mércores, 24 de xuño de 2015

O temazo da semana: “Rockin’ in the Free World”, de Neil Young

O que vou dicir é moi ostiable pero... A que nesta 
portada parece o xemelgo rockeiro de Chanquete???

Mi madriña... Que collonazos os de Donald Trump. Non tiña suficiente con ter a idea de bombeiro de presentar a súa candidatura ás primarias do Partido Republicano nin con propoñer a construción dun gran muro na fronteira entre os Estados Unidos e México (pagado polo estado mexicano, claro está) para frear a inmigración irregular, senón que ademais tiña que usar nos seus actos de campaña unha canción que mexa e cagha pola xente da súa calaña e tira máis cara o ideario dos seus adversarios políticos como é este temazo do que hoxe falarei un pouco. Se algo teño que agradecerlle a este magnate podre de cartos de siso comparable ao dun tubérculo e “muso” eventual do papel couché é que me dese a escusa definitiva para escoitar de novo en bucle infinito o enormísimo Rockin’ in the Free World, do canadense Neil Young.

Claro está que a eséxese literaria non é o forte do señor Trump ou pode que, coma case todo nesta vida, a manipulación e a contextualización xogasen ben as súas cartas para presentar Rockin’ in the Free World como un himno da reconquista neocon do poder ante miles de votantes e simpatizantes do partido do elefante. Folga dicir que tal depravación e deriva semántica de difícil xustificación etimolóxica non lle sentou nada ben a Neil Young, que se apresurou a emitir un comunicado dicindo algo así como que na vida lle daría permiso a un tipo coma Trump para usar un dos seus temas con ese fin e que efectivamente non llo deu, pregando por favor que non volva empregalo. Este é un fenómeno que xa ten os seus antecedentes irrisorios, como cando George Bush pai utilizou o Born in the USA de Bruce Springsteen como sintonía do patriotismo exacerbado do que os republicanos adoitan facer gala transmitindo este tema unha mensaxe diametralmente oposta ás ideas desta xentiña. E agora tocoulle ao pobre de Neil...


Pero deixemos a Trump coa súa demagoxia barateira de pre-campaña e viaxemos no Delorean ao 1989, ano da publicación de Freedom, o álbum no que se inclúe esta canción. Neste tempo de convulsión sociopolítica case de paz armada e no que a Guerra Fría estaba nas últimas, Neil Young relanzou a súa carreira musical (iniciada aló polos combativos anos 60) con este álbum. A súa traxectoria como músico e autor xa era máis que envexable, a pesar dos altibaixos e tanto en solitario como acompañado das distintas bandas das que formou parte, como Buffalo Springfield, Crazy Horse ou Crosby, Stills, Nash & Young, firmando temas inesquecibles coma Heart of Gold, Old Man, Ohio (este xunto a CSNY) ou Southern Man. Freedom ve a luz logo dunha longa etapa de experimentación que abrangue a década dos 80, unha época na que ao mesmo tempo que Young trata de loitar contra as súas pantasmas persoais, se reencontra cos máis diversos estilos ata confluír nun son máis puramente rockeiro e distorsionado que orna unha canción protesta sublime, nota predominante en Freedom, disco no que o seu compromiso político é aínda se cabe máis evidente. Un eléctrico retorno ás orixes que nos ten que encantar á forza.

Rockin’ in the Free World é a xoia da coroa deste álbum. Azoute da primeira administración Bush (xa ameazan con que haxa unha terceira desta dinastía de políticos aborreghados, dios nos colla confesados) e alegato ecoloxista que acaba sendo moito máis cando se lle engade o terceiro e máis importante factor: a experiencia persoal (sempre e cando non deturpes salvaxemente a mensaxe ao estilo de Donald Trump, claro está). O meu espertar á idade adulta e o fin da miña post-adolescencia coincidiron coa vitoria de Obama e o xa celebérrimo e nada plaxiado Yes, we can, caldo de cultivo idóneo para que a miña inxenua persoa se ilusionase unha migha e, por suposto, empezase a escoitar con máis entusiasmo e asiduidade cousas destas que lles ghustan aos demócratas. Springsteen, R.E.M.... Cousas así. A Neil Young tamén o meto no paquete a pesar de ser canadense porque lle vai ao pelo, francamente. E senón mirade o videoclip, perfectamente proxectable despois de calquera arenga mitineira pro-“toda esa xente que non ten morriña da era Reagan” para que o persoal se veña arriba. No seu día molou. Que ghuay eras por “rockear” no que ía ser o mundo libre megha estupendo do primeiro presidente negro dos Estados Unidos que ían ter sanidade publica, pechar Guantánamo, regularizar a inmigración, non meterse en máis freghados xeopolíticos e darlle unha dignidade en xeral á poboación... Ehem... Boeno, xa, a cousa non cambiou máis alá de certos aspectos estéticos e segue apestando a María Santirma pero este epic fail non me vai foder a canción!


