volver a Teherán, unha vez finalizada a guerra co país veciño. O Irán que coñeceu nada ten que ver co que atopa ao seu regreso, pois o islamismo impregna e condiciona todas e cada unha das facetas da vida cotiá, reprobando incluso os praceres máis banais e frívolos e que carga dun xeito especial contra as mulleres, polo que ela padece o lado máis duro da opresión nas súas propias carnes. Tras concluír os seus estudos universitarios e liberarse dun matrimonio falido, decide marchar a Francia.


Esta sería, grosso modo, a historia que se nos conta nos catro volumes que compoñen Persépolis, volumes integrados por anécdotas, pequenas historias cotiás e moi clarificadoras dirixidas especialmente a un lector occidental pouco versado na materia e que arrastra unha educación cultural e social na que os países islámicos, como o Irán que retrata Marjane Satrapi, non gozan de moi boa prensa. O bo de Persépolis é precisamente iso, que consegue derrubar a torre de cristal etnocentrista na que se illa o mundo occidental pero sen constituír un panexírico do relativismo cultural. Todo canto se ve nesta novela gráfica está coidadosamente pasado pola criba dunha mirada incisiva, que retrata sen contemplacións nin concesións as perversións tanto do réxime islámico (a falta de liberdades individuais, o fundamentalismo relixioso, a nula pluralidade política, a violencia ou as inxustizas) como as dos países de Occidente (a desconfianza, os prexuízos, a ignorancia ou a exclusión de quen se ve diferente). Moitas historietas provocan un leve sorriso, case macabro, porque Satrapi logra transmitir axeitadamente o nivel de dureza das súas vivencias pero sen renunciar a ese punto sarcástico e satírico tan delicioso e que non fai decaer o ritmo da lectura en ningún momento.


Resulta case imposible tentar imaxinar Persépolis como unha novela máis, pois a súa planificación formal como un cómic enaltece dun xeito considerable a forma de contar a historia. A imaxe non só é necesaria senón que se fai imprescindible. E isto sen que o protagonismo do contido se esvaeza. O trazado do debuxo é simple pero claro (en branco e negro a excepción dun pequeno epílogo que aparece a color) co que a súa relación coa historia é dun equilibrio total.

Hai cousas que me gustan especialmente desta obra, que me encanta e xa é unha das miñas favoritas. Gústame moito a tenra pero en ocasións tensa relación da protagonista coa súa avoa e durante todo o relato percíbense a admiración e respecto que Marjane lle profesa e que lle dan un lugar destacado na historia, como un dos seus principais referentes. A avoa é un paradigma da sabedoría e da sensatez que o lector recoñece como unha figura universal e decisiva na vida de calquera ser humano. Porque Satrapi en ningún momento da narración despreza o seu acerbo cultural e vemos como, pouco a pouco, se supera ese conflito persoal coa identidade ao que se ve inducida pola intolerancia occidental e as dificultades que ha de atravesar no seu propio país, e na superación dese conflito tanto os personaxes da avoa como os dos pais son claves. A vida de Marjane en Viena ocupa unha parte importante da obra, a totalidade do terceiro tomo está dedicada a contar esta estimulante pero devastadora experiencia, posto que se van encadeando tanto ledicias como decepcións e non me resultou nada difícil identificarme en certo modo coa autora cando mira ironicamente ao cinismo e á frivolidade dunha xuventude europea que o ten todo e non valora nada, nin sequera esa liberdade individual que en Irán non se pode nin soñar. Tamén me entusiasma (ao mesmo tempo que me enche de esperanza) ver que a muller iraniana que debuxa Marjane Satrapi non ten nada que ver con esa muller oprimida, tradicionalista, relixiosa e ignorante que aparece con demasiada frecuencia nos medios occidentais. De novo, Satrapi desmonta un prexuízo sen sentido, pois en Persépolis aparecen mulleres moi desprexuizadas falando de homes, de sexo, de divorcios, de política, etc. De feito, a avoa aparece coma unha muller moderna e independente, que se divorciou e que ten unha opinión propia. Talvez este caso e o da propia autora non sexan os máis ilustrativos pero incluso nas mulleres máis dominadas e anuladas polo réxime vemos condutas nada convencionais.


