Amosando publicacións coa etiqueta Catulo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Catulo. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de maio de 2015

15 días repletos de eslóganes balorentos, 15 pasaxes soberbias para combatelos


Chavalada, fághome vella. A miña masa encefálica e os meus niveis de aghuante decrecen a un ritmo esaxeradamente rápido. Apagho a tele para non enervarme, abro os xornais con medo e ghomito coa literatura das redes sociais. Nada me divirte xa nestas dúas semanas de intensa campaña electoral nas que adoitaba pasalo teta. Que cambiou agora, logo, para que todo isto xa non esperte un mínimo interese en min? Pois que non cambiou nada.

Antes de que me cuspades e vos caghedes en min polo meu repugnante nihilismo anarco-pesimista carente de todo gusto estético, tratarei de xustificar mais ou menos convincentemente a miña premisa. Dende os 16 anos vivo estas épocas doutro xeito. Ao cumprir esa idade presteille máis atención a todo o relativo á res publica, intentando informarme e construírme unha opinión verdadeiramente crítica, facendo cousas tan marcianas como ler os programas electorais dos partidos e ir a todos (si, a todos) os mitins de calquera signo, color, olor e sabor político. Así mesmo, a comedia das promesas que xamais se poderán cumprir era francamente entretida e incluso daqueles momentos nos que o politiqueo vario finxía partillar ideas podía sacar algo en limpo. Nun mundo en constante movemento, as persoas evolucionan (ou involucionan). Pasan cousas. Cousas que te fan rir, chorar, replantexarte todos os teus principios morais e éticos... Vólveste máis individualista, máis esixente e máis celosa da túa integridade. Posiblemente te volvas tamén máis coñazo de persoa pero o caso é que cambias. Sen darte conta. E cambias máis radicalmente que o discurso oficial. Percátaste entón do maniqueísmo das distintas posturas e danche noxo. Non ves máis que fachada e disfraces onde antes vías ideoloxía e desenmascaras máis rapidamente aos falsos profetas (que, desgraciadamente, son o 99% do montón). Contemplas indignada e horrorizada como algúns dos que máis queres se deixan levar e acaban totalmente absorbidos por esa mestura de postureo, superioridade intelectual e desprezo do individuo e a súa contribución á sociedade. Sofres unha especie de síndrome de Pasternak (se é que tal cousa existe) e tratas de fuxir e evadirte de todo o que antes che podía infundir un certo interese. Nin sequera cres que ese sexa o camiño para vivir nun mundo mellor e pasas ao debate sobre as distintas formas de utopía (im)posibles cunha almofada que pouco entende diso e dá a calada por resposta. O día que as almofadas falen...


                         Parecéndome preocupantemente a este neno en 3, 2, 1...

Os puntos sobre das comas: todo isto non quere dicir que a política ma traia moi frouxa, nin moito menos. Aínda non cheguei a ese estadio e espero non chegar. É algo que nos compete a todos e implica un mínimo de compromiso por parte de cada un. Non vale de nada queixarse no bar se logo non se ergue a voz na praza pública ou non se vai votar. De primeiro de lóxica. Aínda que o desencanto e a decepción nos invadan como Woody Allen a Polonia despois de escoitar a Wagner, debemos participar. Libremente e sen coaccións de ningún tipo (isto tamén semella algho utópico). Pero en plena campaña o único que sinto é fastío e aburrimento de tanta lírica falsamente reivindicativa, tanta arenga entusiasta e tanta dialéctica anoxada. Por cuadriplicado, porque aghora fúndanse partidos coma quen planta patacas. A area do coliseo político anuncia pelexas sen brío, espectáculos de terceira na que os contendentes brúan e fastos caciquís sen moito opositor que os rebente.

Como todo isto xa non me enche e no curto prazo dun ano cheguei a odialo con todas as miñas forzas, nestas eleccións decidín facer a contracampaña. As enquisas non falan de min (nin falta que lles fai) pero nun exercicio de narcisismo e petulancia extrema vou darlle o suficiente bombo ás 15 cousas que me gustan máis que estes 15 días de merda nos que teremos que ver, escoitar e padecer de todo. Para iso, vou contraprogramar a literatura resesa e trapalleira dos políticos de turno, mendicantes de votos que nos bombardean coas súas fedorentas consignas todo o santo día, con boa literatura. Con literatura de verdade. Con algo que aínda nos fai humanos e vale a pena desfrutar. Coido que esta contraposición desmotivada de conceptos antagónicos non servirá absolutamente para nada pero polo menos poderei regalarme unha catarse decente antes do temido ou anhelado (depende en que partido se milite) 24-M...