As boas palabras, as promesas e os aires de cambio fóronse co vento coma o mundo sureño no que vivía a señorita Escarlata pero Rockin’ in the Free World seghiu aí en todo soporte reproducible que estivese na miña posesión e seghina disfrutando. Con outra perspectiva pero sen que deixase de ghustarme moghollón. Ten forza e gharra, é enérxica, potente, rabiosa, reivindicativa... Unha adrenalínica descarga de rock n’ roll cru con mensaxe e fondo que me trae algo máis que o recordo do soño da revolución que nunca vin nin creo que vaia ver (boeno, aghora si que estou falando coma unha vella!). Digamos que aparte de ser quen de seguir gozando do eido puramente musical (pois esa melodía péghaseche no hipotálamo si ou si), son capaz de entender o seu espírito de loita e revolta en clave individual. Isto é: soa esta canción e levántome da cama á de xa! É Neil Young “rockeando” no mundo libre! Se con iso non te ergues do sofá e tiras a manta e a cunca de cola-cao pola ventá, o máis probable é que xa sexas un friame vítima da inanición.

Rockin’ in the Free World tamén foi versionada, como non! O primeiro en facelo foi don Neil, pois dende o principio a súa idea era facer un dobrete que se inclúe no propio álbum Freedom: a versión eléctrica máis coñecida (e a que máis gusta e loce, atrévome a dicir) e unha versión en acústico extraída dun directo máis acorde coas esas raíces folk tan súas e que nunca deixa de todo de lado (solo de harmónica inluído, of course).


Polo xeral, os covers que atopei por aí non aportan gran cousa e non se lanzan con novos sons e estilos que lle dean unha segunda vida ao tema e poidan gustar polo menos tanto coma o tema de partida (agradezo que se me ilustre no tema no caso de que o meu lector apostrofado coñeza algunha versión que valla a pena). A carghación de bombo desta é completamente prescindible...


E esto... Boeno, para que o ghrupo do teu pobo a toque nun antro a modo de epílogo despois de que lle berres “Outra! Outra” baixo os efectos de substancias pasadas de graos etílicos está ben. Pero non para metela na vitrina de versións memorables.


En fin, neste caso máis que en ningún, o orixinal ten un sabor especial imitable pero nunca superable. E por iso nos quedamos con el por unanimidade. Non necesitamos máis argumentos, como molas Neil e ao carallo! Imos logo comezar a despedir este abafante mes de xuño cun auténtico temaaaaaaaaaaaaaazo!!! 


xoves, 18 de xuño de 2015

O humor negro

Son unha mala persoa. Unha persoa horrible. Vítima da depravación da sociedade e culpable da miña mezquindade. Decidín facer propósito de enmenda e recoñecer que teño un problema. Non volverei rirme nunca máis con todo aquilo que unha vez me fixo gracia e me converteu no ser desprezable que son agora. Así mo ensinaron estes días os sabios de corazón puro e traxectorias sen mácula que condenaron toda tortura e represión, nunca dixeron barbaridades en serio, xestionaron magnificamente a torrencial choiva política dos últimos 20 anos e non se enriqueceron a costa da nosa cada vez menos incipiente e si máis acusada miseria. Eles, unxidos pola vontade divina e inxustos perdedores do poder que por dereito lles pertence, abríronme os ollos e mostráronme que o meu ruín e ignominioso costume de rirme de case todo (mesmo do máis grave e doloroso) é unha aldraxe á dignidade, á democracia e á mesma humanidade. Como podería tan innobre muller agradecer a xenerosa e admirable ensinanza destes virtuosos? Expiando definitivamente os meus pecados e exorcizando o lado escuro do meu sentido do humor.

Xuro que nunca máis volverei rirme das infames bromas chanantes a propósito dos malos tratos que sufriu Michael Jackson na infancia por parte de seu pai. Só un rufián que se faga chamar a si mesmo cómico pode cuspir con frivolidade que a expresión “Te doy una ostia y te pongo a bailar” a inventou o pai de Jacko. Repugnante.