A película do 2007, dirixida por Vincent Paronnaud e a propia Marjane Satrapi, mantén o espírito da novela gráfica aínda que, como é evidente, dun xeito adaptado e abreviado. Ver como as imaxes quedas do cómic cobran vida gracias á animación dálle outro sentido á historia e é o complemento ideal á lectura da obra orixinal. O filme é altamente recomendable pero a novela segue sendo imprescindible.


De verdade, lédea porque non o lamentaredes. É simplemente xenial!

sábado, 27 de xullo de 2013

De nostalxia e outros males da vellez (I): "Go, go, Power Rangers!"


Despois dalgunha que outra xornada pouco benigna e xa que estamos en fin de semana e as neuronas xa comezan a sufrir o seu proceso de debilitación paulatina semanal, procedo a falar dun tema de gran inocuidade, para non ter que pensar moito ou dedicar moitos esforzos á lectura. Coma todos os seres dotados de vida e de pensamento, eu tiven unha infancia. E foi unha infancia ben normal, pese a que, agora, as infancias que tiveron lugar nos 90 comezan a ter a mesma consideración e xa empezan a gozar do mesmo respecto cultural que esas infancias vintage dos 80 ou os 70. Por suposto, a televisión foi un dos grandes alicerces nos que se asentaron os meus gustos puerís e unha ventá aberta a mundos irreais a través da que se perpetrou un dos maiores crimes que caracterizaron a miña nenez: a miña obsesión cos Power Rangers.

Só por se acaso intentarei refrescar a memoria do respectable: os Power Rangers son uns coñecidos personaxes dunha serie de televisión estadounidense (que tivo infinitas versións ata hai ben pouco) que neste 2013 cumpre 20 anos, motivo polo que lles vou render a miña particular “homenaxe”. Esta serie baseábase, á súa vez, nun arquetipo televisivo xaponés, os sentai, que un produtor de orixe exipcia, Haim Saban, adaptou ao mundo occidental. Ben, isto que de os chamados sentai foron adaptados é bastante discutible, porque o único que fixeron foi crear unha trama con actores americanos mentres as escenas de acción eran as mesmas do orixinal nipón. Cortar e pegar, así de sinxelo! E barato! E cutre! Moi cutre!

Pero boeno, o caso é que a min encantábanme os Power Rangers. Pero só me gustaban os das primeiras etapas, en especial, os seis Power Rangers que logo aparecerían na película de 1995 (logo vou a iso). Cal era o argumento desta serie? Ben, pois case se pode dicir que non tiña argumento e que os seus guionistas tiñan pouco choio, posto que contaba a historia duns poucos adolescentes recrutados por un señor moi, moi, moi raro chamado Zordon (creo que era interdimensional ou non sei como raio o definían) que vivía cun robot, Alpha (bastante máis “amaneirado” que C3PO), para formar un equipo de guerreiros ao servizo do ben e da xustiza. Este tal Zordon conferíalles poderes case ilimitados, uns traxes caralludos e uns vehículos último modelo, os zords, que se podían unir formando un megazord, para salvar o mundo. O primeiro gran gazapo é: como narices a un fulano que leva miles de anos vivindo nun bote de cristal, ao que só se lle ve a cara e que está mal dobrado (todo moi normal, vamos) se lle ocorre depositar o destino do mundo (máis ben, a seguridade nacional dos Estados Unidos) nas mans duns rapaciños coas hormonas revolucionadas? Sí, eu tamén creo que é unha decisión moi intelixente…