Nota: todo isto estará inzado de traducións pedestres e traducións de traducións, para que me odiedes aínda máis. E vou ser aínda máis mala (aproveitando que se trata na súa maioría de obras que hai tempo que venceron a fronteira dos dereitos de autor): a ver se sabedes de quen é cada fragmento e así “estrujades” un pouco o cerebro se a megafonía ultradecibélica volo permite...


"Cando chegou á abadía, Mosén Millán estivo dúas semanas sen saír salvo para a misa. O pobo enteiro estaba calado e sombrío, coma unha inmensa tumba. A Xerónima volvera saír e ía ao carasol, ela soa, falando consigo mesma. No carasol daba voces cando cría que non podían oíla, e outras veces calaba e poñíase a contar nas rochas as pegadas das balas.

Un ano pasara dende todo aquilo, e parecía un século. A morte de Paco estaba tan fresca, que Mosén Millán cría ter aínda manchas de sangue nas súas roupaxes. Abriu os ollos e preguntou ao sancristán:
-          Dis que xa marchou o poldro?
-          Si, señor.

E recitaba na súa memoria, apoiándose nun pé e logo noutro:

-          ...y rindió el postrer suspiro
al señor de lo creado. – Amén.

            Nun caixón do armario da sancristía estaba o reloxo e o pano de Paco. Non se atrevera Mosén Millán aínda a levarllo aos pais e á viúva do morto.

            Saíu ao presbiterio e comezou a misa. Na igrexa non había ninguén, coa excepción de don Valeriano, don Gumersindo e o señor Cástulo. Mentres recitaba Mosén Millán “introibo ad altare Dei”, pensaba en Paco, e dicíase: é verdade. Eu bauticeino, dinlle a unción. Polo menos – Deus o perdoe – naceu, viviu e morreu dentro dos ámbitos da Santa Nai Igrexa. Cría oír o seu nome nos labios do agonizante caído na terra: “...Mosén Millán”. E pensaba aterrado e entenrecido ao mesmo tempo: Agora eu digo en sufraxio da súa alma esta misa de réquiem, que os seus inimigos queren pagar."

            
"Lolita, luz da miña vida, lume das miñas entrañas. Meu pecado, miña alma. Lo-li-ta: a punta da lingua emprende unha viaxe de tres pasos dende o borde do paladar para apoiarse, no terceiro, no borde dos dentes. Lo.Li.Ta. Era Lo, simplemente Lo, pola mañá, un metro corenta e oito de estatura con pés descalzos. Era Lola con pantalóns. Era Dolly na escola. Era Dolores cando firmaba. Pero nos meus brazos era sempre Lolita."
            

            "Logo do meu nacemento, o luminoso ceo volvera xa nove veces ao mesmo punto, en virtude do seu movemento xiratorio, cando apareceu por primeira vez ante os meus ollos a gloriosa dama dos meus pensamentos, a quen moitos chamaban Beatriz, na ignorancia de cal era o seu nome. Transcorrera da súa vida o tempo que tarda o estrelado ceo en percorrer cara Oriente a duodécima parte do seu grao e, polo tanto, aparecéuseme ela comezando o seu noveno ano e eu vina case rematando os meus nove anos. Levaba indumento de nobilísima, sinxela e recatada cor vermella, e ía cinguida e ornada da guisa que cumpría aos seus xuvenís anos. E digo en verdade que á sazón o espírito vital, que no recóndito do corazón ten a súa morada, comezou a latexar con tanta forza, que se mostraba horriblemente nas menores pulsacións."
            

            "Sete anos se engaden xa aos meus trinta,
            páxinas da miña vida xa arrincadas.
            E xa me salpican canos cabelos,
            Xantipa, mensaxeiros da idade da sabedoría.
            Pero aínda me agradan o son
            falangueiro da lira e as esmorgas,
            e o lume aínda fumea no meu
            corazón insaciable.
            Por favor, este mesmo colofón, Musas,
            escribídeo rápido, señoras,
            como punto final á miña loucura."
            

            "Alá atrás, Pedro Páramo, sentado no seu equipal, mirou o cortexo que ía cara o pobo. Sentiu que a súa man esquerda, ao querer erguerse, caía morta sobre os seus xeonllos; mais non fixo caso diso. Estaba afeito a ver morrer cada día algúns dos seus anacos. Viu como se sacudía o paraíso deixando caer as súas follas: “todos escollen o mesmo camiño. Todos marchan.” Despois volveu ao lugar onde deixara os seus pensamentos.

