domingo, 23 de marzo de 2014

Sobre un tal “Suares”...

         

         Hoxe morreu un señor de nome Suárez. Adolfo Suárez. Novo non era. Non sei se poñerán coche para ir ao enterro pero o que si sei é que, unha vez máis, a nosa cultura da “morte-espectáculo” produciu un novo esperpento digno da nosa morbosa adicción á comunicación inmediata, o vituperio gratuíto e o panexírico desmedido. Que pasa co devandito finado para que o seu pasamento provoque unha marea de reaccións e alusións tan extremas e tan encontradas? Pois que tivo a sorte ou a desgraza de ser o primeiro presidente do goberno da democracia española ou o primeiro gran paladín dunha monarquía herdeira dun réxime totalitario e represivo que mudou de fachada inaugurando o réxime do 78. Vendo o fondo antagonismo que se dá entre as distintas fontes a consultar para a creación destas dúas descricións tipo twitter xa non debería resultar difícil dar coa resposta á pregunta que formulaba con anterioridade...

            Non podo ser allea á política española e o meu DNI encárgase de recordarmo simbolicamente día tras día. No meu mundo utópico e ideal (unicornios incluídos) son quen de facer realidade as miñas anárquicas aspiracións que ilustran gran parte dos meus mellores soños húmidos. Pero ao espertar descubro que aínda sigo aquí, que vivo todo isto e que, polo tanto, sempre hai algo que dicir ao respecto. A morte deste tal Suárez non é menos. Gran político e reformista cuxo falecemento hai que lamentar ou morte desexada dun xerontócrata desfasado, de pasado escuro e icona desa “modélica transición” máis falsa que as pesetas? Esa é a disxuntiva á que as dúas Españas da era das redes sociais me obrigan a enfrontarme cando trato de formular unha opinión e un parecer que concorden cos meus principios ideolóxicos e humanos para falar do señor Suárez no día dos seus óbitos.

            En realidade, a historia deste home dá para unha magnífica obra tráxica sobre a soidade do poder. Rexeitado por todos, contrarios e propios, case semella que a doenza senil do esquecemento foi para el un bálsamo no canto dun castigo. Hoxe moitos choran e compoñen epitafios na súa honra, de novo, basta con morrer para ser bo. E outros bailan sobre a súa tumba e asestan a derradeira puñalada verbal a quen xa non se pode defender. A súa agonía e final embarque na balsa de Caronte retransmitidos en rigoroso directo polos principais medios de (des)información do estado tampouco foron de moita axuda, francamente. Pode que mañá os libros de historia saiban como titular os epígrafes que se refiran a el e que relevancia darlle dentro dos mesmos pero hoxe non sabemos como proceder. Non nos gusta moito iso da memoria e moito menos a histórica e seguimos tendendo e cedendo á bipolarización do pensamento. Moitos esquecen hoxe que o máis probable é que Suárez fose un home gris, e non o digo porque fose policía no franquismo ou porque fose un ser taciturno e tristeiro, senón porque tiña pinta de ser coma todos nós: un ser humano. Polo tanto, capaz do peor e do mellor, cheo de contradicións e loitas internas, con acertos e equívocos, con dúbidas e inseguridades, con medos e debilidades. Eu case aseguraría que foi o dirixente máis humano que se tivo na nosa historia recente, pois firmou cunha inusitada dignidade a primeira e última capitulación oficial que se viu nestes lares. Alguén imaxina a Rajoy dimitindo coa que está caendo? Se o fixera sería a través de plasma...