Os personaxes eran planos de todo, realmente non sei como incluso un neno pode chegar a empatizar con eles. Na primeirísima etapa da serie eran cinco: Jason, o ranger vermello; Zack, o ranger negro; Trini, a ranger amarela (non lembro o nome de ningún dos actores que os interpretaban, nin creo que mereza a pena recordalo, aínda bo é que me acordo dos outros!); Kimberly, a ranger rosa (Amy Jo Johnson) e Billy, o ranger azul (David Yost). Estes tiñan que enfrontarse coas forzas do mal, é dicir, cunha inxente cantidade de viláns absurdos e estúpidos (Rita, Lord Zedd, Goldar…) cuxo propósito de subxugar a toda a raza a humana era menos crible que Rajoy asegurando que para o ano saímos da crise.

Algúns dos rangers que veño de citar pronto desapareceron sen deixar rastro, parece ser que por reclamar melloras salariais (realmente, participar en semellante despropósito televisivo debería estar moi ben remunerado), o que significou o seu fulminante despido da serie. O elenco renovouse con novas caras: Rocky como o ranger vermello (Steve Cardenas), Aisha como a ranger amarela (Karan Ashley) e Adam como o ranger negro (Johnny Yong Bosch). A estes cinco rangers, Zordon engadiu un líder: o ranger branco, un tal Tommy interpretado por Jason David Frank.


Coma toda franquicia ansiosa de xerar beneficios, os Power Rangers non tardaron en dar o salto á gran pantalla con Power Rangers: a película (1995), un remix de todos os topicazos da serie, cunha trama que seguía a mesma estrutura argumental de calquera capítulo solto e que, por suposto, foi un éxito, especialmente en España e nos países latinoamericanos. E a min tamén me encantaba esta película, como non podía ser doutro xeito. E gustoume porque mellorou dun xeito considerable o que se vía na serie de televisión: os traxes dos power rangers parecían máis resistentes, a metamorfose era máis espectacular, o centro de mando de Zordon era máis moderno, o vilán principal tiña un pouquiño máis de carisma (un tal Ivan Ooze ao que debo agradecer o noxo que lle teño á col lombarda 18 anos despois), etc. Había unha serie de aspectos formais na película que non a facían tan cutre coma a serie, o cal non quita que tivera graves deficiencias (non imos incluír o argumento porque xa damos por sentado que é un bodrio) e cousas que son auténticas memeces: o malo sae dun ovo, DUN OVO, enterrado hai 6000 anos nas profundidades da cidade imaxinaria de Angel Grove; non sei onde van os superpoderes de Kimberly porque se pasa toda a película berrando “Tommy!” para que a salve (esa ranger rosa tan covarde e estereotipada que eu me pedía sempre no xogo, como cambia a vida), todo o mundo sabe que Tommy e Kimberly están liados pero na película tan só se desliza dun xeito sutil que deben ter ganas de atoparse os dous sós nun palleiro nunha noite de xeada, os personaxes de Bulk e Skull seguen sendo igual de insulsos que na serie e non fan puta gracia, os zords xerados por ordenador envelleceron bastante mal, a subtrama dos pais hipnotizados é igualmente anódina, os secuaces de Ivan Ooze non inspiran ningún tipo de respecto ou perigo, esa guerreira-sacerdotisa émula de Raquel Welch que axuda aos rangers a recuperar os seus poderes tamén é un estereotipo que non ten máis sentido que o de provocar algunha erección no público púber… Para completar esta cadea de desastres inherentes a unha película comercial e estival dirixida a un público novo, remítovos ao “Crítico da nostalxia”…