-          Susana – dixo. Logo pechou os ollos – Eu pedinche que regresaras...

... Había unha lúa grande no medio do mundo. Perdíanseme os ollos mirándote. Os raios da lúa filtrándose sobre a túa cara. Non me cansaba de ver esa aparición que eras ti. Suave, refregada de lúa; a túa boca abullonada, humedecida, irisada de estrelas; o teu corpo transparentándose na auga da noite. Susana. Susana San Juan.

Quixo erguer a man para aclarar a imaxe; pero as súas pernas retivérona coma se fose de pedra. Quixo erguer a outra man e foi caendo amodo, de lado, ata quedar apoiada no chan coma unha muleta detendo o seu ombro desosado."


"Seino todo. Canto ti poidas dicirme penseino xa eu e repetino mil veces deitado alí na escuridade... Todo iso xa o discutín comigo mesmo, ata o seu menor detalle, e seino todo! Que farto estaba xa de todo! Que farto de toda esa leria! Quería esquecelo todo e volver a empezar, Sonia! Acaso pensas que me lancei de cabeza a facer o que fixen, cegamente, coma un parvo? Ao contrario! Fun de listo e iso foi o que me perdeu! Pensas que eu non sabía, por exemplo, que, se empezaba a preguntarme: “Teño dereito ao poder?”, era sinal de que non tiña dereito a el? Ou ben que se me preguntaba: “O ser humano é unha sambesuga?”, iso xa quería dicir que para min o ser humano non é unha sambesuga. Pero si que o é aquel a quen non se lle ocorre preguntarse iso e actúa de fronte e sen vacilar? Se pasei tantos días atormentándome para decidir se Napoleón se lanzaría ou non se lanzaría adiante, era evidente que no meu interior me decataba claramente de que eu non era un Napoleón... Soportei, Sonia, a tortura de toda esa leria e quería sacudilo todo de enriba miña: Quería matar, Sonia! Sen casuística, matar para min, para min só. Non quería mentir niso, nin sequera a min mesmo! Non matei para axudar a miña nai, iso é unha parvada! Converterme nun filántropo unha vez tivese nas miñas mans os medios e o poder! Que parvada! Sinxelamente matei! Matei para min, para min só; e naquel momento dábame igual se me convertería despois nun filántropo ou se pasaría toda a vida dedicado a atrapar á xente na miña arañeira, chupándolles a todos o sangue... E o grave, Sonia, é que cando matei, non eran os cartos o que necesitaba; non necesitaba tanto os cartos coma outra cousa... Agora que o vexo... Compréndeme: é posible que, seguindo o mesmo camiño, xamais volvería asasinar. O que necesitaba era saber outra cousa, era outra cousa o que movía a miña man; daquela eu necesitaba saber – e sabelo canto antes – se era unha sambesuga coma as demais ou unha persoa. Se tería ou non forzas para franquear os obstáculos, se me atrevería a inclinarme e tomar o poder ou non. Se era unha criatura temerosa ou tiña dereito..."


"¡Desgraciado! O teu valor perderate. Non te apiades do tenro infante nin de min, infortunada, que axiña serei viúva; pois os aqueos hante acometer todos a unha e acabarán contigo. Preferible sería que, ao perderte, a terra me tragase, porque se morres non haberá consolo para min, senón pesares; que xa non teño pai nin venerable nai. Ao meu pai matouno o divino Aquiles cando tomou a populosa cidade dos cilicios, Tebas, a de altas portas: deu morte a Etión, e sen despoxalo, polo relixioso temor que lle entrou no ánimo, queimou o cadáver coas labradas armas e erixiulle un túmulo, ao redor do que plantaron chopos as ninfas Oréades, fillas de Zeus, que leva la éxida. Os meus sete irmáns, que habitaban no palacio, descenderon ao Hades o mesmo día; pois a todos os matou o divino Aquiles, de pés lixeiros, entre os bois de tornátiles patas e as cándidas ovellas. A miña nai, que reinaba ao pé do selvoso Placo, tróuxoa aquel co botín e púxoa en liberdade por un inmenso rescate; pero Ártemis, que se comprace en tirar frechas, feriuna no palacio de meu pai. Héctor, agora ti es o meu pai, a miña venerable nai e o meu irmán; ti, o meu florecente esposo. Pois, sé compasivo, queda na torre —¡non fagas a un neno orfo e a unha muller viúva!"