            Non serei eu a que defenda ata as armas a figura de Adolfo Suárez, pois non comparto gran parte do seu ideario. Estaba nas miñas antípodas ideolóxicas. E estou no meu dereito, oian, se queren grandes himnos á súa obra poñan a tele que seguro que se ven desbordados pola oferta. Mais, se hai algo que si cómpre recoñecer e eu recoñecerei sempre nel é o seu valor e a enteireza coa que enfrontou un período complicado e gravemente difícil. Puido facelo mellor ou peor, hoxe non me apetece entrar nesas lameiras, pero fíxoo e cunha inesperada honestidade que xa a quixeran moitos hoxe. Non me gusta nada empregar esa manida metáfora das gónadas masculinas para referirme á determinación deste señor no seu tempo pero, se fose necesario falar mal e pronto, pode que esa fora a expresión máis axeitada. Polo tanto, o meu respecto é total.

            Ata que, por fin, revisemos a nosa historia (toda!) e sexamos quen de poñer a todo o mundo no seu sitio, coas súas luces e as súas sombras, seguirei reflexionando sobre outros brancos e negros que me irritan profundamente. Porque isto non fixo máis que empezar. As próximas xornadas de loito oficial e mediático prometen ser epicamente estomagantes.

Mentres tanto, descanse...

domingo, 16 de marzo de 2014

O temazo da semana: "Eloise"



O entroido pasou, xa o sei. Os disfraces, reviravoltas e idas de perola terán que esperar nun caixón ata o ano que vén, lamentablemente. Pero precisamente pola miña aberrantemente neglixente actitude de esquecemento e censura non intencionada cara esta marabillosa festa pagá, que, como galega de ben, levo moi dentro, hoxe propoño neste blog un temazo a modo de homenaxe en diferido. Si, coma as indemnizacións de Bárcenas. Non vos descubro nada novo, pois non adoito crear ningún tipo de tensión narrativa nin expectativa cos temazos da semana, xa que anuncio cada canción dun xeito moi institucional e ritual. Nesta ocasión, falarei dun amor cortés un tanto particular, dunha puella horaciana atípica, dunha cantiga moi propicia para estas datas xa pretéritas e esa é Eloise, firmada polo tamén pretérito Tino Casal. Así que saquen as súas mellores peles de leopardo, chatolas (“tachuelas”, a RAG nunca deixará de sorprenderme...) e “lentejuelas” (que me caian todos os dardos do mundo pero, sentíndoo moito, véxome incapaz de traducir isto), porque alá vamos!

A verdade é que morría de “ghanas” de meter algo hortera e frívolo neste blog, sobre todo despois das dúas últimas publicacións, que me deixaron as neuronas atordadas con tanta reflexión, “profundidá” e demais lamazais do mundo tan fodido que nos tocou vivir. E quen mellor que o grandísimo e inxustamente olvidado Tino para solucionarme a papeleta e devolverme aos meus mundos de Yupi nos que as chorradas e os coñecementos inútiles para mentes ociosas satisfán axeitadamente o meu ego!

Son moi consciente de que Eloise non é unha canción de Tino Casal (boeno, son moi consciente dende hai dous meses escasos de que non a compuxo el, tampouco son tan friki) pero era ou poñer esta e falar dunha versión que adecentou “moghollón” a orixinal ou facer o contrario, enrollarme, por exemplo, con Embrujada (que por outro lado, xa é menos interesante) e falar dunha canción destrozada en covers posteriores (iso e ter que volver citar a Marta Sánchez, cousa que xa case me aterra máis que Marine Le Pen). Polo tanto, the chosen one é, finalmente, Eloise, canción mitiquísima que merece un lugar destacado no meu particular olimpo melódico por méritos propios, xa veredes.


Non coñecer a Tino Casal debería ser constitutivo de delito no código penal, pero por se as moscas, non criminalizarei a ninguén. Só para situar un pouco á xente máis nova ou aos renegados da movida, darei un par de datos cos que calquera pode bater gracias a San Google. Tino Casal naceu co pouco artístico nome de José Celestino Casal Álvarez aló polo 1950 en Tudela Veguín, un pobo asturiano non moi habitado que ten unha fábrica de cementos e o renome de “diosperdonea” Tino como elementos identificativos máis reseñables. Antes de labrarse unha carreira como cantante solista, foi membro dalgúns grupos como Los Archiduques, unha especie de remix de Los Tamara, Los Brincos e Fuxan os Ventos, a xulgar por este documento (brutal) que atopei en Youtube chamado Lamento de Gaitas (se eu tivese un grupo e un mínimo de talento, versionaría esta canción, en serio! Viejuno pero memorable!).