Prometo non volver ser punk. Ou polo menos, non ese tipo de punk. E antes de correr ao meu Bershka máis próximo para mercar unha camiseta dos Ramones mentres finxo que sei quen son, acúsome de ter escoitado cancións con tanta mala ostia coma estas. E rirme.




Endexamais me veredes poñendo un só episodio das ofensivas e degradantes creacións televisivas de Seth MacFarlane. Oh, Dios! Só de pensalo pónseme a pel de galiña, cantas veces esta pobre e pecadenta alma felizmente redimida polos enviados das ghaivotas se ten partido as cachas con barrabasadas coma estas!



Xa os seus precursores tiñan moito delito...  


O cine de Tarantino nin tocalo. Frivolizar coa violencia e encima provocar risa? Indignante!


E que me dicides dos impresentables de Videofobia? Esas bromas sobre os caídos na rodaxe dunha película cutre de serie “último decimal do abecedario non atopado” dirixida e protagonizada por un Bruce Lee de terceira rexional simplemente non teñen nome. “Tío Owen! Tía Beru!” , “Se han pasado con la máquina de los rayos UVA” ou “Seguro que están acreditados al final como Churrasco 1 y Churrasco 2” son algunhas das obscenidades que lle dedican aos cadáveres dun accidente de avioneta real (e recalco que foi real) que saen no filme a partir do minuto 17:53...


A lírica grega de burla que tanto me gustaba arderá na inquisitorial fogueira da razón!

Mentórides, quen che puxo tan descaradamente
o cu onde antes tiñas a boca?
Ti peideas, non respiras, e a voz sáeche dun túnel.
Marabillado estou de como o de abaixo se che puxo enriba!

A paixón de Cristo convertida nun teatriño con música ñoña! Pero que é isto? Como non puiden velo antes? É o demo nas súas múltiples formas!


Portadas inclasificables que penso destruír na trituradora de papel da miña memoria se os meus valedores non teñen a ben secuestralas!



Memes humillantes e inxuriosos que ben merecerían pasar pola lupa dun decente censor!


Prometo tomarme en serio as máximas axiomáticas dos grandes profetas do meu tempo e deixar de consumir escarnios de extrema esquerda radical "rojirma" revolucionaria do soviet marxista-leninista-stalinista que me lavan o cerebro!


Alberto, non estás só! Xamais volverei burlarme do teu León come gamba, obra magna da gastronomía mundial, nin da vergoñenta forma que tiveron de expulsarte! Agora son sensible a calquera desgraza allea por pequena ou ghrande que sexa!


[...]

O humor negro. 

O que queira “firmar o contrato” xa sabe. O que non queira ten a opción de non volver ler estas liñas no canto de esixir corrección política e castigar a irreverencia coma se estivesemos matando a alguén. Salvo que nos atrevamos cos ídolos das relixións orientais que non nos tocan, aí non pasa nada e todos queremos liberdade de expresión (que tamén). Total, eu non me vou meter en política, terei ese mínimo de intelixencia e non coma o ghordo ese de barba e pinta de talibán que se dedicou a utilizar o chío chío ese do carallo co fin real para o que foi creado: soltalas aínda máis ghrandes (ríndolle a homenaxe que a el lle tería gustado, supoño), e a repercusión será mínima. E paro, porque se non me pechan o blog seguro que se autodestrúe intentando canalizar o lotirmo de rabia que me produce a hipocrisía que manda neste país e no que cada un saca a súa particular vara de medir.

Xa non son Charlie. Nin agora son Zapata. Son eu mesma e seguirei séndoo.



mércores, 10 de xuño de 2015

Bodrios entrañables: “Mad Max: Alén da cúpula do trono”


Posters que son conscientes da súa epicidade...

Na pasada xornada de reflexión fun ver Mad Max: Furia na Estrada e constatei dúas cousas: que non é a película máis axeitada para ver coa túa parella (o que cheghan a padecer os que se xuntan a unha friki coma min...) e que outro cine de acción é posible. Vertixinosa, tola e espectacular, dá o que promete dende o primeiro minuto, recolle os mellores elementos estéticos da saga orixinal para perfeccionalos e regálanos á mellor heroína de acción da historia do celuloide, a Imperator Furiosa encarnada por Charlize Theron, quen, nun guión sinxelo (que non simplón), toma as rendas da situación, chega a ter máis protagonismo que o novo Max de Tom Hardy e serve para que se introduzan temas nunca vistos nunha película destas características (incluso cualificados de feministas, para flipar e ben). Cine de acción con maiúsculas e o mellor blockbuster no que levamos de ano cinematográfico (espero que co permiso de Star Wars: The Force Awakens, pola conta que me ten!). PERO! Non estou aquí para falar de cuartas partes que conseguen ser brutalísimas, senón de terceiras entregas anteriores da mesma saga que apestan!