"Odi et amo. Quare id faciam, fortasse requiris.
Nescio. Sed fieri sentio et excrucior."

(Síntoo, este non podía traducilo, é demasiado xenial no seu idioma)


"Rezaba desesperadamente. Cada oración ía seguida doutra máis ardente. De cada vez un impulso novo o levaba a unha terceira oración. Atordoado como un borracho, experimentaba esa lixeireza do corpo que parece liberar a alma. Non se arrepentía de nada. Daba grazas a Deus por non permitir que se fose sen este viático da partida. Ela suplicáralle que quedase. El marchara á hora prevista. Esta palabra cumprida consigo mesmo confirmábao nas súas tradicións de honor e a inmensidade do seu sacrificio parecíalle que implicaba a Deus. Para mellor abstraerse de todo, cubría a cara coas súas mans que lle devolvían o perfume da carne agarimada. Non tendo xa nada máis que esperar da vida, lanzábase á morte como a un desenlace necesario. E, convencido de cumprir coa súa morte como cumprira coa súa vida, saloucaba de felicidade."


"Cara arriba flúen xa as augas dos sacros ríos;
a xustiza e todo xace por terra.
Enganosa é a alma do home e non vale
a fe na que se invoca aos deuses.
Mais a miña vida de novo terá nas historias inmensa gloria;
honrado será o sexo feminino.
Xa no haberá mala fama que pese sobre muller ningunha.
Cesarán as cancións de antigos poetas que agora
sempre insisten na miña pérfida mente.
Non nos deu Febo señor do canto,
el don da harmónica lira;
soarían se ocorrese os meus himnos contra a raza
dos homes. O tempo no seu transcurso
tantas cousas poderá relatar de nosoutras como deles.
Ti do fogar paterno navegaches
con espírito insan y a dobre barreira franqueaches
das rochas mariñas;
e habitas en terra estraña
privada de esposo e leito,
pobre de ti, e destérrante
de aquí con oprobio.
Foise o respecto dos xuramentos,
o pudor xa non é dono da Hélade inmensa; voou ao ceo.
Ti na morada paterna
non podes botar a áncora
dende o mar das túas dores
e outra raíña casa e tálamo
a quitarlle vén."


"Este vaise i aquel vaise
E todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
Que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
E campos de soledad,
E nais que non teñen fillos
E fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
Longas ausencias mortás,
Viudas de vivos e de mortos
Que ninguén consolará."










Non me miredes así, a literatura éche unha arte moi polimorfa.

Que o que queda de campaña vos sexa leve!

martes, 3 de febreiro de 2015

"Carmina", de Catulo



Hai libros que abrigan os meus soños dende a mesiña de noite perpetuamente e non coñecen o po e o esquecemento do ríxido estante. É tal a excelencia deses puñados de páxinas que relegalos a un curruncho paréceme pouco menos que unha condena e preciso telos sempre preto nese momento decisivo ao final do día no que hai moita memoria que limpar. Son eses papeis ben ensamblados os que me axudan a esquecer por un intre o retraso mental que habita de xeito intrínseco na burocracia actual, o inevitable esgotamento intelectual ao que me vexo sometida dun tempo a esta parte, a estupidez humana en xeral e outras pequenas miserias do día a día deste fedorento primeiro mundo (feito para “optimistas” de pro coma min, si). En fin, debo facer constar que son poucos os libros que gozan deste privilexio, non hai que ser moi listo para advertir certo elitismo na miña mesiña, para que o vou negar, pero a subxectividade desta lectora funciona así, orixinando unha casta bibliográfica no meu cuarto (“ba-dum, tassss!”).

Catulo entrou na miña vida un bo día que eu non souben xulgar como tal nunha das miñas primeiras clases de latín. Tanto o meu coñecemento sobre a lírica en xeral como a miña capacidade para amala aínda estaban algo tolleitas naqueles anos e a min, francamente, un fulano que dicía con todas as súas letras (en latín, claro está) a uns tales Aurelio e Furio que lles daría polo cu e pola boca (poema XVI) parecíame, polo menos, un pouco groseiro. Xa non falemos da súa calidade como autor, vamos, cuestioneime a súa entrada no canon da literatura occidental durante moito tempo e de forma insistente, escudándome nesa inxenua e ignorante pedantería que vía nos seus poemas unha mensaxe demasiado sinxela e directa como para ser elevada aos altares da literatura máis sublime, chegando mesmo a afirmar que o mundo non se perdería nada no caso de que toda a súa obra tivese ardido nunha pira inquisitorial. Pero, un par de anos máis tarde, un bo día que si souben xulgar como tal, reencontreime con Catulo nunha aula da universidade, pois o destino quixo converterme en filóloga e colgarme para sempre o sambenito moi ben levado de friki. E dende ese venturoso día, vivo con Catulo na miña mesiña.