Ata achar o seu estilo pop tan definido e definitivo, Tino pasou por varias fases, non só a de beatle cantábrico. A finais dos 70 intentaron convertelo no novo Nino Bravo pero non chegou a callar como cantante melódico (daquel tempo quedan restos fósiles como Emborráchate), de modo que, por fin, nos 80 e coa efervescencia da celebérrima movida madrileña, Tino Casal deu co seu lugar no panorama musical español da época, recorrendo a un son fabricado a golpe de sintetizador, dando como resultado un estilo synth-pop/techno/new romantic ou algo parecido a todo iso, e a unha estética caracterizada por un colorista exceso barroco en xeral claramente influída polos postulados do glam rock, cousa que sorprendeu, innovou e conmocionou case por igual nun país que intentaba fuxir da beataría cultural franquista e post-franquista a toda costa e a calquera prezo. Desta época datan os seus maiores éxitos: Embrujada, Pánico en el Edén, Oro negro, Champú de huevo ou a canción que nos ocupará, Eloise.


Eloise, incluída no seu álbum de 1988 Lágrimas de cocodrilo e éxito rotundo (número 1 nas listas incluído), vén sendo un pouco o gran peche (fortuíto) da carreira de Tino Casal, pois o destino quixo que morrera novo nun accidente de coche en 1991. Curiosamente, un pasamento prematuro non foi motivo suficiente para que a súa lenda se agrandase e parece que nos últimos tempos, a súa figura queda relegada a un segundísimo plano na confección do inventario dos grandes cantantes solistas dos anos 80 en España. Semella que a fama da que gozou en vida se enterrou con el e, gracias a Eloise, tamén parece que foi tirado a un pozo aínda peor que o do esquecemento total: o temido grupo dos one hit wonders. Tino é con frecuencia rescatado da tumba para poñer banda sonora a todas estas festas horteras que dun tempo a esta parte están tan de moda en pubs e baretos de toda a península ou para ilustrar en diferentes “zappings históricos” o diferente que era a televisión de dúas canles pola que saían bichos raros coma este facendo playback. E xa. Poucas voces falan dun legado musical a reivindicar tratándose de Tino Casal, que adoita ser acusado de abandeirar un estilo que envelleceu moi mal, cunha estética trasnoitada e que pouca cabida ten nas nosas vidas post-ointenteiras se non é no entroido, por exemplo.

Non se pode negar que Tino Casal era moi hortera. “Moitirmo”. Con todo, discrepo desa corrente de pensamento contemporáneo que condena ao ostracismo cultural a todo aquilo que camiñe nesta dirección. Polo xeral, témoslle aversión a certas ousadías estéticas e estigmatizamos toda manifestación cultural que se nos venda en certos envoltorios. Ademais de todo isto, actualmente parece que se abriu un debate sobre a movida madrileña que cuestiona o carácter revolucionario que parecía inherente á mesma e, así, tíldanse de gratuítos e baleiros atrevementos musicais e estéticos coma os de Tino Casal. Eu podería aplicar isto a Mecano sen ningún problema e todos contentos (si, téñolles moita “tirria” e parécenme unha panda de farsantes) pero síntome incapaz de empregar os mesmos termos tan tallantemente con Tino, pois era un artista demasiado polifacético e movido pola creación en xeral: era tamén pintor, produciu algunha das primeiras películas de Almodóvar e é o padriño do primeiro grupo de heavy español, Obús. Neste gran proxecto de artista total había tamén calidade vocal, bos referentes e unha certa sensibilidade pop, con moita reflexión ao respecto. Tino Casal era unha especie de “titiriteiro doctus” que debería resultar difícil de meter no mesmo saco que todos os seus coetáneos.