O mellor sen dúbida desta película era ver que se podía facer paracaidismo co Higher Ground de Stevie Wonder (versionado polos Red Hot Chili Peppers) e escoitar Dreams de Van Halen ao final (benditos 80!). Pero se avanzamos uns anos no tempo, concretamente uns dous anos máis tarde, tropezaremos cunha película que fai que Power Rangers: a película poida ser considerado un filme de Oscar ou de Palma de ouro: Turbo Power Rangers! Esta ¿película? é tal despropósito que a súa cualificación pola miña parte excede hiperbolicamente calquera expectativa negativa creada pola mesma, é dicir, que é unha merda. Máis rangers que desaparecen sen deixar rastro, un neno que usurpa o lugar do ranger azul, monstros aínda máis feos e ridículos, efectos especiais de pacotilla, un argumento aínda máis tonto que o da anterior película… En fin, mala non, malísima! E, por unha vez, o público reaccionou dunha forma axeitada, xa que foi un fracaso total e non gustou nin aos fans máis acérrimos. Por se alguén quere ampliar (aínda que o dubido), o crítico da nostalxia tamén lle dedica uns minutos a esta cousa…


A miña historia cos Power Rangers rematou pronto, posto que era unha serie tan infantil que non podía ser asimilada por raparigos de máis de 8 anos, supoño. Lembro a primeira película cunha especial nostalxia unicamente porque forma parte da miña infancia, desa infancia noventeira que agora está a ser debidamente reivindicada e que non se entende sen estes personaxes que á historia non creo que pasen (é medrar e darte conta do absurdo que era todo) pero que permanecerán aí para algúns e para lembrarnos o que fomos. Pois iso, rapaces, A METAMORFOSEARSE! 


venres, 26 de xullo de 2013

Unhas verbas...

Estes son días propicios para que se dean unha serie de emocións altamente mediatizadas. A compaixón volve revelarse coma o máis egoísta dos sentimentos. Posiblemente moitos tendan a sentirse mellor ou a sentirse mellores persoas facendo propias citas tan gastadas como “todos iamos nese tren”, “ánimo Galicia” ou “o meu máis sentido pésame ás familias”. Unha traxedia colectiva provoca que agromen este tipo de tópicos e sensibilizacións máis ben artificiosas: telexornais ou crónicas de sucesos que inciden e reinciden no morbo, música tráxica de fondo, condolencias institucionais nada reconfortantes... Porén, o impacto inicial que se produce cun acontecemento tan duro invita a pensar e a reflexionar. A min tamén.

Estamos bastante afeitos á violencia en todas as súas formas e moi anestesiados fronte ao infortunio alleo, o cal non quita que poidamos sentir unha mágoa real polos nosos semellantes, que efectivamente existe, máis alá de todas as influencias, ao meu xuízo, prexudiciais que veño de citar. A condición humana é así de contraditoria e sorprendente. E resulta un consolo ver que, no medio da miseria, aínda queda un espazo para a solidariedade, a xenerosidade e o dó. Isto último é das únicas cousas positivas que se poden sacar dunha eventualidade desta magnitude.

Trala condena á (des)información e a admiración por ese lado realmente humano das persoas, tan esperanzador e benévolo, chega o terceiro estadio, un estadio ao que creo que chegamos moitos estes días, non só eu: as inevitables preguntas sobre o sentido e fugacidade da vida. Somos incapaces de asumir unha existencia que non nos sitúe no centro do universo, da creación para algúns, pero, en cambio, non tardamos en vernos tan insignificantes na fumareda do desastre. É o imprevisible do final e das súas causas e circunstancias o que nos provoca medo e respecto, o que nos asusta penetrando en nós coma un calafrío que percorre todo o noso corpo. Mais, por que choras, Marcia?, diríalle Séneca a esta Galicia que se deitou destrozada e se ergueu aturdida, pois a morte, mesmo esa morte temperá que tan inxusta nos parece (coma se o pasamento dun ancián non fose merecedor de lamento algún), é algo natural e só a través dela percorreremos un camiño máis elevado. Porén, contrariamente ao que pensan os que dirixen as súas pregarias a algún ídolo de mármore mentres eu “garabateo” esta ridícula cavilación, isto é o único que temos, unha brevitas que se esfuma nuns días, uns chanzos que non tardamos en subir, unha pequena montaña de area que axiña escalamos, un mencer que logo chega ao luscofusco.