George Miller, ese señor que no tráiler da Mad Max que aínda podemos ver nos cines nos é presentado como un gran visionario, efectivamente tivo unha visión. Viu un futuro apocalíptico, viu un personaxe instintivo e marxinal que acabou sendo unha icona do cine dos anos 80 e, sobre todo, viu a Mel Gibson convertido en estrela máis aló da súa Australia natal. Tras dúas películas máis que recomendables sobre a caída en desgraza e a loita pola supervivencia nun mundo hostil de Max Rockatansky (Mad Max: Salvaxes da Autoestrada e Mad Max: O Guerreiro da Estrada), Miller decidiu darlle un digno final ao seu gran antiheroe de western moderno con cheiro a gasolina nun terceiro e último filme que tiña que ser un citius, altius, fortius en toda regra. O resultado? Un catastrófico truñaco que remata coa saga da forma máis indigna posible. Todo parece indicar que a máis actual Mad Max: Furia na Estrada vén a poñer remedio a unha frustración que continuaba latente nun director que agora, aos seus setenta anos e tras un paréntese no que se dedicou ao cine infantil e familiar, conseguiu revitalizar unha franquicia morta e case reinventar un xénero que parecía condenado á sobredose de metralla visual (efectos especiais, cámaras que se moven epilecticamente) e á hipérbole baleira en xeral. Porque realmente Mad Max: Alén da Cúpula do Trono (1985) cumpre todos os requisitos para ser un bodrio entrañable destes dos que tanto me gusta falar. Así que aló imos a Negocidade a ver como se lle crava unha boa puñalada a unha serie de películas moi interesante.

Boeno, os créditos iniciais xa deberían darnos unha idea de como vai ser a cousa. Por se os primeiros compases dun tema moi pop e moi oitenteiro que crea ambiente non fosen unha pista o suficientemente evidente, no segundo 19 xa se nos dá a clave definitiva. Xusto despois de exhibir o logo dunha gran distribuidora, da produtora e do nome principalísimo da superstar da saga Mel Gibson, aparece un nome que no seu día tivo que ser unha sorpresa maiúscula: TINA TURNER! Efectivamente, a avoa do rock é a coprotagonista desta terceira entrega de Mad Max e a canción que escoitamos nestes créditos cántaa ela. Ten que ser un soño. Último capítulo dunha coñecida saga con máis orzamento e cunha diva indiscutible do pop dos 80! Isto promete! Promete ser ghloriosamente espantoso! A quen lle interese, a canción é One of the Living, un tema que só soa ben nestes créditos, a súa versión como sinxelo comercial carece dese aroma a cassette que tanto me mola.


Despois duns créditos nos que se ten a bondade de indicarnos quen fai de quen e nos que vemos que o aumento de capital serviu para contratar a Maurice Jarre como artífice da banda sonora (si, o mesmo que puxo música a todos os xoieiros do orbe despois de Doutor Zhivago), aparece un gran deserto e Max (Mel Gibson) sen o seu bólido. Agora vai nunha caravana de camelos e o seu estilismo parece un ensaio para o futuro William Wallace que o consagraría como oscarizado director. E dado que este é un mundo sen lei despois da hecatombe nuclear final e definitiva, aparece un tolo (Bruce Spence, que xa aparecía interpretando outro desquiciado papel no segundo filme da saga) nunha avioneta que non sei como voa pilotada polo seu fillo que non alcanzará os sete anos. Verosimilitude ante todo, mais isto non é o máis bizarro de todo o conxunto. Derriban a Max e róubanlle a súa caravana de camelos, o que o obriga a vagar polo deserto ata atopar un discutible oasis de civilización: Negocidade, onde transcorre o primeiro tramo do filme.