E con todo este “rollaco”, voume por fin a concretar un pouco máis esta Eloise, tema que creo que resume e xustifica á perfección todo o que pretendín esbozar neste último parágrafo. Resulta un tanto paradoxal xa que se trata dunha versión da canción homónima dos anos 60 interpretada por Barry Ryan, polo tanto, un tema non propio. Pero da cachola de Tino e algún colaborador saíu un arranxo da hostia que converteu un tema melódico sesenteiro centrado nunha figura feminina que non estaba mal nunha poderosa sinfonía pop, dándolle unha segunda vida a unha composición xa bastante lograda pero instalada nun concepto trillado. En efecto, a Eloise de Tino Casal transita polo complicado sendeiro do pop sinfónico, mais a harmonía entre os dous conceptos que se remexen neste subxénero é total. Nin queda cutre nin se pasa, nin predomina o son máis clásico e tradicional nin se atasca preocupantemente no sintetizador e o puro ritmo. Esta Eloise é máis rápida e máis grandilocuente e Casal trata de darlle toda a pompa e ampulosidade posibles a unha canción, en principio, máis sobria e pouco dada a fastos desta índole. E faino sen queimarse en absoluto. Consegue un equilibrio excepcional e dignifica o material de partida.

Pero vaiámonos a ese videoclip antolóxico, por favor. O convencionalismo na forma pode resultar decepcionante pero neste simulacro de actuación ante un público fantasmagórico atopamos un verdadeiro manual de horterismo deliberado para fans irredentos do exceso coma min. Pero que os hipsters non se consideren mellores que todo isto! Quen non quere ser diferente? Aquí hai de todo: as longas e enormes chaquetas de traxe de múltiples colores, o abrigo de “lentejuelas”, os guantes con garras que parecen toxos dourados, o bastón, a guitarra heavy decorada con letras e números, homes con saia e ataviados con estilismos imposibles, os candelabros, o micrófono clásico con luz, o teclista de pelo engominado e flequillo ultralongo que pon cara de virtuoso ao aporrear as teclas e cre formar parte dunha sinfónica de verdade... Barroquismo pop por todas partes! Ti dis compendio de tópicos xa superados pero eu digo xenialidade que non coñece límites!

Barry Ryan inspirou a Tino Casal e, á súa vez, este inspirou a máis xente. Aínda que antes falaba dun limbo de esquecemento no que parece estar actualmente a súa figura, é certo que hai quen o ten como referente directa ou indirectamente (eu neste segundo grupo case metería a Mónica Naranjo e o seu pelo bicolor) e, deste xeito, Eloise foi obxecto de novas re-versións. O exemplo máis representativo é o de Stravaganzza, banda de heavy cuxa Eloise segue ao pé da letra o guión indicado por Casal, sen ningunha dúbida. Pouco aporta á canción aparte dun son máis duro e marcado. Non por iso se debe deixar de citar, porque o seguinte paso sería empezar a poñernos cos karaokes dos “triunfitos”que non se atreven cos agudos de Tino ou algún escarnio pouco logrado e paso de meterme nese berenxenal e arruinar o post...


            O disfraz de Tino Casal and his band é a repanocha e supoño que o traspaso de toda a imaxinería vinculada a este artista ao ámbito festivo é a mellor forma que temos de recoñecerlle os seus logros artísticos. A falta dunha reivindicación real da súa talla como artista, pode que esta sexa a mellor homenaxe que se lle pode facer. Pero ata pensar a comparsa do ano que vén, disfrutemos deste verdadeiro temaaaaaaaaaaaaazo!


sábado, 8 de marzo de 2014

Feminismos de postín vs. "Egomet"