Todo continúa, todo segue e πάντα ῥεῖ. Nunca volveremos vivir nada semellante, xa virá outra desgraza que poida soterrar esta no máis profundo do noso esquecemento e que nos volva lembrar dun xeito aínda máis macabro pero igualmente efémero o que nunca deixamos de ser: simples mortais. Con todo, que ningún dos vosos pasos sexa en van, mañá volveremos vivir un primeiro día do resto da nosa vida e teremos unha oportunidade máis, non para redimirnos e petar ás portas do ceo, senón para poder sentarnos e dicir: xa está, valeu a pena. Isto é todo.

martes, 23 de xullo de 2013

Feliz día da matria...

                         

           Adiántome á celebración patriótica e relixiosa por antonomasia desta nosa terra con algunha reflexión (non sei se incómoda, politicamente incorrecta ou directamente "chorra" e carente de toda lóxica ou fundamento), porque neste blog colle todo o que lle poida pasar pola cabeciña a unha servidora, mesmo aquelas opinións pouco populares que a poidan condenar ao averno das redes sociais! Pero boeno, hai que mollarse aínda que só sexa un pouquiño.

           Día da patria galega… Patria? Que patria? Esta palabra próeme dun xeito singular por dous motivos fundamentais: o primeiro, a idea de ter unha nación na que asentar todas as miñas expectativas políticas e persoais. Digamos que sinto unha certa simpatía polo nacionalismo galego en particular por motivos moi obvios, creo que é evidente, e non nego que podo empatizar con outras sensibilidades nacionalistas do mundo, mais é posible que ese sentimento nacionalista que se manifesta en min dun xeito desigual e escéptico nacera como resposta á conduta a todas luces opresiva e pouco amable do poder establecido (preferentemente dereitista, capitalista e patriarcal). Se por min fora, se só dependera de min mesma, o anarquismo definiría á perfección o meu ser político pero hai tempo que aceptei e acatei (non moi a gusto) a existencia dunha superestrutura de liderado coa que teño que convivir, lidiar e á que debo contribuír dun xeito ou outro so pena de que as miñas opinións respecto da mesma perdan toda a súa validez. Pero de entrada, digamos que o sentimento patriótico e nacionalista non me chista moito, unha entidade tan pouco definida e abstracta como é a nación (case tanto como ese Deus do que tanto renego) non me merece moita credibilidade.

            O segundo motivo polo que non me gusta moito iso da patria atópase na orixe mesma desa palabra, que funde as súas raíces no termo latino pater (“pai”, como é evidente). Dicir “patria” reflicte, ao meu modo de ver, unha tendencia ideolóxica inclinada cara o dominio nacional patriarcal, asumindo unha idea cuxa vixencia se fortaleceu durante séculos e que non entendeu nin de esquerdas, nin de dereitas, nin do inexistente centro: o estado é cousa de homes. Ás mulleres debería darnos vergoña erguer o puño por unha patria, de verdade. Ningunha patria velou polo noso dereito inalienable a decidir sobre o noso corpo, ningunha patria erradicou nin erradicará, polo visto, a violencia misóxina e machista (tanto a simbólica como a física) e ningunha patria garantiu a liberdade individual de cada muller. NINGUNHA.

            En fin, todo isto (que obviamente se pode discutir, tan só é o que eu penso sobre iso que chaman patria) non era máis que un preámbulo. En realidade, só era unha escusa para comentar un documento sobre o que tiña ganas de falar: unha conferencia de Teresa Moure, escritora, activista política e feminista e profesora na USC, titulada O desafío de xénero fronte á crise capitalista. Non coñezo persoalmente a esta autora e o certo é que nunca lin un libro seu, o único que sei dela debo remitilo a unha das principais fontes de coñecemento do mundo contemporáneo: Youtube. Sí, seino. É triste. Porén, iso non me privará de poñer enriba da mesa unha serie de cuestións francamente interesantes que se analizan neste vídeo.