Unha vez Max (dobrado moi inapropiadamente por Héctor Cantolla na versión española, esa voz non lle pegha un carallo, se me permitides tan subxectiva observación) chega a Negocidade, intenta recuperar o seu carro en plan Manolo Escobar e os seus camelos. Nese sitio, e dada a situación de carestía e necesidade xeralizada, só vale o intercambio de bens nunhas condicións máis ou menos xustas e Max non ten nada para intercambiar, co que o gordaco que o recibe intenta botalo de malos modos coa escusa de que non vai alí a trocar nada, circunstancia que anoxa o suficiente a Max como para facer alarde das súas habilidades bélicas: dispararlle ao montón de plumas que leva un soldado neo-punk na cabeza. Y ya! Iso impresiona moghollón ao gordaco e decide levalo ante a máxima autoridade de Negocidade para propoñerlle un choio caralludo en plan mercenario.


            Logo duns interminables planos nos que se ve a miseria civilizada do lugar a través do que Max é conducido polo gordaco e outros a un simulacro cutre de Torrespaña, por fin entra en escena a verdadeira estrela da función: TINA TURNER (así, en ghrande, que para algho é estrela!). A ghran Tina encarna á Tía Ama (tradución chuluniana de Aunty Entity), unha sorte de raíña de Negocidade cuxo estilismo debeu inspirar a Beyoncés e Rihannas varias. Hoxe sería vangarda e o seu atavío ben digno de ser levado a unha gala do MET por moito que a Anna Wintour lle poida parecer unha ordinariez. O caso é que a tal Tía Ama vive nesa Torrespaña de cartón pedra dende a que controla todo o que se move e respira en Negocidade acompañada dun saxofonista cego (a mascota ideal, vamos) e explícalle a Max (despois de poñelo a proba) como chegou a construír e gobernar un sitio así. Tina cre no seu rol. Nótase. En toda a escena non deixa de actuar e moverse como a diva que é. En serio, hai algho máis pop e xenial que meter a Tina Turner en pleno apoxeo da súa carreira como cantante na túa peli post-apocalíptica? Seghuro que non!


Nin John Galliano, vamos...

            O choio caralludo de Max resulta ser o asasinato. Ten que matar a un fulano que, polo visto, é unha ameaza para a estabilidade e gobernabilidade do lugar (Aí! Eliminando sen máis miramentos á oposición! Terrorismo de estado! Vivaaa!), a cambio de provisións, combustible e demais cousas de primeira necesidade. O tipo en cuestión é un ghrandullón de moito nabo que vive peghado a un anano, xuntos forman unha unidade coñecida coma o Mestre-Golpeador (Master Blaster en inglés, matádeme, por favor!) e gobernan no chamado Submundo, onde a Tía Ama recluíu a proscritos e demais cascallos sociais a traballar arreo para dotar a Negocidade de enerxía. E como conseguen esa enerxía? Reproduzo o diálogo digno dun sketch ideado por José Luís Moreno no que se nos conta tal cousa:

-          Chamámolo o submundo, de aí saca Negocidade a súa enerxía.
-          Petróleo...? Gas natural...?
-          Porcos.
-          Refíreste a porcos coma eses?
-          Así é.
-          Unha merda!
-          De porco.
-          Que?
-      Merda de porco. [...] Todo funciona a base dun gas moi potente chamado metano. E o metano provén da merda do porco.

Vale, despois disto, os guionistas ben puideron tirarse ao Etna en erupción en plan Empédocles. Olé, olé e olé! Sen máis comentarios.


Versións posmodernas do primo de Zumosol e o anano gruñón...

Pois resulta que sen comelo nin bebelo, Max ten que matar ao Golpeador para que os que mandan en Negociadade poidan neutralizar e controlar mellor ao anano, que é o Mestre. En Negocidade tamén se poñen ata arriba de alcol e drogha no sábado noite, así que Max aproveita a circunstancia (e o feito de ver ao Mestre-Golpeador enriba do seu antigo vehículo) para meterse no lío. Pero a cousa é bastante máis cerimoniosa, xa que as leis de Negocidade ditaminan que cando dous homes teñen un desacordo, deben dirimir violentamente as súas diferenzas na Cúpula do Trono, o Pressing Catch do futuro. Unha cúpula construída cunhas poucas madeiras, na que se apelotona a xente a ver como se matan dous tíos. O recurso da violencia como frívolo espectáculo de masas sempre funciona ben e dálle calidade á película (si, claro...). Tina Turner si que sabe dar pan e circo ao seu pobo! As cousas tórcense un pouco, xa que cando Max ten a puntiño ao tal Golpeador (nunha escena de loita que ten de todo menos un ritmo narrativo acolloante), descobre que o pobre chaval é un deficiente mental atrapado nunha mole de puro músculo, así que se abranda e non o mata (de rematalo encárgase outro). Iso cabrea ben a dona Tina Turner, que o obriga a pagar por romper o seu trato xoghando a unha ruleta da fortuna que, no canto de estar presentada por Jorge Fernández, é conducida por un tipo que vai con abrigho de pel en pleno deserto e lle bota moita poesía fatalista á presentación (miña naiciña... Cantos freaks mordorianos levamos xa?). Un cadro, vamos. Nesta ruleta non che tocan coches, edredóns ou cafeteiras, non. O máis bonito que che pode pasar é que te manden ao desterro no deserto sen apenas auga e enriba dun cabalo famento (xa vos podedes imaxinar como son as outras opcións), que é o que lle sucede ao noso protagonista.