Xa comezou o simulacro de defensa da dignidade, liberdade e integridade feminina? Parece ser que si. Un ano máis, mulleres de todo o mundo e de toda clase, condición, raza, lingua ou ideoloxía congratulámonos por nada. Si. Por nada. Rendidas á oficialidade e á eventualidade celebrámonos como colectivo, iso si, pero esquecendo no fondo e detrás dese mero escaparate de indignación ou amor propio verbal que somos un colectivo oprimido, sometido á violencia física e simbólica, rexeitado e infravalorado, que aínda debe axeonllarse perante un mundo patriarcal cuxas concesións seguen sendo escasas. Pero tanto ten porque o noso día de reafirmación de xénero coas súas pancartas, murais e cancións reivindicativas non nolo quita ninguén! Porque supoño que debemos alegrarnos das “conquistas” obtidas sobre todo no presente ano, comezando por esa novedosa lexislación do goberno español que por fin acaba coa espiral de violencia estrutural que ata o de agora nos empurraba a delinquir e mesmo a asasinar! Bra-vó!

Creo que se nota que levo bastante mal iso dos “días internacionais de”. Un día estamos orgullosas de ser mulleres e queremos loitar ferventemente polos nosos dereitos e ao outro día queremos salvar ao loro de ventre laranxa da extinción para ao día seguinte estarmos preocupadísimos pola divulgación de enfermidades raras coma o linfedema (que, dito sexa de paso, tamén existimos). Todo isto empeza e remata aquí, a nosa esquizofrenia non coñece límites. No transcurso destas 24 horas non haberá rede social que non estea inundada de lemas, consignas e frases atribuídas a célebres precursoras do feminismo actual para que todos vexan que esa persoa tamén se acorda de que hoxe é 8 de marzo (presumindo dun nada loable coñecemento “wikipédico”). Neste día non haberá nova en calquera medio de comunicación que non lembre as ignominiosas estatísticas ás que sempre se nos vincula como colectivo, tales como o número de mulleres asasinadas, violadas, vítimas de malos tratos ou o nivel de discriminación que padecemos. Ademais de todo isto, descubriremos que hoxe, máis que nunca, a responsabilidade política é plena e total. Temos ás democracias occidentais do noso lado, que pode ir mal? Todo “servidor e servidora pública” de calquera cor política exhibirá no día de hoxe unha concienciación sincera que non impulsará a outra cousa que non sexa actuar a prol da consecución das nosas metas, en especial as políticas, que evocarán cunha admiración digna de Xudas o papel desempeñado polas activistas do pasado e louvarán o papel tan rancio que se nos asigna nun mundo e nunha sociedade que aínda son de homes. Todo forma parte do gran fasto desta ilusión teatral chamada “día internacional da muller traballadora” que se apagará de socato coma unha vela á que sopramos en canto academos a medianoite do 9 de marzo.

Antes de seguir, confeso que pequei, pois eu tamén estou aproveitando dun xeito oportunista esta data e asúmoa como treito temporal idóneo para poñer de manifesto o meu cabreo. Mais, que o meu pecado non me escuse no presente pero si no futuro, pois eu aspiro á destrución de días coma este, destes pobres recordatorios de causas dadas por imposibles que non deixan de ser unha metamorfose máis do dominio mediático que tan fortemente nos inflúe e do propio poder establecido, que se asimilan ao efémero clima de reivindicación e protesta coma lobos que camiñan entre cordeiros e que nos ditarán tacitamente o esquecemento de calquera demanda que exceda a xa tremenda xenerosidade do paternalismo patriarcal para coas mulleres. Isto non é máis que “postureo”, mías senhores. Falsidade e Hipocrisía (así, con maiúsculas e divinizadas) son os dous principios que rexerán a oratoria do presente día, dous principios nos que caeremos moitos de nós, pois non hai frivolidade máis grande que os “días internacionais de”.