Debo dicir que me gusta a visión que ten esta muller do feminismo, unha visión que non creo que lle fora inspirada da noite para a mañá e que imaxino que será froito de horas e horas de lecturas, conferencias e reflexións. Aínda que todo é opinable e discutible, o fondo do que ela expón gústame: rexeita a versión máis rancia e falsa do que algúns entenden por feminismo, é dicir, que as mulleres pasemos de oprimidas a opresoras sen máis, ocupando todos os espazos de poder político, económico e social ata agora detentados por homes sen máis propósito que ese, o de empoderarnos e invertir os roles, algo que non é máis que un obxectivo limitado que non responde ás reivindicacións reais do feminismo.

Pese a que discrepo co asunto do acoso e derribo ao emprego na linguaxe do masculino xenérico como algo prioritario (para min, non deixa de ser unha concesión “chorra” e meramente institucional que escurece o fondo real das proclamas do feminismo, con todo, admito que a linguaxe tende a ser sexista, moi sexista), hai máis cousas que me entusiasman da súa arenga como, por exemplo, a necesidade dunha solidariedade e dunha sociedade do feminismo con outros movementos de reivindicación, coma o ecoloxismo ou a loita antirracista. Tamén me gusta ver que o feminismo que defende Teresa Moure está ancorado nun proxecto vital fondamente afectivo, isto é, que as mulleres non deben prescindir dos afectos por aspirar a unha serie de obxectivos. Eu interpreto que a negación destes afectos non nos fai máis mulleres ou máis libres ou máis independentes (pódese ter parella ou fillos e seguir sendo feminista, vamos) segundo o que escoitei no vídeo. Aínda así, o que ela chama “liderado entrañable” paréceme un dos eufemismos máis impíos que tiven a oportunidade de escoitar…

Pero, repito, que ningún destes detalles cos que eu persoalmente non concordo desmereza o fondo e a mensaxe principal deste parlamento (e evitarei mencionar que todo o que ela expón choca un pouco coas súas aspiracións políticas persoais, posto que hai pouco tempo formou parte das listas electorais ao senado dun partido político que acata en gran parte, a pesar da súa ideoloxía de partida, as normas dese sistema patriarcal, capitalista, competitivo e agresivo que tanto critica): o feminismo é moito máis do que se nos intentou transmitir ao longo da historia máis ben recente deste movemento e os seus obxectivos non son tan reducionistas, posto que non debemos conformarnos con conquistar a esfera do poder case como se dunha vendetta contra os homes se tratase. E eu creo que esta é unha idea sobre a que todas as mulleres deberiamos reflexionar en vísperas do día conmemorativo diso que chaman “patria galega” que, coma todas as patrias, é excluínte con nós, co “outro”, que dicía Simone de Beauvoir e que Moure tamén cita. Non debemos resignarnos á consecución dun obxectivo limitado e a consecución da patria galega, para min, é un obxectivo limitado que non debemos apoiar, senón que debemos ir máis aló.

E non teño máis que dicir…

Feliz día da matria (para os que a teñades)!

luns, 22 de xullo de 2013

Galería de ídolos femininos (I): Florence Welch


Adoro a Florence Welch. Punto. Que o diaño me leve a todas as divas do mundo, que carrexe para o inferno a todas as Mariah Carey, Céline Dion e ás que queren parecerse a elas! Que se esparexan polo Hades todos eses esperpentos de talent show que non saben máis que abarcar unha morea de oitavas sen ter un ápice de aquilo que é indispensable en calquera artista pop: carisma.