A partir deste punto, a película pega un xiro canto menos estraño e o que era unha fantasía videoclipeira post-apocalíptica coas súas pertinentes doses de pop e violencia moi sutil empeza a ser un actioner familiar con nenos! (Como se come isto?) Unha Pocahontas posmoderna recolle a Max a medio morrer no deserto e lévao a un oasis (un de verdade) onde só hai rapazada en farrapos. Pero que é isto? A antesala de Hook? Falta o neno con cresta que vai de líder! Eu a estas alturas da película xa me estou dando de ostias contra a parede e aínda non chegamos ao minuto 50. Ou iso, ou poñer a mesma cara que pon Mel Gibson mentres os nenos lle explican como chegaron alí, cara de “Dior mío, onde me metín?” Era necesario meter dous conceptos de película na mesma cinta e quedar tan anchos? Porque parece que estamos empezando a ver unha película completamente distinta e meter unha trama así de bo rollo tipo Poli de gardería en Mad Max parece que non casa.


Pero que coll... fago eu aquí?

A tribo esta de nenos e non tan nenos resulta ser o grupo de descendentes dos que sobreviviron a un accidente de avión hai tempo, non se nos di cando. E os rapaces, que teñen moita imaxinación das ánimas, montan un tinglado pseudo-relixioso arredor dun tal capitán Walker (que debe ser o fulano que pilotaba o avión) que volverá de entre os mortos ou de sabe Dios onde para guialos ao Mundo do Mañá Mañá. Si, non me trabuquei, é o Mundo do Mañá Mañá. Os cativos estes ademais fálanche dunha forma ben estraña, Tarzán ao seu lado é o paradigma da corrección gramatical. O caso é que pensan que Max é o tal capitán Walker e comeza a sentirse un pouco coma Brian cando o crucifican, só que este si que non é capaz de buscar o lado máis resplandecente da vida. Os pobres nenos quedan sen ídolo e entón unha patrulla comandada pola Pocahontas posmoderna, que non se resigna a quedar vivindo no oasis no que teñen auga e algo de vida vexetal despois da apocalipse nuclear (oligofrenias que non coñecen límites: onde se vai estar mellor tendo en conta que fóra de alí escasea practicamente todo???) trata de partir na busca dese mundo ideal que non existe. Max intenta impedilo en balde e uns poucos seguen o rastro dos que marcharon. E esa é a escusa que artellan no guión para provocar unha escisión na tribo, uns poucos marchan ao mando de Max e a inmensa maioría queda sen que volvamos saber absolutamente nada deles no que queda de película (e aínda queda un cacho).


En calquera caso, ao resto da tribo seguro que lles foi moito mellor, ou polo menos tiveron unha existencia algo máis tranquila, porque os demais van dar a Negocidade (bieeeeeen!!! Porque en ningún momento Max lles advertiu que iso era unha puta pocilga!). E non sei moi ben por que, tampouco é que quede tan claro, deciden rescatar ao Mestre (o anano este que vivía peghado ao Golpeador, por se alghén xa se perdeu) que agora está escravizado limpando merda de porco. Na factoría porcina esta da que sae luz do cu dos cochos atopan moi oportunamente os restos dun tren que tamén está moi oportunamente enganchado a unha vía que tamén moi oportunamente ten a súa continuidade máis alá de Negocidade. Moi ben. E xusto cando levamos 80 minutos dunha peli de Mad Max por fin hai unha persecución en coches!!! Aleluia! Sen tempo non foi! A ver se polo menos o final vale para algo...