En serio hoxe honramos a memoria das Olimpe de Gouges, Mary Wollstonecraft ou Simone de Beauvoir? De verdade nos identificamos co ideario revolucionario de figuras de gran calado para a causa feminista como estas e sentamos os alicerces do noso estado contemporáneo nalgunhas das súas teses? Superamos todo isto? Pois claro que non. Botamos por terra cada un dos seus logros intelectuais e materiais, non hai máis que ver o que pasa ao noso redor. Pois seguramente algunha de nós terá oído (e seguirá oíndo) algunha vez proclamas de resignación e derrotismo por parte dalgunha muller, a saber, “o meu mozo ten celos e pégame porque me quere e a culpa é miña”, “o traballo máis importante é o do home” ou “eu non me considero feminista, os radicalismos non me gustan”. Que esperamos? Que nos regalen as cousas? Que un día aos homes se lles ilumine a cachola e decidan que xa está ben de tanto abuso? E, aparte disto, que pretendemos se logramos librarnos do despotismo machista? Subvertir os roles sen máis e facer o mesmo que fixeron eles durante miles e miles de anos inaugurando unha nova e infame dicotomía de xénero? Eu xa coñezo mulleres (moi) empoderadas e, francamente, non che me gustan moito. Négome a que os meus referentes sexan Soraya Sáenz de Santamaría, Dolores de Cospedal, Esperanza Aguirre, Margaret Thatcher ou Isabel a Católica, por dar uns poucos nomes, e seguramente tamén algunha de nós tivo ocasión de oír que estas son mulleres dignas de admirar porque son as que “cortan o bacalao”. Diso nada, todas esas mulleres simplemente viron a ocasión de facerse cun rol hexemónico acatando as mesmas regras que determinan a dinámica do poder masculino. Encima, esixíndoselles, como non, o dobre para demostrar que merecen estar aí, simplemente polo atributo vaxinal.

Hoxe é un día triste e de resignación. Sí, resignámonos. Resignámonos a que só temos un día ao ano para poder berrar aos catro ventos que nos gusta ser mulleres (como se do slogan dun anuncio de compresas se tratara), resignámonos a disfrutar deste carameliño chamado 8 de marzo que as altas esferas nos dan para falar sen medo durante un único día ao ano para despois obeceder ao mandato implícito de que caladas estamos máis guapas. Tardaremos un ano en ver a mesma efervescencia de compromiso e unidade como colectivo, o cal dá conta da nosa falta real de compromiso e da nosa evidente desunión.

Mulleres de todo o mundo, non celebredes este día. Non vos felicitedes. Ignorade esta “festa” da feminidade e facede que todos os días sexan dignos das vosas reclamacións. Se a miña influencia puidese exceder a modestia destas pobres liñas diríavos que abrirades as ventás, vos asomarades a elas e berrarades “estou máis que farta e non quero seguir soportándoo”, pero nin presento un noticiario de máxima audiencia nin protagonizo unha oscarizada película de hollywood para que isto se faga real. Se por fin as mulleres logramos liberarnos destas cadeas que nos reteñen, da publicidade que nos denigra, da política e das ensinanzas que nos adoutrinan no machismo e no repugnante falocentrismo e da nosa propia condescendencia cara estes tópicos e feitos, debemos continuar e loitar por un mundo diferente, non por asentarnos nunha vendetta que non leva a ningures, só a repetir erros do pasado. Soñamos coa igualdade e a xustiza para nós e para todos os seres humanos? Por que non pode ser posible? Non vos acomodedes neste día, mañá volvede inundar as vosas redes sociais con manifestos e sentencias, volvede cantar Respect co mesmo aplomo e volvede berrar ata a afonía total que estamos ata a cona! Non deixemos que a oficialidade nos encorsete e nos cale durante 364 días máis!


E, boeno, como Pasionaria eu non teño moito futuro (xa se viu), estou cabreada e que pode facer a miña humilde persoa soa por todas nós? Pouco, supoño. Iso sí, a deus poño por testemuña que nunca máis volverei usar este día para manifestarme. Hai moito que facer e non se conseguirá nun único día de autofelación (perdón, auto-cunnilingus!) que non é máis que unha fachada que se derrubará mañá mesmo.