Aprendín a adorar a este autor latino gracias á bendita labor de dúas persoas: a profesora Yolanda López (deberíase recomendar a asistencia ás súas clases igual que se recomenda unha película de cinco estrelas) e o tamén profesor Juan Antonio González Iglesias, un dos responsables de que poidamos lelo en castelán na colección de letras universais da editorial Cátedra (con comentario de José Carlos Fernández Corte, edición bilingüe de toda a obra de Catulo que recomendo “efervercientemente” aínda que o "debuxiño" que introduce o post sexa da edición de Gredos). Cito a López en primeira instancia por chegar antes, simplemente. Foi ela a que me meteu na cacholiña algunhas nocións básicas e algúns dos nomes máis relevantes da literatura latina durante o meu paso pola universidade e tamén foi a mellor comentarista que este marabilloso poeta podía merecer. Coa mesma incorrección política, coa mesma irreverencia pero tamén coa mesma mestría que caracterizan a Catulo era quen de construír unha exésese perfecta. Nunca máis esquecín o que significaba a expresión difututa mentula pero tampouco se esfumaron da miña memoria eses iambos tan incisivos nin aqueles epigramas aos que lles abonda cun pouquiño para dicir moito tan divinamente explicados para o meu (aínda hoxe) inexperto entendemento.

Supoño que poder confrontar unha tradución co latín orixinal axudou bastante, descubrir que era o que realmente se escondía detrás de cada termo ou poder acceder a eses xogos de palabras tan recorrentes en poesía e que sempre se acaban diluíndo na tradución. E aí entra en escena o segundo gran culpable do meu cambio de opinión respecto a Catulo, o seu tradutor á lingua castelá, Juan Antonio González Iglesias. Mestre cuxas leccións tamén mamei ben, escoitándoo coma se me estivese falando o mesmísimo espírito santo, González Iglesias firma unha tradución brillante. El mesmo é poeta (non descarto reseñar nalgún momento Eros es más, un poemario da súa autoría que me encantou) e iso, unido ao seu vastísimo coñecemento da lingua latina, tamén se nota. Catulo é máis complicado do que puidera parecer, mesmo cando cuspe un insulto en verso e queda tan ancho, e este tradutor é capaz de reflectir moi fidedignamente en castelán a mala hostia que inunda as súas invectivas máis feroces sen quedarse curto e sen caer na chabacanería, mantendo un equilibrio moi difícil de conseguir. Ao mesmo tempo, recréase na súa poesía amorosa, ou na imitatio do helenismo, exhibindo un estilo elegante e refinado (tamén moi equilibrado e que non cae no preciosismo baleiro) que tamén nos aproximan moi aceptablemente ao que o propio poeta debeu querer dicir en latín nun tempo e un lugar tan distanciados do lector actual.



Boeno, así foi como Catulo entrou na miña vida pero... Quen era Catulo? Prego que se me disculpe por tan caótica redacción, só tentaba transmitir a miña experiencia, que tamén foi caótica e non comezou precisamente por onde tiña que comezar. O noso autor naceu cos tria nomina de Gaius Valerius Catullus nunha Verona que durante o cuarto consulado de Cinna (tempo no que supostamente veu ao mundo) tiña moi pouco de italiana e moito de Galia Transpadana. Case non se sabe nada da súa vida e aventurarse a dar datas exactas semella temerario, mais os estudosos aceptan a hipótese de Xerónimo, quen afirma na súa Chronica que tería nacido no ano 84 a.C. A súa obra desenvolveuse arredor da influencia da tradición poética culta anterior (sobre todo Calímaco), unha tradición que abandeira unha poesía máis individualista e menos colectiva como a épica, encadrándose no grupo dos que Cicerón deu en chamar poetae novi (neotéricos), autores innovadores e entregados por completo á creación literaria, non como medio de subsistencia senón como centro do seu otium (si, éranvos algho snobs). Como case todos os poetas que teñen unha amada sobre o papel, é difícil discernir canto de ficción e canto de realidade hai nese amor tan apaixonado e tan auténtico que se trata de reflectir nun puñado de versos, pero parece plausible pensar que a Lesbia dos poemas de Catulo se correspondía cunha figura real coa que o autor mantiña unha tormentosa relación amorosa: Clodia. Morreu non precisamente cando tiña que morrer, pois segundo as limitadísimas fontes que se manexan, non tería vivido máis aló dos trinta anos. Coma sempre, movémonos na incerteza case absoluta e a data do seu pasamento oscila entre o 57 e o 54 a.C, solapándose coa datación dalgúns dos seus últimos poetas e dificultando aínda máis o acordo sobre o ano da súa morte. Actualmente conservamos un corpus de 116 poemas que a punto estiveron de non ver a luz máis alá do tempo no que foron escritos.