            Florence Welch (ou Flo, como me gusta chamala coma se tivesemos unha relación moi próxima) é todo carisma. Pura arte. Unha voz descomunal que nada ten que envexarlle ás mamarrachas de agudos estridentes que veño de mencionar. Unha artista por dereito propio, un estilo inconfundible e un repertorio que se axusta á perfección a unhas cualidades vocais que acadan o sublime. E, por se todo isto fose pouco, é belísima, para min unha das cantantes máis fermosas que vin e escoitei.


            No plano musical, o primeiro disco da súa banda Florence + The Machine, titulado Lungs (2009), xa era unha auténtica marabilla na que ese estilo para min tan ambiguo e impreciso chamado indie revelaba unha das súas mellores vertentes. Gracias a temas tan motivadores e tan ben construídos como Dog Days Are Over tiven ganas de erguerme da cama e poñerme a correr ou a berrar, eu que sei! Esta canción evocoume e segue evocándome un espírito de superación e vitoria, coma un impulso eléctrico que me empurra a seguir, unha canción moi optimista na que o ritmo e a voz son pezas fundamentais da engrenaxe.


             Pero foi con Ceremonials (2011) cando acabei de convencerme de que a calidade e o éxito de Lungs non eran circunstanciais nin anecdóticos. En Ceremonials non hai borralla, é un temazo tras doutro, unha morea de himnos nos que a voz de Flo resoa coma nunca e coa que se pode comprobar que o comercial non ten por que ser pernicioso. Porque sí, agora en pleno 2013, supoño que se che gusta moito, moito, moitísimo Florence Welch (como me pasa a min) xa non eres guay… Endemoniados hipsters… Boeno, como dicía, Ceremonials é o máis parecido a unha ascensión ao ceo que se poderá atopar en vida nun bo disco, todas as cancións teñen un cariz case mesiánico, unha instrumentalización que sempre vai in crescendo e un fondo catárquico inigualable. Escoitar Ceremonials é coma unha misa pop, ideal para doentes de ateísmo pero admiradores de toda a épica que xira en torno á relixión coma min. Os mellores cortes? Hai tantos… Pero What The Water Gave Me, Shake It Out e No Light, No Light configuran o meu podio de Ceremonials, un disco que nunca aburrirei nin deixarei de recomendar.


            Flo é única no panorama musical actual e para min é unha icona indiscutible noutro terreo que hoxe en día non parece menos importante para triunfar (aínda que non sexa máis que unha frivolidade): o da moda. Ninguén coma ela sabe levar un Alexander McQueen de Sarah Burton, un Elie Saab, un Givenchy de Riccardo Tisci, un Yves Saint Laurent de Stefano Pilati ou un Gucci deseñado exclusivamente para ela… Consegue transmitir coas súas prendas e coa súa forma de levalas ese algo etéreo que tamén transmite a súa espectacular voz.


            Todo canto esta muller toca faime amala cada vez máis: a súa participación na banda sonora de O gran Gatsby (Baz Luhrmann, 2013), unha colaboración nun recente concerto dos Rolling Stones, cos que interpretou unha das mellores cancións da historia do rock, Gimme Shelter e na que volveu exhibir a maiestas do seu prodixioso rexistro vocal; ou unha versión doutro temazo dos Fleetwood Mac, The Chain, unha homenaxe á súa gran e non menos xenial precursora: Stevie Nicks.


            E xa para ir rematando, o mellor clímax que se lle pode dar a esta oda á enormísima Florence Welch é un pouco de música. Escoitádea e aprenderedes a admirala, amala, adorala, idolatrala, venerala e celebrala coma min.


Retornando do meu delirio infanticida...

Non atoparedes nestas liñas máis pretensión que a de expresar a quen tropece coas mesmas (impulsado por unha adversa τύχη) unhas poucas e frívolas inquedanzas... Non aspiro a caer ben nin a crear opinión nun gran público, só aspiro a escribir sobre futilidades, menudencias e trivialidades varias cun purísimo sermo humilis que lle aporten unha mínima satisfacción á miña individualista e narcisista pero mediocre persoa.


E, por suposto, en galego.