Pero non, o clímax final é a estocada definitiva a unha película que non nos estaba dicindo moito, falta de acción, carente de ton e, encima, con altas doses de exposición (todo isto pertinentemente corrixido na cuarta entrega que vos sigo recomendando ferventemente). Tina Turner xa pilla o mosqueo definitivo despois de que lle leven ao anano que tan importante parece para o desenvolvemento da vida cotiá da súa cidade e saca todos os vehículos para ir de cacería polo deserto. O estilo é máis propio de Os tolos do volante que de Mad Max e con iso creo que o digo todo. No medio da fuxida na que, por suposto e como ben di quen conduce o tren, non hai plan (bieeeeeeen!!!), sucédense momentos de humor “mierder”, como un neno que empeza a mallar nun reloxo espertador cuxo son o asusta ou rapacillada que o flipa cun curso de francés en vinilo reproducido nun tocadiscos. Porque, atención, todos os trebellos deste estilo (gardados polo Mestre non sei para que) son para os nenos da tribo vestixios da “sabedoría perdida”, incluso hai por aí un boneco parlante de Bugs Bunny co que tamén alucinan. Un rollo parecido ao do Planeta dos Simios pero contado con bastante menos encanto. Porén, os malos alcánzanos e acabouse iso de pensar en iPods con telarañas. Un par de ostias, unhas pouquiñas explosións e po a esgalla ata que a historia remata onde empezou, xa que atopan aos que lle mangaron a caravana a Max e estes, así en plan redención, axudan aos rapaces e ao anano a escapar na avioneta. E que pasa con Max? Boeno, ten que perpetrar unha especie de atentado suicida para gañar tempo e, vítima dun dos recursos máis típicos do cine de aventuras, sacrifícase polo ben común! Unha última explosión, os demais logran escapar e Max queda tirado á espera de que os sicarios de Tina Turner o rematen. Pero esta rille a gracia do seu intento kamikaze (con estilo, que por algo é TINA TURNER!), perdóalle a vida e FIN!


Pensándoo ben, neste bodrio entrañable pasan demasiadas cousas. E todas son un sinsentido. A modo de epílogo, vese como a chavalada da avioneta chega a unha Sidney que non tería pasado a criba para que lle concedesen a organización duns xogos olímpicos (Burkina Faso está máis desenvolvida que esa morea de cascallos). O caso é que deciden que lles mola o sitio e aí quedan. Uns poucos rapaces en taparrabos a reconstruír unha gran urbe que tivo 4 millóns longos de habitantes... E logo falan de Podemos e as mareas como santos dos imposibles. E aí si que FIN!!!


Por fin cheghamos aos créditos finais (dedicatoria a produtor falecido na fase de post-produción incluída) con canción da superestrela TINA TURNER! O mellor momento da peli, que dúbida cabe, poñémoslle fin a un auténtico sufrimento mentres escoitamos un “megaghit” de Tina Turner: We don’t Need Another Hero, bombazo pop composto expresamente para este filme, suficientemente hortera e oitenteiro (con algunha versión metaleira solta polos Youtubes) como para que me guste e entoado pola voz rasgada de Tina. Mundial. Ata viste ighual que na peli para o videoclip. Por que estas cousas agora non pasan? A xente xa non quere cancións para as películas que non son de animación e é unha mágoa, francamente, pois sempre son un valor engadido. 


Mad Max: Alén da Cúpula do Trono foi divertida de ver? Para que volo vou negar, claro que si. Coma toda entrega falida dunha gran saga ten o seu punto. Non acada o nivel de xenialidade esperpéntica de Rocky IV (que, para min, é o bodrio molón definitivo e por iso foi o primeiro que reseñei), pero ten momentazos de exquisito delirio. É o problema que adoitan ter as historias sobre personaxes chungos, individualistas e amorais que pretenden sumarse ao final feliz: que non funcionan e saen cousas improbables pero chuscas. Todo raro, raro, raro. Máis raruno que o T-Rex que che anuncia no Chrome que non hai conexión a internet. Se cadra a intención era boa e na cabeza de George Miller a cousa non era tan desastrosa e furrulaba, pero o intento de buscarlle a humanidade que puidese quedarlle a Max Rockatansky para finalizar a saga deunos unha película deliciosamente incoherente. Un monumento á estulticia que, si, é un pracer culpable para compartir en grupo e partirse as cachas mentres intenta tomarse en serio a si mesmo. Un infumable pero insigne bodrio entrañable.