(Nin que o noso autor fose Paulo Coelho...)

Non é que a súa historia de amor con Clodia fora o máis acolloante que lle pasara na súa vida (ou pode que si) pero é o único dato máis ou menos certeiro da súa concisa biografía e, polo tanto, o máis digno de mención. A tal Lesbia aparece mencionada explicitamente unhas quince veces na súa obra poética (xa non contamos aquelas veces nas que se refire a ela con outros epítetos) e mola porque Catulo é tan visceral que pasa do namoramento máis ñoño ao odio máis acérrimo cunha facilidade pasmosa, así que tanto nola pode mentar para dicir que a quere moito como para desexarlle pouco menos que a morte (vamos, relación amorosa saudable onde as haxa, eh). Parece ser que Clodia, o equivalente de Lesbia fóra de Matrix, era unha muller feita e dereita, ben casada cun notable pero moi libre, máis próxima a figuras femininas revolucionarias na historia da Antigüidade como Aspasia (a amante de Pericles) que a esa muller submisa e “cero á esquerda” máis habitual naquel tempo. Semella, dada a natureza dos versos catulianos e se lle damos credibilidade á hipótese de que Clodia e Lesbia son a mesma persoa, que a amada de Catulo ía e viña coma o vento, e tanto lle entregaba o seu corpo e alma a el en exclusiva como ía repartindo agarimo máis ou menos casto por aí adiante. Ese é o motivo da esquizofrenia poética que observamos simplemente pasando do poema VII (Preguntas, Lesbia, cantos bicos teus / me abondarían e me sobrarían [...] Tantos, tantos / bicos terás que dar cando biques / ao tolo de Catulo / que direi que me abondan e me sobran / se non poden contalos os curiosos / nin maldicilos coa súa mala lingua) ao poema VIII (Adeus, muller. Catulo fíxose duro, non te vai requirir nin suplicar [...] xa sufrirás ao ver que non te buscan / Ai de ti, muller pérfida, que vida / te agarda. Quen se vai achegar a ti? / A quen lle vas parecer fermosa?/ A quen vas querer agora? / De quen dirán que es?), por poñer un exemplo ilustrativo traducido daquela maneira e á presa por entendernos un pouco.

Hai moitos poemas deste señor que me pirran. Tanto dos "malfalados" como dos máis "fisnos". A escolma enteira de Carmina é unha das mellores obras poéticas que tiven a honra de ler nesta curta vida pero o formato manda e debo escoller un único poema para pechar e redondear este aborto de introdución á poesía catuliana. Quen me coñece (de verdade) sabe de sobra cal será ese poema (motivo último polo que fago este post) e maxime agora, que no medio das miñas recentes investigacións máis ou menos académicas descubrín que este poema que poñerei a continuación conta coa súa tradución ao galego a cargo de Andrés Pociña e Aurora López, poema incluído nunha obra recompiladora de distintas traducións de clásicos ao galego titulada Do amor e da literatura, que tamén recomendo con grande fervor. A escolla non é doada... Ou si?

Vivamos, miña Lesbia, e amémonos
e os contos dos adustos vellos
que nos importen un can todos xuntos.
O sol pode morrer e rexurdir decote;
nós, tan pronto morra esta breve luz,
temos que durmir unha noite perpetua.
Dáme beixos mil, despois un cento,
despois outros mil, despois outro cento,
despois ata outros mil, despois un cento.
Despois de darnos moitos milleiros,
romperemos a conta, para non sabelos
ou que ningún perverso nos bote meigallo
se sabe que tantos foron os beixos.

        Como xa lle vai sobrando pedantería a este panfleto, deixo un enlace por aquí para quen lle interese aproximarse a iso dos latíns para comprender mellor a Catulo (si, é do wikisource, non me xulguedes!) e animo a botarlle unha ollada aos "yutubes" porque hai de todo.