Que collonazos os teus, George Miller. Con razón tiñas ghanas de facer outra entrega apoteósica que te redimira algho...

luns, 1 de xuño de 2015

Queremos máis “Planeta Furancho”!


          Son tempos difíciles para a música en galego. Boeno, sempre son tempos difíciles, para que enganarnos? A creación en galego en xeral sempre vive de xeito dickensiano entre a espada e a parede. E estes días aínda máis, xa que a ameaza de reducir fulminantemente a puro cascallo un dos poucos altofalantes (por non dicir o único) nos que a música en galego tiña voz propia, o programa Planeta Furancho da Radio Galega, xa é unha realidade. Pese a todo, seguidores e non tan seguidores (ou máis ben, xente que xamais o escoitou pero que se apunta rapidamente ao bombardeo) aínda batallan para que esta demolición non chegue a ser definitiva. Considero que a miña obriga moral é sumarme. Non son todo o docta que debera na materia, xa aviso, sempre é complicado acceder á música en galego alén dos grupos da túa zona (e asegúrovos que na miña zona hai moito rock n’roll) ou dos poucos que tiveron a sorte de ser medianamente coñecidos. Mais aínda así, vouno intentar e vou compartir por aquí (sen que ninghén me nominase a ninghún legado, cadea ou o que sexa) os meus cinco melloriños daquelas bandas que compoñen, cantan e entusiasman ao público no noso idioma e que a min particularmente me encantan, para reivindicar a melomanía en galego. Eses melloriños que xa non podemos coñecer a través da radio pública que pagamos todos os galegos.

P.D. Perdoade se a selección vos parece demasiado mainstream (en serio se pode falar de mainstream na cultura galega??? Boeno, con tanto hipster que hai por aí solto seghuramente alghén ouse).

Aínda que os seus ghrandes “ghits” foron sen dúbida algunha A infancia e Grelo 66 (dos que gravaron dous espléndidos videoclips), de Kastomä, banda histórica e sempre reverenciada aínda que os seus membros xa non traballen xuntos baixo ese nome, quédome coa caixa torácica do tamaño dun armario á que lle cantaban no enérxico Ruído. Pura metralla. Cancionaza cunha potencia que fai que o corazón che lata a un ritmo esaxerado, como ben din. Porén, non poder atopala en Youtube para facilitarvos a súa escoita (xa empezamos...), obrígame a decantarme por outra. E a de Samhaín tamén mola o suficiente como para partillala co respectable. Desculpade o bizarro do vídeo, non atopei nada mellor...


Xa falei da Familia por aquí en máis dunha ocasión (mesmo tiven a honra de facerlles un ensaio de entrevista!). E non me canso. Normal con eses dous discos nos que non hai borralla algunha e nos que atopas un temazo tras doutro. E que mellor escolla que este Mala herba, versión customizada dun tema dos Coasters, tarareable en calquera debate de 13TV?


Unha ración de baixo protagonista para continuar! The Homens, cuxo regreso se materializará na sala Capitol nos próximos días, firman Dance the troita, tema de título “galenglish” que soa a ghloria rockeira!


A Terbutalina vinos por primeira vez hai anos no defunto Badulake de Ordes, terra de caciques, queique e moito rock n’roll, como xa avancei. Nunca esquecerei esa mala baba, esa irreverencia, ese humor case absurdo das súas letras... E esa estética tan, tan... Boeno, iso, que tocaron en calzoncillos! O caso é que me divertín tanto nese concerto que nunca puiden esquecelo, por iso eu agora tamén quero ser unha filloa...


Quería despedir a miña selección cunha voz feminina. E para min en galego só hai unha. Unha que pode gustar máis ou menos pero que é única e seguramente a historia da música en galego a situará nun lugar de preeminencia nos anos vindeiros. Ela é María Xosé Silvar “Sés”, xa moi coñecida entre o público galego (e tamén ao outro lado dos Ancares) grazas ao ente pagan ao que llo teñamos que agradecer e que este ano edita novo disco.


Como vedes, na terra hai calidade e cantidade. Por iso vos pido para rematar que non deixedes de sumarvos ao grupo de Facebook “Defendamos Planeta Furancho” nin de mobilizarvos por ter unha compañía de radio e televisión pública galega digna que lle dea á cultura en galego o espazo que se merece.


#QueremosMáisPlanetaFurancho